16 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoPonteareasPonteareas avanza na concesión do servizo de abastecemento de auga, saneamento e...

    Ponteareas avanza na concesión do servizo de abastecemento de auga, saneamento e depuración

    O Goberno municipal do BNG-PSOE continua avanzando nos trámites para licitar a concesión do servizo de abastecemento de auga, saneamento e depuración. O executivo local prevé aprobar no pleno do vindeiro 31 de xaneiro o anteproxecto de explotación, que inclúe como obriga para a próxima concesionaria a realización de numerosas e importantes obras de abastecemento de auga, saneamento e depuración en diferentes parroquias por un importe mínimo de 1.671.000 millóns de euros e até dun máximo de 9.300.000 euros, en función das ofertas que presenten as empresas interesadas. A concesión do servizo será por un período de 20 anos e a empresa concesionaria deberá abonar un canon total nese período de máis de 1.300.000 euros.

    Ademais dos investimentos que a concesionaria terá que realizar en obras públicas, o servizo incluirá a xestión do saneamento e do baleirado de fosas sépticas, xa que até agora a concesionaria unicamente se ocupaba do abastecemento e da xestión da depuradora da Moscadeira.

    Antecedentes

    A anterior adxudicación deste servizo realizouse no ano 1989 á empresa Aquagest, actualmente Viaqua, e en 1998 ampliouse o prazo até 2020, é dicir, un total de 31 anos.  Ademais, en 2012, o goberno presidido por González Solla ampliou a concesión á xestión da Estación de Tratamento de Auga Potábel directamente sen licitación, o que deu lugar en 2014 a investigacións policiais e xudiciais, coñecidas como Patos e Pokemon, por presuntas irregularidades atribuídas ao alcalde González Solla e á concelleira Belén Villar, ao constatar a entrega de agasallos por parte da concesionaria. A investigación foi finalmente arquivada.

    Esa investigación provocou o retraso nesta nova licitación xa que a xustiza, no marco de ditas operacións, incautouse no Concello de Ponteareas, a través da Policía Xudicial, de toda a documentación relativa á concesión que foi devolta recentemente polo Xulgado, posibilitando así a tramitación da nova concesión.

    Valoración

    A alcaldesa de Ponteareas, Cristina Fernández, salientou que “o modelo que imos implantar supón un avance crucial en beneficio do interese xeral de Ponteareas. A diferenza da anterior concesión, da que non se obtiña ningunha mellora nin vantaxe para a veciñanza, a empresa que agora xestione o servizo terá que realizar cun custo cero para o Concello numerosas obras de abastecemento de auga, saneamento e depuración no noso rural, que poden chegar a acadar case 10 millóns de euros. Ademais, fronte aos 31 anos da anterior concesión esta limítase a 20 e inclúe tamén a xestión da rede de saneamento e o baleirado de fosas sépticas. E todo o proceso faise coa máxima transparencia”.

    Unha vez aprobado o anteproxecto exporase ao público e tras resolver as alegacións que se poidan presentar, o Concello licitará o servizo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.