Domingo, 11 Maio de 2025

Os alcaldes da ‘raia’ protagonizan a primeira protesta conxunta pedindo solucións á circulación de traballadores transfronteirizos

Alcaldes e alcaldesas dos 12 municipios portugueses e galegos bañados polo Miño reivindicaron, esta mañá, a reapertura de máis puntos de paso entre Portugal e España nesta zona fronteiriza para aminorar as moitas dificultades vividas por miles de traballadores transfronteirizos. As e os rexedores locais pediron tamén a apertura gradual das fronteiras para salvar unha economía transfronteiriza “que está a morrer”.

Nunha acción concertada pola Agrupación Europea de Cooperación Territorial ( AECT Río Miño), os alcaldes representantes de cerca de 150 mil habitantes exhibiron a palabra ‘SOS’ en plena Ponte Internacional da Amizade (Cerveira-Tomiño), transmitindo a ambos os gobernos unha mensaxe de asfixia económico-social.

O director do AECT Río Miño, Úxio Benitez, subliñou a “enorme inxustiza” sentida por estas poboacións, colocando “a fronteira máis dinámica de toda a Europa” dependente de “un funil” en Valença-Tui, referíndose ao único punto de paso autorizado polos gobernos. “Estamos a asistir a graves prexuízos financeiros e de desgaste emocional entre os traballadores transfronteirizos, que son obrigados a facer centenares de quilómetros diarios de máis, con custos engadidos”, adiantando que “é necesario ollar coa debida atención para a singularidade deste territorio transfronteirizo”.

O vicepresidente da agrupación territorial e alcalde de Vila Nova de Cerveira, Fernando Nogueira, reiterou que, de entre as 64 fronteiras existentes entre Portugal e España, das cinco máis movidas, tres están nesta rexión (Valença-Tui, Monção-Salvaterra e Cerveira-Tomiño) “por onde pasan metade, ou máis, da circulación rodada entre os dous países”. “Non estamos a querer facilitar en termos de saúde pública e de seguranza, mais é posíbel a apertura de máis puntos de paso mediante un reforzo da vixilancia e control policial e das condicións sanitarias, tal como se fai entre Valença-Tui. Se tivermos máis puntos, hai a garantía de maior seguranza pois evítanse filas interminábeis e grandes concentracións nun único punto”.

“Nunca, nin nos tempos de ditadura, como Portugal e España viviron hai uns anos, se ‘construíu’ este Muro de Berlín”

Nogueira puxo o exemplo concreto da Zona Industrial de Vila Nova de Cerveira, “con 4.000 traballadores, dos cales 20 % son oriundos da Galiza e que están a ser branco de impactos catastróficos o seu día a día”, alén dunha economía que “dun modo xeneralizado está a morrer. Canto máis se prorroga esta situación máis difícil será a súa retoma normal”. “Nunca, nin nos tempos de ditadura, como Portugal e España viviron hai uns anos, se ‘construíu’ este Muro de Berlín. Os portugueses non viven sen os galegos, e viceversa, pois esta é unha verdade milenar”, asegurou.

Cuestionados sobre a situación epidemiológica como motivo para os gobernos centrais de Portugal e España manteren as fronteiras pechadas, ambos os representantes foron unánimes na resposta, clasificándoa de “falso argumento”. Úxio Benitez asegura que a situación sanitaria da Galiza “non é, nin nunca foi da mesma dimensión do que en Madrid” e que, neste momento, é moi semellante, “cunha evolución moi favorábel, coa existencia de poucos novos casos tanto no alto Miño coma na Galiza”, corroborou Fernando Nogueira.

A mensaxe SOS exhibida en letras grandes procurou chamar a atención dos gobernos de Portugal e España, solicitando “como mínimo, unha resposta plausíbel”, pois os alcaldes transfronteirizos consideran que, até ao momento, “ambos os gobernos non teñen axudado a superar esta crise nas fronteiras”.

Tras esta acción simbólica de protesta, de non haber resposta por parte dos gobernos, o AECT Río Miño admite continuar con iniciativas semellantes noutras fronteiras do río Miño, así como os alcaldes estudan non asinar o Auto de Recoñecemento de Fronteiras, un acto simbólico no cal os dous lados se xuntan anualmente, dende hai máis dun século, para formalizar a sinatura dun documento.

Constituído en febreiro de 2018 e con sede en Valença, o AECT Río Miño abrangue un total de 26 concellos: os 10 municipios do distrito de Viana do Castelo que compón a CIM do Alto Miño e 16 concellos galegos da provincia de Pontevedra. Nesta acción de protesta estiveron presentes 12 alcaldes representantes dos municipios máis ribeiríos e máis afectados por este fecho de fronteiras terrestres, en vigor desde as 23:00 do día 16 de marzo, debido á pandemia de Covid-19.

Os concellos da ‘raia’ pasan á acción. Os 13 concellos fronteirizos realizarán unha protesta conxunta para pedir a apertura dos pasos fronteirizos

Era inevitable pola indignación acumulada na ‘raia’ e aconteceu. Os alcaldes e alcaldesas dos doce concellos do Miño na provincia e no norte de Portugal (A Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salvaterra, As Neves, Arbo, Crecente, Caminha, Cerveira, Valença, Monçao e Melgaço) acordaron pasar á acción e realizarán esta semana a súa primeira protesta simbólica conxunta para reclamar a “imprescindible” e “urxente” apertura dos pasos na fronteira.

Na reunión celebrada na noite de onte as e os rexedores acordaron de maneira unánime que é necesario defender o territorio, ás e aos seus traballadores, empresas e as relacións da cidadanía en xeral fronte ao afogo actual. “Precisamos un balón de osíxeno”, “este é un territorio seguro” ou “hai un grande dinamismo económico que a situación actual fai insostible” foron algunhas das frases que se escoitaron no encontro de concellos, no que tamén estivo presente a directiva do AECT Rio Minho.

Alcaldes e alcaldesas, independentemente da súa cor política, decidiron actuar de forma conxunta e unida fronte ao que consideran unha inxustiza no tratamento dispensado. Subliñan principalmente o agravio comparativo que existe con respecto a outros territorios doutras rexións e provincias como Extremadura ou Ourense, que xa teñen abertos máis pasos.

“Vese que o goberno autonómico de Extremadura se moveu convenientemente e argumentou a necesidade de permeabilizar a fronteira. Aquí, a pesares de ter argumentos sólidos de relación económica, de que pasaron 200.000 coches polo paso de Tui durante o confinamento… a Xunta non está nin se lle espera”, apuntou o director do AECT, Uxío Benítez. Este lembrou que Núñez Feijóo está na presidencia da Comunidade de Traballo Galiza-Norte de Portugal, pero non moveu ficha para defender nin ás empresas nin ás e ós traballadores transfronteirizos, e tampouco accedeu a unha cita cos responsables do propio AECT para solucionar a situación.

“Vemos que para o 1 de xullo hai previsión de apertura para o turismo internacional. Mentres, aquí traballadoras e traballadores teñen que estar a soportar rodeos de máis de 100 quilómetros diarios. Cremos que nos están a tratar como cidadáns de segunda”, afirmou Benítez.

As accións concretas de protesta comezarán de maneira simbólica coa presenza de alcaldes e alcaldesas e presidentes das câmaras portuguesas. Non se descartan novas mobilizacións coa implicación da cidadanía, xa que as e os mandatarios apostan por radicalizar as accións de manterse a situación.

Luís Bará critica a “desfeita” da Xunta en Atención Primaria e reclama asistencia sanitaria “ben dotada de recursos e profesionais” para o rural

0

O cabeza de lista do BNG na provincia de Pontevedra de cara ás eleccións do 12X, Luís Bará, criticou hoxe a “desfeita” da Xunta na Atención Primaria e reclamou unha asistencia sanitaria ben dotada de medios e profesionais especialmente para o rural galego. O nacionalista realizou estas declaracións logo dun encontro con veciñas e veciños de A Cañiza puxeron de manifesto a situación “calamitosa” que viven no concello, xa que carecen dende hai meses de médico de familia propio para o centro de saúde de Valeixe e máis recentemente de pediatra en A Cañiza.

Bará, xunto coa candidata e portavoz de sanidade do BNG no Parlamento, Montse Prado, apuntou que a situación da sanidade pública de Atención Primaria no concello do Condado é un exemplo do que veu acontecendo na Galiza nos últimos once anos “como consecuencia das políticas do Partido Popular de desmantelamento, de deterioro, privatización, e recortes na sanidade pública que lle afecta dunha maneira especialmente crúa ao noso rural, ás nosas vilas e cabeceiras de moitos concellos”.

Segundo asegurou son moitas as vilas que quedan sen servizos e polo tanto desminten “ese eslogan tramposo” do PP da ‘lexislatura do rural’, porque –dixo– “en todo caso é a lexislatura do desmantelamento e da aniquilación dos servizos públicos no rural” que non permiten que se fixe poboación. “O exemplo de A Cañiza é moi claro porque vemos como se están a perder profesionais tanto na Atención Primaria de medicina de familia en Valeixe como tamén de pediatría en A Cañiza”, explicou o cabeza de lista, que relatou a situación desastrosa pola que os médicos atenden dúas veces á semana polas tardes telefonicamente e en Pediatría acontece outro tanto. “Isto que está a pasar fai que a xente se desprace a outros concellos a moita distancia e pagando servizos sanitarios privados en Pediatría porque non o teñen onde viven”, afirmou.

Para o BNG, dixo o nacionalista, é fundamental facer fronte a esta situación de abandono da sanidade pública. “Hai que defendela con aplausos, mobilizacións e cos nosos votos o 12 de xullo votando por unha forza como o BNG que cre na sanidade pública e pensa que é fundamental para ter vida e futuro no rural de Galiza”, finalizou.

Pola súa parte, a veciñanza afectada pola falta de facultativos manifestou a súa indignación pola situación, xa que moita poboación decide non acudir ás citas médicas pola mala calidade asistencial, prestada cada día por diferentes médicos substitutos que non poden ter unha relación axeitada médico-paciente. Tamén engaden os problemas de mobilidade para a xente maior pola ausencia de transporte público. “Non temos alternativas”, afirman.

Unha das veciñas do concello, que ten que sufrir a falta de pediatra, puxo sobre a mesa unha pregunta para o presidente da Xunta: “Gustaríame preguntarlle ao señor Feijóo en que Galiza vive el, que di que hai unha sanidade boa. Debemos vivir nunha Galiza paralela, porque na Galiza que eu vivo a sanidade pública, igual que a educación, dá pena”, salientou.

O Congreso de Arte Efémera de Tokio celébrase de xeito virtual coa participación de alfombristas de Ponteareas

A Asociación Corpus as Monxas vén de participar no proxecto Virtual International Ephemeral Art, Tokio 2020, un evento organizado pola Coordinadora Internacional de Entidades de Arte Efémera e no que participaron un total de 26 delegacións que confeccionaron alfombras florais.

Este proxecto é único para esta ocasión e foi pensado e creado pola Comisión de Proxectos da Coordinadora debido a que os días en que debía celebrarse o Congreso de Arte Efémera en Tokio, foi suspendido pola pandemia da COVID-19.

Desta maneira, cada delegación elabora unha alfombra, –que simboliza a súa presenza en Tokio–, para expresar o seu agradecemento ao noso compañeiro Yasu, ao seu equipo Organizador, ás institucións e aos patrocinadores.

Baixo o lema: Soñando Tokio “nosas alfombras, de maneira virtual, estarán presentes na cidade, nos corazóns das e dos alfombristas e abertas ao mundo”.

Ponteareas, que tenia previsto participar no Congreso Internacional, non podía faltar a esta cita tan relevante, máxime cando o Corpus ponteareán ostenta a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional e contando ás súas costas, con máis de 200 anos de historia.

Nesta ocasión os e as alfombristas ponteareáns, confeccionaron unha alfombra simbólica en canto a tamaño, “que unía ao noso pobo coa cultura japones e que servia como unha homenaxe ao noso compañeiro Yasy”, sinala Corpus As Monxas.

Cumprindo todas as medidas de seguridade e prevención recomendados polas autoridades sanitarias, este evento tamén serviu como un acto conmemorativo do Corpus de Ponteareas, que este ano non se poderá celebrar como todos e todas desexariamos.

Unha vez mais Ponteareas amosa a súa cara mais solidaria coa situación actual “e con todos os irmáns alfombristas do mundo, tendendo mans e unindo lazos”. conclúe Corpus As Monxas.

Purificación Granja, a avoa de Oia, cumpre 104 anos

0

Purificación Granja, a muller máis lonxeva de Oia, vén de cumprir nestes días os 104 anos, un aniversario que festexou esta fin de semana rodeada da súa familia. Como agasallos, o Concello fíxolle chegar á veciña centenaria un ramo de flores e unha torta, presentes que a señora Pura recibiu cun sorriso e facendo gala do seu característico bo ánimo.

