Sábado, 12 Xullo de 2025

A Deputación súmase ao Día Internacional das Mulleres Rurais coa reivindicación de visibilizalas e empoderalas

A Deputación de Pontevedra celebra hoxe o Día Internacional das Mulleres Rural adheríndose á declaración institucional da FEMP para reivindicar o papel das mulleres no medio rural e facer fincapé na necesidade de adoptar medidas para garantir unha mellora na súa situación, e máis no contexto de crise sanitaria actual. Xunto a esta adhesión, a institución provincial abriu tamén hoxe, a través de www.depo.gal, o prazo de inscrición para participar na xornada “As mulleres e os efectos da Covid-19 na Galicia rural”, en colaboración coa Federación de Asociacións de Mulleres Rurais (FADEMUR),  que terá lugar o 28 de outubro ás 11.00 horas a través de zoom.

O goberno provincial, en liña coa declaración institucional da FEMP impulsada con motivo do Día Internacional das Mulleres Rurais, sitúa á “igualdade de xénero no ámbito rural como unha prioridade, sobre todo tendo en conta a masculinización á que está sometida a súa poboación, que xera vulnerabilidade e invisibilidade entre as mulleres rurais”. Deste xeito, a Deputación considera fundamental empoderar ás mulleres e nenas do rural, erradicar comportamentos desiguais neste ámbito, reivindicar a necesidade de garantir a financiación suficiente para impulsar políticas de igualdade no rural e facer fincapé no papel esencial das mulleres para o desenvolvemento económico destas zonas.

A Deputación tamén vén de lanzar hoxe mesmo o formulario para habilitar a inscrición a través de www.depo.gal na xornada “As mulleres e os efectos da Covid-19 na Galicia rural”.  Esta actividade, en colaboración con FADEMUR, celebrarase o día 28 de outubro a partir das 11.00 horas vía zoom e nela participarán mulleres dos sectores hortofroiteiro, como Patricia Rodríguez, socia da Asociación de Cultivos do Baixo Miño acuBam; do sector gandeiro, como Mari Luz García Barreiro, produtora de vacún de carne da raza rubia galega de Nigoi, A Estrada; da educación pública como Teresa Domínguez Pérez, directora do Colexio Rural Agrupado de Tui; e de entidades sociais como Rosa Arcos Caamaño, presidenta de FADEMUR Galicia. Todas elas afondarán en temas como o impacto da Covid nos seus respectivos sectores, os retos durante o confinamento e na nova normalidade, a corresponsabildiade, a volta ao colexio, o espazo rural na era post – covid e os retos de futuro.

A xornada “As mulleres e os efectos da Covid-19 na Galicia rural” enmárcase na campaña “Pontevedra Provincia Alianza Local” que fai fincapé en cada un dos ODS ao longo dos vindeiros meses e que comezou xa centrándose nas “Alianzas para acadar os obxectivos”. Deste xeito, durante outubro a Deputación remarcará o seu empeño para aliñar as políticas públicas de toda a provincia nesta axenda internacional celebrando días internacionais como o de hoxe, das Mulleres Rurais, pero tamén o da Alimentación (16 outubro); o Día Internacional para a Erradicación da Pobreza (17 outubro); o Día Mundial de Protección da Natureza (18 de outubro); o Día das Escritoras (19 de outubro); o Día Mundial do Aforro de Enerxía (21 de outubro); os días das Nacións Unidas, da Información sobre o Desenvolvemento e contra o Cambio Climático (24 de outubro); e  os días mundial das Cidades e do Aforro (31 de outubro).

Concello e SEA analizan as posibilidades de desenvolvemento de solo industrial no Rosal

0

Novos pasos de cara ao desenvolvemento industrial no Rosal. A alcaldesa Ánxela Fernández, o concelleiro Germán Rodríguez, técnicos municipais e redactores do PXOM reuníronse este mércores en Santiago de Compostela coa xerente de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, nunha primeira toma de contacto para estudar as posibilidades de desenvolvemento industrial no municipio. “Demos un primeiro paso importante para abordar dunha forma seria este desenvolvemento industrial na nosa área e con este obxectivo claro hoxe comezamos a nosa colaboración con SEA”, destacou a rexedora.

SEA adquiriu terreos hai anos no Rosal co obxectivo de desenvolver un parque empresarial que finalmente non foi executado. Non obstante, actualmente existen posibilidade de desenvolvemento industrial, xa que se “percibe a oportunidade ao amparo do futuro plan xeral urbanístico e do plan de expansión de solo de SEA”, comenta a súa xerente.

“Foi unha primeira reunión interesante e frutífera, na que me comprometín a que SEA estudará e analizará de forma pormenorizada a documentación existente”, sinalou Sestayo, que realizará unha visita ao concello rosaleiro en canto se dispoñan de todos os documentos pertinentes sobre o solo dispoñible.

Deste xeito, o Concello e SEA intercambiarán a documentación necesaria para analizar os terreos a disposición e as posibilidades de actuación dentro do plan sectorial, no marco do proxecto de expansión de solo empresarial da entidade. Suelo Empresarial del Atlántico, S.L., S.M.E., é unha sociedade participada polo Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana a través de Sepes; pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo;  por Abanca e pola Xunta creada co obxectivo de desenvolver e comercializar parques empresariais en Galicia. Actualmente xestiona 13 parques na comunidade galega que suman máis de 4 millóns de metros cadrados nas provincias de A Coruña, Lugo e Pontevedra nos que se asentan máis dun cento de empresas.

A Concellería de Igualdade de Baiona pon en marcha o proxecto “Non Cales” nos centros educativos

0

A Concellería de Igualdade do Concello de Baiona, a través do Centro Municipal de Información á Muller, está a poñer en marcha un proxecto nos centros educativos municipais que ten por como obxectivo romper o silencio contra a violencia de xénero.

A artífice do proxecto é Irene Silva Xiráldez, pintora, gravadora e ilustradora, veciña de Belesar, que está a impartir talleres a todo o alumnado que cursa 6º de educación primaria nos distintos centros da localidade. O alumnado está a traballar as emocións, a empatía, a confianza e o respecto ademais de fomentando o valor de participación colectiva para conseguir obxectivos sociais.

En total 96 alumnos e alumnas do CEP BELESAR , CPI Cova Terreña, o CEIP Fontes Baíña e o CEP Sabarís participarán no proxecto enmarcado no IV Plan de igualdade de Oportunidades entre Mulleres e Homes do Concello de Baiona.

“NON CALES”, intégrase no “programa de sensibilización en igualdade e prevención da violencia machista no Concello de Baiona ano 2020”, subvencionado pola Deputación de Pontevedra, no marco da convocatoria de subvención dirixidas aos concellos de menos de 20.0000 habitantes da provincia de Pontevedra para o fomento da igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero.

Redondela recibe dous vehículos 4×4 do Fondo de Compensación Ambiental para actuacións de protección do medio ambiente

0

A Concellería de Medio Ambiente do Concello de Redondela vén de recibir dous vehículos destinados a actuacións de protección do ambiente e do espazo natural, incluídas aquelas actuacións que teñen por obxecto a prevención e o control da biomasa.

A praia de Cesantes foi testemuña da entrega de chaves destes vehículos adquiridos co Fondo de Compensación Ambiental da Xunta de Galicia que ten como finalidade a aplicación de actuacións globais destinadas á conservación, reposición e restauración do ambiente e equilibro territorial.

Os vehículos foron adxudicados en concurso público a empresa BAYGAR por un valor de 38.720 € investimento do que 80 % o aporta a Xunta de Galicia do Fondo de Compensación Medio Ambiental e 20 % que resta o aporta o Concello de Redondela con fondos propios.

Estes vehículos lixeiros con tracción as catro rodas permitirán os operarios municipais transitar por sendas estreitas para o control da biomasa e facilitar as limpezas medioambientais que se realizan nos diferentes espazos naturais do Concello. Polo que será habitual velos transitar polos camiños , sendas fluviais, forestais, zonas verdes e no entorno dos areais do municipio entre outro tipo de actividades que poidan ser precisas.

Os servizos sociais municipais incrementan nun cento o número de usuarios por mor da crise sanitaria da Covid-19

0

Mos está a optimizar a atención ao público e o protocolo anti COVID nos servizos sociais municipais co traslado do departamento ao Multiusos que se produciu a semana pasada. Con este cambio de ubicación elimínanse ademais barreiras arquitectónicas e increméntase a comodidade para traballadores/as e usuarios/as nestas dependencias que, debido á crise sanitaria da COVID-19, viron aumentado nun cento o número de usuarios/as que reciben.

