O Concello de Nigrán regalará a todos os nenos e maiores aos que lle celebrou o aniversario durante o confinamento un póster conmemorativo onde se reúnen nun mosaico todas as imaxes dos homenaxeados que autorizaron fotos e o debuxo dun corazón coroado co lema ‘Que a vida continúe achegando os corazóns’. O Concello tratará de levar durante este mes un a cada casa, pero estará tamén a disposición das familias na Oficina de Información Cidadá (cita previa no 986 365 000). O mesmo deseño lucirá tamén en dous mupis das paradas do autobús de Nigrán.
“Trátase simplemente dun recordo feito con todo o cariño polo Concello para todas aquelas persoas coas que compartimos emocións durante o confinamento”, resume o alcalde, Juan González.
O Concello sumou desde o 2 de abril ata o 10 de maio 167 celebracións de confinamento e unha voda, consistindo en convocar a través das redes sociais á veciñanza máis próxima para cantarlles e en desprazar a Protección Civil ao domicilio para entregarlles un agasallo. A maiores, para os de 5 a 16 anos, o Concello lles ofreceu unha videochamada en directo do Mago Rei Midas para realizar un pequeno show.