A alcaldesa, Cristina Correa, visitou á ‘avoa de Oia’ no mesmo día do seu aniversario para felicitala en representación do Concello e transmitirlle o agarimo e os bos desexos de toda a veciñanza.

Ponteareas procede a una nova retirada de vertedoiros incontrolados

A concellería de Medio Ambiente, que dirixe Rosa Covelo, pide a colaboración cidadá para rematar coa imaxe do lixo e dos enseres abandonados tanto en puntos espallados como na contorna dos colectores de lixo. Nesta semana vén de retirar varios vertedoiros incontrolados en distintos puntos do concello ademais de atopar colectores de lixo rodeados de enseres e bolsas que non foron deitadas dentro do contenedor. Exemplo desta actitude é a imaxe que acompaña esta nota de prensa realizada en Fontenla polos servizos de recollida de lixo.

Rosa Covelo convida a toda a cidadanía a traballar por unha vila máis limpa e cívica empregando os servizo gratuíto de recollida de enseres, deixando determinados produtos no punto limpo e procedendo a utilizar o contenedor de lixo axeitado, depositando sempre o lixo dentro dos mesmos e atendendo á normas hixiénico-sanitarias.

Verteduras preto da capela de San Cibrán

A concelleira informa que, nestes días, se procedeu á retirada de vertedoiros incontrolados na Gándara, en San Cibrán, en Guláns e en Moreira “a cidadanía non precisa verter na vía pública porque para iso dispón dun servizo gratuíto de recollida de enseres e dun punto limpo cun amplo horario”.

Rosa Covelo lembra que os venres a primeira hora da mañá o servizo de recollida de enseres atende á demanda da veciñanza polo que os obxectos non deben ser depositados xunto aos contedores antes dos xoves ás 21 horas.

Lixo tirado debaixo da ponte da autovía

O servizo de recollida de enseres é totalmente de balde e ofrécese de xeito semanal tan só tendo que chamar ao teléfono 986 640 307.

A concelleira solicita tamén a colaboración da cidadanía para a denuncia deste tipo de actitudes que afectan á boa convivencia e atacan ao medio ambiente.

Rosa Covelo informa, ademais, dos horarios do punto limpo: de luns a venres de 08:30 a 13:45 e de 16 a 18 horas; os sábados de 10 a 13 horas e recórdalle á veciñanza que está prohibido tirar lixo fóra das instalacións e que só se admiten residuos de orixe doméstico, non industriais.

Ponteareas sinaliza o límite a 20 km/h en todos os accesos ao centro urbano

A concellaría de Mobilidade e Tráfico do Concello de Ponteareas concluíu a instalación da sinalización vertical que limita a velocidade no centro urbano a 20 km/h dando ademais prioridade na calzada aos peóns. A sinalización instalouse en todas as rúas que dan acceso ao centro urbano: Fermín Bouza Brey, Sarmiento Rivera, Xoán Trobador García de Guillade, Paseo Matutino, Castañal, Avenida de Galicia, Rúa da Braña e Rúa Amieiros. A única avenida que non conta con esta regulación é a de Castelao, de titularidade autonómica. O Concello solicitou á Xunta que se reduza o límite de velocidade de 50 a 30 km/h, sen obter até hoxe resposta.

A actuación finalizada esta semana complementa outras adoptadas nos últimos quince días: por unha banda aprobouse o bando que establece esta nova regulación nas vías municipais da vila e por outra editouse e distribuise por todo o casco urbano un cartel informativo.

A sinalización supón que os vehículos a motor deben conceder prioridade aos peóns e estes poden utilizar a zona de circulación aínda que non deben estorbar innecesariamente ao vehículos.

O concelleiro de Mobilidade e Tráfico fixo un chamamento a “respectar a nova regulación e circular a 20 km/h: gañaremos en seguridade e calidade de vida, con menos contaminación acústica e atmosférica”.

Positivismo, alegría e cor marcan os debuxos da infancia da provincia no concurso ‘O que ves desde a túa xanela’

O concurso de debuxo infantil online ‘O que ves desde a túa xanela’, convocado pola Deputación de Pontevedra nos días do confinamento, xa ten dúas gañadoras e dous gañadores. O xurado do certame –co que a institución animou ás rapazas e rapaces da provincia a debuxar as paisaxes que viron desde as súas fiestras ou balcóns durante o illamento, así como aqueles lugares da provincia aos que lles gustaría volver– elixiu hoxe os traballos vencedores nas tres categorías do concurso. Neste senso, o tribunal destacou a calidade e variedade dos debuxos presentados e que todos “transmitían positivismo, alegría e cor”, feito que fixo moi difícil a elección final, na que se valorou especialmente a orixinalidade e calidade.

Na primeira categoría, de 3 a 6 anos de idade, o gañador foi Carlos Castro García, de seis anos e do concello de Redondela, pola súa obra ‘A nosa Ría o meu fogar’, na que amosou “a súa creatividade, expresividade e colorido”. O xurado valorou que é un debuxo moi ben executado tendo en conta a súa idade , ao que incorporou diversos elementos característicos das Rías Baixas. Carlos recibirá como premio unha visita guiada polo Castelo de Soutomaior e poderá participar no xogo ‘Detectives no Castelo’, en compañía da súa familia.

Debuxo de Martina Contreras

Na segunda categoría, de 7 a 11 anos, resultou premiada Martina Contreras Lorenzo, de 11 anos e veciña de Vigo, da que o xurado subliñou o nivel de detalle do seu debuxo, no que empregou diversas técnicas (acuarelas e outras), o realismo da perspectiva e o nivel de detalle. O seu premio será unha visita guiada polo Castelo de Soutomaior coa súa familia.

[su_image_carousel source=”media: 15850,15852″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

E, por último, o excelente nivel dos traballos da terceira categoría (de 12 a 14 anos) motivou que o tribunal decidise como máis xusta a selección de dous premiados, que poderán desfrutar xunto á súa familia dunha experiencia pola Ruta do Viño Rías Baixas. Trátase de Manuel Lemos Peixoto, de 13 anos e de Nigrán, que reproduciu con realismo o que ve desde a súa fiestra e do que o xurado destacou “o nivel de detalle, con gran calidade de trazo e proporcionalidade da perspectiva”. E Adriana Eugenio Rivas, tamén de 13 anos e do Concello de Soutomaior, por un debuxo no que amosou a súa destreza na técnica da acuarela. O tribunal subliñou “a beleza dos trazos e o seu realismo”.

O certame ‘O que ves desde a túa xanela’ deu continuidade ao convocado o pasado ano pola Deputación, ‘Descubre a túa provincia’, unha iniciativa que permitiu que as nenas e nenos participantes amosaran a través das súas obras lugares emblemáticos da nosa contorna e a súa riqueza turística. A novidade foi, amais da temática, que este ano a participación foi online, debido á situación derivada do COVID-19.

Os debuxos gañadores expoñeranse nunha galería na páxina web da institución provincial (www.depo.gal), xunto a outros traballos seleccionados

A Guarda retoma o ciclo ‘Cinema de muller’ suspendido en marzo pola declaración do estado de alarma

0

O Concello da Guarda, a través da Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller, retoma este mes de xuño o Ciclo de Cinema de Muller, suspendido tralo inicio da crise provocada pola pandemia da Covid-19. Esta actividade está enmarcada nas conmemoracións do Día Internacional da Muller 2020.

Programa de Cinema da Muller

O Centro Cultural da Guarda será o escenario para as dúas proxeccións do ciclo, os días 12 de xuño e 19 de xuño, que contarán, ámbalas dúas, cunha charla coloquio previa ás 20:00 h e posterior proxección ás 21:00 h.

O venres día 12 de xuño de 2020 proxectarase ‘As Lindas’ de Melisa Liebenthal.

As Lindas é un documental dirixido pola novísima Melisa Liebenthal (Bos Aires 1991) que a pesar de ser a súa ópera prima, foi xa premiada na sección Bright Future do Festival internacional de cinema de Rotterdam,  e na terceira edición Asterisco do Festival internacional de cinema LGBTIQ, así como no BAFICI 2016, onde obtivo o premio á mellor directora na competencia arxentina.

¿Que é belo e que non o é? Melisa aborda os estereotipos de xénero baseándose nun arquivo documental de fotografías vellas onde aparecen ela e as súas amigas, feito que a leva a ter unha excusa para reunirse con elas, gravalas e entrevistalas para coñecer cuais foron as súas vivencias a partir da adolescencia e como as sentiron. Nestos encontros máis que sinceros, Melisa descobre que os medos e angustias que a chegaron en certo punto a obsesionar, foron medos compartidos polo resto das protagonistas nesta viaxe ao pasada e que agora levan a cabo xuntas dende unha perspectiva máis madura.

Para rematar este ciclo o venres día 19 de xuño de 2020 proxectarase ‘Histeria’ de Tanya Wexler.

Dr. Mortimer Granville (Hugh Dancy) é un xoven médico que constanmente ten problemas cos seus compañeiros polos seus puntos de vista modernos sobre a medicina. Granville é contratado como asistente polo Dr. Dalrymple (Jonathan Pryce), o cal está especializado no tratamento da histeria, un mal diagnosticado comúnmente ás mulleres da época, e que tiña por tratamento masaxes na área xenital para causar ‘convulsións paroxísticas’ que na verdade eran orgasmos.

Medidas de saúde e hixiene ante o Covid-19

  • Aforo máximo do local: 50 persoas en butacas separadas e numeradas
  • Diferenciación de accesos e saídas
  • Recomendamos reserva previa no 986 61 0000 ext.5(en horario de 9:00h a 14:30h ou en [email protected]
  • Desinfección previa da sala, butacas e disposición de xel hidroalcohólico para usuarios

O BNG denuncia que o Goberno do PP en Salvaterra “exclúe á oposición da loita contra a Covid-19”

O Grupo Municipal do BNG en Salvaterra de Miño denunciou hoxe que “mentres nos Concellos da comarca os Gobernos municipais tiveron claro dende o principio que esta pandemia necesitaba de toda a cidadanía para combatelo, o Partido Popular de Salvaterra de Miño utilizou a situación para tratar de promocionarse e deixar fóra á oposición, aínda sendo consciente que representamos gran parte dos veciños e veciñas deste concello”.

O Bloque sinala que “aínda que na páxina web do Concello figura un slogan que di este virus parámolo unidos, tivo que ser a oposición quen instou á alcaldesa, Marta Valcarcel, para que nos informara das accións que se estaban levando a cabo para xestionar a pandemia a nivel local”. Segundo indican os nacionalistas de Salvaterra, “esta información limitouse a unha chamada telefónica semanal para informar do que xa era público e coñecía toda a veciñanza, polo que a participación foi sempre negada e impedida pola alcaldía dende o inicio da pandemia”.

“Dende o BNG instamos a crear a comisión de traballo para as diferentes Fases da desescalada coa finalidade de participar e aportar propostas para reactivar o comercio local, hostalería, etc. pero a oposición foi excluída en todo momento”, aseguran a formación nacionalista, que recalca que “a actitude do goberno do PP de Salvaterra nada ten que ver con outros concellos da comarca que dende o inicio da pandemia, ademais das comisións de crise creadas, constituíronse comisións de traballo no formato que a oposición solicitaba, como en Ponteareas, onde toda a oposición participa”.

Segundo o BNG, “a esta situación hai que engadirlle que se anularon os Plenos Ordinarios, que é o órgano no que a oposición pode facer a función de control ao goberno, pero que non lle interesa ao Partido Popular”. Así mesmo, o Bloque sinala que “a proba está en que o pasado martes fomos convocados a un Pleno Extraordinario por obrigación segundo marca a lexislación, só para que o PP habilitara máis de un millón de euros para pagar “pufos” de anos atrasados e partida orzamentaria para este ano, xa que o Partido Popular con maioría absoluta non sabe crear uns orzamentos axeitados para Salvaterra. O escurantismo é total”, remarcan os nacionalistas.

“A semana pasada, a oposición conxuntamente tivemos que esixir de novo por escrito os decretos de alcaldía que se viñeron xerando dende o último pleno de xaneiro. Dende o BNG entendemos que estes son tempos de unidade de traballo polo ben da cidadanía e que non atende a cores nen estratexias políticas.”

O BNG remata asegurando que “xa son sabidas as prácticas ás que nos ten acostumados o equipo de goberno do PP, que dende que empezou o estado de alarma volcouse a facer traballos de autopromoción, pondo por diante os seus intereses antes que os dos veciños e veciñas de Salvaterra, xa que non conta con toda a representación social da corporación.”

