A Icónica, unha proba que uniu Oia e Tui, viviu dúas grandes xornadas a pasada fin de semana. O primeiro percorrido, entre Oia e A Guarda que constaba de 15 quilómetros, celebrouse o sábado, mentres que o domingo as preto de 150 persoas participantes afrontaron un treito, máis esixente co dobre de quilómetros, entre A guarda e Tui.
No percorrido da segunda etapa tiveron que pasar polos concellos do Rosal, Tomiño, Vilanova de Cerveira, Valença do Minho e Tui nunha proba que tiña, como un dos seus principais alicientes, o poder facela na modalidade de marcha nórdica. Unha especialidade nova e que xa ten unha gran aceptación en Galicia.

A Icónica atravesou lugares emblemáticos, tal como era o seu obxectivo. Saíu das inmediacións do Mosteiro de Oia, un escenario de película e lugar onde se citaron o alcalde da Guarda, Antonio Lomba e as alcaldesas de Oia, O Rosal e Tomio, Cristina Correa, Ánxela Fernández e Sandra González, respectivamente, amais do concelleiro de deportes de Tui, Rafael Estévez.
Todos eles coñecen sobradamente a espectacularidade da travesía, pero experimentaron novas sensacións, do mesmo xeito que os participantes. O ‘Camiño Portugués pola costa’ tamén supón un aliciente para os peregrinos. Descubrilo formou parte da filosofía da Icónica.

Como non podía ser doutro xeito, á iniciativa uníronse os concellos de Villanova de Cerveira e Valença do Minho. Ambas as entidades tamén contribuíron co seu apoio á divulgación da zona. A maior parte dos case 150 participantes cubriron o percorrido, esixente por ser tan longo. E todos “prometeron volver o próximo ano”.