9.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeVal MiñorNigránRematados os traballos de emerxencia no castro de Panxón

    Rematados os traballos de emerxencia no castro de Panxón

    O Concello de Nigrán rematou esta semana o traballo de prospección de emerxencia do castro de Panxón. As fortes chuvas de finais de decembro deixaron ao descuberto o pasado romano e castrexo deste núcleo ao producirse un desprendemento de terra sobre a praia da Madorra. Ante este derrubo da ladeira noroeste e a aparicion case a simple vista de milleiros de pezas, o Concello contratou de urxencia a Árbore Arqueoloxía o proxecto de investigación, prospección e estudo de materiais (previo permiso de Patrimonio). O traballo de campo de catro arqueólogos, xa finalizado, permitíu recuperar milleiros de fragmentos de cerámica de distintos periodos (fundamentalmente tellas e ánforas), muíños romanos e castrexos ou osos de animais. Compre destacar que a este núcleo pertence o xa famoso mosaico romano cun motivo mariñeiro que está sendo repatriado desde EEUU ou unha coñecida ara a Mercurio.

    “O sorprendente deste achado é a cantidade inxente de pezas, non a singularidade das mesmas; aparecen sen realizar o mínimo esforzo “, indica a arqueóloga Nerea Vilariño sobre os 360 m2 de superficie que se desprenderon en espazo público e que foron analizados. Esta altísima concentración apunta a que mesmo a zona se correspondese cun vertedoiro onde os seus habitantes tiraban os restos de comida ou lixo.

    Tras esta prospección (a primeira na Historia que se realiza sobre o castro) os restos atopados serán levados a analizar a un laboratorio especializado en materiais de época romana. Esta análise científica permitirá acotar con maior exactitude o periodo de tempo no que estivo habitado este castro e posterior villa romana (actualmente se sitúa entre o S.II-III a. C, Idade de Ferro, e o IV-V d.C. ).

    “A maioría dos 3.700 m2 que ocupa o castro son terreo privado, como Concello puidemos actuar aquí por ser espazo público e, grazas a elo, teremos a oportunidade de coñecer máis sobre o noso pasado romano e castrexo, o que nos permitirá promocionar e divulgar mellor a importancia de Panxón, máxime cando estamos a piques de recibir o famoso mosaico do muxo”, explica o alcalde e tamén historiador, Juan González. De feito, a fase final do estudo será entregar ao Museo de Pontevedra os restos acompañados dun exhaustivo informe.

    “O problema deste castro ubicado nunha península é a propia erosión ao que o somete o mar, arrastrando con el a terra e, consecuentemente, parte do xacemento, por iso é importante aproveitar esta oportunidade para realizar estudos”, considera o rexedor.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.