Antes de declarase o estado de alarma eran 251 as familias beneficiarias dos diferentes programas do departamento de Benestar Social do Concello de Mos, durante o estado de alarma (de marzo a xuño) ascenderon a 352 e na actualidade son 338.

Desglosando estes datos por programas, especificar que o SAF (Servizo de Axuda no Fogar) Dependencia non sufriu variacións, pois o Concello ten asignadas 5.118 horas mensuais sempre activadas, que supoñen sobre 97 usuarios. Por outra banda o SAF Básico antes do estado de alarma contaba con 12 usuarios, durante o estado de alarma incrementouse a 15 usuarios e posteriormente a 18 usuarios. Ademais, a maiores, púxose en marcha o SAF Temporal Extraordinario, activado pola Xunta de Galicia ante a COVID-19, que comezou en abril con 21 usuarios, a 31 de setembro tiña 6 usuarios, e finalizará o vindeiro día 30 de novembro de 2020.

O programa de Teleasistencia mantívose sen variación con 26 usuarios antes, durante e despois do estado de alarma. O programa Xantar na Casa antes do estado de alarma contaba 5 usuarios, durante o estado de alarma 6 usuarios e na actualidade 6 usuarios.

As axudas de Emerxencia Social do Concello foron 5 a comezos de 2020, antes de que se producise o estado de alarma, fronte ás 24 durante o estado de alarma e as 15 desde que rematou o mesmo ata a actualidade.

O programa de alimentos de Mos Axuda contaba antes do estado de alarma con 78 familias beneficiarias, que ascenderon a 105 durante o estado de alarma, e son un total de 99 familias na actualidade.

En canto á RISGA, Renda de Inclusion Social de Galicia, antes de situación de alarma xestionáronse 4 solicitudes, durante o estado de alarma outras 4 e desde o fin deste 16.

Respecto das Axudas de Inclusión Social, antes da situación de alarma tramitáronse 3, durante o estado de alarma outras 3 a partires de ahí ata a actualidade 11.

Desde os servizos sociais do Concello de Mos infórmase de que mateñen o mesmo teléfono de contacto: 986 337 278, ao que os/as usuarios/as deben chamar para concertar cita previa. Actualmente traballan neste departamento municipal un total de 7 persoas: 4 traballadores/as sociais, 2 administrativos/as e 1 psicóloga.

Por outra banda atópanse os servizos prestados polo CIM, Centro de Información á Muller de Mos, que conserva a mesma ubicación no edificio de Urbanismo, a escasos metros do Concello. O CIM ofrece asesoramento xurídico e psicolóxico, e durante os primeiros meses do ano 2020, antes do estado de alarma, tivo un total de 16 usuarias, fronte ás 27 durante o estado de alarma e ás 20 desde o fin do estado de alarma ata a data de hoxe. Destas 63 usuarias, 5 foron vítimas de violencia de xénero: 4 delas o foron durante o estado de alarma e unha delas desde o fin deste.

O número de consultas atendidas desde o CIM durante o que vai de ano ascende a 399 consultas (atención psicolóxica e  asesoramento xurídico). Das cales 72 foron atendidas antes do estado de alarma, 157 durante, e 170 despois.

Neste sentido a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, destacou hoxe “a enorme implicación da plantilla do departamento municipal de Política Social, así como do CIM, en xeral e desde sempre, pero en especial desde que se desatou a pandemia da COVID-19, momento desde o cal desenvolven un papel fundamental neste Concello, labor ao que se entregan en corpo e alma e polo que lles estamos inmensamente agradecidos, tanto os membros do equipo de goberno local como os cidadáns mosenses”. Así como insistiu en que “é a nosa obriga e responsabilidade desde a administración local apoiar e respaldar ás familias mosenses que máis están a sufrir esta crise económica e sanitaria, polo que continuaremos a multiplicar esforzos para que nunca queden nin se sintan desprotexidas”.

Fomento do emprego

Ademais dos programas anteriormente descritos desde o Concello de Mos estase a apostar polo fomento do emprego entre as persoas usuarias da concellería de Política Social mosense, dada a dura crise derivada da pandemia do COVID-19, e para elo destinou varias subvencións de administracións supramunicipais á contratación de persoal para diferentes brigadas municipais.

Con cargo á liña 3 do Plan Concellos contratáronse a 19 traballadores que desenvolven tarefas de Albanel oficial de 1ª (2 traballadores), Operario de limpeza Viaria (4 traballadores), Operario recolledor de residuos (3 traballadores), Peón/Operario de mantemento de parques e xardíns (4 traballadores), Peón de obras públicas (4 traballadores) e Operario de mantemento de edificios deportivos (2 traballadores). A duración do contrato é de 6 meses a xornada completa.

Para elo o goberno local decidiu o pasado mes de abril unha reestructuración da Liña 3 do Plan Concellos pasando a destinar o importe íntegro concedido a contratación de persoal. En principio estaba previsto destinar parte á realización dunha obra, sen embargo, e ante a crise do COVID-19, desde o Concello de Mos decidiuse centrar o Plan Concellos na contratación de persoal. Polo tanto, desde o Concello de Mos determinouse desestimar a obra prevista pospoñéndoa, para aprobar a contratación de persoas en situación de desemprego.

E por outra banda atópase a contratación temporal de persoas en situación ou risco de exclusión social perceptoras da RISGA é subvencionada tamén pola Consellería de Economía, Emprego e Industria e o número de traballadores a contratar é de 5 para os postos de Auxiliar Administrativa (1), Peón de xardineria (1), Peón de obras públicas (1) e Operarios de limpeza (2) que traballan no Concello de Mos durante 9 meses cunha xornada de traballo do 75 %.

O Concello de Nigrán cancela a gala dos Premios Nigrán, prevista para este sábado, por precaución sanitaria

0

O Concello de Nigrán cancela finalmente a gala especial dos Premios Nigrán prevista para este sábado 17 de outubro por precaución sanitaria ante as cifras de contaxios en toda Galicia e as novas medidas de seguridade que vai tomar a Xunta. O  Concello fará entrega dos premios a cada unha das persoas, entidades ou empresas homenaxeadas pero, finalmente, por responsabilidade e sensatez, non celebrará este acto adicado precisamente a recoñecer a labor de todos os que loitan no municipio contra o Covid-19, especialmente os que o fixeron durante o confinamento estrito.  

“A tenor dos últimos datos e das medidas que a Xunta anunciou que vai a tomar, consideramos que o responsable é cancelala e facerlles chegar os premios a cada un dos homenaxeados. É un acto que nos facía moita ilusión celebrar, pero compre ser sensatos e ter en conta a situación. Os premios serán outorgados pero sen reunirnos todos nun acto público”, explica o alcalde, Juan González.

Deste xeito, esta IX edición está adicada a recoñecer publicamente as iniciativas solidarias contra o Covid-19 no municipio, prevéndose retomar xa no 2021 o formato habitual coas propostas de premiados realizadas en xaneiro por diferentes entidades do municipio.

RELACIÓN DE PREMIADOS 2020

  • SOCIAL Persoal Axuda Domicilio e Traballadores Residencias de maiores de Nigrán
  • SANITARIO Persoal Sanitario de Nigrán
  • EMPRESARIAL Pequeno comercio – Caixeiras/persoal de Supermercados
  • COMPROMISO Persoal Municipal, Cespa, Aqualia, Policía Local, Garda Civil, Protección Civil e GES.
  • EDUCATIVO Plataforma Solidaria Didáctica Val Miñor – Voluntarias Colexios
  • SOLIDARIEDADE Empresas e persoas doadoras de alimentos e EPIS
  • PREMIO ESPECIAL Infancia e maiores de Nigrán

A presentación de documentación para a ‘Ventanilla Única’ no rexistro de entrada de Tui precisará cita previa dende o próximo luns

0

O Concello de Tui informa que a partir do próximo luns, 19 de outubro, para presentar documentación á Ventanilla Única no rexistro de entrada na casa do concello deberase solicitar cita previa no 687 22 71 90. A presentación de documentación dirixida ao propio concello e de competencia municipal poderá seguir a facerse sen cita previa.

Esta medida adóptase despois de comprobar, que dende que se eliminou a cita previa, os cidadáns presentan no Rexistro do Concello de Tui documentos que van dirixidos a outras administracións que aínda solicitan cita previa, incluso veciños doutros concellos veñen ao Rexistro do Concello de Tui para evitar o trámite de cita previa nos seus propios concellos, o que está a colapsar este servicio municipal.

