Mércores, 9 Xullo de 2025

Comeza o proxecto Net-Zero en Ponteareas para acadar a plena sostibilidade ambiental

Ponteareas dá novos pasos na procura dunha maior sostibilidade. O Concello presentou ante a veciñanza, especialmente a representantes comerciais e empresariais e colectivos forestais da vila, o proxecto Net-Zero, unha iniciativa que busca a redución de emisións de gases de efecto invernadoiro ata as cero emisións, acadando a sostibilidade ambiental e convertendo a Ponteareas nun referente na loita contra o cambio climático.

Na primeira fase do proxecto, o Concello realizou un cálculo das emisións de CO2 do municipio, que ascenden a 1.218 toneladas de CO2eq. Para acadar ese obxectivo de cero emisións, na segunda fase da iniciativa Ponteareas buscará compensar a súa pegada de carbono participando en proxectos ambientais locais, principalmente enfocados na conservación e mellora das masas forestais do municipio.

A alcaldesa, Cristina Fernández, destacou a importancia deste proxecto, “unha iniciativa na que temos que traballar todas e todos xuntos e colaborar de forma estreita coas asociacións e colectivos ponteareáns para facer fronte aos retos ambientais e camiñar cara a un modelo máis sostíbel”. Pola súa banda, a concelleira de Medio Ambiente, Rosa Covelo, salientou que o proxecto Net-Zero “é unha ferramenta fundamental para conseguir os obxectivos climáticos no noso municipio e unha oportunidade para mellorar a calidade de vida da veciñanza”.

Mavi, a maleta viaxeira, chega a Tui

0

Mavi, a maleta viaxeira contra a violencia de xénero, está até finais de mes na Biblioteca Municipal de Tui. É unha iniciativa promovida pola Unidade contra a Violencia sobre a Muller da subdelegación do Goberno en Pontevedra que conta neste caso coa colaboración da concellería de Igualdade do Concello de Tui e da Biblioteca Pública Municipal.

Este proxecto naceu co obxectivo de traballar a favor da concienciación e a prevención destas violencias, e pretende achegar libros de diferentes temáticas relacionadas co feminismo, a igualdade, o empoderamento, a autoestima ou as violencias machistas ás mulleres e nenas da nosa localidade.

MAVI contén textos que promoven a reflexión, a sensibilización e concienciación sobre temas determinantes para conseguir unha sociedade máis igualitaria e libre de violencias, favorecendo un pensamento crítico fronte aos estereotipos e roles de xénero que perpetúan estas violencias e desigualdades.

Esta Maleta viaxeira conten 28 libros de lectura diversas dirixidos non so exclusivamente ás mulleres senón a toda a sociedade. Así recolle 6 libros de literatura infantil e xuvenil e 22 libros para lectores adultos.

Os libros contidos na Maleta viaxeira están a disposición de todo aquel que os desexe para o seu préstamo na Biblioteca Pública Municipal tudense.

A concelleira de Igualdade, Ana María Núñez Álvarez, agradece esta colaboración coa subdelegación do Goberno “pois con esta iniciativa promóvese, a través da lectura a concienciación sobre temas determinantes para conseguir unha sociedade máis igualitaria e libre de violencias, favorecendo un pensamento crítico ante os estereotipos e roles de xénero que perpetúan estas violencias e desigualdades”. Esta maleta está tamén a disposición das entidades sociais e educativas interesadas.

Datos récord de turismo en Semana Santa en Redondela

0

A Concellería de Turismo do Concello de Redondela era optimista na previsión de aumento de visitantes coa apertura das novas instalacións nun lugar estratéxico, como é a rúa Isidoro Queimaliños, paso abrigado de peregrinos no seu camiño a Santiago de Compostela.

Os datos recollidos nesta primeira semana de apertura ao público, coincidindo coa celebración da Semana Santa reflexan datos récord, así as persoas que visitaban a oficina nestes 7 días ascendeu a máis de 600, mestres que no ano inmediatamente anterior, contabilizáranse 296 en todo o mes de abril.

En canto ao Museo de Meirande, nas mesmas datas de Semana Santa, rexistráronse 573 persoas fronte ás 253 de 2022. “Como reflexan os datos, conseguimos dobrar o número de persoas interesada que pasan por Redondela, contando peregrinos, turistas e veciñanza de Redondela”, explica a alcaldesa Digna Rivas.

As actividades programadas, como as saídas en barco para visitar a Illa de San Simón e San Antón, as rutas de turismo mariñeiro, dirixidas por Amarturmar; ou as visitas guiadas para coñecer o patrimonio cultural e patrimonial da vila, tiveron unha magnífica acollida, contabilizándose máis de 1400 participantes.

A nova oficina de turismo, situada na rúa Queimaliños, é un lugar estratéxico por situarse en pleno Camiño de Santiago, supón unha excelente mellora no servizo de atención aos turista e sobre todo ao peregrino. Está aberta dende o luns 3 de abril en horario continuado de 11:00 h a 19:00 horas para atender as dúbidas das persoas interesadas nestas actividades e calquera outra oferta turística do municipio. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, agradece a Deputación de Pontevedra “os fondos necesarios para contratar o persoal técnico de turismo dende abril e durante toda a tempada estival”.

Actividades

Dentro das actividades organizadas para este mes de abril e o próximo mes de maio, inclúense as visitas semanais de “A Vila pola Tardiña” que se realizan  para dar a coñecer o patrimonio e a historia de Redondela e para a que só será necesario inscribirse na oficina de Información Turística.

Destacar como próximas visitas de interese, as que se realizarán o vindeiro 28 de abril ao Cemiterio de Eidos, ou, as Rutas de turismo Mariñeiro, Ruta do Porto ou Ruta do Choco dirixidas por Amarturmar os días 22 e 28 de abril respectivamente.

O domingo 30 de abril, está previsto realizar unha Visita guiada aos petróglifos de Ventosela, dentro da programación Roteiros con Historia

Todos os roteiros mariñeiros terán un prezo de 3 euros e deberá facerse a correspondente reserva na oficina de Turismo de Redondela.

Por outra banda, o Museo Meirande, mantén o seu horario habitual e abre as súas portas de luns a Domingo de 11:00 h á 14:00 e de 15:30 h a 19:00 horas. “As Oficinas de Turismo ofreceron un bo servizo na tempada máis alta e conseguiron duplicar en datos o número de visitas ao ano pasado. Cabe lembrar que Redondela converteuse nun referente como destino turístico nos últimos anos e pretendemos que siga crecendo”, conclúe Rivas.

Nigrán ofrece este sábado un concerto de piano

0

O Concello de Nigrán ofrece este sábado de 18:00 a 20:00 horas no Auditorio Municipal o concerto das pianistas da comarca Noemí Rodríguez (18 anos, Vigo) e Iria Pérez (19 anos, Nigrán), que tocarán pezas de Mozart, Chopin, Beethoven e Bach. A entrada é de balde ata completar o aforo.

Noemí Pérez é pianista e compositora , actualmente cursando o último curso de grao profesional da especialidade de piano no CMUS Vigo, ao mesmo tempo que recibe clases impartidas por Abe Rábade no Seminario Permanente de Jazz de Pontevedra. Noemí tocará a sonata nº8 de Mozart e ‘Estudio Revolucionario’ de Chopin.

Noemí Rodríguez
Iria Pérez Alejos

Iria Pérez Alejos comezou os seus estudos musicais á idade de 9 anos no conservatorio Elemental de Gondomar xunto á profesora Patricia Goberna García. Actualmente cursa o último ano de grao profesional na especialidade de piano no CMUS Vigo xunto á profesora Eva María Palacios Toledo. Recibiu consellos de profesores como Patrín García-Barredo, Enrique Goberna, Miriam Gómez-Morán e Mariana Gurkova. Á súa vez participou en diferentes cursos como o Curso Mar a Mar ou o curso Forum Musikae Verán. Iria tocará ‘Preludio e Fuga no 14 WTK Vol. II en fa #menor de Bach, Sonata no 6 de Beethoven e Nocturno no 16 Op 55 no 2 de Chopin.

Tomiño conmemora o Día do Libro con arte e literatura

0

Tomiño prepárase para conmemorar o Día Internacional do Libro o vindeiro domingo 23 de abril cunha xornada con moita arte e literatura. O día comezará coa reivindicación da memoria oral e histórica coa presentación da nova edición do libro ‘Abaixo as ditaduras!’ de Josefa García Segret, unha versión realizada ao abeiro da Colección Afranio do Concello de Tomiño.

Ás 12.00 h a Casa dos Mestres de Forcadela achegarase ao público esta nova versión que recolle a tradución ao galego de María Alonso Seisdedos e que se completa cun prólogo sobre a memoria das mulleres a cargo de Marga do Val, cunha intensa contextualización histórica da man da investigadora Natalia Jorge e cun epílogo do escritor e profesor Manuel Forcadela construído a través das memorias da súa nai. O acto, que estará aberto á toda a veciñanza con entrada libre, trasladarase en caso de choiva ao auditorio municipal de Goián.

A xornada continuará xa pola tarde co espectáculo ‘Frida’, da Cova das Letras, unha peza dirixida ao público familiar onde a través do corpo en movemento, monicreques e obxectos ponse en valor o poder transformador da arte. Co gallo do Día do Libro, todas as familias que acudan á representación serán agasalladas cun libro e todas as persoas asistentes cun marcapáxinas de ‘Frida’. Será ás 17.30 horas no auditorio de Goián con entrada de balde. O Concello xa realizou dous pases desta obra para todo o alumnado de educación infantil e de secundaria de Tomiño.

Descontos

Para completar a conmemoración do Día do Libro, o Concello de Tomiño ofrecerá un 10 % de desconto en todos os libros que se merquen durante o propio 23 de abril. Ese domingo as librerías tomiñesas abrirán en horario de mañá para que a veciñanza poida desfrutar da literatura e do pracer da lectura.

A marcha nórdica mantense a bo ritmo en Ponteareas

A marcha nórdica avanza a bo ritmo en Ponteareas. Cerca de vinte persoas participaron nas últimas dúas sesións de iniciación de aprendizaxe da técnica postas en marcha polo Concello que se celebraron a pasada fin de semana en colaboración coa Asociación Cultural San Nicolás na Casa Cultural de Prado. “É unha forma de poñer a disposición da veciñanza unha ferramenta sinxela e ao alcance de todas as persoas que pode axudar a cambiar hábitos e a levar unha vida menos sedentaria”, salienta a alcaldesa, Cristina Fernández.

Trátase dunha iniciativa deportiva apta para todas as idades, algo que quedou patente nas últimas sesións técnicas, nas que participaron veciños e veciñas dende os vinte anos ata os 70. As persoas interesadas en participar nestas actividades técnicas deberá poñerse en contacto coas asociacións das diferentes parroquias nas que se van celebrando e inscribirse, xa que se facilita ás e aos participantes os bastóns de marcha nórdica. Ata o momento xa se realizaron as xornadas en Areas, Arcos, Xinzo e Prado.

Xunto ás sesións formativas, o Concello organiza dúas saídas mensuais de marcha nórdica aberta a todas as persoas que participaron na parte técnica e a aquelas que teñen unhas nocións básicas e contan cos seus propios bastóns. A seguinte será o vindeiro domingo 23 de abril cun percorrido de 5,5 quilómetros de dificultade baixa e sen desnivel, unha ruta circular por superficie natural e asfalto con saída ás 10.30 horas da Casa Cultural de Prado.

