Domingo, 25 Maio de 2025

O Entroido do Porriño quenta motores

O Concello do Porriño prepara xa o Entroido 2023 e vén de publicar as bases nos desfiles de comparsas que se celebrarán o sábado 18 de febreiro e martes 21 de febreiro.

A participación está aberta a todas aquelas comparsas constituídas como asociacións ou clubes sen ánimo de lucro que teñan un mínimo de 10 compoñentes. A inscrición abre o 30 de xaneiro ata o 10 de febreiro, ambos incluídos, e debe formalizarse no Rexistro Xeral do Concello.

Tal e como recollen as bases haberá dúas modalidades, infantil (ata 12 anos) e adultos (a partir de 13 anos).

Este ano os grupos optarán a premios de ata 1.200 euros, dependendo do número de compoñentes da comparsa (300 euros de 10 a 19 compoñentes, 550 euros de 20 a 39 compoñentes, 850 euros de 40 a 55 compoñentes, 1.000 euros de 56 a 85 compoñentes 1200 para as de máis de 85 compoñentes). O importe máximo que se establece é de 13.950 euros polo que os premios se repartirán ata acadar esta cifra seguindo rigorosamente a orde de inscrición.

As bases poden consultarse na seguinte ligazón:  https://oporrino.org/documentos/bases-entroido-2023/

Impreso de solicitude: https://oporrino.org/documentos/inscricion-desfiles-comparsas/

Modelo de declaración responsable: https://oporrino.org/documentos/declaracion-responsable-entroido/

II Concurso Escolar de Carteis do Entroido

Os nenos e nenas serán de novo os encargados de deseñar o cartel e dar o pregón do Entroido porriñés. Dende a Concellería de Educación e Normalización Lingüística convócase o II Concurso Escolar de Carteis do Entroido no que se buscan as mellores ilustracións para promover estas festas no Porriño.

Neste concurso, elaborado de forma conxunta polos servizos municipais da OMIX e Normalización Lingüística, poderá participar todo o alumnado dos centros educativos do Porriño, con idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos. Nesta edición establécense 3 categorías  (de 6 a 8 anos; de 9 a 12 anos e de 13 a 16 anos) para as que haberá 1º, 2º e 3º premio en cada unha delas, 9 persoas premiadas en total que recibirán un lote de material escolar. Ademais, de entre todos os carteis premiados escollerase un que será a imaxe do Entroido do Concello do Porriño 2023 e a persoa creadora do cartel dará o pregón do Entroido 2023.

Un ano máis , o Concello pretende, a través deste concurso, implicar á cidadanía máis nova na organización da súa axenda cultural; así como promover e dinamizar a lingua e cultura galegas valéndose dunha festividade tan vencellada á nosa tradición cultural. Os carteis do Entroido serán expostos no Centro Cultural Municipal e mais nas redes sociais do Concello.

Dende a OMIX e o Servizo de Normalización Lingüística animan a participar a toda a comunidade escolar para formar parte da imaxe do Concello do Porriño nestas datas festivas.

Pódense consultar as bases do concurso na seguinte ligazón: https://oporrino.org/documentos/bases-ii-concurs…-cartel-entroido/

Ponteareas inicia a recollida selectiva de materia orgánica no centro urbano

Ponteareas vén de poñer en marcha unha das iniciativas medioambientais de maior calado en materia de xestión de residuos. Baixo a denominación “Ti tes a chave”, a Concellaría de Medio Ambiente, que dirixe Rosa Covelo, implementou o proxecto piloto de recollida selectiva da materia orgánica, mediante a colocación dun novo colector de cor marrón. Este proxecto únese ao iniciado xa no rural nos últimos dous anos, nas parroquias de Arcos e Fontenla, onde máis de 100 vivendas veñen xestionando a materia orgánica mediante composteiros individuais. Agora, coa posta en marcha na vila deste servizo, o salto cuantitativo será moi salientábel, xa que permitirá a máis de 1.300 vivendas e familias, separar os residuos orgánico e depositalos nos 20 novos colectores marróns distribuídos por todo o centro urbano, nunha iniciativa que é pioneira en toda a comarca.

O inicio efectivo do servizo producirase o vindeiro 1 de febreiro. Previamente, as persoas interesadas en facer uso del deberán adherirse a través da páxina web do Concello, do correo electrónico [email protected] ou chamando ao teléfono 986 64 00 00. As persoas inscritas recibirán de mans do persoal do Concello todo o material preciso, que consiste nun cubo aireado e en bolsas compostábeis para depositar neles a materia orgánica no fogar e nunha chave electrónica que permite a apertura dos colectores.

Para informar e implicar á poboación neste avance trascendental para Ponteareas na xestión dos seus residuos, o Concello instalará nas vindeiras semanas diferentes carpas itinerantes en rúas e prazas nas que a veciñanza tamén se poderá inscribir e recoller o material necesario.

O proxecto piloto está financiado polos fondos europeos NextGenerationEU ao 100% cun importe superior aos 50.000 euros. A recollida dos residuos do colector marrón será responsabilidade da actual concesionaria da recollida de lixo, FCC, e a materia orgánica será transportada e convertida en compost ou abono orgánico de calidade nas instalacións da empresa ponteareán Ecocelta. Até agora ese biorresiduo transportábase a SOGAMA para a súa incineración por un custo superior.

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, afirmou que a posta en marcha deste servizo “é un feito histórico que marca un antes e un despois na xestión dos residuos. Tratábase dunha materia pendente en Ponteareas e no resto do país, que agora nos equipara cos países da nosa contorna europea na xestión ambientalmente correcta dos residuos”. Rosa Covelo, pola súa banda, salientou as vantaxes do cambio de modelo: “convertemos ese residuo orgánico nun produto de valor e útil como é o abono orgánico, evitamos a súa incineración e contaminación atmosférica en SOGAMA contribuíndo a frear o cambio climático, logramos un aforro económico e apoiamos a economía local”. A concelleira de Medio Ambiente animou á veciñanza a inscribirse no proxecto “para seguir convertendo Ponteareas nun Concello exemplar na loita contra a emerxencia climática”.

Mos segue a apostar polo saneamento e acometerá o servizo na Coutada en Louredo

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, informaron de que desde o Concello séguese a apostar por ampliar a rede de saneamento no municipio ata chegar ao saneamento integral, e séguense a investir fondos propios a tal fin, a pesares de non ser competencia municipal.

Deste xeito, anunciaron que aprobouse en Xunta de Goberno Local o inicio do expediente de contratación da obra de instalación da rede de saneamento no Camiño da Coutada, na parroquia de Louredo, que conta cun orzamento base de licitación que ascende a 109.968,55 euros.

O proxecto inclúe as obras necesarias para realizar o “saneamento no Camiño da Coutada-parroquia de Louredo”, nas zonas indicadas e necesarias para completar ditas redes e permitir que dito servizo de saneamento dea servizo á maxima extensión do concello. As obras consisten na canalización das diferentes tubarías de PVC destinadas á rede de saneamento incluíndo todas as operacións complementarias: excavacións, pozos, reposicións….

As obras consisten na ampliación e mellora da rede de saneamento na parroquia de Louredo, co fin de chegar a todos aqueles lugares e vivendas do concello de Mos, que aínda carecen deste servizo. Levarase a cabo a execución de 807,04 ml de saneamento no Camiño da Coutada. Instalarase un colector de PVC de Ø315 para dotar de saneamento ás 12 vivendas situadas nas marxes das zonas incluídas no proxecto e que actualmente carecen del.

O prazo de execución que se estima para a execucións das obra é de tres meses, incluíndo o estudo e preparación das mesmas. 

Reconstruida a porta Norte do poboado de Santa Trega na Guarda

0

A empresa Terra Arqueos rematou os traballos arqueolóxicos realizados dende decembro na entrada norte da vila de Sta. Trega, que se traduciron na reconstrución da devandita zona.

“Son os primeiros traballos nos que se realiza a reconstrución completa da porta dunha vila castrexa. A partir de agora o visitante ten unha imaxe moi aproximada de como era o acceso aos castros na Idade do Ferro”, explica Brais X. Currás, investigador do Instituto de Historia do CSIC.

A porta foi escavada entre os anos 1910 e 1920 pola Sociedade Pro Monte guardesa co asesoramento do arqueólogo Ignacio Calvo. Anos máis tarde, Cayetano de Mergelina gravou esas obras planimétricamente.

A importancia dos traballos realizados na porta radica en que, por primeira vez, o visitante ten unha imaxe moi aproximada de como era o acceso aos castros na Idade do Ferro.

A actuación correu a cargo da compañía Terra Arqueos baixo a dirección de Miguel Ángel López Marcos, un restaurador de gran prestixio con ampla experiencia neste tipo de actuacións. Forma parte do proxecto Trega 2020+5, que se basea na colaboración entre o grupo de investigación Estrutura Social e Territorio – Arqueoloxía da Paisaxe (EST-AP) do Instituto de Historia do CSIC e o Concello da Guarda, e ten como obxectivo desenvolver o potencial patrimonial, social, cultural e científico do Castro do Trega mediante unha actuación integral.

Este proxecto desenvólvese arredor de tres eixos: recuperar e consolidar os sectores do castro escavados entre 1910 e 1930; manter de forma sostible no tempo o conxunto de estruturas escavadas e expostas ao público; e investigar e afondar no coñecemento arqueolóxico do Trega co fin de crear novos contidos para a difusión e a posta en valor do patrimonio.

O proxecto foi impulsado polo Concello da Guarda, e contou co apoio económico do Padroado do Monte Trega e coa colaboración das Comunidades de Montes da Guarda e Camposancos. Esta primeira campaña conta cun financiamento de 23.691 € aportado exclusivamente por Padroado.

“Esta actuación contribuirá á posta en valor patrimonial do castro de Santa Trega como parte dunha estratexia que aposta pola posta en valor do seu valor como recurso cultural e turístico, e tamén pola súa relevancia científica no estudo das sociedades castrexas”, destaca Antonio Lomba, alcalde do Concello da Guarda.

Ponteareas avanza na concesión do servizo de abastecemento de auga, saneamento e depuración

O Goberno municipal do BNG-PSOE continua avanzando nos trámites para licitar a concesión do servizo de abastecemento de auga, saneamento e depuración. O executivo local prevé aprobar no pleno do vindeiro 31 de xaneiro o anteproxecto de explotación, que inclúe como obriga para a próxima concesionaria a realización de numerosas e importantes obras de abastecemento de auga, saneamento e depuración en diferentes parroquias por un importe mínimo de 1.671.000 millóns de euros e até dun máximo de 9.300.000 euros, en función das ofertas que presenten as empresas interesadas. A concesión do servizo será por un período de 20 anos e a empresa concesionaria deberá abonar un canon total nese período de máis de 1.300.000 euros.

Ademais dos investimentos que a concesionaria terá que realizar en obras públicas, o servizo incluirá a xestión do saneamento e do baleirado de fosas sépticas, xa que até agora a concesionaria unicamente se ocupaba do abastecemento e da xestión da depuradora da Moscadeira.

Antecedentes

A anterior adxudicación deste servizo realizouse no ano 1989 á empresa Aquagest, actualmente Viaqua, e en 1998 ampliouse o prazo até 2020, é dicir, un total de 31 anos.  Ademais, en 2012, o goberno presidido por González Solla ampliou a concesión á xestión da Estación de Tratamento de Auga Potábel directamente sen licitación, o que deu lugar en 2014 a investigacións policiais e xudiciais, coñecidas como Patos e Pokemon, por presuntas irregularidades atribuídas ao alcalde González Solla e á concelleira Belén Villar, ao constatar a entrega de agasallos por parte da concesionaria. A investigación foi finalmente arquivada.