Se rexistran un total de 4.569 casos activos por coronavirus en Galicia

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.569, deles 770 son da área da Coruña, 467 da de Lugo, 1.592 da de Ourense, 419 da de Pontevedra, 534 da área de Vigo, 639 da de Santiago, e 148 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 42 están en UCI, 223 en unidades de hospitalización e 4.304 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 22.550 persoas curadas, rexistrándose 803 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 566.061.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Na xornada de onte rexistrouse un falecemento en centro residencial. Este tivo lugar na residencia de maiores Val de Monterrei (Monterrei) —muller, 88 anos, patoloxías previas—. Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Casos, os propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 2021 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos a súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

O Concello de Ponteareas da por rematadas as obras de mellora da eficiencia enerxética na Escola Infantil Municipal

O goberno de Ponteareas do BNG e do PSOE informa do remate das obras de rehabilitación enerxética da escola infantil municipal que tiveron un custe total de 104.342,01 €. Con esta iniciativa o goberno “reafírmase nos compromisos de acadar unha vila máis sustentábel, de mellorar os servizos ofrecidos á cidadanía e de traballar por e para a infancia”.

As obras contaron co apoio da Unión Europea e foron financiadas nun 80% polos fondos europeos de desenvolvemento rexional (FEDER) e nun 20 % por fondos propios do Concello.

A concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, explica que grazas á intervención realizada no illamento térmico das fachadas do edificio, “producirase un importante aforro enerxético contribuíndo así na reducción de emisións de CO2 e dando un paso máis na consecución dunha vila máis saudábel”. Concretamente, grazas a esta actuación deixaránse de emitir 33 toneladas de CO2 ao ano.

Con esta actuación, a mellora na eficiencia enerxética posiciónase nun dos estándares máis altos da clasificación fixada pola Unión Europea, que ademais é un dos obxectivos polo que a estratexia Ponteareas, Hábitat Saudábel conseguíu a confianza de Europa.

Este novo esforzo “supón unha importante mellora das instalacións da escola infantil municipal gozando agora dun espazo máis confortábel os nenas e nenos usuarios dando un paso máis no noso compromiso de ser unha Cidade Amiga da Infancia”, sinala Verónica Carrera.

A xestión do Concello iniciada no 2015 permitíu a consecución dos fondos europeos que agora, se materializan, entre outras actuacións na mellora dos servizos ofrecidos á cidadanía, neste caso á infancia e familias, sempre na liña dos obxectivos da estratexia ‘Ponteareas, hábitat saudábel’.

O Concello de Redondela estenderá a limpeza viaria aos núcleos das parroquias

0

O Concello de Redondela vén de comunicar a súa intención de estender o servizo de limpeza viaria aos núcleos das parroquias do municipio. Así, este servizo que ata o de agora tiña restrinxida a súa actuación aos cascos urbanos de Redondela e Chapela, ampliará o seu ámbito de actuación ata os núcleos rurais.

A limpeza viaria nos centros neurálxicos parroquiais será efectuada de xeito rotatorio e periódico segundo un cuadrante no que xa traballa a concellería de Limpeza Viaria.

O feito de que a propia extensión do municipio faga imposible a limpeza viaria “lugar por lugar e barrio por barrio”, non é impedimento para que esa labor “poida realizarse, segundo un calendario previamente establecido, nos ‘centros’ das parroquias nos que diaria e habitualmente reúnense maior número de veciños e veciñas e que, polo tanto, deben gozar dunhas condicións de limpeza adecuadas”, sinalan a alcaldesa Digna Rivas e o concelleiro de Limpeza Viaria, Alberto Álvarez.

Esta será a primeira vez que se preste este servizo de limpeza viaria nos núcleos parroquiais, unha iniciativa que responde ao convencemento do Goberno local de que “as veciñas e veciños de Redondela deben poder gozar do mesmo nivel de servizos, independentemente do lugar onde teñan a súa residencia”.

As características particulares de dispersión poboacional que presenta o rural, non fai posible que os servizos se poidan prestar en idénticas condicións que nos núcleos urbanos –explica Digna Rivas– “pero iso non xustifica a súa ausencia”. Nese sentido a rexedora local deixou clara a intención do seu Goberno de “eliminar, na medida do posible, a fenda de servizos existente entre os núcleos rurais e os urbanos” porque, asegurou, “en Redondela non poden existir veciños e veciñas de primeira e segunda categoría”.

Medio Ambiente reactiva hoxe nos centros escolares a última fase do concurso de recollida de pilas no marco da campaña ‘Pilabot’

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda reactivará hoxe a última fase do concurso de recollida de pilas en centros escolares no marco da campaña Pilabot, que este ano celebra a súa segunda edición coa participación de 150 centros educativos de primaria e secundaria.

O certame, organizado en colaboración cos Sistemas Colectivos de Responsabilidade Ampliada do Produtor de pilas e acumuladores autorizados en Galicia (Ecopilas, ERP e ECOLEC), suspendeuse de maneira temporal o pasado mes de marzo por mor da crise da Covid-19. Nese momento, algúns dos colexios inscritos atopábanse aínda en pleno período de recollida de pilas polo que non puideron completar a súa participación.

Por esta razón e coincidindo coa volta ás aulas dos estudantes de educación primaria e secundaria, a organización de Pilabot decidiu retomar as accións pendentes durante o mes de outubro para dar así por concluído o concurso. Desta forma, 55 colexios e institutos de distintos puntos de Galicia poderán retomar desde mañá a recollida de pilas entre o alumnado e completar así as seis semanas lectivas establecidas nas bases do concurso.

Concienciar e educar

Cómpre lembrar que a campaña Pilabot xurdiu no ano 2018 como unha iniciativa para promover a recollida selectiva de pilas, acumuladores e baterías usadas no eido escolar coa finalidade de concienciar á comunidade educativa e ás familias do alumnado sobre o impacto que teñen este tipo de residuos se non se xestionan de forma axeitada.

Para isto inclúe un concurso fotográfico (#EuSonPilabot, resolto o pasado mes de xuño), a realización de charlas divulgativas en 50 centros para concienciar ao alumnado sobre a importancia da correcta separación das pilas e o seu depósito en contedores específicos, así como a elaboración e entrega de material didáctico entre todos os centros participantes.

Centros do Condado, A Paradanta, Louriña, Baixo Miño e Val Miñor no que hoxe actívase ‘Pilabot’

A actividade central da campaña, en todo caso, é o concurso escolar de reciclaxe, de forma que os 150 centros participantes compiten entre si para acadar as mellores cifras de recollida de pilas de toda a Comunidade. Os alumnos e colexios que consigan recuperar a maior cantidade de residuos durante o período establecido en cada caso serán os gañadores e os seus nomes daranse a coñecer no mes de novembro. En total, repartiranse 7.500 euros divididos en catro premios e dúas categorías, que deberán destinarse á compra de material escolar e deportivo ou a organizar actividades educativas.

Nesta segunda edición, o obxectivo da Xunta é igualar ou mesmo superar os bos resultados acadados o curso pasado, ao tempo que se afonda na concienciación dos nenos sobre a importancia da reciclaxe e a recollida selectiva deste tipo de residuos.

De feito, durante a edición 2018-2019 de Pilabot recolléronse entre todos os centros participantes preto de 44 toneladas de pilas, acumuladores e baterías usadas, unhas cifras espectaculares xa que representan case a quinta parte das 230,5 toneladas recuperadas no ano 2018 en toda a comunidade autónoma.

Mellora das cifras de reciclaxe de pilas

Cómpre lembrar que as pilas son un tipo de residuo que ten unha alta carga contaminante e ademais están presentes en toda clase de dispositivos. Por esta razón, desde a Consellería de Medio Ambiente considérase especialmente importante fomentar a súa correcta separación desde os colexios co fin de que a mensaxe chegue ás novas xeracións e contribúa a conciencialas sobre o impacto medioambiental que poden chegar a ter.

En todo caso, nos últimos anos tense detectado un incremento notable da concienciación da poboación galega con respecto ao tratamento das pilas, pero aínda queda camiño por andar. Segundo as cifras do ano 2019, as últimas dispoñibles, en Galicia recuperáronse 329 toneladas de pilas, o que supón un incremento do 67 % na última década e do 52 % respecto aos datos de hai tres anos. No caso das pilas de orixe doméstica, a tendencia é igualmente positiva, chegando en 2019 ás 300 toneladas recollidas.

Entra en vigor a modificación da ‘zona azul’ do Porriño na contorna do mercado

O Concello e a Policía Local do Porriño veñen de anunciar a entrada en vigor da modificación da ordenanza reguladora de aparcamentos (ORA), segundo o acordo acadado Polo pleno da corporación municipal do Porriño o pasado 30 de xuño e unha vez cumprimentados os prazos legais de alegacións e publicidade. As dúas principais novidades da modificación aprobada son a contía das sancións e o límite de tempo de estacionamento.

