Chévere abre, este venres, a programación teatral para os meses de febreiro e marzo no Teatro Municipal de Tui, nunha proposta coproducida polo Centro Dramático Nacional.
N.E.V.E.R.M.O.R.E. é o título desta obra de teatro, que abre a caixa negra do Prestige e rescata a maior traxedia medioambiental de Galicia, o berro dun pobo ante a catástrofe e tece lazos coa pandemia actual.
Co desastre do Prestige como tema central do espectáculo, esta obra de Xron acode á memoria colectiva para recordar esta historia.
O elenco está conformado polos actores e actrices Miguel de Lira, Patricia Lorenzo, Borja Fernández, Mónica García, Tone Martínez e Arantza Villar, que darán vida aos personaxes desta obra que pon o foco nese día 13 de novembro de 2002.
A obra está recomendada a partir de 14 anos e ten unha duración de 110’. As entradas están xa á venda en tui.gal aos prezos de 10 e 8 euros, este último coa tarifa reducida presentando o documento acreditativo de o carné xove, carné de estudante, da Biblioteca de Tui, familia numerosa, carné de discapacidade, desemprego ou xubilación e menores de 12 anos.
Toda a información deste outono de teatro en Tui pódese consultar nas redes do concello e tamén na web tui.gal.
O 27 de decembro solicitouse a autoriación á Xunta de Galicia da retirada do amianto para poder derrubar a nave de Vilavella, requerido por última vez o 17 de xaneiro de 2023. Este é un procedemento imprescindible para comezar a obra de forma segura.
Segundo a alcaldesa Digna Rivas “a retirada do amianto é un proceso necesario e que conleva un risco, polo que ten un proccedemento concreto e minucioso para poder facer a obra sen que ningún técnico/a, operario/a ou veiño/a corra perigo. Isto supón unha pequena demora, pero dende o goberno local aseguramos que estamos con tódolos trámites necesarios para cumplir coa legaliade e continuar o proxecto dentro de prazo”.
Dende o concello explican que xa tiñan en conta o amianto dentro do plan do proxecto e que “todo continúa o seu curso normal e é moi importante seguir o transcurso legal”. En canto reciban a autorización comenzarán co derrubo da nave.
Proxecto
Este é un proxecto financiado pola Diputación de Pontevedra a través do Plan Concellos 2022-2023 e forma parte do plan que transformará completamente a Praza de Ponteareas, unha das principais vías de entrada ao casco urbano.
O estacionamento proxectado “contará con decenas de prazas e permitirá dispoñer dun espazo próximo ao centro urbano e continuar coa transformación iniciada polo Goberno local no marco da mobilidade sostible e da recuperación de espazos públicos para a cidadanía”, explica a alcaldesa Digna Rivas.
A estratéxica situación do aparcadoiro disuasorio –xusto na entrada do centro urbano– permitirá a desmasificación de estacionamentos de vehículos que, diariamente, se produce nas beiravías da estrada. Este aparcadoiro complementará aos dous aparcadoiros libres existentes no casco urbano reforzados polo aparcadoiro soterrado da Xunqueira.
Coa transformación da parcela situada a carón do convento de Vilavella, ata agora propiedade da firma Building Centera, o Goberno redondelán cumpre un dobre obxectivo: por unha banda gáñase un novo espazo para a cidadanía e por outra, derrúbase unha nave situada a carón dun ben patrimonial como é o convento de Vilavella. A maiores, a actuación ten un beneficio medioambiental engadido xa que o solar linda co río e conecta co paseo do Salgueiral.
O Estadio Municipal de Ponteareas foi a instalación municipal que máis padeceu os efectos da meteoroloxía adversa deste inverno. Tras varias inundacións dende novembro, o pasado 1 de xaneiro máis de 2 metros de altura de auga do río Tea cubriron as instalacións durante varias horas.
Dende o día seguinte, o Concello de Ponteareas centrouse en avaliar e posteriormente resolver as múltiples incidencias producidas, que principalmente consistiron na retirada dunha importante capa de materia orgánica acumulada; na limpeza de limo nos accesos, nos vestiarios, baños e cuartos; na reparación da instalación eléctrica e sistema de rego; na substitución de caldeiras; na reposición de portais, redes, mobiliario… Segundo indica o concelleiro de Deportes, Miguel Bouzó, “nesta semana afrontamos a recta final dos traballos, realizando as reparacións máis custosas e substituíndo algúns elementos que sufriron danos irreparables.” Así mesmo, o concelleiro agradeceu “o traballo dos empregados municipais e a comprensión das persoas usuarias que conviviron coas molestias dos traballos mentres se desenvolvía a actividade na instalación”.
No caso do céspede artificial do Campo Alfredo Bautista Alconero, a riada depositou unha gran capa de limo e desprazou a manta de céspede e os recheos nunha esquina do tapete. Aínda que era posíbel o uso do terreo de xogo para os adestramentos, foi necesario realizar traballos de estirado e cepillado para poder desenvolver con normalidade os partidos federados.
Pola súa banda, o céspede natural do Campo de Pardellas foi un dos máis danados. Para o seu tratamento, o Concello contou co asesoramento técnico dunha destacada empresa de mantemento de céspede deportivo. A súa enxeñeira e coordinadora en Galicia informaba que “tralas inundacións, depositouse unha capa de limos no terreo de xogo que fai que a superficie sexa totalmente esvaradía”, o que provocou que “o estado do céspede non fora adecuado para disputar un partido garantindo a seguridade dos xogadores”.
O informe técnico destacou que “para solucionar momentaneamente estes problemas será necesario entrar con maquinaria e realizar un recebo de area de sílice dunhas 60 toneladas”. Nesta semana, a ausencia de choivas permitiu que se realizaran ditos traballos. Ata este momento, tal como indica o informe, non se daban as condicións para executalos. “Os lodos depositados sobre o terreo de xogo tras as inundacións sufridas reduciron a capacidade de infiltración do campo, polo que tras as precipitacións, presentaba zonas de ata 3 centímetros de auga acumulada. Nestas condicións non podiamos realizar ningún dos traballos que mellorarían o terreo de xogo e tampouco mellorar as condicións para poder xogar sobre o mesmo”, sinalou a técnica.
Céspede renovado os pasados meses
Tras a seca do pasado verán, para o inicio desta temporada a concellaría de Deportes xa realizara unha serie de tratamentos que permitían contar cun céspede renovado e en boas condicións. Cun investimento de 6.500 €, realizáronse traballos de escarificado con recollida de materia vexetal, aireado mediante pinchado macizo de 20 mm e resementeira con semente de raygrass inglés, así como un recebo con area de sílice.
Ademais, o Campo de Pardellas conta tamén dende esta temporada con novos banquiños. Con cargo ao Plan Concellos e cun investimento duns 6.000 euros, o Concello instalou dous banquiños de fila dobre de 14 prazas, que permiten que os futbolistas de reserva e o corpo técnico poidan estar ao completo resgardados durante a disputa de partidos federados, cando anteriormente só tiñan 9 prazas.
A Deputación abrirá este martes, 31 de xaneiro, o prazo para participar no programa DepoAventura A Lanzada, que se espallará entre o 25 de xuño e o 9 de setembro nas instalacións que a institución provincial ten no Grove. Ata o 28 de febreiro poderase solicitar algunha das 1.540 prazas ofertadas para desfrutar do completo programa de lecer que a Deputación organiza cada verán, cun amplo abano de actividades encamiñadas ao enriquecemento persoal da rapazada. Os campamentos desenvolveranse en once quendas entre o 25 de xuño e o 9 de setembro e están dirixidos a nenas e nenos empadroados na provincia e nados entre os anos 2010 e 2015.
O tiro de saída ao programa DepoAventura A Lanzada terá lugar o 25 de xuño, coa primeira quenda que se espallará ata o 1 de xullo. As restantes terán lugar entre o 2 e o 8 de xullo, o 9 e 15 de xullo, do 16 ao 22 de xullo, do 23 ao 29 de xullo, entre o 30 de xullo e o 5 de agosto, do 6 ao 12 de agosto, do 13 ao 19 de agosto, do 20 ao 26 de agosto, entre o 27 de agosto e o 2 de setembro e do 3 ao 9 de setembro. En cada unha das quendas participarán 140 nenas e nenos ata completar as 1.540 prazas ofertadas, das que 210 se reservarán para menores en risco de exclusión social e as 1.330 restantes seguirán o procedemento xeral. Todas as prazas serán adxudicadas por sorteo.
Desde 2015 pasaron pola Lanzada un total de 12.529 nenas e nenos da provincia. No 2022 as nenas e nenos realizaron unha completa listaxe de actividades deportivas e de ocio na praia pero tamén iniciativas de coñecemento da contorna natural, excursións ao Monte da Siradella e á Illa de Ons, obradoiros de pulseiras, personalización de gorras, pintura, xogos e veladas nocturnas, unha recreación dunha feira romana (Arde Lanzadus), actividades circenses (malabares, clown, equilibrios), xincana de pistas, así como crearon a mascota do campamento e realizaron un obradoiro dedicado ás mulleres na ciencia.
A alameda da Guarda acolle o vindeiro sábado día 4 de febreiro de 2023 a proba de obstáculos A Guarda Family Kids, un evento adaptado a idades de rapaces de entre 3 e 12 anos, que deberán de ir acompañados dunha persoa adulta que tamén deberá de ir superando os distintos retos ao longo do desenrolo da proba.
A proba terá un custo de 3,10 € euros por inscrición e as inscricións están xa abertas a través da web https://www.deporticket.com/web-evento/7898-a-guarda-family-kids establecéndose un límite de 200 nenos acompañados dun adulto. Haberá medalla finisher para tódolos participantes.
O evento está organizado por noko360 e o Concello da Guarda.
A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o proxecto de execución das obras de mellora da mobilidade peonil na EP-4006 Ponteareas–As Neves. Os traballos teñen un orzamento próximo aos 260.000 euros (258.394,57 €) e afectarán un tramo da vía de 480 metros, concretamente entre os puntos quilométricos 12+080 e 12+560, isto é, entre a rotonda que comunica coa EP-4202 ao IES Pazo da Mercé. A Deputación actuou recentemente tamén nesta vía, precisamente na rotonda entre estas dúas vías provinciais onde comezarán os traballos, dando polo tanto continuidade á mellora integral da estrada.
As obras permitirán mellorar a funcionalidade e a seguridade da vía para o tráfico rodado e peonil, que será prioritario. Incrementarase o espazo para as persoas con beirarrúas máis amplas na marxe esquerda, ordenarase o tráfico rodado e calmarase a velocidade cun novo paso peonil sobreelevado. As beirarrúas, de ancho variable, executaranse cun pavimento composto por saburra e formigón coloreado. Os vaos peonís disporán dun pavimento táctil indicador direccional e de botóns mediante lousa hidráulica sobre morteiro de cemento. Ademais, plantaranse 30 árbores para dar sombra.