Esa investigación provocou o retraso nesta nova licitación xa que a xustiza, no marco de ditas operacións, incautouse no Concello de Ponteareas, a través da Policía Xudicial, de toda a documentación relativa á concesión que foi devolta recentemente polo Xulgado, posibilitando así a tramitación da nova concesión.

Valoración

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, salientou que “o modelo que imos implantar supón un avance crucial en beneficio do interese xeral de Ponteareas. A diferenza da anterior concesión, da que non se obtiña ningunha mellora nin vantaxe para a veciñanza, a empresa que agora xestione o servizo terá que realizar cun custo cero para o Concello numerosas obras de abastecemento de auga, saneamento e depuración no noso rural, que poden chegar a acadar case 10 millóns de euros. Ademais, fronte aos 31 anos da anterior concesión esta limítase a 20 e inclúe tamén a xestión da rede de saneamento e o baleirado de fosas sépticas. E todo o proceso faise coa máxima transparencia”.

Unha vez aprobado o anteproxecto exporase ao público e tras resolver as alegacións que se poidan presentar, o Concello licitará o servizo.

O AECT Rio Minho contribuirá a crear un novo programa europeo

O AECT Rio Minho contribuirá a crear un novo programa europeo que repartirá fondos para mellorar a gobernanza transfronteiriza e buscará dispoñer dun instrumento de cogobernanza propio do territorio miñoto con competencias reais e poder de decisión para desenvolver políticas e actuacións que melloren a vida da veciñanza da raia.

Así o anunciou hoxe o director do agrupamento e deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez tras a súa reunión en Bruxelas na primeira reunión de traballo do proxecto piloto da Comisión Europea e a OCDE ‘Building More Resilient Cross-border Regions’ na que están involucradas outras catro rexións transfronteirizas en Europa.

O deputado destacou que o obxectivo do proxecto piloto que comezou hoxe é analizar a situación actual das rexións transfronteirizas para saber onde se deben investir os cartos europeos dese programa de nova creación similar ao Interreg, que a día de hoxe manexa 379 millóns de euros para axudar aos gobernos a solucionar problemas de desenvolvemento rexional.

O novo programa específico con fondos para mellorar a gobernanza multinivel quérese poñer en marcha logo de que a Unión Europea detectase graves problemas e afeccións sufridos polos territorios de fronteira ante a pandemia da COVID-19, agravados pola falta de cogobernanza e as diferentes políticas impulsadas polos diferentes gobernos (Portugal e España, no caso do Miño) a diferentes niveis –política fiscal, sanidade, transporte, educación, emprego…-.

Segundo subliñou Benítez, o AECT Rio Minho foi seleccionado para participar no proxecto piloto que contribuirá a sentar as bases dese programa pola súa importante actividade durante a pandemia, así como pola boa imaxe e o traballo amosado en diferentes webinars e sesións de traballo organizadas dende a Unión Europea nos últimos meses.

O obxectivo final e o desafío para o AECT Rio Minho coa participación no proxecto, destacou o director, é a creación dun instrumento ou entidade de cogobernanza propio do territorio miñoto que teña competencias delegadas dos estados centrais para poder actuar e resolver problemas reais na práctica. Neste sentido, Benítez destacou que agora mesmo o AECT traballa en poñer de acordo ás institucións que teñen potestade para gobernar, que están duplicadas nos dous países e sen apenas coordinación a pesares de que o territorio do río caracterízase por ter características comúns. “O río é un fenómeno natural e xeográfico máis antigo que as fronteiras e hai que derrubar os problemas administrativos que impiden valorizalo”, salientou.

En concreto, Benítez apuntou a necesidade de xestionar os valores naturais do río Miño de maneira conxunta para aproveitar os seus valores e potencialidades. Tamén subliñou a necesidade de regular a cidadanía transfronteiriza para que non se volvan producir os problemas derivados dos peches de fronteiras que se sufriron durante a pandemia.

A reunión mantida na mañá de hoxe en Bruxelas serviu para establecer un calendario de traballo. Primeiramente os territorios participantes, neste caso o do Río Miño, terá que remitir á equipa de traballo da CE e a OCDE información básica sobre as súas características; un segundo paso será a realización de inquéritos na sociedade tanto a nivel público como privado; seguirán varias visitas ao territorio; novos encontros conxuntos, e a celebración dun foro final de conclusións.

As outras catro rexións piloto escollidas pola CE xunto ao territorio miñoto son lugares situados entre Bélxica e Francia -por medio da Eurometropolis Lille-Kortrijk-Tournai (GECT)-; Francia e Luxemburgo a través do GECT Alzette Belval & Pôle Métropolitain Frontalier du Nord Lorrain & PROL-SUD; Lituania e Polonia, a través da Asociación “Eurorrexión Niemen” e Municipio da cidade de Alytus; e  Andorra, Francia e España a través da Comunidade de Traballo dos Pireneos (CTP).

O comedor social de “Porremprego Cualifica” abre as súas portas

A especialidade de Cociña de “Porremprego Cualifica” pretende axudar a aquelas persoas e familias do Porriño que se atopan nunha situación de vulnerabilidade e a tal fin púxose en marcha un comedor social nas instalacións do multiusos con capacidade para 25 comensais que onte iniciou a súa actividade.

No marco da súa formación os alumnos traballadores prepararán menús para distribuír entre as persoas usuarias seleccionadas polos servizos sociais municipais cada martes e xoves. Se ben se plantexou inicialmente que os menús se serviran nas instalacións do multiusos, tras tratalo coas persoas usuarias acordouse preparalos para levar e disfrutalos en casa.

O menú de onte incluía primeiro e segundo prato e postre e estaba composto por crema de cabaza, carne ao caldeiro e mazás asadas con natillas.

“A implicación dos/as participantes no obradoiro de emprego permite axudar a moitas persoas que pasan un mal momento”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Ademais puiden comprobar a ilusión e solidariedade coas que o fan, tendendo a man a quenes o necesitan”.

O Rosal, concello pioneiro da Rede Ágora

0

O Concello do Rosal segue adaptando as súas rúas e prazas aos novos modelos de mobilidade, no que as persoas son a prioridade. Neste camiño, o Goberno municipal aprobará este xoves 26 en pleno a nova ordenanza reguladora da mobilidade amable e de espazos públicos, converténdose no primeiro municipio da Rede Ágora en aprobar unha normativa que “non regula unicamente o tráfico dos vehículos de motor, senón que toma como referencia o dereito das persoas ao espazo público e marca un novo esquema de prioridades no seu uso, no que a marcha a pé ocupa o primeiro lugar”, segundo explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A aprobación desta normativa supón un paso máis do Concello rosaleiro no seu compromiso con levar a cabo políticas de recuperación dos espazos públicos e fomentar as mobilidades alternativas no municipio, incrementando o espazo reservado para as persoas e para os itinerarios peonís e ciclables. “Esta ordenanza, que fai súa a filosofía da Rede Ágora, é a ferramenta que precisamos para acadar todos estes obxectivos”, recalca a rexedora.

Esta nova ordenanza inclúe importantes novidades, como a definición do que é un peón ou peoa máis alá da condición de viandante; diferencia entre mobilidade peonil, mecanizada e motorizada; establece a prioridade dos usos peonís nos espazos públicos ou prohibe expresamente os comportamentos que busquen expulsar ás e aos peóns destes espazos de preferencia peonil, entre outros.

Deste xeito, este regulamento recolle os principios básicos da Rede Ágora, como son que o espazo público é un dereito, ao mesmo nivel que a sanidade ou a educación; que as persoas son a prioridade, antepoñendo a mobilidade peonil a outros modos de transporte; que se fomente a mobilidade inclusiva e a autonomía infantil, promovendo por exemplo a creación de camiños escolares seguros; dar prioridade ás mobilidades alternativas e á seguridade viaria creando espazos seguros coa posta en marcha de políticas de calmado do tráfico; fomentar un hábitat saudable, crear espazos amables e de calidade; potenciar a actividade económica de proximidade e fomentar a mobilidade sostible, especialmente ante a actual crise climática.

O Concello celebrará esta primeira sesión plenaria do ano este xoves 26 a partir das 20.30 horas no salón de plenos da Casa Consistorial.

“Mulleres en Acción. Violencia Zero” nas Neves

0

A Deputación de Pontevedra continúa a espallar o programa “Mulleres en Acción. Violencia Zero” por toda a provincia para concienciar desde a arte contra as violencias machistas. Hoxe recalou no concello das Neves cunha acción titulada “O lugar da fenda”, protagonizada pola ceramista Verónica Moar e a bailarina e coreógrafa Rut Balbís. A Casa da Xuventude da vila contou coa asistencia e participación dun grupo de alumnos e alumnas do IES Pazo da Mercé, así como da deputada de Igualdade, Victoria Alonso, e as concelleiras de Cultura e Ensino de As Neves, Rocío Barreiro e Pilar González. Nesta edición recupérase a precursoras do programa, artistas que estes anos fixeron emerxer, crecer Violencia Zero e xerar alianzas entre elas ou con novas colaboradoras, ideando xuntas pezas inéditas. A bailarina e coreógrafa Rut Balbís xa participara na edición 2020-2021 e agora faino en colaboración coa ceramista e creadora Verónica Moar.

“O lugar da fenda” é un diálogo performativo entre as protagonistas. Neste encontro único as dúas creadoras conversan desde os seus universos particulares, a cerámica e a danza, para crear unha atmósfera onde ambas se senten cómodas. O público en As Neves asistiu a un diálogo entre os materiais e os corpos, entre o contido e o contexto, desde o silencio e o íntimo. O obxectivo das artistas era propiciar que o alumnado do IES Pazo da Mercé se relacionase co mundo da danza e a cerámica dun xeito directo. Na representación empregáronse pezas de porcelana en diferentes estados para crear unha paisaxe emocional e reflexionar conxuntamente sobre conceptos como vulnerabilidade, fractura, silencio, dor e resiliencia.

O programa provincial, que xa pasou por Pontevedra, Vigo, Barro e As Neves, continuará este ano nos concellos de Arbo, Cangas, Ponte Caldelas, A Cañiza, O Grove, Nigrán, Gondomar, Mos, Oia, Baiona, O Rosal, Cambados, Marín, Tui, Poio, A Lama, Silleda, Vilagarcía, Caldas, Forcarei e Ribadumia.

Ponteareas promove a contratación de 25 persoas a través do Plan Concellos 2023

O Concello de Ponteareas incorporará este ano ao seu persoal a 25 traballadores desempregados ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, dentro da liña 3 para a activación do emprego. Como sinala a alcaldesa, Cristina Fernández, con esta medida “dende o Goberno municipal do BNG-PSOE seguimos dando prioridade á creación de emprego con novas incorporacións que suporán unha oportunidade laboral a veciños e veciñas na procura de emprego e que permitirán reforzar e mellorar servizos básicos municipais que precisan máis persoal ou nos que se realizan traballos estacionais. Nos últimos catro anos, máis de 120 ponteareás e ponteareáns puideron aproveitar estas oportunidades”.

