Xoves, 13 Novembro de 2025

Remata o programa ‘Bosques terapéuticos’ da Deputación no que participaron 450 persoas

Cunha participación de 450 persoas, cubrindo a totalidade das trinta actividades propostas, rematou este pasado domingo o exitoso programa “Bosques terapéuticos” da Deputación de Pontevedra que percorreu entre o 18 de xullo e o 27 de setembro os parques forestais de Freaza (Fornelos), A Picaraña (Pontearas), Cabo Udra (Bueu), Camposancos (A Guarda) e a Costa de Oia e a Serra da Groba (Oia). A iniciativa, lanzada pola institución provincial por primeira vez este ano no marco da súa liña de impulso do turismo sostible, foi cualificada polas persoas participantes como unha “auténtica lección de amor á natureza” e unha “experiencia moi positiva”, que agardan que teña continuidade nos vindeiros anos.

[su_image_carousel source=”media: 21994,21995,21996,21997″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

O programa, que se presentou con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente e rematou no Día Mundial do Turismo, ofertou ás 450 persoas participantes a posibilidade de establecer unha conexión íntima co medio natural, gozar dos “baños de bosques” e coñecer elementos patrimoniais da paisaxe da provincia pontevedresa como xacementos arqueolóxicos, construcións tradicionais ou áreas recreativas. En total organizáronse trinta rutas aos parques forestais de Freaza, A Picaraña, Cabo Udra, Camposancos e de Oia nas que un máximo de 15 persoas por actividade (debido ás restricións marcadas por mor da covid-19) puideron desfrutar a través dos sentidos dos bosques, percibindo diferentes texturas ou cheiros da natureza e facendo fincapé na importancia da conservación e respecto á contorna.

Esta nova forma de relacionarse coa natureza, impulsada pola Deputación da man do artista Sergio Portela e do enxeñeiro forestal Alfredo Agra, ten unha forte presenza en países orientais como Xapón ou no norte de Europa. No caso concreto dos “Bosques Terapéuticos” elixíronse parques que forman parte do programa de recuperación e posta en valor que financiou a Deputación de Pontevedra nos últimos anos.

Javier Losada apunta a unha combinación de “medidas sociais e de seguridade” ante o fenómeno da ocupación ilegal de vivendas

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, apuntou onte á unha combinación de medidas de carácter social e de seguridade cidadá para evitar o fenómeno da ocupación ilegal de vivendas na Comunidade. Presidiu unha reunión operativa con mandos do Corpo Nacional de Policía e da Garda Civil de Galicia, encabezados polo Xefe Superior de Policía, José Luis Balseiro, e o xeneral xefe da XV Zona da Garda Civil, Luís Francisco Rodríguez.

Javier Losada mostrou a súa solidariedade cos afectados pola ocupación ilegal de vivendas, aos que vai dirixida a instrución ditada polo Ministerio do Interior “con protocolos estandarizados que permiten axilizar a intervención policial e garantir os dereitos da cidadanía”. “Trátase de casos que xeran unha gran alarma social e que requiren unha resposta policial á altural”, indicou.
O delegado do Goberno expuxo os datos estatísticos dos CC e FF de Seguridade do Estado sobre a ocupación ilegal de vivendas en Galicia. Así, esta tipoloxía delituosa supuxo só o 0,16 % do total de infraccións penais coñecidas en Galicia en 2019 (129 fronte a un total de 80.288 infraccións). Pouco máis dun centenar destas infraccións correspondíanse a ocupación ilegal para vivir. Neste punto, A Coruña foi a provincia que rexistrou maior número de ocupacións ilegais (54), seguida de Pontevedra (40) e a moita distancia Ourense e Lugo (7 ocupacións ilegais cada unha de ambas as provincias). Este tipo de ocupacións producíronse nas cidades. “En definitiva, os datos non mostran unha situación alarmante, mesmo a anos luz da que se dá noutros puntos de España”, apuntou.

A pesar dos números, Javier Losada indicou que as Forzas de Seguridade si detectan un lixeiro incremento das ocupacións, posiblemente favorecido polo contexto social e económico do momento. En todo caso, lanzou unha mensaxe de tranquilidade á poboación xa que os números seguen estando afastados do que percibe a cidadanía sobre este fenómeno. Javier Losada indicou que as Subdelegacións do Goberno están a celebrar reunións para trasladar estas mensaxes e recoller as opinións dos afectados e dos organismos implicados, de forma que a actuación e resposta #ante o fenómeno sexan homoxéneas en toda Galicia.

A resposta, explicou o delegado do Goberno, contempla actuacións de tipo social e de tipo policial. En ambas, insistiu na necesidade de que as administracións autonómica e local implíquense na dotación de alternativas de habitabilidade. “O Executivo puxo en marcha neste ano unha importante batería de medidas para minimizar o impacto da crise da Covid-19 no dereito á vivenda”. “Só en investimentos directos o Goberno destinou a Galicia 44 millóns de euros no capítulo de vivenda durante a pandemia, ao que hai que sumar as medidas específicas do escudo social aprobado polo Executivo: axudas directas ao aluguer, moratorias do pago de hipotecas e dos desafiuzamentos e axudas para vivendas a colectivos vulnerables, entre outras”, engadiu.

A reunión serviu para analizar a aplicación en Galicia do ‘Protocolo de Actuación das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado na ocupación ilegal de inmobles’, que se inclúe na Instrución 6/2020 da Secretaría de Estado de Seguridade do Ministerio do Interior.

Este protocolo homoxeneiza e mellora a resposta policial e garante que os atestados recollan todos os elementos que deben ser achegados ás autoridades xudiciais para acreditar a comisión do delito e a participación dos seus presuntos autores, entre outros obxectivos.

A instrución establece diferentes actuacións en función de se o inmoble ocupado constitúe a morada do seu titular, sexa primeira ou segunda vivenda. Nestes casos, as forzas de seguridade poderán proceder, sen necesidade de solicitar medidas xudiciais, ao desaloxo inmediato e identificación dos ocupantes, así como á súa detención se procede. No caso de que o inmoble non sexa morada aplicaríase o aplicable ao delito de usurpación.

Ademais, tamén dita medidas para protexer ás vítimas e favorecer a resolución xudicial do conflito, a restauración ao seu lexítimo dono do inmoble achandado ou usurpado e a reparación dos danos causados.

Así mesmo, o protocolo reforza as accións encamiñadas a evitar a aparición ou consolidación de grupos criminais dedicados á usurpación de vivendas con diferentes fins, entre os que figura o alugalas ou vendelas a terceiros de maneira fraudulenta. Neste punto, o delegado do Goberno apuntou que en Galicia non hai constancia da existencia de ningún tipo de mafia destas características.

Por último, Javier Losada lembrou que desde este mes a aplicación para móbiles ALERTCOPS inclúe unha funcionalidade específica para que afectados, propietarios, veciños ou calquera outro usuario que detecte un caso de ocupación ilegal de inmobles poidan poñer de forma inmediata os feitos en coñecemento de Policía Nacional e Garda Civil.

O programa ‘Vive o rio Minho’ pechou esta fin de semana a súa andaina con actividades na Guarda e Caminha

O programa de actividades ecoturísticas da Deputación ‘Vive o Rio Minho’ tiveron seu colofón esta fin de semana cun conxunto de propostas a realizar ao longo dos concellos da Guarda e Caminha. Unha vez máis, a proposta –destinada a atraer público para dar a coñecer o territorio transfronteirizo do Miño– resultou todo un éxito de acollida, xa que as prazas esgotáronse en apenas minutos.

Nesta ocasión a actividade tivo dous días de duración e localizouse na desembocadura do río Miño combinando rutas de sendeirismo, observación ornitolóxica, visitas guiadas e unha visita dramatizada no castro de Santa Trega.

O primeiro día –sábado– as persoas participantes subiron ata o alto de Santa Trega para gozar dunha visita dramatizada ao Castro e despois comer no alto namentres se aprecian as vistas da desembocadura do Miño. Pola tarde o grupo viaxou en ferry ata Caminha onde fixeron unha visita guiada para rematar a xornada cunha actividade de observación astronómica dende a zona do Puntal, na desembocadura do Miño.

Ao día seguinte, máis tranquilo que o anterior, realizouse unha actividade de observación de aves pola mañá (cunha pequena ruta duns 6 quilómetros aproximadamente de dificultade baixa) e un pequeno paseo e visita ás cetáreas e ao núcleo histórico da Guarda, tamén de 6 quilómetros e de dificultade baixa.

Hai que lembrar que ‘Vive o Rio Minho’ é un programa desenvolvido dentro do proxecto ‘Visit Rio Minho’ financiado con fondos europeos do programa ‘Interreg V-A POCTEP 2014-2020’’, que pretende ofertar unha alternativa ao turismo masificado para coñecer o territorio transfronteirizo do Miño dun xeito tranquilo, seguro –seguindo protocolos sanitarios pola COVID-19– buscando a natureza, a cultura e toda a riqueza que ofrece a contorna.

O domingo, a proposta consistiu en facer caiac polo Miño e sendeirismo. Fíxose unha ruta camiñando entre a desembocadura do río Tamuxe e o porto de Goián para despois realizar o tramo inverso en caiac polo río. No caso do sábado 26 o eixo central foi o cicloturismo pola ecovía do Miño entre Valença e Vila Nova de Cerveira xunto a un pequeno percorrido cunha visita guiada polas vilas históricas de Tui e Valença.

Todas as persoas participantes no programa ‘Vive o Rio Minho’, ademais de participar gratuitamente nos roteiros ecoturísticos, recibiron un paquete de material promocional co que publicitar a marca ‘Rio Miño’. En xeral a satisfacción foi máxima tanto na organización como nas persoas asistentes, polo que queda aberta a organización dunha próxima edición aínda que non se dispoña de fondos europeos.

Un incendio nun taller de motos obriga a desaloxar un edificio en Nigrán

0

Un incendio nun taller de motos obriga a desaloxar por precaución un edificio situado na Avenida de Val Miñor, en Nigrán.

Deste xeito, os veciños puxéronse a salvo mentres duraron os traballos para a extinción do lume, que chegou a afectar a dúas persoas que estaban no interior do taller.

De feito, desde o 112 Galicia pediuse a colaboración dos profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 para asistir a dúas persoas que, segundo apuntaron os axentes da Policía Local, inhalaron moito fume. Finalmente, os equipos médicos somentes trasladaron a unha persoa con síntomas de intoxicación por mor do fume e unha pequena queimadura que presentaba nunha man.