O proxecto tamén inclúe outras actuacións como a reposición dos servizos de recollida de augas pluviais e a canalización soterrada do alumeado público na marxe esquerda, isto último co obxectivo de non ter que demolela no caso de que no futuro se decida dotala deste servizo. Ademais, instalarase a sinalización horizontal e vertical e reporanse tanto a varanda como as dúas marquesiñas situadas neste treito. Nas zonas de estacionamento acondicionaranse prazas para vehículos conducidos por persoas con mobilidade reducida.
A Deputación xa aprobou o pasado outubro o convenio de colaboración do Concello das Neves para o financiamento desta obra, ao 80 % pola Deputación e ao 20 % polo Concello. Será sufragada totalmente con fondos provinciais, xa que para a parte correspondente ás Neves empregaranse fondos do Plan Concellos. Os traballos terán unha duración de seis meses.
Habitar espazos agradables que promovan os encontros, que faciliten a vida diaria e sexan unha boa tarxeta de presentación para as persoas que chegan é unha das cuestións ás que dan resposta as obras de “Recuperación e Mellora do Espazo Público no Núcleo Rural de Paraños” que xa comezaron a executarse e custarán 359.390 €.
O alcalde, Pablo Castillo, agradece a colaboración da veciñanza que estes meses terá que convivir coa execución das obras despois de obter os permisos de Patrimonio para actuar na contorna da igrexa onde se atopan diversas manifestacións do patrimonio artístico e etnográfico, entre elas a igrexa parroquial de Santa María de Paraños do século XVIII; varios hórreos; cruceiros e petos de ánimas, así como construcións empregadas antigamente polos cereiros.
O ámbito de actuación no que se centra este proxecto de recuperación e mellora do espazo público engloba tanto a praza principal do núcleo, como unha parte do trazado dos viarios que o vertebran e que, partindo dela, a conectan cos equipamentos públicos e privados principais como a igrexa, o parque infantil e área recreativa, o FAVUM (lagar da cera), o Centro de Interpretación da Ceraría, a Rectoral, o comezo e final do roteiro do río Xabriña, á área recreativa do Roupeiro e o centro cultural de Paraños.
O Concello, no marco do Plan REACPON da Deputación de Pontevedra, actuará en 2.971,20 m² conservando o arborado existente nunha zona que será de prioridade peoníl con tramos de plataforma única abertas ao tránsito necesario con medidas de redución e calmado de tráfico, consistentes na limitación da velocidade máxima a 10 km/h e na disposición de redutores físicos de velocidade.
As actuacións ensalzarán a importancia dos elementos patrimoniais e así dotarase de calidade ó pavimento do seu espazo circundante potenciándoo con iluminación indirecta na base do seu perímetro.
Coa intención de mellorar a integración entre as edificacións e os pavimentos do espazo público e de dotar de calidade estética ao conxunto convivirán pavimento de enlousado de granito silvestre gris/moreno, formigón coloreado e pavimentos brandos de mestura de xabre.
Aproveitando a actual posición das árbores, créanse zonas de estancia para a veciñanza dispondo bancos ao redor das mesmas, buscando as diferentes zonas de vistas e, sobre todo, sombra ao longo do día. Ademais dispóñense dúas fileiras de bancos na zona frontal da fonte coa intención, non só de focalizar (ao carón deste ben patrimonial) o encontro entre os veciños e veciñas e o punto de partida do roteiro do río Xabriña, senón tamén para delimitar e protexer a fonte. Neste lugar colocarase un aparcadoiro para bicicletas.
O pavimento de enlousado de pedra levantarase para proceder ao enlace das instalacións previstas de recollida de augas pluviais e fecais coas redes existentes, momento no que se aproveitará para regularizar algunhas zonas do mesmo que presentan un notable deterioro na súa planeidade.
O Concello do Porriño tramita a licencia para a construción dun novo hotel na vila que se ubicará na céntrica Avda. Domingo Bueno.
Así o anunciou o alcalde, Alejandro Lorenzo, quen explicou que o proxecto de construción deste novo establecemento hoteleiro conta cun orzamento de 1.570.800,00 € e levarase a cabo nunha parcela de 733,13 metros cadrados con fachadas no número 1 da Avda. Domingo Bueno e na Rúa Antonio Palacios.
O edificio proxectado terá catro plantas unha delas acollerá a recepción, cafetería e sala multiusos, a segunda situará o segundo acceso ao hotel dende a rúa Antonio Palacios tamén con vestíbulo e sala de usos múltiples e habitacións , e unha terceira adicada integramente a habitacións. Ademais, construirase tamén un sótano destinado a lavandería, vestiarios, cuartos técnicos e almacén xeral.
“Este novo establecemento con 65 habitacións e sumará 135 prazas á oferta hoteleira do Porriño”, apuntou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “para unha vila co dinamismo e potencial industrial, cultural e deportivo do Porriño a construción dun novo hotel é unha gran nova, xa que na actualidade non temos capacidade para acoller ao volume de persoas que nos visitan por motivos de lecer, ocio ou incluso de traballo”.
Tui contará cun novo Centro de Cooperación Policial e Aduaneira, CCPA, na Avenida de Portugal. O proxecto está agora mesmo en fase de licitación por parte do Ministerio do Interior. O prazo de execución previsto no proxecto é de 12 meses e o orzamento ascende a 2.652.976,65 €. A actuación forma parte do Plan de Infraestructuras de la Seguridad del Estado.
O proxecto a executar contempla a construción dun edificio que dará solución ás necesidades previsibles tanto a medio coma a longo prazo de forma integral e pon o foco na “operación óptima e eficiente do edificio”. A parcela onde se vai situar o novo CCPA ten unha superficie de 4.244 m2, e edificio, funcional e eficiente enerxética mente, contará cunha superficie de 1.193,76 m2.
O novo centro terá o acceso principal a través da Avenida de Portugal, e a través da súa travesía establecerase o acceso para vehículos e aparcamento.
A construción estruturase en base a un corredor central, entorno ao que se distribuirán en distintos volumes ou “caixas” onde se ubicarán as distintas dependencias. Contará con dous accesos un principal dende a Avenida de Portugal e outro posterior para aparcamento na travesía.
O edificio presenta dous corpos edificatorios conectados, un que conforma o edificio administrativo cunha zona con dous niveis de oficinas e despachos para os distintos corpos presentes no CCPA, e o resto dunha planta. O segundo corpo destinarase a aparcadoiro cuberto.
O proxecto contempla tamén a urbanización perimetral da parcela entorno ao edificio con zonas axardinadas con especies autóctonas combinando árbores, arbustos, e plantas con flores que faciliten a polinización.
No Centro de Cooperación Policial e Aduaneira de Tui están a Garda Civil, a Policía Nacional, e a Axencia Tributaria por parte española, e a Garda Nacional Republicana, a Policía de Seguridade Pública, a Policía Xudiciaria e o Servizo de Estranxeiría e Fronteiras, por parte portuguesa.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salienta coma esta actuación, xunto á próxima humanización da Avenida de Portugal, contribuirá á rehabilitación e posta en valor desta entrada a Galicia dende Portugal, que a diario é empregada por miles de persoas e vehículos. Lembra amais que aquí está a porta do Camiño Portugués a Galicia que percorren tamén miles de peregrinos ao longo de todo o ano.
O Concello de Nigrán iniciou a pasada semana o expediente de contratación para rehabilitar integralmente o muíño de Porto do Molle cun investimento previsto de 250.000 euros a través do Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra. Situado en pleno parque empresarial ao carón do río Muíños e en estado ruinoso desde hai máis de 30 anos pese ao seu gran valor histórico e etnográfico e estar catalogado como BIC (Ben de Interese Cultural), a construción volverá a funcionar con fins didácticos. O obxectivo é reparalo respectando ao máximo a súa orixinalidade e poñelo a funcionar mediante a reposición dos mecanismos actualmente desaparecidos e da disposición dunha nova canle hidráulica.
Cunha planta rectangular de 25 m x 6’5 m, este foi un dos muíños máis grandes e produtivos da comarca, xa que chegou a ter tres moas en funcionamento simultáneo. Sen embargo, debido ao paso do tempo, actualmente presenta importantes perdas nos muros e carece de cuberta, maquinaria e mesmo de canle hidráulica. Trátase dunha edificación do S.XVIII que consta do propio muíño, almacén e vivenda anexa nun único volumen e no que o sótano está aberto ao exterior mediante tres arcos de medio punto polos que discorría a auga tras moverse o mecanismo de rotación. As obras e movementos de terra para habilitar o parque empresarial implicaron soterrar a súa canle de abastecemento e evacuación ao río Muíños, polo que a día de hoxe en ningún caso poderían funcionar os aparellos, sen embargo, o proxecto contempla activar unha das tres moas orixinais creando un circuíto pechado que empregue un estanque anexo á construción. Co fin de respectar ao máximo a súa factura orixinal, contouse co propio asesoramento de Angel Fernández Misa, fillo dos últimos muiñeiros e quen vivíu nel ata os 20 anos de idade. “Era o muíño máis produtivo de todo Nigrán, ao que viña máis xente, porque tamén era o máis barato”, recorda Lito.
Esta restauración, ademais de implicar un estudio histórico e control arqueolóxico da mesma, supón repoñer e acondicionar a envolvente do edificio, restaurar os paramentos da edificación e infraestruturas hidráulicas e, finalmente, recuperar e repoñer os elementos xa desaparecidos de roturación e trituración. Así, na sala correspondente ao propio muíño plantéxase unha intervención mínima instalando unha cuberta de madeira de castiñeiro con cerchas e correas, tal e como tradicionalmente se facía, e, adicionalmente, no chan se repararán as grandes lousas de granito que estean deterioradas. Na habitación que era vivenda ou almancén crearase unha pequena sala de exposicións ou multiusos cun sistema estrutural moderno a base de madeira laminada e tirantes de aceiro, ademais, instalaranse dous aseos, un deles adaptado a persoas con mobilidade reducida (unha zona do cerramento desta sala está derruída e será reconstruída en formigón para que contraste co muro de granito existente). O edificio manterá tres accesos independentes: o do propio muíño, o da sala e un central que da ao vestíbulo desde onde acceder ás dúas salas ou wc. A maiores, contémplase intervir na zona verde da contorna do muíño, onde os desniveis de terras se adaptarán mediante bancais para permitir contemplar mellor todas as partes do muíño.
“Queremos que recolla a tradición muiñeira que pon nome precisamente a este río, polo que plantexamos unha exposición permanente ao respecto e, por suposto, que poida funcionar para facer muiñadas a modo divulgativo”, resume o alcalde, Juan González.
A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana cinco novas accións formativas, enmarcadas na súa carteira de obradoiros para asesoramento tecnolóxico a persoas emprendedoras e pemes. As accións tratarán temas como a ciberseguridade, o Blockchain e metaverso, os selos e certificacións en sostibilidade turística ou a captación de clientes a través de estratexias de comunicación e visibilidade.