A principal causa pola que se acometera esta modificación da ordenanza foi a limitación do tempo de aparcamento. Deste xeito aténdese unha reclamación da veciñanza pola escaseza de aparcamento na zona da Praza de Abastos e a gran demanda de prazas de estacionamento que se require para a atender o comercio.

A Concellería de Seguridade atendeu esta petición en aras de dinamizar ao Mercado e o comercio local e dar unha solución ao problema de circulación. Promulgou a modificación da ordenanza que regula o estacionamento, contando co informe da Policía Local, entendendo que na zona do entorno da praza de abastos débese axilizar a circulación rodada. Por estas razóns, limítase o estacionamento dos vehículos a 45 minutos (e non de hora e media como antes) considerando ese tempo como dabondo para realizar as compras no mercado e no comercio local.

No que atinxe ás multas por infracción da ordenanza, actualizase ao establecido polas leis de trafico. Polo tanto haberá unha redución do 50 % se o pagamento da sanción se fixera efectivo no prazo de 20 días naturais. O importe das sancións non se incrementou. Sanción de 36 € por modificar a hora de chegada despois do estacionamento; e sancións de 24 € por falta de disco ou comprobante; superar o límite horario; estacionar de novo na mesma rúa ou praza sen que transcorreran dúas horas; ou ocupar dúas prazas de estacionamento.

As prazas destinadas a persoas con dificultades de mobilidade manterán o tempo de estacionamento de tres horas.

Os ‘baños’ dos Bosques Terapéuticos da Deputación arrasan cunha “satisfacción total” por parte dos asistentes

Os baños de bosque do programa “Bosques terapéuticos”, a iniciativa sostible e medioambiental que puxo en marcha este ano a Deputación de Pontevedra por diferentes espazos naturais da provincia, conseguiu un éxito absoluto tralo estudo realizado entre as persoas participantes no programa. Deste xeito, na enquisa remitida ás e aos participantes o 80% valorou a actividade cun 10 sobre 10 e fixeron fincapé na súa “satisfacción total” coa iniciativa provincial. 

“Bosques terapéuticos”, que contou cunha participación de 450 persoas, consolídase así como un referente para establecer unha conexión íntima co medio natural, relaxar a mente e coñecer elementos patrimoniais da paisaxe da provincia pontevedresa como xacementos arqueolóxicos, construcións tradicionais ou áreas recreativas. O programa, que se presentou con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente e rematou no Día Mundial do Turismo, ofertou un total de trinta visitas guiadas en grupos de 15 persoas polos parques forestais de Freaza (Fornelos), A Picaraña (Pontearas), Cabo Udra (Bueu), Camposancos (A Guarda) e a Costa de Oia e a Serra da Groba (Oia). Neste eido, elixíronse espazos que forman parte do programa de recuperación e posta en valor que financiou a Deputación de Pontevedra nos últimos anos.

Os baños de bosque, técnica procedente de Xapón, está recomendada para todo o mundo xa que ten beneficios para o cerebro ao producir máis felicidade e reducir o estrés e risco de padecer demencia, para os ollos polo seu efecto relaxante e restaurador,  para o corazón ao reducir a tensión arterial e diminuír o ritmo cardíaco, para o sistema dixestivo, o sistema inmunitario e para aumentar a esperanza de vida.

Mos adía a ‘Festa do Codillo’ ata outubro do 2021 pola situación sanitaria e as restricións que non fan posible a súa celebración

0

A Festa do Codillo, a celebración gastronómica máis emblemática do concello de Mos, debería chegar á súa XXIII edición o próximo domingo, 18 de outubro, pero as especiais circunstancias deste ano 2020 levaron á directiva do Círculo Cultural e Deportivo Sta. Eulalia a tomar a decisión de suspender o evento e aprazalo ata o ano que vén. A organización entende que a situación sanitaria derivada da COVID-19 “é incompatible coa convocatoria de xuntanzas multitudinarias e as propias restricións establecidas dende as distintas administración impedirían manter o formato tradicional da Festa”.

A presidenta do C.C.D. Sta. Eulalia, Juani Moreno, quere trasladar aos socios a esperanza de toda a xunta directiva “en que a situación epidemiolóxica estea controlada para o outono do ano que vén” e poder celebrar así, “con plenas garantías”, un evento que congregou a máis de 5.000 persoas na súa última edición.

Se todo evoluciona de xeito favorable, a próxima Festa do Codillo terá lugar na contorna do Pazo de Mos na fin de semana do 16 e o 17 de outubro de 2021. A vontade da organización e manter vivo espírito festivo da celebración, entendida dende o seu nacemento como un punto de encontro amigable entre mosenses e visitantes, “pero o criterio sanitario será o que prevaleza antes de confirmar definitivamente a data da próxima edición da festa”.

Retomar a actividade

A directiva quere agradecer publicamente as mostras de apoio recibidas, por parte de veciños e socios, durante os últimos meses. Cómpre salientar que o Círculo atravesou un período difícil ao verse na obriga de interromper as súas actividades e só nas últimas semanas foi posible retomar a maior parte delas, iso si, adaptando o seu desenvolvemento aos protocolos de prevención da covid-19.

A Festa do Codillo, igual que o Festival Intercéltico O Son do Pazo, organizado pola mesma entidade, terán que agardar ata o ano 2021. Do mesmo modo, ante a recomendación de evitar aglomeracións e reunións de grupos numerosos, tomouse a decisión de suspender os ensaios da Rondalla, unha actividade que conta coa participación, cada ano, de máis dun cento de persoas de todas as idades. Segundo Juani Moreno, “o noso desexo é que o son das gaitas, os charrascos e as pandeiretas volva aos camiños de Mos no Nadal de 2021, pero este ano preferimos ser prudentes e coidar a saúde dos músicos e dos veciños”.

Cinco mulleres que superaron o cancro dan a volta a España a vela no ‘Reto Pelayo Vida’

0

Esta tarde recalaba no Monte Real Club de Iates de Baiona o ‘Reto Pelayo Vida-Volta a España 2020’, unha iniciativa protagonizada por cinco mulleres que superaron o cancro –Marián, de Elxe; Lorena, de Cartaxena; Fáxima, de Xerez; María, de Barakaldo e Nuria, de Teruel– e que tenta visibilizar esta enfermidade na muller e a importancia que ten a práctica deportiva como parte da terapia para a súa recuperación.

[su_image_carousel source=”media: 23087,23091,23089,23090″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

O proxecto busca tamén ser unha chamada de atención sobre a importancia e necesidade de investir na loita contra o cancro e de axudar ás mulleres que, nestes momentos, atópanse na situación pola que elas pasaron xa no seu día.

Saíron de Bilbao hai días e navegarán ata Barcelona. Quédanlle por diante, unha vez abandonadas as augas sempre complicadas do Cantábrico as non menos duras do Atlántico para, unha vez pasado o estreito, entrar en augas do Mediterráneo onde poñerán fin á súa aventura.

A pista 2 do Polideportivo Municipal do Porriño estrea nova imaxe

A pista 2 do Polideportivo Municipal, unha vez rematadas as obras de lixado, arranxo e colocación da nova superficie de madeira para concluír a reparación dos danos ocasionados polas inundacións do 1 de xuño, estrea nova imaxe co pintado das liñas da cancha en cor morada.

A decisión responde a “un xesto de solidariedade coa perspectiva de igualdade e contra a violencia de xénero”, manifestou David Alonso, concelleiro de Deportes que hoxe estivo a comprobar diversas actuacións no Polideportivo. Entre elas, a colocación nas dúas pistas de novas proteccións na zona das canastras.

O concelleiro inspeccionou os traballos de arranxo do ximnasio do Pavillón 1 que están a rematarse coa colocación do novo parqué de vinilo, despois de ter concluídas as obras de impermeabilización. Neste ximnasio terán lugar as clases de pilates e de ximnasia de mantemento en catro quendas, cada unha con 10 persoas e divididas por días.

O Concello de Baiona rubrica por primeira vez un convenio de colaboración coa Asociación Avelaíña

0

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, e a presidenta da Asociación “Avelaíña”, Fernanda Orduna, rubricaron esta mañá o convenio de colaboración polo que a asociación recibirá unha subvención do Concello de Baiona para dar información e asesoramento aos veciños e veciñas do municipio que o precisen. A contía concedida ascende a 1.000 euros, e axudarán a dar resposta á necesidade de información en saúde mental na Vila.