Para facer fronte ao incendio, o persoal do 112 Galicia pediu a colaboración dos Bombeiros do Baixo Miño, que, xunto cos membros do GES de Val Miñor, rápido sufocaron o incendio. De momento, os equipos seguen traballando no punto para ventilar debido á intensa fumareda acumulada no interior do taller.

Cómpre sinalar que a alerta sobre o incendio activouse no 112 Galicia pasadas as seis da tarde de onte mediante a chamada dunha persoa particular. Ademais dos sanitarios e dos bombeiros, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia informaron aos axentes da Policía Local de Nigrán que, por precaución, procederon ao desaloxo do edificio para garantir a seguridade no tempo que duraron os traballos de extinción. En canto os bombeiros rematen a avaliación dos danos, os veciños poderán volver ás súas vivendas.

De momento, os efectivos de extinción confirmaron que ardeu unha zona do taller con dúas ou tres motos, pero que todo o local viuse afectado polo fume.

A Concellería de Ensino de Ponteareas publica a listaxe definitiva de concesión de axudas de libros e material escolar 2020

A Concellaría de Ensino do Concello de Ponteareas que dirixe a tenenta de alcalde Cristina Fernández Davila, vén de poñer en coñecemento de todas as persoas interesadas, que xa están publicadas na páxina web do Concello as listaxes definitivas da concesión das axudas para libros e material escolar para o curso 2020/21 destinadas ao alumnado matriculado en educación infantil (4º, 5º e 6ª), FP básica, ciclos formativos e bacharelato.

O prazo de admisión de solicitudes finalizou o 18 de agosto estando destinadas a familias con ingresos limitados. Un total de 20.000 € para as familias empadroadas no Concello de Ponteareas que teñen menores ao seu cargo, matriculados para o presente curso escolar nalgún centro de ensino de Ponteareas en Educación Infantil, FP Básica, CF e Bacharelato, ou noutra localidade no caso de CF, para axudas de libros de texto e material escolar e que non dispoñen de ningunha outra axuda de organismo público.

Por sexto ano consecutivo a concelleira de Ensino colabora coas familias aportando un apoio máis ao acceso dun ensino de calidade e que acurta as diferencias sociais e garante a igualdade de oportunidades, sobre todo neste ano tan complicado por mor da crise sanitaria do COVID19.

Nesta edición, as bases regulan a posibilidade de que as familias reciban o adianto da contía da axuda a fin de poder mercar todo o material a comezo do curso e non ter que esperar á resolución definitiva e posterior transferencia por parte do Concello. “Resólvese deste xeito a carencia de recursos para algunha das familias máis afectadas pola crise deste ano” comenta a concelleira de Ensino.

Con estas axudas cúbrense as necesidades de material educativo de 176 alumnas/os que son o total das solicitudes que cumprían os criterios establecidos nas bases.

Colocados en Tui dous contedores para a recollida solidaria de tapóns na praza de Abastos e no Punto Limpo

0

O Concello de Tui colabora coa Asociación TaporelMun, coa colocación de dous contedores para a recollida de tapóns de plásticos no exterior da Praza de Abastos, e no exterior do Punto Limpo. Deste xeito o Concello aposta non só pola reciclaxe destes produtos, senón que se suma a unha causa solidaria, xa que os cartos recadados con estes tapóns teñen un fin social.

En concreto a segunda campaña que está arestora en marcha busca axudar a un neno de 3 anos que padece unha enfermidade rara denominada Metabolopatía por déficit de CPS-1.

Actividades para todos os públicos no peche das Festas de Setembro de Ponteareas

A Concellaría de Eventos, que dirixe a tenenta de alcalde Cristina F.ernández Davila, vén de organizar diversas actividades coas que o Concello ponteareán pechará as Festas de Setembro o martes, 29 de setembro, día de San Miguel Arcanxo, patrón de Ponteareas e festividade local no municipio.

Organizadas seguindo as máis estrictas normas de seguridade sanitaria e sempre contando coa colaboración dunha cidadanía responsable, mañá martes festivo local ás 18:30 horas arrancará dende o parque da Feira Vella o espectáculo itinerante ‘Laia aprendiz de maga’ rumbo á praza de Ponteareas Cidade para o goce de nenos, nenas e maiores. Ás 20:30 horas actuará a banda de música Xuvenil de Xinzo tamén no parque da Feira Vella e ámbalas dúas actividades con entrada de balde.

Por último, ás 21 horas terá lugar o concerto de Guadi Galego tamén na Feira Vella, actuación que foi adiada por mor das condicións meteorolóxicas adversas do sábado, pechando cunha das más premiadas e afamadas artistas galegas as nosas festas de setembro.

‘La Icónica’ reuniu esta fin de semana a máis de 150 participantes que percorreron unha ruta dende Oia á Tui

0

A Icónica, unha proba que uniu Oia e Tui, viviu dúas grandes xornadas a pasada fin de semana. O primeiro percorrido, entre Oia e A Guarda que constaba de 15 quilómetros, celebrouse o sábado, mentres que o domingo as preto de 150 persoas participantes afrontaron un treito, máis esixente co dobre de quilómetros, entre A guarda e Tui.

No percorrido da segunda etapa tiveron que pasar polos concellos do Rosal, Tomiño, Vilanova de Cerveira, Valença do Minho e Tui nunha proba que tiña, como un dos seus principais alicientes, o poder facela na modalidade de marcha nórdica. Unha especialidade nova e que xa ten unha gran aceptación en Galicia.

A Icónica atravesou lugares emblemáticos, tal como era o seu obxectivo. Saíu das inmediacións do Mosteiro de Oia, un escenario de película e lugar onde se citaron o alcalde da Guarda, Antonio Lomba e as alcaldesas de Oia, O Rosal e Tomio, Cristina Correa, Ánxela Fernández e Sandra González, respectivamente, amais do concelleiro de deportes de Tui, Rafael Estévez.

Todos eles coñecen sobradamente a espectacularidade da travesía, pero experimentaron novas sensacións, do mesmo xeito que os participantes. O ‘Camiño Portugués pola costa’ tamén supón un aliciente para os peregrinos. Descubrilo formou parte da filosofía da Icónica.

Como non podía ser doutro xeito, á iniciativa uníronse os concellos de Villanova de Cerveira e Valença do Minho. Ambas as entidades tamén contribuíron co seu apoio á divulgación da zona. A maior parte dos case 150 participantes cubriron o percorrido, esixente por ser tan longo. E todos “prometeron volver o próximo ano”.

ADEGA retoma o seguimento e as visitas do programa de compostaxe no Concello de As Neves

0

ADEGA retoma neste mes de setembro as visitas de seguimento ás vivendas do concello de As Neves que fan uso do seu composteiro individual. Continuaranse recollendo datos sobre temperatura, nivel de enchido, evolución do compost, resolvendo dúbidas e asesorando sobre o correcto uso dos mesmos.

O seguimento e as visitas téñense que adaptar ás circunstancias actuais que vivimos por mor da Covid-19. ADEGA extremará polo tanto as medidas de prevención: máscara, distancia social e uso de xel hidroalcohólico para coidado tanto do persoal como da veciñanza.

ADEGA comezou no mes de outubro do 2018 coa súa colaboración na implantación do Plan Revitaliza no Concello de As Neves. Este plan pretende mudar o sistema de xestión do lixo pasando dun sistema baseado na incineración e o vertido a un novo sistema de reciclaxe a través da compostaxe. A reciclaxe dos restos orgánicos faise a través da instalación de composteiros comunitarios na zona urbana e na entrega dun composteiro individual a cada casa adscrita ao programa. Na implantación da compostaxe individual, o persoal de ADEGA realizou o seu labor a través de charlas informativas explicando o proceso da compostaxe e separación selectiva, así como, as posteriores visitas de seguimento para a toma de datos e asesoramento e acompañamento á veciñanza ao longo do proceso. Durante este tempo entregáronse 1070 composteiros individuais colocados nas vivendas do concello. Ademais procedeuse á instalación de 14 composteiros nos cemiterios e 5 nos centros educativos, o seguimento e mantemento dos cales é realizado polos mestres composteiros da Deputación.

A veciñanza conta tamén con 17 Puntos Verdes, distribuídos por varios lugares do concello onde poden depositar os restos das podas que realicen así como recollelas posteriormente xa trituradas para usar como estruturante no seu composteiro.

A acollida e implicación no proceso está sendo en xeral moi elevada e máis tendo en conta que unha ampla parte da veciñanza xa tiña algún hábito de reciclaxe dos restos orgánicos coa realización de pilla/esterqueira ou botándollos aos animais. Pero o feito de participar no programa e ter un composteiro fixo que a veciñanza participante fose máis conscientes do volume de restos orgánicos que se xeran e como potenciar a reciclaxe dos demais residuos. O concello das Neves está moi próximo a acadar o obxectivo da UE do 50% de reciclaxe.

Para máis información: Emma Castro, tfno 628 913 005.

A Deputación inicia a formación do persoal de 20 concellos para o uso dos novos desfibriladores

A Deputación de Pontevedra ofrecerá a partir deste martes 29 de setembro a formación ao persoal dos vinte concellos de menos de 20.000 habitantes que recibirán 34 novos desfibriladores semiautomáticos (DESA) financiados coa axuda da institución provincial. Son un total de 43 persoas as que recibirán esta formación ata o vindeiro venres, no Edificio Administrativo e a sede de Turismo Rías Baixas, repartidas en catro quendas polas restricións de aforo da Covid-19.

Os 34 desfibriladores instalaranse nos municipios de Caldas de Reis, Meaño, Moaña, Vilanova, Cuntis, A Illa de Arousa, Sanxenxo, Silleda, Campo Lameiro, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, Oia, Ponte Caldelas, Pontecesures, O Porriño, Portas, O Rosal, Tomiño e Vila de Cruces. A Deputación entregará estes días os equipamentos aos concellos que, trala formación do seu persoal, os colocarán en edificios, instalacións, equipamentos ou outros espazos de titularidade municipal.

O investimento nesta dotación ascende a 78.000 euros, dos que a Deputación financia o 59,6% e os concellos o 40,4% restante. Este orzamento inclúe a subministración, instalación, posta en funcionamento e as labores de mantemento dos desfibriladores. Trátase da terceira adquisición que ten feito a institución provincial destes equipamentos e contando coas dúas anteriores son xa 103 os desfibriladores con que contan 41 municipios da provincia de menos de 20.000 habitantes.

Ponteareas e Uriangato (México) unidos polo ‘V Encontro Internacional de Alfombristas Virtual’ que se celebra o 6 de outubro

A Asociación de Alfombristas Do Corpus Christi de Ponteareas vén de recibir unha invitación para participar no V Encontro Internacional de Alfombristas Virtual de Uriangato 2020′, actividade que terá lugar o día 6 de outubro con motivo das festas de San Miguel Arcanxo da localidade mexicana.