Para as veciñas e veciños máis en forma haberá ruta o sábado 29 de abril, un percorrido circular cunha dificultade xa media-alta e con desnivel dun total de 8 quilómetros. Neste caso o lugar de encontro será tamén a Casa Cultural de Prado ás 16.45 horas, con saída ás 17.00 horas.

A alcaldesa anima a toda a veciñanza a participar nas novas sesións e saídas que se van a desenvolver ao longo de todo o ano e das que se irán informando a través das parroquias e da web e das redes sociais do Concello.

Baiona concede Símbolos e Distincións Honoríficas

0

A Comisión de Honores e Distincións do Concello de Baiona aprobou hoxe a concesión de diferentes Símbolos e Distincións Honoríficas, que se aprobarán definitivamente no próximo pleno municipal.

“Queremos recoñecer a aportación á vila desde diferentes ámbitos de persoas, entidades e agrupacións que levan moitos anos traballando ou con actividade en Baiona”, asegura o alcalde, Carlos Gómez Prado.

“Merecen un recoñecemento público, o seu traballo e legado fan grande e mellor unha vila como a nosa”, engade.

Ademais, hoxe aprobouse o nomeamento de Cronista da Vila a Anxo Rodríguez Lemos.

Os Símbolos e Distincións Honoríficas aprobadas son:

  • Lazo de Honra á Asociación Folclórica Vila de Baiona
  • Lazo de Honra á Agrupación Musical de Belesar
  • Nomeamento do Espazo Público Manolo Ferreiro
  • Carabela de Ouro a Mari Carmen Ratel López e Manuel Goce Ratel, nai e fillo, pasado e futuro, do Establecemento Hosteleiro “Restaurante Naveira”
  • Carabela de Ouro a Dolores Barreiro Barreiro “Lola a do Peixe” e a Rafael Pereira Barreiro, nai e fillo do Establecemento Hosteleiro “Restaurante El Mosquito”
  • Lazo de Honra a José Joaquín Costas Miniño “Pepe Prais”
  • Medalla de Plata para o Baíña Fútbol Sala
  • Medalla de Ouro ao CEP de Sabarís
  • Medalla de Ouro ao CPI Cova Terreña
  • Lazo de Honra ao Coro de Homes “Voces Baionesas”
  • Medalla de Ouro ao Liceo Marítimo de Baiona

Fin da primeira edición de Conecta Lab

0

Tras dez días de intenso traballo e cunha ampla programación, Conecta Lab, o laboratorio audiovisual de CREA e da Deputación chegou hoxe ao seu fin coa celebración do Encontro Perspectivas – Miradas de xénero no cine, que se centrou en aportar un punto de vista feminista tanto aos proxectos seleccionados como unha visión global do sector cinematográfico grazas á participación de Paula Cons, documentalista, produtora, guionista e directora de traballos como “La isla de las mentiras”, a súa primeira longametraxe; ao realizador Manuel Gago, director cuxa ópera prima “Matria” foi estreada no na Berlinae 2023; María Vázquez, gañadora da Biznaga de ouro como mellor actriz por “Matria”,  e Belén Puime, directora da webserie “Pringadas”, nomeada os Premios Mestre Mateo. No acto estiveron presentes a deputada de Cultura Victoria Alonso e o presidente de CREA, Fon Cortizo, que foron os encargados de clausurar esta primeira edición de Conecta Lab.

No “Encontro Perspectivas”, que tiña como finalidade introducir nos proxectos a perspectiva de xénero como algo enriquecedor e que foi conducido pola realizadora e vicepresidenta de CREA Noemí Chantada, os e as participantes debateron arredor do que supón a perspectiva de xénero no cinema, que pode chegar a aportar e se está presente nos proxectos audiovisuais que se fan en Galicia. Desta maneira, demandaron mulleres “reais” no cinema, que sexan realmente suxeitos activos das súas propias historias como única vía para reflexar a realidade social, xa que os moitos dos proxectos que contan con personaxes femininos están escritos por homes e, polo tanto, non teñen perspectiva. E para iso, aseguraron, é necesario que as mulleres teñan parte activa na creación de proxectos, de tal maneira que o cinema poida ser un reflexo real da realidade. 

Os e as participantes coincidiron na necesidade de rachar cos estereotipos que presenta o cinema actual, como o do “home maior que sempre acaba ligando cunha rapaza nova”, ou da importancia de repensar o audiovisual polo enorme impacto que ten na educación sexual dos mozos e mozas, xa que “nunca reflexa o desexo feminino ou que nunca, por exemplo, presenta unha violación enfocada desde o punto de vista da vítima”. Así, se ben recalcan que hai “un gran potencial”, ao ser a mirada actual do cinema sempre masculina, “nunca se pon a visión desde o lado que interesa”. “O cinema con perspectiva de xénero e o único cinema con capacidade para contar a historia de mulleres reais e iso implica máis diálogos, un cambio nos roles que xogamos en escena e tamén na posición da cámara. Debe ser transversal”, concluíron as poñentes.

Ao longo dos dez días que durou o Conecta Lab, as/os creadoras/es galegas/os Iria Sobrado (co proxecto “Aquagym”), Alexandre Cancelo (“Grimsey”), Nacho Ozores (“La idea de un hijo”), Lidia Fraga e Jacobo Díaz (“Normal”), Irene Pin (“Terás que saltar”), Dani Viqueira (“Invisibles”) e Rafa de los Arcos, como proxecto invitado con “O pesadelo das vacas”, traballaron nos seus proxectos de maneira persoal, acompañados/as por titores e titoras especializadas co fin de profundar nos distintos aspectos artísticos e narrativos.

Hoxe finalizan as II Xornadas Muller e Traballo do CIM de Mos

0

Esta tarde rematan as II Xornadas Muller e Traballo do CIM de Mos nas que onte participou Teresa Portela. As sesións que hoxe se desenvolverán no Pazo de Mos son “O malestar que non ten nome a cargo”, de Águeda Gómez, da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo; “A conciliación en cifras. Logros acadados e retos por conseguir”, por Tamara Miranda. Socióloga; “Novas masculinidades e corresponsabilidade” por Ramón Torrente. ara rematar, conclusión e peche da xornada.

Águeda Gómez Suárez, que falará sobre “O malestar que non ten nome: académicas en tempos de pandemia”. É directora da Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo. Profesora titular de universidade na área de socioloxía. Doutora en Socioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela e licenciada en Socioloxía pola Universidade Complutense de Madrid, desenvolveu o seu traballo de investigación sobre cuestións relacionadas cos prexuízos de xénero na ciencia e a sociedade dixital. Dirixiu dezaoito investigacións como Investigadora Principal e publicou once libros.

Na xornada inaugural, celebrada onte 19 de abril, contouse coa presenza da medallista olímpica Teresa Portela e o presentador deportivo da TVG, Terio Carrera.

A primeira sesión da tarde de onte comezou ás 16:00 H cunha charla sobre dereitos laboráis, excedencia por coidado de fillos/as segundo homes e mulleres, excedencias por coidado de familiares dependentes, e reducións de xornadas a cargo da ponente Beatriz Lago (Avogada).

Ás 16:50 horas falouse sobre a carga mental, síndrome BURNOUT: a tarefa invisible das mulleres, a culpabilidade e o benestar emocional, como afecta á saúde a carga mental, estratexias para repartir o peso do foga…. Conducirá a charla Fernando Tellería (Psicólogo).

Contouse tamén con intervencións institucionais a cargo de Elena Mancha, Directora de Relacións Laborais da Xunta de Galicia e de Nidia Arévalo, alcaldesa do Concello de Mos. E a máis esperada da tarde foi a intervención de Teresa Portela (deportista) e Terio Carrera (xornalista) sobre conciliación e corresponsabilidade: os valores e a corresponsabilidade, os valores que lle ensinamos aos nosos fillos/as coa nosa actuación, educar no modelo de corresponsabildidade, e métodos para evitar conflitos coas tarefas do fogar.

Teresa Portela, Subcampioa Olímpica en Tokio 2020. Primeira muller española en participar en 6 Xogos Olímpicos (Sydney 2000, Atenas 2004, Beijing 2008, Londres 2012, Río 2016, Tokio 2020) con 5 diplomas olímpicos, e una medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Tokio 2020 en K1 200 metros. Outro dos seus retos conseguidos foi compaxinar a súa carreira deportiva coa súa formación académica, graduándose no Grao de Fisioterapia e Diplomatura de Maxisterio de Educación Física. A todo isto, súmase a súa maternidade, a difícil tarefa de conciliar o traballo coa súa vida familiar.

Terio Carrera. Xornalista deportivo os últimos 34 anos. Traballa na TVG.

A primeira xornada culminou coa charla sobre muller e discapacidade: dobre discriminación no acceso ao traballo, da man de Laura Freiría.

O alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier coñece os segredos do funcionamento dun Concello

0

Achegar o funcionamento da administración local aos máis cativos. Ese era o obxectivo da visita realizada estes días por alumnado de 1º e 2º de primaria do CPI Manuel Suárez Marquier á Casa Consistorial rosaleira, unha xornada na que ademais de coñecer as instalacións municipais, os diferentes departamentos e o seu funcionamento tamén puideron falar coa alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e con concelleiras e concelleiros e plantexarlles as súas dúbidas e suxestións.

Durante o encontro, nenos e nenas celebraron un pleno infantil presidido pola rexedora no que todas e todos os participantes aprobaron por unanimidade realizar unha festa dos nenos e nenas, unha iniciativa que o equipo de Goberno comprometeuse a organizar. “Visitas como estas son unha forma de darlle voz á nosa infancia, de achegalos ao funcionamento do Concello e de facelos partícipes do devir do Rosal”, salienta a alcaldesa.

Na visita o alumnado do CPI Manuel Suárez Marquier tamén puido coñecer de primeira man o traballo que realizan diferentes empregados e empregadas municipais, como o de Secretario ou Secretaria municipal.

Dende o Concello quere agradecerse aos nenos e nenas do CPI Manuel Suárez Marquier a súa participación e o grande interese demostrado na súa visita á Casa Consistorial.

Arranca a nova edición de coworking da Deputación

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o director de proxectos da Escuela de Organización Industrial (EOI), Javier Benito, asistiron na sede da Deputación en Vigo á apertura do coworking que promoven ambas institucións e que se desenvolverá en Vigo, Tui e Silleda. Un grupo de persoas autónomas e emprendedoras de Baiona, Marín, Mos, Redondela, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui e Vigo participan a partir de hoxe e ata finais de xuño nunha serie de actividades coas que se dotarán de todas as ferramentas necesarias para fomentar os seus proxectos empresariais, en fase temperá de desenvolvemento ou de recente creación. Na sesión de apertura xa puideron participar nun café networking e nunha sesión grupal co emprego da metodoloxía Lego Serious Play.