A través deste plan de contratación cubriranse ata 10 categorías diferentes con traballadores e traballadoras a xornada completa e contratos de entre 4 e 9 meses de duración, dependendo das necesidades de cada departamento. Deste xeito prevese a incorporación de:

  • 10 peóns de medio ambiente (4 con contrato de 9 meses e 6 de seis meses)
  • Tres oficiais 3ª de servizos varios (dous con contratos cunha duración de seis meses e outro de catro)
  • Un auxiliar de clínica (9 meses)
  • Dous persoas como auxiliar administrativo (6 meses)
  • Un limpador ou limpadora (6 meses)
  • Dúas persoas como monitoras de ocio e tempo libre (6 meses)
  • Un técnico ou técnica en obra pública (6 meses)
  • Dous peóns de Vías e Obras (6 meses)
  • Un oficial 3ª en fontanaría (6 meses)
  • Dous oficiais 3ª en albanelaría (6 meses)

Con estas contratacións o Goberno municipal do BNG-PSOE ponteareán axudará ás e aos novos traballadores a desenvolver diferentes habilidades para o emprego e a adquirir experiencia de cara á súa inserción laboral.  “Impulsamos a creación de oportunidades laborais entre persoas que en moitas ocasións xa levaban tempo na procura dun traballo”,  destaca a concelleira de Formación e Emprego, Vanesa Fernández, que explica que “as persoas contratadas a través do Plan Concellos formarán parte do equipo diario de traballo de diferentes áreas, mellorando o servizo ofrecido á veciñanza”.

O Servizo Público de Emprego de Galicia será o encargado de realizar a primeira selección dos e das aspirantes. Na selección terán preferencia as persoas vítimas de violencia de xénero, maiores de 45 anos, persoas que acrediten unha discapacidade superior ao 33 % sempre que permita realizar as funcións de cada un dos postos, familias monoparentais con fillos ao seu cargo ou persoas con niveis de renda baixa e con cargas familiares.

O Museo de Pontevedra, “unha auténtica xoia”

Os distintivos ‘Q’ de calidade e o ‘S’ de sustentabilidade turística acadados polo Museo de Pontevedra xa están en Pontevedra e foron o centro dunha celebración conxunta que compartiron representantes da propia institución, da Deputación, do Concello capitalino e da cidadanía nun acto que puxo de relevo que o Museo “é unha auténtica xoia” que debe ser aínda máis coñecida polo gran público.

O evento, dirixido pola xornalista Susana Pedreira e coa ambientación musical do dúo Mallou, tivo a participación da presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, o director do Museo Xosé Manuel Rey, xunto ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, que coincidiron ao destacar a categoría do Museo como o de máis interese de todo o país e un dos máis relevantes a nivel estatal.

Estiveron presentes integrantes do Consello asesor do Museo como Lola Dopico ou Kin Martínez, as deputadas Ana Laura Iglesias, Gregorio Agís e Pepa Pardo da Corporación Provincial, así como integrantes da Corporación municipal como Eva Vilaverde, Carmen Fouces, Carme da Silva, Xaquín Moreda, ou Demetrio Gomez (BNG), Silvia Junco e Martín Martínez (PP) e Agustín Fernández (PSOE).

Tamén tomaron parte do evento representantes das tres entidades que obtiveron outras distincións da ‘Q’ de calidade na cidade: Xosé Cannas por Ultramar, Iñaki Bretal por Eirado da Leña, e Meritxell Marcos, directora do Parador, que salientaron o grande estímulo que supón ser recoñecido por calidade a nivel estatal e a relevancia que supón convivir co Museo nunha cidade coas características de Pontevedra.

O vicepresidente Mosquera, como responsable político da institución museística, destacou que os distintivos do ICTE son o recoñecemento a un saber facer “que xa se coñece de maneira interna”, pero que é preciso aproveitar e potenciar dándolle tamén a “máxima trascendencia” no exterior. Neste sentido, lembrou unha vez máis que o Museo é a única entidade do seu ámbito en todo o estado que ten o ‘Q’ e o ‘S’, mentres que pinacotecas como o Thyssen ou o Guggenheim ou o arqueolóxico de Alicante só teñen o primeiro galardón. “Por comparar, non teñen ningún dos distintivos o Prado nin o Reina Sofía”, destacou.

“O Museo de Pontevedra –gabouse o nacionalista- é o mellor museo de toda Galicia a anos luz dos demais tanto por fondos como por funcionamento e calidade. É unha auténtica xoia”. Lembrou, neste sentido, que houbo un erro histórico cando na época de Fraga se apostou por construír a Cidade da Cultura: “O museo nacional de Galiza xa estaba en Pontevedra”, sentenzou.

Na mesma liña seguiu o director do Museo, Xosé Manuel Rey, quen destacou que os recoñecementos do ICTE son froito de anos de traballo e moita xente, non “flor dun día”. Fixo un agradecemento expreso á persoa responsable de Avaliación e Calidade por ser a artífice dos recoñecementos, e salientou que “supoñen diferenciarse nun mundo tan competitivo como é o dos museos”. “É moi interesante porque serven para identificar puntos fortes e débiles e marcar unha folla de ruta. A partir de aquí iremos medrando cara o futuro”, dixo.

O alcalde de Pontevedra, Fernández Lores, salientou dous conceptos sobre o Museo: a súa importancia para a cidade e a súa excelencia. Neste sentido, lembrou que dende a súa fundación sempre foi valorado e sempre estivo do lado da cidade e contou co apoio de todos os sectores sociais. En canto á excelencia subliñou que se trata dun referente dentro dunha cidade referente que está á vangarda arquitectónica, de programación e pola súa capacidade de fusión coa cidade.

© Rafa Estévez

Experiencias turísticas únicas

Pola súa banda, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, asegurou que “temos unha firme aposta pola calidade do destino Rías Baixas o que nos tiña convertido xa en líderes en Galicia en canto a oficinas de turismo galardoadas coa Q de calidade. Agora, co distintivo Q que vén de conseguir o Museo de Pontevedra,  e S de sustentabilidade, damos un salto máis, un paso cara adiante que recompensa o esforzo, compromiso e dedicación do persoal implicado na prestación dun servizo orientado ás e aos visitantes que aposta pola mellora continua e o respecto á contorna natural”.

Ademais de poñer o aceno no esforzo realizado polas persoas traballadoras, a presidenta provincial destacou que a “Q” de calidade e a “S” de sustentabilidade é tamén “unha garantía cara aquelas e aqueles que nos visitan, que saben que a provincia é sinónimo de confianza, de seguridade, de compromiso, ter feito moi ben as cousas e de profesionalidade en canto á prestación de servizos orientados a construír experiencias turísticas únicas”.

Sara Bugallo, unha estudante exemplar

0

Onte celebrouse, no multiusos das Pozas, a recepción a Sara Bugallo Vila, de 16 anos e estudante de 1º de Bacharelato no IES de Mos, polo premio autonómico obtido polo seu expediente académico da ESO. Sara é veciña de Louredo, membro de unha familia de 4 irmás, e filla de Emma Vila, unha das enfermeiras do Centro de Saúde de Mos e membro da Mesa Local da Saúde. No acto homenaxe celebrado hoxe Sara estivo acompañada, ademáis de pola súa familia, pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, a concelleira mosense de Política Social e Igualdade, Sara Cebreiro, a edil de Educación, Julia Loureiro, e demais mebros da Corporación Municipal.

A Xunta de Galicia galardoou a un total de 20 estudantes de Educación Secundaria Obrigatoria, ESO, polos seus esforzo e superación persoais. Unha desta vintena de persoas premiadas en toda Galicia é a estudante mosense, Sara Bugallo, EXEMPLO DE ESFORZO E SUPERACIÓN.

Sara naceu prematura, xunto cunha irmá melliza que non sufriu ningún problema, cunha parálise cerebral permanente de nacemento. O mérito de Sara é enorme e o seu esforzo titánico, pois cursou toda a Educación Primaria no CEIP Mestre Martínez Alonso de Castro Mos e a ESO no Colexio Lar sen ningún tipo de adaptación curricular, a pesar da maior dificultade que para ela supoñen tarefas como a escritura, na que é máis lenta, ou os exames orais. Sen embargo Sara compensa os hándicaps coas súas fascinantes habilidades, como a súa gran capacidade de memorización e retención. A súa nai Emma, asegura que “o seu punto forte é a memoria, e na casa, cando non sabemos algún dato ou non lembramos algo, sempre llo preguntamos a ela. É incrible a cantidade de datos que recorda”.

A asignatura preferida de Sara é Historia, polo que o seu soño e a súa meta é ser profesora desta asignatura. Ademais dos estudos, Sara tamén dedica tempo ás súas afeccións. É afeccionada ao fútbol e seguidora do Real Madrid, equipo polo que sinte unha especial paixón. O seu xogador favorito é Federico Valverde. Por suposto, e como non podía ser doutro xeito, Sara sábese de memoria cada dato, cada detalle, da historia e da traxectoria do clube e do seu futbolista predilectos.

A Guarda inaugura este sábado o pavillón da Sangriña

0

O Concello da Guarda realiza, este vindeiro sábado día 28 de xaneiro ás 19:00 h, a inauguración oficial das obras de reforma e ampliación realizadas no pavillón deportivo municipal da Sangriña, nun acto especial que estará dirixido pola comunicadora guardesa Beti Rey.

Dende o Concello da Guarda convídase a toda a cidadanía a participar nesta inauguración, que contará con varias actuacións, da Escola de Danza Attitude e da Escola de Danza Dansá, e, por primeira vez na Guarda, contarase coa compañía de performances de Pablo Méndez.

O proxecto da Reforma e Ampliación do Pavillón da Sangriña tivo un custe duns 1.870.000 €. Esta obra permitiu modernizar todas as instalacións, que contemplan: unha nova fachada, unha nova cuberta, unha nova grada de fondo, a creación dunha planta superior para a circulación de espectadores e acceso seguro ás gradas, unha zona de espectadores en cadeiras de rodas nesa planta superior, un ascensor, a renovación dos vestiarios: catro vestiarios xerais, un vestiario accesible, un vestiario para árbitros; dous núcleos xerais de aseos, tres aseos accesibles, un espazo de enfermería, un espazo para control antidopaxe, unha area de prensa, novas zonas de paso inferiores e almacéns, etc. Ademais inclúese unha importante mellora na accesibilidade, na seguridade e na eficiencia enerxética do edificio. Tamén se aumenta o aforo nun 48%, ata 700 persoas sentadas.

Non cabe dúbida que o pavillón da Sangriña precisaba desta reforma, a execución desta obra representa unha gran oportunidade para A Guarda e un gran paso na mellora das súas infraestruturas deportivas.

A Cañiza subvenciona aos clubes e asociacións culturais e deportivos

0

O Concello da Cañiza subvencionou, con un total de 14.030 euros, ás asociacións culturais e clubes deportivos do Municipio que o solicitaron, e que presentaron toda a documentación ao abeiro da ordenanza que regula a concesión de axudas destinadas ao fomento de actividades culturais e deportivas.

Un total de 13 entidades da Cañiza que, segundo manifestou o alcalde, “son unha parte fundamental do noso entramado social porque a posta en marcha das súas actividades melloran a convivencia, contribúen ao desenvolvemento social e inclusivo de todos os nosos veciños, e no caso dos clubes deportivos, fomentan a práctica de distintas disciplinas, aproveitando o tempo libre e impulsando programas de interese para todos”.

Ademais destas axudas, dende o Concello colaboran con todas estas entidades para que poidan desenvolver gratuitamente as súas actividades nos centros e instalacións municipais sen pagar ningunha taxa polo uso dos mesmos.

O alcalde da vila, Luis Piña, tamén avanzou que nos vindeiros meses sairán publicadas novamente as axudas correspondentes á anualidade 2023, nos prazos que establece a ordenanza vixente e que dispón que a presentación de solicitudes exténdese dende a publicación no BOP, entre os meses de marzo e abril ata o 30 de xuño.

