Mércores, 12 Novembro de 2025

Continúa a programación de verán do Concello de Arbo con dous sesións máis de cine

0

Dentro das actividades que o Concello de Arbo, organiza este ano dentro do verán cultural adicados a veciñanza e os visitantes e que non supoñen risco de aglomeracións e donde e obrigatorio estar sentados e manter a distancia de seguridade, e o cine, polo que renunciando a un veran cultural como en anos anteriores donde  o cartel anunciaba actividades diversas e para todos os públicos, este ano o cine prevalece.

O día 9 de agosto ás 22:30 horas arrancou a programación con SuperLopez, o día 11 de agosto, a mesma hora, poderemos disfrutar de Avengers e para remate do verán Jumanji pechara o verán e unha festividade de San Roque donde non se poderá gozar da famosa comida popular na Carballeira de Turbela.

Dende o Concello, se creou un protocolo para poder levar acabo esta actividade, donde voluntarios e voluntarias do Grupo de Acción Voluntaria do Concello de Arbo, controlarán as entradas e as saidas e serán os encargados de velar polo cumprimento estrico das normas. Entre as normas protocolarias establecidas polo Concello de Arbo, estan  a obrigatoriedade de asistir con media hora de antelación para aplicar as medidas de seguridade e protocolo. Informa o alcalde do Concello de Arbo, Horacio Gil. As Prazas son  limitadas ata cumprir aforo os nen@s sempre estarán acompañados por un adulto e deberase ocupar a cadeira asignada e non se poderá cambiar de lugar remata o rexedor de Arbo.

En todo momento, os asistentes ao acto deberán cumprir o recomendado polos voluntarios que forman parte da organización .

Nigrán retoma en setembro o remate da Biblioteca logo dos visto e prace do Consello Consultivo de Galicia á resolución do contrato con Civis Global

0

O Concello de Nigrán retomará definitivamente no mes de setembro as obras da Biblioteca Municipal tras emitir o 22 de xullo o Consello Consultivo de Galicia un ditame favorable á resolución por parte do consistorio do contrato con Civis Global por “incumprimento grave das súas obrigas esenciais”. Os traballos foran paralizados unilateralmente pola empresa o 13 de xuño de 2019 ao entender esta que debía realizarse unha modificación do contrato por erros no proxecto, cuestión que rexeita contundentemente o Consello Consultivo á vista de todos os informes presentado por as dúas partes, ao punto de que faculta ao Concello de Nigrán a incautar a fianza de 52.883 € e mesmo a requirirlle indemnización por danos e perdas. “Non se deduce razón algunha que xustifique a suspensión da execución do contrato e a conseguinte paralización unilateral das obras por parte da empresa constratista”, sinala o ditame, polo que considera que “constitúe un incumprimento que xustifica a resolución contractual” feita desde o Concello.

Deste xeito, e tras este ditame favorable, o Concello pode proceder xa a adxudicación definitiva a ‘Consvial S.L’ da parte non executada das obras tras presentar unha oferta económica de 973.056 € sobre un orzamento base de 1.117.428 € e unha redución no prazo de finalización.

“O Consello Consultivo de Galicia, un órgano independente e imparcial, outorga a razón ao Concello de Nigrán de xeito contundente e nos permite continuar co procedemento de adxudicación xa iniciado, polo que ao fin continuaremos coas obras da Bilioteca e estarán rematadas este ano sen perder a subvención da Deputación de Pontevedra”, incide o alcalde, Juan González, quen xa mantivo diversos encontros con responsables de Consvial. A construtora, que está a realizar no centro do municipio unha urbanización de chalés, deberá abordar o 60% dos traballos que faltan.

A Deputación de Pontevedra ampliou ata o 31 de decembro de 2021 o prazo para ter rematada a Biblioteca sen perder a subvención do ‘Plan de Reequilibrio’, destinada á mellora de equipamentos, servizos ou dotacións singulares para municipios de menos de 20.000 habitantes e que en Nigrán supón que o Concello asuma o 20% do custe de construción e a Deputación o 80% restante. “A Deputación de Pontevedra xa aprobara en acordo plenario esta ampliación porque entendía que o retraso na construción non era imputable á debida dilixencia na execución do plan previsto, o Consello Consultiva agora tamén nos dá a razón”, conclúe.

Edificio bioclimático

O novo edificio se plantexa nunha parcela municipal (FR-5) de 443 metros cadrados e de forma trapezoidal no centro do municipio (a beira da Estrada pola Vía, á altura do número 118, frente a rúa do Panasco) nun lugar fácilmente accesible para a veciñanza tanto en transporte público como privado. O feito de que se trate dunha parcela con forte desnivel permite que se poidan crear duplicidade de entradas, con accesos tanto dende a planta baixa como dende a primeira, o que favorece unha utilización polivalente das instalacións. Dende o punto de vista urbanístico, a construcción xenera unha praza cuberta que se abre á praza existente e que supón unha zona previa a entrada por planta baixa.

O proxecto contempla un edificio de catro alturas de planta irregular e cunha superficie total construída de 1.260 m2 (a actual biblioteca do Cean ten 120 m2) e clasificado coa letra A no seu Certificado de Eficiencia Enerxética (máxima categoría). Trátase, por tanto, dun edificio bioclimático que dispón das últimas tecnoloxías en instalacións para acadar esta sostibilidade ambiental.

Cun deseño minimalista na que a fachada se plantexa de granito silvestre e cunha planta que se adapta á forma trapezoidal da parcela, consta de catro andares sen sótano. Na planta baixa (191 m2) disponse dunha sala de usos múltiples vinculada á praza cuberta adxacente, almacén e aseos; na pranta primeira (269 m2) hemeroteca, sala de ordenadores, recepción e zona de préstamo infantil e xuvenil; na segunda (272 m2) zona de préstamo para adultos e na terceira (235m2), zona de estudio que se comunica a dobre altura coa zona de préstamos do nivel inferior.

A Deputación abre o luns a inscrición para a segunda das ‘DepoAndainas’ que percorrerá a ‘Fervenza de Callobre’ na Estrada

Tras esgotar en apenas 24 horas as prazas para a primeira Depoandaina, a Deputación de Pontevedra abre este luns 10 de agosto o prazo de inscrición para a segunda das rutas programadas. Nesta ocasión as persoas participantes percorrerán a Fervenza de Callobre, no concello da Estrada, o domingo 30 de agosto.

As persoas interesadas en asistir poden anotarse no sitio web da institución provincial (www.depo.gal) ata completar o límite das 200 prazas. Aquelas persoas que se apunten con posterioridade (ata un máximo de 100) pasarán á lista de agarda. O prazo para inscribirse, de non completarse antes o aforo, remata o 24 de agosto ás 12 horas.

No caso de non poder asistir á andaina, as persoas inscritas deberán comunicarllo ao Servizo de Deportes antes do peche da inscrición enviando un correo electrónico co nome e o DNI a [email protected]. Deste xeito, pasará a ocupar a súa praza unha persoa da lista de agarda.

Este verán a iniciativa, que ten sufrido variacións por mor da Covid-19, oferta tres camiñadas por algúns dos enclaves máis emblemáticos da provincia, dirixidas a todas as persoas independentemente da súa idade. Para cada saída hai dispoñibles un máximo de 200 prazas. De cara ao mes que vén, a Deputación ten programada a terceira destas Depoandainas, que terá lugar pola Ruta do Val das Fadas, no concello da Cañiza. Esta ruta realizarase o 20 de setembro e as inscricións para poder realizala estarán abertas entre o 31 de agosto e o 14 de setembro ou ata esgotarse as prazas.

A ponteareá Noelia Porto participará na nova edición de ‘Recantos’ do ‘Luar’ da TVG

Se Ponteareas ten na música un dos seus sinais de identidade, algo que ninguén dubida, a parroquia de Guláns cheira a música polos catro costados. Non é polo tanto de estrañar que unha filla desas terras, Noelia Porto, fora elixida para participar na sección de Recantos do incombustible ‘Luar’ da TVG para representar ás comarcas do Condado, A Paradanta e o Baixo Miño.

Esta licenciada en Arte Dramático leva, amais, a música no sangue. Canta nunha orquestra, forma parte da Banda de Música Unión de Guláns, e agora afronta ese novo reto logo de mirar un vídeo nas redes no que se anunciaba un casting para a nova edición de Recantos. “Falando cun amigo, –explica Noelia– e animándoo a participar, ao final animeime eu tamén o mandar un vídeo”. Semanas despois Televisión de Galicia púñase en contacto con ela “para comunicarme que sería a nova representante da zona de O Miño”, lembra.

O programa emítese cada venres na televisión de Galicia contando con diferentes actuacións e seccións, na que os Recantos é unha delas. Así pois, cada venres, a partir de setembro, dous participantes cantarán individualmente e a dúo; logo da actuación o xurado emite o seu veredicto dando unha puntuación a cada un. Ademais, dende a casa a través de chamadas, whatsapps ou mediante as redes sociais, tamén se poderá votar a cada representante.

O concurso estará divido en fases nas que, ao remate de cada unha delas, as ou os representantes que menos puntuación teñan, quedarán eliminados.

Noelia Porto non dubida en asegurar que afronta esta nova etapa “con moita ilusión e moitas ganas, sobre todo de aprender tanto a nivel profesional coma persoal”. É perfectamente consciente da gran oportunidade que ten participando no programa pero, afirma, “é tamén unha gran responsabilidade representar a todas estas zonas do Miño, por iso darei o mellor de min cada noite e espero contar co apoio de todos vos”.

O apoio de Ponteareas e do seu Guláns natal está garantido nun concello que entende de música e que vive a música como poucos outros. Natalia Porto terá detrás, en cada programa, o apoio de todo un pobo. E iso é moito!

A Deputación aoproba 1,5 millóns de euros en investimentos para 12 concellos da provincia

No marco da súa liña de apoio para a dotación de recursos aos concellos da provincia, a Deputación de Pontevedra vén de aprobar en Xunta de Goberno unha nova relación de achegas correspondentes ao Plan Concellos por importe de 1,5 millóns de euros, que entre as súas tres liñas beneficiarán a doce municipios: Ponteareas, Cambados, Mondariz Balneario, Ponte Caldelas, Tomiño, Soutomaior, Redondela, Bueu, Cuntis, Gondomar, O Grove e Salceda de Caselas.

Preto dun millón de euros se corresponden con oito achegas da Liña 1 de Investimentos, destinadas a Ponte Caldelas, Ponteareas, Cambados, Mondariz Balneario, Tomiño e Soutomaior. O Concello de Ponteareas recibirá dúas subvencións, unha de 129.470 euros para acometer a substitución parcial de material da cuberta da piscina municipal, e outra de 113.595,66 euros que lle permitirá abordar unha rehabilitación na Casa Cultural de Arnoso, destinada a acadar a mellora da eficiencia enerxética, de accesibilidade, funcionalidade e conservación deste inmoble.

Tamén Ponte Caldelas percibirá dúas subvencións, unha de 134.901,24 euros para acometer a mellora dos itinerarios peonís na estrada do Balneario, e outra de 86.246,87 para realizar a reforma da avenida de Galicia, na que se sitúa Concello, cun proxecto de humanización deseñadas para garantir a mobilidade peonil e a accesibilidade.

