Sábado, 25 Xaneiro de 2025

A Feira de Redondela retoma a súa actividade o sábado 6 de xuño con preto de 160 postos

A peonalización da Avenida Mendiño permite manter o número de postos de venda mantendo a separación de seguridade recomendada

O vindeiro día 6 de xuño, a Feira de Redondela retomará a súa actividade logo dunha suspensión de case que dous meses provocada pola crise sanitaria da COVID-19 e pola declaración do estado de alarma e volverá a celebrarse, como era habitual, os días 6 e 21 de cada mes.

O concelleiro de Feiras e Mercados, adiantou que o Concello “ampliará a súa extensión habitual da feira para que, mantendo o número de postos –preto de 160– estes poidan manter a distancia de seguridade establecida”. Para iso, explicou Lamas, a Avenida de Mendiño quedará ese día cortada ao tráfico e utilizarase en toda a súa extensión para a Feira”.

Cómpre salientar que, coas novas medidas de seguridade, os postos terán que contar cun mínimo de 4 metros de distancia entre eles por cada lado, mentres que a distancia frontal entre posto e posto terá, como mínimo, 6 metros coa recomendación engadida de non situalos un fronte a outro.

O mercado semanal de Redondela é un elemento dinamizador de primeira orde, explica o Goberno local, “xa que nel conflúen persoas chegadas dende todos os puntos, non só do municipio, senón tamén dos municipios limítrofes, veciñas e veciños que tamén aproveitan para utilizar os servizos do comercio local”.

A alcaldesa Digna Rivas salientou a importancia do reinicio desta actividade “que un elemento dinamizador da economía e o comercio local e un paso mais no camiño desta nova normalidade” aínda que subliñou a necesidade de facelo “con todas as medidas de seguridade necesarias para salvagardar a saúde tanto das persoas participantes coma das e dos ambulantes”.