Nun exercizo de transparencia, o Concello publica as subvencións concedidas ás asociacións culturais e clubes deportivos da Cañiza, abonadas a finais de 2022.

  • ANPA O CHUSQUIÑO – VALEIXE: 300 €
  • ASOCIACIÓN CULTURAL SANTA CRISTINA DE VALEIXE: 1200 €
  • ASOCIACION CULTURAL ASCULCA: 300 €
  • ASOCIACION DEPORTIVA VALEIXE FS: 250 €
  • ASOCIACIÓN FURAFOLLAS: 500 €
  • ASOCIACION PENSIONISTAS Y JUBILADOS STA. TERESA: 1200 €
  • ASOCIACIÓN REVIRAVOLTAS: 500 €
  • ASOCIACIÓN SOBRE RODAS: 500 €
  • CLUB DE FUTBOL CAÑIZA: 5.000 €
  • CORAL POLIFÓNICA DE A CAÑIZA: 2.880 €
  • GRUPETTA PAN DE ZARKO: 500 €
  • MOTOCLUB TUMBADA ÁS 4:  400 €
  • SOCIEDADE DE CAZA A CAÑIZA: 500 €

O PP de Tomiño pide explicacións ante o “atasco” das licenzas urbanísticas

0

O Partido Popular de Tomiño pedirá ao goberno local que dea explicacións ante o “grave atasco e importantes retrasos” na concesión de licenzas urbanísticas no termo municipal- Tamén vai pedir datos dos expedientes segundo os estudos de arquitectura, co obxectivo de coñecer se tratase dun colapso xeral provocado pola “mala xestión” do executivo local ou ben hai diferenzas “por cuestións anómalas”.

Os populares, que xa denunciaron públicamente a semana pasada que a concesión de bastantes licenzas podía adiarse durante catro anos co correspondente perxuízo para a veciñanza, explicitarán nos vindeiros días a acción de fiscalización que van emprender sobre o labor do goberno sobre o urbanismo. Nestes intres están a barallar a posibilidade de plantexar unha solicitude de comparecencia da alcaldesa ante o pleno da corporación ou ben unha batería de preguntas plenarias sobre esta cuestión.

“Dende que nos chegaron as primeiras queixas veciñais polos importantísimos retrasos na xestión do urbanismo local, o que xera importantes incomodidades aos cidadáns que queren construír ou rehabilitar unha vivenda, abrir un negocio ou ampliar unha empresa, a situación está a xerar un importante descontento social e as queixas multiplícanse, ademais, con acusacións por supostos casos de nepotismo”, sinalaron dende o PP, que deixaron claro que o seu obxectivo “ é unicamente mellorar a calidade de vida da xente e que o goberno local atenda as súas obrigas cos cidadáns nas competencias municipais”.

Por elo, e ante o incremento das queixas que están a recibir, os populares de Tomiño tamén queren coñecer se dende o Concello de Tomiño, tal e como nos sinalan algúns veciños, se está a recomendar aos veciños a xestión e contratación dos expedientes urbanísticos a determinados estudos profesionais de arquitectura alegando “un suposto coñecemento da normativa urbanística local que aceleraría os trámites”.

Mos destaca no boxeo

0

Mos está de celebración, na tarde de onte tivo lugar, no salón de sesións do Concello de Mos, a recepción aos boxeadores do clube mosense CKM de Mos Laura, Agustín, Álex e Manuel, que o pasado mes de decembro erixíronse campións e subcambións galegos, respectivamente, de boxeo. Durante o acto homenaxe os deportistas estiveron acompañados pola alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, o concelleiro de deportes mosense, José Areal, e demais membros da Corporación Municipal.

O CKM de Mos conta con dous novos campións galegos de boxeo e dous subcampións. O Campionato Galego tivo lugar no Concello de Outes os pasados días 10 e 11 de decembro e os púxiles mosenses gañaron os pases ás finais:

– Laura ‘ZURDITA’ Fernández venceu a Bea Mendoza ós puntos, proclamándose así Campioa Galega do Peso Welter.

– Agustín Táboas venceu ao púxil Coruñés do clube Zapata por KO técnico no primeiro asalto, proclamándose Campión Galego do Peso Medio.

– Álex Castro, un dos boxeadores máis veternanos do CKM perdeu a final ós puntos nun combate igualado contra Juan Luis del Río do SKT, proclamándose así Subcampión Galego do Peso Welter.

O adestrador do clube, Juan Alonso, asegura que no mes de febreiro farase a revancha en Noia con vendaxe duro na categoría de Neoprofesional.

– E por último Manuel Ruíz quedou Subcampión Galego escapándoselle a final ós puntos contra o boxeador de Arousa Manuel Xabier.

Sen dúbida os resultados falan por si sós, e o CKM de Mos segue logrando campións.

Rematados os traballos de emerxencia no castro de Panxón

0

O Concello de Nigrán rematou esta semana o traballo de prospección de emerxencia do castro de Panxón. As fortes chuvas de finais de decembro deixaron ao descuberto o pasado romano e castrexo deste núcleo ao producirse un desprendemento de terra sobre a praia da Madorra. Ante este derrubo da ladeira noroeste e a aparicion case a simple vista de milleiros de pezas, o Concello contratou de urxencia a Árbore Arqueoloxía o proxecto de investigación, prospección e estudo de materiais (previo permiso de Patrimonio). O traballo de campo de catro arqueólogos, xa finalizado, permitíu recuperar milleiros de fragmentos de cerámica de distintos periodos (fundamentalmente tellas e ánforas), muíños romanos e castrexos ou osos de animais. Compre destacar que a este núcleo pertence o xa famoso mosaico romano cun motivo mariñeiro que está sendo repatriado desde EEUU ou unha coñecida ara a Mercurio.

“O sorprendente deste achado é a cantidade inxente de pezas, non a singularidade das mesmas; aparecen sen realizar o mínimo esforzo “, indica a arqueóloga Nerea Vilariño sobre os 360 m2 de superficie que se desprenderon en espazo público e que foron analizados. Esta altísima concentración apunta a que mesmo a zona se correspondese cun vertedoiro onde os seus habitantes tiraban os restos de comida ou lixo.

Tras esta prospección (a primeira na Historia que se realiza sobre o castro) os restos atopados serán levados a analizar a un laboratorio especializado en materiais de época romana. Esta análise científica permitirá acotar con maior exactitude o periodo de tempo no que estivo habitado este castro e posterior villa romana (actualmente se sitúa entre o S.II-III a. C, Idade de Ferro, e o IV-V d.C. ).

“A maioría dos 3.700 m2 que ocupa o castro son terreo privado, como Concello puidemos actuar aquí por ser espazo público e, grazas a elo, teremos a oportunidade de coñecer máis sobre o noso pasado romano e castrexo, o que nos permitirá promocionar e divulgar mellor a importancia de Panxón, máxime cando estamos a piques de recibir o famoso mosaico do muxo”, explica o alcalde e tamén historiador, Juan González. De feito, a fase final do estudo será entregar ao Museo de Pontevedra os restos acompañados dun exhaustivo informe.

“O problema deste castro ubicado nunha península é a propia erosión ao que o somete o mar, arrastrando con el a terra e, consecuentemente, parte do xacemento, por iso é importante aproveitar esta oportunidade para realizar estudos”, considera o rexedor.

Ponteareas remata a renovación de dous vieiros no parque forestal da Picaraña

O Concello de Ponteareas segue avanzando na mellora da rede municipal de estradas e vieiros de todo municipio. A Concellaría de Vías e Obras vén de rematar a renovación de dous vieiros no parque forestal da Picaraña, onde se realizaron traballos de pavimentación de dúas pistas de acceso dende o barrio de Canedo e As Cachadas ata a confluencia co acceso dende a parroquia de Arcos.

“Durante o último mes levamos a cabo unha actuación moi necesaria e positiva para todas as persoas que pasan de forma habitual por esta zona. Trátanse dunhas pistas moi transitadas tanto a pé como polo tráfico rodado dada a súa proximidade ao parque forestal da Picaraña e ao centro urbano, polo que a súa renovación e mellora era fundamental”, recalca a concelleira, Chus Garrote.

Cun investimento de máis de 104.000 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos 2022-2023 da Deputación de Pontevedra e tras conseguir a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio, as obras contemplaron a limpeza da marxe dos vieiros e a apertura de cunetas ao longo de case 2,4 quilómetros de estrada. Tras estes traballos procedeuse a pavimentar os dous camiños, que contan cunha superficie total de 11.000 metros cadrados.

Como sinala a edil, as obras destes dous vieiros no parque forestal da Picaraña “forma parte do proxecto do Goberno municipal do BNG-PSOE para ir renovando o gran número de estradas coas que conta Ponteareas e as súas 24 parroquias, rexenerando camiños e vieiros, mellorando as nosas infraestruturas e garantindo a seguridade de todas as persoas que as empregan cada día”.

Redondela recicla con xeito

0

A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Redondela obten os mellores datos de reciclaxe dos últimos 4 anos. Isto é grazas as campañas de reciclaxe e os encontros coa veciñanza nos centros culturais onde se fomentaron as vantaxes da reciclaxe e da compostaxe como alternativa á xestión tradicional de residuos sólidos urbanos.

En canto aos datos obtidos no contedor de vidro, en 2019 recicláronse en Redondela 352.800 kilos, chegando aos 376.420 kilos en 2022. Isto significa un aumento do 6,6 %.

Os envases de plástico tamén observan un aumento significativo pasando dos 288.710 kilos en 2019 aos 323.430 kilos en 2022. Resultando nunha mellora do 12 % nos datos.

O papel e o cartón supera aos  datos anteriores cun aumento do 14,5 %. Os veciños de Redondela reciclaron 311.910 kilos en 2019 fronte aos 357.422 kilos de 2022.

Tamén apreciase unha reducción do uso do contedor órganico, xa que a xente utiliza máis os contedores correspondetes de reciclaxe. Isto é o resultado dascampañas feitas polo concello e reflexan unha diminución de case o 3 % do seu uso dende 2021 ao 2022.

A compostaxe comunitaria permite, entre outras cousas, que poidan participar na reciclaxe de residuos orgánicos domésticos aquelas persoas que non poidan optar á compostaxe doméstica –por non cumprir os requisitos ou calquera outra circunstancia– ou que simplemente non desexen contar cun composteiro individual.

Trátase, explica a alcaldesa, Digna Rivas, de ofrecer á cidadanía todas as ferramentas que precisan para “ben de xeito individual ou comunitario, realizar un cambio de tendencia no tratamento tradicional  do lixo orgánico e o reciclaxe contribuíndo á redución dos residuos sólidos urbanos”.

Dende a Concellería de Medio Ambiente queren facer finca pé na recollida de voluminosos. Aquelas persoas que deban desfacerse de voluminosos (restos de mobles, colchóns, electrodomésticos,..) deberán chamar ao seguinte teléfono de URBASER: 986 408034; Neste teléfono quedará coa empresa para depositar eses voluminosos nun sitio e nun día determinado. URBASER pasará a recollelo o día e no sitio pactado. O depósito deste tipo de desfeitos sen o permiso previo de Urbaser poderá supoñer unha sanción dun mínimo de 600 € ata un máximo de 1.500 €.