A presidenta Carmela Silva puxo en valor as experiencias da EOI, coa que a Deputación xa puxo en marcha outras edicións deste programa entre 2017 e 2021, “porque temos conciencia de canta xente emprendedora, e particularmente de cantas mulleres, temos nesta provincia” e subliñou “a relación empática, colaboradora e con obxectivos comúns que mantemos”. Neste período “houbo moitas ideas que naceron aquí e que conseguiron consolidarse, converterse en empresas que están xerando emprego”, por iso a presidenta da Deputación felicitou as e os participantes por, “nun mundo tan complexo e con tantos cambios, ter a valentía para tirar cara a adiante con iso que cremos que é unha boa idea” e animounas a seguir porque “a xente con ideas acaba sendo capaz de construír proxectos, mesmo se fracasa polo camiño” e porque os seus proxectos “moi diversos, que responden a moitas demandas, teñen todos moito futuro”.

Pola súa banda, o director de proxectos da EOI, Javier Benito, lembrou que “levamos moitos anos traballando coa Deputación coa particularidade do fincapé que pon esta institución no emprendemento feminino, que é a grande aposta da súa presidenta”. De Benito animou as persoas participantes a que “aproveitedes moitísimo as oportunidades, as clases e as titorías co profesorado: espremédeo ao máximo, sacádelle todo o xugo posible e contádelle as vosas ideas porque contar con elas e eles, que son grandes profesionais, fai que este coworking sexa moi interesante para vós”.

No coworking participarán Víctor Gómez, (coa empresa de take away “Riquiñas. Filloas Gourmet”), Montserrat Gálvez, de Redondela (guía turística freelance), Johely Barrios, de Baiona (coa revista La Sociocultural), Alfonso Caride, de Mos, e Gabriel Varela, do Porriño (cunha aplicación informática de fidelización de clientela para pemes na hostalaría), Eglis Cruz, de Silleda (cun proxecto para o mantemento e mellora da saúde física e mental), Ana Urquijo, de Vigo (cun proxecto de coaching para persoas creadoras e creativas e tamén para persoas con TDAH), Miguel Ángel Rodríguez, de Soutomaior (cun proxecto de bosque circular, innovador que transforma in situ a biomasa residual forestal en produtos de alto valor económico), David Gil, de Vigo (cunha consultoría compliance para pemes), Maximiliano Nicolás Piñeiro, de Vigo (cun proxecto para solucionar problemas tecnolóxicos e de reparación en vilas galegas onde non existe este servizo), Antía Montero, de Tui (cunha empresa de traballos verticais ligados á construción), Cecilia Portela, de Tui (propietaria do estudio de arquitectura “Propostas Arquitectura”), María Cristina Alves, de Tui (cunha empresa creativa de bordados a medida), Modesto Martínez, de Marín (cun simulador de toma de decisións en situacións de crise para o sector sanitario), María Jimena Varela Rodríguez, de Tomiño (cunha consultoría en plans e proxectos sobre paisaxismo, relacionados coa conservación da biodiversidade e a mitigación e adaptación ao cambio climático), Francisco Javier Argüelles Menaz, de Tui (cun centro diáfano onde poder realizar actividades culturais, formativas e de ocio), e Sara Fontán César (dona da inmobiliaria “DeLuxo Inversiones Inmobiliarias”).

Sobre o coworking da Deputación e a EOI

As persoas participantes recibirán unha formación orientada á creación de empresas en sectores con potencial de crecemento e xeración de emprego, e beneficiaranse dun intenso proceso de mentorización. A formación será a través de obradoiros e de sesións formativas grupais, que afondarán en conceptos como estratexia e ecosistema emprendedor, modelos de negocio, validación e monetización, deseño de equipos, finanzas e financiamento, crowdfunding, xestión empresarial e vendas e habilidades de comunicación. Na xornada de apertura de hoxe participaron na sesión de Lego Serious Play, unha metodoloxía na que a partir de pezas deste xogo de construción deben crear e construír ideas innovadoras que dean resposta a problemas cos que se atopan no seu día a día, explorando as relacións e conexións entre as persoas e o mundo, observando as dinámicas, explorando escenarios hipotéticos e tomando conciencia de todas as posibilidades.

O coworking tamén inclúe sesións de mentoring individual dos proxectos emprendedores, nas que se acompañará cada proxecto no deseño do seu modelo de negocio e se axudará a resolver as súas necesidades. Ao longo do programa, desenvolveranse diferentes eventos nas tres sedes –Vigo, Tui e Silleda– co obxectivo de favorecer o networking entre as persoas emprendedoras e demais axentes do ecosistema emprendedor, integrándoas coas actividades da comunidade de persoas emprendedoras. E tamén, nas últimas semanas do coworking, se realizará un demo day no que se presentarán os proxectos e o alcance dos mesmos.

Os coworking da EOI forman parte do programa Espacio Coworking, polo que teñen pasado máis de 7.000 persoas emprendedoras dende 2016 e desenvolve o Programa Operativo da Fundación EOI para o fomento do emprego xuvenil de intervención comunitaria do Fondo Social Europeo de Emprego Xuvenil CCI 2014ES05M09OP001, no marco do obxectivo de investimento en crecemento e emprego destinadas a España. Foi aprobado por decisión da Comisión Europea de 12 de decembro de 2014, modificado por decisións de Execución da Comisión de datas 8 de xullo de 2016, 4 de decembro de 2018, 19 de decembro de 2019 e 20 de novembro de 2020. Esta iniciativa inclúese no marco desenvolvido dentro da Estratexia España Nación Emprendedora, que articula 50 medidas para transformar as bases produtivas do país facendo do emprendemento innovador o rompexeos para un novo modelo económico.

A Escola de Organización Industrial (EOI) é a primeira Escola de Negocios fundada en España. Nos seus 65 anos de historia teñen pasado polas súas aulas máis de 142.000 directivos/as e xestores/as especializados en liderado, internacionalización e sustentabilidade. Como fundación pública adscrita ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, e co cofinanciamento do Fondo Social Europeo, ten impulsado os negocios de máis de 80.000 persoas emprendedoras e pemes en España.

SOS Fonte de Troncoso pide aos partidos políticos de Mondariz Balneario que declaren a vila como BIC

O Ministerio de Industria, Comercio e Turismo publicou no BOE, o pasado día 12 de abril, unha convocatoria de bases reguladoras para o “Programa de mejora de la competitividad y de dinamización del Patrimonio Histórico con uso turístico”. Os concellos teñen un mes para presentar proxectos entre 750.000 € e 3.000.000 € para “Financiar los proyectos para la mejora de la competitividad de los destinos turísticos y potenciar el turismo cultural mediante la protección, mantenimiento y rehabilitación en bienes e inmuebles del patrimonio histórico declarados Bienes de Interés Cultural (BIC)”.

Un dos requisitos para optar a esta liña de axudas, incluídas no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, é executalas sobre Bens de Interese Cultural (BICs), unha categoría legal da que carecen os bens culturais catalogados de Mondariz Balneario que se atopan en mal estado de conservación: a Fonte da Gándara, a Fonte de Troncoso, os xardíns do Gran Hotel, as xanelas románicas do Bosque, o Hotel Avelino, o Hotel Roma, o Chalé Villa Flora, ou a vila histórica no seu conxunto.

A convocatoria do Ministerio está dirixida a rehabilitar Bens de Interese Cultural (BIC), unha categoría legal coa que non conta Mondariz Balneario a pesar de que o Consello da Cultura Galega (CCG) xa o pediu nun informe técnico emitido no ano 2015.

Fonte de Troncoso

Partidos políticos

Por todo isto, SOS Fonte de Troncoso pide a todos os partidos políticos que se presentan ás eleccións municipais do próximo mes de maio que se comprometan públicamente a traballar porque a Xunta de Galicia declare a vila histórica de Mondariz Balneario como Ben de Interese Cultural (BIC) con dous propósitos fundamentais:

  1. Protexer legalmente o legado histórico e cultural da principal vila termal de Galicia, xusto no ano que o balneario cumpre 150 anos de existencia
  2. Abrir a posibilidade de optar a fondos europeos e estatais para rehabilitar e restaurar a súa arquitectura histórica, a mesma que lle dá identidade propia e fai de Mondariz Balneario unha vila termal única e orixinal no ámbito de Galicia e España.

O Concello da Guarda continúa dando visibilidade a historias de mulleres singulares da vila

0

O Concello da Guarda, a través da Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller, programa para o mes de maio a iniciativa “Historias de mulleres guardesas”, unha alternativa de ocio cultural e saudable na que o eixo principal son as historias de mulleres da vila que destacaron nas súas diferentes épocas por diversas razóns. 

Desta volta e despois do grande éxito que tivo a primeira edición desta actividade, realizada entre outubro e novembro do 2022, retómase o mesmo formato cun roteiro e unha andaina.

No roteiro, que terá lugar o venres día 5 de maio en horario de 20:30 h a 21:30 h e que sairá dende a Praza do Reló, falarase  dunha serie de mulleres, todas veciñas da Guarda, que dun xeito ou doutro forman parte do imaxinario colectivo e da historia da vila, cunha breve achega biográfica para lembrar como foi ou como é a vida destas mulleres e poñerlle cara amosando fotografías para que todos/as os/as participantes as recoñezan.

No caso da andaina, que terá lugar o domingo día 7 de maio en horario de 10:30h a 13:30h e que sairá dende a Alameda da Guarda (8km de percorrido e dificultade media), falarase de mulleres de Salcidos e Camposancos, tendo en conta fundamentalmente os traballos e oficios aos que se adicaban, e lembrando a algunhas persoas que viven ou viviron nestas dúas parroquias, amosando tamén imaxes delas para saber quen foron ou son as protagonistas destas historias.

As inscricións están xa abertas na Oficina de Turismo da Praza do Reló, chamando ao 986614546 ou no enderezo electrónico: [email protected].

As actividades son gratuítas e as prazas limitadas. Actividade subvencionada pola Deputación de Pontevedra.

Este venres máis de 20 stands amosarán o lado máis científico do alumnado ponteareán

A Semana das Ciencias pecha este venres, 21 de abril, a súa sétima edición coa celebración da Feira das Ciencias. Máis de vinte stands de todos os centros educativos de Ponteareas amosarán o alto grao de curiosidade da infancia e da mocidade. Experimentos, investigacións, inventos e un sen fin de probas e ensaios que demostrarán que a ciencia está agochada en cada xesto da nosa vida diaria.

Aos anteriores stands súmanse o da escritora Isabel Blanco, que asinará os seus libros, e o de Dores Pereira e Paula Lago, no que o público poderá afondar nos beneficios das plantas e conversar coas autoras e ilustradoras.

Este ano a Feira das Ciencias cambia de escenario e trasládase á Praza Bugallal onde Ponte nas Ondas emitirá un programa en directo locutado polo alumnado dos centros educativos. A través de entrevistas a persoas senlleiras de Ponteareas rescatarase da memoria oficios antigos, tradicións, cultura, música… Pero esta non é a única actividade da última cita coas ciencias, o público tamén podera xogar ás 11 Torres de Xabier Prado e tentar derrubalas nun exercicio de axilidade e estratexia. O alumnado do conservatorio municipal de música, acompañado do seu profesorado e da dirección, porán música a esta tarde de feira e participarán no programa de Ponte Nas Ondas. O violinista Zeus Alfaya e Alcira Borges ao violonchelo serán exemplo da longa tradición musical da vila.

Ao longo desta semana Semana das Ciencias o alumnado dos centros de ensino de Ponteareas participa en obradoiros, conferencias, xogos e visitas nos que descubrir a pegada da ciencia na profesión do xornalismo, do deseño e da comunicación.