Tomiño recibirá 238.287,87 euros que lle permitirán abordar a primeira fase das dotacións deportivas previstas na contorna da Alameda de Goián, mentres que Mondariz Balneario contará cunha achega de 68.603,95 euros con destino ao acondicionamento e mellora do Centro de Saúde. No caso de Soutomaior, a Deputación concedeulle unha achega de 115.000 euros, cos que poderá financiar a humanización da contorna do Centro Multiusos de Arcade e, por último, Cambados recibirá 98.309,17 euros para acometer a capa de rodadura do viario de acceso a depuradoras pola costa.

Amais, a Xunta de Goberno aprobou unha nova relación de subvencións ao abeiro da Liña 2 do Plan, por importe de 321.872,24 euros, coas que os concellos de Bueu, Cambados, Cuntis, Gondomar, O Grove, Redondela, Salceda de Caselas e Soutomaior poderán abordar o pago de facturas, realizar tarefas de limpeza e mantemento de distintos servizos municipais e tamén financiar diversas actividades de índole cultural e deportiva. No caso de Redondela abordará con esta achega a elaboración un plan de reactivación local para paliar os efectos da crise da Covid-19 e outro específico dirixido ao comercio local.

Por último, no que se refire á Liña 3 de Emprego, o Concello de Redondela recibirá unha achega de 213.145,71 euros para contratar a un total de 13 traballadores e traballadoras.

A Deputación de Pontevedra ten xa concedidos 27,6 millóns de euros do Plan Concellos 2020. Desta cantidade, 16,8 corresponden a achegas aos municipios concedidos ao abeiro da Liña 1 de Investimento; 2,1 millóns da Liña 2 e 8,6 millóns na Liña 3 de Emprego.

O PSOE de Ponteareas condena públicamente as agresións sufridas pola Policía Local

O PSOE de Ponteareas denunciou hoxe os acontecementos ocurridos na mañanciña de onte no que foron agredidos dous Policías Locais por un grupo de mozos que se atopaban na rúa nunha zona de copas. O grupo municipal socialista sublipa que “feitos como os ocorridos na noite anterior son absolutamente reprochables, condenables e nada excusables”.

A zona onde se produciron os feitos é unha zona recentemente humanizada e onde se atopa moita xente polas noites ao ser un sitio onde se sitúan moitas terrazas e a configuración do espazo urbano convida a facer un goce da zona.

As concelleiras e concelleiro do Partido Socialista sinalan que, como socios de goberno e aínda que nesta lexislatura non teñen competencias na materia, puxéronse en contacto inmediatamente co concelleiro da área “para trasladarlle a necesidade de realizar polas noites das fins de semana da época estival un maior control nestas zonas de lecer”.

O PSOE ao Concelleiro de Seguridade “que realice accións conxuntas coa Garda Civil tal e como se fixeron no anterior mandato “cando a área de seguridade era xestionada pola socialista Vanesa Fernández”. Foi precisamente Vanesa Fernández á que lle lembrou ao concelleiro de Segudiade Cidadá “que as accións conxuntas entre Policía Local e Garda Civil deron moi bos resultados e é imprescindible para garantir a boa convivencia entre os veciños e a xente que goza do lecer nocturno”.

Desde o Partido Socialista “queremos agradecer o labor realizado pola Policía Local en todo momento para tratar de garantir a seguridade e a convivencia de todos e desexan unha pronta recuperación aos dous axentes que foron vítimas da agresión da pasada noite”.

Na mesma liña o PSOE solicitoulle ao concelleiro de Tráfico, que ostenta as competencias de postos ambulantes, “que é necesario garantir que se estean cumprindo as medidas de seguridade e sanitarias necesarias fronte ao coronavirus durante o desenvolvemento da feira en Ponteareas”. O PSOE asegura ter recibido “numerosas queixas de veciños e veciñas que están a ver como moitos feirantes non respectan estas medidas e por iso trasladáronllo inmediatamente ao concelleiro delegado”.

Tres deportistas porriñenses galardoados na Gran Gala do Deporte de Vigo

Jorge Punzón, Carla Guisande e Yago Martínez foron os tres deportistas porriñeses que foron galardoados na XXIª Gran Gala do Deporte de Vigo e a súa comarca celebrada nos xardíns do Pazo de Castrelos.

O concelleiro de Deportes asistiu en representación do Concello do Porriño. Dos tres, tan só Jorge Punzón estivo presente para recibir a metopa como mellor ciclista, en categoría absoluta, da área de Vigo no ano 2019.

David Alonso lembrou que o Concello recoñeceu o ano pasado a traxectoria de Jorge Punzón encomendadolle o pregón das Festas do Cristo, “papeleta que resolveu de xeito brillante”.

Por outra banda, o concelleiro de Deportes tamén recordou que os outros dous galardoados en categoría promesas, a triatleta Carla Guisande e o piloto de motocross Yago Martínez, ambos sub-23, tiveron contrato de patrocinio do Concello daunte a pasada tempada.

O concelleiro reivindicou “os premios a estes tres xóvenes, acreditan a forza da nosa mocedade e revalidan o alcume de Porriño, O Concello do Deporte”, manifestou David Alonso.

A Deputación aproba novas axudas en Igualdade e prevención da violencia machista que beneficiarán a 44 concellos da provincia

O Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a concesión de subvencións dirixidas aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero para este ano 2020. Trátase da quinta convocatoria desta liña de axudas, que este ano conta con 230.000 euros, 10.000 máis que o pasado ano, e que beneficiarán a 44 concellos da provincia, un máis que no 2019.

O obxectivo destas subvencións é traballar en estreita colaboración cos concellos para que impulsen e realicen actuacións de cara a conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria e que loite contra as violencias machistas. Esta cooperación entre institucións é fundamental ó tratarse dos niveis máis próximos á cidadanía e polo coñecemento que estes teñen da súa poboación.

Os concellos que se beneficiarán destas achegas son Agolada, Arbo, Barro, Baiona, Bueu, Caldas, Cambados, Campo Lameiro, A Cañiza, Covelo, Crecente, Cuntis, Forcarei, Fornelos, Gondomar, O Grove, A Guarda, Illa, A Lama, Meaño, Meis, Mondariz, Mondariz Balneario, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Pazos de Borbén, Poio, Pontecaldelas, Portas, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salceda, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vila de Cruces e Vilanova de Arousa.

Estas axudas permitirán subvencionar proxectos e actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia machista; iniciativas das Mesas Locais de Coordinación Interinstitucional contra a violencia machista; ou proxectos para a mellora da atención integral ás vítimas de violencia de xénero (fillas, fillos e persoas dependentes ao seu cargo).

Tamén terán cabida programas e actuacións destinadas a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e con singulares dificultades; proxectos encamiñados á mellora da formación e orientación para o emprendemento e a inserción laboral das mulleres; e accións encamiñadas á elaboración do plan municipal de igualdade. Ademais, a través destas subvencións os concellos tamén poderán poñer en marcha a creación de redes e servizos de apoio que favorezan a corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, familiar e profesional; actividades dirixidas ao alumnado, profesorado e familiar e profesional; e campañas de difusión e sensibilización á cidadanía en materia de igualdade.

Esta liña de axudas súmase a aquela destinada ás entidades de iniciativa social que traballan a prol da igualdade e que conta este ano cun orzamento de 108.000 euros. Ademais, no mes de xuño a Deputación asinou tres novos convenios de colaboración para a promoción da igualdade real e a loita contra as violencias machistas. Estes acordos foron coa Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia, a Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos e coa Asociación Nós Mesmas.

O Concello do Porriño aclara dúbidas sobre o proceso de selección para cubrir, interinamente, tres vacandes de auxiliar administrativo

A Concellería de Persoal do Concello do Porriño quere comunicar ás persoas interesadas en participar no proceso selectivo para cubrir interinamente 3 prazas vacantes de auxiliar administrativo no Concello, que non deben presentar aínda as súas solicitudes no Concello. Asemade, lembra que as persoas que xa fixeron a presentación deberán repetir ás súas solicitudes ao carecer actualmente estas de validez.

Do mesmo xeito, as persoas que fixeron a solicitude a través da sede electrónica do Concello tamén terán que repetir o proceso unha vez que a convocatoria sexa publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG). A convocatoria, de momento, tan só publicouse no Boletín Oficinl da Provincial (BOPPO) nº 137, de data 20 de xullo.

Unha vez sexa publicada no DOG, os aspirantes terán un prazo de 20 días naturais a contar dende o día seguinte á data de publicación 

A convocatoria pódese consultar nesta ligazón.

O quinteto de vento da Orquestra Filharmónica de Pontevedra encherá Covelo de música da man da Deputacion

A Deputación de Pontevedra organiza o domingo 9 de agosto 20.00 horas un concerto do quinteto de vento da Orquestra Filharmónica de Pontevedra. Este acto musical terá lugar na Praia Fluvial de Maceira, no concello de Covelo, e está inserido dentro do programa cultural “Música no ar”, impulsado polo ente provincial para achegar a música a todos os recunchos e democratizar a cultura. Así, ó evento acudirán o deputado provincial de Cooperación, Santos Héctor; o alcalde de Covelo, Juan Pablo Castillo; e os tenentes de alcalde Lourdes Enes e Félix Álvarez.

O quinteto de vento da Orquestra Filharmónica de Pontevedra, composto por Judith Rey Iglesias (frauta), David Garrido Caneiro (óboe), Francisco Javier Morgade Dobaño (Clarinete), David Arroyos Juan (Fagot) e María Pilar Simeó Gijón (Trompa), interpretará obras recoñecidas e compostas por autores do talle de Beethoven, Prokófiev, S. Joplin, J. Teixidor, S. Couceiro, C. M. Ziehrer, Bizet ou F. Danzi. Este conxunto musical, de longa traxectoria, nace en Pontevedra e está conformado por profesionais do ámbito musical cunha consolidada experiencia no mundo da interpretación e da docencia.

“Música no ar”, enmarcado dentro do amplo programa cultural deseñado pola Deputación de Pontevedra para o ano 2020, máis concretamente do plan provincial “Re-acción cultural”, que conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros, procura espallar a cultura por toda a provincia, divulgar a música de cámara de xeito gratuíto e poñer en valor a todas aquelas persoas que se dedican con talento, paixón e virtuosismo á renovación do xénero musical.

Así pois, na vindeira semana terán lugar tres citas máis ó abeiro deste programa. A primeira delas terá lugar o martes 11 de agosto ás 19.00 horas no Castelo de Sobroso, onde o cuarteto de corda e instrumentos de vento da Orquestra Filharmónica de Pontevedra ofrecerán un concerto. Por outra banda, o venres 14 de agosto ás 19.30 horas o quinteto de metais da Orquestra Filharmónica de Pontevedra actuará no Mosteiro de Poio, mentres que o domingo 16 de agosto ás 20.00 horas terá lugar un concerto da sección de percusión da Orquestra Clásica de Vigo na Carballeira de Caldas de Reis.

