Sábado, 18 Xaneiro de 2025

CB Nigrán volve “coas pilas cargadas” e a mirada posta na tempada 2020/2021

A dirección deportiva do Club Baloncesto Nigrán, logo da obrigada paréntese marcada pola crise da COVID 19, volve ao traballo coas vistas postas no futuro ou, o que é mesmo, na preparación da tempada 2020/2021.

Quedan atrás meses de incertidume e queda por diante moito traballo por facer –configuración dos equipos en diferentes categorías, fichaxe de adestradoras e adestradores, captación de nova masa social, colaboradores…– e, sobre todo a xestión dun protocolo hixiénico/sanitario “que deberá estar activo no momento no que se inicien os adestramentos de pretemporada graduados de cada un dos equipos”, explica a directiva do club de Nigrán.

En principio, todo apunta a que o día 1 de setembro poida comezar a pretempada. Evidentemente, esa data posta pola Federación Galega de Baloncesto baseada en criterios médicos/sanitarios, pode variar. Esa é a nova realidade e coa que, dun xeito ou outro, temos que aprender a convivir. O certo é que o Club terá que implantar as novas medidas de desinfección de material e de exhaustivo control dos xogadores e xogadoras, tanto na chegada ás instalacións do adestramento como á saída do mesmo.

Pero, adoptadas esas medidas, chega o Baloncesto, con maiúsculas e, dende a categoría Sénior masculina ata a baby, pasando polos junior, cadetes, infantís, mini e premini, todos e todas iranse incorporando á actividade deportiva en diferentes quendas e en función do comezo das súas propias competicións ligueiras.

Máis tarde farano as Escolas de baloncesto que o club ten nos diferentes colexios de Nigrán, ademais de en Coruxo e Gondomar, que serán os últimos en incorporarse e que forman a base sólida da pirámide de crecemento do Nigrán.

Adestradores e adestradoras, a columna vertebral

Non hai mellor definición para o traballo dun adestrador ou adestradora que esa: a columna vertebral. Eles e elas son as que imprimen carácter a un equipo no deportivo, e incúlcanlle valores no plano extradeportivo. Dicía Phil Jackson no seu libro ‘Once anillos’ –unha lectura non só recomendada senón case que obrigatoria para as e os amantes do baloncesto– que o labor dun adestrador ou adestradora “é que os xogadores e xogadoras pensen por si mesmo a fin de que sexan capaces de tomar decisións difíciles no fragor da batalla”. En resumo, que aprendan a tomar decións, a asumir responsabilidades nun aprendizaxe que, posteriormente, trascenderá do deportivo e aplicarán na súa vida como persoas.

Os éxitos do C.B. Nigrán veñen dados, fundamentalmente, por ter sido capaz de construír un corpo de adestradores e adestradoras “empapados” na filosofía do Club e que, como a propia directiva recoñece “son un gran activo para dar continuidade ao traballo programado desde a dirección deportiva, tanto a nivel técnico, táctico, físico como psicolóxico”.

Dentro da programación tamén perfílanse os primeiros trazos do xa habitual Torneo de Nadal ‘Encesta un Alimento’ que vai xa pola súa VII edición e que forma parte do calendario das vacacións do Nadal. Toda unha mostra de solidariedade e de capacidade de axuda aos que máis o precisan.

“Será –di a dirección do C.B. Nigrán– unha tempada chea de novos e ilusionantes proxectos a pesar do modo tan inesperado en que acabou a tempada anterior e os novos retos que se presentan no inicio desta na nova realidade social e económica despois do COVID 19”.

Certo é que nin a COVID-19 nin a estraña situación de convivir cunha pandemia, “poden coas ganas e a ilusión con que Club inicia cada unha das súas tempadas, característica e aceno de identidade desta entidade deportiva”.