A alcaldesa de Ponteareas,  Cristina Fernández, agradece a implicación das empresas locais que reciben ao alumnado para amosarlle o día a día da súa profesión nos seus negocios de imprenta e deseño dixital. Tamén quere agradecer a colaboración de toda a comunidade educativa que fai posible a Feira das Ciencias e que asiste ao ciclo de conferencias das tardes na sala multiúsos do auditorio municipal.

Redondela acolle unha nova edición de Artelixo

0

Un cento de obras e proxectos, co denominador común de estar elaboradas con materiais de
refugallo, toman Redondela enchéndoa de orixinalidade e reevindicación. Como ven sendo
costume nas derradeiras edicións cada ano arranca nunha parroquia diferente, este ano a
intención era inaugurar en Rande no entorno do espazo conmemorativo da batalla de Rande
mais pola climatoloxía que se espera o sábado a celebración en Rande queda para o día 6 de
maio.

Por tanto, desta volta o pistoletazo de saída será o domingo 23 no Multiusos da
Xunqueira coa lectura do pregón ás 12:00 do mediodía que correrá a cargo de Verónica
Romero de Compromiso pola Terra, colectivo que naceu en 2015 co obxetivo de concienciar
contra o cambio climático. Seguidamente farase a presentación da exposición de arte que se
poderá visitar no Multiusos dende o domingo o 23 de abril e ata o 7 de maio.

A exposición leva por título “Onde habito”, de Ana María Cabanes Fontao, artista plástica galega que busca que a sua obra ademais de colorista teña mensaxe crítico no referente á sostenibilidade.

Ademáis da exposición no multiusos e os artelixos expostos polo municipio a semana completarase con actividades paralelas como a poesía para peóns que será o luns 24, mércores e xoves 2 faladoiros, venres o debate “O análise político do cambio climático” coa participación de grupos políticos de Redondela con representación no pleno para chegar ao sábado 29 que será o xa famoso SonaLixo con obradoiros para as crianzas a primeira hora da tarde e rematar con concertos de micros abertos.

Nigrán adquire composteiros para repartir entre a veciñanza

0

O Concello de Nigrán ven de adquirir 200 novos composteiros individuais para repartir gratuitamente entre a veciñanza que o solicite no mail [email protected] ou no teléfono 986365000. Os interesados deben estar empadroados no municipio e contar con finca ou xardín, ademais de non ter recibido outro anteriormente. A entrega realizarase segundo rigorosa orde de inscrición ata esgotarse a remesa.

O Concello de Nigrán entregou nos anos pasados outras 200 unidades entre os veciños que o solicitaron. Trátse dun obxectivo do goberno local o incentivo deste tipo de tratamento dos residuos orgánicos en cada fogar porque forma parte da denominada economía circular e dunha das estratexias locais para o desenvolvemento dos ODS (obxectivos de desenvolvemento sostible).

Chea a Ponteareas o humor con ‘Cómicas, habelas hainas’

O ciclo de humor ‘Cómicas, habelas hainas’ chega esta fin de semana a Ponteareas cunha divertida proposta que visibiliza o talento feminino no sector e normaliza a presenza das mulleres nos circuítos humorísticos. Promovido pola Deputación de Pontevedra, o espectáculo poderá gozarse este domingo 23 de abril na sala multiúsos do auditorio municipal coa participación da presentadora Bárbara Grandío e coas cómicas galegas Marta Doviro, Jazmín Abuín e Arantxa Treus. A actuación comezará ás 19.00 horas e a entrada será libre ata completar aforo.

Trátase dunha proposta que busca “rematar cos prexuízos que aínda hoxe en día se seguen a vivir nun ámbito profesional como a comedia e ofrecer ao público un espectáculo distinto que o conquiste dende o primeiro momento”, explica o concelleiro de Cultura, Fernando Groba.

O acto estará presentado pola actriz coruñesa Bárbara Grandío, coñecida por series como ‘La que se avecina’, na que estivo varias tempadas, ‘A estiba’, ‘Lobos e cordeiros’ e ‘Anclados’, entre outras. Destaca o seu traballo en películas como ‘Historias lamentables’ de Javier Freser ou ‘A historia dun satélite’ de Also Sisters, coa que foi candidata aos Premios Mestre Mateo 2018 á mellor actriz.

Pola súa banda, Marta Doviro, con máis de dez anos sobre os escenario, acumula varias facetas como actriz, presentadora ou cómica. Participou en películas e series da Televisión de Galicia como ‘Pazo de Familia’ ou ‘Luci’, ademais de presentar máis dunha ducia de programas de entretemento. Foi galardoada co Premio Dorotea Bárcena á mellor monologuista cómica.

Jazmín Abuín é unha actriz, monologuista, cantante e xornalista viguesa cunha longa traxectoria tanto en teatro musical e de texto como en televisión (‘Acacias 38’, ‘Amar es para siempre’, ‘La que se avecina’, ‘Serramoura’ ou ‘Machos Alfa’) e cine. Compaxina a súa faceta de actriz e cantante coa de monologuista. Actualmente é unha das cómicas de ‘El Club de la Comedia’ en Madrid, ademais de representar o seu espectáculo de comedia en vivo ‘Riquiña’ por toda España.

No espectáculo tamén participará Arantxa Treus, unha polifacética artista que comparte escenario todos os meses coas e cos mellores monologuistas do país co seu espectáculo ‘Los monólogos de la Treus’. Traballou en serie de televisión como ‘Gondar’, ‘Serramoura’ ou ‘Fariña’. O seu monólogo ‘Sexo débil, o carallo’ recibiu o premio do Festival de Teatro Galego Celso Parada de 2022 ao mellor monólogo cómico. Actualmente prepara ‘Revolta’, o seu novo espectáculo teatral, unha viaxe pola evolución do ser humano dende a súa mirada crítica e humorística contada por mulleres.

A sede de Vigo da Deputación énchese de cultura con motivo do Día lo Libro

Cunha Sala Rosalía que volveu honrar o seu nome, chea de libros, camelias e persoas lectoras, a sede da Deputación en Vigo foi onte pola tarde o epicentro da cultura coa celebración do Día Internacional do Libro, unha emotiva homenaxe á escrita galega e a posta en valor da inesgotable canteira de autoras e autores que atesoura. Deste xeito, o acto acolleu a presentación de Tes cinco minutos #3, o terceiro volume que sae das mans do alumnado da Escola de Letras promovida pola institución provincial e a Editorial Galaxia, coa intervención de varios e varias participantes que leron os seus textos, acompañados da música tradicional do trío Abril, formado por Marina Carpente ao violín, Claudia Abril á voz e pandeireta e Antón Lago á guitarra clásica, que interpretou a Xota de Parada de Achas, o Valse e xota de Barro de Arén, o Pasodobre Bembrive e a Muiñeira de Caroi. Amais, o claustro da actual edición da Escola e as dez autoras galegas que participaron na obra Ti non sabes o que é ser escritora, xurdido ao abeiro do Manifesto de Soutomaior, tamén puxeron voz a textos literarios nos dous audiovisuais que se proxectaron.

Para a presidenta provincial, Carmela Silva, a actividade da Escola de Letras e os tres libros xa editados “son mostra do magnífico talento literario que temos nesta provincia e que buscamos sacar á luz” “Todas e todos sabemos o importante que é a literatura. Cos libros viaxamos, coñecemos outros mundos, emocionámonos, encontramos personaxes que nos marcan e, sobre todo, acompáñannos nos momentos nos que os necesitamos. A lectura é un dos praceres que temos a sorte de desfrutar nesta vida e actos como este son necesarios para poñer en valor todo o esforzo creativo que temos ao noso redor  –subliñou Carmela Silva-. Esta Escola, engadeu a presidenta, é unha fonte inesgotable de creatividade e para nós é fundamental que todo ese talento estea xa impreso nas páxinas de tres libros con tan alto nivel. Como dixemos desde a posta en marcha desta iniciativa, esta é unha Escola eminentemente práctica e as persoas asistentes teñen a oportunidade de dar a coñecer os seus traballos no que é un primeiro paso fundamental”.

Pola súa banda, o director de Galaxia e da Escola Francisco Castro destacou a importancia de que as alumnas e alumnos que participaron nos cursos levados a cabo “agora sexan oficialmente autoras e autores ao figurar nun libro que se venderá en todas as librarías de Galicia”. Sinalou tamén que a Escola “estase a converter nunha fábrica e canteira de escritoras e escritores, como demostra o feito de que algúns xa publicasen e outros libros estean de camiño”.

Xosé Lueiro, Pablo Vázquez, Antía Marcote (Pitusa Pinheiro), Alba Piñeiro e Diana Cidrás foron os representantes dos e das 34 participantes en Tes cinco minutos #3 coa lectura dos seus textos que forman parte deste terceiro volume. Nas 115 páxinas do libro inclúense poemas e relatos curtos de diferente temática destas autoras e autores, a maioría mulleres (25). O volume conta cun limiar escrito polo director da Escola, Francisco Castro, e o título segue a estela dos anteriores ao facer referencia á frase pronunciada polas e polos docentes da Escola para que o alumnado soubese que 5 minutos era o tempo que tiñan para desenvolver unha proposta literaria.

O acto impulsado pola Deputación para celebrar o Día do Libro completouse coa proxección de dous audiovisuais. No primeiro participaron os e as docentes da cuarta e actual edición da Escola, que deron lectura a textos de autores e autoras que lles marcaron nalgún momento da súa vida. No caso de Inma López Silva, elixiu O poeta escollera abril, da obra de Álvaro Cunqueiro Herba aquí e acolá, mentres que Antonio García Teijeiro escolleu Alegoría, da obra Barroco, de Antía Otero, e Marta Dacosta Dezaseis de maio, do libro de Xosé M. Millán Otero As cinzas de Pasolini. Pola súa banda, Diego Giráldez leu Os anxos indecisos, de Manrique Fernández e Esther Carrodeguas, Paxaros e maceiras, de María Lado, do libro colectivo Escolma salvaxe.

No segundo vídeo foron as dez participantes no libro Ti non sabes o que é ser escritora, un dos proxectos resultantes do Manifesto de Soutomaior promovido pola Deputación, quen leron os textos da súa autoría recollidos nesta obra. Elas son Isabel Blanco, Silvia Cernadas, Mercedes Corbillón, Ledicia Costas, Inma López Silva, Silvia Penas, Arantza Portabales, Anna R. Figueiredo, Elvira Ribeiro e Rexina Vega, cuxos traballos están acompañados no volume polas ilustracións de dez creadoras ‘aliadas’ do Manifesto: Luz Beloso, Celeste Garrido, Andrea Jano, María Lapido, Lara Lars, Andrea López, Blanca Millán, Gloria Pavía, Alba Troiteiro e Sofía Venzel.

Sergas e CESM chegan a un acordo para desconvocar a folga iniciada polo sindicato

O Servizo Galego de Saúde e a Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) mantiveron onte unha reunión, que se prolongou máis de 6 horas, na que se acadaron importantes compromisos vencellados a melloras retributivas e de xornada para o persoal médico, e polo que se dá por finalizada a folga de maneira inmediata.

