Mércores, 11 Decembro de 2024

O Val Miñor recibe un investimento histórico da Deputación

A presidenta Carmela Silva compareceu nun almorzo informativo en Baiona para dar conta da xestión realizada no Val Miñor durante os dous mandatos que está a piques de completar á fronte da Deputación e que supoñen un investimento histórico acumulado de case 42 millóns de euros de fondos provinciais “para transformar como nunca os concellos de Baiona, Nigrán e Gondomar”. “As cifras falan por si soas”, subliñou, unha inxente cantidade de  recursos provinciais que permitiron executar un total de 370 obras; crear 552 empregos coa contratación de persoas desempregadas para traballar en diferentes servizos municipais, e a realización de 2.400 actividades culturais, sociais, deportivas e de fomento da igualdade.

Cando o próximo mes de agosto se completen estes dous mandatos a Deputación terá investido en Nigrán 15,1 millóns de euros; en Gondomar, 13,3 millóns de euros e, finalmente, en Baiona, 13,4 millóns de euros. Carmela Silva falou directamente non só de “cifras incontestables”, senón tamén de “recursos que agora se reparten tódolos anos, goberne quen goberne cada concello, de xeito regrado, e con independencia do ciclo electoral.

“Falamos dunha transformación histórica con cifras que evidencian “un progreso sen precedentes, construíndo grandes equipamentos e actuacións”. “Non hai ningunha Administración que poida presentar un balance como este: tódalas grandes obras con nome e apelidos levan o selo da Deputación”, remarcou. “Hai que contar e explicar o que se fixo e que a cidadanía teña os datos para saber, con datos enriba da mesa, que nunca, nunca, se fixo tanto polo Val Miñor”. De actuacións absolutamente demandadas como o Multiusos de Sabarís e a remodelación do Paseo Pinzón (Baiona), da humanización da avenida de Otero Pedraio ou da nova biblioteca de Nigrán, das prazas de Paradela e de Rosalía Castro en Gondomar, das grandes obras nas estradas, da Administración electrónica nos concellos, da iluminación sostible, das oficinas turísticas dixitalizadas, do apoio ao sector turístico, dos grandes festivais de música ou dos campionatos náuticos. Todo isto da man da Deputación”.

O Plan Concellos foi o “motor deste cambio”, achegando un volume de financiamento estable que superou os 23.264.538 euros no Val Miñor. Financiou un total de 52 obras municipais en Nigrán, 76 en Gondomar e 47 en Baiona. Moitas delas obras singulares e recoñecidas pola veciñanza que gozaron de fondos cun plan provincial baseado no respecto á autonomía municipal. A rehabilitación do muíño do Porto do Molle (Nigrán), un novo lote de pavimentacións rurais en Gondomar ou a adecuación da rúa Carabela Pinta (Baiona) son algunhas das actuacións que están a piques de desenvolverse ao abeiro do Plan Concellos.

Os plans extraordinarios, convocados en concorrencia competitiva, posibilitaron desenvolver as grandes dotacións e equipamentos. Unha achega total de máis de 4,8 millóns de euros para mellorar a seguridade  viaria na avenida de Sabarís (Baiona), a biblioteca de Nigrán ou a rúa da Gaivota e, finalmente, para a reforma integral da praza de Paradela (Gondomar). Agora mesmo a Deputación está a mobilizar 2,4 millóns de euros no Valmiñor co plan ReacPon. Xa están en marcha as obras “do balcón ao mar de Baiona”, que é o Paseo Pinzón e tamén as da humanización da rúa Otero Pedraio, de Nigrán. E en Gondomar xa está inaugurada a nova praza de Rosalía de Castro, “que xunto coa praza de Paradela creou outro Gondomar”.

21 grandes obras de seguridade viaria e proxectos para dúas grandes sendas peonís

As estradas provinciais absorberon 5,1 millóns de euros repartidos en 21 grandes obras de mellora da seguridade viaria, 112 de calmado de tráfico e 47 de conservación e mantemento. A rotonda de Gondomar (rúas San Bieito e do Emigrante), a pavimentación da estrada Chaín-Morgadáns e o acceso a Chenlo, en Gondomar; a pavimentación da estrada Sabarís-Belesar, a mellora da seguridade na Baredo-Loureza (Baiona) ou as pavimentacións en marcha nas estradas de Panxón-Patos e Monteferro (Nigrán) son algúns exemplos. A presidenta aproveitou o almorzo informativo para informar da inminente licitación da senda de Parada e da próxima sinatura do convenio para a senda de Chandebrito, dous investimentos que superarán os 4 millóns de euros, como exemplo de próximas actuacións.

Os fondos europeos que o Goberno do Estado envía á Deputación significaron xa unha achega de 657.000 euros para o Valmiñor co obxectivo de avanzar na iluminación sostible, a eficiencia enerxética e a modernización dos puntos limpos de Nigrán e Gondomar.

Por servizos provinciais, Igualdade ofertou 53 cursos e repartiu 150.000 euros en subvencións aos concellos. En Cohesión Social, financiáronse os Servizos Sociais Comunitarios con 1,4 millóns de euros e as axudas de emerxencia con outros 254.000 euros. Amais repartíronse  subvencións a entidades sociais para proxectos como o rexeitamento do acoso escolar, a piscina terapéutica para maiores ou o apoio a persoas con autismo. O servizo provincial de Turismo investiu 800.000 euros para dixitalizar a praia América en Nigrán, levar o selo de calidade SICTED a 13 empresas e modernizar as dúas oficinas da rede Rías Baixas, en Baiona e Nigrán, ademais de apoiar ao comercio co proxecto Commerce Inside. Finalmente, déronse subvencións a festivais e probas deportivas náuticas. A Deputación fixo posible 1.900 actuacións musicais, teatrais e audiovisuais no Val Miñor a través do servizo de Cultura. Na área de Deportes dedicou case un millón de euros para financiar a 73 clubs, 26 deportistas e 15 escolas deportivas. Finalmente, o servizo de Novas Tecnoloxías fixo posible a Administración electrónica municipal e asesorou ás empresas no seu avance cara á dixitalización.