12 C
Pontevedra
Venres, 26 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoO PSOE de Tomiño pedirá no Pleno que a Xunta retire o...

    O PSOE de Tomiño pedirá no Pleno que a Xunta retire o actual protocolo de apertura dos colexios “e abra canles de diálogo coa comunidade educativa”

    O Grupo Municipal Socialista do Concello de Tomiño propoñerá ao Pleno da Corporación Municipal instar á Xunta de Galicia, en concreto ás consellerías de Educación e Sanidade, a que retiren o actual protocolo de apertura dos colexios para o vindeiro curso “e a apertura de canles de diálogo coa comunidade educativa –axentes sociais, profesorado e familias– que permitan consensuar un documento eficaz e realista coas necesidades dos centros educativos”.

    Ao mesmo tempo, piden as concelleiras socialistas o investimento preciso en recursos humanos e materiais “para asegurar a necesaria seguridade física e psicolóxica do alumnado, do profesorado e das propias familias, en resumo, da totalidade da comunidade educativa e o resto da poboación” requirindo, por último á Consellería de Sanidade, “a creación dun departamento eficaz de coordinación e asesoramento de centros cun funcionamento real e que responda en tempo e forma ás inquedanzas dos centros educativos”.

    Na moción presentada, Violeta de Santiago e Mirta Misa lembran que o pasado mes de xullo, as Consellerías de Educación e Sanidade fixeron público as liñas xerais do protocolo de adaptación dos centros de ensino non universitarios de Galicia á nova realidade para o comezo da actividade lectiva no mes de setembro, un texto “que se atrasou na súa difusión “por motivos claramente electorais” e no que se limita a establecer normas sanitarias de ocupación de edificios e celebración de reunións “sen ter en conta a realidade do ensino público e da propia comunidade educativa”. Así sinala o Grupo Municipal Socialista, “non hai investimento e adáptanse ata o insulto as necesidades sanitarias con tal de non achegar máis persoal tanto docente coma non docente. Deixa en mans das direccións a responsabilidade da organización e a xestión dun problema que é estritamente sanitario”. “As direccións –subliña a moción– non son especialistas nesa materia nin teñen que ser responsables do que ocorra nese ámbito”.

    No protocolo, entre outras cousas, obsérvase que a distancia dun metro de separación nas aulas é absolutamente insuficiente segundo as recomendacións que se están a ver publicadas para a cidadanía en xeral. “Mesmo dase a paradoxa de esixiren 1,5 metros nas salas de profesorado mentres que o alumnado estaría a un escaso metro de distancia e basean a estratexia sanitaria “na auto diagnose de alumnado e/ou familias” algo que as concelleiras cualifican de “feito absolutamente irresponsable porque permite que a falta involuntaria na comunicación dunha pequena sintomatoloxía poida levarnos a contaxios e paralizacións do sistema”. Non dubida o PSOE de Tomiño en afirmar que os centros escolares “convértense en meros ‘aparcadoiros’ cheos de normas de funcionamento con porcentaxes de ocupación de baños (hainos para cada grupo burbulla?), corredores, entradas, saídas… para logo permitir a permanencia nas aulas, no transporte ou nos comedores escolares”.

    Na súa moción, os e as socialistas tomiñeses rexeitan con rotundidade “que sexa o alumnado quen se encargue dos labores de hixiene. Non se trata de que non deban aprender a facelo senón que a súa inexperiencia fará que sexan ineficaces ou polo menos dubidosas. A limpeza dos centros debe estar sempre en mans de profesionais”.

    “En canto á atención á diversidade, como se vai acadar que un neno/a con TDAH permaneza cinco horas sentado na súa aula mirando cara adiante?”, preguntan.

    De feito, no protocolo da Xunta non se especifica como se vai a asegurar a atención permanente do alumnado nos casos en que non se poida asistir ás aulas durante un período indeterminado ou nun hipotético peche das instalacións. “A fenda dixital segue a estar aí. Non se resolve cunha semana de formación para todo o profesorado ou con quince días para o alumnado” e, do mesmo xeito sinalan que “tampouco hai unha previsión sobre os custes económicos das medidas sanitarias para as familias nin para os propios centros educativos”.

    Ironizan Violeta de Santiago e Mirta Misa sobre o feito de que se “poderían escribir outros noventa e nove folios, como fixo a administración educativa, pero todo lévanos ao mesmo sitio: a Consellería de Educación ten que asumir a responsabilidade directa do que se decida e asegurar un cumprimento igual en toda Galicia”. Tamén e a súa responsabilidade, lembran, “implementación de distintas medidas que redunden no benestar do persoal e o alumnado como sería o incremento da distancia social coa disminución das ratios por aula, a necesidade da contratación de máis persoal (docente, persoal coidador…) ou a inversión en medios materiais”.

    Aplauden as socialistas a petición trasladada polos representantes das ANPAS de implementar os Camiños Escolares no IES Antón Alonso Ríos e que se fagan realidade os xa proxectados no CEP Pedro Caselles Beltrán e CEIP Pintor Antonio Fernández.

    Por último e referido á Aula de Estudo a consideran “unha idea fantástica” pero subliñan que “debe ser un complemento da Biblioteca Municipal prometida dende fai trece anos e que non da chegado. Ao mesmo tempo, xúrdennos serias dúbidas con respecto a ela: quen se fará cargo da desinfección dos equipos e do mobiliario? Quen será o persoal que estará ao cargo da mesma? Crearase a figura dunha conserxe?”.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.