Éxito total da Deputación en Fitur

A participación da Deputación en Fitur foi, en palabras da presidenta Carmela Silva, “un éxito total e absoluto”. Contou coa participación de medio millar de persoas no stand de Turespaña, que abarrotaron o auditorio para coñecer, de primeira man, “Orixe Rías Baixas”. “A presentación da nosa campaña non puido ter mellor acollida –asegurou a presidenta -. Foi a máis seguida no stand de Turespaña e ningunha outra institución tivo este número de persoas seguíndoa presencialmente e a través das redes sociais”. O “extraordinario” lanzamento de “Orixe” en Fitur, que por streaming sumou outras 1.500 persoas, foi o tiro de saída á campaña promocional da provincia no 2023, que prevé unha potente acción de marketing na estación de metro madrileña de “Nuevos Ministerios” en marzo e unha campaña online anual.

A presidenta tamén puxo en valor a participación por vez primeira en Fitur Screen, coa presentación da provincia como plató de cinema. “Foi a máis seguida das celebradas, contando coa asistencia de persoas como a produtora galega Chelo Loureiro, a presidenta de CIMA Cristina Andreu, a representante de CIMA en Galicia Marta Villar, o produtor pontevedrés Daniel Froiz -xunto ao cal avanzamos a participación de “Matria” na Berlinale-, e tamén de representantes doutras Film Commission do Estado e localizadoras e produtoras nacionais e internacionais”. Tamén destacou a presenza no “I Fitur Sport Tourism Summit”, onde o proxecto deportivo da institución foi seleccionado como exemplo de boas prácticas a nivel estatal, e fixo fincapé nos galardóns de calidade e sustentabilidade para o Museo de Pontevedra, así como na renovación das “Q” para o castelo de Soutomaior, as oficinas de Turismo Rías Baixas e as da rede Info Rías Baixas.

Impacto en redes sociais e campaña para o 2023

Dende o 10 de xaneiro ata a actualidade a campaña acumula 2,8 millóns de impactos entre redes sociais e medios dixitais e un total de 6,8 millóns de impactos potenciais, e #orixeriasbaixas tivo máis de 2 millóns de impactos potenciais. Pola súa banda, dende o xoves día 20 e ata o 24 de xaneiro, “Orixe” tivo 1,7 millóns de impactos na rede e case 4 millóns de impactos potenciais, e #orixeriasbaixas acadou os 1,4 millóns de impactos potenciais. A presidenta detallou que entre as contas máis activas e de maior alcance atópanse a da Deputación, Turismo Rías Baixas, Turespaña, Fitur e IFEMA. Amais, en canto á visualización dos vídeos, tanto “Orixe”, como o de Nova Galicia Danza en Carboeiro ou o de “Pontevedra provincia, plató de cine” e “Sport Rías Baixas, siente la experiencia”, acumulan máis de 43.200 visualizacións nas redes institucionais, e o alcance é de medio millón de impresións.

O lanzamento de “Orixe” en Fitur supón a saída da campaña de promoción a provincia no 2023. “Será potentísima –explicou a presidenta- e chegará a todo o Estado e a nivel internacional, a través de medios online e offline, con creatividades específicas de recursos do noso patrimonio inmaterial que nos diferencian, poñendo de manifesto a nosa cultura, tradición e lendas”.

Para a planificación da campaña a Deputación ten realizado un estudo do perfil do público interesado no turismo cultural descubrindo que 9,4 millóns, o 80% do público obxectivo, consume internet e medio exterior. Deste xeito, para dar resposta ao estudo de mercado, realizarase unha campaña en exterior a través dunha “acción de marketing espectacular en Madrid que consiste na denominación completa do vestíbulo da estación de metro Nuevos Ministerios a través da cal agardamos máis de 2 millóns de impactos”. Tamén se empregará internet como canle fundamental, redes sociais como Facebook, Instagram, Youtube e –este ano como novidade-TikTok, e plataformas de compra programática, así como revistas de turismo especializadas.

A campaña de promoción de Pontevedra Provincia desenvolverase en dúas ondas. A primeira dende marzo ata xuño, e accións online entre maio e xuño, e a segunda de setembro a finais de ano. Prevense uns 15 millóns de impresións, 75.000 clics e 3,5 millóns de visualizacións dos vídeos.

Reunións coa ministra de Turismo e presidentes de Renfe e Paradores

Durante a participación da Deputación en Fitur a presidenta mantivo un encontro de traballo coa ministra de Turismo, Reyes Maroto, coa que intercambiou información sobre os novos plans de sustentabilidade que se van poñer en marcha “de xeito inmediato”, amosando o seu interese “por seguir recibindo recursos para poñer en valor un sector turístico sostible na provincia”. Ademais, Carmela Silva tamén participou na presentación realizada pola ministra española e o ministro portugués da “Estratexia Sostible Transfronteiriza” na que se identificaron áreas de traballo de turismo cultural, natureza, activo, gastronómico e enoturístico. “Quedei encantada porque imos un paso por diante, temos o noso propio proxecto, Visit Río Minho, elaborado polo AECT Río Miño, que ten eses obxectivos que formula agora a Estratexia Sostible Transfronteiriza”, asegurou Carmela Silva quen aproveitou para recordar que Río Miño foi seleccionado como unha das cino rexións piloto europeas para participar no lanzamento de “Construír rexións transfronteirizas máis resilientes”.

A presidenta tamén asinou un convenio co presidente de Renfe, Isaías Táboas, para espallar “Orixe” en trens de AVE e Longa Distancia e conversou co presidente de Paradores, Pedro Saura, quen a informou sobre os investimentos que a entidade está a realizar na provincia, que no 2022 ascenderon a máis de 8 millóns de euros, 5,5 procedentes dos Next Generation para o Parador de Baiona e outros 3 de fondos propios do Plan de Investimentos de Paradores que supón 1,5 millóns para o de Pontevedra, 200.000 para o de Cambados e 66.000 para o de Tui.

Ademais, a institución participou nas presentacións de destinos locais, mancomunidades e GDR da provincia e mantivo reunións de traballo con numerosas empresas. “Quero agradecer ao Clúster de Turismo de Galicia, Feprohos, Ruta do Viño, e ás asociacións de Sanxenxo, Vigo e Pontevedra –informou Carmela Silva-, que estiveron alí promovendo a nosa provincia e recoñecer a CN Travel e Interrías, que tiñan un enorme stand, cheo sempre de xente, e que me informaron que se no 22 melloraron os resultados previos á pandemia o 23 vai ser un ano excelente”.

Salceda executará a rede de saneamento en Ataude – Picoña

O Consorcio de Augas do Louro ven de aprobar a inversión do remanente, arredor de 1,9 millóns de euros, para obras e outras actuacións de saneamento e abastecemento.

O remanente líquido de tesourería para gastos xerais co que conta o Consorcio distribuirase, como asi o veñen de decidir as alcaldesas e alcaldes dos catro concellos integrantes,  en función da participación de cada un deles nos ingresos que realizan á entidade.

Salceda de Caselas investirá parte dos fondos na execución da rede de saneamento de Ataude  na parroquia de Picoña. Esta actuación que xa presentou a alcaldesa e foi aprobada polo pleno da corporación municipal, no pasado mes de decembro, constará de tres tramos de rede de saneamento cunha lonxitude total de 491´10 metros que permitirá dotar de saneamento a 18 vivendas da zona, salvando unha gran diferencia de cotas e pendentes do terreo.

Igualmente se financiará a redacción de proxectos de mellora de rede de saneamento  para os tramos de Loureiro-O Maior en Picoña, Ponte do Ameal-Presa en Parderrubias, Outeiro en San Xurxo e en Santa María de Salceda. Proxectos que facilitarán unha execución máis directa e inmediata desas melloras, xa que a redacción e división por tramos permitirá ao concello optar con máis facilidade a novas vías de financiamento para acometer ditas actuacións.

Rubén Gonzalez Coto, concelleiro de Medio Ambiente: “Estas actuacións permitirán dotar do servizo de saneamento á  unha importante cantidade de vivendas da zona de Ataude e planificar de forma axil e eficaz a execución de novos tramos de saneamento noutras parroquias”.

Verónica Tourón, alcaldesa: “Esta aprobación de crédito que decidimos os catro concellos supón unha moi boa nova para Salceda. Necesitamos ir avanzando  no obxectivo de aumentar a rede de saneamento do noso concello e ir abrindo todas as vías de financiamento posibles, e esta é unha delas que supón un importante avance para a nosa vila.

A Red de Juderías, da que Tui forma parte, expón en FITUR os seus proxectos

0

Tui, xunto aos outros municipios que integran a Red de Juderías de España, participou a semana pasada no Acto Institucional desta asociación de municipios en FITUR. No mesmo presentáronse algúns dos proxectos máis destacados que a Red de Juderías porá en marcha durante este ano 2023.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro González, participou neste encontro que estivo presidido por José Tomei, alcalde de Monforte de Lemos e presidente da Rede de Juderias de España, e contou coa asistencia de representantes institucionais das 21 cidades que conforman a asociación.

Entre os proxectos que se porán en marcha durante este ano, segundo se deu a coñecer en FITUR, destaca “Caminos de Sefarad”, o novo portal web da Red de Juderías de España, e cuxa identidade gráfica e eixos de desenvolvemento foron presentados no encontro. Este novo portal, que será presentado oficialmente durante o primeiro trimestre de 2023, será un portal dedicado 100% ao turismo, dispoñible en tres idiomas -español, portugués e inglés-, e independente da web institucional.

“Caminos de Sefarad”, ademais de destacar e dar protagonismo aos aspectos turísticos e patrimoniais da herdanza sefardí de cada unha das cidades da Rede de Xudarías, ten como obxectivo o descubrilas a través de rutas turísticas que conecten os 21 destinos. Como novidade, o portal será un lugar onde o visitante poderá contactar directamente cos provedores membros de RASGO, o selo turístico da Rede, que faciliten servizos e experiencias turísticas asociadas ás rutas. Así, restaurantes, aloxamentos e establecementos con oferta cultural e comercial poderán ofrecer directamente a través desta plataforma o seu produto ao cliente final. 

O portal tamén contará cun Club de Descubridores de Sefarad, un punto de encontro onde o visitante poderá selar virtualmente o Pasaporte do Descubridor tras a súa visita ás cidades e compartir as súas experiencias ao visitar Sefarad.

Para Enrique Cabaleiro con este novo portal turístico ábrese unha oportunidade para difundir aínda máis o patrimonio e a oferta turística tudense, tanto interna como externamente, e compartilo con todos aqueles interesados. Neste labor de difusión a cidade de Tui será escenario o próximo 20 de febreiro da presentación dunha proposta novidosa arredor da creación de novos produtos turísticos vinculados ao patrimonio xudeu con vocación transfronteiriza.

A Rede de Xudarías en FITUR

Nesta edición de FITUR, e por quinto ano consecutivo, a caseta da Rede de Xudarías foi un punto de encontro para todos os profesionais turísticos, medios de comunicación e público xeral interesados en coñecer a proposta turística que as cidades da Rede de Xudarías de España atesouran e promoven ao redor da súa herdanza xudía.

Novas prazas da Deputación para as visitas ás camelias en Soutomaior

Coincidindo coa súa etapa de floración, volven as visitas ás camelias do Castelo de Soutomaior. A partir do 2 de febreiro e ata o 30 de marzo celebraranse as dúas modalidades destas visitas, guiadas e teatralizadas, polo Xardín de Excelencia Internacional do complexo, cun total de 900 prazas dispoñibles. A presidenta provincial, Carmela Silva, puxo hoxe en valor que a Deputación “segue programando cada día con maior antelación actividades de promoción turística que están conseguindo que teñamos uns resultados extraordinarios na provincia”. As persoas interesadas poderán adquirir os seus tickets a partir do venres 27 de xaneiro na web www.castelodesoutomaior.com.