Concellos galegos súmanse ao manifesto ‘Cooperación contra o coronavirus’

0

Un total de 15 concellos galegos aprobaron xa o manifesto ‘Cooperación contra o coroavirus’ que promove no eido estatal a Confederación de Fondos de Cooperación y Solidaridad, da que forman parte nove fondos que representan a máis de 1.300 administracións locais, entre eles o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. O texto sostén que “nun contexto global, abandonar aos países do Sur non é unha opción”, polo que unha vez superada a fase máis grave nos nosos territorios haberá que “axudar a outros pobos menos preparados para resistir os efectos da pandemia”.

Foto ©Adrián Irago

Os concellos de Ames, Arteixo, O Barco, Bergondo, Cabanas, Cambados, Malpica, Moraña, Narón, Poio, Ponteareas, Sada, Sandiás, Silleda e Tomiño veñen de sumarse a esta declaración, mediante fórmulas como o acordo plenario, da Xunta de Goberno Local ou por Decreto de Alcaldía.

Doutra banda, a través da web da Confederación, numerosos cargos electos se adheriron tamén de xeito individual, co obxectivo de visibilizar o apoio do municipalismo á cooperación internacional como instrumento necesario para responder ao desafío global xerado pola Covid-19. En xuño, o documento abrirase ás sinaturas da cidadanía en xeral, a fin de promover a defensa deste tipo de políticas públicas municipais.

O texto recoñece que “se non actuamos globalmente, o risco de que o virus rebrote ou de que aparezan novas pandemias será cada vez maior” pois “vivimos nun mundo hiperconectado”. Neste senso, a actuación dos fondos de cooperación “non só se limita á resposta sanitaria inmediata”, senón que fai fincapé en fortalecer as capacidades locais dos países máis empobrecidos para xestionar servizos básicos que lles permitan afrontar calquera crise.

Neste senso, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de aprobar o investimento de 98.126 euros para frear o impacto do coroavirus en Mozambique e Guinea-Bissau, a través de cinco proxectos que inciden na sensibilización da veciñanza, a dotación de materiais de prevención, o abastecemento de auga ou a saúde da infancia. Ademais, recentemente puxo en marcha nas redes sociais a campaña #OsMunicipiosCooperan, para poñer en valor a solidariedade internacional desde o local.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 98 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, desde a súa fundación en 1997 o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

A Deputación abre hoxe o prazo de solicitudes para os IV Premios Provinciais á Xuventude

A Deputación de Pontevedra abriu este luns 1 de xuño o prazo de solicitudes para participar na IV edición dos Premios Provinciais á Xuventude, que este ano teñen unha dotación económica de 32.000 euros, o que supón un incremento dun 45 % respecto o ano pasado. O prazo manterase aberto ata o 31 de agosto e as persoas interesadas en participar poden preinscribirse, preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica.

Malia que, a consecuencia da declaración do estado de alarma polo COVID-19, o prazo de presentación dos proxectos foi suspendido temporalmente, a Deputación de Pontevedra xa adiantara na primeira quincena de abril o lanzamento da iniciativa coa publicación das bases co fin de que a mocidade aproveitase o confinamento para comezar a idear e desenvolver os seus proxectos.

Nesta cuarta edición dos Premios as oito categorías son iniciativa social, empresarial, contido dixital, educación en valores, traballo musical, literario, fotografía orixinal e deseño e moda. Esta última modalidade continúa neste 2020 tras o éxito colleitado na súa estrea, na edición anterior.

Unha das novidades deste ano é que, na modalidade de educación en valores dirixida aos centros de educación secundaria, a idade mínima das mozas e mozos que poden participar adiántase aos 14 anos, cando ate agora era de 16 a 18 anos. Salvo nesta categoría, os IV Premios Provinciais á Xuventude están dirixidos a mozas e mozos de 16 a 35 anos, que poden concursar nunha ou en varias modalidades cun único proxecto orixinal en cada unha delas. As gañadoras e gañadores recollerán os seus trofeos nunha gala que terá lugar durante o último trimestre do ano.

Unha empresa asentada na Zona Franca presenta unha unidade móvil de esterilización anti COVID-19

O delegado David Regades asistiu esta mañá á presentación da unidade patentada por SafetyWay, empresa asentada na Zona Franca de Vigo, que reduce nun 99,99 % os patógenos en todo tipo de superficies, internas e externas, mesmo en dispositivos electrónicos e todo tipo de artigos susceptibles de ser contaminados polo SARS-CoV-2 (COVID-19).

Esta cámara utiliza unha tecnoloxía innovadora froito da investigación en colaboración co grupo BiotecnIA do departamento de Enxeñería Química da Universidade de Vigo e a empresa considera que é “unha solución válida para devolver a confianza de usuarios de centros comerciais, hoteis, servizos públicos, ximnasios, xeriátricos, entre outros establecementos”. 

Regades valorou o esforzo e a colaboración público-privada realizada para o desenvolvemento desta unidade móbil de desinfección xa que este é “un proxecto cento por cento marca Vigo que significa dar un paso máis no camiño cara á seguridade que todos necesitamos”.

En palabras de Jorge Sánchez, CEO de SafetyWay, “a unidade VKM19 realiza a desinfección de superficies por vía aérea, mediante a dispersión dun axente biocida por nebulización. Trátase dun tratamento de calor e néboa seca de peróxido de hidróxeno, que non dana materiais nin superficies, aplicable mesmo a dispositivos electrónicos e cunha eficacia germicida total, a mesma que é utilizada na industria farmacéutica”.

SafetyWay pertence a Grupo Hisanta, especialista en creación de solucións de bioseguridade e protocolos, con máis de 30 anos de experiencia. Desde a súa localización na Zona Franca de Vigo está a traballar, no mercado nacional e internacional, na xestión dos riscos biolóxicos producidos polo novo coronavirus SARS-CoV-2 e a súa enfermidade, Covid-19, do mesmo xeito que xa fixeron cos brotes do SARS-CoV e o da enfermidade por virus Ébola (EVE)

Durante a presentación, as súas desarrolladores explicaron que a unidade de SafetyWay non só é segura e superou todos o test analíticos senón que ademais é unha solución inocua que non produce residuos nin ningún tipo de impacto ambiental.

EU Ponteareas solicita ao concello un cambio no balizamento da zona de baño da Freixa

Esquerda Unida de Ponteareas vén de solicitar ao Concello un cambio no sistema de balizamento da praia da freixa ao entender, como xa o fixo o pasado ano, que o sistema de ‘corcheras’ non é o máis adecuado ao provocar que se acumulen restos na zona de baño algo, sinala EU “algo que resulta como mínimo molesto para as persoas bañistas e que eventualmente podería ser contraproducente dende o punto de vista da hixiene”.

Tendo en conta esta situación, Esquerda Unida rexistrou unha solicitude no Concello para que de cara á época estival, en lugar de utilizar as ‘corcheras’ que se veñen colocando para delimitar a zona de baño na praia da Freixa, utilícese outro método, como poden ser as boias, “que permita o paso dos residuos evitando así a acumulación dos mesmos”.

A Eurocidade Tui-Valença reclama a apertura da vella Ponte Internacional “de forma inmediata”

0

A Eurocidade Tui-Valença reclama a reapertura da vella Ponte Internacional. Así o expuxeron a carón desta centenaria infraestrutura o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o presidente da Câmara de Valença, Manuel Lopes. O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, indicaba que solicitan aos gobernos de España e Portugal que “procedan á apertura da vella ponte internacional, cando menos ao tráfico local e coas medidas oportunas”.

Explicaba o mandatario tudense que “todos temos asumido dende hai moitos anos que isto non é un paso fronteirizo, é unha ponte que une unha única realidade social e económica”. Sinalaba Enrique Cabaleiro que “esa unha única realidade se está vendo seriamente ameazada polo retraso na apertura dos pasos fronteirizos” polo que reclamaba a súa reapertura de forma inmediata.

O alcalde de Tui indicaba que a comparecencia conxunta desta mañá dos dous mandatarios é “unha chamada de socorro para que axilicen as medidas de apertura das fronteiras con carácter xeral”. A situación actual “está a causar un grave prexuízo á economía en xeral e aos traballadores transfronteirizos en particular”.

Enrique Cabaleiro, ante os medios de comunicación das dúas beiras, detallou as consecuencias de ter un único paso fronteirizo aberto “está provocando disfuncións, colas, está dificultando a mobilidade de persoas e vehículos, e iso é un handicap máis para poder avanzar na recuperación económica” nos territorios transfronteirizos. Afirmaba que “estamos nunha situación moi crítica porque temos unha casuística propia e nosa viabilidade económica depende en gran medida dos clientes dun ou doutro lado da fronteira”. Apuntaba amais que a gravidade da situación queda plasmada no feito de que dos 7 pasos fronteirizos máis transitados da península 5 están na Galicia e só 1 –a nova Ponte Internacional– está aberto.

[su_image_carousel source=”media: 15802,15804,15807,15818,15809,15808,15803″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O presidente da Câmara Manuel Lopes, puxo o aceno en que Galicia e o Norte de Portugal son un único pobo, responsabilizando aos gobernos de Lisboa e Madrid das consecuencias que poderá ter nas economías deste territorio manter o único paso na nova Ponte Internacional

Manuel Lopes, presidente da Câmara afirmaba que “estamos ante un pobo tranfronteirizo cuxas economías locais dependen entre un 80 % e un 90 % da apertura da fronteira”. Dicía Manuel Lopes “non estamos solicitando aos nosos gobernantes traballo, estamos a pedir que nos deixen traballar”. Dirixíndose aos Gobernos de Portugal e España subliñou que “Portugal non é só Lisboa, e España non é so Madrid” polo que os convidaba a achegarse á raia.

Tamén plantexaba dúas preguntas sobre se os gobernos español e portugués teñen coñecemento das dificultades económicas, sociais e morais, e en especial do comercio, restauración, hostalería e industria, e se teñen un plan de apoio ás actividades económicas para ests rexión. Afirmaba “os nosos gobernantes serán responsables da perda de emprego dos traballadores transfronteirizos,

Concluía Manuel Lopes afirmando que Eurocidade non pode continuar divida “a nosa eurocidade é unha cidade única, está habituada a traballar en conxunto, a vivir en conxunto”.

No acto desta mañá os mandatarios tudenses estiveron respaldados por membros das corporacións municipais de Tui e Valença.

O Concello de Tomiño realiza unha campaña de normalización lingüística e apoio ao comercio local

0

O concello de Tomiño, tras conmemorar o Día das Letras Galegas, continúa coa súa campaña de normalización lingüística a través da posta en marcha dunha iniciativa específica dirixida ao sector comercial tomiñés, na que colaborou previamente toda a cidadanía.

“Despois da recollida, durante o mes de maio, de centos de palabras galegas escritas polos usuarios e usuarias das nosas redes sociais foron seleccionadas as vinte palabras máis votadas pola poboación a través da páxina web municipal”, explica Fátima Rodríguez, concelleira responsable da área deNormalización.

As verbas escollidas; fedello, changarella, afouteza, coliño, aperta, chouchiña, bágoa, ruliña, quérote, sentidiño, bico, riquiña, bolboreta, aloumiño, morriña, agarimo, toxo, xoaniña, amodiño e enxebre están serigrafiadas en varios modelos de tote bags, bolsas de tea 100% algodón. Hai cinco deseños diferentes que se repartirán, de balde, a partir do luns 1 de xuño nos distintos establecementos comerciais do concello.

Esta campaña está dirixida a reforzar os valores positivos que pode engadir o uso do galego na comunicación comercial e pretende tamén promover as compras no comercio local. Por iso, todas as persoas que realicen compras por un valor mínimo de 15 euros nos establecementos do municipio serán agasalladas cunha destas bolsas. Cada persoa que saia á rúa cunha destas bolsas, convertirase nun axente normalizador da lingua galega, ao tempo que apoiará ao comercio local.

Con este tipo de iniciativas o Concello de Tomiño procura sinerxias que resulten favorables para o conxunto da poboación. “Con esta campaña pretendemos impulsar o uso do galego á vez que axudamos ao sector a afrontar a situación de crise provocada pola pandemia do Covid-19, concienciando á cidadanía para que apoie aos comercios tomiñeses”, comenta a concelleira.

Gonzalo Caballero anuncia un “cambio progresista” na Xunta que priorizará “servizos públicos e emprego”

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, sinalou onte que “agora é máis necesario que nunca” dar “unha etapa progresista” a Galicia para remontar esta situación de crise derivada da covid cunha nova “folla de ruta” que defenda os servizos públicos e configure unha nova política económica para reconstruír Galicia defendendo os intereses da cidadanía.

“Para que ninguén quede atrás”, formulou, e apostou por construír “unha Galicia de progreso e benestar que defenda os intereses da cidadanía e que aposte por unha sanidade pública, universal e gratuíta e por fortalecer o estado do benestar”.

“Queremos facer esa Galicia co conxunto dos galegos, porque nos xogamos o futuro do noso país”, recalcou o líder dos socialistas galegos, quen fixo fincapé en que o 12X decidirase “o presente e o futuro no que queremos vivir”.