Paula Carballeira ofrece un contacontos, este domingo, no Centro Cultural de Belesar, Baiona

0

O centro cultural de Belesar acolle, este domingo 9 de agosto ás 20:00 horas, unha sesión de contacontos da man de Paula Carballeira baixo o título “Elas tres ( a nena, a nai, a bruxa) e moitas outras”.

A actividade, organizada pola Concellería de Igualdade do Concello de Baiona, está dirixida ao público familiar e recomendable a partir de catro anos.

Esta iniciativa desenvólvese ao abeiro do programa ‘Contacontos Igualdade’, que se está a desenvolver nas parroquias do municipio financiada con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de xénero.

A Guarda ofrece visitas guiadas ao casco histórico ao longo do mes de agosto

0

Ao longo do mes de agosto o Concello da Guarda ofrecerá dúas visitas guiadas semanais ao casco urbano, onde a temática deste ano é a historia, patrimonio e testemuñas da época moderna da Guarda. As visitas terán lugar os mércores e xoves do mes de agosto.

Castelo
Castelo de Santa Cruz

Todos os mércores a visita guiada centrarase no Castelo de Santa Cruz, onde se poderá coñecer esta fortaleza militar datada no século XVII, a súa estrutura e historia ao longo dos anos ata a actualidade.

Centro Cultural da Guarda, un dos exemplos de arquitectura ‘indiana’ da vila

A novidade deste ano será a visita guiada dos xoves titulada como A Memoria dos Indianos. Esta visita percorrerá casco urbano coñecendo as pegadas e testemuños dos indianos, aqueles retornados de América que tiveron unha gran influencia política, económica e social principalmente na primeira metade do século XX.

As visitas guiadas sairán ás 12.00 h da Oficina de Turismo sita na Praza de Reló. Estas visitas guiadas son de balde e non precisan inscrición pero si hai límite de participantes.

A Deputación da un novo paso pola sustentabilidade aprobando novos proxectos de alumeado e caldeiras de biomasa

A Deputación de Pontevedra vén de reforzar a súa aposta pola sostibilidade dos concellos da provincia coa aprobación en Xunta de Goberno de dous proxectos que favorecerán o paso a unha economía baixa en carbono ao abeiro das convocatorias do Ministerio para a Transición Ecolóxica a través do IDAE. En concreto, trátase dun plan de renovación das instalacións de iluminación exterior, cuxo orzamento ascende a 3.054.462,15 euros, e doutro de substitución de caldeiras de gasóleo por biomasa, cun importe de 491.973,52. O total destes plans ascende, por tanto, a 3.546.435,67 euros.

Ambos proxectos contan co financiamento a través de fondos FEDER de crecemento sostible 2014-2020 dun máximo do 80% de cada actuación. No caso da renovación das instalacións de iluminación exterior, a Deputación achegará un 15% dos recursos, o que se traduce en 458.169,32 euros; mentres que no caso da substitución de caldeiras de gasóleo por outras de biomasa o ente provincial aportará 49.197,35 euros, o 10% do orzamento total. Así, o investimento total da Deputación será de 507.366,67 euros.

Deste xeito, o Goberno de Carmela Silva deu luz verde aos proxectos de execución das obras de renovación do alumeado público exterior nos concellos mediante a substitución das luminarias actuais por outras LED máis eficientes.

As obras divídense en cinco lotes e abranguen 45 concellos da provincia: Barro, Caldas de Reis, Cambados, A Guarda, Meis, Nigrán, Portas, Rodeiro, Salvaterra de Miño, Tui no lote 1; Arbo, Covelo, Crecente, Meaño, As Neves, Oia, Poio, Pontecesures, O Porriño, Silleda, Tomiño e Vilagarcía de Arousa no lote 2; Baiona, Cuntis, Fornelos de Montes, O Grove, A Illa de Arousa, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, Pazos de Borbén, O Rosal e Soutomaior no lote 3; e Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Dozón, Gondomar, A Lama, Mondariz-Balneario, Salceda de Caselas e Valga no lote 4.

No lote 5, pola súa banda, inclúense proxectos de alumeado nos Bens de Interese Cultural (BIC) dos concellos de Baiona, Caldas de Reis, A Guarda, Meis, Poio, Salvaterra de Miño e Vilanova de Arousa. Nestes sete concellos actuarase en 370 puntos de luz para mellorar o alumeado dos BIC, o que supoñerá un aforro enerxético medio do 81,14%.

Doutra banda, foi aprobado o expediente de contratación para a adxudicación do contrato de obras de substitución de caldeiras de gasóleo por outras de biomasa. O obxectivo que persegue este proxecto é a sostibilidade e a eficiencia enerxética de sete instalacións situadas nos concellos da Guarda, Salvaterra de Miño, Mondariz, Portas e Caldas de Reis. Con estas actuacións preténdese reducir as emisións contaminantes e acadar un aforro enerxético do 25%. Ademais, estas obras levan aparellada a redución considerable dos custes de subministro de gasóleo para as arcas dos concellos e teñen grandes beneficios ecolóxicos, xa que permiten aforros de emisión de CO2 á atmosfera.

En concreto, coas achegas derivadas deste proxecto A Guarda vai substituír a caldeira de gasóleo do Centro Cultural, mentres que Salvaterra de Miño acometerá tres actuacións, coa substitución das caldeiras no Concello, o Centro Cultural e no Xulgado de Paz. Pola súa banda, Mondariz cambiará a caldeira do Centro Social; Portas, as do edificio da Azucreira, a gardería e o Centro de Día; e, por último, Caldas substituirá a da piscina.

Tomiño axuda, por cuarto ano consecutivo, ás traídas de augas para mellorar os sistemas de captación, almacenamento e potabilización

0

Por cuarto ano consecutivo, unha trintena de comunidades de auga de Tomiño, poderá acceder á liña de subvencións municipais que pretende contribuír á mellora dos sistemas de captación, abastecemento e potabilización. As bases das axudas, aprobadas esta semana en Xunta de Goberno, serán publicadas en breve no Boletín Oficial da Provincia, permitindo ás traídas –que serven a un total de 3.000 persoas en Tomiño– que reúnan os requisitos para ser beneficiarias, facer fronte a gastos de materiais, equipamentos e man de obra para realizar melloras dos sistemas de captación de auga (fontes e pozos e o seu entorno); sistemas de almacenamento e potabilización (depósitos e o seu entorno, filtración, decantación, filtración), e sistemas de distribución (extensión ou mellora nas redes de distribución).

Unha vez presentadas as solicitudes, unha comisión técnica avaliadora reunirase para valorar os proxectos, que deberán ter elaborado e actualizado un protocolo sanitario que garanta a calidade da auga, ademais doutros requisitos. Proporcionar auga de consumo a algún centro educativo ou presentar proxectos innovadores, serán tidos en conta para elevar a puntuación.

“O obxectivo do Concello é apoiar a estes sistemas de xestión comunitaria, para que poidan cumprir a normativa vixente en materia de auga de consumo. O cumprimento da normativa é preciso, tanto para garantir unha adecuada calidade do servizo, como para a renovación das concesións ante parte da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, e así asegurar a supervivencia destes sistemas de xestión tan importantes”, salienta o concelleiro de Servizos Públicos, Lois Vázquez.

O edil explica que ademais dos conceptos incluídos na convocatoria de subvención, o Concello financia para todas as traídas –cunha partida de 10.000 euros adicionais–, parte do custo (o 50%) das analíticas anuais e kits de cloración; 100 % de medidores de cloro, e 100% da alta no Sistema de Información Nacional de Augas de Consumo e na elaboración de protocolos sanitarios, polo que o investimento total nas traídas de augas do Concello de Tomiño, ascende a 50.000 euros ao ano.

“Este é o cuarto ano que se conceden as subvencións e, que saibamos, non hai outro concello que teña un programa de axudas similar”, puntualiza o concelleiro.

Debido ao novidoso deste tipo de programas de axudas, o Concello de Tomiño  foi convidado en varias ocasións a xornadas na Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), ou visitado nos últimos anos por comunidades rurais de abastecemento de augas doutras rexións e países, interesados en coñecer in situ os proxectos locais.

A Deputación mellora a seguridade viaria dos núcleos rurais de Covelo cun total de sete obras

0

O Concello de Covelo goza dunha contorna segura en sete camiños rurais, boa parte deles asociados a espazos de centralidade para a veciñanza, gracias ás obras executadas no marco do Plan de Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais (DepoRemse) da Deputación de Pontevedra. A actuación, valorada en 91.323,46 euros, foi visitada polo deputado Santos Héctor, acompañado polo alcalde, Juan Pablo Castillo.

As obras realizadas no viario municipal consistiron na instalación 14 elementos redutores de velocidade, sete pasos de peóns elevados, zonas cebreadas para marcar a prioridade peonil, o reasfaltado dun tramo e a reordenación dun aparcamento para dar seguridade aos peóns. Sobre o orzamento total, a Deputación realizou unha achega do 95% (86.157,27 euros) e o Concello correu co importe restante.

A contorna do colexio de Covelo, a igrexa e a Casa de Cultura de Casteláns e o acceso á capela de Xestosa pasarán así a contar cun espazo amable ao seu redor, no que priman os criterios de seguridade establecidos pola Deputación. O deputado Santos Héctor subliñou que a institución provincial conta xa cunha asentada tradición de execución de obras “á medida das persoas e do século XXI e converteuse, de feito, nunha referencia”. “Covelo dá un paso adiante en materia de mobilidade moderna, un modelo no que as persoas teñen preferencia sobre os vehículos”, engadiu.

Por outra banda, o deputado destacou que a Deputación fai da colaboración e a alianza cos concellos a súa razón de ser. “Somos unha institución profundamente municipalista e comprometida co territorio da nosa provincia dun xeito transversal” e así, explicou, xurdiu o reparto regrado e obxectivo de fondos tanto a través do Plan Concellos como dos plans extraordinarios (entre eles o DepoRemse) que se adxudican en base a puntuacións obxectivas e criterios técnicos. “A Deputación de Pontevedra é exemplo de relación aberta, franca e colaborativa con tódolos concellos da provincia”, concluíu.

Ao detalle, as obras executadas son as seguintes: no Camiño Outeiro, acceso ao colexio colocouse un redutor de velocidade na entrada sur, un paso de peóns fronte ao colexio e outro no cruce coa PO-261. No camiño Castro Regueiro (Maceira) executáronse tres redutores. No acceso á Igrexa e á Casa da Cultura de Casteláns executáronse dous pasos de peóns fronte a estas dúas dotacións. Para comunicar os pasos de peóns aplicouse un firme novo, previa demolición do anterior. Este pavimento quedou cebreado con pintura reflexiva e microsferas de vidro. No camiño de Casteláns executouse un redutor de velocidade e instalouse unha señal de Stop. No camiño da parcelaria de Barciademera, catro redutores de velocidade. No camiño de Baldomar (Santa Mariña), tres. No acceso á capilla de Xestosa (Prado), executáronse dous pasos de peóns sobreelevados. No estacionamento existente se delimitaron as prazas e executouse un cebreado perimetral para marcar a circulación peonil. No camiño As Medelas (Paraños) executáronse dous redutores de velocidade e un paso sobreelevado de peóns.