É a primeira vez que o Concello de Baiona asina un convenio de colaboración con esta entidade. O alcalde e a presidenta asinaron o documento que oficializa a alianza municipal cunha asociación que conta con máis de 20 anos de experiencia ao servizo da saúde mental.

Naceu en 1997 na Guarda pero o proceso de expansión da Asociación continuou pola comarca do Val Miñor, ante a necesidade dalgúns usuarios que se desprazaban ata a Garda para recibir atención. Tras pasar por diversos enclaves (Gondomar, Nigrán e Ramallosa) e unha gran serie de xestións e contactos, no ano 2013 Avelaíña solicitou á Tesourería Xeral da Seguridade Social o local situado na Casa do Mar de Baiona. A súa cesión supuxo a estabilización das actividades como Centro de Rehabilitación Psicosocial na comarca do Val Miñor, configurando un servizo e unha nova sede de traballo que se manteñen ata a actualidade.

O alcalde destacada que “con este convenio, o Concello quere recoñecer o labor desta asociación e apoiar a súa acción social” . Desta forma, o Consistorio apoia “o traballo constante que realiza a Asociación Avelaíña en beneficio da saúde mental. Temos un compromiso coa atención ás persoas con distintas necesidades neste campo e comprometémonos a seguir colaborando en anos vindeiros”.

O novo servizo tratará de dar resposta ás demandas da poboación en relación á Saúde Mental, mellorando así a súa calidade de vida. Trátase dun servizo que vén realizando “ Avelaíña” de forma permanente na zona do Val Miñor, o cal, debido á gran demanda de atención derivada pola situación de crise sanitaria da Covid-19, viuse incrementado.

Os beneficiarios directos desta atención será calquera persoa con necesidades de información en saúde mental, podendo ser persoas con problemas de saúde mental, familiares, persoas coidadoras e profesionais do ámbito sanitario, social e educativo así como calquera cidadán ou cuidadana do Concello de Baiona.

As persoas usuarias poderán acceder ao servizo por iniciativa propia ou por derivación doutros recursos sociocomunitarios: Servizos Sociais do Concello, Centro de Saúde, etc. Accederán ao servizo despois de ser contactadas pola profesional de referencia de Avelaíña, que establecerá unha primeira cita.

A Presidenta da Asociación expresou o seu agradecemento ao Concello de Baiona polo seu compromiso coa firma deste convenio e pola achega económica.

A Asociación na súa sede en Baiona ofrece os servizos de Respiro Familiar, Acompañamento Integral, Xestión e Tramitación, Atención Domiciliaria, Orientación e Integración Laboral, Información e Asesoramento, Escola de Familias, Proxecto de Promoción da Autonomía Persoal en enfermidade mental grave, Proxecto VOZ Natura, a Asociación conta cun Centro de Rehabilitación Psicosocial, con prazas concertadas co Servizo Galego de Saúde (SERGAS).

Cruz Vermella Redondela inicia a campaña de venda para o Sorteo de Ouro que se celebrará o vindeiro 26 de novembro

0

Cruz Vermella Redondela inicia a venda dos boletos para o Sorteo do Ouro. Por primeira vez nos seus 40 anos de historia, o Sorteo de Ouro aprazou a súa cita anual de xullo para o próximo 26 de novembro, debido á pandemia.

Cruz Vermella puxo en marcha o Plan RESPONDE, un plan concreto de actuación e resposta integral para atender ás persoas máis vulnerables afectadas por esta crise e que supuxo a maior mobilización de recursos, capacidades e persoas na historia de Cruz Vermella. Grazas a este plan, en Redondela atendeuse a máis de 400 persoas. Isto foi posible grazas a quen co seu apoio e solidariedade fan que as cousas cambien. Desde o inicio da crise, Cruz Vermella intensificou a súa actividade traballando activamente na emerxencia sanitaria e social.

O Sorteo de Ouro é fundamental para o desenvolvemento de todo o labor solidario de Cruz Vermella. Debido ás consecuencias provocadas pola COVID-19 o sorteo deste ano é máis importante que nunca.

Baixo o lema “Son fan das persoas que fan que as cousas cambien”, o Sorteo de Ouro renderá tributo a quen, durante estes meses, fixeron do compromiso e a solidariedade o seu modo de vida. Coa campaña deste ano colaboran Luz Casal, Amaia Salamanca, Pablo López e Vanesa Martín, declarándose fans das persoas que fan que as cousas cambien. O seu apoio está reflectido nos boletos, que xa saíron á rúa, e que representan diferentes causas postas en marcha por Cruz Vermella. Ser fan significa querer cambiar a vida de miles de persoas en situación de vulnerabilidade.

Un ano máis, Cruz Vermella e o Sorteo de Ouro, teñen o pracer de contar cun amplo respaldo da sociedade española, coa mobilización do seu voluntariado e dos socios e socias, traballadores e traballadoras e empresas e organizacións asociadas na venda de boletos do Sorteo de Ouro. Grazas a este gran apoio, Cruz Vermella pode achegar os boletos a cada vez máis persoas.
A través do Sorteo de Ouro ofrécese unha fórmula máis de colaboración para desenvolver mellor o seu labor e estar alí onde máis se necesita:

  • CON 1 BOLETO (5€)
    Unha persoa poderá acceder a unha caixa de primeiros auxilios de produtos básicos.
  • CON 4 BOLETOS (20€)
    Un neno ou nena poderá obter unha mochila completa con material escolar.
  • CON 12 BOLETOS (60€)
    Unha muller vítima de violencia de xénero poderá ter aloxamento e atención psicolóxica de emerxencia durante un día.

A solidariedade ten premio

O ano pasado, no Sorteo de Ouro incorporáronse novos premios, para facer posible que a sorte se reparta aínda máis. Súmanse máis terminacións premiadas, é dicir as 4 últimas cifras dos boletos gañadores tamén obterán premio.

Cada boleto do Ouro custa cinco euros e con esta cantidade pode tocar un primeiro premio 3.000.000 euros (); un segundo de 1.000.000 de euros (); un terceiro de 500.000 euros (); tres cuartos de 250.000 euros e tres quintos de 100.000 euros (); así como centos de premios máis de menor contía que suman un total de 7.000.000€ repartidos en ata 11.700 premios. Aínda que o verdadeiro valor de cada boleto é facer posible que as cousas cambien.

(*) ou o seu contravalor en ouro.

ADENCO anuncia a suspensión de todas as actividades das súas Xeiras Micolóxicas

As Xeiras Micolóxicas do Grupo Ecoloxista ADENCO chegarían este ano á súa trixésima primeira edición, realizándose de maneira ininterrompida desde a constitución do colectivo en 1990. As Xeiras son un referente no mundo da micoloxía no sur da Provincia de Pontevedra e supuxeron no seu momento a chegada da ecoloxía á micoloxía, con actividades abertas á sociedade, dirixidas a nenos e adultos, co propósito de descubrir o reino dos fungos, que aínda hoxe esconde segredos destacables.

O Grupo Ecoloxista Adenco, porén, decidiu suspender todos os actos previstos das Xeiras Micolóxicas do ano 2020 por causa da pandemia derivada da Covid-19. Como xa lle comunicou aos seus socios, “a situación sanitaria que atravesamos, as recomendacións que recibimos das autoridades fannos tomar esta decisión, que consideramos a mellor. Vivimos momentos nos que as prioridades teñen que ser, necesariamente, outras. Non parece o mellor momento para xuntarnos, para estar en espazos pechados falando de cogomelos, pese a ser algo que nos apaixona”.

Sabemos que volveremos, pero temos que esperar

“En todo caso, desde o Grupo Ecoloxista ADENCO, como sempre fixemos, recomendamos precaución e moita cautela na recollida de cogomelos para consumo, ademais de respetar a lexislación vixente no tocante á cantidade máxima permitida e ao xeito de facelo e de trasnportar o que apañemos. Estamos diante dunha biodiversidade que vai do microscópico ao estrambótico, pero coa particularidade de que os erros poden pagarse moi caros. Se temos a máis mínima dúbida non debemos consumir ningún cogomelo”.

“Agardemos que o vindeiro ano poidamos facer unha actividade que festexe outro tempo, outra década e outra relación da sociedade actual co Medio”.

Tui presenta unha programación “segura” para volver ao Teatro no outuno

0

“Volvemos ao teatro” é o lema da programación de outono que dende este venres, 16 de outubro, e até o 21 de novembro se vai celebrar no Teatro Municipal de Tui. Foi presentada onte polo alcalde, Enrique Cabaleiro, a concelleira de Cultura e Ensino, Sonsoles Vicente, e o músico Samuel Diz.

