14.3 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO Museo de Pontevedra, "unha auténtica xoia"

    O Museo de Pontevedra, “unha auténtica xoia”

    Os distintivos ‘Q’ de calidade e o ‘S’ de sustentabilidade turística acadados polo Museo de Pontevedra xa están en Pontevedra e foron o centro dunha celebración conxunta que compartiron representantes da propia institución, da Deputación, do Concello capitalino e da cidadanía nun acto que puxo de relevo que o Museo “é unha auténtica xoia” que debe ser aínda máis coñecida polo gran público.

    O evento, dirixido pola xornalista Susana Pedreira e coa ambientación musical do dúo Mallou, tivo a participación da presidenta Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, o director do Museo Xosé Manuel Rey, xunto ao alcalde Miguel Anxo Fernández Lores, que coincidiron ao destacar a categoría do Museo como o de máis interese de todo o país e un dos máis relevantes a nivel estatal.

    Estiveron presentes integrantes do Consello asesor do Museo como Lola Dopico ou Kin Martínez, as deputadas Ana Laura Iglesias, Gregorio Agís e Pepa Pardo da Corporación Provincial, así como integrantes da Corporación municipal como Eva Vilaverde, Carmen Fouces, Carme da Silva, Xaquín Moreda, ou Demetrio Gomez (BNG), Silvia Junco e Martín Martínez (PP) e Agustín Fernández (PSOE).

    Tamén tomaron parte do evento representantes das tres entidades que obtiveron outras distincións da ‘Q’ de calidade na cidade: Xosé Cannas por Ultramar, Iñaki Bretal por Eirado da Leña, e Meritxell Marcos, directora do Parador, que salientaron o grande estímulo que supón ser recoñecido por calidade a nivel estatal e a relevancia que supón convivir co Museo nunha cidade coas características de Pontevedra.

    O vicepresidente Mosquera, como responsable político da institución museística, destacou que os distintivos do ICTE son o recoñecemento a un saber facer “que xa se coñece de maneira interna”, pero que é preciso aproveitar e potenciar dándolle tamén a “máxima trascendencia” no exterior. Neste sentido, lembrou unha vez máis que o Museo é a única entidade do seu ámbito en todo o estado que ten o ‘Q’ e o ‘S’, mentres que pinacotecas como o Thyssen ou o Guggenheim ou o arqueolóxico de Alicante só teñen o primeiro galardón. “Por comparar, non teñen ningún dos distintivos o Prado nin o Reina Sofía”, destacou.

    “O Museo de Pontevedra –gabouse o nacionalista- é o mellor museo de toda Galicia a anos luz dos demais tanto por fondos como por funcionamento e calidade. É unha auténtica xoia”. Lembrou, neste sentido, que houbo un erro histórico cando na época de Fraga se apostou por construír a Cidade da Cultura: “O museo nacional de Galiza xa estaba en Pontevedra”, sentenzou.

    Na mesma liña seguiu o director do Museo, Xosé Manuel Rey, quen destacou que os recoñecementos do ICTE son froito de anos de traballo e moita xente, non “flor dun día”. Fixo un agradecemento expreso á persoa responsable de Avaliación e Calidade por ser a artífice dos recoñecementos, e salientou que “supoñen diferenciarse nun mundo tan competitivo como é o dos museos”. “É moi interesante porque serven para identificar puntos fortes e débiles e marcar unha folla de ruta. A partir de aquí iremos medrando cara o futuro”, dixo.

    O alcalde de Pontevedra, Fernández Lores, salientou dous conceptos sobre o Museo: a súa importancia para a cidade e a súa excelencia. Neste sentido, lembrou que dende a súa fundación sempre foi valorado e sempre estivo do lado da cidade e contou co apoio de todos os sectores sociais. En canto á excelencia subliñou que se trata dun referente dentro dunha cidade referente que está á vangarda arquitectónica, de programación e pola súa capacidade de fusión coa cidade.

    © Rafa Estévez

    Experiencias turísticas únicas

    Pola súa banda, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, asegurou que “temos unha firme aposta pola calidade do destino Rías Baixas o que nos tiña convertido xa en líderes en Galicia en canto a oficinas de turismo galardoadas coa Q de calidade. Agora, co distintivo Q que vén de conseguir o Museo de Pontevedra,  e S de sustentabilidade, damos un salto máis, un paso cara adiante que recompensa o esforzo, compromiso e dedicación do persoal implicado na prestación dun servizo orientado ás e aos visitantes que aposta pola mellora continua e o respecto á contorna natural”.

    Ademais de poñer o aceno no esforzo realizado polas persoas traballadoras, a presidenta provincial destacou que a “Q” de calidade e a “S” de sustentabilidade é tamén “unha garantía cara aquelas e aqueles que nos visitan, que saben que a provincia é sinónimo de confianza, de seguridade, de compromiso, ter feito moi ben as cousas e de profesionalidade en canto á prestación de servizos orientados a construír experiencias turísticas únicas”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.