22.5 C
Pontevedra
Martes, 16 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputación aproba novas axudas en Igualdade e prevención da violencia machista...

    A Deputación aproba novas axudas en Igualdade e prevención da violencia machista que beneficiarán a 44 concellos da provincia

    Trátase da quinta convocatoria desta liña para impulsar e realizar actuacións cara a conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria

    O Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a concesión de subvencións dirixidas aos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero para este ano 2020. Trátase da quinta convocatoria desta liña de axudas, que este ano conta con 230.000 euros, 10.000 máis que o pasado ano, e que beneficiarán a 44 concellos da provincia, un máis que no 2019.

    O obxectivo destas subvencións é traballar en estreita colaboración cos concellos para que impulsen e realicen actuacións de cara a conseguir unha sociedade máis xusta e igualitaria e que loite contra as violencias machistas. Esta cooperación entre institucións é fundamental ó tratarse dos niveis máis próximos á cidadanía e polo coñecemento que estes teñen da súa poboación.

    Os concellos que se beneficiarán destas achegas son Agolada, Arbo, Barro, Baiona, Bueu, Caldas, Cambados, Campo Lameiro, A Cañiza, Covelo, Crecente, Cuntis, Forcarei, Fornelos, Gondomar, O Grove, A Guarda, Illa, A Lama, Meaño, Meis, Mondariz, Mondariz Balneario, Moraña, Mos, As Neves, Nigrán, Pazos de Borbén, Poio, Pontecaldelas, Portas, Ribadumia, Rodeiro, O Rosal, Salceda, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vila de Cruces e Vilanova de Arousa.

    Estas axudas permitirán subvencionar proxectos e actividades de sensibilización, formación e prevención da violencia machista; iniciativas das Mesas Locais de Coordinación Interinstitucional contra a violencia machista; ou proxectos para a mellora da atención integral ás vítimas de violencia de xénero (fillas, fillos e persoas dependentes ao seu cargo).

    Tamén terán cabida programas e actuacións destinadas a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e con singulares dificultades; proxectos encamiñados á mellora da formación e orientación para o emprendemento e a inserción laboral das mulleres; e accións encamiñadas á elaboración do plan municipal de igualdade. Ademais, a través destas subvencións os concellos tamén poderán poñer en marcha a creación de redes e servizos de apoio que favorezan a corresponsabilidade e conciliación da vida persoal, familiar e profesional; actividades dirixidas ao alumnado, profesorado e familiar e profesional; e campañas de difusión e sensibilización á cidadanía en materia de igualdade.

    Esta liña de axudas súmase a aquela destinada ás entidades de iniciativa social que traballan a prol da igualdade e que conta este ano cun orzamento de 108.000 euros. Ademais, no mes de xuño a Deputación asinou tres novos convenios de colaboración para a promoción da igualdade real e a loita contra as violencias machistas. Estes acordos foron coa Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia, a Rede de Mulleres Veciñais contra os Malos Tratos e coa Asociación Nós Mesmas.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.