O primeiro curso da semana será hoxe luns 30, ás 10.00 horas, e estará impartido de xeito telemático por Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D, “Ciberseguridade, antivirus e actualización do software”. O obxectivo do curso é dar a coñecer dous das contramedidas básicas a realizar, a necesidade de ter o software actualizado para corrixir vulnerabilidades e a utilización e elección dun antivirus.
O martes celebraranse dous cursos. Na mañá (11 h), Sonia Torres, técnica de Empresas e Actividades Turísticas, conducirá tamén de xeito telemático “Sustentabilidade turística: selos e certificacións”. A acción amosará como os sistemas de xestión da sostibilidade para empresas e destinos turísticos, son unha axuda para orientar ás entidades para establecer criterios de xestión sostible e unha ferramenta para acreditar o seu compromiso. A adhesión e o traballo nestes sistemas adoita reflectirse na obtención de certificacións ou selos que avalan o esforzo realizado nesta materia, para a diferenciación e poder comunicar o seu recoñecemento a persoas visitantes e axentes implicados
Pola tarde, ás 17 horas, Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas e cunha ampla experiencia na asesoría de empresas no ámbito da comunicación e o marketing dixital, impartirá de forma telemática o curso “Deseña a túa páxina web de maneira sinxela con Elementor”, e afondará neste construtor gratuíto de páxina de WordPress, na súa instalación, configuración e o traballo para crear unha páxina web.
O xoves tamén haberá dobre sesión. En horario de mañá (11 h), de xeito telemático, Manuel Freire guiará a acción “Blockchain, metaverso”, que achegará ás persoas participantes esta tecnoloxía e como grazas a ela estamos ante o que se chama o internet do valor; unha forma de transmitir valor a través da rede. Tamén afondará no tema do Metaverso, incidindo en para que vai servir, o seu estado actual de desenvolvemento e na visita a algún dos metaversos.
Pola tarde, ás 17.30 h, Isabel Rodríguez, consultora e coach empresarial ofrecerá a acción, “Captación de clientes a través de estratexias de comunicación e visibilidade” de xeito presencial na sede da Deputación en Vigo. Amosará o papel da comunicación como base de toda estratexia, e a comunicación efectiva a metodoloxía que logra de forma eficiente cerrar ventas, facendo rendibles os obxectivos de visibilidade, captación e fidelización de clientes. Os contidos inclúen nocións sobre atención plena, observación e escoita activa; comunicación asertiva para un entendemento efectivo, as estratexias de visibilidade grazas á mellora da comunicación e a visibilidade máis alá das redes sociais.
O Concello de Redondela amosa a súa insatisfacción pola falta de resposta, por parte de Augas de Galicia ante a situación de abandono das beiras dos ríos e os treitos da súa competencia.
O goberno local, a través dunha empresa especializada en limpezas ambientais, baixo a coordinación da Concellería de Medio Ambiente, está a desenvolver traballos de limpeza das beiras nos treitos urbanos dos ríos. As labores céntranse nas beiras do Pexegueiro Alvedosa e Maceiras, así como o Río Fondón e Maceiras da parroquia de Chapela.
A alcaldesa, Digna Rivas, lembrou que o feito que se traballe nos treitos urbanos “responde a que o Concello carece de competencia fora desas marxes xa que pasa a ser competencia única e exclusiva de Augas de Galicia”. De feito, engade Rivas, “no 2017 o Tribunal Supremo estableceu que a competencia na conservación ordinaria dos treitos urbanos dos ríos é dos Concello e no 2019 a Xunta publicou unha instrución nese sentido e reservando a Augas de Galicia a limpeza nos treitos interurbanos”.
A rexedora redondelá lembrou que, tal e como está demostrado, “a limpeza das beiras e canles diminúe o risco de riadas e inundacións”. O certo é que este pasado nadal producironse episodios de choivas cada vez máis torrenciais e é complicado impedir as riadas. Unha axeitada limpeza dos ríos reduce moito os danos causados polas mesmas. Esiximos resposta de Augas de Galicia para responsabilizarse das zonas da súa competencia que foron as máis perxudicadas durante o último temporal debido o seu abandono”.
A falta de limpeza do Río Pexegueiro (nas zonas competencia de Augas de Galicia) provocaron inundacións durante os temporais do último mes. “Existe o peligro de que volva a producirse a mesma situación de inestabilidad meteorolóxica provocando máis desbordamentos e danos considerables para o municipio”, explicaba Rivas.
Realizaronse máis de 10 peticións a Augas de Galicia entre o último trimestre de 2022 e xaneiro de 2023, todas sen resposta. Entre as peticións atópase a limpeza dos Regos no Camiño da Fenteira e no Río Fondón (Trasmañó), así como o Río Pugariño (Chapela) e o Río das Cabras que desemboca na praia de Rande. Tamén se solicitou o mantemento da zona do Camiño dos Frades que conta con dous regos en mal estado e a limpeza do cruce entre o Río Albedosa e o Maceiras.
A todo isto hai que engadir as peticións de saneamento por vertidos contaminantes. Concretamente, un veciño depositou escombros no Rio Bugariño na zona que linda con Vigo. A asociación veciñal de Chapela denunciou os feitos e o Concello de Redondela abriu un expediente para despois enviar a correspondente petición de saneamento a Augas de Galicia. Unha vez máis, apunta Digna Rivas, “a Xunta ignora as recomendacións e peticións do Concello. Este último mes os danos provocados polos temporais ascenden a máis de 200.000 euros e seguimos sen resposta. O Concello de Redondela está cumplindo coa súa labor de limpeza e informar da situación, agora é responsabilidade do goberno galego atendender ás peticións”.
O Concello de Oia presentou esta semana as súas alegacións en contra do proxecto de parque eólico Toroña, pola súa incompatibilidade cos valores ambientais, paisaxísticos, patrimoniais e turísticos presentes na área de afección, así como pola falla de licencia social.
Do mesmo xeito, critica a fragmentación en varios proxectos sectoriais que na práctica sería un só, leva a que non se poida avaliar correctamente no seu conxunto todos os impactos ambientais (acumulados e sinérxicos) como consecuencia de todas esas infraestruturas eólicas, poñendo “un sesgo de información pública á cidadanía e outras administracións”.
O proxecto afecta aos municipios de Oia, Baiona, Tomiño e O Rosal e prevé, en total, a instalación de 10 aeroxeradores. A Administración oiense contratou un técnico externo para estudar este proxecto e elaborar un documento de alegacións, que foi presentado por rexistro este martes 24 de xaneiro.
O documento consta dun total de 26 alegacións, que aluden a cuestións como a existencia de importantes impactos sobre flora e fauna, a auga, o monte comunal, áreas de interese paisaxístico e o patrimonio, entre outras cuestións. O documento critica carencias dun proxecto no que se minimizan algúns impactos negativos e se ocasionarían afeccións severas, críticas e irreversibles nalgúns casos.
O posicionamento do Concello de Oia está contido nun detallado documento de 78 páxinas onde, unha a unha, vanse pormenorizando cada unha das 26 alegacións contra o proxecto eólico. O documento completo está accesible para a súa consulta na web municipal, no apartado específico dedicado ao parque eólico Toroña: https://www.concellodeoia.es/parque-eolico-torona/
Este é o terceiro parque eólico contra o que o Concello presenta alegacións, os dous anteriores: Albariño I e Merendón foron informados desfavorablemente pola Xunta de Galicia. E nos próximos días sairá publicado o parque eólico Torroña I, documentación que estará dispoñible na web do Concello próximamente. Contra este novo parque, o Concello presentará novamente alegacións en contra.
O alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, acompañado pola concelleira de Industria, Rosario Costas, visitou o Centro Tecnolóxico AIMEN co obxectivo de coñecer as capacidades tecnolóxicas e proxectos máis destacados que está a desenvolver o centro na actualidade.
Ambos mantiveron unha reunión co presidente de AIMEN, Antonio Casal; o director xeral do Centro, Jesús Lago; e outros membros do equipo directivo, quenes explicaron o traballo que veñen desenvolvendo como centro tecnolóxico de referencia no ámbito da fabricación avanzada e fábrica intelixente.
A continuación, percorreron as instalacións da Planta de Tecnoloxías de Unión e a Planta de Tecnoloxías Láser, onde se puido coñecer o equipamento vanguardista do que dispón o Centro para favorecer a innovación e proporcionar á industria galega servizos de alto valor engadido.
O presidente de AIMEN, Antonio Casal, agradeceu a visita e puxo en valor a importancia da colaboración entre centros e administracións para seguir innovando e reforzar a transferencia de tecnoloxía e coñecemento ao tecido empresarial.
Pola súa parte, Alejandro Lorenzo, destacou a importancia de contar no municipio cun centro tecnolóxico referente en I+D+i a nivel nacional e internacional e reiterou a disposición do Concello do Porriño a colaborar no necesario para que AIMEN siga contribuíndo á mellora tecnolóxica das principais empresas galegas e tamén co desenvolvemento económico do Porriño.
Sobre AIMEN
AIMEN Centro Tecnolóxico, con máis de 50 anos ao servizo da innovación e a industria, é na actualidade un referente nacional en I+D+i e prestación de servizos tecnolóxicos no ámbito dos materiais e as tecnoloxías de fabricación avanzada.
AIMEN conta cunha importancia presencia a nivel europeo e internacional na liña de investigación de materiais avanzados, colaborando con países como Alemania, Francia, Italia, Reino Unido, Finlandia e Suecia. As súas innovacións neste campo céntranse principalmente no desenvolvemento e na caracterización de materiais intelixentes e de alto rendemento e solución multimaterial, co obxectivo último de obter materiais máis lixeiros, resistentes, multifuncionais, sostibles e capaces de superar as especificacións mecánicas e funcionáis requeridas.
O Concello do Rosal segue traballando para converter o núcleo urbano do municipio nun espazo de calidade, inclusivo e accesible no que as persoas sexan o centro. Tras a transformación da Praza do Calvario, estes días comezaron as obras de reforma das rúas da contorna, un proxecto co que o Goberno municipal procura “seguir recuperando o centro da nosa actividade económica, social e de convivencia e transformando O Rosal nun municipio amable e cómodo para a veciñanza”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Con estes traballos, o Concello mellorará o pavimento e recuperará espazo nas rúas da contorna, incorporando bandas de estacionamento acompañadas de espazos verdes “que darán calidade espacial, ofrecerán sombra e servirán ademais para captar carbono. Deste xeito disporemos de aparcamentos máis eficientes e beirarrúas máis accesibles incorporando os criterios de calidade urbana, seguridade e melloras ambientais que xa se aplicaron na transformación da propia Praza do Calvario”.
