10.7 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación da un novo paso pola sustentabilidade aprobando novos proxectos de...

    A Deputación da un novo paso pola sustentabilidade aprobando novos proxectos de alumeado e caldeiras de biomasa

    A Deputación de Pontevedra vén de reforzar a súa aposta pola sostibilidade dos concellos da provincia coa aprobación en Xunta de Goberno de dous proxectos que favorecerán o paso a unha economía baixa en carbono ao abeiro das convocatorias do Ministerio para a Transición Ecolóxica a través do IDAE. En concreto, trátase dun plan de renovación das instalacións de iluminación exterior, cuxo orzamento ascende a 3.054.462,15 euros, e doutro de substitución de caldeiras de gasóleo por biomasa, cun importe de 491.973,52. O total destes plans ascende, por tanto, a 3.546.435,67 euros.

    Ambos proxectos contan co financiamento a través de fondos FEDER de crecemento sostible 2014-2020 dun máximo do 80% de cada actuación. No caso da renovación das instalacións de iluminación exterior, a Deputación achegará un 15% dos recursos, o que se traduce en 458.169,32 euros; mentres que no caso da substitución de caldeiras de gasóleo por outras de biomasa o ente provincial aportará 49.197,35 euros, o 10% do orzamento total. Así, o investimento total da Deputación será de 507.366,67 euros.

    Deste xeito, o Goberno de Carmela Silva deu luz verde aos proxectos de execución das obras de renovación do alumeado público exterior nos concellos mediante a substitución das luminarias actuais por outras LED máis eficientes.

    As obras divídense en cinco lotes e abranguen 45 concellos da provincia: Barro, Caldas de Reis, Cambados, A Guarda, Meis, Nigrán, Portas, Rodeiro, Salvaterra de Miño, Tui no lote 1; Arbo, Covelo, Crecente, Meaño, As Neves, Oia, Poio, Pontecesures, O Porriño, Silleda, Tomiño e Vilagarcía de Arousa no lote 2; Baiona, Cuntis, Fornelos de Montes, O Grove, A Illa de Arousa, Moaña, Mondariz, Moraña, Mos, Pazos de Borbén, O Rosal e Soutomaior no lote 3; e Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Dozón, Gondomar, A Lama, Mondariz-Balneario, Salceda de Caselas e Valga no lote 4.

    No lote 5, pola súa banda, inclúense proxectos de alumeado nos Bens de Interese Cultural (BIC) dos concellos de Baiona, Caldas de Reis, A Guarda, Meis, Poio, Salvaterra de Miño e Vilanova de Arousa. Nestes sete concellos actuarase en 370 puntos de luz para mellorar o alumeado dos BIC, o que supoñerá un aforro enerxético medio do 81,14%.

    Doutra banda, foi aprobado o expediente de contratación para a adxudicación do contrato de obras de substitución de caldeiras de gasóleo por outras de biomasa. O obxectivo que persegue este proxecto é a sostibilidade e a eficiencia enerxética de sete instalacións situadas nos concellos da Guarda, Salvaterra de Miño, Mondariz, Portas e Caldas de Reis. Con estas actuacións preténdese reducir as emisións contaminantes e acadar un aforro enerxético do 25%. Ademais, estas obras levan aparellada a redución considerable dos custes de subministro de gasóleo para as arcas dos concellos e teñen grandes beneficios ecolóxicos, xa que permiten aforros de emisión de CO2 á atmosfera.

    En concreto, coas achegas derivadas deste proxecto A Guarda vai substituír a caldeira de gasóleo do Centro Cultural, mentres que Salvaterra de Miño acometerá tres actuacións, coa substitución das caldeiras no Concello, o Centro Cultural e no Xulgado de Paz. Pola súa banda, Mondariz cambiará a caldeira do Centro Social; Portas, as do edificio da Azucreira, a gardería e o Centro de Día; e, por último, Caldas substituirá a da piscina.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.