Na reunión, que estivo presidida polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acordáronse compromisos nas seguintes materias: as gardas de presenza física e localizada en atención primaria e hospitalaria; a reconfiguración do complemento específico; os módulos na xornada ordinaria nas datas de especial significación (24 e 31 de decembro) que xa se cobran na maioría das categorías; e as contías do prezo das gardas para o persoal residente en formación que se verán tamén incrementadas na mesma proporción que o persoal facultativo especialista.

Concretamente, acordouse un incremento do prezo das gardas médicas, diferenciando as laborais das prestadas os domingos e festivos. Así como tamén, as prestadas a partir dun número de gardas igual ou superior a 5 gardas/mes.

O importe das gardas en día laborable de presenza física será a 1 de xullo, de 27 euros/hora e, a 1 de Xaneiro de 2024, de 28 euros/hora; no caso das gardas de presenza física (domingos e festivos) será de 30 €/hora; no das gardas localizadas en día laborable de 14 €/hora; no das gardas localizadas (sábados, domingos e festivos) de 15 €/hora e, finalmente, o prezo das gardas de presenza física prestadas a partir dun número de gardas igual ou superior a 5 gardas/mes, será de 37 euros a hora. Este último incremento producirase a partir do 1 de xaneiro de 2024.

Na xuntanza tamén se acordou negociar un novo modelo de exención de gardas de presenza física aos facultativos especialistas de área con máis de 55 anos. O prezo estimado é de 84 euros/hora por cada módulo de 4 horas, cun máximo de 3 módulos de promedio mensual, a aplicar ao 100 % a partir do 1 de xaneiro de 2024. A realización de módulos será fora do horario ordinario e con rexistro e seguimento da actividade.

Reconfiguración do complemento específico

Sobre o complemento específico, presentarase unha reconfiguración do mesmo -na liña do que teñen regulado outros servizos de saúde-, e de cara a diminuír a diferenza retributiva entre o persoal con dedicación exclusiva e o que non ten ese réxime de dedicación. A negociación do modelo pecharase o vindeiro 1 de xullo, para ser efectiva en xaneiro do ano 2024,cunha diferenciación máxima de 180 euros.

Neste momento queda desconvocada a folga de forma inmediata.

A residencia de maiores de Ponteareas será rehabilitada integralmente

Ponteareas acaba de conseguir unha subvención de case 638.000 euros de fondos europeos para a rehabilitación da residencia de maiores, mellorando prestacións e reorganizando espazos deste inmoble construído en 1979. Con este proxecto actuarase sobre a eficiencia enerxética do edificio, a calidade espacial, a funcionalidade, a accesibilidade e o confort, levando a cabo unha rehabilitación cun enfoque integral.

Este proxecto foi un dos 15 seleccionados en toda Galicia entre as máis de mil iniciativas presentadas en toda España para recibir os fondos do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP), enmarcado no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana. Esta proposta presentada polo Concello de Ponteareas acadou unha puntuación moi boa, acadando o posto 132 de entre todos os proxectos enviados que optaban ao financiamento.

A través deste proxecto mellorarase a envolvente térmica do edificio, dotando de illamento térmico fachadas e cubertas, disporanse de diferentes elementos activos para a protección solar e instalarase un sistema de ventilación con recuperación de calor que permita manter o normal funcionamento do inmoble en contextos como o da COVID-19 sen reducir prestacións e mellorando a calidade de aire.

Renovarase ademais a iluminación interior con sistemas LED, mellorarase a accesibilidade e procederase ao peche do porte situado na fachada oeste para gañar un novo espazo de uso multifuncional durante todo ano, entre outras accións. O Concello deseñou este proxecto contando cun proceso participativo coa veciñanza e a dirección do centro para incluír todas aquelas demandas que permitiran achegar á iniciativa un enfoque integral, sen limitarse a unha mellora da eficiencia enerxética.

Unha vez acadados estes fondos europeos o Concello proporá á Xunta a sinatura dun convenio de colaboración para que a administración autonómica, que ten as competencias do servizo de residencia de maiores, financie a parte restante do proxecto, que ascende a máis de 1,1 millóns de euros. A pesar de que aos concellos non lles corresponde asumilo, o mantemento da residencia de maiores supuxo un gasto de case 779.000 euros para as arcas municipais durante os últimos catro anos.  Neste convenio tamén se abordaría a coordinación entre Concello e Xunta para continuar prestando o servizo durante a duración das obras.  

Tui despediu unhas multitudinarias festas de San Telmo

0

De forma multitudinaria Tui despediu o luns as festas de San Telmo, declaradas de interese turístico galego, e que dende o pasado 8 de abril se celebraron na cidade.

A solemne procesión da San Telmo foi unha das derradeiras actividades do programa de festexos. Ás nove da noite partiu dende a Catedral cunha ampla comitiva este acto procesional no que participaron as imaxes de virxes e santos das distintas parroquias tudenses e mesmo dende Valença, San Teotonio. A Banda de Guerra e Guión da Brilat abriu a procesión na que tamén participaron a Banda de Gaitas Arume de Malvas, a Banda de Música Popular de Tui e a Banda de Música da Escola Naval Militar de Marín. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, xunto ao delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luís López, a deputada Ana Laura Iglesias, e o xeneral de Brigada Comandante da Forza de protección da Armada, Manuel García Ortiz, estiveron entre as numerosas autoridades que participaron neste ano. Mentres o bispo da Diocese, Luís Quinteiro, encabezou as autoridades relixiosas.  Este ano catro axentes da Policía Local, coma confrades de honra, escoltaba a San Telmo durante o seu percorrido polas rúas de Tui ateigadas de persoas para ver o paso deste acto procesional. Ao seu regreso á praza de San Fernando tivo lugar a ofrenda a San Telmo, na que a Coral San Telmo e a Banda de Música da Escola Naval Militar de Marín interpretaron a “Salve Mariñeira” e o “Himno a San Telmo” composto por Manuel Martinez Posse.

A tirada de fogos piromusicais  dende os Xardíns de Troncoso iluminaron de cor a noite tudense para despedir as festas, mentres miles de persoas bailaron ao son da orquestra Panorama no recinto feira na derradeira verbena dos festexos.

Ao longo de todas as festas foron miles as persoas que gozaron da ampla programación prevista para todas as idades. A carpa da Corredoira encheuse cada tarde de público familiar que gozou coas actuacións do Rey Midas, Patty Diphusa, Brais das Hortas, Paco Nogueiras, Migallas… As rúa enchéronse coa animación de Barafunda, Troula, Cé Orquestra, as charangas Cantos Somos e A Tu Ritmo, e cos Xigantes e Cabezudos.

A música foi unha das ofertas destacadas das festas cos concertos que na primeira fin de semana ofreceron no recinto feiral Nena Daconte e Rafa Sánchez, ou que o pasado sábado, para o público máis novo correu a cargo de Arce coa actuación tamén dos dj Arce e Mesu.

O mesmo aconteceu na carpa cos concertos das bandas de música de Tui, Silleda, Salceda, Rubiós e a Militar de Marín.  Neste mesmo escenario pola noite actuaron os grupos tudenses Amnesia e Ola de Calor, o metade tudense metade valenciano, Old Bridge, xunto a La Patrulla, e Los Jinetes del Trópico que de novo rexistraron un cheo total nas súas actuacións.

Tanto na rúa Compostela coma no recinto feira as verbenas foron total un éxito total con miles de persoas disfrutando e bailando cos espectáculos das orquestras Olympus, América, Satélites, Los Players e Panorama.

Non faltou a música tradicional co concerto que ofreceu Treixadura e co festival folclórico no que oito grupos tudenses amosaron a calidade e o traballo que realizan ao longo do ano entorno a música tradicional.

O teatro tamén estivo presente coa XIII Semana de Teatro Amador con gran éxito de público. Neste ciclo participaron os grupos de teatro Chirlomirlo de Xuntanza de Randufe, San Fins de Rebordáns, A Insua de Caldelas e o grupo de teatro Aloia de Pazos de Reis.

As festas tamén deixaron o seu retorno no comercio, na hostalería e na restauración local, acadando un alto índice de ocupación nos aloxamento, e tamén na restauración local onde moitos establecementos  ao longo da fin de semana colgaron o cartel de completo.

Tui despide así as súas festas patronais con gran éxito de público e nas que o tempo tamén acompañou e propiciou o disfrute das mesmas na rúa.

A Guarda sácalle brillo á restauración arqueolóxica do barrio de Mergelina

0

A empresa Terra Arqueos realiza nestes días os traballos de mantemento e limpeza no Barrio de Mergelina do Monte de Santa Trega, tarefas realizadas baixo a dirección de un Luis Francisco López González.

Desta volta dáse continuidade á posta en valor deste xacemento coa súa limpeza e mantemento, promovendo deste xeito o compromiso do goberno local co noso rico patrimonio arqueolóxico, realizadas co apoio do Concello da Guarda e o Padroado do Monte Santa Trega.

En palabras de Antonio Lomba, Alcalde da Guarda, “estas son as actuacións necesarias para o mantemento do castro despois das escavacións, á espera de que se realice a musealización de todo o Castro de Santa Trega”.

Estas son as primeiras tarefas de limpeza e mantemento realizadas nunha das últimas actuacións arqueolóxicas, grazas a colaboración da Deputación de Pontevedra, no Castro de Santa Trega, onde a través dun protocolo asinado co Ministerio de Fomento para a posta en valor dos xacementos galaico-romanos da provincia, promovéronse tarefas de restauración e consolidación no barrio Mergelina do xacemento de Santa Trega, unhas actuacións nunha superficie total de 2.642 metros cadrados no barrio Mergelina do xacemento de Santa Trega, para a que se contou cun orzamento de 367.719 euros.

A restauración e consolidación do xacemento guardés foi executada por Terra Arqueos baixo a coordinación de Rafael Rodríguez, o arqueólogo da Deputación que dirixiu a intervención realizada no Trega entre setembro de 2015 e abril de 2016.

Durante a fase de escavación do barrio Mergelina constatouse que o castro foi ocupado antes do que se pensaba, desde o século IV a.C. Tamén sacouse á luz 43 novas estruturas arquitectónicas que compoñen 11 unidades familiares e ata 43.833 pezas, que formarán parte do vindeiro proxecto de musealización.

Máis de 120 alumnos do Instituto de Mos reciben formación preventiva do acoso escolar

0

O Concello de Mos, concretamente a concellería de Educación que dirixe a edil Julia Loureiro, e a través da Asociación Arela, imparte no IES de Mos unha actividade de prevención do acoso escolar e o bullying. Esta actividade preventiva da violencia e conflitividade nas aulas está incluída na programación municipal nos centros educativos dentro do horario escolar e vai dirixida ao alumnado de 2º da ESO.

A conflitividade nas aulas, e o aumento de condutas conflitivas na adolescencia hoxe en día, é aspecto preocupante sobre o cal é necesario traballar directamente co alumnado.

Por este motivo, dende a concellaría de Educación quíxose traballar este tema a través do programa KTORCE 18, co cal se ofrece información das responsabilidades penais dos menores, a cargo da Asociación Arela.

Moitos dos delitos ou faltas tipificados no Código Penal que se converterían nunha sanción administrativa para un adulto, convérsense nunha intervención educativa de calado para un menor de idade xa que a lei permite que, ademais de ter en conta o tipo de delito cometido, tamén se estuden as circunstancias sociofamiliares do presunto infractor, o que fai que en función das mesmas se poida aplicar unha medida reformadora ou outra, porque o espírito da lei é especialmente educativo.