Cun investimento de case 170.000 euros e tres meses de execución, as obras implicarán actuacións nas rúas Manuel Suárez Marquier, Cabaqueiros e no tramo da rúa Simón do Mazo que conecta ambas, ademais de na Travesía Simón do Mazo na contorna do pavillón, na rúa Pascuala dende o cruce coa rúa Paraíso ata a rúa do Couso no cruce con Jesús Noya e na rúa Nova do Couso ata a súa intersección coa Travesía do Couso.
“Con estas obras continuamos dotando a contorna do Calvario dos espazos que a veciñanza se merece. Gozamos dunha praza renovada, dunha zona urbana e comercial revitalizada a través dun deseño unitario, atractivo e dinámico que nos permite poñer en valor a historia da nosa vila e o noso patrimonio, e con estes novos traballos seguimos dando pasos para crear lugares de estancia, convivencia e lecer de alta calidade”, explica a rexedora.
Nigrán ten unha natureza única, que inspira. Con esta idea, o Concello de Nigrán, Teatro do Ar e a cooperativa ‘Somos Terra’ únense para lanzar o certame “Ollo con Nigrán”, un concurso vídeo-literario que nace para potenciar a creación artística en lingua galega ao tempo que divulga a gran riqueza medioambiental do municipio. Esta nova iniciativa, co prazo de participación aberto ata o 5 de marzo, é só un avance da programación municipal do mes de marzo, adicada a unir cultura e natureza. Paralelamente, o certame ten o obxectivo de visibilizar e potenciar o comercio local, por iso os premios serán 1.000 euros en vales para consumir nos establecementos do municipio que se desexen sumar a través dun formulario web en www.nigran.es.
O certame constará de tres categorías: Estelas, para nenos de Nigrán nados no ano 2011 ou posteriores; Lourido, mozos de Nigrán nados entre o ano 2005 e 2010; e Monteferro, para persoas nadas antes do ano 2005. Ademais, o colexio que conte con máis alumnado participante tamén recibirá 200 euros para mercar no comercio local. A data límite para participar é o 5 de marzo ás 00.00 horas e as persoas poderán presentar os seus traballos a través dun formulario online acompañado dunha PLICA cos datos do autor ou autora e o texto orixinal que se utiliza no vídeo.
“O certame ‘Ollo con Nigrán’ nos permitirá coñecer as miradas que os veciños e veciñas teñen do noso municipio, descubrir xoias ocultas, aprender en conxunto que a nosa natureza é a nosa maior riqueza e, sobre todo, subliñar a importancia do noso lema de crecemento: Equilibrio Natural”, explica o alcalde, Juan González, quen engade tamén “a oportunidade que supón para descubrir novos talentos”.
A Asociación de Empresarios de Redondela e o Concello de Redondela colaboran na posta en marcha dunha singular campaña co motivo da conmemoración do Día de Rosalía.
As accións previstas promoven a participación de librarías e hostaleiros.
No caso das librarías dáse continuidade a unha campaña de promoción das vendas dos libros en lingua galega, onde as compras de libros galegos realizadas o día 23 de febreiro terán non so un desconto, senón que tamén se agasallará cunha flor, para realzar o simbolismo de apoio a literatura e cultura galega.
A gran novidade neste ano 2023 vén da man do sector hostaleiro, a quén se propón sumarse a campaña “Día de Rosalía na Hostalaría”. Os hostaleiros que se sumen á campaña preparán as súas versións do singular CALDO DA GLORIA, que se recolle nos versos de Rosalía, para sorprender ao cliente con este tradicional sabor da terra galega. Os hostaleiros participantes beneficiaranse dun conxunto de accións de difusión entre as que destaca a gravación dun vídeo promocional en cada local.
Os establecementos que queiran participar pódense dirixir ao Concello de Redondela (SNL) ou enviar un correo a [email protected] ou a Asociación de Empresarios de Redondela (658592332).
O proxecto no que estaba a traballar Pedro Pereira, antes de ser cesado no goberno, inclúe soterrar o tráfico rodado nun tramo da rúa Domingo Bueno para gañar máis espazo público en superficie e poder localizar alí un novo auditorio municipal con aparcamento público subterráneo. “Daríamos continuidade á zona peonil en San Bieito e San Sebastián e dotariámonos do tan arelado auditorio. Existe un anteproxecto encargado por min no que se informa que sería tecnicamente posible”, indicou o portavoz do BNG.
Pereira afirma que o orzamento necesario para esta obra non sería desorbitado, “o Concello tería que facer un esforzo económico e contar coa colaboración das distintas administracións. Unha inversión asumible coa que seguir transformando o centro urbano, mellorando a mobilidade e gañando máis espazo público para a xente”.
Desde o Bloque entenden que unha intervención destas características requiría convocar, dentro das premisas citadas, un concurso de ideas no que profesionais do sector acheguen distintas solucións técnicas para executar o proxecto. “A actuación que Alejandro Lorenzo vén de anunciar para o Campo da Feira da man da Xunta parécenos pouco ambiciosa. Un lavado de cara necesario pero que non dá solución ás necesidades do Porriño do futuro”, declarou Pedro Pereira.
Espazo verde en Pío XII e ampliación das rúas peonís
Entenden que a remodelación do Campo da Feira tense que complementar gañando arboredo noutro lugar do centro urbano. A proposta contempla unha zona verde situada entre as rúas Antonio Palacios e Pío XII, abrindo unha nova praza pública no corazón do Porriño, na contorna do Centro Social. “Unha actuación necesaria e perfectamente realizable, xa que falamos de rueiro municipal e terreos en gran parte propiedade do Concello, nun lugar contemplado xa como zona verde no PXOM”, sinalou Pereira.
Esta actuación faría tamén peonís, ademais da propia rúa Pío XII, o tramo da rúa Manuel Rodríguez, hoxe aberto ao tráfico, e a rúa Xogo da Ola, conectando as dúas zonas peonís hoxe existentes. Habilitaríanse viais para o reparto de mercadorías, servizos de emerxencias e acceso a vivendas das persoas residentes.
Con case 20.000 novos diagnósticos de cancro no último ano en Galicia, educar en prevención, acompañar ás persoas enfermas e á súa contorna e apostar pola investigación é fundamental para diminuír o impacto desta enfermidade. Un labor no que a Asociación Española contra o Cancro leva traballando dende hai anos, tamén en Tomiño, onde no último ano realizaron máis de 120 intervencións.
A alcaldesa, Sandra González, e a concelleira de Benestar Social, Cristina Martínez, reuníronse o martes coa nova delegada no Baixo Miño da AECC, Pilar Barbosa, e co coordinador territorial en Pontevedra, Telmo Crespo, para falar do importante papel que xoga a entidade no concello tomiñés. “Están a desenvolver un labor fundamental para a nosa veciñanza, non só acompañando a doentes e familiares en momentos moi complicados senón tamén promovendo un traballo de educación en saúde e de prevención que é fundamental”, salientou a rexedora. Concello e AECC Baixo Miño traballan de forma conxunta para realizar novas actividades que afonden na colaboración entre ambas entidades.
Na actualidade, a AECC Baixo Miño ten en marcha varios servizos gratuítos tanto para pacientes oncolóxicos como para a súa contorna, como un programa de atención social para manter ou recuperar a calidade de vida que se ve afectada pola enfermidade e tratamentos a distintos niveis. Contan tamén cun servizo de apoio emocional e outro de rehabilitación integral a persoas con cancro de cabeza e pescozo, axudando a afrontar os trastornos derivados da cirurxía e a mellorar e recuperar a fala. Ademais, o seu programa de deshabituación tabáquica conta cunha taxa de éxito do 60% e ofrecen servizos e actividades como atención psicolóxica, orientación social, logopedia, préstamo de material, asesoramento xurídico e médico-sanitario, inserción laboral ou exercicio físico oncolóxico.
A AECC ofrece ás persoas que o precisen información, apoio e asesoramento médico, psicolóxico e social as 24 horas do día durante todos os días do ano a través do teléfono gratuíto 900 100 036.
O Concello de Salvaterra de Miño vén de anunciar que ata o 8 de febreiro queda aberto o prazo de inscrición para todos aqueles que queiran participar, con comparsa ou carroza, no Enterro da Lamprea 2023, que este ano celebrarase o próximo 25 de febreiro, a partires das 17.00 horas.O Concello, por motivos de seguridade, de organización e espacio, resérvase o dereito de reducir ou ampliar o prazo de inscrición.
Neste desfile poderán inscribirse todas aquelas comparsas e carrozas que cumpran os requisitos. Solo se poderá inscribir unha comparsa ou carroza por asociación ou persoa.
Modalidades:
Categoría de carroza: Poderán participar nesta categoría todas aquelas carrozas que teñan como mínimo 25 participantes e unhas dimensións mínimas de 5 m de largo.
Categoría de comparsa: Poderán participar nesta categoría as comparsas que teñan un mínimo de 20 membros.
As comparsas ou carrozas deberán gardar unha unidade temática tanto no seu vestiario coma na súa actuación. Non se considerarán como comparsas ou carrozas con dereito a inscrición e participación aquelas que en anos anteriores repetiran, no sustancial, o seu disfrace.
Os premios a participación oscilarán entre os 100 e os 600 €, dependendo da categoría e da cantidade de participantes.
Dende o Concello queren recordar que todas aquelas persoas que queiran participar no enterro de forma persoal, e non a través dunha carroza ou comparsa, que poden facelo dentro da propia comitiva da defunta lamprea, formando parte do grupo de Choronas que acompañan a lamprea, de loito riguroso.
A saída do desfile de Comparsas e Carrozas do Enterro da Lamprea do Entroido 2023 de Salvaterra, está prevista para as cinco da tarde, dende a Rúa Rosalía de Castro, discurrindo por Castelao, Rúa Galicia, dona Urraca e Praza do Concello.
O autobús de ADOS estará emprazado na Rúa Rosalía de Castro (ao carón do Centro Cultural) o xoves 2 de febreiro, en horario de 10:15 a 14:30 horas, o venres 3 de 16:15 h a 21:00 h e o sábado 4 de 10:15 h a 14:30 horas.
O Centro de Transfusión de Galicia, grazas ao emprego destas unidades móbiles, intenta facilitar o solidario xesto de doar sangue a todos os cidadás. Sen a implicación de todos é imposible acadas as 500 doazóns de sangue que se precisan nos hospitais galegos.
Para doar sangue hai que almorzar e despois de xantar espere 2 horas. Non esqueza traer a tarxeta de doazón, DNI ou documento similar. Informe ao médico se está a tomar algún medicamento. É desexable solicitar cita para doar no telefono gratuíto 900 100 828.
O Goberno municipal do BNG-PSOE amosou a súa satisfacción co informe feito público polo Consello de Contas de Galicia a raíz de denuncias interpostas contra o Concello de Ponteareas. O organismo fiscalizador realizou unha análise completa e detallada das contratacións entre 2018 e 2020 na que, segundo o propio Consello de Contas, o goberno municipal “prestou a colaboración necesaria para realizar os traballos de campo aportando a documentación necesaria para a realización desta fiscalización”.
