11.3 C
Pontevedra
Luns, 6 de Maio de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaPositivismo, alegría e cor marcan os debuxos da infancia da provincia no...

    Positivismo, alegría e cor marcan os debuxos da infancia da provincia no concurso ‘O que ves desde a túa xanela’

    Carlos Castro (6 anos), Martina Contreras (11), Manuel Lemos (13) e Adriana Eugenio Rivas (13) gañan o certame da Deputación nas súas respectivas categorías

    O concurso de debuxo infantil online ‘O que ves desde a túa xanela’, convocado pola Deputación de Pontevedra nos días do confinamento, xa ten dúas gañadoras e dous gañadores. O xurado do certame –co que a institución animou ás rapazas e rapaces da provincia a debuxar as paisaxes que viron desde as súas fiestras ou balcóns durante o illamento, así como aqueles lugares da provincia aos que lles gustaría volver– elixiu hoxe os traballos vencedores nas tres categorías do concurso. Neste senso, o tribunal destacou a calidade e variedade dos debuxos presentados e que todos “transmitían positivismo, alegría e cor”, feito que fixo moi difícil a elección final, na que se valorou especialmente a orixinalidade e calidade.

    Na primeira categoría, de 3 a 6 anos de idade, o gañador foi Carlos Castro García, de seis anos e do concello de Redondela, pola súa obra ‘A nosa Ría o meu fogar’, na que amosou “a súa creatividade, expresividade e colorido”. O xurado valorou que é un debuxo moi ben executado tendo en conta a súa idade , ao que incorporou diversos elementos característicos das Rías Baixas. Carlos recibirá como premio unha visita guiada polo Castelo de Soutomaior e poderá participar no xogo ‘Detectives no Castelo’, en compañía da súa familia.

    Debuxo de Martina Contreras

    Na segunda categoría, de 7 a 11 anos, resultou premiada Martina Contreras Lorenzo, de 11 anos e veciña de Vigo, da que o xurado subliñou o nivel de detalle do seu debuxo, no que empregou diversas técnicas (acuarelas e outras), o realismo da perspectiva e o nivel de detalle. O seu premio será unha visita guiada polo Castelo de Soutomaior coa súa familia.

    E, por último, o excelente nivel dos traballos da terceira categoría (de 12 a 14 anos) motivou que o tribunal decidise como máis xusta a selección de dous premiados, que poderán desfrutar xunto á súa familia dunha experiencia pola Ruta do Viño Rías Baixas. Trátase de Manuel Lemos Peixoto, de 13 anos e de Nigrán, que reproduciu con realismo o que ve desde a súa fiestra e do que o xurado destacou “o nivel de detalle, con gran calidade de trazo e proporcionalidade da perspectiva”. E Adriana Eugenio Rivas, tamén de 13 anos e do Concello de Soutomaior, por un debuxo no que amosou a súa destreza na técnica da acuarela. O tribunal subliñou “a beleza dos trazos e o seu realismo”.

    O certame ‘O que ves desde a túa xanela’ deu continuidade ao convocado o pasado ano pola Deputación, ‘Descubre a túa provincia’, unha iniciativa que permitiu que as nenas e nenos participantes amosaran a través das súas obras lugares emblemáticos da nosa contorna e a súa riqueza turística. A novidade foi, amais da temática, que este ano a participación foi online, debido á situación derivada do COVID-19.

    Os debuxos gañadores expoñeranse nunha galería na páxina web da institución provincial (www.depo.gal), xunto a outros traballos seleccionados

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.