Así mediante carta do alcalde de Uriangato, Anastacio Rosiles Pérez, envióuselle esta invitación oficial á Asociación de Alfombristas Do Corpus Christi de Ponteareas para participar no maior evento de arte Efémera que se realiza en Mexico, e no que, ademais de alfombristas de México, participarán delegacións de Alemaña, Arxentina, Portugal, India, Polonia, Estados Unidos, Colombia, Guatemala, Nicaragua, O Salvador, Brasil, Italia e España, todos eles membros da Comision Gestotra de Entidades Alfombristas do Camiño de Santiago que preside Ponteareas.

Unha vez aceptado o deseño proposto pola delegación de Ponteareas por parte do persoal coordinador de presidencia municipal de Uriangato, poderase iniciar coa elaboración da alfombra conforme aos seguintes criterios:

  • Os materiais quedan a libre elección, de acordo aos usos e costumes de cada país participante.
  • Cada Asociación deberá presentar un vídeo cunha duración máxima de 5 minutos onde expoñerá os seguintes puntos:
    • Explicación dos materiais e técnicas empregadas para a elaboración da súa tapete ou alfombra.
    • Explicación do deseño co cal participa no encontro.
    • Mensaxe para a cidadanía de Uriangato.

Para iso membros desta Asociación confeccionarán unha alfombra de flores o próximo día 3 de outubro en para poder gravar un vídeo que será enviado aos organizadores do V ENCONTRO INTERNACIONAL DE ALFOMBRISTAS VIRTUAL, vídeo que posteriormente será emitido a todo o mundo dende a páxina oficial do Concello de Uriangato.

A Cafetería-Restaurante da Estación Marítima da Guarda sae a licitación

0

Na sesión plenaria do pasado venres día 25 de setembro de 2020, aprobouse a proposta de alcaldía para os pregos de cláusulas técnicas e económico-administrativas da licitación da Cafetería-Restaurante da Estación Marítima da Pasaxe en Camposancos (A Guarda).

Na actualidade este espazo se atopa cedido ao Concello da Guarda por Portos de Galicia ata o 2029 e sairá a concurso público por un canon anual de 8.000 €, asumindo o mantemento, conservación e explotación do espazo.

Os criterios de adxudicación serán o incremento do canon anual e as maiores coberturas e contías da póliza do seguro das instalacións con cláusula de responsabilidade civil sobre o mínimo previsto no prego correspondente.

Deste xeito quedan aprobados os pregos de cláusulas técnicas e económico-administrativas que servirán como base para a adxudicación deste contrato de explotación, os mesmos serán publicados nos vindeiros días na sede electrónica municipal: https://aguarda.sedelectronica.gal/info.0

O prazo de presentación de ofertas queda aberto, dende a publicación dos pregos, durante un período de 20  días hábiles, cando se procederá a apertura de sobres e posterior adxudicación á oferta presentada mellor valorada.

Milu Rodríguez e Eduardo García, do Club Trega de Tomiño, campións galegos do Campionato Máster ao aire libre

0

Fantástica fin de semana para os deportistas tomiñeses. Os atletas da Sociedade Atlética do Trega de Tomiño volveron ás pistas con grandes resultados despois de meses sen competicións pola situación sanitaria baixo as máis estritas medidas de seguridade. Foi o pasado sábado no XXXIII Campionato de Galicia Máster ao aire libre celebrado en Pontevedra, no que Milu García e Eduardo García se proclamaban campións galegos e conseguían un total de tres medallas de oro para o club tomiñés.

A guardesa Milu Rodríguez conseguía unha vez máis o título de campioa galega Máster 40 na proba de 5.000 m marcha mellorando a súa marca mínima cun crono de 28’26’’72. Pola súa banda, Eduardo García conseguía proclamarse campión galego M45 por partida dobre: na proba de 800 ml, onde entrou claramente en solitario cun tempo de 2’05’’04, e nos 400 ml, onde impuxo un forte ritmo de carreira dende a saída e entrando na liña de meta en solitario cun rexistro de 55’’76.

Dende a directiva do club destacan que as enormes marcas establecidas por estes dous deportistas demostran “a enorme calidade que ten o Baixo Miño, porque lideran os rankings autonómicos das diferentes disciplinas”.

Milu Rodríguez e Eduardo García, do Club Trega de Tomiño

Pola súa banda, o Club Deportivo Miño-Teixugos participou este domingo na última e máis importante das probas da Liga Galega de Promoción de Slálom en augas do río Tea, ata onde acudiron 9 deportistas do club das categorías benxamín, alevín e infantil. O resultado foi un quinto posto por equipos e catro medallas individuais: Leila Álvarez acadou ouro en K1 Muller Benxamín; Nerea Álvarez, prata na mesma categoría; Alejandro Barreiro, bronce en K1 Home Benxamín; e Javier Llucha, bronce en K1 Home Alevín.

Uns bos resultados que foron acompañados dunha gran xornada na que nenos e nenas practicaron deporte con seguridade e ao aire libre e desfrutaron dun día de convivencia e amizade con rapaces e rapazas de toda Galicia.

A Concellería de Deportes do Concello de Tomiño quere felicitar aos deportistas destes dous clubs polo gran labor que están a facer, valorando moi positivamente o seu esforzo e animándoos a seguir traballando para acadar futuros logros.

Tomiño aproba en pleno a súa conta xeral

0

O Concello de Tomiño celebrou este xoves 24 un pleno ordinario no que, entre outros asuntos, se aprobou a Conta Xeral do orzamento municipal de 2019. A Conta Xeral é un trámite administrativo que rebela a boa saúde económica do Concello e que permite tanto á corporación como á cidadanía coñecer as actuacións realizadas durante todo o exercicio orzamentario, permitindo controlar o uso dos fondos públicos a xestión económica, financeira, patrimonial e orzamentaria do municipio.

Así mesmo, como confirman os datos achegado no pleno, Tomiño cumpre o obxectivo de estabilidade orzamentaria no exercicio 2019.

Por outra banda, o Concello leva tempo traballando para axilizar a tramitación de facturas, fundamental para a reactivación económica no contexto de crise sanitaria que se está a vivir. Deste xeito, no segundo trimestre de 2020 o período medio de pago a proveedores reduciuse ata os 10,38 días.

No pleno tamén se trataron, entre outros temas a aprobación dos festivos locais para o vindeiro ano 2021, que serán o 16 de febreiro, martes de Carnaval, e o 13 de setembro, luns do Alivio. Ademais, aprobouse o protocolo para a posta en marcha dun proxecto piloto para compartir bicicletas eléctricas, unha iniciativa da AECT Rio Minho que busca incrementar a mobilidade transfronteiriza sustentable.

Un ano máis Defendendo o Tea reafirma a súa loita pola limpeza do río apoiado polo esforzo de 22 persoas voluntarias

Onte domingo e como xa é habitual dende hai doce anos, Defendendo o Tea respondía á chamada de Adega e a súa ‘Limpeza simultánea de ríos’. Non deixa de sorprender que, en pleno século XXI, Defendendo o Tea siga a sacar do leito do río neumáticos, plásticos, latas, toalliñas, ferros e ata a defensa dun coche. Chegará o día en que esta xornada solidaria co noso medioambiente pero, de momento, a labor de Defendendo o Tea é imprescindible.

Como todo, da xornada de onte sácanse lecturas positivas e negativas, varias de cada, para ser máis precisos. Positivo, que 22 persoas quítenlle tempo ao seu lecer para realizar unha acción que beneficia a toda a sociedade e que, desas 22 persoas, 6 sexan nenos e nenas, o que garante a continuidade da actividade e a esperanza dunha futura xeración máis concienciada na necesidade de coidar o planeta.

Negativo, que logo de tantos anos, só 22 persoas estean dispostas a facelo e que, a estas alturas de campionato, aínda haxa os descerebrados e descerebradas que confunden o río, ese marabilloso lugar de espallamento da cidadanía, cun estercoleiro.

Non é normal que os voluntarios e voluntarias, entre as que estaban tamén as concelleiras Nahir Covelo e Rosi Covelo, que decidiron mollarse polo río, recollan preto de 300 quilos de lixo.

A pregunta é, se en lugar de 22 persoas voluntarias foran 50 ou 100, cantos quilos recolleríanse?

Dende Defendendo o Tea agradeceu aos voluntarios e voluntarias “que se mollaran polo Tea” e especialmente aos nenos e nenas que “con moitísima ilusión colaboran todos os anos”. Do mesmo xeito agradecían as súas concelleiras a súa presenza no traballo común de preservar un río Tea “incluído na rede Natura 2000 que temos que cuidalo entre todos e todas, porque nas súas veiras e nas súas aguas viven moita flora e fauna merecedora de ser cuidada”, conclúe Defendendo o Tea.

A Policía Local de Redondela investiga a un condutor por un presunto delito contra a seguridade viaria

0

Axentes da Policía Local de Redondela procederon, na pasada fin de semana, a instruír as correspondentes dilixencias contra o condutor dun vehículo que, a maiores de infrinxir numerosas normas de circulación, achegou datos falsos aos axentes cando foi identificado polo que tamén pode haber un presunto delito de usurpación de identidade.

Os feitos aconteceron cando unha patrulla da Policía Local redondelá atopábase intervindo nun accidente de tráfico na N-550 á altura da intersección doa rúa Subida Estación ás 23:15 h. Nese momento, os axentes observaron un vehículo sen as luces regulamentarias que circulaba en dirección Vigo e que, amais, foi recoñecido polos axentes por haber estado implicado, días atrás, nun feito delictivo na vila.

Nun primeiro momento, o condutor fixo caso omiso ás indicacións dos axentes de deter o vehículo se ben, posteriormente, detívose uns metros máis adiante. No proceso de identificar ao autor dos feitos, este aportou datos faltos, polo que tamén se pode dar un presunto delito de usurpación de identidade.

Os axentes, coa colaboración do GOR (Grupo Operativo de Resposta) da Policía Nacional, procederon seguidamente á levantar a correspondente denuncia por circular sen alumeado regulamentario, carecer de seguro, non ter pasada a ITV, non levar o cinto de seguridade, dar positivo na proba de alcoholemia e, ao mesmo tempo, trasládanse dilixencias ao Xulgado de Guarda de Redondela por tratarse dunha persoa que nunca obtivera o permiso de conducir.

Do mesmo xeito, o acompañante foi denunciado ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra por tenencia de substancias estupefacientes, portar arma blanca e un bastón de considerables dimensións.