Entre os contratos analizados atópanse case 1.000 contratos menores. Trátase dos contratos con valor inferior a 40.000 euros para obras ou 15.000 para subministracións ou servizos, que son os que se poden adxudicar directamente, a diferenza dos que superan esa contía e que deben licitarse. Dun total de 938 contratos, o Consello de Contas unicamente detecta en 9 deles, tan só o 1%, o que denomina “defectos leves”.
A alcaldesa destaca que só en contratos menores, “o Concello contratou directamente con máis de 614 empresas ou autónomos diferentes, dando oportunidade de traballar co Concello a moitas empresas e profesionais de Ponteareas, sempre dentro da legalidade e a transparencia”. Cristina Fernández lembrou que “agora autónomos, comerciantes e empresas queren traballar para un Concello que paga con rapidez e non deixa débedas”.
Ademais, segundo a Alcaldesa, os millóns de obra pública contratada nestes anos mediante licitacións ás empresas con mellores ofertas, “supuxeron mover a economía local, xa que moitas contratistas subcontrataron numerosos traballos a pequenas empresas locais dedicadas a actividades como a construción, iluminación, xardinería ou publicidade, entre outras, deixando en Ponteareas unha parte importante desa riqueza xerada por grandes obras, ao que se engade que o persoal desas empresas adxudicatarias consumiron na hostalería e comercio local”.
Cristina Fernández agradeceu ao Consello de Contas as súas recomendacións para mellorar máis a contratación e que o ente fiscalizador recoñecera expresamente a colaboración prestada dende o Concello. Ademais felicitou ao persoal do Concello e do servizo de contratación pola súa eficacia e bo facer nesta materia.
O Concello de Mondariz continúa comprometido coas artes escénicas como ferramenta de creación, expresión e reflexión colectiva. Esta mesma semana comezou a impartirse un obradoiro de teatro a prol da igualdade no Centro Social de Mondariz que chega este ano á súa cuarta edición e se prolongará até principios de marzo, cando o alumnado ofrecerá unha actuación final con motivo do Día da Muller.
Esta actividade sociocultural, que é gratuíta e xa está completa con 16 persoas inscritas, ten como directora a Avelina Pérez, formada en dirección de escena e dramaturxia na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e cunha longa traxectoria teatral. Un ano máis, está organizada polos Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Mondariz, cunha subvención do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Ademais de ensinar técnicas de actuación e improvisación que melloran a comunicación e a creatividade, este obradoiro busca promover a reflexión social a través da arte e cuestionar prexuízos relacionados coa igualdade de xénero, creando un espazo seguro no que mulleres e tamén homes poidan liberarse e empoderarse.
Nos últimos anos, o Concello de Mondariz está incluíndo o teatro na súa programación de actividades socioculturais, tanto con representacións de obras no auditorio municipal como con talleres formativos. Nos anos 2021 e 2022, ademais de continuar co obradoiro de teatro a prol da igualdade de Avelina Pérez no Centro Social de Mondariz, a Concellería de Cultura e Igualdade promoveu obradoiros de teatro comunitario nas parroquias de Mouriscados, Gargamala, Toutón e Sabaxáns para poñer en valor a memoria do rural desde unha perspectiva feminista. “As prazas complétanse rapidamente, sobre todo a partir das primeiras edicións. Moitas persoas repiten. Son actividades que gustan porque se realizan en grupo, promoven a comunicación social e fomentan valores como a autoestima ou a confianza. Para nós, o teatro, tanto na programación de eventos coma na axenda de actividades socioculturais, é garantía de calidade”, afirma Anxos Carballo, concelleira de Cultura e Igualdade de Mondariz.
Máximas facilidades da Deputación co obxectivo de que tódalas obras do plan ReacPon (Reacciona Pontevedra) para financiar grandes equipamentos e dotacións municipais cheguen a bo porto. O Pleno provincial aprobou unha ampliación de 8 meses nun prazo de execución que estaba fixado nas bases no próximo 30 de abril e que agora estírase ata ao 31 de decembro. Aténdese así as peticións formuladas por algúns concellos co obxectivo, como remarcou o deputado de Cooperación, Santos Héctor, de que “non se perda un só euro en ningún concello”.
O Plan ReacPon está a mobilizar un total de 40 millóns de euros en proxectos transformadores por toda a provincia e que se están a traducir en infraestruturas deportivas, bibliotecas, aulas de música, espazos sociais, reformas de Casas consistoriais e mesmo a construción dun cemiterio ecolóxico no espazo entre unha fraga e o actual camposanto. Dos 47 proxectos aprobados pola Deputación, 45 xa están licitados ou a piques de licitarse e dúas das obras xa foron inauguradas. En concreto, O Rosal inaugurou a nova praza do Calvario e Gondomar a nova praza de Rosalía de Castro, creando así novas centralidades nos seus centros urbanos.
“Outras Administracións non teñen esta sensibilidade”
O Pleno da Deputación, por unanimidade, apoiou a ampliación do prazo de execución ata o remate deste ano “para dar solucións ás dificultades administrativas, ao incremento xeralizado dos prezos pola falta de materiais e as inclemencias meteorolóxicas que ralentizaron varias das actuacións nestes últimos meses”. O deputado Santos Héctor destacou que “amosamos así a nosa sensibilidade diante dos concellos da provincia, dado que a casuística de dificultades non é responsabilidade dos concellos, senón de circunstancias sobrevidas”. Engadiu que, en todo caso, cómpre sinalar que outras Administracións non teñen esta sensibilidade cos concellos, “de feito, é bastante habitual que se obrigue aos concellos a devolver subvencións das obras que non se rematan no prazo previsto nas bases”. “Nós, por suposto, cremos que hai que cumprir cos prazos, pero tamén ter en conta as circunstancias imprevisibles que obrigan a modificalos”.
Por outra parte, a Deputación amosa a súa satisfacción polo feito de que catro concellos, A Cañiza, A Guarda, Meis e Moaña teñan logrado case 2 millóns de euros en subvencións europeas para completar estes proxectos con cargo ao programa europeo de edificios públicos PIREP. De acordo co previsto nas bases reaxustáronse as cantidades achegadas pola Deputación e os concellos aos respectivos proxectos. Gracias a isto a Deputación “recuperará” 1,2 millóns de euros e os concellos verán como máis de 700.000 euros retornan ás arcas municipais.
A consecución destes fondos europeos ten que ver co deseño das bases do plan ReacPon, que incentivaban, xa en maio de 2022, a presentación de “proxectos maduros”, de alta calidade técnica, e cunha aposta decidida pola sostibilidade medioambiental avaliada con criterios como a redución da pegada de carbono, anticipándose así ás posteriores convocatorias europeas. Con estes proxectos na man, os concellos puideron concorrer logo ás convocatorias europeas, de xeito que estes concellos van ver reducidas as achegas que lle correspondían nas obras.
A provincia de Pontevedra foi a terceira de España, na convocatoria do programa PIREP gracias ao impulso da Deputación, dado que dos 12,1 millóns de euros que viñeron para a provincia de Pontevedra, un total de 6 millóns correspondéronse con proxectos presentados dende a Administración provincial.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, visitou onte as obras recentemente iniciadas da nova senda cicloturista Alto de Barreiro-Santiaguiño. Arévalo, rexedora local mosense, informou de que os traballos deron comezo a principios de ano, tras as pasadas festas de Nadal.
A obra do Carril Bici Alto de Barreiro-Santiaguiño conta con financiación, a través dunha subvención, mediante convenio, da Vicepresidencia Primeira da Xunta de Galicia, de máis de 750.000 euros.
O carril bici desde a rotonda de Alto de Barreiro (en estrada Puxeiros-Mos) ata a Capela de Santiaguiño (Estrada Peinador-Os Valos) trátase dun carril de 3,5 km de desenvolvemento pola marxe esquerda. A actuación pretende mellorar as circulacións deste vial, incluíndo proteccións para as zonas de cruzamento de peregrinos, así como a posta en valor dos elementos patrimoniais como o Cruceiro dos Cabaleiros.
Deste xeito a Xunta colabora co Concello de Mos no impulso do cicloturismo e a seguridade viaria peonil no Camiño. O obxectivo do convenio de colaboración asinado con Turismo de Galicia é mellorar a seguridade viaria e a convivencia entre peóns, vehículos e ciclistas, especialmente no tramo en que o trazado coincide co Camiño de Santiago.
A actuación mellorará un tramo de 3,5 quilómetros de lonxitude e suporá un investimento de máis dun millón de euros distribuídos en dúas anualidades co obxectivo de seguir avanzando na mellora da mobilidade e nun Camiño máis seguro.
A execución da senda cicloturista está encamiñada á mellora da convivencia entre peóns, vehículos e peregrinos entre o alto de Barreiro e a Capela de Santiaguiño, onde a estrada conflúe co Camiño Portugués.
A intervención suporá actuacións nun trazado que se estende ao longo de 3,5 quilómetros en que se fará un investimento total de algo máis dun millón de euros (1.084.413,74 euros) dos que Turismo de Galicia asumirá algo máis de 750.000 euros, distribuído en dúas anualidades de 361.471,28 euros este ano e 391.646,12 euros en 2023.
O ámbito de actuación correspóndese co trazado da estrada municipal que comunica as parroquias de Torroso e Mos co núcleo rural de Santiaguiño, na parroquia de Louredo. Trátase dun trazado municipal moi transitado cun ancho reducido que non dispón ata o momento de itinerarios peonís seguros polo que a actuación estaría encamiñada a deseñar un trazado seguro onde convivan peóns e ciclistas cun ancho non inferior a 2,5 metros que permitan xerar plataformas de convivencia con vehículos, especialmente naqueles tramos onde o trazado convive co Camiño. A obra permitirá embelecer o Camiño coa disposición de zonas empedradas con lastros nos encontros do Camiño coa vía e, especialmente na contorna do Cruceiro de Santiaguiño, co fin de pór en valor o patrimonio cultural e favorecer a sinalización silenciosa do itinerario de peregrinación.
O Concello de Tomiño, no seu compromiso coa sostibilidade e a mellora ambiental, puxo en marcha en 2020 o seu Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sostible (PACES), unha ferramenta coa que se marcaba catro ambiciosos obxectivos para preparar á vila ante os retos que esixe actualmente o cambio climático: reducir polo menos nun 40 % as emisións de CO2 no municipio ata o ano 2030, minimizando o consumo de enerxía no concello e incrementando o nivel de implantación de renovables; incrementar a capacidade de resiliencia do Concello mediante a adaptación ao cambio climático; elaborar un inventario de emisións de referencia e avaliar os riscos e vulnerabilidades derivados do cambio climático. Agora, despois de dous anos de traballo, o informe de seguimento realizado polo Concello revela o bo camiño que se está a seguir.
