8.7 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTuiPlay Doc contará cun obradoiro audiovisual impartido polo recoñecido cineasta Eloy Domínguez...

    Play Doc contará cun obradoiro audiovisual impartido polo recoñecido cineasta Eloy Domínguez Serén

    Domínguez Serén convida á veciñanza de Tui e da comarca a que expoñan a través de pequenas pezas audiovisuales a súa propia visión deste momento histórico provocado pola pandemia

    A crise provocada polo coronavirus está a transformar a vida cotiá, as pautas de comportamento e o modo en que nos relacionamos os uns cos outros. Play-Doc quere contribuír ao rexistro deste momento histórico a través deste obradoiro audiovisual, valéndose da extraordinaria capacidade que ten o cinema para capturar o momento presente, retratar e construír unha memoria colectiva na que se poden compartir vivencias a través de imaxes e sons.

    Baixo o título En primeira Persoa: Un Retrato Colectivo, este obradoiro audiovisual convida os veciños de Tui e da comarca para explorar a súa propia visión deste tempo que nos tocou vivir, animando a cada participante a realizar unha breve peza audiovisual na que retrate, expoña ou reflexione sobre o modo en que toda esta situación está a cambiar o xeito en que nos relacionamos coa nosa contorna, os nosos veciños e a nosa comunidade.

    Ao longo dos meses de agosto e setembro de 2020, os participantes traballarán nesta obra coral, na que reflexionarán acerca da súa propia experiencia, tecendo xuntos un valioso entrelazado de pequenas historias persoais e colectivas. Durante todo o proceso de creación, os participantes contarán co seguimento, asesoramento, colaboración e apoio do cineasta Eloy Domínguez Serén, recoñecido e multipremiado realizador galego que conta cunha notable traxectoria internacional, na que destacan títulos como Hamada ou Non Cow on the Ice.

    O obradoiro dará comezo cunha xornada de visionado en grupo durante a última semana de agosto, na que os participantes poderán descubrir a obra de distintos cineastas, coñecer os diversos modos nos que se expresan, e contar así con referentes que poidan resultar útiles para a realización das súas propias pezas.

    Os filmes resultantes non superarán os 3 minutos de duración e poderán elaborarse utilizando calquera formato de gravación, desde teléfonos móbiles ata cámaras profesionais. As obras finalizadas presentaranse dentro do marco da celebración da décimo sexta edición de Play-Doc que terá lugar en Tui do 23 ao 27 de setembro.

    Inscrición. Este obradoiro está aberto a todo tipo de participantes de todas as idades. Non é imprescindible experiencia previa nin tampouco formación audiovisual. Os que desexen participar deberán enviar un e-mail a produccion@play-doc.com co ‘asunto’: OBRADOIRO PLAY-DOC, e indicando nome completo e teléfono de contacto.

    O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o día 20 de agosto. Establécese un máximo de 10 prazas. A organización do festival poñerase en contacto con todos os rexistrados e unha vez finalizado o prazo anunciara os participantes seleccionados.

    Eloy Domínguez Serén

    Eloy Domínguez Serén naceu en 1985 en Simes (Galicia). Graduouse en 2010 na Universitat Autònoma de Barcelona. Antes de comezar a súa carreira como cineasta, traballou como crítico de cinema en radio e prensa escrita, e foi cofundador e codirector da revista A Cuarta Parede. En 2010 foi membro do Xurado Novo na 67ª Mostra de Venecia.

    En 2012 trasladouse a Suecia, onde realizou a súa primeira curtametraxe, PETTRING. En 2014, lanzou dous novos proxectos, a curtametraxe NON NOVO CÉIO e a mediometraxe JET LAG (programado en FIDMarseilla, Doc’ s Kingdom, Museum of the Moving Images de Nova York ou Etats Généraux de Lussas, entre outros). A súa película NON COW ON THE ICE estreouse en 2015 en Visions du Réel e foi premiada en Toulouse, Filmadrid, Play-Doc, L’Alternativa ou Marxes, mentres que os seus curtos YELLOW BRICK ROAD e RUST estreáronse en Jihlava IDFF 2015 e FID Marsella 2016, respectivamente. En 2017, o seu novo proxecto HAMADA gañou dous premios no Doc Outlook de Visions du Réel, o premio de postproducción nas Palmas e foi seleccionado na Doc Station en Berlinale. Esta película tivo a súa estrea mundial en IDFA 2018 e foi premiada en festivais como Cinéma du Réel, Xixón, Porto/Post/Doc ou Tempo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.