Nese senso, Gonzalo Caballero avogou por dotar a Galicia da capacidade de “recuperar unha nova normalidade” na que haxa “máis emprego, máis benestar e mellores servizos sociais”.

“Queremos un cambio de progreso que abra en Galicia unha nova etapa”, apostilou o máximo dirixente do PSdeG, antes de chamar aos galegos a involucrarse nesa tarefa de “reconstrución do futuro”. “Faino por Galicia. Faino por ti”, concluíu, e resumiu así a apelación que dirixirá á cidadanía antes de que comece a campaña electoral para amosar o compromiso socialista coa resposta axeitada a esta crise en Galicia.

Máis necesario que nunca

Gonzalo Caballero subliñou que a crise da covid amosou o “debilitamento” do servizos públicos cos gobernos do PP durante 11 anos, na sanidade, na educación, nos servizos sociais.

Por iso, afondou, “un cambio progresista na Xunta é máis necesario que nunca”: para poñer fin aos “recortes e privatizacións” na sanidade pública, para reverter o “dano” feito aos servizos públicos e para cambiar unha “política económica desnortada” que supuxo que con Feijóo destruíronse 70.000 empregos antes da chegada da pandemia.

O Concello de Redondela flexibiliza o pago fraccionado de taxas para facelo “máis sinxelo, áxil e eficaz”

0

O Concello de Redondela vén de aprobar a modificación da ordenanza reguladora da xestión de aprazamentos e fraccionamentos das taxas municipais, unha medida coa que o Goberno local busca “flexibilizar, axilizar e facer máis sinxelos os trámites para o fraccionamento” e, dese xeito, diminuír o impacto que a crise provocada pola COVID-19 poida ter entre a veciñanza.

Basicamente, o que se busca por parte do Goberno que preside Digna Rivas é simplificar os trámites para facelos máis rápidos e accesibles. Ao mesmo tempo, sinala a concelleira de Facenda, María Castro, “amplíase a contía existente para este fin dos 6.000 euros actuais ata os 30.000 euros”.

Ante unha situación complicada para moitas familias como a provocada por esta pandemia “as administracións e especialmente un Concello que é a máis próxima á cidadanía, ten que dar respostas rápidas para minimizar os impactos desta crise sobre a cidadanía”, salienta a responsable de Facenda. Neste caso axilízase o procedemento de xestión das solicitudes simplificando a documentación esixida e, ao mesmo tempo, flexibilizando os requisitos establecidos.

Coa modificación da ordenanza, todos aqueles veciños e veciñas que precisen fraccionar o pago de taxas o poderán facer un xeito máis rápido “sen máis trámite que presentar unha solicitude asinada no Concello”. Os únicos requisitos son que o importe a fraccionar sexa maior de 100 euros e que a mensualidade a pagar non sexa inferior a 20 euros.

Digna Rivas subliñou que a modificación desta ordenanza “beneficiará a moitos veciños e veciñas facendo que o pagamento das taxas, como por exemplo a do Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica que hoxe entraba en vigor, sexa menos gravosa para as xa maltreitas economías familiares”.

A Xunta financia a atención temperá da agrupación dos concellos de Salceda e As Neves con máis de 105.000 euros

A Xunta concedeu esta semana axudas por uns 2 millóns de euros para financiar 28 unidades de atención temperá, dez delas de nova creación. Deste xeito, a agrupación de concellos composta por As Neves e Salceda de Caselas contará cunha subvención de 105.383,70 euros para manter a contratación dunha fisioterapeuta, dúas logopedas e unha psicóloga.

Deste xeito, O Diario Oficial de Galicia (DOG) do pasado 26 de maio publicou a listaxe de concellos e agrupacións de concellos beneficiados desta liña de achegas cofinanciada polo fondo social europeo e coa que a cobertura deste servizo chega xa a 129 localidades da nosa comunidade.

Do importe total das axudas, 318.000 euros destínanse a financiar a decena de unidades de nova creación, sete en agrupacións de concellos e tres en municipios individuais. Entre as primeiras está, na provincia de Pontevedra, a da Mancomunidade do Baixo Miño e a do concello de Gondomar.

A maiores destas 28 unidades promovidas a través desta liña de axudas, a Consellería de Política Social subvenciona o funcionamento doutras tres unidades que xestiona por medio da Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT), dúas delas na provincia de Pontevedra, a das comarcas do Deza e o Salnés. Ademais, esta rede galega de atención á infancia dispón tamén de recursos nos ámbitos sanitario, educativo e dos servizos sociais.

Prevención de trastornos

As unidades de atención temperá son fundamentais para identificar e actuar sobre os trastornos que poidan sufrir no seu desenvolvemento nenas e nenos de 0 a 6 anos de idade. O Goberno galego segue a apostar por este modelo baseado na prevención, a identificación e o tratamento precoz para dar resposta ás necesidades específicas que poidan presentar estes menores.

A atención temperá facilítalles ferramentas para gañar autonomía xa desde a infancia para que gocen dunha maior calidade de vida cando sexan maiores. Así mesmo, ao actuar antes hai máis opcións de evitar que os trastornos no desenvolvemento perduren no tempo e sexa máis difícil corrixilos.

Nigrán subvencionará a entrada de 70 negocios locais na plataforma de comercio electrónico ‘DBarrio’

0

O Concello de Nigrán ampliará de 50 a 70 a cantidade de negocios locais aos que custeará a licencia para poder formar parte da plataforma de comercio electrónico ‘Dbarrio’ co obxectivo de que se adhiran a esta app que ofrece envío a domicilio e, con elo, fortalecer ao pequeno comercio. Deste xeito, o Concello de Nigrán inviste finalmente 4.000 € nas licencias dando cabida a todos os establecementos que se anotaron, ademáis, tamén subvencionará a 2 transportistas para que ao consumidor final de Nigrán non se lle engadan gastos de envío ás compras realizadas no Val Miñor, ofrecendo así unha vantaxe competitiva sobre outras plataformas e incentivando con elo a compra de proximidade (Dbarrio está integrado por transportistas autónomos que ofrecen o seu servizo).

“A iniciativa que asumimos a petición da Asociación de Empresarios Ovalmi superou todas as expectativas ao apuntarse todo tipo de negocios que, en breve, ofrecerán os seus produtos ou servizos a domicilio”, explica o alcalde, Juan González, quen optou por “non deixar a ningún fora” e ampliar 20 máis dos que inicialmente se comprometera o Concello. Entre eles hai todo tipo de establecementos hostaleiros, tendas de moda, centros de estética, tintorerías, librerías, tendas de aparellos electrónicos, mobles… “Haberá unha gran variedade, o que fará moi potente e moi atractiva a presenza de Dbarrio en Nigrán”, engade.

Así, os 50 primeiros inscritos xa recibiron o luns unha carta onde se lles explica o procedemento para abrir o seu microsite dentro da plataforma de venta e onte se lles enviou a mesma documentación aos 20 restantes. Paralelamente, nas vindeiras semanas o Concello ofrecerá aos 70 inscritos un curso gratuíto sobre comercio electrónico co fin de que saiban rendabilizar ao máximo a súa presencia en Dbarrio.

“O Covid-19 é certo que acelerou esta iniciativa e que subliñou a importancia de poder comprar a domicilio, pero o que buscamos é afianzar este comercio electrónico de carácter local e que permaneza como o xeito máis sostible e responsable de consumir empregando as novas tecnoloxías. Subvencionando o transporte, ademais, facemos que realmente sexa moi interesante para o cliente de Nigrán comprar no Val Miñor porque, a diferencia doutras plataformas, non lle suporá ningún custe extra o envío a domicilio das súas compras. Ademais, tratándose de comercio local, manéxanse tempos de envío que ningunha outra plataforma de caráter internacional pode superar, en menos dunha hora incluso o podes ter na casa”, incide o alcalde.

“En definitiva, trátase de adaptar ao pequeno comercio de Nigrán á realidade do comercio electrónico ofrecendo vantaxes tanto aos establecementos como aos clientes co obxectivo de promover as compras de proximidade tamén vía online como unha garantía máis de supervivencia”, resume.

Redondela lanza unha nova batería de axudas para Pemes, traballadoras e traballadores autónomos e pequenas empresas

0

O Concello de Redondela vén de anunciar o lanzamento dunha nova convocatoria de axudas, –a segunda dende que comezou a crise do coronavirus– dotada con 110.000 € e dirixida ao mantemento dos sectores económicos máis prexudicados como consecuencia da COVID-19. Á convocatoria, que será publicada no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, poderán presentarse os traballadores/as autónomos/as, microempresas de Redondela que tivesen que permanecer pechadas ao público como consecuencia das medidas derivadas da declaración do estado de alarma.

Con esta iniciativa téntase, por unha banda, paliar a incidencia que tivo a declaración do estado de alarma, minimizando o seu impacto económico e, por outra, “preservar o tecido empresarial, que se viu obrigado ao peche dos seus establecementos, ao tratarse de actividades non esenciais”, explica a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.

As medidas que se adopten agora “serán as que marquen que a nosa economía se reactive coa maior celeridade posible”, engade Rivas, xa que actúan directamente “sobre as persoas físicas e xurídicas máis afectadas e tratando de evitar, na medida do posible, situacións de risco ou exclusión social derivadas do peche da actividade comercial e empresarial”.

Trátase, en suma, de impulsar a actividade económica redondelá permitindo ás empresas ter liquidez e contribuíndo, polo tanto ao mantemento da actividade e o emprego e amortecer, así mesmo, a redución drástica de ingresos.

As catro liñas de axudas que se poñerán en marcha serán as seguintes:

  • Gastos de alugueiro do local comercial efectivamente realizados desde a declaración do estado de alarma ata un máximo de catro meses.
  • Gastos asociados á transición cara ao comercio online ou a optimización do existente.
  • Gastos derivados co cumprimento das especificacións de servizo, limpeza, desinfección, mantemento e xestión do risco derivadas das medidas para a redución do contaxio polo coronavirus SARS- COV-2.
  • Axudas para financiar investimentos para acondicionamento de locais comerciais polos efectos da COVID-19 e para lograr espazos máis seguros.

A maiores desta segunda liña de axudas e dende os primeiros días do comezo do estado de alarma, o Goberno redondelán puxo en marcha unha serie de medidas destinadas a minimizar o impacto desta grave situación tanto na cidadanía en xeral coma no sector produtivo.

Asi, procedeuse ao aprazamento, exención e bonificación de determinados taxas e impostos; a axilización do pago a provedores, pagándose xa con carácter urxente máis de 2.000.000 euros; o peche de determinadas rúas durante a fin de semana para favorecer a actividade hostaleira e comercial; actuacións de carácter sanitario e hixiénico que supuxeron xa un investimento de máis de 200.000 €, dirixidas tanto á veciñanza coma ao sector produtivo do municipio, poñendo á súa disposición máscaras, pantallas protectoras individuais, luvas, hidroxeles, etc., ademais da correspondente cartelería informativa para o seu correcto uso.

Paralelamente, repartíronse xa máis de 50.000 máscaras de protección entre toda a veciñanza e establecementos comerciais e púñase en marcha a campaña de concienciación de seguridade sanitaria ‘Faino por Todxs’, e activábase un plan específico de desinfección diaria de rúas, edificios e infraestruturas públicas co obxectivo “de converter a Redondela nunha cidade e destino seguro, desde o punto de vista sanitario”.

A Deputación remata os traballos de mellora da mobilidade peonil na EP-3302 no Rosal

0

A Deputación de Pontevedra vén de rematar no concello do Rosal os traballos de mellora da mobilidade peonil na EP-3302 Tabagón-O Rosal-Portocelo entre os puntos quilométricos 1+365 e o 1+940. Así, con esta obra, que contou cun orzamento de 178.743,39 euros, o ente provincial reafirma o seu compromiso de mellora do conxunto da rede de estradas provinciais dentro do seu obxectivo de garantir a accesibilidade e a seguridade viaria.

En concreto, a través desta actuación executouse unha senda peonil en formigón coloreado que conta cun trazado paralelo á vía pola súa marxe esquerda. Este camiño, que discorre dende o núcleo de Valdemiñotos en dirección sur-este ata o punto anterior ao paso elevado que dá acceso ao núcleo de San Miguel de Tabagón, cruza superiormente a GC-4.2. Deste modo, establécese un itinerario peonil segregado do tráfico rodado, aportando alternativas de mobilidade máis seguras para a veciñanza do municipio.

Ademais, entre as accións que se realizaron na EP-3302 atópanse unha mellora da drenaxe lonxitudinal mediante cunetas de formigón e zona entubada, cuxa finalidade é recoller as augas procedentes do exterior da vía, e a instalación previa dun futuro alumeado público feita con dobre tubaxe enterrada de PVC corrugado.

