Mércores, 11 Decembro de 2024

A Deputación mellora a seguridade viaria dos núcleos rurais de Covelo cun total de sete obras

O deputado Santos Héctor, acompañado do alcalde, Juan Pablo Castillo, visita as actuacións emprendidas no Plan DepoRemse, cun investimento superior aos 91.000 euros

O Concello de Covelo goza dunha contorna segura en sete camiños rurais, boa parte deles asociados a espazos de centralidade para a veciñanza, gracias ás obras executadas no marco do Plan de Mellora da Seguridade dos Viarios Municipais (DepoRemse) da Deputación de Pontevedra. A actuación, valorada en 91.323,46 euros, foi visitada polo deputado Santos Héctor, acompañado polo alcalde, Juan Pablo Castillo.

As obras realizadas no viario municipal consistiron na instalación 14 elementos redutores de velocidade, sete pasos de peóns elevados, zonas cebreadas para marcar a prioridade peonil, o reasfaltado dun tramo e a reordenación dun aparcamento para dar seguridade aos peóns. Sobre o orzamento total, a Deputación realizou unha achega do 95% (86.157,27 euros) e o Concello correu co importe restante.

A contorna do colexio de Covelo, a igrexa e a Casa de Cultura de Casteláns e o acceso á capela de Xestosa pasarán así a contar cun espazo amable ao seu redor, no que priman os criterios de seguridade establecidos pola Deputación. O deputado Santos Héctor subliñou que a institución provincial conta xa cunha asentada tradición de execución de obras “á medida das persoas e do século XXI e converteuse, de feito, nunha referencia”. “Covelo dá un paso adiante en materia de mobilidade moderna, un modelo no que as persoas teñen preferencia sobre os vehículos”, engadiu.

Por outra banda, o deputado destacou que a Deputación fai da colaboración e a alianza cos concellos a súa razón de ser. “Somos unha institución profundamente municipalista e comprometida co territorio da nosa provincia dun xeito transversal” e así, explicou, xurdiu o reparto regrado e obxectivo de fondos tanto a través do Plan Concellos como dos plans extraordinarios (entre eles o DepoRemse) que se adxudican en base a puntuacións obxectivas e criterios técnicos. “A Deputación de Pontevedra é exemplo de relación aberta, franca e colaborativa con tódolos concellos da provincia”, concluíu.

Ao detalle, as obras executadas son as seguintes: no Camiño Outeiro, acceso ao colexio colocouse un redutor de velocidade na entrada sur, un paso de peóns fronte ao colexio e outro no cruce coa PO-261. No camiño Castro Regueiro (Maceira) executáronse tres redutores. No acceso á Igrexa e á Casa da Cultura de Casteláns executáronse dous pasos de peóns fronte a estas dúas dotacións. Para comunicar os pasos de peóns aplicouse un firme novo, previa demolición do anterior. Este pavimento quedou cebreado con pintura reflexiva e microsferas de vidro. No camiño de Casteláns executouse un redutor de velocidade e instalouse unha señal de Stop. No camiño da parcelaria de Barciademera, catro redutores de velocidade. No camiño de Baldomar (Santa Mariña), tres. No acceso á capilla de Xestosa (Prado), executáronse dous pasos de peóns sobreelevados. No estacionamento existente se delimitaron as prazas e executouse un cebreado perimetral para marcar a circulación peonil. No camiño As Medelas (Paraños) executáronse dous redutores de velocidade e un paso sobreelevado de peóns.

O Plan DepoRemse financia un total de 31 obras de seguridade viaria en vías de titularidade municipal noutros tantos concellos da provincia de Pontevedra. A pandemia de Covid-19 motivou que a Deputación acordase unha prórroga extraordinaria para o prazo de finalización, que agora quedou fixada no 31 de maio, 11 meses máis que o prazo orixinal.

O Concello de Covelo ten recibido un investimento total da Deputación de Pontevedra dende o ano 2015 de 4.560.470 euros, dos que boa parte corresponden ao Plan Concellos. Neste ano está a recibir 453.809,18 euros deste plan provincial. Ata o momento, o Concello foi quen de executar 31 obras; financiar 34 actividades socioculturais propias e contratar a 95 traballadores con cargo ao Plan Concellos. A maiores, Covelo beneficiouse das adxudicacións das obras da praza de Barciademera con cargo ao Plan de Reequilibrio (287.407 euros) e esta mellora no seu viario rural con cargo ao DepoRemse.