Esta non sería a única actuación da Policía Local nesta fin de semana xa que, na mañanciña do domingo e acompañados por efectivos da Policía Nacional, tiveron que acudir –a requirimento da veciñanza– a un bar da vila no que se atopaban preto de 40 persoas tanto no seu interior coma no exterior, consumido e incumprindo o horario establecido pola Xunta de Galicia ante a alerta sanitaria.

Salceda apela á colaboración veciñal ante unha ‘gamberrada’ transformada nun perigo para seguridade cidadá

O Concello de Salceda está a sufrir, nestes últimos días, un acto que vai máis aló do gamberrismo e chega a ser unha ameaza para a seguridade pública e para a propia integridade física de peóns e condutores. Nas última horas, aparecían varias arquetas abertas en moi diferentes puntos do concello co perigo evidente que iso supón.

O Concello solicita a colaboración cidadá porque, queda claro, que é materialmente imposible vixilar unha por unha os milleiros de rexistros que existen en todo o concello e que, con estas actides incívicas propias de xentiñas de cabeza baleira, poñen en perigo a toda a cidadanía.

De momento un vehículo que meteu unha roda nun rexistro e unha señora maior que caiu, afortunadamente sen consecuencias, son o balance deste acto vandálico. Pregúntase o Concello que pasaría se cae un neno pequeno que polo seu tamaño entra enteiro dentro da arqueta.

As veces, e esta é unha delas, a sociedade ten que actuar en conxunto e unánimemente contra aqueles que, ‘por facer unha gracia’ poñen a todos en situación de risco. A participarción cidadá é unha ferramente imprescindible e fundamental en calquera administración municipal pero, lembremos, funciona en dobre sentido. A cidadanía ten dereito a participar nas decisións do Concello pero, ese mesmo dereito, leva aparellada a obriga de colaborar naquelas accións que poñen en perigo a seguridade de todos e todas.

Gondomar retira máis de 1000 quilos de residuos na xornada de limpeza dos ríos

0

Máis de medio centenar de persoas déronse cita á primeira hora da mañá no punto de partido, en Ponte de Ánimas, para coordinar os diferentes grupos que ían participar na limpeza do río Miñor, desde a Ponte de Mañufe ata a Ponte do Beco; así como os afluentes Rasas e Morgadáns.

Un ano máis foron diferentes os residuos que se retiraron tanto das beiras como do propio río, destacando entre eles a aparición por primeira vez das máscaras cirúrxicas, varios pneumáticos, un tambor de lavadora e grandes cantidades de plástico, sacos de entullos ou bolsas, enterradas no fondo do río ou entre as ramas da vexetación da súa contorna.

Dende o Concello agradecen a colaboración de todos os voluntarios e voluntarias que este domingo sumáronse á actividade e insisten na necesidade de seguir apoiando iniciativas destas características e campañas de sensibilización para lograr “que os ríos deixen de ser un lugar no que lanzar verteduras, e a xente tome conciencia de que é necesaria a seu defensa, así como a de todo a súa contorna”.

Nesta ocasión tamén participaron na xornada integrantes da Asociación Galaicosquad Val Miñor, que desinteresadamente, ofrecéronse a ir recollendo durante a mañá as bolsas e residuos que os voluntarios depositaron en puntos sinalados previamente para así poder trasladalos con máis facilidade.

Horario de inverno na rede de museos e na oficina municipal de Turismo da Guarda

0

Dende o vindeiro xoves día 1 de outubro, entra en funcionamento o horario de inverno na rede de museos municipal e na oficina de turismo, co peche do Centro de Interpretación do Castelo de Santa Cruz.

A Oficina de Turismo Municipal prestará servizo de luns a domingo en horario de 10:00h a 14:00h e de 16:30h a 19:30h nas instalacións da Praza do Reló.

O Museo Arqueolóxico de Santa Trega(MASAT) abrirá as súas portas de martes a domingo en horario de 10:00h a 18:30h

O Museo do Mar, sito no final do paseo marítimo, estará aberto as fins de semana e festivos en horario de 11:00h a 14:00h e de 16:00h a 19:00h.

Pola súa banda o Centro de Interpretación do Castelo de Santa Cruz pecha as súas portas ata a vindeira primavera, quedando aberto o espazo público deste recinto fortificado.

Máis información na Oficina de Turismo Municipal na Praza do Reló S/N ou chamando ao 986 61 4546 ou no enderezo electrónico [email protected].

SmartPeme pon en marcha esta semana outros 5 obradoiros online

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta desde este luns 28 de setembro e o 2 de outubro cinco novas accións formativas impartidas de xeito online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versan sobre deseño de páxinas web con Elementor, o uso de Twitter para potenciar a marca, a fotografía de produto e o debuxo con Onshape, así como as medidas para confrontar o coronavirus nos establecementos turísticos.

Máis polo miúdo, o luns Laura Carrera, graduada en Publicidade e Relacións Públicas e posgraduada en Dirección de Comunicación Corporativa, impartirá o obradoiro “Deseña a túa páxina web de maneira sinxela con Elementor”. Ao día seguinte están previstas dúas accións: a experta en Publicidade e Relacións Públicas  Fátima Faílde desenvolverá “Potencia a túa marca con Twitter” e Laura Taboada, titulada Superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, impartirá o obradoiro “Fotografía de produto para a túa tenda en liña ou e-commerce”.

Para o mércores 30 hai programada unha actividade sobre “Medidas para confrontar o coronavirus nos establecementos turísticos”, que ofrecerá Mariana Rosa, técnica superior en Axencias de Viaxes e Xestión de Eventos e graduada en Turismo. E o xoves 1 de outubro o experto universitario en robótica Manuel Freire impartirá o obradoiro “Debuxo con Onshape. Part Studio I”.   

Galicia rexistra un total de 4.353 de casos activos

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.353, deles 999 son da área da Coruña, 552 da de Lugo, 743 da de Ourense, 811 da de Pontevedra, 512 da área de Vigo, 583 da de Santiago, e 153 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 32 están en UCI, 210 en unidades de hospitalización e 4.111 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 18.534 persoas curadas, rexistrándose 731 falecementos. A última persoa falecida nun centro hospitalario foi un varón de 61 anos, que estaba ingresado no HULA, e presentaba patoloxías previas.

O número de PCR realizadas é de 469.694.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Na xornada de onte rexistrouse un falecemento en centro residencial. Este tivo lugar na residencia de maiores Las Salinas (Ourense)

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 2021 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos a súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

As Festas do Cristo frecen o espectáculo “Ópera Break’s” coa mestura das actuacións da soprano Esperanza Mara e artistas urbanos

Hoxe luns 28, festivo local no Porriño, a programación das Festas do Cristo ofrecerá un espectáculo musical que mesturará a ópera coas artes urbanas como o break dance e os dj’s.

O espectáculo que comezará ás 18 h na praza do Concello, cun aforo reducido, está producido por “Vella Escola”. O seu responsable, Pablo Castiñeira explicou que na posta en escena “sumaremos o talento operístico da soprano Esperanza Mara cos bailaríns Bboy Serlli e Pol Rock e co DJ Mil”. 

“Trátase dunha fórmula nova que coido que é un formato que debemos promover pois estas novas formas de espectáculo pretenden acercar a ópera e as artes urbanas a outros públicos”, manifestou Cami Moreira, concelleira de Festas y Cultura.

“Pretendemos quitar ese aire de que a ópera é un espectáculo para adultos e elitista, cando realmente é unha manifestación musical que pode conxugar moi ben coa arte urbana. Ofreceremos unha fusión entre contar unha historia en formato operístico apoiado con bailes de cultura urbana cun resultado espectacular”, engadiu a concelleira de Festas e Cultura.

Tomiño pon en marcha un curso de competencias dixitais para mulleres en situación de vulnerabilidade

0

O Concello de Tomiño pon en marcha o curso ‘Competencias dixitais para o emprego e nas relacións coa Administración’, un obradoiro dirixido a mulleres usuarias dos departamentos municipais de Benestar Social e Orientación Laboral en situación desemprego, de mellora de emprego e/ou en situación de especial vulnerabilidade por diversas circunstancias. 

Trátase dunha medida plantexada para facilitar ás participantes ferramentas na procura da súa inserción laboral dende o uso das Tecnoloxías da Información e a Comunicación e paliar a brecha laboral, dixital e territorial de xénero que a crise sanitaria derivada da Covid-19 acentuou e que trae como consecuencia o risco de illamento socio-laboral, especialmente no caso das mulleres, tradicionalmente dedicadas aos coidados de menores e dependentes, en detrimento da súa formación e do seu desenvolvemento socio-laboral.

O curso, co-financiado pola Deputación de Pontevedra e o Concello de Tomiño, impartirase dous días á semana do 5 de outubro ao 10 de decembro na Aula Obradoiro de Goián. A xornada será de dúas horas e media ao día, dividindo ás participantes en tres grupos, dous de mañá (luns e mércores, de 09.30 a 12.00 h e martes e xoves de 09.30 a 12.00 h) e outro de tarde (luns e mércores, de 16.00 a 19.30 h). Ademais o Concello ofrece ás participantes que o precisen servizo de canguraxe gratuíto no grupo de tarde.

As participantes recibirán formación teórico/práctica en internet básico e medio (correo electrónico, Google office…), internet para o emprego (novos traballos e profesións, elaboración de CV e distribución por web/mail, boas prácticas en redes sociais  para uso profesional, portais e buscadores de emprego…) así como no uso das webs da Administración (sinatura dixital, SEPE, Seguridad Social…). O curso completarase cun módulo dedicado a Dereitos Laborais e un módulo básico de Igualdade, impartidos por profesionais de ambas áreas.

Ademais de para mulleres usuarias de Benestar Social e Orientación Laboral, o Concello abre a inscrición a mulleres que aínda que non sexan usuarias destes servizos se atopen en situación de desemprego ou mellora de emprego e estean interesadas. Dado que, por mor das medidas de seguridade e aforo máximo o número de prazas é limitado, en caso de que exista maior demanda que as existentes darase preferencia a mulleres empadroadas en Tomiño que, polas súas circunstancias persoais e/ou familiares, se atopen en maior risco de exclusión (mulleres con cargas familiares non compartidas, desempregadas de longa duración e similares).

Para a inscrición, as interesadas poden enviar un correo electrónico a [email protected], indicando no  Asunto “Obradoiro competencias dixitais” e achegando os seguintes datos:

  • Nome e apelidos
  • DNI
  • Teléfono de contacto
  • Enderezo:
  • Indicación de situación laboral

Prazo de inscrición aberto ata o mércores 30 de setembro ás 13.00 h.

