12.4 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas promove a contratación de 25 persoas a través do Plan Concellos...

    Ponteareas promove a contratación de 25 persoas a través do Plan Concellos 2023

    Os contratos terán unha duración de entre 4 e 9 meses

    O Concello de Ponteareas incorporará este ano ao seu persoal a 25 traballadores desempregados ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, dentro da liña 3 para a activación do emprego. Como sinala a alcaldesa, Cristina Fernández, con esta medida “dende o Goberno municipal do BNG-PSOE seguimos dando prioridade á creación de emprego con novas incorporacións que suporán unha oportunidade laboral a veciños e veciñas na procura de emprego e que permitirán reforzar e mellorar servizos básicos municipais que precisan máis persoal ou nos que se realizan traballos estacionais. Nos últimos catro anos, máis de 120 ponteareás e ponteareáns puideron aproveitar estas oportunidades”.

    A través deste plan de contratación cubriranse ata 10 categorías diferentes con traballadores e traballadoras a xornada completa e contratos de entre 4 e 9 meses de duración, dependendo das necesidades de cada departamento. Deste xeito prevese a incorporación de:

    • 10 peóns de medio ambiente (4 con contrato de 9 meses e 6 de seis meses)
    • Tres oficiais 3ª de servizos varios (dous con contratos cunha duración de seis meses e outro de catro)
    • Un auxiliar de clínica (9 meses)
    • Dous persoas como auxiliar administrativo (6 meses)
    • Un limpador ou limpadora (6 meses)
    • Dúas persoas como monitoras de ocio e tempo libre (6 meses)
    • Un técnico ou técnica en obra pública (6 meses)
    • Dous peóns de Vías e Obras (6 meses)
    • Un oficial 3ª en fontanaría (6 meses)
    • Dous oficiais 3ª en albanelaría (6 meses)

    Con estas contratacións o Goberno municipal do BNG-PSOE ponteareán axudará ás e aos novos traballadores a desenvolver diferentes habilidades para o emprego e a adquirir experiencia de cara á súa inserción laboral.  “Impulsamos a creación de oportunidades laborais entre persoas que en moitas ocasións xa levaban tempo na procura dun traballo”,  destaca a concelleira de Formación e Emprego, Vanesa Fernández, que explica que “as persoas contratadas a través do Plan Concellos formarán parte do equipo diario de traballo de diferentes áreas, mellorando o servizo ofrecido á veciñanza”.

    O Servizo Público de Emprego de Galicia será o encargado de realizar a primeira selección dos e das aspirantes. Na selección terán preferencia as persoas vítimas de violencia de xénero, maiores de 45 anos, persoas que acrediten unha discapacidade superior ao 33 % sempre que permita realizar as funcións de cada un dos postos, familias monoparentais con fillos ao seu cargo ou persoas con niveis de renda baixa e con cargas familiares.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.