O Plan DepoRemse financia un total de 31 obras de seguridade viaria en vías de titularidade municipal noutros tantos concellos da provincia de Pontevedra. A pandemia de Covid-19 motivou que a Deputación acordase unha prórroga extraordinaria para o prazo de finalización, que agora quedou fixada no 31 de maio, 11 meses máis que o prazo orixinal.

O Concello de Covelo ten recibido un investimento total da Deputación de Pontevedra dende o ano 2015 de 4.560.470 euros, dos que boa parte corresponden ao Plan Concellos. Neste ano está a recibir 453.809,18 euros deste plan provincial. Ata o momento, o Concello foi quen de executar 31 obras; financiar 34 actividades socioculturais propias e contratar a 95 traballadores con cargo ao Plan Concellos. A maiores, Covelo beneficiouse das adxudicacións das obras da praza de Barciademera con cargo ao Plan de Reequilibrio (287.407 euros) e esta mellora no seu viario rural con cargo ao DepoRemse.

O Concello do Rosal amplía a información turística na súa web

0

O Concello do Rosal vén de implementar unha nova área de información turística na súa web coa que dar a coñecer os puntos de interese do municipio rosaleiro. Esta actualización adquire maior importancia ao permanecer fechada na actualidade a oficina de información turística municipal debido á situación de crise pandémica.

A web achega ademais nova información sobre localizacións e puntos de interese e propón cinco plans imprescindibles para todo aquel que queira coñecer as virtudes naturais e patrimoniais do Rosal. Neles pódese atopar información de emprazamentos de alto valor paisaxístico e natural como os miradoiros da Portela e do Niño do Corvo, as áreas recreativa das Aceñas e do Tamuxe, as sendas homologadas dos Muíños do Folón e do Picón ou da Senda dos Pescadores entre outros moitos.

Durante o mes de agosto continúan a ofrecerse as visitas guiadas  ás sendas dos muíños do Folón e do Picón e á senda dos pescadores.

Ademais de información adicional, na web ofrécese información sobre as ubicacións dos puntos de interese, coa posibilidade abrilas en calquera aplicación de mapas, datos sobre a ficha técnica e o nivel de dificultade das rutas de sendeirismo ou a posibilidade de descargar un documento “pdf” para poder consultar todos estes datos sen necesidade de conexión a internet. No caso por exemplo da ruta dos muíños do Folón e do Picón pódese acceder tamén a vídeos explicativos en galego, español e inglés, accesibles tamén durante a ruta mediante códigos QR.

Aparte de poder consultar estas novas achegas presentes na web, calquera persoa que precise información adicional pode pasar polo concello de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas.

A concellería de Deportes da Guarda organiza unha ruta en kaiak

0

A concellería de Deportes do Concello da Guarda organiza para o vindeiro xoves día 27 de agosto unha Ruta en Kaiak polo Río Tamuxe. As inscricións están xa abertas e a actividade ten un custo de 4 € por persoa.

A ruta terá inicio ás 16:30 h dende a Praia das Eiras no Concello do Rosal, e continuará ata o Río Tamuxe, un percorrido polo Miño e Tamuxe de grande beleza paisaxística e natural.

As persoas interesadas en participar poden inscribirse no seguinte formulario online nesta ligazón.

Areeiro segue a constatar o bo estado das viñas debido ás condicións meteorolóxicas

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, vén de lanzar un novo aviso fitosanitario no que volve constatar o bo estado xeral das viñas e recomenda incrementar a vixilancia sobre a bolboreta do buxo. Areeiro destaca o avance da fenoloxía das viñas, de feito que poden manterse as previsións de adianto da vendima. Neste senso, o persoal especialista subliña que moitas das grandes adegas xa estableceron os seus límites para a última intervención, e recomenda que, de ser necesario realizar un último tratamento nas viñas, haberá que decantarse por produtos cun prazo de seguridade máis curto que a data estimada de vendima.

No aviso, Areeiro advirte tamén que aínda que a situación das viñas é boa, na última semana atopáronse algunhas novas manchas de mildio nalgúns crecementos tenros, o que non sucedía desde facía tempo. Algunhas destas manchas eran moi incipientes e non presentaban esporulación, pero outras si a tiñan. Tamén en dúas viñas detectouse nova frutificación e zonas de avance nas manchas antigas. Porén, a súa presenza afectaba a poucos brotes e/ou poucas plantas. Coas previsións meteorolóxicas para as próximas xornadas, non se espera que poida incrementarse o número de manchas pero Areeiro incide en que para evitar que as esporas do mildio se dispersen en caso de que chova, poden eliminarse os brotes afectados se as viñas son de reducidas dimensións.

No caso do oídio, o persoal de Areeiro sinala que nas viñas que tiñan presenza do fungo, os acios que aínda non están no “pleno pintado” continúan amosando grans infectados de novo polo patóxeno e tamén se observaron viñas con acios completamente afectados. Doutra banda, empeza a ser frecuente a presenza de micelio nos rebuscos e tamén nas follas dalgunhas plantas, en especial nos predios máis afectados e tamén nos que levan máis tempo sen tratamentos. O fungo tampouco pode danar ao acio en maduración, pero naquelas viñas máis afectadas Areeiro apunta que haberá que manter a vixilancia e eliminar, se é viable, os acios máis gravemente danados.

No que respecta ao black-rot, Areeiro destaca que xa non hai risco de danos, mentres que no que atinxe á botrite destaca que se finalmente os próximos días hai precipitacións, haberá que estar pendentes da súa contía e duración, sobre todo nas viñas de variedades máis sensibles e/ou naquelas con ataques mal controlados de oídio, cun número moderado de perforacións das avelaíñas do acio ou con feridas de calquera outro tipo.

Doutra banda, Areeiro subliña que no caso das avelaíñas do acio, nesta semana non se recolleron adultos nas trampas instaladas, pero se atoparon algúns ovos (inviables, secos, na súa maioría) e tamén algunha que outra perforación nova na meirande parte dos predios revisados. De manterse as datas de vendima máis temperás, non se espera que haxa danos de consideración polas perforacións larvarias e, neste senso, o persoal da Estación destaca que só haberá que estar pendentes ante un posible cambio de tendencia na climatoloxía pola incidencia na botrite.

Tampouco se observaron variacións na presencia de cicadelidos. Nos recontos de ninfas tamén o número foi moi baixo, comprendido entre 1 e 4 por cada 100 follas. Pola súa banda, malia ter un número moi elevado de trampas nas zonas sensibles, non se recolleu aínda ningún exemplar de Scaphoideus titanus.


Doutra banda, Areeiro constatou tamén síntomas de trips nalgunhas viñas da comarca do Salnés, pero o número de gromos afectados e a presenza de individuos neles non xustifica un tratamento. E se seguen atopando frecuentemente síntomas de erinose, que non require tratamento.

O aviso tamén se refire a outras incidencias, como a existencia de síntomas de alteracións de madeira nas plantas dalgunhas viñas, derivada do estrés causado pola climatoloxía que leva rexistrándose, e tamén de síntomas propios do estrés en si mesmo como son os golpes de sol nos acios ou os síntomas de seca, que están a provocar xa nalgúns predios unha senescencia prematura das follas.

Para ver postas de Cydalima requirese moita atencion

Amais, o aviso fitosanitario refírese tamén a outras plantas e cultivos. O persoal da Estación recomenda incrementar a vixilancia sobre a bolboreta do buxo, xa que esta semana se detectou en Areeiro un adulto e a primeira posta. Nas plantas doutros lugares observouse tamén algunha crisálide.

No caso da maceira, sinala que aínda quedan algunhas formas sen parasitar nas colonias de pulgón laníxero, pero nas plantas controladas os niveis de parasitismo por Aphelinus mali son moi elevados. Así mesmo, detectouse a presenza, nunhas plantas da variedade reineta, de síntomas de araña Tetranychus urticae. Aínda que estes síntomas eran iniciais, de seguir o tempo seco como prevé a maioría dos institutos meteorolóxicos, poderán incrementarse as poboacións.

No que se refire aos cítricos, Areeiro constatou que segue sen haber apenas brotes novos pola psila africana nas plantas controladas, aínda que se seguen a recibir consultas acerca desta praga. Amais, nalgunhas plantas observáronse pulgóns e outros chupadores, que aínda non ben empezan abrir as follas xa as ocupan.

Por último, no que respecta ao piñeiro, continúa o voo da praga da procesionaria e esta semana foi cando máis adultos se recolleron nas trampas.

Ponteareas acomete a vindeira semana a reordenación peonil e de tráfico na contorma do mercado de abastos

O vindeiro luns darán comezo os traballos de pintado e sinalización de diferentes rúas no entorno do Mercado Municipal. As actuacións forman parte do plan de reordenación dos espazos peonís e do tráfico nas rúas A Braña, Fernández Vega, Perillana, Esperanza, República Arxentina, Morales Hidalgo, A Estrada, Castiñeira, Virxe da Luz e A Minada.

A realización dos traballos conlevará restricións ao tráfico rodado durante os primeiros días da semana. As actuacións conlevan a ampliación dos espazos para as persoas, a eliminación de dobres sentidos de circulación así como cambios nos itinerarios rodados, a creación de prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida e prazas para motocicletas. Ademais modificarase a parada de autobuses ubicada na rúa Real preto da Fonte da Rúa de Abaixo, coa intención de mellorar a visibilidade na saída desde Ferreiros á N-120.

Sempre houbo un antes
E un despois… afortunadamente!

Para abordar as actuacións a concellaría de Mobilidade e Tráfico e de Vías e Obras que dirixen Roberto Mera e Chus Garrote respectivamente, estableceron un plan de traballo no que participarán a Policía Local, a brigada de Obras municipais, persoal de Medioambiente e a concesionaria da limpeza viaria, FCC.

Mera e Garrote sinalaron que “as actuacións suporán unha mellora na calidade de vida da veciñanza, especialmente das persoas residentes nesas rúas, unha mellora na seguridade vial e dará un maior atractivo comercial á zona, reforzando o impacto positivo da creación da praza situada diante do Mercado Municipal”. O Concello agradece a comprensión veciñal polos trastornos que as obras ocasionarán durante varios días.

O PSOE reclamará a Xunta dende os concellos que “consensúe” o protocolo de inicio do curso escolar e “asuma os custes das medidas a implementar”

O PSdeG reclamará á Xunta dende os concellos que se reúna cos representantes do profesorado e das familias do alumnado ao obxecto de acadar un protocolo de inicio de curso “consensuado” e “coas máximas garantías posibles” para afrontar o período lectivo adecuando os centros á nova situación e garantindo as medidas de protección necesarias fronte á COVID-19.

Despois de que o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instara ao goberno galego a “exercer as súas competencias” en materia educativa e “consensuar” o protocolo covid para a volta ás aulas, os socialistas levarán unha moción a todos os concellos de Galicia para demandar ese acordo.

No texto da moción, o PSdeG defende tamén que se dote aos centros escolares do profesorado e do persoal “suficiente” para asegurar unha correcta actividade educativa, así como “garantir o funcionamento do transporte e dos comedores escolares” nos mesmos termos nos que se viña facendo.