Colectivos de Mos reciben máis de 100.000 euros en axudas da Xunta

0

As entidades destínano a traballos de mantemento, obras e equipamentos para os seus locais. Soamente no que vai de 2020 foron 110.000 € os concedidos pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e xustiza, a través do Plan específico de acción comunitaria.

O equipo de goberno local destaca o labor desinteresado das diferentes directivas dos devanditos colectivos, que co seu traballo diario enriquecen o valor cultural e deportivo do concello de Mos.

 A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; visitou onte as dependencias da Asociación de Veciños de Cela onde destacou o esforzo destes colectivos e agrupacións por manter vivas as diferentes tradicións culturais e actividades, agradecendo o seu labor tanto a directivas como a participantes. Por iso afirmou que “a pesar das dificultades económicas que veñan dependidas da pandemia ou de outros motivos, o concello sempre tratará de apoialas buscando fondos se é necesario noutras administracións. Declarou que  “é un orgullo contar con tastas asociacións culturais, sociais e veciñais que enriquecen a Mos co seu traballo e coa súa cultura”.

 Esta obra en concreto para o aislamento térmico e acústico de salón de actos e mellora de  equipamento coa adquisición de mobiliario, suma un total de 17.000 € de inversión neste local.

As diferentes subvencións están a ser invertidas en varias asociacións destinadas a obras, tales como acondicionamento de instalacións, reforma de fiestras,  obras de acondicionamento  da accesibilidade, melloras eléctricas, compra de mobiliario, etc.

Dende o ano 2016 foron moitas as entidades sociáis que poideron beneficiarse deste tipo de subvencións, entre outras; a Asociación de veciños San Rafael, a Asociación de Veciños Chan do Bosque, a Asociación de vecinos San Mamede de Torroso e Asociación Veciños Santa Baia, Asociación de Veciños Santa Ana de Veigadaña, Asociación de Veciños de Dornelas…

A Deputación destina máis de 200.000 euros ao servizo de tala de arborado nas marxes das estradas provinciais para prevenir incendios

O Goberno da Deputación vén de aprobar a contratación para a adxudicación do servizo de tala de arborado no dominio público  das marxes das estradas provinciais, no que se investirán máis de 201.500 euros ao fío das tarefas de conservación destes viarios. Como destacou a presidenta Carmela Silva, son traballos de especial importancia “como medida preventiva que facilita a loita contra o lume”, amais de evitar o efecto prexudicial que a vexetación ocasiona nas estradas e atender deste xeito “unha das grandes demandas da xente, que as marxes dos viarios estean en boas condicións”.

O novo contrato para este servizo especifica que as especies a talar, como matizou a presidenta, “son todas aquelas que aparecen na Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia”. Carmela Silva incidiu en que “pola contra, queda claro que imos conservar aquelas árbores singulares que cumpran outro tipo de funcións”. “Polo tanto –subliñou–, estamos cumprindo coas medidas para evitar os incendios, que cada ano son un problema gravísimo na nosa comunidade”. O servizo contratarase para o 2021 (está en vigor o do 2020) por zonas de actuación, correspondentes ao norte, centro e sur da provincia.  E ademais das estradas provinciais  estarán incluídos os camiños de servizo, enlaces, cruces, variantes e calquera outro terreo que integren o dominio público adscrito a estas vías. Así mesmo, abordarase  a tala puntual de arborado non situado na zona de dominio público cando a árbore ameace a seguridade viaria e o titular da parcela onde se sitúe non atenda os requirimentos da Deputación: “Habería entón un risco serio e poderiamos actuar, o contrato contempla todas as posibilidades”, sinalou a presidenta.

O Concello de Nigrán habilita aseos no cemiterio municipal de Ceán e o amplía con 20 novos nichos

0

O Concello de Nigrán rematará este mes as obras para dotar de aseos accesibles ao cemiterio municipal situado no Ceán (carecía desta infraestrutura) e de ampliación con 20 novos nichos. O investimento, de preto de 50.000 €, dará resposta aos usuarios do camposanto que, desde hai anos, demandaban dispor de aseos; por outra banda, moitas persoas manifestaban o seu interese por facerse con nichos.

Deste xeito, o edificio adicado ao almacén de ferramentas está sendo reformado cunha nova distribución interior que incluirá un aseo de uso público con entrada accesible (o resto do espazo continuará como almacén). Paralelamente, estase a ampliar o número de nichos en 20 aproveitando os espazos vacíos entre os existentes. Estos realizaranse do mesmo xeito que os que hai, con pezas de formigón armado e cabeceiras en pedra natural, ademais, contarán cunha cámara bufa para o drenaxe de líquidos e evacuación de gases.

Esta ampliación de nichos súmase á realizada en Parada no ano 2016 coa construción de 35 novos nichos que tamén demandaban os veciños, cumprindo o Concello de Nigrán con esta demanda nos dous únicos cemiterios municipais da localidade.

Cinco feridos onte en Redondela

0

O 112 Galicia era informado dun accidente en Redondela, no cal, cinco persoas precisaron asistencia sanitaria, dous menores e tres adultos. Segundo se lle informou ao 112 Galicia, os dous menores foron recollidos nun coche particular que os derivou ao centro de saúde da localidade.

Tratouse dunha colisión frontal entre dous turismos que circulaban pola estrada de subida á estación, á altura do punto quilométrico 141.

Ata o lugar desprazáronse ademais dos servizos sanitarios de urxencia, os axentes de Tráfico e da Policía Local. Igualmente, foron informados os membros de Protección Civil da localidade e o persoal do servizo de mantemento da vía.

O Pleno de Redondela apoia á xestión do concelleiro de Deportes fronte ás críticas “infundadas e lamentables” do grupo popular

0

O Pleno do Concello de Redondela rexeitou, por maioría, unha moción do grupo municipal do PP que cuestionaba a actuación do concelleiro de Deportes, Ignacio González, na actual situación de crise sanitaria. Aseguraban os populares “sentirse especialmente preocupados” pola seguridade sanitaria dos pavillóns e cualificaban de “grave incumprimento” que non se previse persoal para controlar os accesos aos pavillóns, non se repuxesen os xeles hidroalcohólicos ou mesmo que “os club sexan os que teñan que encargarse da limpeza e desinfección das instalacións”.

No que á seguridade das instalacións, fai referencia, o concelleiro de Deportes lembra que todos os clubs teñen unha pauta de recomendacións ata que se remate a redacción dun protocolo definitivo “algo complexo dado que, cada día, as normas da Consellería de Sanidade son distintas”. En todo caso, afirmou con rotundidade Ignacio González, non é certo que haxa inseguridade sanitaria nas instalacións “xa que os clubs réxense, como documento marco, polas recomendacións das súas respectivas federacións”. “Que en todo este tempo non haxa ningún caso de contaxio, amosa claramente que, unha vez máis, o PP falta á verdade”, afirma o edil socialista.

En todo caso, e para “frear a preocupación do PP” polo feito de que os clubs teñan que facer a limpeza e desinfección, engadiu González, “deberían coñecer os concelleiros e concelleiras populares que os protocolos das federacións de balonmán e fútbol, para unha mellor protección dos seus e súas deportistas, contemplan que a desinfección e limpeza de instalacións sexa levada a cabo polos propios clubs”.

Pola súa banda, o grupo municipal do PsdeG-PSOE coincide en que “existe escaseza de persoal” como sinalan os populares, pero non deixa de ser curioso, sinalan, “que o PP, durante oito anos, non fixera absolutamente nada ante este problema” e o mais sangrante é que nun documento de marzo de 2018, recoñecía o goberno do PP a necesidade de contratar ata catro conserxes máis “unha conclusión que, para chegar a ella, o sr. Bas precisou de 6 anos e, a pesar de recoñecer a necesidade desas contratacións por escrito, non foi quen de realizalas en dous mandatos”.

O triste das críticas do PP, afirma o Grupo Municipal Socialista, “é que non teñen filtro” e non só poñen en tela de xuízo o traballo do concelleiro, “senón de todos os técnicos e directivos que traballan arreo para sacar adiante o deporte” do mesmo xeito que “menosprezan a labor dos conserxes que, día a día, esfórzanse por dar un mellor servizo preocupados sempre pola seguridade das persoas usuarias” e consideran “indigno” que o grupo Popular “apóiese nas dificultades que leva aparelladas a crise da COVID, para facer oposición, dando con iso unha visión negativa da situación do deporte no municipio”.

Ignacio González é rotundo ao afirmar que, unha vez máis, “o PP recorre ás falsidades” cando asegura que no se baleiran as papeleiras e que non se repón o xel hidroalcohólico ao igual que non existen itinerarios de entrada e saída “que son ben coñecidos e utilizados por todos os usuarios e usuarias”. Doutra banda, “crer que as persoas usuarias descoñecen cal é a distancia de seguridade é tomalos por parvos” e cualificar este feito de “extrema gravidade” amosa que o PP “ten unha visión distorsionada da realidade”.

O grupo socialista remata poñendo en valor “o traballo e dedicación” do concelleiro Ignacio González, “nunha labor recoñecida polos propios clubs e deportistas que saben, como ninguén, a labor que desenvolve e os seus desvelos para que Redondela siga a ser un referente deportivo en Galicia”.

Do mesmo xeito, o grupo municipal do PSdeG-PSOE quere agradecer “o enorme esforzo que están a facer os conserxes dos centros deportivos municipais e que, a maioría das veces, vai máis aló do seu cometido nunha mostra de profesionalidade para poder garantir, nestes tempos complicados, a seguridade de todas as persoas usuarias das instalacións”.

Tomiño supera as 1.000 incidencias resoltas a través da súa app Liña Verde

0

A app móbil Liña Verde de Tomiño naceu hai apenas seis meses co obxectivo de ofrecer á veciñanza un método de comunicación sinxelo e directo co Concello usando as novas tecnoloxías. Hoxe xa se superan as 1.000 incidencias solucionadas a través desta aplicación, a maioría delas (68,7%) resoltas en poucos días.

As principais demandas veciñais solucionadas a través da app están relacionadas co alumeado público, que ocupa o primeiro posto ao supoñer o 36 % das incidencias resoltas. Séguelle xa de lonxe as peticións relacionadas co baleirado de fosas sépticas (13 %), coas fochancas (11 %) ou co lixo (10 %). Neste seis meses tamén se deu solución a problemas relacionados coa limpeza de camiños (5 %), coa vía pública (4 %), coas escolas (3 %) e coa sinalización viaria (2 %), entre outros.