“Dende o Goberno municipal traballamos día a día para converter Tomiño nun municipio cada día máis verde e sostible. E para acadalo mantemos un firme compromiso con todos os obxectivos marcados, como conseguir unha redución do 40% das emisións de CO2 a atmosfera ata 2030 fomentando a eficiencia enerxética e o emprego de uso de fontes de enerxía renovables”, explica a concelleira de Medio Ambiente, Ana Belén Casaleiro.
Así, neste campo, durante o ano 2021 rexistrouse un consumo de case 215.000 MW/h e unha emisión de máis de 53.000 toneladas de CO2 equivalentes en todo o municipio. Unha cifra moi alentadora que reflicte unha redución de case o 15% das emisións ao comparar cos datos rexistrados no ano de referencia, o 2018, no que se emitiron case 61.000 toneladas de CO2. Por sectores, a maior porcentaxe de redución obtívose no alumeado público, xa que as accións de mellora da eficiencia enerxética levadas a cabo polo Concello, como a renovación do alumeado público, permitiu unha redución do 41,8% nas emisións. Outras, como a mellora de envolventes e da iluminación en edificios públicos ou a implantación de instalacións de enerxía renovable conseguiron unha redución do 38,3% nas emisións dos edificios e instalacións municipais. Nos edificios residenciais detectouse unha diminución do 20,6% nas emisións de CO2.
Para continuar neste camiño, o Concello conseguiu a través dos fondos Next Generation un investimento de case un millón de euros para renovación do alumeado público, que permitirá alcanzar un aforro enerxético do 61% e unha redución nas emisións de CO2 de case 193 toneladas. O Goberno municipal quere dar un paso máis alá, polo que xa está a traballar nun novo proxecto que permitirá captar novos fondos europeos para chegar a renovar ata o 90% da rede de alumeado.
Medidas adoptadas
O PACES de Tomiño arrancaba con 27 medidas a implementar, das que máis do 80% están xa en marcha e catro delas finalizadas: a definición dunha estrutura organizativa e competencial, a auditoría e xestión das instalacións de iluminación pública, a elaboración de plans de mobilidade urbana sostible e a posta en marcha de incentivos fiscais no IVTM para vehículos eficientes e non contaminantes.
Ademais de accións de mitigación relacionadas coa limitación das emisións, tamén se puxeron en marcha accións enfocadas á adaptación baseándose na redución da vulnerabilidade aos efectos do cambio climático. Neste sentido, como punto de partida o Concello analizou os principais perigos aos que Tomiño está exposto para definir as accións encamiñadas a reducir as súas consecuencias, marcando unha folla de ruta de adaptación e mitigación enfocada ao medio rural, ao medio urbano e á sociedade xeral. Ademais, tamén se estableceron medidas para loitar contra a pobreza enerxética destinadas á veciñanza.
A Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas consolídanse como referente internacional en materia de sostibilidade. O Pazo provincial acolleu a xornada “Greentour: Economía Circular e Turismo Sostible en Destinos do espazo SUDOE”, un encontro no que autoridades, entidades e persoal técnico de diversas zonas turísticas de Europa avaliaron os resultados destes dous anos de implantación da iniciativa comunitaria, que ten por obxectivo reducir a pegada ambiental da actividade turística sobre o territorio e implantar sistemas de xestión máis eficientes.
A deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, deu a benvida as persoas participantes nun ateigado Salón de Plenos e aproveitou para reafirmar o compromiso da institución coa “transición verde” na que está inmersa o sector. Tamén agradeceu a implicación do Clúster de Turismo de Galicia e o asesoramento técnico de Energy Lab para o desenvolvemento do proxecto. A deputada enxalzou o papel central que xogan as administracións locais na implantación de boas prácticas no sector por ser “as máis próximas e as que mellor coñecen o territorio ao que chegan as persoas visitantes”. Nestes dous anos de implantación na provincia, a Deputación conseguiu que un total de 47 establecementos se inscribisen na iniciativa e accedesen ao seus sistema de avaliación ambiental: 15 aloxamentos, seis apartamentos, tres campings, dous hostais, sete establecementos de turismo rural, catro restaurantes e 10 entidades destinadas ao ocio turístico.
A institución provincial apostou pola implantación de Greentour co fin de mellorar a eficiencia do sector turístico, un compromiso explicitamente recoñecido no propio Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas 2021-2023 actualmente en vigor. Tamén reforzou nos últimos tempos as accións que avanzan nesta liña: difusión do proxecto Greentour en todo o territorio; publicación de manuais de boas prácticas para establecementos, axencias de viaxes, oficinas e guías turísticas; obtención da “S” de sostibilidade do Instituto para a Calidade Turística Española (ICTE) para o Museo de Pontevedra; e a creación dos Premios á Sostibilidade Turística que se entregarán na Gala Anual de Turismo e que pretenden incentivar a aplicación de modelos de xestión máis sostibles nas empresas turísticas.
Na xornada compartíronse as experiencias piloto dos destinos de Lloret del Mar, Rías Baixas-Pontevedra Provincia, Camiño Lebaniego (Cantabria) e Guimãraes, cuxas delegacións coincidiron na relevancia de desestacionalización, o necesario reforzo da oferta cultural e de patrimonio, o crecemento do turismo familiar e o mercado potencial que teñen por diante os destinos que están apostando polo turismo cinematográfico, como é o caso de Lloret e de Rías Baixas a través da Pontevedra Provincia Film Commission que vimos de presentar en Fitur.
Unha xestión máis eficiente e respectuosa co planeta
O obxectivo xeral de Greentour é avanzar cara un novo modelo ambiental, económico e social nos destinos turísticos e, ao mesmo tempo, informar ás persoas consumidoras para que se comprometan coa contorna na que se desenvolve a actividade turística. O proxecto anima aos destinos adheridos a elaborar novos produtos de turismo sostible e economía circular para salvagardar o patrimonio do SUDOE para xeracións futuras. Aborda accións de innovación entre as que figura o deseño de novas metodoloxías e accións para promover a economía circular no sector, o impulso á innovación científica e metodolóxica con ecoetiquetado e promover a cooperación interrexional no ámbito SUDOE entre institucións e persoas. En concreto, Greentour permite ás empresas de sector hoteleiro, restauración, ocio e transporte unirse á súa Rede de Turismo Sostible, avaliar a súa pegada de carbono grazas ao emprego de catro ferramentas ambientais distintas e facer a solicitude do ecoetiquetado en liña.
A Biblioteca Municipal do Porriño, dependente da Concellería de Cultura, rexistrou no 2022 o seu récord histórico de préstamos e un alto índice de participación nos seus servizos e actividades. Así o sinalan os datos contabilizados o pasado ano que, con 27.747 préstamos, rexistran un incremento dun 21 %, situando á Biblioteca do Porriño á cabeza do ranking galego xunto ás grandes cidades.
O número de préstamos é o maior indicador de éxito pero tamén destaca o incremento de usuarios. Na actualidade son 8.344 as persoas usuarias, dos cales 494 se deron de alta no 2022.
“O segredo do éxito da nosa Biblioteca é manter a colección totalmente actualizada e facer a inversión necesaria para que as/os usuarias/os dispoñan das últimas novidades tanto en lingua galega como en castelán. Contamos cun fondo de 39.940 documentos á disposición das/os usuarias/os”, explicou o alcalde, Alejandro Lorenzo, “Ademais a biblioteca non se limita ofrecer o servizo de préstamo, tamén sirve de plataforma de iniciativas culturais atractivas e de numerosas actividades de promoción da lectura”.
Neste sentido destacan iniciativas como o Club de Lectura, concebido como un espazo para ler e falar dos libros, ou as exitosas Xornadas para familias e profesionais “Acompañando na aventura de crecer”, que este ano se retomarán incluíndo, ademais das conferencias, talleres para nais e pais, ou a Feira do Libro.
Este ano sumaranse as Xornadas de creación literaria “Da inspiración ao libro”, organizadas en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello do Porriño e o Club de Lectura. A galega Ledicia Costas, será a encargada de presentalas e contarán con nomes como Marcos Calveiro, Diego Giráldez, Raquel Castro ou Carlos Meixide.
Seis propostas conforman a programación que nos meses de febreiro e marzo se van celebrar no Teatro Municipal de Tui.
Haberá tres obras de teatro, dúas para público adulto e unha para público infantil, celebrarase o 11º aniversario da Eurocidade Tui-Valença cun concerto, a maxia chegará con perspectiva de igualdade e proxectarase o filme ‘Canta 2’.
A programación abrirase o próximo venres, 3 de febreiro, ás 21.30 h coa compañía Chévere presentando a obra de teatro ‘N.E.V.E.R.M.O.R.E.’, que aborda o maior desastre medioambiental de Galicia: o afundimento do Prestige no ano 2002. As entradas están xa á venda en tui.gal aos prezos de 10 e 8 euros.
O venres 10 de febreiro, ás 20.30 h, celebrarase o 11º aniversario da Eurocidade Tui-Valença co concerto ’24 caprichos fadistas’ da man do violinista portugués Eliseu Silva. Un concerto no que rende homenaxe ao pago e se conmemorará amais o 240 anos nacemento de Nicollo Paganini. As entradas teñen un prezo de 4 e 3 euros.
Teatro Ghazafelhos representará ‘As pitas baixo a choiva’ o venres 17 de febreiro ás 19.30h. Trátase dunha divertida obra para público familiar, onde dúas pitas agardan a visita dun neno que xoga con elas, pero que, cando chove, perségueas até pechalas no curral. Está recomendada para maiores de 3 anos. A entrada ten uns prezos de 4 e 3 euros.
Xa en marzo, o venres día 3, ás 19.30 h chegará a maxia ao Teatro Municipal de Tui, da man da compañía Magia en la manga. O espectáculo, ‘A igualdade non ten truco’, promove a igualdade de xénero a través do ilusionismo nunha posta en escena divertida e máxica. Está recomendada para maiores de 5 anos. As entradas , e cos prezos de 4 e 3 euros.
O venres 10 de marzo, ás 21.30 h, chegará a Tui ‘Smoke on the water’, unha rompedora obra de teatro da compañía Ibuprofeno Teatro. Música en directo, humor negro e crítica social se reúnen nesta obra dos anos 70 e de rock and roll. Recomendada para maiores de 14 anos, os prezos son de 10 e 8 euros.
A programación do Teatro Municipal de Tui neste ciclo pecharase coa proxección da película ‘Canta 2’, onde Bluster Moon e o seu elenco de estrelas prepáranse para o espectáculo máis importante das súas vidas. Pero antes deben persuadir ao rockeiro máis solitario para que se una a eles. A cita será o venres 17 de marzo ás 19.30 h, con prezos de 4 e 3 euros. Está recomendada para todos os públicos.