Esta actividade ten un claro obxectivo preventivo das condutas infractoras máis salientables nos adolescentes, facendo especial fincapé no acoso escolar, as redes sociais, o maltrato familiar … e en todos aqueles temas e situacións que viven de cerca os adolescentes, explicando as consecuencias legais e a responsabilidade dos menores nas mesmas.

Deste xeito promóvese a prevención das condutas infractoras nos menores de idade, facendo especial eco en temas de acoso escolar, maltrato familiar, mal uso das redes sociais … Infórmase á rapazada sobre medidas impostas polos xulgados na comunidade autónoma de Galicia. Promóvese a reflexión e o coñecemento da responsabilidade colectiva en función do tipo de sociedade que se constrúe e o tipo de comportamentos que se desenvolven. E facilítase información sobre as desvantaxes polas que pasa un menor en comparación a un adulto cando comete un delito.

As persoas destinatarias desta formación son o alumnado de 2º ESO do IES de Mos, sendo un total de 124 persoas as beneficiarias desta acción.

Consistiu nunha charla divulgativa de carácter dinámico con medios audiovisuais para potenciar a reflexión sobre os diferentes puntos a tratar.

O persoa encargada da charla, espuxo casos reais e falou de actos que os adolescentes pensan que son “normais” pero poden acarrexar un delito que conleva privación da liberdade (conducir sendo menor, drogas, alcol, etc.).

O PP de Tomiño revela que a Axencia Tributaria confirmou as irregularidades do Concello no uso fraudulento de gasóleo

0

O Partido Popular de Tomiño revelou que a Axencia Tributaria vén de confirmar, coa imposición dunha sanción económica, a comisión de irregularidades no Concello de Tomiño, con responsabilidade do goberno local, no uso fraudulento de gasóleo nun vehículo da frota municipal.

Segundo a notificación de acordo de imposición de sanción por infracción tributaria dirixida ao Concello, á que tiveron acceso os populares tomiñeses, exponse que “no presente caso considérase probado que o obrigado tributario –é dicir o Concello de Tomiño– cometeu a infracción tributaria antes detallada, sendo responsable da mesma ao ser o arrendatario do vehículo no momento da comisión da infracción”. Ademais, tamén quedou demostrado que a maquinaria que contiña o gasóleo B estaba alugada polo consistorio durante o período de infracción.

O Partido Popular de Tomiño, que esixe a depuración de responsabilidades no seo do goberno local e que ofrezan explicacións e pidan desculpas á cidadanía, achacou a responsabilidade absoluta ao goberno local.

“O goberno do BNG saiu a criticarnos cando lamentamos esta situación e pedimos explicacións, algo que lle debemos aos veciños, con mentiras e difamacións, dicindo que falabamos mal do noso concello, pero o que fala mal do noso concello é ter un goberno local que usa gasóleo de xeito fraudulento e que ten que pagar unha multa en vez de adicar eses cartos aos veciños. Supoño que agora estarán agochados, porque a realidade é teimuda, ante un exemplo máis da súa nefasta xestión”, sinalou Meneses.

Os populares insisten en que se debe chegar ao fondo do caso para coñecer canto tempo se leva producindo esta situación en torno ao parque móbil municipal, aínda que agardan, sen moita confianza, que o goberno local puxera couto a esta situación e establecera medidas de control.

Ademais, dende o PP tomiñés tamén manifestan que este é un feito dobremente grave, posto que nas alegacións do goberno local neste caso de uso fraudulento de gasóleo escudábanse en que deixaban prestada, supostamente, a maquinaria municipal a empresas e xente externa ao Concello durante o tempo no que a mesma estaba sendo alugada, e polo tanta pagada, polo propio Concello.

Por elo, o PP de Tomiño agarda, por unha banda, que se dean explicacións e se depuren responsabilidades por este caso, pero cren que a situación, máis alá do tema do uso irregular de gasóleo, “non está zanxada porque hai unha segunda parte e seguimos sen saber que está a acontecer co emprego dos vehículos do Concello nas fins de semana e en xornadas festivas e non laborables”. Nesta liña, indicaron que seguirán traballando nesta cuestión “malia o escurantismo do goberno nacionalista e do seu intento constante de empregar cortinas de fume cando se critica, moi merecidamente, a súa xestión e se lles esixe un traballo exemplar que é o que merecen os nosos veciños”.

A Illa de San Simón acolleu o debate sobre a situación do cinema no norte de Portugal

0

André Guiomar, presidente de APNEIA (Associação de Produtores Nortenhos e Empresários Independentes de Audiovisual), Luís Costa, membro de APNEIA e produtor de Olhar de Ulisses, e Mafalda Rebelo, de Cimabilo Filmes, debateron onte pola tarde na Illa de San Simón sobre a situación do cinema no norte de Portugal e as posibilidades de coprodución e colaboración entre Galicia e o país luso. Fixérono dentro do Encontro Arraiano, celebrado ao abeiro do laboratorio creativo Conecta Lab, promovido pola Deputación e a Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización (CREA) e que conta con financiamento europeo a través dos fondos Next Generation.

No encontro, a e os cineastas lusos centráronse en facer unha radiografía da situación da rexión norte de Portugal no relativo ao cinema e ao audiovisual e como foi cambiando e evolucionando ao longo dos últimos anos, nos que veu gañando peso no panorama internacional, con proxectos premiados en diferentes festivais. Ademais, fixeron un repaso das produtoras cinematográficas que abriron na rexión nos últimos tempos, que foron precisamente as que propiciaron este salto cualitativo do cinema portugués. Por outra banda, falaron das consecuencias que tivo para a zona norte do país veciño ter contado con dúas capitais europeas da cultura neste século: Porto, en 2001, e Guimarães, en 2012, e a pegada que deixaron na promoción destas áreas do territorio. Finalmente, André Guiomar, Luís Costa e Malfada Rebelo aproveitaron para repasar as oportunidades de asociación que existen no presente e que poden chegar nun futuro próximo entre cineastas galegos e do norte de Portugal.

O broche de ouro do Encontro Arraiano, veu da man da proxección especial en exclusiva da película “Fogo Fátuo”, do director portugués João Pedro Rodrigues, estreada na pasada edición da Quincena de Realizadores do Festival de Cannes e gañadora do Gran Premio do Xurado no Festival de Sevilla. O filme é unha comedia musical romántica na que Alfredo, o príncipe herdeiro dun Portugal ficticio no ano 2069, regresa no seu leito de morte a afastados recordos de xuventude e á época na que soñaba con ser bombeiro, cando viviu unha intensa historia de amor co seu instrutor Afonso que abriu un novo capítulo na vida dos mozos. Trala proxección da película, os e as participantes tiveron a posibilidade de participar nun coloquio co seu director.

Tras dez días de intenso traballo e cunha ampla programación, este xoves, 20 de abril, chega ao seu fin Conecta Lab, o laboratorio audiovisual de ideas no que as/os creadoras/es galegas/os Iria Sobrado (co proxecto “Aquagym”), Alexandre Cancelo (“Grimsey”), Nacho Ozores (“La idea de un hijo”), Lidia Fraga e Jacobo Díaz (“Normal”), Irene Pin (“Terás que saltar”), Dani Viqueira (“Invisibles”) e Rafa de los Arcos, como proxecto invitado con “O pesadelo das vacas”, traballaron nos seus proxectos de maneira persoal, acompañados/as por titores e titoras especializadas co fin de profundar nos distintos aspectos artísticos e narrativos

Antonio Lomba garante un incremento do 40 % do SAF da Xunta

0

Antonio Lomba, alcalde e candidato socialista á alcaldía da Guarda, destaca que “pechamos o mandato municipal cun Servizo de Axuda no Fogar (SAF) que presta máis de 26.500 horas anuais de atención aos nosos veciños”.

Foron en concreto no ano 2022 un total de 23.776,76 horas anuais de Dependencia e 2.807,94 horas na modalidade de Libre Concurrencia, atendendo a unha media de 60 veciños e veciñas do concello.

“Un servizo fundamental para as persoas maiores, os dependentes e as súas familias”, engade Lomba, que garante que “incrementaremos un 40% a partida municipal para este contrato”.

“As políticas sociais serán de novo sinal de identidade do goberno local no próximo mandato; é un dereito dos veciños, un dereito protexido pola lei para darlle asistencia ás persoas que o necesitan”, explica o alcalde e candidato socialista.

Lomba que lembra que “aínda que as competencias deste servizo son da Xunta, somos os concellos que os que asumimos desde hai anos os incrementos do seu custo”, botando en falta “que o PP local e Roberto Carrero non demanden un maior financiamento por parte do goberno galego”.

Dentro das medidas sociais, neste mandato rehabilitouse ademais a antiga vivenda dos mestres da Escola da Poza, en Camposancos, para a acollida de persoas e familias vulnerables.

Gran festexo en Nigrán co motivo do Día do Libro

0

O Concello de Nigrán celebrará este ano o ‘Día do Libro’ cunha gran xornada festiva durante todo o domingo 23 de abril na Praza do Concello. O lugar será a sede dunha feira ao respecto e dunha serie de actividades deseñadas para incentivar a lectura e dirixidas a todos os públicos, co falecido Domingo Villar como autor destacado e especial protagonismo dos autores da comarca e das dúas librerías do municipio: Paraísos de Papel e Piño.

“Este ano o ‘Día do Libro’ cae en domingo, polo que decidimos organizar unha feira de carácter eminentemente local e cunha ampla programación entorno a ela”, explica o alcalde, Juan González. Así, de 11:00 a 13:00 e de 17:00 a 19:30 horas ‘Paraísos de Papel’ e ‘Piño’, disporán de cadanseu stand de venda acompañados tamén do trío artístico-literario ‘Solaina’ (autoras de diferentes libros infantís con raíz no Miñor) e de ‘Papelier’, papelería artesana de Baiona. Igualmente, o Concello disporá de deceas de libros de regalo para que os interesados elixan o que desexen levarse.

Pensando no público infantil, ás 11:00 horas Papelier ofrecerá o contacontos en inglés ‘Penelope the pilgrim, lost in Nigrán’ coa tradutora e intérprete inglesa afincada en Nigrán Tonya Walton tomando a palabra e os responsables de ‘Papelier’ debuxando ao mesmo tempo para facelo máis comprensible. Os mesmos ofrecerán ás 12:00 horas un obradoiro con inscrición previa no formulario web www.nigran.es e baixo o título ‘Crea o teu libro pop-up’, nome que levan os exemplares con elementos tridimensionais, móbiles ou despregables que permiten a interacción física entre o lector e o libro, polo que é habitual na literatura infantil.

Os escritores da comarca terán especial relevancia na feira coa firma de exemplares. Así, no stand de Paraísos de papel estará ás 11:00 Héctor Riobó, ás 12:00 Elvira Jardón e Luis Boullosa e ás 17:00 Fran Fernández Dávila. Pola súa banda, a Librería Piño ofrecerá ás 11:30 a Nuria Fernández Fariñas, ás 18:00 a Santiago Ferragud e ás 18:30 a Teresa Chamorro. Igualmente, ás 17:00 horas intervirá Carla Pérez, xefa da Brigada Forestal Municipal de Nigrán, e quen aportará súa experiencia recollida no libro ‘Árbores que non arden. As mulleres na prevención de incendios forestais’, de Proxecto Batefogo.