Este iniciativa virtual permite unha resposta municipal eficiente ás incidencias da veciñanza, cun tempo de resolución que varía dependendo do problema e dos recursos dispoñibles. Así, por exemplo, as incidencias relacionadas co alumeado público resólvense nas primeiras 48 horas, mentres que no caso do baleirado de fosas sépticas pasa a ser de 3 ou 4 días e ou de entre unha e dúas semanas como máximo na limpeza de xardíns e zonas verdes.

Dende a posta en marcha desta iniciativa virtual xa se recibiron máis de 1.500 peticións por parte da veciñanza, das que arredor do 70 % xa foron resoltas e outro 13% están en proceso.

Trátanse de datos moi positivos que poñen de manifesto a gran utilidade da aplicación e “a implicación e participación cidadá, o que permite á súa vez dar unha resposta rápida a calquera problemática que poida xurdir”. “A app Liña Verde converteuse nunha importante ferramenta de comunicación entre a veciñanza e o Concello, o que nos permite coñecer mellor as súas necesidades e actuar dunha maneira máis eficaz, dando solución con celeridade ás incidencias”, salienta a alcaldesa, Sandra González.

Pola súa banda, o concelleiro de Obras, Alexandre Pérez Souto, salienta a adaptación do persoal municipal ao novo modelo de traballo. “Cada equipo recibe as tarefas a realizar, na súa táblet, e comunícao a través da mesma, cando está resolta. Esta información chégalle, tanto á veciña ou veciño que comunicou a incidencia, como ao concelleiro ou concelleira da área, e ademais, pódense obter estatísticas en tempo real dos traballos a realizar”, explica.

Dende o Concello anímase a toda a cidadanía a utilizar este novo servizo, que forma parte do proceso de dixitalización no que leva o Concello traballando hai anos que inclúe a tramitación dixital a través do Xestiona e a comunicación dixital, moi importante no momento de crise sanitaria no que estamos, xa que evita que a veciñanza teña que facer trámites de xeito presencial á vez que se facilita o contacto e a resolución de problemas.

Para empregar esta aplicación gratuíta ‘Linea Verde’ só é necesario descargala dende Google Play ou APP Store. Selecciónase o municipio de Tomiño e xa se pode comunicar o problema premendo o botón “nova incidencia”, escollendo a tipoloxía de incidencia e achegando unha foto e unha explicación sinxela. A persoa recibirá unha notificación no seu móbil comentando o progreso do caso.

A Deputación organiza a webinar ‘Persoas empresarias e profesionais ante a pandemia: actitudes para superala con éxito’

‘Persoas empresarias e profesionais ante a Pandemia: actitudes diferenciais para superala con éxito’ é o título da charla en formato webinar que, organizada pola Deputación de Pontevedra, terá lugar o vindeiro martes 29 de setembro entre as 10 e as 11 horas e para a que se pode formalizar a inscrición nesta ligazón.

O evento, que se desenvolverá a través da ferramenta Zoom, terá como poñente ao psicólogo industrial Ignacio Abeal para afondar na importancia da superación das adversidades empresariais. Con esta nova videoconferencia, enmarcada na campaña informativa de seminarios online dirixidos a persoas autónomas e pemes que a Deputación estableceu a raíz da covid-19, preténdese impulsar a reactivación do emprendemento entre a poboación e propiciar o crecemento económico sostible mediante a formación.

Ignacio Abeal é licenciado en Psicoloxía Industrial pola Universidade de Santiago de Compostela e tamén diplomado en Relacións Laborais. Conta cunha ampla experiencia profesional como consultor, responsable de RRHH e colaborador da Universidade da Coruña, Santiago, Vigo, UCC, EOI e o IFFE Business School. A súa especialización xira arredor das estratexias de formación e aprendizaxe, coaching, motivación, así como da dirección e xestión de Recursos Humanos e da dirección comercial e o marketing e, na actualidade, é socio director de Nascor Consultores.

Abeal explicará nesta webinar de ‘Persoas empresarias e profesionais ante a Pandemia: actitudes diferenciais para superala con éxito’ como un enfoque proactivo e positivo determina en gran medida a superación con éxito das adversidades empresariais. Amais, Abeal afondará na importancia de reaccionar positivamente ante unha circunstancia como a actual e de reflexionar sobre a crise como unha oportunidade para impulsar ese cambio que empeza nun mesmo.

O martes ábrese a inscrición para participar no ‘Día Internacional das persoas maiores’ en Nigrán

0

O Concello de Nigrán celebrará un ano máis o Día Internacional das Persoas Maiores este xoves 1 de outubro, nesta ocasión constará, se o tempo o permite, dunha andaina ata o miradoiro do pericoto de Vilar (Camos) e homenaxe posterior. Por cuestións de protocolo sanitario estará limitada a participación a 30 persoas e será preciso inscribirse previamente o martes 29 de setembro de 10:00 a 12:00 horas no teléfono 986368734.

As persoas inscritas previamente deberán presentarse ás 9:45 horas do 1 de outubro na rúa ao carón do CEIP A Cruz (Camos) para realizar a andaina pola pista forestal das Medoñas ata o pericoto. En caso de choiva esta actividade física non se realizará pero, igualmente, ás 11:00 horas se descubrirá un monumento ao carón do miradoiro en homenaxe aos maiores (xeolocalizado nesta ligazón) e se servirá un chocolate.

Redondela recibe máis de 120.000 euros do Plan Concellos para a achega municipal da mellora da seguridade viaria da estrada Os Valos-Guizán

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou, esta pasada semana en xunta de Goberno, unha achega de 120.702,45 euros a Redondela para financiar a aportación que lle corresponde ao Concello, no convenio que asinou coa Deputación, para o ensanche e mellora da seguridade viaria na EP-2903 Os Valos-Guizán.

Con esta intervención vaise modificar a sección da estrada que conecta os núcleos de Os Valos e Guizán con solucións destinadas á mellora da mobilidade e calmado de tráfico, executarase unha beirarrúa peonil, ampliarase a beiravía e crearase un carril peonil e ciclista. Amais, a actuación pretende minorar a velocidade do tráfico, a 30 quilómetros por hora. Esta acción ten un orzamento total de 402.341 euros, dos que a Deputación de Pontevedra aporta o 70 % e o Concello de Redondela o 30 % restante.

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar novos recursos por un importe total de 341.578 euros, ao abeiro do Plan Concellos, para Cambados, Pazos de Borbén e Redondela.

En concreto, a Deputación destina a Cambados 105.096 euros para a financiación da reforma da praza da Xuventude. Estas obras permitirán solucionar as filtracións de auga ao aparcamento subterráneo que existe baixo a praza. No caso de Pazos de Borbén, recibirá unha achega de 115.780 euros para financiar a mellora da seguridade viaria e peonil na contorna do colexio, Centro e Saúde, pavillón polideportivo e Concello. Este proxecto busca resolver o problema de seguridade neste espazo e inclúe obras de accesibilidade, urbanización, pavimentación, beirarrúas e alumeado.

Ricardo Canosa, “Agora mesmo vexo unha sociedade máis apagada e na que impera o pensamento do politicamente correcto”

Economista e escritor, Ricardo Canosa Bastos, presentaba días antes do confinamento pola pandemia da COVID-19, a súa primeira novela ‘Crónicas de la era del Rock and Roll’. A través das vivencias dun grupo de rock, do seu ascenso e da súa caída, Ricardo Canosa fai un moi interesante percorrido a fonda análise dun país ao borde do colapso, o país das folgas, os atentados, e os rumores de golpe de estado.

As veces, os contratempos, son os encargados de dar un xiro ás circunstancias e serven para darnos o empurrón definitivo. Parte do manuscrito orixinal da novela, lembra Ricardo Canosa, perdeuse durante unha mudanza. Esa perda foi, como explica ao longo da entrevista, o catalizador preciso para retomar de novo o proxecto e levalo a bo fin.

A primeira pregunta é obvia, que é o que leva a un economista a meterse de cheo no mundo da literatura?
Pois mira, eu penso que foi ao revés. Dende pequeno sempre me apaixonou escribir e comecei pola poesía. Tristemente descubrín que era moi malo e entón paseime á narrativa, pequenos relatos… Logo case por casualidade, escribín dous ensaios de economía, Crónicas da era do rock and roll era un proxecto que estaba ahi, dáballe voltas e voltas e o que escribía non me acababa de convencer, así que rematou ‘aparcada’ nun caixón como pasa con moitos proxectos. Logo, nun traslado de casa, perdín a metade da novela e a verdade que foi o mellor que puido pasar. Obrigoume a reformulala de novo e a vista do camiño percorrido síntome bastante contento do resultado. E unha novela que ten unha parte tenra, unha parte bastante dura e moito sentido do humor que creo que é o que fai falta.

Agora mesmo hai un problema e é que a xente le pouco e, por desgraza, le mal

É difícil sacar un primeiro libro?
Ao ter dous publicados de economía –La próxima crisis e Manual de economía para ciudadanos indignados– tiven algo de vantaxe aínda que non tiña ningunha novela. A cousa é que agora mesmo hai un problema e é que a xente le pouco e, por desgraza, le mal. Valórase moito máis a calquera ‘ famosillo’ que saque un libro que a un escritor ou escritora que realmente ten algo que dicir.

Pero, pese aos problemas, a acollida foi boa, non?
Eu creo que moi boa. É certo que estivo paralizada porque a novela saíu na semana do coronavirus, pero de momento a acollida é moi boa. O libro mestura rock  and  roll, política porque é un país que está ao bordo do colapso, que é o transfundo que hai en toda a novela… un país que eu o imaxinei, nun principio, como un país imaxinario pero que sorprendentemente, cada vez parécese máis a España actual. Nese sentido. A realidade está a copiar a miña novela.

A realidade sempre supera a ficción?
Si, case sempre, por non dicir sempre.

Cóntanos algo da novela, sen facer os famosos spoiler
A novela mestura claramente varias das miñas paixóns. A novela empeza polo final. O cantante que é o protagonista e estuda económicas, como non podía ser doutra maneira, con outro dos membros do grupo. Iso permite adentrarnos nese mundo das asembleas universitarias dos 80, case interminables, nas que se debatían mocións que non servían absolutamente para nada, pero faciámolo durante horas. Reflicte unha época, moi divertida por certo, das folgas continuas… de feito , lembro que no meu primeiro curso apenas tivemos dous meses de clase porque primeiro houbo unha folga de profesores e logo enganchouse cunha folga universitaria.

