13.3 C
Pontevedra
Xoves, 18 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas remata a renovación de dous vieiros no parque forestal da Picaraña

    Ponteareas remata a renovación de dous vieiros no parque forestal da Picaraña

    O Concello de Ponteareas segue avanzando na mellora da rede municipal de estradas e vieiros de todo municipio. A Concellaría de Vías e Obras vén de rematar a renovación de dous vieiros no parque forestal da Picaraña, onde se realizaron traballos de pavimentación de dúas pistas de acceso dende o barrio de Canedo e As Cachadas ata a confluencia co acceso dende a parroquia de Arcos.

    “Durante o último mes levamos a cabo unha actuación moi necesaria e positiva para todas as persoas que pasan de forma habitual por esta zona. Trátanse dunhas pistas moi transitadas tanto a pé como polo tráfico rodado dada a súa proximidade ao parque forestal da Picaraña e ao centro urbano, polo que a súa renovación e mellora era fundamental”, recalca a concelleira, Chus Garrote.

    Cun investimento de máis de 104.000 euros financiados ao abeiro do Plan Concellos 2022-2023 da Deputación de Pontevedra e tras conseguir a autorización da Dirección Xeral de Patrimonio, as obras contemplaron a limpeza da marxe dos vieiros e a apertura de cunetas ao longo de case 2,4 quilómetros de estrada. Tras estes traballos procedeuse a pavimentar os dous camiños, que contan cunha superficie total de 11.000 metros cadrados.

    Como sinala a edil, as obras destes dous vieiros no parque forestal da Picaraña “forma parte do proxecto do Goberno municipal do BNG-PSOE para ir renovando o gran número de estradas coas que conta Ponteareas e as súas 24 parroquias, rexenerando camiños e vieiros, mellorando as nosas infraestruturas e garantindo a seguridade de todas as persoas que as empregan cada día”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.