Domingo Villar será outro gran protagonista desta feira co roteiro literario ‘A Praia dos Afogados’ (saída ás 10:00 horas da Praia da Madorra e inscrición previa en [email protected] achegando datos dos participantes) e ás 20:00 horas coa proxección da película homónima coa presentación e charla posterior a cargo de Pepo Suevos, un dos actores no filme. “Tivemos a sorte de que Nigrán sexa o escenario principal desta obra que vive actualmente un rexurdir; Domingo Villar é o noso mellor embaixador literario”, recoñece o rexedor, quen desexa deste xeito “manter viva a memoria de Domingo”, falecido o ano pasado. O roteiro, desde o punto de vista paisaxístico, resulta espectacular porque recompila algúns dos lugares máis fermosos de Nigrán e que tan ben describe na novela, como poden ser Monteferro, Praia da Madorra, Praia América, Panxón, o Templo Votivo… Por iso esta andaina está plasmada nun folleto turístico específico que elaborou o Concello este ano e que reproduce os pasos do carismático personaxe Leo Caldas nesta famosa novela negra traducida a máis de 15 idiomas. Pola súa banda, a película de 2015 de Gerardo Herrero recolle tamén imaxes espectaculares destas zonas.

Xa o luns 24 de abril, o Concello abrirá o programa de animación á lectura ‘Ler Conta Moito’ co contacontos de Raquel Queizás ‘Chimpo de ra’ ás 18:00 horas na Biblioteca Municipal. Estes contacontos iranse celebrando ata o mes de outubro.

Esta fin de semana celebrarase o IV Festival de Bandas Infantís de Xinzo

Este sábado 22 de abril celébrase o IV Festival de Bandas Infantís de Xinzo co que os músicos máis pequenos volverán ser os protagonistas un ano máis. A cita terá lugar no auditorio do Centro Cultural da parroquia pontareana ás 18:00 h e, nesta nova edición do festival, será a Banda Infantil de Valladares a que acompañará á anfitrioa Banda da Escola de Música de Xinzo.

Despois de tres anos de parón por mor da pandemia, este festival puido celebrar a súa terceira edición o ano pasado, aínda que con restricións como a participación unicamente das dúas bandas de música máis pequenas da parroquia. Polo que, a diferenza do ano pasado, nesta ocasión regresa a plena normalidade ao Festival de Bandas Infantís coa invitada agrupación de Valladares e continuarase así coa que xa se converteu nunha cita ineludible.

A Feira do Libro regresa renovada ao Rosal

0

A Feira do Libro regresa renovada ao Rosal tras tres anos sen poder celebrarse por mor da pandemia. Será un evento que se celebrará durante todo o domingo 23 de abril na Praza do Calvario no que literatura e lecer camiñarán da man a través dun completo programa de actividades, entre as que se atopan o Mercado do libro de segunda man, espectáculos infantís, actuacións musicais ou unha exposición de recomendacións lectoras.

O Mercado do libro de segunda man dará o pistoletazo de saída á xornada ás 12.00 horas coa apertura de postos que estarán rexentados por sete asociacións rosaleiras: Agrupación Musical do Rosal, Asociación Ghorghalado, Asociación de Maiores, San Xerome Emiliani, a ANPA do CRA María Zambrano, Ecos do Folón e CONRAZONES. Todas elas levarán un amplo catálogo de títulos recollidos dos fondos das propias asociacións ou a través dos seus socios e socias para achegar ao público. “O obxectivo é que os libros non queden gardados nun andel, senón que teñan unha segunda vida e que sexan accesibles para todas as persoas”, destaca a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. 

Xunto con estes stands, durante toda a xornada tamén haberá un posto da florería Augaluz para dar presenza ás flores e plantas e “promover que rosaleiros e rosaleiras celebremos o Día do Libro agasallándonos os uns aos outros con libros e flores”.

O programa de actividades comezará pola mañá ás 13.00 horas coas súas ‘Narracións imprevistas. Literatura repentina’ de Santi Prego e Jorge Arcos, un espectáculo para toda a familia co que tentarán parar o mundo a través das súas historias improvisadas.

Xa pola tarde, ás 18.00 horas será a quenda de @s Jaloch@s e o seu ‘Ritmando’, un espectáculo musical no que nenos e nenas xogarán coa música e a palabra a través dun concerto participativo no que os xogos baseados no ritmo, na percusión corporal, no baile, na escritura creativa e na lingua de signos serán os protagonistas. A xornada rematará co concerto ás 19.30 horas do cantautor Luis Pastor, un referente na música de autor española dende os anos 70.

O programa de actividades completarase coa exposición de recomendacións lectoras do alumnado do CRA María Zambrano, unha mostra na que o público poderá gozar dos podcast creados polos propios nenos e nenas a través dun código QR.

En caso de choiva os postos do Mercado do libro de segunda man e as actuacións infantís trasladaranse aos baixos do Concello, mentres que a actuación de Luis Pastor mudará para o auditorio municipal.

Catro patas de apoio

A Concellería de Educación e a OMIX do Concello do Porriño están a desenvolver un Programa de Intervencións Asistidas con Cans para o alumnado con NEAE do centro educativo de ACEESCA.

Baixo o lema “Catro patas de apoio”, profesionais dedicados ás intervencións asistidas con animais trasladan aos participantes os beneficios que achegan os cans aos seres humanos, mediante a súa incorporación en contextos terapéuticos, co obxectivo de proporcionar motivación e estímulo.

A través da alianza co can, o alumnado traballa as áreas que axudan ao seu desenvolvemento, promovendo a comunicación, o respecto, a autoestima e a valía persoal.

A caza de bruxas chega a Tomiño este sábado da man

0

A compañía Aporía Escénica sabe que habelas, hailas. Para amosarllo ao público subirase esta fin de semana ao escenario do auditorio municipal de Goián para representar ‘Soga e Cinsa’, un tríptico renacentista con 11 bruxas e en 101 minutos co que abordar a caza de bruxas en Europa dos séculos XV ao XVII para visibilizar o xenocidio que supuxo e a súa perversa conexión co desenvolvemento do sistema capitalista.

Farao nunha gran peza teatral na que a súa autora e directora, Diana Mera, mestura con mestría horror, humor, emoción, reflexión e plasticidade nunha sucesión de paisaxes inesperados que irrompen na escena para que expresen a súa danza esquecida, nunha peregrinaxe de sombras espectrais que procura as luces da xustiza e do recoñecemento.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, convida a toda a veciñanza a gozar dunha noite de teatro con esta obra “que xoga cos tópicos pero con personalidade, cunha imaxe impactante que conquistará e sorprenderá ao público dende o inicio ao final, cunha historia absorbente e suxestiva”. A obra representarase no auditorio municipal de Goián ás 21.00 horas e está recomendada para público a partir dos 13 anos. A entrada terá un prezo de 7 euros e poderá mercarse unha hora antes no despacho de billetes do auditorio.

O grupo de teatro ‘Pena do Equilibrio’ ponse mans á obra en Ribadetea

O programa Cultura24 recala esta fin de semana en Ribadetea. O vindeiro domingo 23 de abril o grupo de teatro ‘Pena do Equilibrio’ subirase ao escenario na Casa Cultural desta parroquia para representar a súa obra ‘Ladrillos’, unha peza orixinal de Paula Lorenzo Sertaje na que o público gozará cunha comedia sobre a desgraciada vida de Tomás, tanto na súa faceta persoal como na profesional.

O concelleiro de Cultura, Fernando Groba, convida a toda a veciñanza a gozar deste novo espectáculo co que se amplía a programación do Cultura24, un programa este novo concerto do Cultura24, “un programa posto en marcha para achegar a actividade cultural a cada recuncho da nosa vila, enchendo de vida as parroquias e poñendo en valor e promocionando a arte de grupos, artistas ou asociacións musicais, teatrais e culturais de Ponteareas”.

Trátase dunha obra para todos os públicos que se representará a partir das 18.00 horas de balde con entrada libre ata completar aforo.

Baiona informa da apertura do prazo de inscrición dos campamentos da Xunta

0

O Concello de Baiona informa, a través do Departamento de Xuventude do Concello, de que xa está aberto o prazo de presentación de solicitudes dos Campamentos de Verán 2023, destinados a mozos e mozas con idades comprendidas entre os 9 e os 17 anos.

Os campamentos desenvolveranse tanto en Galicia como fora de Galicia, e se contemplan descontos no prezo, tanto para os posuidores do carné xove, como para as familias numerosas ou monoparentais. Así mesmo, se contemplan quendas de inclusión para a mocidade con discapacidade.

O prazo de solicitudes está aberto ata o 2 de maio inclusive, e as solicitudes deben presentarse obrigatoriamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia: sede.xunta.gal.

Os formularios de solicitude estan dispoñibles na sede electrónica dende hoxe, 18 de abril, o día de apertura do prazo de presentación.

Os campamentos organizados por la Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, a través, da Dirección Xeral de Xuventude.

Máis información na seguinte ligazón: http://xuventude.xunta.es/accion-de-veran.

As voces de Cantares do Brueiro chegan este domingo á Igrexa Parroquial da Guarda

0

Na mañá do luns día 17 de abril de 2023 tivo lugar, na Casa dos Alonso, a presentación do concerto “Si cantan es ti que cantas…”, que ofrecerá Cantares do Brueiro o vindeiro domingo día 23 de abril ás 18:00h na Igrexa Parroquial da Guarda.

No acto de presentación estiveron presentes o alcalde da Guarda, Antonio Lomba, a Concelleira de Cultura, Montserrat Magallanes e Tino Baz, Director de Cantares do Bueiro, quen comentou que esta idea xa nacera no ano 2019, pero a pandemia motivou o seu aprazamento, polo que desta, vai a ser un concerto moi agardado e especial, tanto polos compoñentes do grupo coma polos asistentes, que poderán gozar dun concerto elaborado con moito agarimo e paixón.

Neste concerto Cantares do Bueiro se centra na música tradicional popular galega, misturada con pezas propias e clásicas galegas de autores e autoras moi coñecidas por todos e todas, seguindo a liña marcada dende os seus inicios alá polo ano 2014.

A idea nace para a dignificación da canción popular galega e o canto coral, nunha vila coma A Guarda, onde sempre houbo moita tradición de canto, pero desta volta cun coidado moi especial, aportado polas preto de 30 voces que compoñen o grupo.

Os asistentes gozarán dun repertorio no  haberá pezas inéditas, clásicas… co trato especial que sempre lle aporta Cantares do Brueiro á música galega.

Para Montserrat Magallanes esta será unha nova oportunidade de voltar a ver en directo a estre gran grupo de músicos que compoñen Cantares do Brueiro, nun concerto que sen dúbida será moi especial para todos e todas.

Antonio Lomba, valorou o traballo realizado por Tino Baz ao longo dos anos para manter a tradición da música popular galega viva na nosa vila, convidando a toda a cidadanía a que asistan este domingo ao concerto na Igrexa Parroquial da Guarda.

