18.5 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO AECT Rio Minho contribuirá a crear un novo programa europeo

    O AECT Rio Minho contribuirá a crear un novo programa europeo

    O AECT Rio Minho contribuirá a crear un novo programa europeo que repartirá fondos para mellorar a gobernanza transfronteiriza e buscará dispoñer dun instrumento de cogobernanza propio do territorio miñoto con competencias reais e poder de decisión para desenvolver políticas e actuacións que melloren a vida da veciñanza da raia.

    Así o anunciou hoxe o director do agrupamento e deputado de Cooperación Transfronteiriza Uxío Benítez tras a súa reunión en Bruxelas na primeira reunión de traballo do proxecto piloto da Comisión Europea e a OCDE ‘Building More Resilient Cross-border Regions’ na que están involucradas outras catro rexións transfronteirizas en Europa.

    O deputado destacou que o obxectivo do proxecto piloto que comezou hoxe é analizar a situación actual das rexións transfronteirizas para saber onde se deben investir os cartos europeos dese programa de nova creación similar ao Interreg, que a día de hoxe manexa 379 millóns de euros para axudar aos gobernos a solucionar problemas de desenvolvemento rexional.

    O novo programa específico con fondos para mellorar a gobernanza multinivel quérese poñer en marcha logo de que a Unión Europea detectase graves problemas e afeccións sufridos polos territorios de fronteira ante a pandemia da COVID-19, agravados pola falta de cogobernanza e as diferentes políticas impulsadas polos diferentes gobernos (Portugal e España, no caso do Miño) a diferentes niveis –política fiscal, sanidade, transporte, educación, emprego…-.

    Segundo subliñou Benítez, o AECT Rio Minho foi seleccionado para participar no proxecto piloto que contribuirá a sentar as bases dese programa pola súa importante actividade durante a pandemia, así como pola boa imaxe e o traballo amosado en diferentes webinars e sesións de traballo organizadas dende a Unión Europea nos últimos meses.

    O obxectivo final e o desafío para o AECT Rio Minho coa participación no proxecto, destacou o director, é a creación dun instrumento ou entidade de cogobernanza propio do territorio miñoto que teña competencias delegadas dos estados centrais para poder actuar e resolver problemas reais na práctica. Neste sentido, Benítez destacou que agora mesmo o AECT traballa en poñer de acordo ás institucións que teñen potestade para gobernar, que están duplicadas nos dous países e sen apenas coordinación a pesares de que o territorio do río caracterízase por ter características comúns. “O río é un fenómeno natural e xeográfico máis antigo que as fronteiras e hai que derrubar os problemas administrativos que impiden valorizalo”, salientou.

    En concreto, Benítez apuntou a necesidade de xestionar os valores naturais do río Miño de maneira conxunta para aproveitar os seus valores e potencialidades. Tamén subliñou a necesidade de regular a cidadanía transfronteiriza para que non se volvan producir os problemas derivados dos peches de fronteiras que se sufriron durante a pandemia.

    A reunión mantida na mañá de hoxe en Bruxelas serviu para establecer un calendario de traballo. Primeiramente os territorios participantes, neste caso o do Río Miño, terá que remitir á equipa de traballo da CE e a OCDE información básica sobre as súas características; un segundo paso será a realización de inquéritos na sociedade tanto a nivel público como privado; seguirán varias visitas ao territorio; novos encontros conxuntos, e a celebración dun foro final de conclusións.

    As outras catro rexións piloto escollidas pola CE xunto ao territorio miñoto son lugares situados entre Bélxica e Francia -por medio da Eurometropolis Lille-Kortrijk-Tournai (GECT)-; Francia e Luxemburgo a través do GECT Alzette Belval & Pôle Métropolitain Frontalier du Nord Lorrain & PROL-SUD; Lituania e Polonia, a través da Asociación “Eurorrexión Niemen” e Municipio da cidade de Alytus; e  Andorra, Francia e España a través da Comunidade de Traballo dos Pireneos (CTP).

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.