8.7 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoO RosalO Rosal, concello pioneiro da Rede Ágora

    O Rosal, concello pioneiro da Rede Ágora

    O Concello levará esta nova normativa ao pleno que se celebrará este xoves 26 de xaneiro ás 20.30 horas

    O Concello do Rosal segue adaptando as súas rúas e prazas aos novos modelos de mobilidade, no que as persoas son a prioridade. Neste camiño, o Goberno municipal aprobará este xoves 26 en pleno a nova ordenanza reguladora da mobilidade amable e de espazos públicos, converténdose no primeiro municipio da Rede Ágora en aprobar unha normativa que “non regula unicamente o tráfico dos vehículos de motor, senón que toma como referencia o dereito das persoas ao espazo público e marca un novo esquema de prioridades no seu uso, no que a marcha a pé ocupa o primeiro lugar”, segundo explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

    A aprobación desta normativa supón un paso máis do Concello rosaleiro no seu compromiso con levar a cabo políticas de recuperación dos espazos públicos e fomentar as mobilidades alternativas no municipio, incrementando o espazo reservado para as persoas e para os itinerarios peonís e ciclables. “Esta ordenanza, que fai súa a filosofía da Rede Ágora, é a ferramenta que precisamos para acadar todos estes obxectivos”, recalca a rexedora.

    Esta nova ordenanza inclúe importantes novidades, como a definición do que é un peón ou peoa máis alá da condición de viandante; diferencia entre mobilidade peonil, mecanizada e motorizada; establece a prioridade dos usos peonís nos espazos públicos ou prohibe expresamente os comportamentos que busquen expulsar ás e aos peóns destes espazos de preferencia peonil, entre outros.

    Deste xeito, este regulamento recolle os principios básicos da Rede Ágora, como son que o espazo público é un dereito, ao mesmo nivel que a sanidade ou a educación; que as persoas son a prioridade, antepoñendo a mobilidade peonil a outros modos de transporte; que se fomente a mobilidade inclusiva e a autonomía infantil, promovendo por exemplo a creación de camiños escolares seguros; dar prioridade ás mobilidades alternativas e á seguridade viaria creando espazos seguros coa posta en marcha de políticas de calmado do tráfico; fomentar un hábitat saudable, crear espazos amables e de calidade; potenciar a actividade económica de proximidade e fomentar a mobilidade sostible, especialmente ante a actual crise climática.

    O Concello celebrará esta primeira sesión plenaria do ano este xoves 26 a partir das 20.30 horas no salón de plenos da Casa Consistorial.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.