Lucenza – Ateneo de Nigrán denuncia o impacto paisaxístico dos grandes anuncios publicitarios

0

O Ateneo de Nigrán valora positivamente a nova aportación creativa da muralista miñorana Lula Goce na mellora da contorna urbana da piscina pública da Ramallosa, que saca da marxinación na que se encontraba unha parcela propiedade do Concello de Nigrán, aínda non construída e moi descoidada, a pesar de estar emprazada nunha zona tan central deste núcleo urbano. Dita intervención, que promove o Concello, aproveita as potencialidades deste lugar para mellorar a escena urbana e demostra que a arte mural pode ser unha ferramenta útil, como contribución á mellora da calidade e do coidado estético dos espazos habitados.

Dito isto, que garda relación cunha nova publicada hai uns días polos medios, con respecto ao remate desta obra artística de Lula Goce, e querendo presupoñer con isto, o interese do goberno municipal na mellora das contornas urbanas do municipio, por canto se refire ao tratamento de fachadas e medianeiras, Lucenza – Ateneo de Nigrán quere denunciar ante a opinión pública a colocación indiscriminada de murais e panelería publicitaria de grandísimo formato en diferentes paredes medianeiras do núcleo urbano da Ramallosa, sen que saibamos polo momento que existe oposición municipal a ditas intervencións, que ao noso xuizo están a degradar gravemente os valores paisaxísticos e patrimoniais deste núcleo poboacional e dos espazos naturais e públicos da foz do Miñor.

O pasado 24 de maio de 2022, hai agora case un ano, a través das súas redes sociais, Lucenza alertaba xa do impacto paisaxístico que estaba a padecer a contorna da ponte da Ramallosa, pola colocación dun enorme anuncio dun establecemento comercial de Porto do Molle.

Hoxe, xa son tres os grandes paneis ou murais publicitarios colocados nun mesmo bloque de edificios, situados na inmediatez da rotonda da ponte, aproveitando paredes medianeiras que se observan a grande distancia e nas diferentes direccións de acceso a dito cruzamento.

Estes anuncios xeneran un enorme impacto visual sobre un espazo de moi grande valor cultural, natural e paisaxístico, causando un novo dano, que se engade nesta zona da foz do Miñor a outros moitos, como o da contaminación ambiental do esteiro, a sobrepresión circulatoria á que está sometido este lugar ou as consecuencias de décadas de deterioro urbanístico, derivado da presión edificatoria e dunha xestión desordenada, ineficaz e pouco respectuosa co medio, que danou irreversiblemente a imaxe da contorna da Ramallosa e Sabarís e causou grandes estragos no seu patrimonio histórico.

Non debemos esquecer que aquí se encontra a ponte medieval da Ramallosa, unha das xoias do patrimonio miñorano e a entrada do Camiño de Santiago en Nigrán. Un espazo que, xunto coas vellas edificacións deste lugar e co esteiro do río, debería estar absolutamente coidado, evitando calquera impacto que os dane ou lles reste valor.

Preguntámonos se estas macropublicidades terán sido, no momento da súa instalación, colocadas con licencia municipal ou coas autorizacións pertinentes, e manifestamos a nosa sorpresa e desagrado polo pouco interese que nesta materia parece ter o Concello de Nigrán, que está obrigado a velar pola conservación das calidades paisaxísticas e urbaníticas deste nucleo, impedindo que novas intervencións desacertadas e que so responden a un interese económico particular, deterioren aínda máis o lugar, en contra do interese público e dos valores do territorio, que é un ben de todos.

Queda de manifesto ademais, que as limitacións e criterios que se aplican actualmente no Concello con respecto á colocación de publicidade, son absolutamente insuficientes para prevenir o deterioro ambiental que os anuncios en medianeiras e grandes valos publicitarios poden producir nos nucleos poboacionais, nos espazos non urbanizables e sobre a paisaxe.

Por todo o anteriormente indicado, Lucenza – Ateneo de Nigrán solicita con urxencia ao Concello de Nigrán, que se actúe con criterio e en defensa do patrimonio público, do medio ambiente e da paisaxe e, con tal fin, se aprobe canto antes unha ordenanza municipal específica sobre publicidade, que restrinxa e limite ao máximo as posibilidades que a grande publicidade comercial ten para causar danos aos grandes valores do noso territorio.

A Deputación lanza o Plan de Acción da Axenda Urbana

A Deputación de Pontevedra convértese na primeira institución provincial de Galicia en poñer en marcha o Plan de Acción da Axenda Urbana, que deseñará da man da cidadanía e dos concellos o modelo de provincia de aquí a 2030. A Deputación asinou xa no pasado setembro o protocolo co Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana xunto a outras 9 deputacións do Estado. Agora, co lanzamento do Plan e cunha diagnose positiva de aliñamento dos seus plans, programas e liñas de actuación coa Axenda Urbana Española, a institución provincial iniciará en maio as primeiras accións para o desenvolvemento do proceso co grande obxectivo de conseguir unha provincia máis resiliente, sostible, inclusiva e segura.

Na reunión hoxe da Comisión Interdepartamental da Axenda Urbana, integrada polas áreas competentes da Deputación, a presidenta Carmela Silva explicou que este Plan de Acción permitirá “deseñar o futuro da provincia, co obxectivo de transformar, e sinalará as liñas nas que centrarse, tendo un amplo impacto nas diferentes áreas y servizos”. Desta maneira, lembrou que este é un proceso que xa comezou no ano 2021 cunha diagnose territorial na que se analizaron os plans, programas e principais liñas de acción da institución provincial para identificar as súas fortalezas nos 10 obxectivos que marca a Axenda Urbana Española, o que levou a identificar os 5 nos que máis impacto ten o traballo da Deputación: evitar a dispersión e revitalizar cidades e vilas, loita contra o cambio climático, xestión sostible dos recursos e economía circular, innovación dixital e gobernanza.

Pola súa banda, o vicepresidente César Mosquera destacou que aínda que as actuacións amparadas polo Plan de Acción realmente poderían realizarse sen un instrumento tan abstracto, hai experiencias moi positivas e que permiten acadar financiamento europeo, polo que definiu o método como “un reto”. Salientou, de feito, que a reunión de hoxe co equipo técnico da Deputación que executará a Axenda Urbana supón un empuxe ao traballo do persoal funcionario, que asesorará aos concellos manexando toda a información e a terminoloxía europea adaptándoa á realidade da provincia.

Os seguintes pasos no deseño do Plan de Acción

Carmela Silva explicou que, tras rematar esa diagnose da provincia é o momento de continuar avanzando cos próximos pasos definidos pola Axenda Urbana Española. O primeiro é a formulación estratéxica, que permitirá validar a diagnose previamente elaborada e definir retos, así como identificar as propostas de necesidades e expectativas da provincia ata 2030 a través “dun proceso participativo, tanto da cidadanía e dos diferentes colectivos, asociacións e institucións como dos concellos, co fin último de ter unha folla de ruta clara”.

A segunda fase consistirá no desenvolvemento do marco estratéxico, que comprende a definición do alcance do Plan de Acción, así como “a validación do que se ten xerado nese traballo conxunto”, co fin de priorizar obxectivos, liñas de actuación e accións, que incluirá ao remate un segundo proceso participativo da cidadanía. Por último, chegará o momento de elaborar o propio Plan de Acción, no que xa se incluirán as accións operativas anuais a desenvolver , así como as liñas de seguimento de indicadores, que permitirán mostrar os avances en todo o que estea establecido no documento.

Todo o proceso estará apoiado por un Plan de Comunicación co obxectivo de sensibilizar e implicar a entidades, axentes socioeconómicos e a cidadanía en xeral. Entre os seus fitos inclúense o acto de lanzamento de hoxe, a posta en marcha dunha páxina web (https://www.depo.gal/es/axenda-2030/axenda-urbana-e-rural) que xa está en funcionamento, campañas de comunicación en redes sociais, vídeos promocións, a presentación pública do Plan de Acción e a difusión das actividades que se poñan en marcha.

Tui estará representado no Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia

0

Adela foi a nena escollida polo grupo de participación infantil e xuvenil de Tui para representar ao municipio no Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia. O grupo de participación infantil e xuvenil de Tui é unha iniciativa que se enmarca dentro do programa “parTUIcipando”, que se puxo en marcha coa intención de ir dando pasos cara a obtención do selo “Cidade Amiga da Infancia”.

O Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia constituirase este venres, 21 de abril, ás 11 h en Santiago. A esta reunión non poderá acudir Adela porque estará nunha competición de karate en Cuenca, polo que será substituída por Ana, outra das integrantes do grupo local.

O Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia, formado por 30 nenos de toda Galicia, é froito das peticións que se viñan facendo nos últimos anos por parte de UNICEF e en colaboración coas distintas Cidades Amigas da Infancia que existen en Galicia, para contar cun grupo oficial de participación infantil e xuvenil onde representantes da infancia e adolescencia de toda a Galicia poidan disfrutar dunha cidadanía activa, onde a súa voz conte nas decisións que se tomarán no goberno autonómico.

Montserrat Villar González presentará o seu libro na Casa da Navegación

0

O vindeiro venres 21 ás 20:00 horas, no auditorio da Casa da Navegación de Baiona, Montserrat Villar González presentará o seu libro en edición bilingüe Os abrazos do Mar, unha mirada poética da relación co mar.

Sobre a autora

Poeta, filóloga e traductora.  Estudou Filoloxía Hispánica por a Universidade de Salamanca e posteriormente Filoloxía Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela. Profesionalmente desenvolve o seu traballo no eido do ensino, da tradución e a pedagoxía. Reside en Baiona, onde namorouse do mar. Mantén intensa actividade cultural entre Salamanca, Portugal e Galicia.

A Banda de Música Unión de Guláns pon a nota artística esta fin de semana en Arcos

O programa Cultura24 segue achegando novas actividades culturais e de lecer ás parroquias de Ponteareas. O vindeiro domingo 23 de abril a Casa Cultural de Arcos acollerá a actuación da Banda de Música Unión de Guláns, unha das máis antigas de Ponteareas con 153 anos de vida e que tras os anos de pandemia neste 2023 está a celebrar o seu 150 aniversario por todo o alto.

O concelleiro de Cultura, Fernando Goba, anima a toda a veciñanza a participar neste novo concerto do Cultura24, “un programa cultural que achega a actividade ás 24 parroquias do concello ao tempo que se dinamizan as casas e centros cultural e o tecido creativo da propia vila”. Destaca ademais a importancia de acompañar á banda nas actuacións que realiza este ano, “xa que temos que por en valor a súa ampla traxectoria e legado”.

O concerto na parroquia de Arcos será ás 12.30 horas de balde con entrada libre ata completar aforo.

Aberto un novo aparcamento no Porriño

Xa está aberta ao público a nova zona de aparcamento gratuíto habilitada polo Concello do Porriño no centro urbano. Este aparcamento disuasorio está localizado na rúa Progreso e dada a súa extensión e localización, no futuro acollerá tamén eventos e actividades lúdicas e festivas.

Con este novo espazo, situado nunha área de gran afluencia ao estar preto da zona comercial da vila, xunto á zona peonil e a praza de abastos, o Concello suma no último ano 25.000 metros cadrados destinados a tal fin. Cabe destacar que se habilitaron varios aparcamentos disuasorios nos últimos meses, outro na rúa Progreso, dúas parcelas na zona do instituto Pino Manso e do pavillón municipal e outras dúas na rúa Leandro Diz.