Gonzalo Caballero destaca as medidas sociais dos concellos fronte a unha Xunta “que non fixo os deberes”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero puxo onte en valor, durante unha visita a Santiago, o traballo dos concellos na loita contra a crise sanitaria, económica e social causada polo coronavirus. Dende alí, chamou a facer “un gran pacto de país pola reconstrución de Galicia” cunha “nova política económica e social”.

“Os concellos estiveron dando resposta ás necesidades da cidadanía, mentres a Xunta estivo ausente”, remarcou Gonzalo Caballero, consciente de que os gobernos locais tomaron medidas para protexer á cidadanía máis vulnerable e para cubrir as necesidades de conciliación.

O líder dos socialistas galegos reclamou que a Xunta dote aos concellos dun fondo extraordinario de 300 millóns de euros, para que conten con orzamentos suficientes para “atender as necesidades da veciñanza”.

De feito, Gonzalo Caballero anunciou a presentación de mocións nos concellos nese sentido, porque as administracións locais “asumiron moitas funcións que non lle son propias” durante a crise e “deben ter o financiamento axeitado” para seguir poñéndoas en práctica sen que supoña unha merma nos seus fondos.

“Queremos acompañar aos concellos e facer un gran pacto pola reconstrución de Galicia”, remarcou o máximo dirixente do PSdeG, para quen ese acordo para “unha nova política económica e social” debe incluír a todas as forzas políticas, aos sindicatos e á patronal e tamén aos concellos e deputacións. De facelo así, explicou, habería capacidade para mobilizar uns 2.500 millóns de euros.

Por riba de intereses partidarios

De feito, Gonzalo Caballero lamentou que Feijóo, que pretende amosarse como “un moderado” a pesares de que é “PP en vena”, rexeite ese acordo para non ter que sentar cunha maioría socialista de alcaldes. “Quere a vella Galicia de reparto de favores e prebendas”, criticou.

“Pedimos que se poña a reconstrución por riba dos intereses partidarios do PP”, remarcou o responsable socialista, ao tempo que instou a Feijóo a deixar “a confrontación co goberno de España”.

En paralelo, tras poñer en valor a aprobación do ingreso mínimo vital por parte do goberno progresista, Gonzalo Caballero lamentou que a Xunta “non ten os deberes feitos”, como amosan “os enormes problemas” nas residencias de maiores e a ausencia de protocolos para abrir con garantías escolas infantís e centros de día.

Alcoa

Ademais, o secretario xeral do PSdeG aludiu á situación de Alcoa para pedir ao goberno de España que “non descarte ningunha medida que sexa legal e economicamente viable” para manter o emprego e para deixar claro a Feijóo que non pode permanecer como “un mero espectador”.

“Ten que poñer o interese dos galegos por riba de todo”, defendeu, despois de recordar que a Xunta foi “un obstáculo” á hora de buscar solucións para Alcoa Coruña. “Agora ten que traballar na solución”, incidiu.

Gonzalo Caballero censurou tamén o “desarraigo” da empresa tras recibir abondosas axudas públicas. “O goberno de España dedicou 38 millóns de euros en dous anos a Alcoa San Cibrao”, remarcou, o que supón uns 35.000 euros por empregado. “A multinacional ten que cumprir”, apostilou.

Pola súa banda, o líder do PSdeG subliñou que “o noso compromiso” está cos traballadores da factoría da Mariña lucense “por riba de calquera posición partidista ou partidaria”. Por iso, comprometeuse na busca de mecanismos para garantir o emprego.

Saúdos, Comunicación PSdeG-PSOE.

A Deputación lanza a primeira aceleradora para o comercio cara a súa adaptación tecnolóxica como freo á crise da COVID-19

Impulsar a reactivación do tecido comercial da provincia trala crise sanitaria causada pola Covid19 é o obxectivo da nova aceleradora destinada ao comercio que a Deputación de Pontevedra pon en marcha desde este próximo luns mediante a transformación dixital de pequenas e medianas empresas a través do seu programa de fomento da innovación tecnolóxica empresarial SmartPeme. A institución que preside Carmela Silva vén de seleccionar 10 proxectos dos máis de 20 que se presentaron e que destacan por responder a ideas de negocio novidosas e polo intento de explorar novos nichos e oportunidades.

Trátase de 10 empresas de comercio minorista que foron seleccionadas por ser negocios cun enfoque innovador e que buscan adaptarse rapidamente á “nova normalidade”, utilizando ao máximo os recursos e posibilidades do e-commerce. O perfil das persoas emprendedoras seleccionadas é maioritariamente feminino, pois entre os responsables destas empresas hai 6 mulleres e 4 homes. Entre elas hai dende negocios que comezan, a outros que se reorientan aproveitando as súas potencialidades e singularidades e se reparten por distintas localidades da provincia.

Agora teñen por diante un intenso traballo de titorías e obradoiros nos que se lles guiará no uso de tendas online, pasarelas de pago e venda de produtos con recursos tecnolóxicos. Ata o próximo 30 de setembro recibirán “mentorización”, sesións de titoría con expertos/as en tecnoloxía, competitividade empresarial e imaxe dixital, ademais de actividades de capacitación con obradoiros específicos. Por exemplo recibirán formación sobre axudas e subvencións para o comercio polo miúdo, montaxe de tendas en liña e venda de produtos nas plataformas de Facebook e Instagram. As actividades formativas adaptaranse á situación actual derivada da pandemia de Covid19 e terán formato telemático e/ou presencial en función da evolución das distintas fases da desescalada.

Os proxectos seleccionados

Tipi Fiestas Galicia é unha nova empresa de eventos, radicada en Nigrán, que vai facer dos tipis indios e da decoración temática o seu sinal de identidade. Con esta óptica pretende organizar vodas, bautizos e outras cerimonias. Coa axuda de SmartPeme transformará a súa páxina web do formato catálogo á tenda online, de xeito que os clientes poidan contratar directamente o servizo. Ademais axudaráselles a crecer nas redes sociais.

Foodies and travellers tenta apoiarse, dende a súa sede en Mos, no turismo gastronómico para promocionar a empresas de alimentación e de bebidas españolas, tanto no mercado español como no estranxeiro. A súa estratexia pasa tamén por agrupar tenda e motor de reserva nun só sitio web. Neste caso estase a crear a plataforma e, ademais, proporcionando asesoramento e formación especializada.

Blaurtopías é un proxecto vigués de venda online de obxectos de artesanía como ilustracións, cerámica e serigrafía. Coa axuda de SmartPeme está a mellorar a súa web, integrando directamente a venda. O seguinte paso está a ser dar unha maior visibilidade a todo o proceso de creación para que os potenciais clientes valoren o traballo que hai tras cada peza. Finalmente, estase a dar visibilidade á marca xestionando redes sociais.

Karina Kova é unha clínica médico estética creada en 2016 en Pontevedra e que agora busca reorientarse abandonando o apartado médico e centrándose no estético, con especialización en tratamentos faciais e corporais. A aceleradora prestaralle axuda para mellora-lo seu posicionamento local e na creaciónd unha tenda online.

Broderie é un proxecto artesanal nacido en Ponteareas e centrado no deseño e creación de produtos destinados aos máis cativos e feitos a man: fadas, bonecas, guirnaldas, camisetas… Estase a traballar coa súa responsable para mellorar a súa web a través da automatización de procesos, posicionamento en Google e lanzamento dunha nova línea de produto a través de Google Ads.

Tolf, que é unha tenda de roupa feminina de Pontevedra con marcas exclusivas e deseños especiais nacida en outubro, busca relanzarse despois desta crise sanitaria e o peche polo estado de alarma. Agora trabállase coa súa responsable na creación dunha web, unha tenda online e apoio para a xestión das redes sociais.

Infusiónate é un negocio lalinense que apostou pola venda de tes e infusións a granel. A aceleradora de SmartPeme está axudándolle a crear unha web, a posicionarse en Google, xestionar márketing dixital e lanzar unha nova liña de produto.

Comercial Limeres e o exemplo máis claro dun negocio tradicional que se reorienta. Dedícase á venda de lámpadas decorativas nunha tenda familiar creada en Pontevedra en 1976. Dispón de clientela fidelizada e non é raro que reciba a xente que busca modelos concretos que viron en redes sociais. Ten a gran vantaxe de dispor dunha ampla gama de produtos. Dende SmartPeme consideran que este sector está pouco explotado no comercio online, polo que hai oportunidades de e-commerce. Detectouse, ademais, que coa súa ficha de Google My Business e Facebook gañou clientela, aínda que boa parte dela non reside na súa área. Finalmente, vaise poñer en marcha un blog.

SS3 Professional dedícase dende Mos á comercialización de deterxentes biodegradables e ecolóxicos. Coa crise da Covid19 creou novas liñas de produtos como desinfectantes, xeles hidroalcólicos e máscaras. SmartPeme está axudándoos a dalo paso a e-mail marketing e está axudándolles na automatización e mellora da súa web, así como na xestión das redes sociais.

Tamerlán é unha empresa de Vigo dedicada á limpeza e restauración de alfombras a través de procesos tecnolóxicos innovadores. Traballa, fundamentalmente, para tintorerías, pero buscan chegar tamén ao cliente final. Con SmartPeme avanzarán no marketing dixital e a publicidade online, deseño e creación de e-mail marketing para fidelizar potenciais clientes e, finalmente, a mellora da súa web.

O comercio ao por menor representa ao redor dun 13 % das empresas da provincia. Ademais, tamén é o máis relevante dentro do proxecto SmartPeme, pois entre as 2.700 empresas asociadas a este programa provincial, un total de 580 están nesta categoría. SmartPeme naceu en 2016 da man da nova Deputación e dende entón despregou unha intensa actividade dirixida ao desenvolvemento das pemes, autónomos/as, profesionais, emprendedores/as e mesmo asociacións empresariais. Dende 2018 A Deputación dispón tamén dunha Aceleradora de proxectos turísticos que se dedica á formación cara a mellora competitiva a través das tecnoloxías da información e as novas tecnoloxías. A rede SmartPeme conta con sete puntos de información e formación situados en Pontevedra, Vigo, Lalín, Barro, O Porriño, Cambados e Ponteareas.

O Concello de Ponteareas abre as pistas de tenis muncipais desinfectándoas para cada uso

A concelleira de Deportes do Concello de Ponteareas, Nahir Covelo, acompañada polo concelleiro de Mocidade, Miguel Bouzó, supervisou as tarefas de desinfección e limpeza realizadas nas pistas de tenis municipais co obxectivo de abrilas ao público nas mellores condicións sanitarias e de hixiene.

Covelo adiantou que as pistas municipais de tenis, ubicadas na Freixa, “abrirán cada martes e xoves previa cita”. As e os interesados poderán reservar pista a través da páxina web do Concello na pestaña “reserva pistas de tenis” cun mínimo de 24 horas de antelación ou premendo directamente na seguinte ligazón https://ponteareas.gal/reservapistas/

As pistas poderán usarse cada martes e xoves en horario de mañá e tarde e seguindo sempre as recomendacións sanitarias e de hixiene. Un operario do Concello desinfectará as pistas despois de cada uso.

Pola mañá estarán abertas nas seguintes quendas: de 09:00 a 10:30, de 11:00 a 12:30 e de 13:00 a 14:30 horas. Pola tarde establécense tamén tres quendas: de 16:00 a 17:30, de 18:00 a 19:30 e de 20:00 a 21:30 horas.

Nahir Covelo solicita a colaboración da cidadanía no cumprimento estricto das normas “para que todos e todas poidamos gozar desta modalidade deportiva e adianta que para o acceso ás pistas é imprescindible autorización por parte do Concello e non poderán ser empregadas para outro fin”.

“As e os usuarios deberán prestar especial atención ás normas que se ofrecen nos paneis colocados nas pistas e que se acompañan coa recepción da autorización e non poderán empregar as instalacóns as persoas con síntomas compatibles coa COVID-19 ou que se atopen en illamento ou corentena”.

Por último, a concelleira adianta que xa se está traballando para que nas vindeiras semanas se poida proceder á apertura doutras instalacións deportivas municipais, establecendo protocolos que garantan o cumprimento todas as medidas de seguridade.

Carlos Gómez esixe á Xunta un reforzo de costas de sanidade “acorde á importancia e potencialidade turística do Val Miñor”

0

O presidente da Mancomunidade de Municipios do Val Miñor e alcalde de Baiona, Carlos Gomez, esixiu hoxe á administración sanitaria da Xunta de Galicia que o coñecido como reforzo de costas de sanidade “contemple os efectivos necesarios para dar cobertura á veciñanza dunha zona que, durante a época estival, triplica a súa poboación” e que este ano mantén as súas previsións “malia que centradas fundamentalmente no turismo interior e de proximidade”, sinalou Gómez.