“As camelias do Castelo. Un Xardín de Excelencia” arrancará o 2 de febreiro coas Visitas Guiadas. Son rutas polos xardíns  guiadas por persoal especializado do Castelo e centradas na floración dos distintos tipos de camelia. Contarase a evolución histórica desta especie, así como as variedades máis significativas deste xardín. Serán 17 sesións cun total de 340 prazas (cun máximo de 20 cada unha) e terán lugar os martes e xoves ás 16.30h ata o 30 de marzo. Deste xeito, en febreiro celebraranse os días 2, 7, 9, 14, 16, 21, 23 e 28 e, en marzo, o día 2, 7, 9, 14, 16, 21, 23, 28 e 30. O prezo é de  3€.

No que atinxe ás Visitas Caracterizadas, de novo estarán protagonizadas por actrices que encarnarán a María Vinyals, Emilia Pardo Bazán e Coco Chanel, que serán as encargadas de amosar os xardíns de Camelia. A continuación, as persoas participantes poderán visitar o Castelo de Soutomaior de maneira autoguiada e gratuíta. Serán un total de 28 sesións con 560 prazas (tamén 2o cada unha), que comezarán o sábado 4 de febreiro e celebraranse as fins de semana de febreiro e marzo, con dúas quendas por día, ás 12 e 16 horas. En febreiro serán os días 4, 5, 11, 12, 18, 19 e 25 e en marzo o 4, 5, 11, 12, 18, 19 e 25. O prezo é de 8€.

Amais de coñecer todas as variedades de camelias do Xardín de Excelencia Internacional do Castelo, así como a súa orixe, coidados e curiosidades, a visita inclúe tamén o percorrido polo “Xardín de Camelia con nome de muller”, que xa inclúe exemplares en honor de María Vinyals, Rosalía de Castro, Bella Otero, Jane Andresen, Sofía Novoa, Emilia Pardo Bazán, Juana de Vega, Jimena Fernández de la Vega e María Casares. As visitas guiadas ofrecen tamén a posibilidade de coñecer á plantación de té de camelia existente nos Xardíns, coa explicación das diferentes variedades de té, a súa historia e os seus principais beneficios.

Ponteareas acolle o Serán Urbano este venres

Ponteareas comeza o ano con ganas de música tradicional. Este venres 27 a asociación cultural Sadeo organiza, en colaboración co Concello, o Serán Urbano de Ponteareas, unha xornada na que baile, música e tradición irán da man para facer gozar ao público, como sinala o concelleiro de Eventos, Miguel Bouzó, “para demostrar que esa parte da nosa cultura continúa moi viva”. Os Gaiteiros da Xistra serán os encargados da apertura ás 22.00 horas do serán, no que os grupos participarán por orde de chegada anotándose na propia carpa da Praza Maior dende unha hora antes do inicio.

Antes do serán, a carpa encherase cun apetecible programa de actividades relacionadas coa música tradicional co que ir quentando motores. Ás 20.00 horas celebrarase a presentación do libro de Xerardo F. Santomé ‘Concha de Luneada, a vida nunha cantiga’, unha obra que non só recolle cancións e relatos folclóricos, senón que é unha expresión gráfica das memorias e vivencias desta muller contadas nos últimos vinte anos da súa vida. Xa ás 21.00 horas e como previa ao serán, Miguel Sotelo impartirá un obradoiro onde aprender os elementos básicos do baile tradicional.

O concelleiro convida a toda a veciñanza a participar nesta tarde de serán “co que poñemos en valor e achegamos a público de todas as idades un tesouro cultural que debemos conservar para garantir a supervivencia das nosas tradicións”.  Bouzó agradece o labor da asociación cultural Sadeo para organizar o Serán Urbano de Ponteareas e “a súa implicación e traballo para poñer en valor a nosa cultura”.

Nigrán ofrece un curso para axilizar a memoria

0

O Concello de Nigrán ofrece por vez primeira no Centro Social Municipal de Vilameán un curso para axilizar a memoria destinado a persoas maiores de 65 anos empadroadas no municipio. Este dará comezos en febreiro e se extenderá ata decembro (con descanso estival do 15 de Xuño ao 19 de Setembro) constando dunha sesión semanal os martes de 16:30 a 18:00 horas ou xoves de 18:00 a 19:30 horas, tendo un custe de 20 €. O curso consta de 40 prazas e os interesados poderán inscribirse o martes 31 de Xaneiro ou mércores 1 de Febreiro de 10:00 a 13:00 na Oficina de Información Cidadá (planta baixa do Concello), tendo prioridade aqueles que nunca o realizaran ou aqueles que non obtivesen praza no do Centro de Maiores de A Ramallosa.

Estas 40 prazas súmanse ás outras 60 que o Concello ofrece no mesmo curso no Centro da Terceira Idade de A Ramallosa, onde tamén se imparte Informática básica (40 prazas) e ‘Vivilo Corpo’ (30 prazas), os tres para maiores de Nigrán.

“É un curso con moita demanda e que por vez primeira duplicamos para poder celebrar en Vilameán, no núcleo urbano de Nigrán, así garantimos que con 110 prazas en total ninguén se quede fora”, explica o alcalde, Juan González.

Facer exercicio, manter a mente activa e non illarse socialmente son os tres eixos que os especialistas recomendan levar adiante para previr deterioros cognitivos e neles se basa este programa de obradoiros de envellecemento activo que ofrece o Concello de Nigrán a través da Concellería de Maiores dirixida pola edil María Mayán.

O caracter fundamental do programa é preventivo, a súa finalidade é a de garantir unha maior calidade de vida dos nosos maiores tratando de evitar ou atrasar a aparición de problemas de memoria, do deterioro cognitivo, do Alzheimer e doutros problemas de saúde e de incapacidades; pero tamén de mellorar aqueles que se poidan ter na actualidade e de acadar un maior grado de autonomía e independencia. “Apostamos por políticas que garantan a calidade de vida dos maiores, tamén con turismo social, bailes e mesmo o centro especializado en demencias neurodexenerativas en Panxón”, indica o alcalde de Nigrán, Juan González.

O Porriño reforma a cuberta do multiusos

O Concello do Porriño vén de tramitar por emerxencia as obras de reparación da cuberta do Multiusos de Torneiros.

Como consecuencia da absoluta falta de mantemento a cuberta do edificio atópase en moi mal estado polo que, dende hai varios anos, estanse a producir entradas de augas pluviais.  Dado inusual réxime de precipitacións e treboadas dos últimos meses as entradas de auga téñense incrementado en grado tal que imposibilitan a práctica das actividades que se desenvolven no mesmo e están a producir importantes danos no interior. ademais de supoñer un risco para usuarios e usuarias das instalacións.

Con tal motivo, dende a concellería de Vías e Obras, que dirixe Ramón Porto, acometeranse de maneira inmediata os traballos de reparación que, tal e como explicou o edil,  inclúen “a limpeza da totalidade dos canalóns perimetrais de recollida de pluviais, reposición das últimas de tella, reposición da estrutura e a xanela de acceso á cuberta e a reposición dos entronques”.

“A situación na que se atopa o edificio nos últimos anos é insostible e, ademais de imposibilitar o normal uso das instalacións, supón un risco para os usuarios e usuarias das mesmas xa que os pasillos e aulas anéganse cando chove”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “A falta de mantemento de moitas instalacións municipais está a causar moitos problemas e traballamos para solventalos á maior brevidade”. 

As obras a executar supoñen un investimento de 22.286 euros.

A Guarda organiza o obradoiro de canto “Con voz propia”

0

O Concello da Guarda, organiza a partires do mes de febreiro o Obradoiro de Canto “Con voz propia”, impartido por Cristal Méndez de MagadeVoz.

Esta actividade realizarase todos os xoves en horario de 17:30h a 20:30h dende o 9 de febreiro ata o 30 de marzo.

Trátase dun obradoiro de canto para mulleres no que se busca o empoderamento das participantes a través da voz e do canto.

As inscricións están xa abertas no Centro de Información á Muller (CIM) da Guarda, na Praza de San Marcos(ao lado do Xulgado de Paz), no teléfono 986 61 4648 e no enderezo electrónico [email protected].

Esta actividade conta co financiamento e apoio do Pacto de Estado contra a violencia de Xénero.

Presentación do libro “Historia da Vila das Achas” na Cañiza

0

O pasado 20 de xaneiro, o Concello da Cañiza e os veciños das Achas presentaron o libro “Historia da Vila das Achas”. Unha agardada obra na que participaron durante máis de dúas décadas homes e mulleres desta parroquia que quixeron deixar a súa pegada neste proxecto cultural.

Unha contribución que servirá para que, hoxe, todos poidan descubrir e gozar da historia de Achas, as súas costumes, oficios, construccións, lendas, romarías, cancioneiros e centos de imaxes que dan testemuño de grandes e pequenos acontecementos vividos.

No acto, que se celebrou no Centro Cultural do Cotosobreiro cunha grande acollida por parte dos veciños, tamén participou o alcalde da vila. Na súa intervención, Luis Piña manifestou sentirse profundamente agradecido e orgulloso dos veciños da parroquia por impulsar esta obra cultural e mesmo testemuñal da historia de Achas.

Dende o Concello da Cañiza, o alcalde Luis Piña agradece a iniciativa, traballo e tesón dos autores deste libro sobre as orixes dunha das parroquias que conforman o territorio do municipio. Unha obra que pasará a formar parte dos fondos bibliográficos dos centros escolares da Cañiza e das bibliotecas da Cañiza e de Valeixe.

A impresión desta nova obra está financiada polo Concello da Cañiza, por aportacións privadas e desinteresadas de veciños e tamén pola venda de exemplares. Un esforzo conxunto que permitirá adquirir o libro por un prezo simbólico: 5 euros.

Baiona reafirma o seu rexeitamento aos parques eólicos na Serra da Groba

0

A praza do Concello de Baiona acolleu na mañá de onte, ás 12:00 horas, unha concentración para reafirmar o seu rexeitamento ao  parque eólico Torona proxectado na Serra da Groba.

No acto participaron tanto o Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, como outros membros do equipo de goberno local baionés.

A mobilización convocada polo Concello de Baiona tamén contou co respaldo do Alcalde de Nigrán, Juan González Pérez, a Alcaldesa de Tomiño, Sandrá González Álvarez, a Alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís. Tamén foi secundada pola plataforma SOS Groba, polo Instituto de Estudos Miñoráns (IEM) así como distintas comunidades de montes e augas do municipio baionés, ademais de por a cidadanía en xeral.

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, manifesta a súa desconformidade a este plan eólico, que conta co aval da Xunta, e o rexeita denunciado o “impacto irreparable que causaría a instalación dos aeroxeradores,  unha ameaza sen precedentes que tería un enorme impacto na nosa contorna de gran valor natural, patrimonial e cultural”.  

Así mesmo, o rexedor baionés ha sinalado tamén que “o Concello de Baiona presentou alegacións  a través dos preceptivos informes sectoriais contra o parque eólico Torona e que se fará todo o que estea nas nosas mans para tombar este proxecto”. 

Mos homenaxea a Verónica Presa e Luis Argüelles, campións Galegos de Arco Composto

0

Onte luns, o salón de sesións do Concello de Mos, acolleu a recepción dos arqueiros do mosense Club Tiro Con Arco Archers Team, Verónica Presa e Luis Argüelles, polos resultados obtidos o pasado mes de decembro no Campionato Galego de Tiro Con Arco en Sala.