Así mesmo, os socialistas demandarán á Xunta que defina, de acordo coa Fegamp, os recursos necesarios para o desenvolvemento do curso escolar; ao tempo que se xere “unha dinámica de colaboración estable para este cometido” coa entidade que aglutina aos concellos “mentres dure esta situación extraordinaria”.

Ademais, no eido económico, a moción formulada polo PSdeG demanda á Xunta que habilite “os fondos extraordinarios necesarios” para que os incrementos de custes que teñen que asumir centros, anpas e concellos como consecuencia das medidas dese protocolo sexan asumidos pola administración autonómica.

Do mesmo xeito, os e as socialistas instarán á Xunta dende os distintos concellos a “negociar de maneira transparente con todos os sectores implicados” o reparto dos fondos extraordinarios enviados ás comunidades por parte do goberno de España para o eido educativo.

‘O Son do Río’ presentan na Praza de España de Mondariz o seu novo disco ‘De Raíz’

0

Música popular. Lecer. Soños. Raíces. Maxia. Sentir. Legado. Recordo. Todas estas palabras compoñen os piares sobre os que se sostén O Son do Río e o seu recente debut discográfico, ‘De Raíz’ que se presenta este sábado, 8 de agosto ás 23:00 horas, na Praza de España de Mondariz.

O Son do Río naceu hai xa dez anos, nunha xuntanza entre parentes e amigos na casa parroquial de Frades (Mondariz), á carón da cal corre o río Machado. O murmurio deste río doulle o nome ao grupo.

O ano 2020 é moi especial para o grupo, posto que a comezos deste saíu á luz o seu primeiro álbum de estudio, «De Raíz», que se enriquece coas achegas de Laxoso (Ponte Caldelas), Sabaxáns, O Ortegal, Lavadores, Zamáns e Bouzas. Sobre un patrimonio familiar do que sinten orgullo, o seu «río» vai creando un esteiro no que teñen cabida as composicións tanto dos membros do grupo como de amigas que están preto do seu sentir.

O Son do Río agarda que o pouso que recibades deste traballo sexa unha fervenza de sentimentos e emocións e que deixe en vós a mesma pegada ilusión con que o grupo o fixo.

A Escola de Música de Xinzo abre o prazo de matrícula para o curso 2020/2021

Dende o pasado 15 de xullo, a Escola de Música de Xinzo deu comezo ao período de inscrición para o vindeiro curso, prazo que permanecerá aberto ata o día 31 de agosto. Os novos alumnos poderán matricularse nas clases de Linguaxe Musical e Instrumento, ao que se suma a posibilidade de entrar a formar parte da Banda de Música Infantil. Ademais, os más cativos (nenos e nenas de entre 5 e 7 anos) teñen a oportunidade de gozar a experiencia que ofrecen as clases de Música e Movemento.

A presentación do novo curso e a elección de horarios terá lugar o 7 de setembro ás 20:30h no Centro Cultural de Xinzo.

Para más información, é posible contactar coa Escola de Música a través dos número de teléfono 655-296-576 y 680-179-385, ou ben escribir ó correo electrónico [email protected].

O BNG de Redondela demanda un cambio no sistema de limpeza das praias

0

O portavoz do BNG no Concello de Redondela, Xoán Carlos González, vén de dirixir un escrito á Alcaldía de Redondela no que expón a súa disconformidade cos argumentos que se están a dar dende varios medios informativos “sobre limitar a recollida de algas a varios días da semana, nas praias de Redondela”. Segundo o edil nacionalista que se ben comparte como principio de respeito medioambiental a preservación dos areais sen intervencións humanas, “non se dan as condicións para as praias do noso concello, principalmente de Cesantes”.

Consideran dende o BNG, que a “perda de area” débese maiormente ás diversas obras, e aterramentos que nas últimas décadas se teñen realizado na beiramar da Ría de Vigo, modificando a acción natural das correntes”. Entre estas actuacións resalta os aterros no Estreito de Rande, a estructura do Peirao , ou os balados construídos no mandato do PP no propio areal de Cesantes. Limitan o negativo impacto da limpeza de algas e plantas mariñas, como a zostera, ante o evidente deterioro dos areais. Apostan no BNG, por manter a limpeza das praias por medios manuais, e non mecánicos “fomentando un maior respeto polo entorno natural”.

Noutra parte do seu escrito, o edil nacionalista refírese a que “o uso e disfrute dos espazos públicos, como no caso dos areias de Redondela, consitúe un dereito da veciñanza”. Alude a que as mesmas familias que colaboraron estoicamente coas restriccións motivadas polo COVID-19, moitas delas vivindo en zoas urbanas, non se poden permitir o luxo de adquirir fincas ou piscinas particulares. “Teñen dereito a disfrutar dos areais e que o concello colabore no seu mantemento posto que este é o tipo de lecer máis extendido entre estes veciños e veciñas, na época estival”, sinala o edil nacionalista.

Argumenta que “non pode ser que aqueles que padeceron as maiores restriccións, agora tamén vexan limitado o seu dereito ao disfrute destes espazos públicos ao non recollerse diariamente as algas e plantas mariñas. Trátase dunha cuestión de xustiza social”, afirma Xoán Carlos González.

Finalmente no escrito, demanda que dende o Goberno que preside Digna Rivas “reconsideren a problemática que tanta repercusión está a ter entre os nosos veciños e veciñas modificando a fórmula de limpeza de praias co fin de conxugar recuperación medioambiental e lecer”.

O Castelo do Sobroso ‘Re-Acciona’ a ritmo de ‘Falúa’ da man da Deputación de Pontevedra

Nin unha cadeira valeira. Xa fai tempo que todas as prazas estaban esgotadas para ver ao dúo Falua, actuación enmarcada no programa cultural ‘Re-Acción nos Castelos’ da Deputación de Pontevedra, pero o espectáculo musical da cantante Sara de Sousa e o guitarrista acústico Gonzalo Goás Amado, superou todas as expectativas. Un concerto espectacular nun dos enclaves patrimoniais de maior beleza da provincia, ao que tamén asistiu a presidenta provincial, Carmela Silva, a alcaldesa en funcións de Ponteareas, Cristina Fernández, e o deputado provincial Santos Héctor.

[su_image_carousel source=”media: 18620,18621,18622″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

O máxico recinto de Sobroso quedou en silencio ás 19.30 horas para escoitar con atención as notas que deron comezo ao concerto de Sara de Sousa e Gonzalo Goás, unha actuación longamente aplaudida na que a formación folk do violista mestúrase coa tradición fadista, creando deste xeito o estilo que da unha nova luz a temas que forman parte da historia musical lusófona. Ambos levaron ao público, que gardou todas as medidas de seguridade de distancia e mascarilla obrigatoria, a un percorrido polos sons da lusofonía con músicas galegas, portuguesas e mesmo brasileiras.

‘Re-Acción nos Castelos!’ volverá o próximo mércores 12 ao Castelo de Sobroso coa contacontos infantil Cristina Collazo e o seu ‘Nin príncipes nin princesas’. Ao día seguinte, o xoves 13, a compañía ‘Inversa Teatro’ porá en escena no Castelo de Soutomaior un peza titulada ‘Té con Kant’, unha actividade enmarcada en ‘O teatro vén de visita’. Todas as actuacións de ‘Re-acción nos Castelos’ precisan de inscrición previa a través do correo [email protected]. Todas as accións contan coas medidas de seguridade pertinentes, protocolos Covid e o uso da máscara obrigatorio para as persoas asistentes.

O PSOE de Tomiño pedirá no Pleno que a Xunta retire o actual protocolo de apertura dos colexios “e abra canles de diálogo coa comunidade educativa”

0

O Grupo Municipal Socialista do Concello de Tomiño propoñerá ao Pleno da Corporación Municipal instar á Xunta de Galicia, en concreto ás consellerías de Educación e Sanidade, a que retiren o actual protocolo de apertura dos colexios para o vindeiro curso “e a apertura de canles de diálogo coa comunidade educativa –axentes sociais, profesorado e familias– que permitan consensuar un documento eficaz e realista coas necesidades dos centros educativos”.

Ao mesmo tempo, piden as concelleiras socialistas o investimento preciso en recursos humanos e materiais “para asegurar a necesaria seguridade física e psicolóxica do alumnado, do profesorado e das propias familias, en resumo, da totalidade da comunidade educativa e o resto da poboación” requirindo, por último á Consellería de Sanidade, “a creación dun departamento eficaz de coordinación e asesoramento de centros cun funcionamento real e que responda en tempo e forma ás inquedanzas dos centros educativos”.

Na moción presentada, Violeta de Santiago e Mirta Misa lembran que o pasado mes de xullo, as Consellerías de Educación e Sanidade fixeron público as liñas xerais do protocolo de adaptación dos centros de ensino non universitarios de Galicia á nova realidade para o comezo da actividade lectiva no mes de setembro, un texto “que se atrasou na súa difusión “por motivos claramente electorais” e no que se limita a establecer normas sanitarias de ocupación de edificios e celebración de reunións “sen ter en conta a realidade do ensino público e da propia comunidade educativa”. Así sinala o Grupo Municipal Socialista, “non hai investimento e adáptanse ata o insulto as necesidades sanitarias con tal de non achegar máis persoal tanto docente coma non docente. Deixa en mans das direccións a responsabilidade da organización e a xestión dun problema que é estritamente sanitario”. “As direccións –subliña a moción– non son especialistas nesa materia nin teñen que ser responsables do que ocorra nese ámbito”.

No protocolo, entre outras cousas, obsérvase que a distancia dun metro de separación nas aulas é absolutamente insuficiente segundo as recomendacións que se están a ver publicadas para a cidadanía en xeral. “Mesmo dase a paradoxa de esixiren 1,5 metros nas salas de profesorado mentres que o alumnado estaría a un escaso metro de distancia e basean a estratexia sanitaria “na auto diagnose de alumnado e/ou familias” algo que as concelleiras cualifican de “feito absolutamente irresponsable porque permite que a falta involuntaria na comunicación dunha pequena sintomatoloxía poida levarnos a contaxios e paralizacións do sistema”. Non dubida o PSOE de Tomiño en afirmar que os centros escolares “convértense en meros ‘aparcadoiros’ cheos de normas de funcionamento con porcentaxes de ocupación de baños (hainos para cada grupo burbulla?), corredores, entradas, saídas… para logo permitir a permanencia nas aulas, no transporte ou nos comedores escolares”.

Na súa moción, os e as socialistas tomiñeses rexeitan con rotundidade “que sexa o alumnado quen se encargue dos labores de hixiene. Non se trata de que non deban aprender a facelo senón que a súa inexperiencia fará que sexan ineficaces ou polo menos dubidosas. A limpeza dos centros debe estar sempre en mans de profesionais”.

“En canto á atención á diversidade, como se vai acadar que un neno/a con TDAH permaneza cinco horas sentado na súa aula mirando cara adiante?”, preguntan.

De feito, no protocolo da Xunta non se especifica como se vai a asegurar a atención permanente do alumnado nos casos en que non se poida asistir ás aulas durante un período indeterminado ou nun hipotético peche das instalacións. “A fenda dixital segue a estar aí. Non se resolve cunha semana de formación para todo o profesorado ou con quince días para o alumnado” e, do mesmo xeito sinalan que “tampouco hai unha previsión sobre os custes económicos das medidas sanitarias para as familias nin para os propios centros educativos”.