O alcalde, Enrique Cabaleiro, destacou que “esta programación ambiciosa reflicte perfectamente o compromiso deste concello coa cultura, con algo que sempre nos identificou moitísimo. Non podemos olvidar que a programación cultural de Tui é recoñecida máis aló das nosas fronteiras, nos engade un selo de calidade e nos singulariza”. Nese senso indicaba “o compromiso deste goberno de seguir con esa estela da nosa programación cultural, para que siga sendo dun referente máis aló do ámbito territorial que nos ocupa”.

A concelleira de Cultura, Sonsoles Vicente, explicou que con “Volvemos ao teatro” mantense a actividade no Teatro Municipal achegando espectáculos os venres e sábado para todos os públicos con teatro, música e danza.  Dicía a concelleira “agardo que a xente disfute no Teatro” destacando que “a cultura é segura”.  Salientou que a capacidade do patio de butacas redúcese ao 33% de tal xeito que para cada evento poranse á venda 180 localidades. Contarase cun protocolo COVID 19. As entradas poranse á venda o luns da semana do espectáculo até unha hora antes do mesmo a través de tui.gal, sendo este o método preferente de compra. Tamén se poderán adquirir no despacho de butacas na Área Panorámica o propio día unha hora antes do inicio da función.

Pola súa parte Samuel Diz, lembrou coma o concerto “Memoria da Melancolía” que ofrecerá este venres estaba previsto para o mes de marzo e daquela tivo que ser adiado debido á pandemia do coronavirus. Ía ser estreado en Tui pero debido ao aprazamento foi a primeira posta en escena tivo lugar en setembro na casa de Lorca.  Este venres estará acompañado no escenario por Benxamín Otero e Yolanda Castaño, e cunha réplica da guitarra de Lorca intepretará un percorrido polas músicas da Xeración do 27 e do exilio republicano español, moitas delas inéditas, atopadas en diferentes arquivos, seguindo a pegada de María Teresa León polo mundo”. Agradecía Samuel Diz o compromiso do Concello de Tui por manter esta programación de outono. As entradas para este concerto poranse á venda mañá mércores ás 20 h aos prezos de 6€ e 5€ en tui.gal.

A programación está conformada por oito espectáculo de música, teatro, e danza para público infantil e adulto.

Memoria da Melancolía” é o concerto de Samuel Diz que abre esta programación este venres, 16 de outubro, ás 21.30 h.  A seguinte cita será o venres, 23 de outubro, ás 21.30h con Redrum Teatro e a comedia negra “Idiota” interpretada por Machi Salgado e Susana Sampedro. O sábado 24 de outubro, ás 18.30 h, Galeatro presenta “Carabela” unha obra para público familiar recomendada a partir dos 4 anos. “So”, un espectáculo novo circo, é a proposta prevista o venres, 30 de outubro, ás 19.30 h da man de Xampatito Pato. Mentres o venres, 6 de novembro, ás 21.30 h está programada a traxicomedia “Dúas donas que bailan” de Teatro do Atlátnico.  A versión teatral do libro “Esio Trot” de Roald Dahl chegará o sábado, 7 de novembro, ás 18.30 h con  Pérez&Fernández e o espectáculo para público familiar  “Aguratrat“.  Pecha esta programación o venres, 20 de novembro, ás 19.30 h Avento Produccións o espectáculo para público infantil e familiar dende os 3 anos “Ummm unha comedia musical para chupar os dedos“, e o sábado 21 de novembro, ás 20.30 h La Macana achega o espectáculo de danza contemporánea “Pink Unicorns”.

Expectación en Mondariz pola proxección gratuíta de O que arde

0

O Concello de Mondariz continúa esta tempada de outono co Cine na Rúa, que xa levou á Praza de Mondariz varios filmes durante os meses de verán. A primeira das proxeccións cinematográficas incluídas na programación cultural de outono 2020 é O que arde, o filme que puxo a Galicia no mapa, con numerosos premios internacionais, e que recentemente vén de ser preseleccionado como un dos tres candidatos a representar a España nos Oscar.

A proxección de O que arde está programada para este sábado, 17 de outubro, a partir das 20:30 horas no auditorio do Centro Social de Mondariz. Ademais, agás impedimentos de última hora, incluirá un coloquio co director, Óliver Laxe, e os actores protagonistas, Benedicta Sánchez e Amador Arias.

Consciente da expectación que pode xenerar a presenza do director e dos actores protagonistas do filme, o Concello de Mondariz vai extremar o control do aforo para garantir que se respectan todas as medidas preventivas que esixe a actual crise sanitaria. “Mentres a situación epidemiolóxica estea estable a nivel local, como ata agora, seguiremos promovendo a cultura na vila porque consideramos que é fundamental para o benestar social da poboación”, comenta o alcalde, Xosé Emilio Barros.

O 50 por cento do aforo requerirá reserva de butaca con identificación a través do teléfono 986 664 333 (horario: L-V, 10-12 e 16-20), permitíndose un máximo de dúas reservas por persoa. O restante 50 por cento do aforo completarase o mesmo día da proxección, a través de entrada libre por orde de chegada. O auditorio do Centro Social de Mondariz abrirá as súas portas ás 20:00 horas.

En Galicia alcánzanse os 4.601 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.601, deles 765 son da área da Coruña, 475 da de Lugo, 1.605 da de Ourense, 469 da de Pontevedra, 512 da área de Vigo, 628 da de Santiago, e 147 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 41 están en UCI, 218 en unidades de hospitalización e 4.342 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 22.277 persoas curadas, rexistrándose 797 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 560.887.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Na xornada de onte rexistráronse dous falecementos en centros residenciais. Un tivo lugar na residencia de maiores Val de Monterrei (Monterrei) —home, 89 anos, patoloxías previas— e o outro aconteceu na residencia de maiores Os Gozos (O Pereiro de Aguiar) —home, 96 anos, patoloxías previas—.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Casos, os propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 2021 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos a súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

A hostalería apoia amplamente o I Concurso de Tostas de Outono de Gondomar

0

O rexedor agradeceu o amplo respaldo desta nova iniciativa posta en marcha polo departamento de Comercio buscando “unha vez máis a promoción e dinamización do sector hostaleiro e de restauración, así como a revalorización da oferta gastronómica de Gondomar que moita e saborosa”.

Durante a presentación puidéronse coñecer xa as tostas que concursarán e que se poderán degustar por un prezo de 3 euros entre os días 17 de outubro e 29 de novembro. Serán os clientes quenes co seu voto convértanse en xurado “popular” que determine as tres gañadoras, depositando a súa valoración en urnas habilitadas para a ocasión nos locais.

Unha tarefa nada fácil comprobando as elaboracións presentadas nas que ademais do sabor haberá que puntuar a súa presentación. Os produtos elixidos son variados cunha característica común: propios da época do ano na que estamos, converténdose así, as castañas, cogomelos, noces ou figos nalgúns dos elementos presentes nelas.

Así se poderá comprobar como ligan o puré de castañas, co lacón e o pemento; a crema de castañas con chocolate quente; os cogomelos salteados con chalota e allo, enriquecido con crema de leite e xamón de crocante; ou, unha tosta de viño de Mencía, figos, queixo parmesano e foie de pato, entre outras moitas (achegamos relación de tostas que concursan).

Os tres primeiros clasificados contarán cun diploma acreditativo e ou máis votado recibirá unha Chaquetilla de Chef oficial serigrafiada co lema “I Concurso de tostas de Outono de Gondomar” e encabezará o cartel de promoción da seguinte edición.

Tamén recompensarase a participación cidadá e entre as papeletas depositadas polos consumidores sortearanse tres vales en metálico, por valor de 200, 100 e 50 euros, respectivamente, en concepto de cea, comida e almorzo a consumir nos tres establecementos que accedan ás mellores puntuacións.

Andrea Dávila Rubio, Nuria Rodríguez Figueirido, María del Mar Ramón Soriano e Alejandro Rego Díaz, premios Novos Valores 2020

Andrea Dávila Rubio, coa peza ‘I wish you’d rub your quills against my stomac’; Nuria Rodríguez Figueiredo, coa peza ‘Voltar’; María del Mar Ramón Soriano, con ‘Homeworks’; e Alejandro Rego Díaz, con ‘Representación nº3. La mano del artista’, foron os artistas seleccionados polo xurado da edición 2020 de Novos Valores, que nesta ocasión optou por tres creacións ‘escultóricas’ e unha composición fotográfica para outorgar as catro bolsas de estudos de 7.500 euros.

