19.4 C
Pontevedra
Martes, 23 de Abril de 2024
Máis
    HomeUltimas NoticiasGonzalo Caballero anuncia un "cambio progresista" na Xunta que priorizará "servizos públicos...

    Gonzalo Caballero anuncia un “cambio progresista” na Xunta que priorizará “servizos públicos e emprego”

    O candidato socialista á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, sinalou onte que “agora é máis necesario que nunca” dar “unha etapa progresista” a Galicia para remontar esta situación de crise derivada da covid cunha nova “folla de ruta” que defenda os servizos públicos e configure unha nova política económica para reconstruír Galicia defendendo os intereses da cidadanía.

    “Para que ninguén quede atrás”, formulou, e apostou por construír “unha Galicia de progreso e benestar que defenda os intereses da cidadanía e que aposte por unha sanidade pública, universal e gratuíta e por fortalecer o estado do benestar”.

    “Queremos facer esa Galicia co conxunto dos galegos, porque nos xogamos o futuro do noso país”, recalcou o líder dos socialistas galegos, quen fixo fincapé en que o 12X decidirase “o presente e o futuro no que queremos vivir”.

    Nese senso, Gonzalo Caballero avogou por dotar a Galicia da capacidade de “recuperar unha nova normalidade” na que haxa “máis emprego, máis benestar e mellores servizos sociais”.

    “Queremos un cambio de progreso que abra en Galicia unha nova etapa”, apostilou o máximo dirixente do PSdeG, antes de chamar aos galegos a involucrarse nesa tarefa de “reconstrución do futuro”. “Faino por Galicia. Faino por ti”, concluíu, e resumiu así a apelación que dirixirá á cidadanía antes de que comece a campaña electoral para amosar o compromiso socialista coa resposta axeitada a esta crise en Galicia.

    Máis necesario que nunca

    Gonzalo Caballero subliñou que a crise da covid amosou o “debilitamento” do servizos públicos cos gobernos do PP durante 11 anos, na sanidade, na educación, nos servizos sociais.

    Por iso, afondou, “un cambio progresista na Xunta é máis necesario que nunca”: para poñer fin aos “recortes e privatizacións” na sanidade pública, para reverter o “dano” feito aos servizos públicos e para cambiar unha “política económica desnortada” que supuxo que con Feijóo destruíronse 70.000 empregos antes da chegada da pandemia.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.