O domingo 18 de decembro, disputouse o Campionato Galego de Tiro Con Arco en Sala, nas instalacións do CPR SEI San Narciso, en Marín.

Neste campionato os arqueiros do Club Tiro Con Arco de Mos Archers Team, Verónica Presa e Luís Argüelles, que son ademais matrimonio, proclamáronse campións galegos na modalidade de arco composto.

Doutra banda, Luis conseguiu o récord de España de sala en eliminatorias, con 150 puntos de 150.

O Corpus de Ponteareas, Ben de Interese Cultural Inmaterial

A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández Davila, reuníuse esta mañá coa directora xeral do Patrimonio Cultural da Consellaría de Cultura, María del Carmen Martínez Insua, para coñecer as previsións da Xunta en relación coa declaración das alfombras do Corpus Christi ponteareán como Ben de Interese Cultural Inmaterial, solicitada polo Concello no ano 2017.

Na reunión, a directora xeral confirmou á alcaldesa ponteareá a vontade da Xunta de declarar en breve o Corpus como Ben de Interese Cultural (BIC) Inmaterial. Cristina Fernández Davila amosou a súa satisfacción “porque logo de cinco anos, por fin se vai conseguir este novo recoñecemento para a manifestación artística máis importante do noso municipio”. A alcaldesa cualificou a reunión de “moi positiva” e salientou “o diálogo e entendemento entre as dúas administracións que vai permitir que o Corpus acade en breve a condición de BIC Inmaterial”.

A directora xeral confirmou a Fernández Davila que o expediente está completo con toda a documentación necesaria e manifestou á alcaldesa o seu interese por actualizar esa información e documentación, como consecuencia do retraso na súa tramitación por parte da Xunta dende que se iniciou en 2017 coa solicitude do Concello. Durante o encontro, Cristina Fernández Davila comprometeuse a remitila de inmediato para que o expediente quede actualizado.

Nesa mesma reunión tamén participou a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Eva Gil Solla, que salientou a estreita colaboración entre as distintas asociacións de alfombristas e o Concello “para conseguir esta declaración, que sen dúbida servirá para dar un maior pulo á  nosa festa do Corpus e facer que sexa coñecida non só polas localidades do resto do Estado, senón incluso en Portugal, sendo así referencia turística”.

Cronoloxía da declaración do Corpus como BIC

No ano 2017 o goberno presidido por Xosé Represas entregou en man a solicitude de declaración de BIC á Dirección Xeral de Turismo dirixida por Nava Castro. En febreiro de 2018 se lle remitiu á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural o expediente con toda a documentación, incluíndo a memoria con material gráfico histórico e imaxes dos principais puntos de interese do Corpus.

En maio de 2020, sen ter noticias sobre o estado da solicitude, o Concello enviou un escrito á Consellaría pedindo información sobre a tramitación do expediente. O Goberno local reiterou en marzo de 2022 a súa solicitude sobre o estado no que se atopaba a petición de declaración de BIC Inmaterial do Corpus de Ponteareas e sobre a documentación precisa para continuar coa tramitación, petición que se repetiu en abril de 2022. Xa en xullo dese mesmo ano, o Concello presentou unha nova solicitude de declaración de BIC Inmaterial ante a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural na que se achegaban de novo todos os documentos de investigación enviados nas ocasións anteriores.

Redondela contrata a 16 persoas co Plan Concellos

0

O Concello de Redondela vén de contratar a un total de 16 persoas en situación de desemprego para reforzar a prestación de servizos á cidadanía. Máis polo miúdo trátase de tres técnicos de Turismo, un traballador social, tres persoas para reforzamento do servizo eléctrico e 9 peóns de Obras e Servizos.

Tal e como explica a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, as contratacións realizadas a través do Plan Concellos “contribúen a paliar a situación económica na que se atopan as persoas desempregadas e, ao mesmo tempo, proporciónanlle experiencia de cara a mellorar a súa inserción nun mercado laboral cada día máis competitivo e especializado”.

A rexedora local sinalou que as tres técnicas de Turismo permitirán desenvolver proxectos que a Concellería ten en marcha “de cara a poñer en valor os amplos recursos que, nesta materia, ten o municipio”. Rivas destacou o feito que “Redondela acaba de formar parte de Fitur 2023 por primeira vez na historia do municipio con 2 recoñecementos especiais, ademais da distinción dentro do Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño”. O stand institucional de Galicia mostruo presentacións individuais en recoñecemento ao valor patrimonial da Batalla de Rande e o Cemiterio máis bonito de España, concedido ó Cemiterio dos Eidos. Ademais da necesidade de aproveitar “a súa situación estratéxica no Camiño de Santiago” ao confluír no municipio o Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa. Así, a contratación de tres persoas, permitirá desenvolver estratexias de cara a dar a coñecer a potencialidade que ten o municipio.

Doutra banda, a contratación dunha traballadora social permite reforzar o departamento de Servizos Sociais que conta cada día con maior número de usuarios e usuarias “con demandas e problemas aos que hai que dar solución coa maior rapidez posible”, afirma a alcaldesa redondelá.

Finalmente, a contratación de tres persoas para o servizo eléctrico e 9 Peóns de Obras e Servizos permitirá desenvolver, por unha banda, o proxecto de modernización do alumeado público nas parroquias e por outra, iniciar de inmediato as labores de recuperación dos camiños e muros danados polo temporal do pasado nadal.

A alcaldesa quixo tamén destacar a importancia do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra no que á dinamización do mercado laboral atinxe “ao permitir paliar a situación pola que pasan as persoas desempregadas e, ao mesmo tempo, reforzar os servizos que os concellos prestan á cidadanía”.

O Balneario de Mondariz, entre os mellores de España

0

Os usuarios de Aladinia.com, unha importante web de viaxes, seleccionan os mellores circuítos de Spa do país e destacan o balneario galego, que este 2023 cumpre 150 anos de fundación.

España é un dos países con maior número de balnearios e cos máis antigos, moitos da época dos romanos ou os árabes. Estímase que balnearios tradicionais hai ao redor de 120 en todo o país, pero as cifras de spa son moito maiores. Hai, polo menos 700 spas en establecementos hostaleiros.

O spa do Balneario de Mondariz é o único de toda Galicia seleccionado polos usuarios deste portal de viaxes. O Balneario sitúase así como un dos máis importantes da comunidade, xa que recada máis premios como o ‘Premio Wedding Awards 2021’ do portal de bodas bodas.net.

Baiona entrega os premios do certame “Decorando Baiona no Nadal”

0

O salón de plenos do Concello  de Baiona foi o escenario do acto de entrega dos premios do certame “Decorando Baiona non Nadal” que convocou a Concellería de Comercio e Mercados dentro das súas actividades de promoción e dinamización comercial.

Na presente edición do concurso participaron nove establecementos. A temática do concurso estivo vinculada á decoración de Nadal durante os meses de decembro e xaneiro o que contribuiu a crear un ambiente festivo propio destas datas de Nadal.

Dende o Concello de Baiona premiouse aos negocios que, con motivo da Campaña do Nadal 2022-2023, mellor engalanaron as fachadas, escaparates e o interior dos seus establecementos comerciais.

Deste xeito, o primeiro premio dotado con 500 euros recaeu no establecemento “Avicolor Pinturas”, o segundo galardón dotado de 300 euros foi para “Naútica As Estelas” e o terceiro premio dotado de 200 euros foi para “A Nova Esquina”.

1º Premio
2º Premio
3º Premio

Na entrega estivo presente o rexedor, Carlos Gómez Prado, que” agradeceu e felicitou aos gañadores pola súa participación no concurso e pola súa contribución para dar ese toque do Nadal á vila”. Así mesmo, quixo destacar “a participación dos establecementos e o agradecemento por animar e atraer ao público con este tipo de actuacións.”

No acto de entrega tamén participaron a Concelleira de Comercio e Mercados, Andrea Pérez González, a Concelleira de Cultura, Miriam Costas Iriartea, así como distintos membros do xurado.

O xurado estivo composto polo presidente de Aceba, o vicepresidente de OVALMI, un representante de COEMSA, unha persoa destacada no municipio relacionada coas Belas Artes e 3 funcionarios do Concello.

‘Cada fogar co seu composteiro’ nova do Concello de Tui

0

O Concello de Tui reafirma o seu compromiso medioambiental coa terra e coas persoas, e faino cunha nova campaña de fomento de compostaxe tanto comunitaria como individual.

Unha equipa de persoal municipal e da empresa Servizos Medioambientais está a visitar, dende a pasada semana á veciñanza en todo o termo municipal, para achegar a quen o desexe un composteiro de xeito gratuíto, para reciclar os residuos orgánicos e obter o seu propio compost.  A semana pasada as visitas desta campaña comezaron en Pazos de Reis.

As visitas realízase despois de enviar unha carta a cada fogar na que se explica que é un composteiro, facilítanse os teléfonos de contacto para calquera dúbida e apórtase información sobre reciclaxe e medio ambiente.

Realízase unha formación inicial sobre o proceso de compostaxe e un seguimento dun mínimo de dúas visitas por vivenda, para resolver posibles dúbidas. Os composteiros entréganse de xeito gratuíto.

Dentro da mesma campaña pode solicitarse tamén  un caldeiro para os biorresiduos co fin de depositalos nun dos centros de compostaxe comunitaria que hai no centro urbano -na traseira e no lateral do edificio Francisco Sánchez, na rúa Ourense, a carón da praza de Abastos, na rúa Mártires de Sobredo e na rúa Tenencia-.

Tamén está en marcha o servizo de cesión de uso gratuíto de biotrituradoras.

As persoas interesadas poden contactar co teléfono 687 24 99 53 ou co correo [email protected] para tramitar estas solicitudes.

Aberta a inscrición para a nova edición de ‘O Porriño 10k’

Os runners volverán darse cita no Porriño o vindeiro 12 de marzo. O alcalde, Alejandro Lorenzo, acompañado por Deneb Álvarez, secretaria do Atletismo Porriño, Pablo Regueira, tesoureiro do club e o responsable de trail, José Daniel González, presentaron unha nova edición de ‘O Porriño 10K’ a clásica proba organizada polo Concello do Porriño e o club Atletismo Porriño.

As e os amantes deste deporte poderán correr un ano máis polas rúas da vila nesta edición que xa ten aberta a inscripción. As persoas que queiran participar xa poden inscribirse na seguinte ligazón: https://ccnorte.com/evento/inscribirme/id/2465/xv-carrera-o-porrino-10k.

Cabe destacar que, como cada ano, a carreira de Pitufos e Chupetes, non require de inscrición previa, tan só hai que presentarse na liña de saída á hora estipulada.

Tres premios por categoría

Outorgaranse premios en metálico aos tres primeiros clasificados (masculino e feminino) da absoluta 10K, que recolle todas as categorías. O primeiro clasificado levará un premio de 300 euros, o segundo 200 euros e o terceiro 100 euros.

Ademais entregaranse trofeos aos tres primeiros clasificados de cada categoría (masculino e feminino), en total catro categoría na carreira de menores, dúas na de 5K e tres na absoluta de 10K.

Inscrición Solidaria

Como vén sendo habitual, a participación na 10K do Porriño ten tintes solidarios. Á hora de recoller os dorsais, cada participante deberá entregar 1 Kg de comida non perecedera que se distribuirá entre as familias con menos recursos do municipio a través do servizo municipal de alimentos SOS Porriño.