O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, salienta a importante aposta que dende o Concello se realiza por manter unha programación estable e de calidade nun Teatro Municipal que é unha icona na actividade cultural da comarca.
A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, salienta coma a programación vai dirixida a todos os públicos con diversos xéneros que estarán presentes nestes dous meses. Estas citas abren a ofertan cultural do ano ás que se irán sumando outras propostas nas que, segundo a concelleira, están xa traballando e en breve se presentarán.
Toda a información desta programación teatral en Tui pódese consultar na web tui.gal onde tamén están dispoñibles as entradas para cada espectáculo.
A Concellería de Turismo do Concello de Covelo convida a participar no primeiro roteiro de sendeirismo deste ano 2023, organizado dentro da programación estable de oferta de lecer na natureza que ofrece o Concello.
Este domingo día 29 as persoas interesadas poderán camiñar polo sendeiro da Forca do Lobo PRG-231 de 13 kms de percorrido e dificultade alta. A duración da actividade é de aproximadamente 5 horas sendo a hora de inicio ás 9 horas dende o Lugar de Campo.
As persoas que queiran participar deberán inscribirse no número de teléfono 654 500 652 (Julio Eiroa). A organización recomenda levar calzado e roupa axeitada así como alimento reconstituínte e bastón de camiñar.
O programa “Roteiros e serradoiro dos Carranos” que oferta de balde o Concello de Covelo contan co acompañamento dun guía de montaña e co apoio da Deputación de Pontevedra.
O guía e biólogo, Julio Eiroa, recoñecido recentemente co premio Síntete Covelo polo seu fondo coñecemento e defensa do patrimonio natural do Concello, adentrará ás persoas participantes na riqueza da fauna e flora da montaña.
A figura de Castelao seguirá moi presente en Ponteareas nos vindeiros días. O vindeiro luns 30 de xaneiro e ao abeiro da programación de actividades organizadas co gallo do ‘Día de Castelao’, o Concello organiza na biblioteca municipal un contacontos que quere servir como unha pequena homenaxe a este pensador, escritor e artista galego.
Durante a sesión, Polo correo do Vento escenificará o seu contacontos ‘Periplo Atlántico’, unha adaptación moi libre do relato de Castelao ‘O negriño panchiño’. Nenos e nenas poderán gozar dunha historia que ten como protagonista un pingüín moi simpático con tanto afán por coñecer o mundo que se embarca de polizón nunha viaxe que cambiará para sempre o seu destino.
O contacontos será ás 17.30 horas con entrada libre ata completar aforo. Tras esta actividade, ás 18.30 horas celebrarase unha ofrenda floral na Avenida de Castelao, ao carón da placa na honra do escritor, que estará amenizada polos gaiteiros dos Muíños de Oliveira.
O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida a todas e todos os ponteareáns a participar neste contacontos, así como no amplo programa de actividades co que o Concello procura homenaxear a este pensador, escritor e artista galego e seguir difundindo a súa obra e o seu quefacer en moi diversas facetas.
O Concello de Nigrán agarda resposta á petición oficial, realizada á Xunta o pasado 19 de decembro, para que a liña Lugove pola costa se amplíe 700 metros co obxectivo de dar servizo a Monteferro, zona onde a veciñanza denuncia problemas de mobilidade. En concreto, o Concello plantexa que a liña XG8833101 de Vigo a Gondomar que circula por Estrada pola Vía e con parada no cruce de Monteferro avance outros 700 metros para chegar á altura de Monteferro número 60 (contona do antiga pensión) e beneficiar así a toda esta península.
“A modificación sobre o percorrido actual de Lugove sería minúsculo e beneficiaría a moita xente se, como mínimo, se dá cobertura nunha das frecuencias da mañá e outra de tarde”, explica o alcalde, Juan González, quen mantivo este mediodía unha reunión con Manuela Brianes, unha das residentes afectadas pola falta de conexións na zona e quen lidera unha petición veciñal ao respecto.
“Acadamos o servizo municipal Nigranbus grazas a que o Concello abona un cánon anual de 80.000 € á Xunta, agora lle pedimos á Xunta que colabore con esta modificación insignificante para esta administración autonómica pero moi importante para a veciñanza de Monteferro”, considera o rexedor, quen fai referencia á liña municipal de transporte que desde novembro conecta ás parroquias do interior cos principais núcleos urbanos da localidade, solventando así unha demanda histórica de zonas ancestralmente desconectadas.
“Como Concello poderíamos ampliar infinitamente o percorrido do Nigranbus, pero estaríamos claramente empeorando a calidade do servizo para toda a veciñanza e sería un sinsentido se son zonas polas que pasa o transporte regular de Lugove a escasos metros, como é Monteferro, por iso pedimos esta colaboración puntual á Consellería de Infraestructuras e Mobilidade”, finaliza González.
O Concello de Arbo organiza coa colaboración da Coral Polifonica de Arbo, despois de dous anos de parón por mor da Covid-19, o “VIII Certame de corais Vila de Arbo” que terá lugar o 6 de maio de 2023, ás 18.30 horas, no Auditorio Segundo Gil Davila co fin de apoiar a cultura musical, polifónica e coral, así como mostrar os recursos culturais, gastronómicos e patrimoniais do municipio arbense.
Nel poderán participar todas as agrupacións corais que sexan de Galicia e que non sexan profesionais nin pertenzan a ningunha escola profesional ou semiprofesional de música, sen ningún tipo de acompañamento musical (soamente a capela).
No certame participarán un máximo de seis agrupacións corais. O prazo de inscrición finalizará o 3 de marzo ás 15:00 horas. Para inscribirse as agrupacións interesadas enviarán a instancia en modelo que figuran nas bases do concurso solicitando a súa inclusión no certame e un curriculum vitae que inclúa a súa actividade polo menos dos últimos tres anos, unha declaración xurada conforme non pertencen a ningunha escola ou convervatorio profesional de música e unha gravación propia realizada nos últimos dous anos que inclúa polo menos tres pezas do seu repertorio. As corais participantes serán seleccionadas polo Comité de Organización do VIII Certame Galego de Corais Vila de Arbo.
A obra obrigatoria nesta edición do concurso é “BAMBOLIÑA (a rapaza que no paraba quieta)” en memoria de Antonio Paz Valverde, unha gran insignia artística que puxo selo á cultura e a música coralista
A coral gañadora do certame recibirá 900 euros, a segunda clasificada obterá 400 euros, a que ocupe o terceiro posto levará 200 euros e, ademais, entregarase o premio FEGOCA, de 500 euros, á mellor interpretación da obra obrigatoria do certame. Todas, incluídas as non premiadas, recibirán ademais diplomas acreditativos.
O Município de Vila Nova de Cerveira vai arrancar com o projeto de descentralização das reuniões de Câmara, que percorrerão as 11 freguesias/uniões de freguesia do concelho. Com a primeira sessão agendada para o dia 28 de fevereiro, o roteiro está a ser ultimado entre a autarquia e os presidentes de junta, pelo que será divulgado oportunamente.
Na proposta apresentada em reunião de câmara desta quinta-feira, e aprovada por unanimidade, o Presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira assegura que a descentralização promove a proximidade dos eleitos para com os seus cidadãos e “dá a todos os cerveirenses a oportunidade de conhecerem a autarquia e de manifestarem a sua opinião e preocupações, bem como partilhar, em cada freguesia, o que tem sido feito e o que se prevê executar”. Com esta medida, Rui Teixeira quer prestar “um serviço público de qualidade, pelo que havia a necessidade de criar escalas de partilha de decisão política, envolvendo as populações na gestão do território”.
Assim, uma vez por mês, o Presidente da Câmara Municipal e os respetivos vereadores vão estar numa das freguesias do concelho, auscultando o público durante o período de intervenção previsto.
A primeira reunião ordinária mensal, não aberta ao público, decorre na segunda quinta-feira do mês, pelas 14h30, na Sala de Reuniões do edifício dos Paços do Concelho; e as reuniões ordinárias públicas passam a realizar-se na última terça-feira de cada mês, pelas 18h00, com início no próximo mês de fevereiro, e de acordo com o calendário a aprovar oportunamente.
Estudos de arquitectura de talla mundial, tanto consagrados e con premios internacionais como emerxentes, aspiran a realizar a rehabilitación do convento de Santa Clara para o seu uso dentro do Museo de Pontevedra. A presidenta da Deputación, Carmela Silva, e o vicepresidente e responsable do Museo, César Mosquera, anunciaron que se recibiron 23 propostas de empresas de 41 localidades ao longo do mundo: Tokio-París, Copenhague, Oslo, Berlín, Londres, Rotterdam ou Braga, ademais de españolas e galegas.
Tanto o número de propostas como a calidade dos estudos aspirantes, segundo explicou o vicepresidente Mosquera, é moi alta, o que ao seu entender amosou que Santa Clara tiña ‘per se’ –e non polos premios de 30.000 euros dos finalistas e 50.000 do gañador- atractivo como para atraer firmas potentes. “O concurso de proxectos funcionou moi ben, extraordinariamente ben”, subliñou, lembrando os ambiciosos e esixentes requirimentos para poder participar.
Segundo subliñou Mosquera, a previsión é que a maior parte dos estudos cubran a puntuación mínima esixida, xa que todos teñen, ou ben unha calidade “enorme” e un largo currículo con premios e recoñecementos, ou ben son emerxentes e na “cresta da ola”, despuntando por traballos feitos máis recentemente. Seguramente –dixo o vicepresidente- quedará un “resaibo amargo” polos que se deixen fóra da selección.
Algúns dos nomes máis ‘exóticos’ da lista de presentados ao concurso son os estudos de Kaan Arquitecten, Kengo Kuma, a UTE Big-Naos-Proskene, ou a UTE liderada polo arquitecto David Chipperfield, que acompañan a outros máis próximos como Nieto Sobejano, Alfonso Penela ou César Portela. O número de profesionais involucrados neste proceso de Santa Clara, segundo Mosquera, son centos, e moitos deles teñen realizado non só traballos de edificación e rehabilitación de museos, senón tamén intervencións en construcións de tipoloxía relixiosa.
Nos vindeiros 15 días realizarase a valoración dos currículos e ‘portfolios’ presentados polos estudos de arquitectura e deixaranse só os cinco mellor valorados, aos que se lle achegará toda a documentación (estudos histórico, arqueolóxico, xeotécnico, cartográfico, de patoloxías…) para que elaboren os seus anteproxectos nun prazo de tres meses.
No caso de que non se produzan “perturbacións” a intención será licitar a obra a primeiros de 2024, adxudicar na primavera, e que a actuación estea lista en dous anos, no 2026. “Por agora está a ir todo moi rápido. Se eses prazos van adiante estariamos nun tempo récord, (…) pero sería nun mundo idílico”, recoñeceu Mosquera.