Ironizan Violeta de Santiago e Mirta Misa sobre o feito de que se “poderían escribir outros noventa e nove folios, como fixo a administración educativa, pero todo lévanos ao mesmo sitio: a Consellería de Educación ten que asumir a responsabilidade directa do que se decida e asegurar un cumprimento igual en toda Galicia”. Tamén e a súa responsabilidade, lembran, “implementación de distintas medidas que redunden no benestar do persoal e o alumnado como sería o incremento da distancia social coa disminución das ratios por aula, a necesidade da contratación de máis persoal (docente, persoal coidador…) ou a inversión en medios materiais”.

Aplauden as socialistas a petición trasladada polos representantes das ANPAS de implementar os Camiños Escolares no IES Antón Alonso Ríos e que se fagan realidade os xa proxectados no CEP Pedro Caselles Beltrán e CEIP Pintor Antonio Fernández.

Por último e referido á Aula de Estudo a consideran “unha idea fantástica” pero subliñan que “debe ser un complemento da Biblioteca Municipal prometida dende fai trece anos e que non da chegado. Ao mesmo tempo, xúrdennos serias dúbidas con respecto a ela: quen se fará cargo da desinfección dos equipos e do mobiliario? Quen será o persoal que estará ao cargo da mesma? Crearase a figura dunha conserxe?”.

Play Doc contará cun obradoiro audiovisual impartido polo recoñecido cineasta Eloy Domínguez Serén

0

A crise provocada polo coronavirus está a transformar a vida cotiá, as pautas de comportamento e o modo en que nos relacionamos os uns cos outros. Play-Doc quere contribuír ao rexistro deste momento histórico a través deste obradoiro audiovisual, valéndose da extraordinaria capacidade que ten o cinema para capturar o momento presente, retratar e construír unha memoria colectiva na que se poden compartir vivencias a través de imaxes e sons.

Baixo o título En primeira Persoa: Un Retrato Colectivo, este obradoiro audiovisual convida os veciños de Tui e da comarca para explorar a súa propia visión deste tempo que nos tocou vivir, animando a cada participante a realizar unha breve peza audiovisual na que retrate, expoña ou reflexione sobre o modo en que toda esta situación está a cambiar o xeito en que nos relacionamos coa nosa contorna, os nosos veciños e a nosa comunidade.

Ao longo dos meses de agosto e setembro de 2020, os participantes traballarán nesta obra coral, na que reflexionarán acerca da súa propia experiencia, tecendo xuntos un valioso entrelazado de pequenas historias persoais e colectivas. Durante todo o proceso de creación, os participantes contarán co seguimento, asesoramento, colaboración e apoio do cineasta Eloy Domínguez Serén, recoñecido e multipremiado realizador galego que conta cunha notable traxectoria internacional, na que destacan títulos como Hamada ou Non Cow on the Ice.

O obradoiro dará comezo cunha xornada de visionado en grupo durante a última semana de agosto, na que os participantes poderán descubrir a obra de distintos cineastas, coñecer os diversos modos nos que se expresan, e contar así con referentes que poidan resultar útiles para a realización das súas propias pezas.

Os filmes resultantes non superarán os 3 minutos de duración e poderán elaborarse utilizando calquera formato de gravación, desde teléfonos móbiles ata cámaras profesionais. As obras finalizadas presentaranse dentro do marco da celebración da décimo sexta edición de Play-Doc que terá lugar en Tui do 23 ao 27 de setembro.

Inscrición. Este obradoiro está aberto a todo tipo de participantes de todas as idades. Non é imprescindible experiencia previa nin tampouco formación audiovisual. Os que desexen participar deberán enviar un e-mail a [email protected] co ‘asunto’: OBRADOIRO PLAY-DOC, e indicando nome completo e teléfono de contacto.

O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o día 20 de agosto. Establécese un máximo de 10 prazas. A organización do festival poñerase en contacto con todos os rexistrados e unha vez finalizado o prazo anunciara os participantes seleccionados.

Eloy Domínguez Serén

Eloy Domínguez Serén naceu en 1985 en Simes (Galicia). Graduouse en 2010 na Universitat Autònoma de Barcelona. Antes de comezar a súa carreira como cineasta, traballou como crítico de cinema en radio e prensa escrita, e foi cofundador e codirector da revista A Cuarta Parede. En 2010 foi membro do Xurado Novo na 67ª Mostra de Venecia.

En 2012 trasladouse a Suecia, onde realizou a súa primeira curtametraxe, PETTRING. En 2014, lanzou dous novos proxectos, a curtametraxe NON NOVO CÉIO e a mediometraxe JET LAG (programado en FIDMarseilla, Doc’ s Kingdom, Museum of the Moving Images de Nova York ou Etats Généraux de Lussas, entre outros). A súa película NON COW ON THE ICE estreouse en 2015 en Visions du Réel e foi premiada en Toulouse, Filmadrid, Play-Doc, L’Alternativa ou Marxes, mentres que os seus curtos YELLOW BRICK ROAD e RUST estreáronse en Jihlava IDFF 2015 e FID Marsella 2016, respectivamente. En 2017, o seu novo proxecto HAMADA gañou dous premios no Doc Outlook de Visions du Réel, o premio de postproducción nas Palmas e foi seleccionado na Doc Station en Berlinale. Esta película tivo a súa estrea mundial en IDFA 2018 e foi premiada en festivais como Cinéma du Réel, Xixón, Porto/Post/Doc ou Tempo.

Medio Ambiente e a Policía local identifican a seis persoas por marisqueo ilegal na praia de Arealonga

0

O departamento de Medio Ambiente do Concello de Redondela en coordinación coa Policía Local realizou operacións de control e identificación de persoas por marisqueo ilegal no areal Chapela. Actuacións que atenden o compromiso adquirido polo Concello coa Confraría de Pescadores e o Colectivo de Mariscadoras nunha xuntanza mantida no mes de xullo na que participaron representantes das entidades, o responsable de zona da Policía Autonómica, o xefe da Policía Local a alcaldesa Digna Rivas e o concelleiro de medio ambiente Roberto Villar.

Dentro das actividades de control medio ambiental  no medio natural do concello de Redondela, a Concellaría de Medio Ambiente ven de implantar o control e vixilancia periódico das actividades que realizan usuarios e furtivos nos bancos marisqueiros que se encontran nas praias do municipio.

Nas dúas primeiras operacións programadas polo departamento medio ambiental logrouse identificar a seis infractores, incautar un angazo e  bolsas con marisco que estaban agochadas debaixo de táboas, pedras ou algas. O marisco incautado foi devolto o mar polos axentes e membros do departamento de medio ambiente que realizaron o seguimento da actuación.

Apertura de expedientes

O departamento de medio ambiente procederá a apertura de expediente as persoas identificadas e estudará a imposición de medidas disciplinarias que lle permitan as competencias e legalidade vixente  sobres este tipo de infraccións.

Perigo para a saúde pública e a economía do colectivo de Mariscadoras

Este tipo de actividades poñen en perigo a saúde pública pois parte do marisco retirado polos furtivos acaba no mercado negro en grandes cantidades sen ningún tipo de control de tamaño e sanitario, que no caso de Arealonga o marisco precisa ser depurado para o seu consumo. Os usuarios que o retiran para o autoconsumo poñen en risco a súa propia saúde e familiares. Este tipo de actividades que se realizan fora da legalidade están prexudicando a estabilidade económica das traballadoras do mar que día a día se esforzan para ter un sustento no litoral de Redondela.

O Pobo de Arbo e 95 voluntarios serán homenaxeados durante a Gala da Lamprea

0

O vindeiro día 8 de agosto de 2020, na Praza Consistorio  terá lugar a Gala da Lamprea que forma parte dos actos da LX Festa da Lamprea e que tivo que ser suspendida no mes de abril polo Estado de Alarma.

Durante o acto, o Concello de Arbo fará entrega dos premios dos concursos da LX Festa da Lamprea e do Certame “Brais Alonso”, e aos alumnos do CEIP Antonio Carpinteiro gañadores do Concurso de redacción e debuxo da LX Festa da Lamprea, así como dos diplomas acreditativos aos voluntarios e voluntarias que colaboraron con esta institución na loita contra a pandemia.

“No noso concello, os voluntarios e voluntarias desenvolveron diversas iniciativas de suma importancia para aumentar a seguridade e protexer a saúde de todos os veciños e veciñas durante o estado de alarma” – informa o alcalde do Concello Horacio Gil – algo que me enche de orgullo como veciño e alcalde, polo que todos deben de coñecer e agradecer a súa labor desinteresada.

O Concello de Arbo creou o programa “Tecendo solidariedade en Arbo” coa finalidade de elaborar máscaras reutilizables que foron repartidas entre todos os arbenses. Tamén se creou un protocolo de limpeza e desinfección, no que os voluntarios puxeron a disposición desta administración o seu traballo e a súa  maquinaria para limpar e desinfectar rúas e espazos públicos. 

Un total de 92 arbenses voluntarios e voluntarias que durante a crise sanitaria de forma altruísta ofreceron o seu tempo a favor dos arbenses. 62 costureiras teceron mascarillas reutilizables que foron entregadas a empresaS, comercios, hostalería.. e arbenses, e 33 voluntarios e voluntarias, nos que se atopan tres adegas de Arbo, que puxeron a disposición do Concello a súa maquinaria e tempo para a limpeza e desinfección de todas as zonas e lugares públicos do municipio. 

“Somos conscientes do esforzo que supuña, tamén para os veciños e veciñas de Arbo, o acatamento das duras medidas adoptadas polas distintas autoridades, que condicionaron de maneira extraordinaria o noso día a día, nuns momentos nos que a rigorosidade cívica nos comportamentos de todos e todas era preciso para superar a complicada situación xurdida, rigorosidade que permitiu acadar que a vila de Arbo fose unha “Zona Cero”, polo que consideramos sobradamente merecido o agradecemento e recoñecemento especial que a todos estes voluntarios e voluntarias pretendemos brindarlle, polo que dende a alcaldía, propúxose que o Pobo de Arbo recibira o galardón de “Arbense Distinguido 2020” –  manifesta o rexedor Horacio Gil

Polo que ao remate do acto,  descubrirase a placa homenaxe ao “Arbense Distinguido 2020”, dedicado este ano ao “Pobo de Arbo”, en recoñecemento ao comportamento, actitude, solidariedade, esforzo e responsabilidade dos veciños e veciñas desta vila durante a crise sanitaria do COVID-19. 

Fin de semana de sendeirismo e natureza cos ‘Bosques terapéuticos’ e a primeira ‘Depoandaina’

A Deputación de Pontevedra levará esta fin de semana ata Ponteareas e Moaña dúas actividades que combinan sendeirismo e contacto co medio natural. Así, os “baños de bosque” serán protagonistas da oitava ruta do programa medioambiental “Bosques terapéuticos”, cun percorrido mañá sábado, 8 de agosto, pola Picaraña (Ponteareas). O domingo terá lugar o arranque das “Depoandainas”, coa primeira ruta polos muíños da Fraga en Moaña. Ámbalas dúas actividades teñen todas as prazas esgotadas e contarán con todos os protocolos e as medidas de seguridade vixentes para minimizar os riscos de contaxio da Covid-19.

