8.6 C
Pontevedra
Sábado, 27 de Abril de 2024
Máis
    HomeO CondadoMondarizUnha "semente salvaxe" agroma en Mondariz da man de “Mulleres en acción....

    Unha “semente salvaxe” agroma en Mondariz da man de “Mulleres en acción. Violencia Zero”

    O mural realizado na fachada do campo de fútbol é obra da artista Noemí Núñez e pon en valor a necesidade de cultivar a autoestima

    Evidenciar a necesidade de cultivar a autoestima para empoderar ás mulleres evitando así futuras agresións machistas é o obxectivo do mural presentado este mércores no concello de Mondariz no marco do programa “Mulleres en acción. Violencia Zero”. Victoria Alonso, deputada provincial de Cultura e Igualdade, e Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz, non quixeron perder a oportunidade de desfrutar en directo da obra de Noemí Núñez, situada no Campo Municipal da Lagoa.

    “Semente salvaxe” é o título dun mural que para a deputada de igualdade removerá a conciencia das persoas que o contemplen. Alonso tamén quixo facer fincapé na necesidade que ten a cultura á hora de que esa semente agrome e medre en consonancia cos valores que actúan como eixos transversais das políticas do ente provincial. Pola súa banda, o alcalde de Mondariz aproveitou a ocasión para poñer en valor a simboloxía que aporta o espazo no que se atopa o mural: un campo de fútbol, deporte practicado en gran medida por homes.

    O mural amosa a unha personaxe feminina regándose a si mesma, unha acción coa que a autora quixo poñer sobre a mesa a necesidade de cultivar a autoestima. Xunto a esta figura, rodeada de natureza en tons morados para simbolizar a loita feminista, Noemí Núñez deixa claro que a muller da súa obra está “sementando e coidando a igualdade” a través dunha frase integrada no lado esquerdo do mural. Sen dúbida, a obra presentada esta mañá recolle perfectamente a esencia do lema que este ano ten o programa: “Sementa Igualdade + Cultiva Cultura = Recolle cambio”.

    Esta foi a décimo cuarta acción levada a cabo dentro da quinta edición do programa, iniciada en novembro de 2019. “Mulleres en Acción. Violencia Zero” ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas, así como dar a coñecer o labor de novas artistas que están a traballar a prol da igualdade. Este ano volve reunir a 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta quinta edición estase a celebrar en 25 concellos da provincia (Pontevedra, Vigo, Lalín, Ponteareas, A Cañiza, Forcarei, Crecente, Mos, Redondela, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Tui, Mondariz, Pontecesures, Gondomar, O Grove,  Marín, Vilagarcía de Arousa, Cambados, Sanxenxo, O Porriño, O Rosal, A Guarda, Meis e Moaña).

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.