Ao longo do libro proxectase tamén, ese proceso de autodestrución que se vai xerando en determinadas persoas. Iso e o que ocurre con Doc, un dos guitarristas. A medida que ascende a banda, vaise  autodestruíndo máis e máis… tentei reflectir ese mundo, con sentido do humor, con escenas que lle van a gustar moito á xente, por exemplo a do gato punki Mao  Tse  Tung cando están a actuar nunha festa universitaria…

Agora que o mundo dixital está en auxe, xurde a pregunta de sempre: a novela en dixital ou papel?
Papel, sen dúbida. O papel segue sendo papel. Ten un tacto e un cheiro especial e ademais, polo menos ao min pásame, permíteche centrarche moito máis na  historia. O meu primeiro borrador, aínda que soe raro, sempre é a man… Unha vez que teño ese borrador escrito, pásoo ao ordenador e entón vou decidindo, cambiando parágrafos enteiros, facendo correccións. Nese sentido a informática ofrece é unha vantaxe enorme pero, escribilo no papel ao principio, permíteme centrarme máis e velo mellor.

É certo que os escritores tendes teimas á hora de escribir…
Non sei se lle ocurre a todos. Eu si teño as miñas teimas á hora de escribir.

Por exemplo?
Pois por exemplo, o caderno no que escribo ten que ser bonito, un pouco pijo (ri). Tenme que atraer… e é algo que axuda a que sintas cómodo. Escribir ten algo de rito relixioso.

É unha responsabilidade escribir unha novela?
Nunca o vin así porque a min encántame, apaixóname. Se agora aparecéseseme o Diaño e dixéseme “quítoche dez anos de vida e escribes Conversacións na Catedral ou Metamorfose”, digo “onde hai que asinar?”.

A literatura engancha
Si. Engancha moito.

A literatura engáncha porque dáche o poder de ser Deus, un deus de papel e de mentira

Máis que a economía?
É diferente. A min a economía gústame moito. A economía ten unha parte racional e outra subxetiva. Fas valoracións e intentas prever as consecuenzas. A literatura e distinta. Engáncha, porque dáche o poder de ser Deus, un deus de papel e de mentira…

Dáche pena facerlle, ao longo da novela, determinadas cousas a determinados personaxes? Pódeselle coller teima a uns personaxes e agarimo a outros?
Non teima. Pero si que é verdade que moitas veces a propia historia lévache a modificar os seus comportamentos. Por exemplo nesta novela Sara, a  teclista do grupo, empezou sendo un personaxe moi importante. De feito, ao principio da novela dáse a entender que ten unha relación con Miguel, o cantante. A medida que avanzaba había algo en Sara que non terminaba de convencer e Sara foise  esvaendo aos poucos. E ao contrario; o pai de Miguel era un personaxe que ao principio nin existía e aínda que sexa a través dos comentarios do propio Miguel, o pai vai gañando presenza con todos os comentarios que fai sobre a situación económica e política do país…

Os personaxes teñen vida propia?
Por  supostísimo. Os personaxes ti créalos, pero sen que te decates diso, de súpeto teñen vida propia e marcan por onde teñen que ir. Chega un momento en que a novela case se empeza a escribir soa.

Cústalle pasar do mundo da economía no que “os números non enganan” a un mundo que pode imaxinar como queira que é o da novela?
Cando eu fago unha análise económico teño claro que se trata dunha ciencia social na que fas análise subxectivos baseados en criterios ideolóxicos. A min pódenme interesar os servizos públicos e a outros economistas, co mesmo dereito, poden pensar o contrario. Pero o que nunca intento nesas análises económicas é facer trampas e iso supón que a economía, ás veces, lévache por un determinado camiño. Se agora mesmo a nós, por poñer un exemplo, a Unión Europea deunos 140 mil millóns de euros para a crise da  COVID, non fai falta ser moi listo para saber que a UE vai poñer condicións, máis ou menos duras, pero condicións. Hai economistas que, con todo, poñen en dúbida isto. Eu teño claro que o diñeiro non nolo regalan esa é a realidade.

En cambio, cando escribo narrativa, eu son Deus. Un deus de papel, como dicía anteriormente, e entón podo facer o que queira cos meus personaxes e aí podo facer todas as trampas que se me ocorran pero, como dicía Vargas Llosa, “sempre ben feitas e con coñecemento de causa”.

Sírvelle ser escritor para a súa faceta de economista e viceversa?
Creo que si. Creo que me serve máis a miña faceta de escritor á hora de ser economista, que o revés. Nos meus libros de economía sempre tentei que sexan alcanzables para calquera, sexa ou non economista. O ser escritor permíteme expresarme con máis claridade. Hai moitos economistas que parece que lles gusta que non se lles entenda, que están a dar voltas ás cousas. Eu, por contra, sempre tento ser claro.

Cousas que se facían nos oitenta agora serían impensables porque agora impera o pensamento ‘politicamente correcto’…

Os famosos 80,  foron unha época especial?
Si. Sen ningunha dúbida. Os oitenta supuxeron un cambio para este país. Ademais de ser a época da miña mocidade cos seus concertos, matriculeime na universidade e creo que tentei reflectir un pouco toda esa época. Agora mesmo vexo unha sociedade máis plana, máis apagada. Cousas que se facían nos oitenta agora serían impensables porque agora impera o pensamento ‘politicamente correcto’…

Unha época máis divertida pero con persoas máis comprometidas?
Si,  pero a falta de compromiso de hoxe ten moito que ver son as redes sociais que achegaron moitas cousas, non todas boas, porque internet tamén nos levou a unha sociedade na que cada un vive, cada vez máis, metido na súa burbulla e onde non ven as consecuencias dos erros. Eu estou a xogar a un videoxogo e se perdo reinicio e volvo empezar a partida. Creo que moita xente, especialmente as xeracións máis novas, non se dan conta de que logo as cousas na realidade teñen consecuencias e non hai reinicio posible.

Faime graza cando determinados políticos falan da internet como unha marabilla, cando o sector que máis se beneficiou do cambio nas telecomunicacións, sen dúbida, foi a Banca e iso non se adoita dicir. E foi así por dúas cousas moi curiosas, por unha banda permitiulle que as transaccións monetarias fáganse, literalmente falando, á velocidade da luz. Eu fago un  click e, instantaneamente, un diñeiro que teño na miña conta pódoo poñer en Frankfurt, Xangai ou onde sexa. Doutra banda permitiulles cadrar as contas instantaneamente. Esas dúas cousas déronlle  ao mundo financeiro, un poder enorme; un poder que na actualidadepermite que os estados axeónllese diante dos banqueiros .

Unha sociedade máis anestesiada?
Non diría tanto, pero si moito menos libre e diso ten moita culpa a revolución da internet. A cada un chégalle a información que a outros lles interesa facerche chegar. Eu crieime xogando nas rúas como todos os nenos da miña idade; agora mesmo vexo aos meus fillos e aos amigos dos meus fillos que están xuntos e cada cal está coa súa pantalla e comunícanse entre eles a través do seu móbil.

Ou sexa que, como case todo, internet ten a súa cara e a súa cruz
Internet, a nivel coñecementos, é unha enorme biblioteca pero teña en conta que unha biblioteca tamén hai que saber utilizala. Se lle deixas unha biblioteca a unha persoa analfabeta, non lle serve de nada. Agora mesmo estamos a deixar a nenos de catro e cinco anos que naveguen libremente polas redes e que vexan cousas que eu, sinceramente, creo que non deberían ver.

O rock va máis aló da música?
Si, si. O rock nos 80, non era só unha forma de música senón que te situaba  ideoloxicamente e era un símbolo de rebeldía. Hoxe en día está é todo como máis  aplanado. A xente escoita regetón e trap que para a miña é unha música é totalmente plana… paréceme música de ascensor.

Como lle explicarías á xeración do século  XXI que é o rock?
Eu creo que hoxe por desgraza o rock está morto. Creo que se rexen máis por modas que por un sentimento. Eu nacín nunha época en que pertencer a unha determinada tribo urbana,  rockers,  punkies,  heavys e outras moitas, identificábache. Hoxe en día a  xente réxese máis por marcas. Na miña época, era impensable que un músico un Richard ou un  MacCartney dedicásense a promocionar zapatillas ou a sacar unha liña de perfumes. Os seus propios fans afundíaronos.

Así que o merchandaising está en todo…
Pois mira se está en todo que pasou de ser un medio a converterse case nun fin e iso non só pasa na música, senón que pasa en toda a cultura e tamén pasa a nivel político. Hoxe en día os nosos políticos presentan unha imaxe case plana, importa moi pouco o que digan, importa máis a imaxe bonita e a mensaxe que hai que transmitir en 30 segundos dun directo. Se mañá tense que dicir o contrario, non importa.

Unha sociedade mais plana é, ao fin e ao acabo, moito máis fácil de gobernar, non?
Por suposto. Nese sentido creo que George Orwell en 1984 foi un visionario. Ese mundo que describía, está aquí. Vivimos nunha sociedade que non analiza o fondo e queda co titular. Antes as análises eran máis profundos, dábache tempo a fixarche en máis cousas. Hoxe en día, non.

Tristemente non importa que un alcalde ou alcaldesa estea a facelo ben. Se non se é fiel ao líder de quenda, é unha persoa castigada.

Vostede que viviu de preto a  política, pódese dicir a verdade?
Si. Claro que se pode. O que pasa é que, por desgraza, se agora queres ocupar un cargo e estar aí non a debes dicir. Os partidos son unha estrutura que domina todo. Hai xente que non é elixida e ten moitísimo poder dentro desa estrutura como as típicas figuras de secretario de organización de calquera partido, unha figura que ten un toque un tanto  tétrico, como o  Rasputín do momento. Tristemente non importa que un alcalde ou alcaldesa estea a facelo ben. Se non se é fiel ao  líder de quenda, é unha persoa castigada. Por desgraza non se busca a lealdade, que para min é dicirlle a alguén a quen aprecias claramente o que pensas. Búscase máis un concepto de fidelidade  ‘perruna’,  o líder do partido di isto e isto é o que hai que repetir., ainda que sepas que é unha burrada. É moi triste e o malo é que, ou cambiamos, ou camiñamos cara a unha sociedade tremendamente triste.

Se puidera volver atrás, que  corrixiría da súa etapa política?
(Pensa e finalmente rise) Igual a primeira cousa que corrixiría sería entrar en política. Se hoxe en día volvese entrar nese mundo non o faría nun partido como tal, centraríame máis nun proxecto municipal cun grupo de amigos e persoas de confianza. Os partidos, por desgraza e como dicía antes, convertéronse en estruturas que serven aos seus propios intereses en lugar de servir á cidadanía, que debería ser o seu fin. Na miña etapa política sempre tentei ser claro e iso deume máis dun problema.