Eses datos contrastan coas previsións do Sergas de destinar, para os tres municipios da mancomunidade –Baiona, Nigrán e Gondomar– “1 médico/a e un/a auxiliar de enfermería” dato que foi cualificado polo rexedor baionés como “unha broma” que deixaría desprotexida, sanitariamente, á poboación dos tres concellos.

Carlos Gómez esixe que, cando menos, o Val Miñor conte durante a época estival “con 2 ou 3 equipos de reforzo” que permitan dar unha cobertura digna aos visitantes “pero sobre todo aos nosos veciños e veciñas”.

Ao mesmo tempo, dito reforzo contribuiría a “dar un respiro máis que merecido a un persoal sanitario que, nestes últimos meses, amosou unha capacidade de traballo e sacrificio moi por enriba do esixible e que agora precisan dun mínimo descanso”, engade Gómez.

O presidente da Mancomunidade de Municipios do Val Miñor esixiu da Xunta de Galicia “que asuma dunha vez por todas as súas competencias” e que “a mesma presa que ten para convocar unhas eleccións –afirma con rotundidade Carlos Gómez– a teña para asumir as súas responsabilidades”.

Gómez subliñou que durante a crise sanitaria “que aínda se vive e que non rematou” os concellos tiveron que dar solucións á súa veciñanza en materia de comercio, transportes, seguridade sanitaria ou mesmo ensino, “asuntos que competen á Xunta de Galicia que estivo totalmente desaparecida cando máis se precisou dela”.

“Agora é o momento de, cando menos, amosar certo agradecemento ao sacrificio que fixeron os concellos poñendo ao servizo da súa veciñanza, todos os seus recursos”. En lugar diso, conclúe o presidente da Mancomunidade de Municipios do Val Miñor, “vólvesenos a deixar cunha cobertura sanitaria de reforzo que, nunha situación normal xa sería ridícula, e que o é aínda máis cunha pandemia que aínda non rematou, por moito que a Xunta pense, tal e como o demostran as presas pola convocatoria de eleccións”.

Ponteareas aposta pola ampliación dos espazos peonís

O Concello de Ponteareas continua habilitando novos espazos para os peóns na vila. Tras crear máis dun quilómetro de itinerarios peonís durante o mes de maio, a Concellaría de Mobilidade e Tráfico que dirixe Roberto Mera adoptou novas medidas dirixidas a recuperar espazos para as persoas. Por unha banda peonalizouse completamente a rúa Paseo Matutino no seu primeiro tramo entre Avenida de Galicia e a rúa Castañal.

Trátase dunha rúa humanizada hai aproximadamente ano e medio onde existe un considerábel número de locais de hostelaría. Con esta medida amplíase a superficie dispoñíbel para os peóns e facilítase a instalación de terrazas respectando as distancias de seguridade.

“Queremos que a xente camiñe con comodidade e seguridade e ao mesmo tempo apoiar aos pequenos negocios que están sofrendo gravemente as consecuencias desta crise sanitaria”, sinalou Mera. Para acceder en vehículo desde a Avenida de Galicia ao resto do Paseo Matutino habilitouse un novo itinerario paralelo a través da rúa Domínguez Benavides, onde agora se permite o xiro á dereita para continuar por Paseo Matutino.

Por outra banda, a Concellaría de Mobilidade e Tráfico ampliou a rúa peonil Rogelio Groba incluindo a zona situada diante do Concello. “Coa actuación realizada este espazo, moi transitado, recuperouse para a xente, mellorando ademais o aspecto do entorno do Concello, moi degradado pola ocupación masiva con vehículos ao longo do día”, explica Mera.

Agora, a esta zona poderán acceder só vehículos municipais exclusivamente para cargas e descargas, en ningún caso para estacionar de maneira permanente. Ademais, reforzouse o control policial nesta rúa á que só poden acceder taxis, residentes e transportistas para carga e descarga. “Comprobamos que sistematicamente algunhas persoas, por comodidade,

invaden co seu vehículo a zona peonil para actividades como acudir a un banco ou a un caixeiro. A Policía Local actuará con rigor para garantir os dereitos dos peóns a camiñar con seguridade e desfrutar do espazo público”, advertíu Mera quen lembrou que “existen amplos aparcamentos a moi poucos minutos da Casa do Concello”. A concellaría ten ultimada unha nova regulación para a rúa Rogelio Groba, que conlevará a entrega de autorizacións a residentes e comerciantes para acceder en certos supostos e con límites de tempo.

Mera anunciou que a concellaría traballa xa nun amplo número de novas medidas que conlevarán a creación de novos espazos para a xente e unha mellor regulación do tráfico rodado.

C

CB Nigrán volve “coas pilas cargadas” e a mirada posta na tempada 2020/2021

0

A dirección deportiva do Club Baloncesto Nigrán, logo da obrigada paréntese marcada pola crise da COVID 19, volve ao traballo coas vistas postas no futuro ou, o que é mesmo, na preparación da tempada 2020/2021.

Quedan atrás meses de incertidume e queda por diante moito traballo por facer –configuración dos equipos en diferentes categorías, fichaxe de adestradoras e adestradores, captación de nova masa social, colaboradores…– e, sobre todo a xestión dun protocolo hixiénico/sanitario “que deberá estar activo no momento no que se inicien os adestramentos de pretemporada graduados de cada un dos equipos”, explica a directiva do club de Nigrán.

En principio, todo apunta a que o día 1 de setembro poida comezar a pretempada. Evidentemente, esa data posta pola Federación Galega de Baloncesto baseada en criterios médicos/sanitarios, pode variar. Esa é a nova realidade e coa que, dun xeito ou outro, temos que aprender a convivir. O certo é que o Club terá que implantar as novas medidas de desinfección de material e de exhaustivo control dos xogadores e xogadoras, tanto na chegada ás instalacións do adestramento como á saída do mesmo.

Pero, adoptadas esas medidas, chega o Baloncesto, con maiúsculas e, dende a categoría Sénior masculina ata a baby, pasando polos junior, cadetes, infantís, mini e premini, todos e todas iranse incorporando á actividade deportiva en diferentes quendas e en función do comezo das súas propias competicións ligueiras.

Máis tarde farano as Escolas de baloncesto que o club ten nos diferentes colexios de Nigrán, ademais de en Coruxo e Gondomar, que serán os últimos en incorporarse e que forman a base sólida da pirámide de crecemento do Nigrán.

Adestradores e adestradoras, a columna vertebral

Non hai mellor definición para o traballo dun adestrador ou adestradora que esa: a columna vertebral. Eles e elas son as que imprimen carácter a un equipo no deportivo, e incúlcanlle valores no plano extradeportivo. Dicía Phil Jackson no seu libro ‘Once anillos’ –unha lectura non só recomendada senón case que obrigatoria para as e os amantes do baloncesto– que o labor dun adestrador ou adestradora “é que os xogadores e xogadoras pensen por si mesmo a fin de que sexan capaces de tomar decisións difíciles no fragor da batalla”. En resumo, que aprendan a tomar decións, a asumir responsabilidades nun aprendizaxe que, posteriormente, trascenderá do deportivo e aplicarán na súa vida como persoas.

Os éxitos do C.B. Nigrán veñen dados, fundamentalmente, por ter sido capaz de construír un corpo de adestradores e adestradoras “empapados” na filosofía do Club e que, como a propia directiva recoñece “son un gran activo para dar continuidade ao traballo programado desde a dirección deportiva, tanto a nivel técnico, táctico, físico como psicolóxico”.

Dentro da programación tamén perfílanse os primeiros trazos do xa habitual Torneo de Nadal ‘Encesta un Alimento’ que vai xa pola súa VII edición e que forma parte do calendario das vacacións do Nadal. Toda unha mostra de solidariedade e de capacidade de axuda aos que máis o precisan.

“Será –di a dirección do C.B. Nigrán– unha tempada chea de novos e ilusionantes proxectos a pesar do modo tan inesperado en que acabou a tempada anterior e os novos retos que se presentan no inicio desta na nova realidade social e económica despois do COVID 19”.

Certo é que nin a COVID-19 nin a estraña situación de convivir cunha pandemia, “poden coas ganas e a ilusión con que Club inicia cada unha das súas tempadas, característica e aceno de identidade desta entidade deportiva”.

Salceda crea 100 novas prazas de aparcamento gratuíto na contorna do novo centro de saúde

O Concello de Salceda de Caselas ven de rematar a adecuación de dúas novas zonas de aparcamento no entorno do novo centro de saúde, na Rúa Mártires de Sobredo. Os novos espazos, que suman en torno a 2.200 metros cadrados e supoñen a creación de 100 novas prazas de aparcamento gratuíto en pleno casco urbano, estarán dispoñibles para ser usados nas vindeiras semanas, unha vez se proceda ao pintado da zona. Neste caso trátase de dous terreos municipais, que agora se poñen a disposición da veciñanza.

A alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, salientou que, cono estas, o Goberno local “leva creadas case que 1.000 prazas de aparcamento gratuíto no centro da vila, o que se fai máis importante que nunca nun momento como o que estamos a vivir, no que é fundamental a recuperación de espazo para as persoas”.

Con esta iniciativa, sinala a alcaldesa, o Concello adiántase “á esperada apertura do novo centro de saúde”, habilitando espazos para estacionamento. “Salceda –asegura Loli Castiñeira– está preparada para esa gran data”.

Con este son xa 16 os aparcamentos esparcidos por todo o núcleo urbán en zonas comerciais e administrativas. Estas áreas resultan fundamentais para a axilización do tráfico e para seguir a conseguir unha maior calidade de vida na vila, seguindo o previsto no Plan de mobilidade sustentable de Salceda, na procura de permitir o estacionamento práctico, cómodo e gratuíto para os novos espazos da vila.

Neste caso son dous espazos que “resultarán fundamentais en pouco tempo coa apertura do novo centro de saúde, prevista para este verán”, lembra o Concello de Salceda que adianta que a actuación a desenvolver “inclúe tamén a creación de prazas reservadas para o persoal sanitario, ambulancia e persoas con discapacidade”.

As pistas de tenis de Redondela xa están operativas con todas as medidas de seguridade e aforo restrinxido ao 30 %

0

A paulatina volta á normalidade marcada pola entrada da Fase 2 da ‘desescalada’ permite o uso de determinadas instalacións deportivas, como é o caso das pistas de tenis e pádel do Concello de Redondela que, en todo caso, o farán con aforo restrinxido ao 30 % segundo indica expresamente o ‘Plan para a Transición cara á Nova Normalidade’.

Así, a pasada semana abrían ao público dúas das tres pistas de tenis, a 1 e a 3, de xeito que quede entre elas outra pista sen utilizar e que permita manter unha apropiada distancia de seguridade entre as dúas que están en funcionamento.

A maiores dos paneis informativos nos que se explican polo miúdo as condicións de uso das pistas, usuarios e usuarias dispoñen de xel hidroalcohólico para a desinfección das mans e felpudos desinfectantes á entrada das pistas.

A entrada das pistas colocáronse felpudos desinfectantes que son revisados constantemente

A nova realidade que marca a alerta sanitaria, elimina imaxes que eran habituais antes da COVID-19, como xogadores e xogadoras esperando a pé de pista para poder entrar na cancha. O Concelleiro de Deportes, Nacho González, explica que de cara a unha maior seguridade sanitaria “a entrada e saída de pista terán unha diferencia de 15 minutos, tempo que utiliza o persoal das instalacións para proceder á limpeza e desinfección da zona de xogo”.

No que á práctica do pádel fai referencia, as pistas abrirán ao público o xoves 28 de maio. Neste caso, aínda que estarán operativas as catro pistas, funcionarán de xeito alterno –a 1 e 3 e a 2 e 4– permitindo, por unha banda, o distanciamento entre pista e pista ao ter unha baleira de por medio e, doutra banda, que mentres dúas pistas son utilizadas, as outras dúas sexan limpadas e desinfectadas.

A alcaldesa Digna Rivas, quixo agradecer o esforzo realizado pola Concellería de Deportes, que xestiona Nacho González, “e por todo o persoal que atende as instalacións deportivas que están a desenvolver un magnífico traballo para que, usuarias e usuarios poidan practicar deporte con todas as garantías”.

Tanto a alcaldesa como o concelleiro de Deportes amosaron a súa confianza en que “as medidas que está adoptando o Concello para unha utilización segura das instalacións deportivas, terá a súa resposta na responsabilidade de todas as persoas que utilizan ditas instalacións”.

Unha vez rematado o uso dunha pista, os seguintes usuarios ou usuarias non poderán entrar ata pasados 15 minutos, tempo que utiliza o persoal das instalacións para realizar labores de limpeza e desinfección

As medidas de seguridade sanitaria das dependencias municipais do Concello de Redondela, veñen de ser incrementadas coa colocación, nesta semana, de felpudos desinfectantes situados nos lugares de paso obrigado de acceso público.