O “baño de bosque” pola Picaraña permitirá afondar na natureza, no bosque autóctono galego formado, neste lugar de Ponteareas, por carballos, abeleiras, sobreiras e piñeiros. A actividade, na que participará a deputada de Medio Ambiente e Transición Ecolóxica Iria Lamas xunto a outras 15 persoas, desenvolverase nun tramo de 590 metros a través do cal, amais de gozar das especies arbóreas, poderanse observar rochas de grandes dimensións, como os penedos do Equilibrio e do Castro, e realizar actividades de equilibrio, de respiración ou de relaxación.

No que corresponde á Depoandaina, que terá lugar este domingo pola ruta dos muíños da Fraga en Moaña, trátase do primeiro percorrido desde 2020. Participarán, ademais do deputado de deportes Gorka Gómez,  outras 200 persoas que, debido á Covid, serán distribuídas en grupos de 25. En liñas xerais, esta andaina percorre un itinerario circular de 9,7 quilómetros e dificultade media a través do cal as e os participantes manteñen contacto coa natureza, descobren recursos turísticos e practican unha actividade deportiva, fomentándose, deste xeito, hábitos saudables entre a cidadanía da provincia.

Nigrán, en colaboración con Ovalmi, celebra este domingo a feira de oportunidades ‘Portobelo’

0

O Concello de Nigrán colabora un ano máis coa asociación de empresarios ‘Ovalmi’  na organización da feira de oportunidades ‘Portobelo’ este domingo 9 de agosto na Alameda de A Ramallosa.  Un total de 28 comerciantes da comarca ofrecerán durante todo o día (de 11:00 a 21:00 horas) os seus mellores descontos en produtos como calzado, pezas de vestir, menaxe, cosméticos…

A feira estará acompañada de diferentes eventos, comezando cunha master-class de zumba ás 11:00 horas a cargo de Bambú e o contacontos pola igualdade ‘Contos do revés’ ás 13:00 a cargo de ‘Donde viven los cuentos’. Xa pola tarde, ás 18:00, terá lugar o concerto de Marcos Rodríguez, derradeiro cantante de Amistades Peligrosas e vocalista en musicais como Grease ou ‘Hoy no me puedo levantar’, de Mecano. Xa ás 20:00 horas Animar-T Teatro representará a obra familiar ‘A historia de Martín’.

Podes descargar toda a información nesta ligazón.

O programa de emprego ‘Mocidade no Camiño’ dará traballo e formación a 16 mozos durante un ano

0

A Xunta de Goberno Local do Concello de Mos deu hoxe conta da concesión de subvención á administración local mosense por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia para a realización do proxecto do programa de emprego denominado “Mocidade no Camiño” para persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil (formación e aprendizaxe).

Así o informaron esta mañá a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira mosense de Promoción económica, desenrolo empresarial, emprego, educación, persoal e réxime interno, Julia Loureiro, quenes destacaron “a importancia da concesión deste obradoiro nestes momentos nos que a crise da COVID-19 xa está a facer visibles e acuciantes as necesidades económicas en moitas familias mosenses, así como a nefasta repercusión no mercado laboral e o aumento do desemprego”, declararon, e insistiron que “a pesar de non ter competencias directas en materia de Emprego, ésta é a principal prioridade do Concello de Mos nestes intres, por iso estamos a facer todo o posible para desenvolver políticas de apoio aos/ás desempregados/as, accións entre as que se atopa este obradoiro”.

Esta axuda enmárcase dentro do Programa Operativo de Emprego Xuvenil, cofinanciado pola Iniciativa de Emprego Xuvenil e o Fondo Social Europeo para o período 2014-2020, nunha porcentaxe do 91,89%.

A axuda ao Concello de Mos, ascende ao importe global de 369.492,32 euros, con cargo ao orzamento da Consellería de Economía, Emprego e Industria, para o financiamento dos custos de formación profesional para o emprego e os salariais derivados dos contratos de traballo que se subscriba co alumnado, sendo a contía destinada para a gastos salariais de alumnos/as-traballadores/as de 235.553,12 euros.

O Programa de emprego denominado “Mocidade no Camiño” dará emprego durante un ano a16 alumnos/as traballadores/as, persoas mozas incluídas no ficheiro do Sistema nacional de garantía xuvenil e distribuídas nas especialidades formativas de deseño de produtos gráficos e multimedia (8 mozos/as) e xardinería e auxiliares de conservación de montes (8 mozos/as).

Os obxectos de actuación para a execución do desenvolvemento do proxecto son  a actuación na Senda do Camiño de Santiago ao seu paso por Mos mediante saneamento e poda de árbores, limpeza arredor dos árbores, mantemento de macizos e plantas, operacións de control fitosanitario, reposición de elementos e pequenas obras de mantemento; e a posta en valor do trazado do Camiño de Santiago ao seu paso por Mos a través de actuacións de marketing e publicidade, a través da realización de materiáis gráficos e multimedia, que poñan en valor a zona, e den a coñecer aos peregrinos, e á poboación en xeral, a riqueza natural e etnolóxioca existente ao longo do Camiño.

Tomiño arranxa sendas e áreas recreativas de diferentes espazos naturais

0

O Concello de Tomiño, a través do Departamento de Obras, continua a súa labor de arranxar sendas e percorridos por distintos espazos naturais para que a xente que os utiliza, sobre todo, despois do confinamento, poida pasear e facer exercizo nas mellores condicións posible.

Na senda do río Miño entre a Ponte Internacional de Goián e o límite co concello de O Rosal, é unha das máis utilizadas para camiñar ou montar en bicicleta, foi necesario limpar as marxes e arranxar varias pasadeiras de madeira e guías laterais, así coma limpar e restituír o xabre, co que a senda quedou moito máis transitable.

Asemade, arranxáronse e limpáronse de maleza e acondicionáronse as contorna da Fortaleza de San Lourenzo de Goián, Lago da Pedra e río Furnia, coma así tamén diferentes sendeiros das parroquias de Sobrada, Currás e Amorín.

[su_image_carousel source=”media: 18570,18571,18568″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

Do mesmo xeito, leváronse a cabo labores de mantemento e substitución de pezas deterioradas no pantalán de Goián.

Nas últimas semanas, reparáronse paneis informativos, na senda que vai até Forcadela, na zona de Maceiras e acondicionáronse sendeiros próximos ao Miño, en Carregal, Currás (Parque da Raña e ponte de madeira en mal estado) e Sobrada.

O concelleiro de Obras, Alexandre Pérez Souto, explica que tras a corentena, a veciñanza comezou a utilizar moito as sendas e camiños de espazos naturais da localidade, para pasear e facer exercizo.

Por outra banda, a Concellería de Deportes instalou na Praia de Goián, con persoal municipal, unha rampla para persoas con mobilidade reducida. Unha tarima fixa de madeira, de 4.30 metros de lonxitude, e outra parte móbil, feita de lona, compoñen a nova rampla que poden utilizar todas as persoas con mobilidade reducida que o desexen.

Un home perde a vida ao saírse da vía a moto na que circulaba no Rosal

0

Un home perdeu a vida onte pola tarde no Rosal, despois de sufrir unha saída de vía coa moto na que circulaba. Sucedeu no punto quilométrico 52 da PO-552, á altura da parroquia de San Miguel de Tabagón.

O 112 Galicia tivo coñecemento do ocorrido a través da chamada dunha persoa particular ao fío das 18:05 horas.

Enseguida, desde o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias ( CIAE) 112 Galicia, pasouse o aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que mobilizou un helicóptero medicalizado, e a pesar dos esforzos do persoal médico, nada puideron facer por salvarlle a vida.

Fai falta destacar que no operativo tamén interviñeron, tras ser alertados polo 112 Galicia, os axentes da Garda Civil de Tráfico, os efectivos do GES da Guarda e os voluntarios de Protección Civil do Rosal.

O Concello de Baiona poñerá en marcha 10 proxectos de obra ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra

0

O Concello de Baiona desenvolverá unha primeira batería de dez proxectos que se realizarán ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e que, na súa maior parte, terán como destinatarios ás parroquias “que sempre foron as grandes esquecidas polos sucesivos gobernos conservadores”, afirma o alcalde Carlos Gómez.

Precisamente, o alcalde acompañado polos concelleiros de Vías e Obras, Óscar Martínez; e Urbanismo, Víctor Muñoz, reuniuse en pasados días coa veciñanza de Sabarís para darlles conta, polo miúdo, dos traballos de pavimentación e mellora da seguridade viaria que se van desenvolver no Camiño Serralleira.

As obras, que contan cun investimento superior aos 133.000 euros, inclúen a mellora do asfaltado do vial, canalizacións para recollida de pluviais e mellora de accesos aos camiños colindantes.

Carlos Gómez insistiu en que as parroquias do municipio “serán unhas das grandes beneficiarias destas actuacións” ao subliñar o rexedor local que “durante décadas de gobernos conservadores foron as grandes esquecidas”.

O Goberno local, deste xeito, pretende cumprir “cunha débeda histórica co noso rural e que ten como fin prioritario evitar desigualdades, ofrecendo os mesmos servizos e a mesma calidade de vida a toda a veciñanza sen importar o lugar no que residan”, conclúe o alcalde de Baiona.

O antigo colexio de Trasmañó será reconvertido nun Centro Comunitario “dinámico e vivo” ao servizo da veciñanza

0

O antigo colexio de Trasmañó, logo de anos de esquecemento, volverá a recuperar a súa utilidade como Centro Comunitario para a veciñanza da parroquia, segundo sinalou o Goberno local de Redondela. A intención do executivo que preside Digna Rivas é converter estas instalacións “as grandes esquecidas dos anteriores gobernos” nun centro “dinámico e vivo” onde asociacións e colectivos –con preferencia os da propia parroquia– poidan desenvolver todo tipo de actividades.

A propia estrutura do inmoble, explica a alcaldesa de Redondela, “o fai idóneo para o seu aproveitamento veciñal xa que, á amplitude de espazos interiores, engádese unha boa zona exterior que conta, incluso, con pista deportiva”.

O Centro Comunitario conta, entre as súas dúas plantas, un total de cinco aulas, unha delas de grandes dimensións, almacén e tres baños, un deles adaptado. No exterior, amais dunha moi ampla zona común, atópase tamén unha pista multideportiva. Esa zona exterior será agora obxecto de traballos de mellora de cara a que estea en perfectas condicións para o uso da veciñanza da parroquia.

En vindeiras datas, a intención do Goberno de Redondela é facer unha xornada de portas abertas para que veciñas e veciños de Trasmañó poida coñecer con detalle as instalacións, tanto exteriores como interiores, do novo Centro Comunitario Municipal .

“Queremos sobre todo –apunta Rivas– un centro dinámico e vivo. Trátase poñer a disposición de veciñas e veciños unhas instalacións que contribúan ao desenvolvemento social, cultural e veciñal da parroquia e que sexa o catalizador e dinamizador da súa actividade”.