O director do Museo valorou especificamente as memorias presentadas sobre os procesos creativos de cada unha das pezas, así como o destino que cada unha das autoras e o autor dará ás bolsas. Subliñou que esta edición, cargada de novidades, foi complexa á hora de elixir pola calidade amosada polas persoas participantes que, se ben foron menos en número que noutras edicións, fixeron propostas moi interesantes nas diferentes disciplinas artísticas.

Ademais das e dos bolseiros, na exposición de Novos Valores 2020 que se abrirá este xoves e permanecerá aberta no Sexto Edificio do Museo ata o 15 de novembro, tamén se poderán ver outras 17 pezas. Nesta ocasión, é de destacar a abrumadora maioría de mulleres presentes, sendo protagonistas de catro quintas partes da mostra, así como tamén de pezas escultóricas, destacando as sete obras escollidas polo xurado fronte ás catro de fotografía, e apenas tres de pintura e gravado, dúas instalacións, un vídeo e un debuxo.

[su_image_carousel source=”media: 23031,23033,23032,23030″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

A obra de Andrea Dávila Rubio ‘I wish you’d rub your quills against my stomac’ é unha creación de resina de poliéster, fibra de vidro e aceiro enmarcada dentro dun proxecto de investigación doutoral no que examina a relación entre corpo, pel e escultura “baseado na historia da formación e a remodelación do corpo humano a través de prácticas médicas, fenómenos sociais, mitos e ideas”.

O proxecto en concreto parte da expresión alemana traducida como ‘poñer unha espiña baixo a pel’ ou provocar a alguén. Ao mesmo tempo, a peza está inspirada nun fragmento de María Magdalena de Friedrich Hebbel (1844) no que un pai protagonista utiliza a pel como referencia á súa condición de hostilidade e vulnerabilidade.

‘Voltar’, de Nuria Rodríguez Figueiredo, é tamén unha creación escultórica, neste caso de cerámica vidriada. A autora, xa participante noutras edicións de Novos Valores, explica que en conxunto a peza pode lembrar un altar cheo de elementos e símbolos representativos para chamar ao recordo dunha infancia perdida no tempo.

Instaladas na parede a modo de retablo aparecen figuriñas que constrúen unha “narrativa cargada de sentimentos de anhelo, delicadeza e maxia”, e que lembran aos exvotos, figuras que se ofrecían para materializar un milagre. Debaixo, dúas cadeiras pequeniñas e baleiras parecen á espera sobre unha peana, con flores cerámicas modeladas a man, “que espertan tenrura porque hai moito mimo nelas”, tendo ao seu lado un xogo de té en miniatura que simboliza os escenarios máxicos do xogo.

‘Homeworks. 58h 35 min’ é a proposta de María del Mar Ramón Soriano.  Pertence a un proxecto que fala do tempo, a forma de emplealo, os tempos industriais e acelerados contrapostos aos tempos artesanais, lentos e reflexionados. Na construción das dúas pezas dialogan a escultura cerámica e os tarros de cristal que están presentes en toda casa, en forma vertical lembrando dous tótems.

Trátase de pezas producidas durante o confinamento e de aí a obsesión da autora polo pasatempo, o aburrimento ou a cronometración dos procesos, xa que ambas pezas levan como subtítulo ’31 h 40 min’ e ‘26h 55min’, facendo referencia ao tempo de dedicación manual empregado para a súa construción.

Finalmente, a obra de Alejandro Rego Díaz, ‘Representación nº3. La mano del artista’, é unha serie de nove fotografías realizadas entre os anos 2018 e 2019 presentadas en forma de polípctico que pretenden reflexionar sobre a natureza da mirada humana ás obras de arte e de como esta pode afectar á maneira de mirar o mundo real. Segundo explica o autor, “é unha obra dun medio de representación, a pintura, que foi o principal instrumento do ser humano ao longo da historia para reproducir a realidade de maneira visual e en dúas dimensións. É tamén unha obra na que se replantexa unha re-representación da pintura, unha recontextualización de diferentes detalles pictóricos de cadros dos séculos XVII e XX a partir do principal medio de representación da realidade: a fotografía”.

Inicio en Mos das “Certificacións en Competencias Tecnolóxicas Básicas” a través de BecaMos e IC3-GS5

0

O Concello de Mos (a través da Concellería de Promoción Empresarial, Economía e Emprego que dirixe a edil Julia Loureiro), como entidade certificadora de Microsoft a través da Rede Conecta, á que se adheriu fai anos a través da Fundación Esplai, ofrece a posibilidade mediante probas oficiáis e de validez e recoñecemento a nivel internacional, acreditar os coñecementos fundamentais en informática e internet no caso do IC3-GS5, e de validar os coñecementos e habilidades prácticas no uso de Microsoft Office, no caso de BecaMos, que é o Programa no que se encuadra as certificacións de Microsoft Office Specialist, sendo o validador, directamente Microsoft.

A semana pasada un representante en Galicia da Fundación Esplai, Miguel Rodríguez García, presentou o labor realizado pola Fundación Esplai, sobre todo dirixido á mocidade e a persoas maioes e colectivos desfavorecidos, en proxectos de entidade social relacionados coas novas tecnoloxías. O Concello de Mos ten o compromiso de participación en diversos proxectos sociais e tecnolóxicos xestionados por Fundación Esplai, e financiados por distintas administracións a nivel estatal e da comunidade autónoma – Consellería de Política social, e dirixidos a colectivos de maiores, mocidade e persoas inmigrantes.

Acompañouno na presentación Guadalupe Ordóñez, voluntaria dixital (desde o ano 2016) do Concello de Mos, a través de Programa de Voluntariado Dixital – Rede Amtega (Xunta), ao que está adherido o Concello. Guadalupe é a supervisora dos exames de certificación, e un grande apoio ao alumnado que se presenta aos exames.

Asistiron á xornada alumnos e alumnas do Programa Integrado de Emprego Mos 3.0. V edición, que se está a desenvolver durante este ano. Tamén asistiron algunas das persoas dun grupo de persoas alleas ao Programa e que se van a presentar tanto aos exames de BecaMos como IC3.

Os grupos preparatorios destas probas para obter a certificación oficial son 2: un de membros do Programa Integrado de Emprego, formado por 10 persoas, que comezou as sesións de preparación a semana pasada; e outro, integrado por outros 10 alumnos/as, que son persoas alleas ao Programa interesadas en obter as devanditas certificacións, e que comezan esta mesma tarde a formación preparatoria para poder presentarse aos exames. Polo tanto, no proxecto BecaMos e IC3 2020 participan un total de 20 usuarios/as. As probas examinatorias celebraranse en dúas convocatorias que terán lugar a finais do presente mes de outubro e comezos do vindeiro mes de novembro. O Concello de Mos aposta desde fai anos por mellorar as competencias daquelas persoas que demandan activamente emprego, e una parte fundamental e que se traballa de forma continuada son as competencias tecnolóxicas relacionadas co emprego.

O Voluntariado Municipal de Ponteareas convida a sumarse á limpeza simultánea de praias galegas

O voluntariado municipal participará este sábado día 17 na limpeza simultánea de praias galegas que coordina ADEGA (Asociación Para a Defensa Ecolóxica de Galiza). Nesta ocasión actuarase na praia de Samil ás 17 horas, aínda que o punto de encontro en Ponteareas será a estación de autobuses ás 16:30 horas, dende onde partirán as e os voluntarios.

A Oficina Municipal de Voluntariado, dependente da Concellaría de Mocidade e Voluntariado que dirixe Miguel Bouzó, informa que é preciso inscribirse a través de whatsapp no número de teléfono 687 764 516 ou no enderezo electrónico [email protected]. Tamén aconsella levar botas e luvas, preferiblemente de xardinaría.

No marco do programa de voluntariado ambiental xuvenil, Ponteareas amosará o seu lado solidario e comprometido na protección e coidado do planeta, sumando os seus esforzos para acadar de xeito colectivo unha maior concienciación.

A Deputación ultima a quinta edición de “DepoEmprende” coa selección dos centros educativos participantes

A Deputación de Pontevedra dá un paso máis para a posta en marcha da quinta edición de “DepoEmprende”, o programa da institución destinado a fomentar o espírito emprendedor no marco do sistema educativo, coa publicación este martes da lista provisional de centros educativos adheridos ao proxecto. Este ano participarán en total 23 centros de 12 concellos da provincia, 8 na modalidade de “DepoEmprende na Escola”, outros 8 en “DepoEmprende na ESO” e 7 en “DepoEmprende na FP”.