A primeira remesa encargada polo Goberno local de cara a analizar a súa operatividade, engádese agora a encargada á empresa local Viguesa de Alfombras, con sede en Cedeira, nunha clara aposta “polas empresas do noso municipio”, apunta o Goberno local.

Os felpudos, dotados de un elemento desinfectante, contribúen a eliminación dos elementos patóxenos que o calzado puidera traer da rúa e axudando a un reforzamento das medidas de protección que o Goberno local adoptou no interior das dependencias municipais.

Cómpre salientar que, coa entrada nas novas fases da desescalada e o reinicio da actividade presencial nos distintos departamentos do Concello, o Goberno local puxo en marcha unha batería de medidas encamiñadas á protección, tanto de usuarios e usuarias coma do propio persoal municipal.

Así, procedeuse á sinalización e delimitación de zonas de paso e de espera, distancias de seguridade, direccións de acceso e instalación de elementos de protección adicionais para aqueles servizos que presten atención cara o público e instaláronse, por toda a Casa do Concello, dispensadores de xel hidroalcohólico para as mans.

A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, chamou a atención sobre a importancia de “extremar as medidas de seguridade” que xunto coas campañas de información e concienciación da cidadanía, como ‘Faino por Todxs’ “son o medio máis eficaz para contrarrestar os efectos do coronavirus e garantir a paulatina volta á normalidade”.

O vindeiro martes retoman a súa actividade os castelos de Soutomaior, O Sobroso e o centro Castro Deza

Os castelos de Soutomaior e O Sobroso e o centro Castro Deza reabrirán as súas portas, ao igual que o fará o Museo de Pontevedra, o martes 2 de xuño. “Farano con todas as garantías e medidas de seguridade, con plans de continxencia específicos, creados para cada un destes recintos, e serán protocolos vivos, para adecuarse ás novas normas que se vaian aprobando”, asegurou Carmela Silva. O obxectivo, tal e como destacou a presidenta, “é converter a todos os nosos equipamentos culturais en espazos seguros”.

En liñas xerais os plans contemplan medidas hixiénicas; recomendacións para persoas visitantes; medidas de prevención; protocolos de actuación concretos para a atención ás persoas visitantes, para reservas e vendas, para servizos turísticos, cesión de espazos, control de accesos e limpeza; e pautas de actuación para as empresas subministradoras, que deberán presentar un plan de medidas hixiénico –sanitarias.

Tanto nos castelos de Soutomaior e Sobroso como no centro Castro Deza reforzarase a limpeza, ventilación e desinfección; o persoal contará con equipos de protección; haberá controis de temperatura e habilitaranse zonas de espera específicas e medidas de distanciamento social, con marcadores de distancia de seguridade no chan. Será obrigatorio o emprego de mascarilla en todos os recintos, tanto para o persoal como para as persoas visitantes e, no caso de Soutomaior, ao tratarse dun museo interactivo, serán tamén de obrigado uso as luvas. Amais, habilitaranse zonas de atención ao público e venda de entradas (aínda que se recomendará a compra online e o pago con tarxeta) e percorridos e itinerarios establecidos para garantir a seguridade das persoas que os visiten, sempre respectando as capacidades previstas segundo as fases establecidas no Plan para a Transición cara a Nova Normalidade.

Tui baliza as praias de Areeiros e O Penedo e coloca paneis con informativos coas medidas preventivas da COVID-19

0

O Concello de Tui vén de ser o primeiro concello en balizar a súas praias neste verán. Está xa colocado o balizamento da praia de Areeiros en Guillarei e mañá acometerase o do Penedo en Caldelas, sinalizando deste xeito a zona de baño.

No acceso ás praias colocáronse carteis informativos coas medidas preventivas da COVID19. Así recoméndase acceder calzado á praia, e no caso de Guillarei tamén ao pantalán. Xa no areeiro deberá gardarse a distancia social que será de 2 metros entre persoas e de 4 metros entre parasois. Amais os grupos non poderán superar as quince persoas. Está permitido o baño e a práctica deportiva a nivel individual.

Estes dous areeiros fluviais contan tamén coa sinalización de praias libres de fume, polo que non se pode fumar nas mesmas. Igualmente nos accesos pódese consultar as analíticas sobre a calidade da auga.

Dentro das medidas preventivas da COVID19 os contedores do lixo estarán situados nos acceso e non no interior da praia coma establece a normativa. Dende o Concello amais optouse por non colocar aseos, coma en temporadas anteriores, ante a imposibilidade de cumprir as normas sanitarias de limpeza e desinfección vixentes neste momento.

Dende o Concello de Tui faise un chamamento á poboación a acudir con responsabilidade á praia respectando todas as indicación establecidas de distanciamento e hixiene ante a situación actual da pandemia pola COVID19.

Con esta actuación aposta pola seguridade e as garantías sanitarias nas dúas praias fluviais tudenses.

A Omix da Guarda oferta novos cursos en formato de teleformación

0

A Oficina Municipal de Información Xuvenil, OMIX, do Concello da Guarda vén de anunciar a posta en marcha de dúas propostas formativas adaptadas a esta nova realidade que estamos vivindo marcada pola pandemia da COVID-19. Esta nova realidade marca estas actividades tanto na temática coma no formato, tratando de facilitar ao máximo o acceso a mesma. Así os dous cursos serán impartidos por teleformación, así dende calquera lugar cun ordenador e conexión a internet, os interesados e interesadas poderán participar neles.

Ferramentas dixitais de teletraballo, Ferramentas Google suite

O principal obxectivo do curso será proporcionar ferramentas para manexar e coñecer as funcionalidades de Google Suite: Gmail, Calendar, Chat, Hangout, cales son e como funcionan? Documentos, follas de cálculo, formularios, presentacións, almacenamento, pizarra dixital, libreta de notas etc.

Esta proposta desenvolverase os días 15 e 17 de xuño de 12 a 13 horas.

Redes sociais na procura de emprego: profesionaliza o teu perfil

Esta segunda proposta desenvolverase os días 22, 24 e 29 de xuño de 12 a 13 horas

En cada unha das xornadas analizaranse as tres redes sociais que se utilizan ou que teñen máis impacto. Así a primeira xornada estará dedicada a coñer o que nos aporta Facebook para o noso perfil profesional: reputación dixital, ferramentas, contidos, perfil profesional, perfil personal…

Instagram: razóns polas que debemos estar, razóns polas que están as empresas en instagram, razóns pola que é a rede que máis crece… e por último Linkedin: como alternativa aos currículums, desenvolver un perfil en Linkedin axeitado,procura de emprego, networking…

Para inscribirse nestas accións formativas ou obter información os interesados e interesadas so terán que poñerse en contacto coa OMIX a través do teléfono 676 347 890 ou no mail [email protected]

A Deputación aproba unha inxección de case 6 millóns de euros en infraestruturas para a provincia

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este venres un ambicioso investimento de ata 5,8 millóns de euros en infraestruturas na provincia que, como subliñou hoxe a presidenta Carmela Silva, revalida a plena aposta da Administración provincial pola dotación de recursos para seguir desenvolvendo o seu modelo de mobilidade segura e a posta en marcha de proxectos que axuden á reactivación da economía trala pandemia. Neste senso, Silva fixo fincapé en que “a reconstrución económica ven da man de que haxa investimentos públicos para que poida haber obras”, e tamén no feito de que a Deputación “non deixou de traballar durante o confinamento para que todos os proxectos puideran saír inmediatamente a contratación en canto se retomaron os prazos”.

“Non só tiñamos desde esta Administración que aportar recursos para paliar as consecuencias da COVID-19, senón que tiñamos que estar preparadas para a reconstrución da economía –subliñou–. E se hai obras, as empresas traballan. Se as empresas traballan, se crea ou se mantén o emprego. Polo tanto, dixo, imos destinar millóns de euros de investimento en obras que nos permitan seguir a desenvolver un modelo de infraestruturas que tamén é de apoio á economía, poñendo recursos nesas políticas keynesianas que teñen un efecto multiplicador sobre a economía”.

Deste xeito, na Xunta de Goberno aprobarase o Plan Móvese 3, cun investimento de 2,5 millóns de euros e vai permitir executar ata 500 obras en 54 concellos da provincia. A presidenta lembrou que este plan representa o modelo de mobilidade e seguridade viaria na provincia, “co que nestes anos de goberno nos temos convertido nunha grande referencia a nivel nacional e internacional, incluso con premios e recoñecementos pola aposta por outro modelo de espazo público e outro tratamento das infraestruturas viarias cos principios de mobilidade segura, accesibilidade e seguridade viaria”. Co novo investimento de 2,5 millóns, o Plan Móvese suma xa 7 millóns de euros e 1.500 actuacións desde a súa posta en marcha no ano 2016.

O goberno tamén aprobará outro investimento de ata 2,2 millóns para actuacións nos firmes das estradas provinciais. Deste xeito, adxudicarase por máis dun millón de euros o contrato de obras de conservación de firmes da Zona A, que corresponde ás estradas provinciais dos concellos de Pontevedra, Vilaboa, Cerdedo-Cotobade, Barro, Poio, Cangas, Moaña, Marín, Bueu, Caldas de Reis, Portas, Moraña e Campo Lameiro. Así mesmo, se levará á sesión da Xunta a aprobación do proxecto para a zona C, que corresponde ao Deza e Terra de Montes, por 1,1 millóns de euros para as estradas provinciais que transcorren por Lalín, Dozón, Rodeiro, Agolada, Vila de Cruces, Silleda, A Estrada, Cerdedo-Cotobade, Forcarei e Cuntis. A presidenta da Deputación explicou que este contrato estaba adxudicado á empresa Nexia, pero trala entrada en crise da firma a institución provincial veuse na necesidade de aprobar un novo proxecto “e volver licitalo para que outra firma se poida facer cargo desta zona”. Aclarou que mentres non se resolve este concurso a Deputación seguirá “actuando con medios propios nesta área da provincia”. No resto das zonas da provincia, os contratos xa están adxudicados “e se están executando as renovacións de firmes”.

Amais, o Goberno provincial aprobará tamén outros tres proxectos de recuperación do espazo público e de mobilidade segura por preto de 1,1 millóns de euros, destinados aos concellos das Neves, Moaña e Cerdedo-Cotobade. No que se refire ao primeiro destes municipios, trátase do proxecto de mellora da seguridade viaria na estrada provincial Setados-Ribarteme-Vide, no que se investirán preto de 336.000 euros. No caso de Moaña, aprobarase un convenio entre a Deputación e o Concello para a recuperación do espazo público e mellora da mobilidade peonil na EP-1104 Moaña-Coiro, cun orzamento de cerca de 700.000 euros “e vai permitir mellorar o estado actual do firme, garantir a accesibilidade e crear un espazo onde os peóns van ter a prioridade”. E para Cerdedo-Cotobade, aprobarase unha addenda que completará a mellora do núcleo de Chan xa iniciada no 2018 pola Deputación. “Xa fixeramos a maioría da obra, pero quedaban 200 metros de estrada pendentes de reestruturar e imos abordalo”, explicou a presidenta. O orzamento é e cerca de 42.000 euros.

Ponteareas convoca axudas para colectivos de carácter social

O Concello de Ponteareas publicou no Boletín Oficial da provincia o anuncio da convocatoria de subvencións, por procedemento de concurrencia competitiva, a asociacións e entidades sen ánimo de lucro para a realizaciòn de programas de carácter social no presente ano 2020. O prazo de admisión de solicitudes será de 20 días naturais contado a partir do día seguinte ao do levantamento do estado de alarma.

Estas axudas, cunha partida de 8.000 euros, teñen como finalidade apoiar ás entidades sociais que desenvolvan programas orientados á prevención, asistencia, rehabilitación, integración social ou promoción do benestar social da cidadanía do Concello de Ponteareas, a través de accións ou actividades de sensibilización da participación cidadá, igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, voluntariado social e a atención de situacións de emerxencia social, entre outras, segundo informa a concelleira de Benestar Social, a nacionalista Verónica Carrera.

“Todas as asociacións que poden beneficiarse desta liña de axudas realizan durante todo o ano un traballo que merece todo o noso apoio; son programas e accións que atenden ás persoas que máis o necesitan” comentou Verónica Carrera.

E neste sentido, lembrou o compromiso do Concello coas políticas sociais, unha das prioridades do goberno municipal e máis aínda na situación actual. Cada ano faise un importante esforzo económico no orzamento municipal que neste ano supera os 3 millóns de euros para benestar social, no que se inclúe a residencia de maiores municipal cun orzamento de máis de 800.000 euros, unha das poucas residencias públicas de Galicia que non é xestionada pola Xunta.