O Museo de Pontevedra, no centro do mundo
A presidenta da Deputación, Carmela Silva, asegurou que o Goberno provincial está “feliz e moi sorprendido do enorme interese que amosaron os estudos de arquitectura máis relevante do mundo e do inmenso número de equipos que se presentaron” á convocatoria. A presidenta afirmou que “fomos tan esixentes que puidemos ter pecado de exceso, pero tiña razón o vicepresidente cando asegurou que se ían presentar os mellores do mundo”.
Aspirantes do concurso de proxectos
1
Aranguren Gallegos Arquitectos S.L.P.
2
Estudio Barozzi Veiga SLP
3
J. M. Carvalho Araújo, Arquitectura e Design, S.A.
4
De Lapuerta Campo Arquitectos Asociados, S.L.P
5
Arquitectura Enguita & Lasso de la Vega SLP
6
Garcés de Seta Bonet Arquitectes
7
KAAN Architecten B.V.
8
Kengo Kuma & Associates
9
NIETO SOBEJANO ARQUITECTOS SLP
10
TUÑON Y ALBORNOZ ARQUITECTOS S.L.P.
11
UTE AMANDA LEVETE ARCHITECTS- AYBAR MATEOS SLP
12
UTE UTE BIG-NAOS-PROSKENE
13
UTE DCA-CARLOS SEOANE
14
UTE CESAR PORTELA-CELSO LÓPEZ-JORGE SALGADO-MAGDALENA PORTELA
No día Mundial da Educación Ambiental a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Medio Ambiente Sostible mosense, Leo Costas, visitaron o Lavadoiro do Martingueiro en Sanguiñeda para informar de que a administración local mosense vén de investir 27.000 euros na reparación dunha fonte e 2 lavadoiros.
Mos é un municipio rico en patrimonio medioambiental, é terra de auga e como tal conta cun amplísimo inventario de bens relacionados co líquido elemento: muíños, fontes e lavadoiros.
A recuperación destes recursos patrimoniais municipais é moi demandada pola veciñanza, por iso o Concello de Mos conta cun plan integral de posta en valor de fontes e lavadoiros, dentro do que acomete anualmente a recuperación e mellora de varios destes elementos.
Os tres elementos recentemente rehabilitados pola concellería de Medio Ambiente Sostible son a Fonte do cocho en Casalmorto, parroquia de Pereiras, o Lavadoiro do Martingueiro no Barrio do Monte en Sanguiñeda, e o Lavadoiro da Portela na parroquia de Louredo.
Os traballos realizados inclúen obras de reparación e labores de limpeza destes elementos patrimoniais tan abundantes e prezados pola veciñanza mosense.
‘Mos espazo de auga… espazo de vida’
Todo este legado patrimonial aparece recollido no libro titulado ‘Mos espazo de augua… espazo de vida’. Publicación do ano 2017. No libro recóllense fotografías, rutas de acceso e coordenadas xeográficas dos recursos naturais hídricos mosenses e das construcións que ao redor deles se forman.
Grazas a esta publicación fíxose tamén un repaso do inventario patrimonial do Concello de Mos e realizáronse novos descubrimentos e inclusións neste, que ascenderon a 41 elementos inventariados a maiores. Ata o de agora constaban no inventario 103 elementos.
O Concello do Rosal vén de sacar a licitación a reconfiguración do Camiño da Sueira, entre a estrada de Couselo e o Camiño da Menora, unha intervención que servirá de modelo urbanístico a implantar en espazos de matriz rural, con presenza de elementos con interese paisaxístico e patrimonial e un certo nivel de concentración residencial que demande un tratamento diferente do espazo público.
“Queremos dotar aos nosos camiños e estradas dunha unidade que nos permita crear ao longo do noso concello ámbitos singulares que salienten os elementos de maior valor ambiental, paisaxístico e patrimonial, delimitando zonas de convivencia que favoreza a mobilidade peonil nas áreas residenciais, mellorando a calidade estética destas zonas, pero tamén todo o que non se ve, como a rede separativa de pluviais”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
Será un modelo de intervención coñecido como tipo ‘rosario’, no que se crean unha serie de espazos puntuais resoltos con materiais nobres e fronte a elementos de especial significación unidos por un conxunto de eixos nos que se diminúa a presenza de asfaltados tradicionais e se inclúan detalles coidados.
O proxecto no Camiño da Sueira contempla a substitución dos pavimentos no vial, unha ramificación de escasa sección que deriva cara ao oeste dende a estrada de Couselo e que comunica a través da ponte sobre o río Tamuxe co centro co Rosal. En total serán 1.203 metros cadrados de superficie nos que se buscará a creación de espazos de encontro para a veciñanza e outros de convivencia entre peóns e vehículos, mantendo o tráfico rodado para residentes e os indispensables para a mobilidade xeral.
Estas obras terán un prazo de execución de dous meses e xa están en licitación por un importe de máis de 97.000 euros. As empresas e entidades interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 13 de marzo.
Ponteareas prepárase para render homenaxe a Castelao. Este sábado 28 de xaneiro e ao abeiro da programación de actividades previstas polo ‘Día de Castelao’, o Concello organiza un orixinal obradoiro de iniciación ao manga e á banda deseñada impartido polo artista ponteareán Sergio de Arcos, un curso de balde aberto a todos os públicos a partir dos 12 anos. O taller celebrarase na biblioteca municipal de 17.00 a 19.00 horas.
O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, anima á veciñanza a participar neste obradoiro que permitirá a todas e todos os participantes aprender dun xeito ameno a contar historias a través do debuxo e da imaxe. “Con este curso non só apostamos por actividades creativas moi demandadas pola mocidade e pola veciñanza, senón que tamén nos achegamos a Castelao potenciando mergullándonos nunha das súas moitas facetas, xa que foi un artista referente na ilustración gráfica no século XX”, recalca.
O obradoiro será impartido polo ponteareán Sergio de Arcos, gañador de numerosos premios de creación de banda deseñada e parte xa do gran grupo de artistas de éxito desta especialidade en Ponteareas. A actividade contará cun máximo de 15 prazas, polo que será necesaria a inscrición previa. As persoas interesadas poden xa inscribirse na biblioteca municipal ou chamando ao teléfono 986 660 765.
A Oficina Municipal de Información ao Consumidor do Concello de Salceda de Caselas (OMIC), coordinada dende a Concellería de Comercio, que dirixe a alcaldesa Verónica Tourón, recibiu o longo do ano 2022 preto de 500 consultas relacionados con temas sobre garantías, dereitos dos consumidores, reparación de bens consumibles, revogacións de contratos, etc. A súa tarefa nestes casos foi a de informar, mediar ou derivar ao Instituto Galego de Consumo para que inicie os correspondentes expedientes. Esta oficina está situada na Casa da Cultura Castelao e é atendida por un técnico municipal de consumo.
A súa vez tramitou un total de 150 expedientes de reclamacións ao Instituto Galego de Consumo (IGC), para que este organismo dependente da Consellería de Economía e Industria decidise se ditas reclamacións se someterían a mediación previa, a Arbitraxe de Consumo ou se resolverían mediante outro tipo de vía administrativa.
Así mesmo se remitiron a outros organismos de mediación públicos un total de 70 reclamacións. Ao Departamento de Conducta e Reclamacións do Banco de España as reclamacións bancarias; A Secretaría de Estado de Telecomunicacións as compañías telefónicas que non se someten a“xurisdición” galega; A Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións do Ministerio de Economía e Industria as reclamacións as compañías de seguros; A AESA (Axencia Estatal de Seguridade Aérea) as reclamacións contra as Compañías Aéreas, etc.
Por apartados, resaltar que das 150 reclamacións este ano foi sen dúbida o das compañías eléctricas e as de gas, debido aos prezos desorbitados e os cambios de contrato sen previo aviso. Se recolleron un total de 50 reclamacións relacionadas co Gas e a Electricidade. O segundo lugar o ocupan as compañías de telefonía móbil, fixa e Internet tal e como ben sendo habitual nos últimos anos tamén nas consultas, cun total de 45 expedientes. A continuación as tendas físicas con 20, os bancos con 15, as tendas on-line, as compañías aéreas, a venta a domicilio, e por último as academias a distancia, os talleres, empresas de transporte, as compañías de seguro, etc.
Con respecto aos anos anteriores, no ano 2022 se mantivo o número de reclamacións, pero aumentou considerablemente o número de consultas no servizo. Salientar que o 75 % da poboación atendida é residente no municipio de Salceda de Caselas e o 25 % restante pertence aos concellos veciños de O Porriño, Salvaterra de Miño, Tui e Ponteareas.
Resaltar por último que a OMIC de Salceda de Caselas a través do seu técnico responsable é membro do Consello Reitor do INSTITUTO GALEGO DE CONSUMO E DA COMPETENCIA, pois leva dende o ano 2000 ofrecendo este servizo no Concello.
O Concello de Mondariz, comprometido co galeguismo e coa memoria histórica, volve incluír este ano unha actividade na súa axenda cultural de xaneiro para conmemorar o aniversario do nacemento de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (1886-1950), intelectual galeguista de referencia.
Con motivo do Día de Castelao, está programada unha conferencia na biblioteca municipal de Mondariz a cargo de Miguel Anxo Seoane Seixas, presidente da Fundación Castelao e autor dunha recente biografía en tres volumes do que é considerado pai do nacionalismo galego. A conferencia, que terá lugar o sábado 28 de xaneiro ás 19:30 horas, leva por título “Castelao, construtor da nación” e percorre a vida e obra do autor de Rianxo. A entrada é libre e gratuíta até completar a cabida.
Con esta actividade, o Concello de Mondariz dá continuidade á celebración do Día de Castelao na súa programación cultural anual, xa que o ano pasado xa se celebrara coa proxección do documental “Castelao e os irmáns da liberdade” e a presentación da tradución ao galego do libro “Castelao e os vascos”, coa presenza do cineasta Xan Leira e do tradutor Xurxo Martiz. Naquel momento, a conversa xirou arredor do exilio de Castelao na Arxentina e do legado que deixou.
Utilizamos cookies para mejorar su experiencia y nuestros servicios, analizando la navegación en nuestro sitio web. Si continua navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información pulsando aquí:.Saber MásAceptar
Cookies
Privacy Overview
This website uses cookies to improve your experience while you navigate through the website. Out of these, the cookies that are categorized as necessary are stored on your browser as they are essential for the working of basic functionalities of the website. We also use third-party cookies that help us analyze and understand how you use this website. These cookies will be stored in your browser only with your consent. You also have the option to opt-out of these cookies. But opting out of some of these cookies may affect your browsing experience.
Necessary cookies are absolutely essential for the website to function properly. This category only includes cookies that ensures basic functionalities and security features of the website. These cookies do not store any personal information.
Any cookies that may not be particularly necessary for the website to function and is used specifically to collect user personal data via analytics, ads, other embedded contents are termed as non-necessary cookies. It is mandatory to procure user consent prior to running these cookies on your website.