14.4 C
Pontevedra
Sábado, 20 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación lanza a primeira aceleradora para o comercio cara a súa...

    A Deputación lanza a primeira aceleradora para o comercio cara a súa adaptación tecnolóxica como freo á crise da COVID-19

    Este luns arranca a nova iniciativa do programa SmartPeme co obxectivo de axudar á reactivación do comercio da provincia con dez proxectos e utilizando tódalas posibilidades das novas tecnoloxías e do e-commerce

    Impulsar a reactivación do tecido comercial da provincia trala crise sanitaria causada pola Covid19 é o obxectivo da nova aceleradora destinada ao comercio que a Deputación de Pontevedra pon en marcha desde este próximo luns mediante a transformación dixital de pequenas e medianas empresas a través do seu programa de fomento da innovación tecnolóxica empresarial SmartPeme. A institución que preside Carmela Silva vén de seleccionar 10 proxectos dos máis de 20 que se presentaron e que destacan por responder a ideas de negocio novidosas e polo intento de explorar novos nichos e oportunidades.

    Trátase de 10 empresas de comercio minorista que foron seleccionadas por ser negocios cun enfoque innovador e que buscan adaptarse rapidamente á “nova normalidade”, utilizando ao máximo os recursos e posibilidades do e-commerce. O perfil das persoas emprendedoras seleccionadas é maioritariamente feminino, pois entre os responsables destas empresas hai 6 mulleres e 4 homes. Entre elas hai dende negocios que comezan, a outros que se reorientan aproveitando as súas potencialidades e singularidades e se reparten por distintas localidades da provincia.

    Agora teñen por diante un intenso traballo de titorías e obradoiros nos que se lles guiará no uso de tendas online, pasarelas de pago e venda de produtos con recursos tecnolóxicos. Ata o próximo 30 de setembro recibirán “mentorización”, sesións de titoría con expertos/as en tecnoloxía, competitividade empresarial e imaxe dixital, ademais de actividades de capacitación con obradoiros específicos. Por exemplo recibirán formación sobre axudas e subvencións para o comercio polo miúdo, montaxe de tendas en liña e venda de produtos nas plataformas de Facebook e Instagram. As actividades formativas adaptaranse á situación actual derivada da pandemia de Covid19 e terán formato telemático e/ou presencial en función da evolución das distintas fases da desescalada.

    Os proxectos seleccionados

    Tipi Fiestas Galicia é unha nova empresa de eventos, radicada en Nigrán, que vai facer dos tipis indios e da decoración temática o seu sinal de identidade. Con esta óptica pretende organizar vodas, bautizos e outras cerimonias. Coa axuda de SmartPeme transformará a súa páxina web do formato catálogo á tenda online, de xeito que os clientes poidan contratar directamente o servizo. Ademais axudaráselles a crecer nas redes sociais.

    Foodies and travellers tenta apoiarse, dende a súa sede en Mos, no turismo gastronómico para promocionar a empresas de alimentación e de bebidas españolas, tanto no mercado español como no estranxeiro. A súa estratexia pasa tamén por agrupar tenda e motor de reserva nun só sitio web. Neste caso estase a crear a plataforma e, ademais, proporcionando asesoramento e formación especializada.

    Blaurtopías é un proxecto vigués de venda online de obxectos de artesanía como ilustracións, cerámica e serigrafía. Coa axuda de SmartPeme está a mellorar a súa web, integrando directamente a venda. O seguinte paso está a ser dar unha maior visibilidade a todo o proceso de creación para que os potenciais clientes valoren o traballo que hai tras cada peza. Finalmente, estase a dar visibilidade á marca xestionando redes sociais.

    Karina Kova é unha clínica médico estética creada en 2016 en Pontevedra e que agora busca reorientarse abandonando o apartado médico e centrándose no estético, con especialización en tratamentos faciais e corporais. A aceleradora prestaralle axuda para mellora-lo seu posicionamento local e na creaciónd unha tenda online.

    Broderie é un proxecto artesanal nacido en Ponteareas e centrado no deseño e creación de produtos destinados aos máis cativos e feitos a man: fadas, bonecas, guirnaldas, camisetas… Estase a traballar coa súa responsable para mellorar a súa web a través da automatización de procesos, posicionamento en Google e lanzamento dunha nova línea de produto a través de Google Ads.

    Tolf, que é unha tenda de roupa feminina de Pontevedra con marcas exclusivas e deseños especiais nacida en outubro, busca relanzarse despois desta crise sanitaria e o peche polo estado de alarma. Agora trabállase coa súa responsable na creación dunha web, unha tenda online e apoio para a xestión das redes sociais.

    Infusiónate é un negocio lalinense que apostou pola venda de tes e infusións a granel. A aceleradora de SmartPeme está axudándolle a crear unha web, a posicionarse en Google, xestionar márketing dixital e lanzar unha nova liña de produto.

    Comercial Limeres e o exemplo máis claro dun negocio tradicional que se reorienta. Dedícase á venda de lámpadas decorativas nunha tenda familiar creada en Pontevedra en 1976. Dispón de clientela fidelizada e non é raro que reciba a xente que busca modelos concretos que viron en redes sociais. Ten a gran vantaxe de dispor dunha ampla gama de produtos. Dende SmartPeme consideran que este sector está pouco explotado no comercio online, polo que hai oportunidades de e-commerce. Detectouse, ademais, que coa súa ficha de Google My Business e Facebook gañou clientela, aínda que boa parte dela non reside na súa área. Finalmente, vaise poñer en marcha un blog.

    SS3 Professional dedícase dende Mos á comercialización de deterxentes biodegradables e ecolóxicos. Coa crise da Covid19 creou novas liñas de produtos como desinfectantes, xeles hidroalcólicos e máscaras. SmartPeme está axudándoos a dalo paso a e-mail marketing e está axudándolles na automatización e mellora da súa web, así como na xestión das redes sociais.

    Tamerlán é unha empresa de Vigo dedicada á limpeza e restauración de alfombras a través de procesos tecnolóxicos innovadores. Traballa, fundamentalmente, para tintorerías, pero buscan chegar tamén ao cliente final. Con SmartPeme avanzarán no marketing dixital e a publicidade online, deseño e creación de e-mail marketing para fidelizar potenciais clientes e, finalmente, a mellora da súa web.

    O comercio ao por menor representa ao redor dun 13 % das empresas da provincia. Ademais, tamén é o máis relevante dentro do proxecto SmartPeme, pois entre as 2.700 empresas asociadas a este programa provincial, un total de 580 están nesta categoría. SmartPeme naceu en 2016 da man da nova Deputación e dende entón despregou unha intensa actividade dirixida ao desenvolvemento das pemes, autónomos/as, profesionais, emprendedores/as e mesmo asociacións empresariais. Dende 2018 A Deputación dispón tamén dunha Aceleradora de proxectos turísticos que se dedica á formación cara a mellora competitiva a través das tecnoloxías da información e as novas tecnoloxías. A rede SmartPeme conta con sete puntos de información e formación situados en Pontevedra, Vigo, Lalín, Barro, O Porriño, Cambados e Ponteareas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.