As bases poden consultarse na páxina web do concello de Ponteareas no apartado “axudas e subvencións” ou accedendo directamente dende esta ligazón: https://ponteareas.gal/axudas-subvencions/

As solicitudes serán presentadas de forma telemática e deberán presentarse a través da sede electrónica do Concello https://www.ponteareas.gal

Nigrán inviste preto de 30.000 euros no acondicionamento das pistas deportivas dos colexios de Camos e Mallón

0

O Concello de Nigrán iniciou esta semana as obras para acondicionar as pistas deportivas do colexio CEIP Mallón e CEIP da Cruz (Camos) cun investimento de preto de 30.000 € a cargo de Hormigones Valle Miñor. Trátase de dúas vellas demandas de ambas comunidades educativas, xa que ambas pistas eran de aglomerado asfáltico desde a súa construción hai décadas.

Anteriormente, durante o mes de marzo, no CEIP Carlos Casares de Vilariño o Concello instalou parqué de madeira no pavillón, tal e como tamén demandaba a comunidade educativa.

[su_image_carousel source=”media: 15720,15719″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O acondicionamento das pistas, que estarán rematadas esta semana, consiste en formigonar toda a superficie cun espesor medio de 10 cm para posteriormente pulilas con cuarzo en cor vermello e, finalmente, pintalas como cancha de baloncesto e de fútbol sala, tal e como o Concello xa fixera no CEIP Humberto Juanes de Nigrán no 2018.

[su_image_carousel source=”media: 15723,15722″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

“Sempre deixamos as obras para os meses de verán para non interferir na actividade lectiva pero, nestas circunstancias, consideramos que se podían adiantar. Será unha alegría máis para os nenos cando ao fin poidan voltar ás aulas e cumplimos cunha vella demanda de ambas comunidades educativas”, sinala o alcalde, Juan González. 

Tui mellora a accesibilidade con obras en doce pasos de peóns nas novas rúas

0

Nas últimas semanas acometéronse obras de mellora da accesibilidade en distintas rúas do centro urbano tudense. En concreto actuouse sobre 12 pasos de peóns situados na rúas Casal Aboy, Lugo, Compostela, Ourense e Maristas.

Nas beirarrúas para indicar a proximidade dun paso de peón colocouse un pavimento especial con losetas de cor vermello e con releve, tanto direccional coma con botóns, para facilitar a mobilidade das persoas con discapacidade visual. Amais rematáronse en rampla para facilitar así o tránsito con cadeira de rodas, carriños de bebés, carros da compra ou outros.

Amais executáronse obras de mellora nas beirarrúas, coa substitución ou renovación do pavimentos, en Casal Aboy e Prolongación de Casal Aboy.

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, explica que con estas obras de accesibilidade, executadas con fondos propios, dáse resposta a unha demanda histórica da poboación para facer as beirarrúas accesibles para as persoas con mobilidade reducida.

Os socialistas de Oia piden no Pleno máis axudas a Pemes e autónomos ante a crise da COVID-19

0

A Casa do Concello de Oia acolleu hoxe xoves, 28 de maio, a celebración dun Pleno extraordinario a petición do Grupo Municipal Socialista e que, na orde do día, trataba das medidas encamiñadas a paliar os efectos económicos da crise do COVID-19 nas pemes e autónomos do municipio.

Nesta sesión, o voceiro do PSdG-PSOE de Oia, Gerardo Rodríguez, botou en cara ao grupo de Goberno, encabezado por Cristina Correa, o “ter que convocar un pleno extraordinario para coñecer as medidas adoptadas ata o momento dende o consitorio local”.

Segundo o portavoz socialista, logo “da negativa constante por parte da alcaldesa a adoptar medidas de apoio económico aos sectores do comercio e hostalaría local”, chegouse finalmente a un mínimo consenso coa idea de crear un grupo que estude a dinamización dos mesmos, e nos que estarán representados os distintos grupos políticos do municipio e representantes de empresarios e autónomos.

Gerardo Rodríguez reprochou “o nulo apoio por parte da Xunta de Galicia aos Concellos”, facendo fincapé que só por parte da Deputación de Pontevedra, se ten recibido algo de axuda.

Gonzalo Caballero, “foron os alcaldes e alcaldesas os que deron respostas nesta pandemia ante a ausencia de Feijóo”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, criticou hoxe a “clamorosa ausencia do PP, da Xunta e de Feijóo” na crise provocada polo coronavirus, na que “foron os alcaldes e as alcaldesas os que deron a resposta á cidadanía”. O responsable socialista advertiu que a crise sanitaria evidenciou que “o poder municipal resultou fundamental” en Vigo, onde “os cidadáns sentíronse acompañados polo alcalde, polo grupo municipal de goberno, e pola Deputación de Pontevedra”. Porén “atopáronse con que Feijóo non apareceu, non respondeu ás necesidades e nin tan sequera se puxo a disposición do Concello para buscar unha liña de traballo conxunta”.

Gonzalo Caballero puxo a Vigo como exemplo de compromiso dos alcaldes socialistas coa cidadanía “fronte a unha Xunta ausente, que deixou a sanidade descapitalizada e con graves problemas de persoal e ás residencias sen nivel de atención suficiente, cun modelo de privatización que errou”.

Sinalou que “a Xunta tamén fallou nas respostas ao tecido produtivo do país”. “Mentres outras comunidades autónomas, como Asturias ou Valencia, tomaron medidas de apoio, Feijóo abandonou ao tecido produtivo”, reprobou. Explicou que en Galicia “non houbo axudas directas a tendas, bares ou pequenos comercios”, e “incluso tivo que ser o Concello de Vigo xunto co Ministerio de Industria o que dera resposta á situación de Barreras”.

O lider dos socialistas galegos afeou ao presidente da Xunta que utilice a Vigo como escenario na súa “estratexia electoral”, en alusión á visita de onte a Citröen “sen ningunha proposta nin avance de compromiso industrial nun acto de precampaña”.

Plan de reconstrucción

O líder dos socialistas galegos propuxo emendar esta estratexia de abandono de Feijóo cun gran plan de reconstrución sanitaria, económica e social en Galicia liderada por un goberno progresista na Xunta de Galicia que reúna nunha mesma mesa ás forzas políticas e sociais (sindicatos e patronal) e ás administracións locais, cos alcaldes das principais cidades, os presidentes das deputacións e a Fegamp.

O obxectivo é acadar un “gran acordo de país que reme co goberno de España e cos concellos para reconstruír Galicia”, que aspira, dixo, a “mobilizar 2.500 millóns de euros” para encetar unha “nova política económica e industrial”. Gonzalo Caballero propuxo emendar o abandono e o desleixo de 11 anos de inacción de Feijóo nos que “Galicia perdeu 70.000 traballadores de poboación ocupada”.

Explicou que “afrontamos unha crise dura e complexa, e é necesario poñer a todo o mundo a traballar na liña da reconstrución da nova política económica para darlle aos cidadáns o emprego que necesitan e o impulso necesario tamén ao pequeno comercio”.

Fronte a esta proposta, dixo, Galicia afronta as consecuencias da “fracasada política industrial de Feijóo, que consistiu en poñerse de lado, escapar das súas responsabilidades e conseguir un sector industrial descapitalizado”.

Inacción industrial da Xunta

Así o dixo logo de coñecer a situación da planta de Alcoa en San Cibrao ou polas protestas dos traballadores de Alúmina na Coruña. Lamentou que a resposta do goberno galego fora, dixo, fuxir das súas plenas competencias en materia industrial e económica, e limitándose a “ofrecer unha visión unilateral e sesgada” e unha estratexia de confrontación co goberno de España.

Explicou que “o Goberno galego ten competencias, pero logo de 11 anos deixa o estado do benestar danado, con graves recortes na sanidade e na políticas sociais e carente de política económica e industrial”.

Afeoulle que “a maior noticia en política industrial durante toda a crise fora tentar dicir que adiantaría o pago dos ERTEs, algo que pode facer calquera director dunha sucursal bancaria”, e mentres retrasaba a tramitación dos ERTEs en Galicia, que foi a comunidade autónoma que os tramitou co maior retraso do país.

Mentres, lembrou, o goberno de España está a “financiar as nóminas de máis de 200.000 cidadáns cada mes, con máis de 250 millóns de euros que o goberno de España lle dá cada mes aos cidadáns en Galicia para que teñan a súa nómina”.

O socialismo da provincia esixe á Xunta a creación dun fondo para aliviar a “sangría económica” dos concellos na loita conta a COVID-19

Os socialistas da provincia de Pontevedra esíxenlle ao Goberno galego que se poña de inmediato a traballar en liña cos concellos. O secretario xeral do PSdeG-PSOE pontevedrés, David Regades, afirma que tras máis de dous meses dende o estado de alarma xa ninguén ten dúbidas de que a Xunta está “acuartelada” e de que o peso institucional do combate sobre o terreo contra os efectos da pandemia lévano os concellos.

O líder dos socialistas da provincia reclama que se dote de inmediato o fondo extraordinario de 300 millóns de euros defendido polo PSdeG para que os concellos galegos, e, por suposto, os pontevedreses, dispoñan dos recursos necesarios para continuar un traballo inxente, que está deixando aos alcaldes e alcaldesas exhaustos fisicamente e causando “unha auténtica sangría” nas arcas municipais.

“Non pode ser que os municipios estean afrontando en solitario os gastos extraordinarios co único auxilio económico da Deputación de Pontevedra, que dotou un fondo específico de 1,3 millóns de euros, repartido con criterios obxectivos, e que, ademais, achegou anticipos de tódolos plans sociais provinciais e tamén da recadación tributaria”. “Mentres tanto non hai un só euro a maiores da Xunta de Galicia”.

A xuízo de David Regades a “gota que colmou” o vaso da paciencia dos alcaldes e alcaldesas da provincia é que os 17 millóns de euros do Fondo Social Extraordinario transferidos polo Goberno do Estado a Galicia quedaran “nos caixóns” da Xunta en San Caetano. “Saíu un conselleiro hai uns días a anunciar, graciosamente, que deses cartos só van mandar pouco máis de dous millóns aos 313 municipios galegos e que o resto son para a Xunta”. “Queren solucionar a papeleta repartíndolle unha esmorga aos concellos e, ademais, con cartos do Goberno de España”, reproba. Un feito vergoñento cando o propio Real Decreto do Estado de Alarma deixa ben claro que o Fondo Social Extraordinario debe financiar políticas sociais relacionadas coa pandemia, políticas que en Galicia desenvólvense exclusivamente dende o mundo local.

Para exemplo, puxo os datos do Concello de Vilagarcía de Arousa, no que un 30% das persoas que acudiron aos Servizos Sociais son “casos novos” ou o do Concello de Vigo, que leva gastados 1,7 millóns de euros en actuacións de auxilio á cidadanía que deberían estar sufragadas pola Xunta de Galicia. “Ou dos moitos alcaldes e alcaldesas desta provincia que ás 8 da mañá están repartindo máscaras de protección pagadas polos concellos e ás 11 da noite, dirixindo traballos de desinfección pagados polos concellos ou repartindo ordenadores a escolares pagados polos concellos”. “Alcaldes e alcaldesas, que cando non son do PP, mesmo teñen que sufrir que esta Xunta partidista e caciquil lles faga oposición”, engade.

Son os concellos, subliña o secretario xeral socialista na provincia, os que están aprobando medidas de apoio económico aos autónomos/as e comerciantes, os que teñen que recibir aos empresarios que lles reclaman bonificacións ou exencións nos impostos municipais. “A Xunta limítase a gastar en publicidade e a trucos, como ofrecer “anticipos sen xuros” das axudas do Goberno do Estado”. Mentres tanto, os alcaldes e alcaldesas enfróntanse á realidade sabendo que “non dan os números” e que resulta imposible rebaixar a fiscalidade municipal sen comprometer o equilibrio duns consistorios “máis exprimidos que nunca”. “En tódolos concellos están facendo cousas inimaxinables hai uns meses e na Xunta seguen coas portas e ventás pechadas, o aire acondicionado a tope e ao seu trantrán burocrático”. “Onde están os cartos da Xunta para irrigar as políticas sociais que só se desenvolven dende os concellos?” “Á parte de amagar con privatizar universidades e poñerlle cita previa ás praias que fan as Consellerías que deberían ser clave na loita contra a Covid19?” “Onde están as conselleiras e conselleiros desaparecidos nestes dous meses?”.

David Regades conclúe que mentres noutras comunidades autónomas apóiase aos concellos con transferencias directas, Feijoo segue un guión de perfil baixo en Galicia e aposta pola confrontación constante coa Moncloa atribuíndose sen pudor os méritos no control dunha situación sanitaria que mellorou unicamente polo éxito do confinamento decretado polo Goberno de España e pola propia posición xeográfica de Galicia.

O secretario xeral conclúe que o balanzo da colaboración da Xunta cos concellos galegos limítase ao envío duns paquetes de máscaras caducadas e dúas garrafas de lixivia que, aínda por enriba, foron confiscadas días antes nos cuartos de limpeza dos colexios públicos.