15.7 C
Pontevedra
Venres, 2 de Xuño de 2023
Máis
    HomeÉ NoticiaA sede de Vigo da Deputación énchese de cultura con motivo do...

    A sede de Vigo da Deputación énchese de cultura con motivo do Día lo Libro

    Cunha Sala Rosalía que volveu honrar o seu nome, chea de libros, camelias e persoas lectoras, a sede da Deputación en Vigo foi onte pola tarde o epicentro da cultura coa celebración do Día Internacional do Libro, unha emotiva homenaxe á escrita galega e a posta en valor da inesgotable canteira de autoras e autores que atesoura. Deste xeito, o acto acolleu a presentación de Tes cinco minutos #3, o terceiro volume que sae das mans do alumnado da Escola de Letras promovida pola institución provincial e a Editorial Galaxia, coa intervención de varios e varias participantes que leron os seus textos, acompañados da música tradicional do trío Abril, formado por Marina Carpente ao violín, Claudia Abril á voz e pandeireta e Antón Lago á guitarra clásica, que interpretou a Xota de Parada de Achas, o Valse e xota de Barro de Arén, o Pasodobre Bembrive e a Muiñeira de Caroi. Amais, o claustro da actual edición da Escola e as dez autoras galegas que participaron na obra Ti non sabes o que é ser escritora, xurdido ao abeiro do Manifesto de Soutomaior, tamén puxeron voz a textos literarios nos dous audiovisuais que se proxectaron.

    Para a presidenta provincial, Carmela Silva, a actividade da Escola de Letras e os tres libros xa editados “son mostra do magnífico talento literario que temos nesta provincia e que buscamos sacar á luz” “Todas e todos sabemos o importante que é a literatura. Cos libros viaxamos, coñecemos outros mundos, emocionámonos, encontramos personaxes que nos marcan e, sobre todo, acompáñannos nos momentos nos que os necesitamos. A lectura é un dos praceres que temos a sorte de desfrutar nesta vida e actos como este son necesarios para poñer en valor todo o esforzo creativo que temos ao noso redor  –subliñou Carmela Silva-. Esta Escola, engadeu a presidenta, é unha fonte inesgotable de creatividade e para nós é fundamental que todo ese talento estea xa impreso nas páxinas de tres libros con tan alto nivel. Como dixemos desde a posta en marcha desta iniciativa, esta é unha Escola eminentemente práctica e as persoas asistentes teñen a oportunidade de dar a coñecer os seus traballos no que é un primeiro paso fundamental”.

    Pola súa banda, o director de Galaxia e da Escola Francisco Castro destacou a importancia de que as alumnas e alumnos que participaron nos cursos levados a cabo “agora sexan oficialmente autoras e autores ao figurar nun libro que se venderá en todas as librarías de Galicia”. Sinalou tamén que a Escola “estase a converter nunha fábrica e canteira de escritoras e escritores, como demostra o feito de que algúns xa publicasen e outros libros estean de camiño”.

    Xosé Lueiro, Pablo Vázquez, Antía Marcote (Pitusa Pinheiro), Alba Piñeiro e Diana Cidrás foron os representantes dos e das 34 participantes en Tes cinco minutos #3 coa lectura dos seus textos que forman parte deste terceiro volume. Nas 115 páxinas do libro inclúense poemas e relatos curtos de diferente temática destas autoras e autores, a maioría mulleres (25). O volume conta cun limiar escrito polo director da Escola, Francisco Castro, e o título segue a estela dos anteriores ao facer referencia á frase pronunciada polas e polos docentes da Escola para que o alumnado soubese que 5 minutos era o tempo que tiñan para desenvolver unha proposta literaria.

    O acto impulsado pola Deputación para celebrar o Día do Libro completouse coa proxección de dous audiovisuais. No primeiro participaron os e as docentes da cuarta e actual edición da Escola, que deron lectura a textos de autores e autoras que lles marcaron nalgún momento da súa vida. No caso de Inma López Silva, elixiu O poeta escollera abril, da obra de Álvaro Cunqueiro Herba aquí e acolá, mentres que Antonio García Teijeiro escolleu Alegoría, da obra Barroco, de Antía Otero, e Marta Dacosta Dezaseis de maio, do libro de Xosé M. Millán Otero As cinzas de Pasolini. Pola súa banda, Diego Giráldez leu Os anxos indecisos, de Manrique Fernández e Esther Carrodeguas, Paxaros e maceiras, de María Lado, do libro colectivo Escolma salvaxe.

    No segundo vídeo foron as dez participantes no libro Ti non sabes o que é ser escritora, un dos proxectos resultantes do Manifesto de Soutomaior promovido pola Deputación, quen leron os textos da súa autoría recollidos nesta obra. Elas son Isabel Blanco, Silvia Cernadas, Mercedes Corbillón, Ledicia Costas, Inma López Silva, Silvia Penas, Arantza Portabales, Anna R. Figueiredo, Elvira Ribeiro e Rexina Vega, cuxos traballos están acompañados no volume polas ilustracións de dez creadoras ‘aliadas’ do Manifesto: Luz Beloso, Celeste Garrido, Andrea Jano, María Lapido, Lara Lars, Andrea López, Blanca Millán, Gloria Pavía, Alba Troiteiro e Sofía Venzel.

    COLABORACIÓNS

    Aperitivos de hojaldre sin gluten

    Mayo es el mes de las personas celíacas. El día 16 se celebró el Día Internacional de la Enfermedad Celíaca y hasta este año, el 27 de mayo se celebraba en España el Día Nacional (este año nos unimos al resto de los países y lo celebramos el día 16).

    Ponteareas diante das eleccións (II): a Xeración do cambio, un recordo para que a Historia non se repita

    “De onde vimos? quen somos? onde imos?”. O título do cadro de Paul Gauguin e a letra da coñecida canción de Siniestro Total son interrogantes filosóficos que, aplicados ao mundano proceso electoral no que estamos inmersos, serven para lembrarnos que os procesos histórico-políticos son dinámicos e, polo tanto, teñen unha xénese no pasado que explica un presente que, á súa vez, condicionará o futuro decorrer dos acontecementos. A recente historia de Ponteareas non é unha excepción e, a poucos días das eleccións municipais, convén lembrala para non estar condenados a repetila.

    Ponteareas diante das eleccións (I): David contra Goliat e a utopía feita realidade

    Botando unha ollada atrás un non pode deixar de sorprenderse da rapidez coa que transcorre o tempo e a vida. Unha velocidade vertixinosa que tamén acompaña aos acontecementos e procesos sociais e políticos e que explica a facilidade coa que a sociedade pode esquecer tan axiña o seu pasado e, sobre todo, en política, ignorar de onde vimos, onde estamos e cara onde nos diriximos. Esquecemento dos que viviron eses procesos, mais tamén descoñecemento comprensíbel por razóns biolóxicas e xeracionais dos que daquela non naceran ou eran uns cativos.

    “The Last Of Us”

    Hace unos días, terminé de ver la primera temporada de la serie "The Last Of Us", una serie basada en la historia de un videojuego inspirado en un mundo apocalíptico.

    Colaboradores

    Alberto Aliaga Sola
    20 POSTS0 COMMENTS
    Bea Sanfa
    14 POSTS0 COMMENTS
    Manrique Fernández
    83 POSTS0 COMMENTS
    Paz de la Peña
    42 POSTS0 COMMENTS
    Ricardo Canosa Bastos
    14 POSTS0 COMMENTS
    Roberto Mera
    8 POSTS0 COMMENTS
    Avatar
    1 POSTS0 COMMENTS