Móbiles, streaming, lecer en internet ou ofimática protagonizan a programación da aula CeMIT de Ponteareas

Ponteareas comeza o novo ano cun mes cargado de cursos e actividades na súa aula CeMIT de Ponteareas, que ten lista xa unha programación na que o uso dos móbiles, o streaming, a gamificación, o lecer seguro en internet ou a ofimática serán algúns dos grandes protagonistas. Como sinala o concelleiro de Innovación e Desenvolvemento Tecnolóxico, Benito Márquez, con estes cursos o Goberno municipal “quere achegar a tecnoloxía a veciñanza dun xeito consciente, responsábel e divertido ao tempo que promovemos a inclusión no seu uso, seguimos fomentando a formación e proporcionamos ferramentas para facilitar a vida cotiá a persoas de todas as idades, tratando de reducir así cada día un pouco máis a fenda tecnolóxica”.

Unha das propostas para este mes de xaneiro será un curso específico de streaming para persoas maiores, que se celebra este luns 23 de 17.00 a 18.30 horas. Por primeira vez, os e as ponteareás poderán participar tamén en dous talleres de gamificación, unha técnica que traslada a mecánica dos xogos ao ámbito educativo e profesional para converter calquera a aprendizaxe nunha experiencia lúdica. Haberá dúas modalidades: ‘Genially’ o martes 24 de xaneiro e ‘Scratch e Kahoot’ o martes 31, ambos os dous de 16.00 a 21.00 horas.

Outro dos cursos preparados para o inicio do ano estará centrado no lecer en internet con clases os días 23, 25, 26 e 30 de xaneiro e 1, 2, 6, 8 e 9 de febreiro. Tamén estará dispoñíbel un curso de manexo de teléfonos móbiles para persoas maiores que se impartirá os días 25, 26 e 30 de xaneiro e o 1, 2, 6, 8 e 9 de febreiro de 16.00 a 17.30 horas. Eses mesmos días, de 17.30 a 19.00 horas impartirase un curso de informática básica, dirixido especialmente tamén para persoas de maior idade.

Por outra banda, xa na segunda quincena de febreiro a aula CeMIT de Pontearas centrarase no ensino de ofimática a través do manexo de LibreOffice Writer en dous niveis diferentes: nivel iniciación do 13 ao 16 de febreiro de 16.00 a 21.00 horas e de nivel medio tamén de 16.00 a 21.00 horas.

O mes rematará cunha actividade especial. Os días 27 e 28 de febreiro de 16.00 a 21.00 horas chega á aula CeMIT ponteareá o Proxecto Gamapea, unha aventura gráfica deseñada por investigadores e investigadoras da Universidade de Santiago de Compostela e destinada especialmente a persoas maiores para incentivar o uso da tecnoloxía na mellora do seu benestar físico e mental. O seu obxectivo é promover un envellecemento activo a través da prevención da depresión, a estimulación cognitiva e a promoción de hábitos de vida saudábeis. A persoa usuaria convértese nun peregrino virtual que acaba de chegar ao albergue de Roncesvalles e que irá aprendendo estratexias para mellorar a saúde mentres avanza pola ruta do Camiño Francés cara a Santiago de Compostela.

As persoas interesadas en realizar calquera destes cursos deben facer a súa preinscrición a través do espazo da aula CeMIT habilitado na web da Xunta. Para máis información poderá contactarse coa aula CeMIT no correo electrónico [email protected] ou chamando ou enviando unha mensaxe de whatsapp ao número 634 238 962 dentro do horario da aula, que estará aberta ao público o luns 23 de xaneiro de 16.00 a 17.00 horas, o venres 27 de xaneiro de 16.00 a 21.00 horas e todos os venres de febreiro de 16.00 a 21.00 horas.

A Guarda informa das prohibicións vencelladas á Zona de Especial Vixilancia da Gripe Aviar

0

Tras o casos detectados de gripe aviar no 2022, o Ministerio de Agricultura e Pesca determinou un aumento do risco de contaxio de aves domesticas. A Orde APA/2442/2006 clasifica o concello da Guarda como Zona de Especial Vixilancia (ZEV) nas que co aumento do risco se establecen as seguintes prohibicións:

  • Prohíbese a cría de aves ó aire libre: Os propietarios deberán gardar as aves en instalacións pechadas. Se non fose posible deberán colocar teas paxareiras ou outro dispositivo que evite o contacto entre as aves domesticas e as silvestres, ademais de impedir o aceso destas a auga e a alimentación
  • Queda prohibido o uso de reclamos de caza con aves do tipo anátidas (parrulos ou similares) e charadriiformes (gaivotas e similares)
  • Prohíbese a cría de parrulos, ocas e gansos con outras especies de aves de curral.
  • Queda prohibido dar ás aves de curral auga procedente de depósitos superficiais, fontes ou outras orixes as que puideran ter aceso aves silvestres
  • Os depósitos de abastecemento de auga para aves domésticas que estean no exterior deberán ser protexidos para evitar que poidan acceder aves silvestres e as súas dexeccións
  • Quedan prohibidas as concentracións de aves de calquera tipo
  • É obrigatoria a inscrición dos currais familiares de autoconsumo no Rexistro Galego de Explotacións Avícolas da consellería de Medio Rural

Esta inscrición poderá realizarse mediante o formulario MR501A na sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente na Oficina Agraria Comarcal.

O serotipo actual da gripe aviar o H5N1 ten unha elevada mortaldade entre as aves, pero unha transmisibilidade ás persoas insignificante. Aínda así debido a alta capacidade de difusión entre as aves e as graves repercusións económicas desta enfermidade é moi importante unha detección precoz polo que calquera sospeita de que unha ave poida padecer gripe aviar debe ser comunicada de inmediato ós Servizos Veterinarios Oficiais da Consellería de Medio Rural.

A Xunta elimina un punto de verquido de augas residuais en Redondela

0

A Xunta eliminou un punto de vertido de augas residuais cara ao río Fondón, no concello de Redondela.

Este foco foi identificado no marco das inspeccións rutineiras de seguimento levadas a cabo polos técnicos do Programa de Control de Vertidos, dependente de Augas de Galicia, no ámbito territorial da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.

Os técnicos da Xunta desprazados á zona, localizaron a orixe da afección no lugar de Angorén, na parroquia de Chapela.

As mostraxes efectuadas polo persoal de Augas de Galicia no foco permitiron confirmar a existencia de contaminación procedente das filtracións existentes na infraestrutura de saneamento desa zona.

Augas de Galicia notificoulle a situación ao Concello de Redondela para que procedese a adoptar as medidas necesarias para emendar a achega contaminante.

Nunha nova inspección xirada á zona, os técnicos da Xunta corroboraron a reparación da infraestrutura de saneamento municipal, emendando así o vertido en condicións inadecuadas cara ao dominio público hidráulico.

Tomiño convértese na capital da lusofonía

0

A vila de Goián en Tomiño, dende o seu ‘Centro Goianés’, converteuse por unhas horas na ‘capital’ da lusofonía en todo o mundo grazas á celebración da gala ‘A República dos Sonhos’ e co lema ‘Non somos o mesmo país, pero non somos estranxeiros’.

O evento, organizado pola Deputación de Pontevedra e o Igadi e a colaboración do Concello de Tomiño e o AECT Rio Minho, reuniu de maneira presencial r telemática a persoas de Galicia, Portugal, Cabo Verde, São Tomé de Príncipe e o Brasil para celebrar a súa irmandade e as potencialidades dos pobos de fala lusófona, a súa cercanía cultural, patrimonial e social dende un espazo transfronteirizo como o Miño, no que a veciñanza galega e lusa fan vida común. De facto, foi tamén unha homenaxe á escritora Nélida Piñón, que ía tomar parte do acto e axudou a levalo adiante, mais faleceu recentemente.

A presentadora do programa ‘Dígocho eu!’ da TVG, Esther Estévez, foi a responsable de conducir a gala, que contou coa participación musical de Uxía, quen interpretou varias pezas coa lusofonía como nexo. Na parte institucional foron entrevistadas a presidenta da Deputación Carmela Silva, o deputado de Cooperación Transfronteiriza e director do AECT Uxío Benítez, a alcaldesa de Tomiño Sandra González e o presidente de cámara de Vila Nova de Cerveira Rui Teixeira, mentres que na parte cultural, social e económica participaron presencialmente o historiador Ramón Villares, o xornalista Julián Rodríguez, a investigadora e filóloga Helena Pousa, o ex correspondente da TVG en Porto Carlos Portas e o director da editorial Laiovento , Alfonso Ribas, persoa cercana a Nélida Piñón.

A gala comezou coa intervención da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, quen fixo de anfitrioa e salientou que Tomiño e a súa veciñanza é “terra e pobo da lusofonía, fronteira e ventana cara o mundo” pola súa vinculación de sempre con Portugal, pero tamén máis alá do mar, co Brasil. Subliñou a súa esperanza en que a gala “sexa o primeiro dunha serie de eventos que poñan Tomiño no centro por ser “en esencia” territorio transfronteirizo. Destacou tamén que a lusofonía é unha “ponte para o galego porque o abre cara o resto do mundo” xa que a lingua “que nos identifica como país é a expresión mais humana e o galego ponos en contacto con millóns de persoas”. Tomou despois a palabra o presidente de Cámara Rui Teixeira, que falou da boa relación entre ambos concellos e como comparten servizos ao terse constituído como eurocidade.

Seguiu no programa o deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez, quen recibiu a sorpresa da xornada grazas a unha conexión en directo coa súa familia do Brasil, o que puxo de manifesto a grande unión que existe a día de hoxe entre Tomiño e o país brasileiro. Logo dun momento de grande emoción, Benítez lembrou que a relación vén de lonxe, xa que o Centro Goianés construíuse grazas a que a veciñanza da zona quería dinamizar o lugar e conseguiu levantar o edificio a principios do século XX con, entre outros, fondos chegados de Santos e Sao Paulo, sendo rehabilitado a mediados dese século outra vez con cartos indianos do Brasil e tamén con achegas de emigrantes en Nova Iorque.

Xa no máis próximo, Benítez quixo destacar o importante nexo que existe no territorio da fronteira do Miño, que sinalou como a máis dinámica de toda a Península Ibérica tanto dende o punto de vista económico e social como cultural. Subliñou que tanto dende o AECT como dende a Deputación se están a desenvolver programas para aproveitar as potencialidades de maneira conxunta tanto dende o punto de vista turístico como social, económico e cultural.

Reinventar o territorio

Como broche final, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, puxo de relevo na súa intervención na gala o forte vínculo e unión entre os pobos transfronteirizos do sur da provincia de Pontevedra e o norte de Portugal “que sempre foi moito máis aló do xeográfico”. “Somos, como se di nesta gala, pobos diferentes pero irmáns, como amosou a gran Nélida Piñón a quen hoxe lembramos. Temos linguas irmás e temos compartido vida –subliñou-. Vivimos nun espazo común onde non nos separa unha fronteira, senón que precisamente nos atopamos no lugar de maior acercamento entre estas dúas culturas. As e os habitantes das dúas beiras do río témonos relacionado con afectos, con relacións comerciais… Sempre por riba de calquera división administrativa ou política. As persoas primeiro. Ese é tamén o noso lema”.

“Estamos máis preto que nunca e impulsamos proxectos que seguen a reafirmar esa unión e cos que queremos seguir a potenciar o noso territorio”, subliñou, tras lembrar tamén que na recente feira de Fitur en Madrid os Gobernos español e luso teñen presentado a nova Estratexia de Turismo Sostible Transfronteirizo España-Portugal.