A versatilidade das instalacións permitirán o seu para outras actividades puntuais, como poden campamentos de verán como nos que, durante este mes de agosto, está a desenvolver a asociación Andaina de Redondela, (Asociación para persoas con necesidades especiais). Esta é, aclara a alcaldesa Digna Rivas, unha actividade moi puntual e para a que, tal e como se sinala na resolución de Alcaldía, “se lle ceden dúas aulas e espazos comunes para esta actividade durante un mes”. Trátase dun campamento moi especial porque “cubre as necesidades dos nosos nenos e nenas que teñen esas necesidades especiais”.

Nigrán abre a inscrición para participar nun roteiro por Monteferro o martes 11 coincidindo co ‘Solpor’

0

O Concello de Nigrán, dentro da súa programación de verán ‘Equilibrio Natural’, ofrece este martes 11 un roteiro especial por Monteferro coincidindo co solpor. Os interesados deben inscribirse previamente no mail [email protected] indicando os seus datos e presentarse ás 19:00 no Monumento á Mariña Universal no alto de Monteferro.

O percorrido constará de 6 km e dunha duración de 2,5 h. Por outra banda, segue aberto prazo para anotarse ao do sábado na parroquia de Parada (roteiro de ‘Os Mouros´) con saída ás 10:00 desde a rúa Areíña.

En ambos casos as prazas están limitadas por indicacións sanitarias e se cubrirán por rigorosa orde de solicitude. Igualmente, o Concello facilitará intérprete de lingua de signos en caso de que algunha das persoas que se inscriba indique esta necesidade no correo electrónico.

Mos redacta un proxecto para a mellora integral da contorna da capela de San Eleuterio

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o arquitecto municipal, Manuel Toucedo, acompañados polo presidente da Comisión de Festas de San Eleuterio, Manuel Vila Dacosta, fixeron unha visita técnica á contorna da Capela de San Eleuterio, na parroquia de Tameiga, onde o Concello proxecta unha mellora integral con humanización, cuxo proxecto correrá a cargo da administación local e será redactado polo arquitecto municipal. Para elo o levantamento topográfico da zona xa se atopa realizado e o seguinte paso a dar é a realización dun estudo do volume de tráfico rodado.

Segundo explicou hoxe a rexedora local durante a visita, “pretendemos optimizar o entorno da Capela de San Eleuterio cun proxecto ambicioso que convirta a zona nun lugar máis accesible e humanizado, na mesma liña que a mellora da contorna parroquial de San Mamede de Torroso que imos acometer con financiación da Xunta de Galicia a través do Plan HURBE”, declarou Arévalo.

A actuación dará preferencia para o paseo e para o peatón, integrará os espazos do Torreiro da Festa, onde se atopa o cruceiro (e donde se prevé eliminar o asfalto existente e substituílo por un material máis amable e estético), coa Capela (na que se realizará unha mellora que incluirá a iluminación exterior do edificio) e estase a estudar a posiblilidade de acometer unha zona con adoquinado.

O obxectivo é converter a contorna nunha praza pública habilitada como lugar de encontro e actividades, na que teñan prioridade as persoas.

A de San Eleuterio trátase dunha zona de gran actividade e movemento nos ámbitos residencial, deportivo e educativo, xa que nela se atopan ubicados a Urbanización de San Eleuterio, o Campo de Fútbol de Cototorrón do Club Louro Tameiga e a Escola Infantil A Galiña Azul de Cototorrón.

É por elo que desde o Concello de Mos xestionou a mellora integral da zona para a cal se levou a cabo a obra de optimización do vial de acceso, á que se lle suma agora a concesión ao Concello de Mos dunha subvención do Plan Concellos deste ano para acondicionar o estacionamento da Urbanización. Trátase do acondicionamento da parcela municipal para estacionamento no lugar. A devandita parcela conta cunha superficie aproximada de 346 metros cadrados e actuarase nela acometendo muros de cachotería de granito e cimentación a base de formigón. O prazo de execución desta obra, que comezará os próximos días, é dun mes e conta cun orzamento de execución por contrata de 36.000 euros.

Coa mellora e humanización da zona da Capela, para facela máis accesible e transitable para peóns e vehículos, completaríase a mellora integral de San Eleuterio, un dos barrios máis poboados do termo municipal e unha zona que, polas súas dotacións educativas, deportivas e relixiosas é tamén un dos máis transitados de Mos tanto a pé como en coche.

Ponteareas promoverá a reciclaxe e reutilización do lixo electrónico

Ponteareas será un dos once concellos da provincia que participará na campaña da Deputación de Pontevedra de reciclaxe e reutilización do lixo electrónico, segundo informou hoxe a concelleira de Medio Ambiente do Concello ponteareán, Rosa Covelo.

Esta pioneira iniciativa nace co obxectivo de impulsar a economía circular e frear o grave impacto que están a producir os Residuos Eléctricos e Electrónicos (RAEE), tamén coñecidos como o “lixo electrónico”, así o comunicou onte a presidenta da Deputación, Carmela Silva, no acto de presentación no que estivo acompañada dos representantes dos 11 concellos que se van beneficiar directamente desta nova e singular iniciativa medioambiental.

“Para poder conservar o noso patrimonio natural debemos comezar a traballar cos verquidos incontrolados de todo tipo de residuos, incluíndo os Residuos Tóxicos e Perigosos, –explicou Rosa Covelo– e dentro deste tipo dos RTP atopámonos cos residuos eléctricos e electrónicos que son os que se inclúen neste proxecto”, apuntou a concelleira.

Covelo subliñou que para facer unha boa xestión “debemos concienciar á xente sobre a Reducción, Reutilización, Reciclado ou Valorizado dos residuos” e engadiu que a adhesión a este proxecto, “é unha boa ferramenta para seguir cumprindo estas máximas e darlle aos cidadáns alternativas para desfacerse dun produto que xa non usan”. A responsable municipal de Medio Ambiente adiantou que se colocará un tótem “nun lugar accesible para todas as persoas que queiran participar dun hábitat máis saudábel”.

Deste xeito o Concello de Ponteareas, ademais de contar cun espazo específico para estes residuos no seu punto limpo, vai dispoñer tamén dun tótem informativo que ensinará a xestionar os residuos eléctricos e electrónicos e así poder darlles unha solución. Ademais para axilizar o depósito dos dispositivos máis usuais (con independencia de que poden entregarse tamén no punto limpo) colocaranse tres caixas de recollida destinadas especificamente aos teléfonos móbiles e “tablets” por un lado, as pilas polo outro e, finalmente, os cargadores. O resto dos RAEE (todo tipo de aparellos domésticos que funcionen con corrente, como electrodomésticos, dispensadores de aire acondicionado, impresoras, aspiradoras, pranchas, secadores de pelo, etcétera) deben entregarse directamente no punto limpo, ou ben solicitar a súa recollida por parte das empresas concesionarias. A campaña tamén facilita estas xestións ofrecendo os teléfonos de contacto e os horarios. As persoas que queiran participar na campaña e se acheguen para informarse recibirán como agasallo unha bolsa de tea que contén un chaveiro cargador, libreta e bolígrafo coa imaxe do proxecto Estraee.

A comisaria do Xacobeo 2021 recibe a José Manuel Calderón na última etapa de ‘El Camino acaba en Obradoiro’

A comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, recibiu esta tarde ao ex xogador da NBA e da selección española de baloncesto José Manuel Calderón no remate da última etapa do proxecto El Camino acaba en Obradoiro. O deportista chegou hoxe a Compostela tras percorrer o Camiño de Inverno no marco desta iniciativa impulsada por Monbús Obradoiro en colaboración coa Xunta de Galicia.

José Manuel Calderón comezou o seu percorrido o pasado luns, cando partiu desde Monforte de Lemos ata Chantada, nunha etapa na que puido coñecer de primeira man a paisaxe cultural da Ribeira Sacra, que opta a ser Patrimonio da Humanidade no vindeiro 2021. Na segunda xornada da iniciativa peregrinou desde o concello de Rodeiro ata Silleda e esta última etapa desenvolveuse entre Ponte Ulla e Compostela, onde foi recibido pola comisaria do Xacobeo 2021, entre outras autoridades.

A experiencia do ex xogador da NBA será recollida nun documental que promocionará a imaxe de Galicia e do Camiño de Inverno na antesala do Xacobeo 2021. Así mesmo, trátase dunha iniciativa de carácter solidario, xa que os fondos desta sexta edición destinaranse a apoiar a educación integral dos mozos a través do baloncesto e permitindo a posibilidade de incorporar programas na canteira do Obradoiro CAB para xoves promesas do baloncesto, independentemente da súa realidade social.

A primeira edición de El Camino acaba en Obradoiro celebrouse no 2015 coa figura de Terry Porter percorrendo o Camiño Francés desde Sarria. Un ano despois, o ex xogador de baloncesto Juan Antonio Corbalán peregrinou ata Compostela polo Camiño Primitivo. Tras eles chegaron Nikos Galis, a través do Camiño Inglés no ano 2017, e Aleksandar Petrovic, que peregrinou polo Camiño Portugués en 2018. O pasado ano protagonizou a experiencia Amaya Valdemoro, que completou a Vía da Prata desde a cidade de Ourense.

O Rosal segue berrando por unha sanidade pública digna

0

Por cuarto mércores consecutivo, a Plataforma para a Defensa da Sanidade Pública do Rosal volveu concentrarse diante do centro de saúde do municipio para reivindicar melloras na asistencia sanitaria. Dende a organización declaran que non pararán de mobilizarse ata que as súas reivindicacións sexan atendidas. Afirman que a falta de cobertura das baixas por vacacións, que deixan ao municipio con dous médicos en lugar dos tres habituais, segue sen solucionarse malia estar en pleno mes de agosto, situación que se podería prolongar ata chegado o outono.

Esta situación está provocando que as consultas médicas teñan unha demora media de 15 días, o que está precarizando substancialmente a atención á cidadanía. Dende a alcaldía din estar pendentes da constitución do novo goberno galego co fin de solicitar novamente unha reunión co conselleiro de Sanidade para que dea unha solución a este problema.

[su_image_carousel source=”media: 18538,18537,18535″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Un problema que vai máis alá do verán

Malia que o estado da atención sanitaria se viu agravado especialmente nestes meses coa redución de persoal por vacacións, a problemática no concello rosaleiro vai máis alá, ao ter unha das ratios de pacientes por médico máis altas entre os municipios da contorna, cunha cifra de máis de 1.500 pacientes por médico. Segundo as recomendacións para o cumprimento de ratios de organizacións como a OMS ou a Sociedade Española de Médicos de Atención Primaria (SEMERGEN), o Rosal debería ter, independentemente da situación actual, un médico, dous enfermeiros e unha matrona máis, alén de poder contar cun pediatra con dedicación completa en vez de tres días por semana como agora.

Esta situación agrávase se sumamos ás deficiencias de persoal os problemas e carencias das instalacións e dos equipamentos, algo que foi detalladamente explicado nun informe enviado á consellería de sanidade o mes pasado e do que aínda non se obtivo resposta.