Xoves, 16 Xaneiro de 2025

O Congreso de Arte Efémera de Tokio celébrase de xeito virtual coa participación de alfombristas de Ponteareas

A Asociación Corpus as Monxas vén de participar no proxecto Virtual International Ephemeral Art, Tokio 2020, un evento organizado pola Coordinadora Internacional de Entidades de Arte Efémera e no que participaron un total de 26 delegacións que confeccionaron alfombras florais.

Este proxecto é único para esta ocasión e foi pensado e creado pola Comisión de Proxectos da Coordinadora debido a que os días en que debía celebrarse o Congreso de Arte Efémera en Tokio, foi suspendido pola pandemia da COVID-19.

Desta maneira, cada delegación elabora unha alfombra, –que simboliza a súa presenza en Tokio–, para expresar o seu agradecemento ao noso compañeiro Yasu, ao seu equipo Organizador, ás institucións e aos patrocinadores.

Baixo o lema: Soñando Tokio “nosas alfombras, de maneira virtual, estarán presentes na cidade, nos corazóns das e dos alfombristas e abertas ao mundo”.

Ponteareas, que tenia previsto participar no Congreso Internacional, non podía faltar a esta cita tan relevante, máxime cando o Corpus ponteareán ostenta a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional e contando ás súas costas, con máis de 200 anos de historia.

Nesta ocasión os e as alfombristas ponteareáns, confeccionaron unha alfombra simbólica en canto a tamaño, “que unía ao noso pobo coa cultura japones e que servia como unha homenaxe ao noso compañeiro Yasy”, sinala Corpus As Monxas.

Cumprindo todas as medidas de seguridade e prevención recomendados polas autoridades sanitarias, este evento tamén serviu como un acto conmemorativo do Corpus de Ponteareas, que este ano non se poderá celebrar como todos e todas desexariamos.

Unha vez mais Ponteareas amosa a súa cara mais solidaria coa situación actual “e con todos os irmáns alfombristas do mundo, tendendo mans e unindo lazos”. conclúe Corpus As Monxas.