A economía ten unha parte social?, é dicir,  xente asocia a economía a algo frío, sen alma por dicilo dunha forma gráfica. A economía ten outra cara que non é esa?
Eu creo que a economía non a podes  disociar da sociedade. En cada época hai un paradigma, un pensamento  económico dominante. A economía permitiunos saír da II Guerra Mundial e crear o estado de benestar. Posteriormente iso deu paso a un neoliberalismo que eu creo que agora está a dar as súas últimas rabexadas. Teña en conta que sen economía non hai sociedade. As primeiras preguntas básica da economía son que producimos, canto producimos como producimos e para quen producimos. Nestes anos esqueceuse moito o “para quen producimos” pero xurdirán outras ideas, espero e supoño.

Proxectos?
Proxectos sempre hai moitos. Estou a lle dar voltas a un borrador dunha segunda novela, totalmente diferente. Unha historia sobre o fin do mundo escrita por catro personaxes  diferentes nunha sociedade onde o mundo como o coñecemos xa esvaeceuse e os estados están case desaparecidos… Doutra banda estou metido nun proxecto moi interesante dun taller de literatura creativa que xa estreei no colexio Altamira e fundación  Cum Laude de Ourense queren que cre un taller virtual para colgar na internet e niso e noutras cousas ando metido.

O Goberno de Redondela manterá, o luns, unha reunión coa veciñanza de Cabeiro

0

O Centro Cultural de Cabeiro acollerá o vindeiro luns, 28 de setembro, ás 19:30 horas, unha reunión entre a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas e veciños e veciñas da parroquia para dar a coñecer os proxectos do Goberno local para a parroquia e escoitar ás demandas e achegas da veciñanza.

A alcaldesa, que estará acompañada por concelleiras e concelleiros do grupo de Goberno, salientou a importancia destas reunións que contribúen a que, “veciñas e veciños poidan participar nas decisións que afectan á súa parroquia”.

Nestas xuntanzas a cidadanía ten a oportunidade de expresar directamente ao Goberno local as súas necesidades, expresar libremente a súa opinión e dicir abertamente as cousas coas que son mellorables.

“Somos a administración máis próxima ás veciñas e veciños e, como tal, estes teñen que poder expresar o que pensan sobre temas que lles afectan directamente”, conclúe a rexedora local.

O PP do Porriño pide explicacións “sobre as continuas ausencias” da alcaldesa

O Partido Popular do Porriño reclamou ao Secretario Municipal información detallada sobre as nóminas da alcaldesa ante o que os populares cualifican de “as súas continuas ausencias sen que conste baixa médica”. Segundo o portavoz popular, Alejandro Lorenzo, no que vai de ano “a rexedora asinou seis delegacións de competencias no primeiro tenente de alcalde”.

Procede a enumerar o PP, a lista de ausencias sobre as que solicitan información ao secretario muncipal:

  • Dende o 27 de febreiro de 2020 ate o día 2 de marzo de 2020
  • Dende o 11 de marzo de 2020 ate o día 18 de marzo de 2020
  • Dende o 30 de abril de 2020 ate o día 14 de maio
  • Dende o 28 de maio de 2020 ate o día 11 de xuño
  • Dende o 3 de xullo de 2020 ate o 21 de xullo
  • Dende o día 25 de setembro ao día 4 de outubro de 2020

Chaman a atención, ademáis que “é público e notorio que a rexedora se ausenta do seu posto de traballo habitualmente, en moitas ocasións sen delegar o exercicio das súas potestades en funcións”. Dende o que o PP cualifica de “máximo respecto á súa vida persoal”, consideran porén “inaceptable” que non se apliquen as baixas médicas ou non se presenten os partes de baixa “para manter o 100 % das súas retribucións”.

“Se tal e como se indica nos decretos de delegación, a alcaldesa non acudiu ao seu posto de traballo por enfermidade ou por gardar un periodo de convalecencia por prescripción médica, como é posible que non se entreguen os partes de baixa ou non se aplique a baixa médica que corresponde?”, cuestiona o portavoz, Alejandro Lorenzo.

Cabe destacar que as prestacións por incapacidade laboral estipulan que en caso de enfermidade común ou accidente non laboral, como sería o caso, percibiríase o 60 % da base reguladora dende o cuarto día de baixa ata o día 20, incluído, e o 75 % a partir do día 21.

“Se a Alcaldesa non presentou a baixa médica e mantivo a totalidade do seu soldo estaríamos ante unha demasía nos pagos de nóminas, polo que vimos de requerir ao Secretario Municipal os pagos efectuados nas nóminas de alcaldía de febreiro a xullo deste ano”, explica Lorenzo.

Para o edil a actitude da rexedora constitúe “unha falta de respecto á cidadanía” que non se pode soster máis no tempo. “Que Eva García deixou de lado as súas funcións como Alcaldesa habitualmente é algo por todos coñecido. Se está xustificado non poñemos obxeción algunha, pero facelo de maneira inxustificada é unha falta de respecto á institución que representa e polo tanto, aos veciños e veciñas do Porriño”, manifesta o o edil.

Para o voceiro o proceder da rexedora, non só podería ser ilegal senón que amosa a súa falta de implicación co cargo que ostenta. “Incorporouse hai días tras semanas de ausencia ‘por convalencencia’ e onte mesmo volve delegar as súas funcións durante once días ‘por motivos persoais”, conclúe o edil, “cando un é o Alcalde dun Concello ten que ser respectuoso cos cidadáns aos que representa. Non pode decir que fala en nome dos porriñeses e porriñesas e non cumplir con eles”.

A Policía Local de Redondela intervén substancias estupefacientes a un veciño nun control rutinario de horario de peche de establecementos

0

Na mañanciña de hoxe, axentes da Policía Local de Redondela, que efectuaban un control rutinario de horarios de peche de establecementos de hostalería, procederon a intervención de diversas substancias estupefacientes a un veciño do municipio que se atopaba no interior dun establecemento de Cabeiro.

Os feitos acontecern cando, perto das súas da mañanciña, axentes procedían a pechar na parroquia de Cabeiroque, un establecemento que, a esa hora, aínda estaba aberto e con clientela no seu interior. A Policía Local procedía a propoñer, ante a Subdelegación do Goberno, ao establecemento por incumprimento do horario de peche e ao seu responsable por negarse a idenficarse cando foi requirido polos axentes.

Durante a identificación das persoas que se atopaban no interior, procedeuse tamén á intervir e sancionar a un veciño de Redondela por posesión de sustencias estupefacientes, nuna actuación dirixida pola policía local e que contou co apoio de efectivos da Policía Nacional.

O Rosal presenta a veciñanza o proxecto do que será o ‘Ecoparque Viso dos Eidos’

0

O Concello do Rosal convoca á veciñanza para coñecer os detalles do proxecto do Ecoparque Viso dos Eidos. A presentación e exposición pública realizarase o vindeiro martes 29 de setembro ás 21 horas na Praza de Martín, onde a alcaldesa, Ánxela Fernández, e a arquitecta María Fandiño explicarán o que se realizará na contorna e na que os veciños e veciñas poderán achegar as súas suxestións ou resolver dúbidas.

A creación deste ecoparque suporá a transformación dun ámbito de propiedade municipal nun espazo de convivencia para a veciñanza e a posta en valor do patrimonio etnográfico que hai nesa contorna. Todo o proceso realizarase empregando técnicas naturais e tradicionais, con especies autóctonas relacionadas coa auga dada a importancia que este elemento ten na contorna.

O proxecto contará cun orzamento total de 93.000 euros financiados polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e con fondos propios.

Galicia rexista un mínimo descenso nos casos activos de coronavirus e sitúase en 4.449

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.449, deles 1.077 son da área da Coruña, 642 da de Lugo, 689 da de Ourense, 810 da de Pontevedra, 512 da área de Vigo, 555 da de Santiago, e 164 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 35 están en UCI, 201 en unidades de hospitalización e 4.213 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 18.071 persoas curadas, rexistrándose 727 falecementos. O número de PCR realizadas é de 459.234.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Información actualizada referida ás escolas infantís e aos centros educativos dependentes da Consellería de Política Social e da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Premer no cadro para ampliar

Nigrán acondiciona a pista deportiva do CEE Juan María coa colaboración dunha empresa local

0

O Concello de Nigrán ven de acondicionar a pista deportiva do Centro de Educación Especial Juan María coa colaboración de Hormigones Valle Miñor, compartindo ambos a partes iguais os 8.000 € de investimento total. Esta unión público-privada permitíu mudar sen custe algún para o centro a superficie de aglomerado asfáltico existente, totalmente deteriorada polo paso do tempo.

A infraestrutura permanecía moi deteriorada e resultaba imprescindible nestes intres no que os usuarios, por cuestións de seguridade sanitaria, requiren de moitos máis espazos exteriores en boas condicións para desenvolver actividades que antes era no interior.

A mellora, que estará rematada esta semana, consiste en formigonar toda a superficie cun espesor medio de 10 cm para posteriormente pulila con cuarzo en cor vermello e, finalmente, pintala como cancha de baloncesto e de fútbol sala, tal e como o Concello xa fixera en cursos pasados no CEIP Humberto Juanes de Nigrán, CEIP da Cruz e CEIP Mallón.

“Trátase dunha obra que desde o Concello levamos a cabo nos demais colexios pola propia demanda da comunidade educativa e que o CEE Juan María levaba anos desexando acometer, sendo xa este ano imprescindible contar coa pista ao multiplicarse as actividades ao exterior, por iso nos puxemos en contacto con Hormigones Valle Miñor, que inmediatamente entendeu a situación deste centro educativo, polo que asumíu o 50 % do custe, correspondente aos materiais que eles mesmos subministraron”, sinala o alcalde, Juan González, quen agradece publicamente este xesto. “Trátase dunha colaboración público-privada para dotar de espazos exteriores apropiados ao centro nun momento en que, por cuestións sanitarias, resultan imprescindibles”, conclúe.

Feira de artesanía este domingo 27 en Tomiño

0

Tomiño acolle esta fin de semana a celebración da primeira Feira de Artesanía, unha actividade organizada por Artesáns Baixo Miño coa que colabora o Concello tomiñés. O encontro terá lugar o domingo 27 de setembro na Praza do Seixo, onde o público poderá desfrutar dos postos de diferentes artesáns de 10.30 a 20.30 horas.

O obxectivo é promover a artesanía e reivindicar o papel dos artesáns como activo cultural nun momento tan complicado como o da actual crise sanitaria, coa cancelación da súa participación en numerosas actividades.

Os tomiñeses e tomiñesas poderán coñecer as creacións de arredor de 15 artesáns que traballan con distintos materiais e disciplinas, como a xoiería, a costura, a pirografía ou a cristalería, entre outros.

Durante a celebración do evento cumpriranse todas as medidas de prevención e seguridade necesarias.