En concreto, en “DepoEmprende na escola” os centros educativos seleccionados son o CEP Plurilingüe Igrexa-Valadares (Vigo), CEIP Santo André de Xeve (Pontevedra), CPI Julia Becerra Malvar (Ribadumia), CEE Pontevedra, CEIP Plurilingüe nº1 (Tui), CEIP A Xunqueira nº1 (Pontevedra), CEP Plurilingüe de Carballedo (Cerdedo-Cotobade) e CEIP Serra-Vincios (Gondomar). Pola súa banda, en “DepoEmprende na ESO” foron seleccionados o IES Illa de San Simón (Redondela), IES Plurilingüe Terra de Turonio (Gondomar), IES Plurilingüe A Paralaia (Moaña), IES Manuel García Barros (A Estrada), IES Illa de Ons (Bueu), IES de Rodeira (Cangas), CPI da Cañiza e IES Luis Seoane (Pontevedra). En canto a “DepoEmprende na FP”, os centros educativos adheridos son o IES Plurilingüe Terra de Turonio (Gondomar), IES Johan Carballeira (Bueu), CPR Daniel Castelao (Vigo), CPR San Miguel (Vigo), CIFP Carlos Oroza (Pontevedra), CIFP Manuel Antonio (Vigo) e CIFP A Xunqueira (Pontevedra).

O programa da Deputación porase en marcha entre finais de outubro e principios de novembro e prolongarase ata o mes de xuño.  Debido á pandemia da Covid19 o formato, aínda que está previsto que se desenvolva de maneira semipresencial ou telemática, adaptarase ás decisións que se tomen desde as administracións públicas sobre a organización e planificación e a evolución da crise sanitaria.

O proxecto educativo “DepoEmprende na Escola” está dirixido ao alumnado de Educación Primaria (5º ou 6º curso) e de Educación Especial e “DepoEmprende na ESO” destínase a mozos e mozas de 15 a 16 anos (4º da ESO) que estuden, preferentemente, as materias de Iniciativa á Actividade Emprendedora e Empresarial, Ciencias Aplicadas á Actividade Profesional ou similares. Doutra banda, “DepoEmprende na FP” está dirixido ao alumnado de Formación Profesional de Grao Medio ou Superior que curse, preferentemente, o módulo de Empresa e Iniciativa Emprendedora ou similares. Para potenciar a comunicación entre os centros a Deputación de Pontevedra pon á súa disposición o Portal Educativo de DepoEmprende, que tamén  ten como fin favorecer o acceso aos recursos formativos e didácticos e asegurar a orientación, asesoramento e titoría de forma continua. A través destas modalidades “DepoEmprende” promove dinámicas de traballo que fomenten o emprendemento no marco do sistema educativo e impulsen que o alumnado sexa protagonista da súa propia aprendizaxe. Amais, para o desenvolvemento eficaz de “DepoEmprende” a Deputación de Pontevedra dota aos centros participantes de formación, recursos e ferramentas. Entre estas accións destacan unha serie de formacións para o profesorado participante durante o desenvolvemento dos proxectos.

Nigrán aposta por preservar as comunidades de augas veciñais contribuíndo na renovación das súas instalacións

0

O Concello de Nigrán aposta por preservar as traídas de augas veciñais privadas investindo naquelas que desexan manter de cara ao futuro este servizo básico para as parroquias de Camos e Chandebrito. Así, considerando que as novas regulacións sanitarias ou fin de concesións obrigan á maioría das comunidades da localidade a emprender obras nas súas instalacións e tramitar documentación, o Concello iniciou xa a súa colaboración coas traídas de A Rotea e Piñeiros (Camos) e Lapela (Chandebrito), as tres primeiras en manifestar nas súas respectivas asembleas o seu interese en manter o subministro de cara ao futuro e en recibir para elo a axuda do Concello.

“As traídas de Camos e Chandebrito dan servizo ancestralmente a moitos fogares aos que aínda non chega o abastecemento público, polo que consideramos que é deber do Concello compensalas garantindo a continuidade e seguridade sanitaria deste servizo que alcanza a máis de 200 familias”, explica o alcalde, Juan González, quen hai meses mantivo un encontro con representantes das 7 comunidades de augas existentes na localidade (3 delas en Chandebrito e 4 en Camos) para precisamente ofrecer esta colaboración. “Iniciamos os traballos de regularización naquelas que demandaron a nosa axuda, pero mantemos esta porta aberta para todas as demais no momento en que se decidan. As comunidades coas que o Concello colabora manteñen a súa independencia total e absoluta e seguen a ser os titulares dos seus recursos, é unha decisión dos comuneiros regularizarse coa nosa axuda ou sen ela”, insiste o rexedor.

Deste xeito, co fin de adaptarse á normativa sanitaria, o Concello investirá preto de 55.000 € en diferentes obras en Lapela, Rotea e Piñeiros que estarán rematadas antes do fin de 2020. Segundo o informe das necesidades das tres traídas solicitantes, nalgúns casos será preciso renovar os colectores, noutros instalar cloradores, mosquiteiras, sinalización… e mesmo traballo administrativo como realizar memorias de legalización.

“Todas as traídas comunais son de tempos xa remotos onde non había ningún tipo de regulación, algunhas foron adaptándose aos requirimentos e outras quedaron practicamente igual, pero hai que recoñecer que, grazas a estas entidades, foi posible fixar poboación no rural e mellorar as súas condicións de vida; consideramos que agora é o momento de que o Concello colabore con elas, xa que chegan onde non hai abastecemento público”, considera o alcalde, quen incide en que esta aposta pola súa continuidade “non está rifada con que se amplíe, nun futuro, a rede de abastecemento”.

As comunidades de augas son unha figura moi extendida en toda Galicia, especialmente no rural, onde a dispersión poboacional dificulta o abastecemento público, alí ancestralmente se formaron estas comunidades de veciños privadas. Estímase que en Galicia poden existir máis de 5.000 captacións comunitarias, que abastecen a ao redor de 300.000 veciños. A maioría delas regularizáronse a finais dos anos 70 ou comezos dos 80, con concesións a 20 anos, polo que as comunidades de augas afrontan agora a segunda renovación da súa concesión.

A biblioteca pública municipal acolle un obradoiro de iniciación á arte de contar contos

A Concellería de Cultura, que dirixe Fernando Groba, convida a participar no obradoiro de iniciación á arte de contar contos. Un obradoiro dirixido a educadores, pais e nais, docentes, bibliotecarios, mediadores de lectura, xestores culturais e público en xeral.

No obradoiro abordarase a importancia da tradición oral e os álbums ilustrados e se compartirá cos asistentes diferentes técnicas de expresión oral.

O obradoiro da arte de contar contos chega á biblioteca pública municipal este xoves 15 de outubro ás 18 horas.

Este obradoiro é totalmente gratuíto como o resto das iniciativas que se desenvolven dende a Biblioteca Municipal de Ponteareas, e os interesados e interesadas poden formalizar a súa inscrición ou mesmo solicitar máis información sobre esta actividade no teléfono 986 660 765 ou no correo electrónico: [email protected].

A Xunta remata a execución dunha estrutura de retención de areas no sistema de saneamento do Concello da Guarda

0

A Xunta, a través de Augas de Galicia, vén de rematar a execución dunha estrutura de retención de areas no sistema de saneamento do Concello da Guarda.

Estas infraestruturas hidráulicas, que contaron cun investimento autonómico de preto de 50.000 euros, foron entregadas hoxe ao Concello da Guarda, que asumirá a súa titularidade e as respectivas tarefas de mantemento.

As obras consistiron na implantación dunha arqueta na rede de saneamento, co obxectivo de solucionar os problemas de acumulación de area no sistema e mellorar o seu funcionamento.

A depuradora da Guarda recibe as augas residuais deste municipio e tamén do Rosal a través de dous colectores. Un deles, procedente da zona de Salcidos, ten unha pendente mínima, o que provocaba que se depositaran areas nel, dificultando a circulación das augas.

Coa construción desta estrutura retéñense esas areas nun punto concreto do colector procedente de Salcidos, que se preparará para que o Concello da Guarda poida recollelas e posteriormente xestionalas, como parte dos labores de mantemento na rede de saneamento.

Esta actuación enmárcase na colaboración que a Xunta está a levar a cabo con estes concellos en materia de saneamento. Ademais, súmase a un proxecto máis ambicioso, consistente nunha mellora integral do colector de saneamento do Rosal. O Goberno galego continúa prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos para que desenvolvan de xeito eficiente os servizos de saneamento e abastecemento, de competencia local.

Aida Valiña, do equipo “Louriña Cycling Team”, encabeza os éxitos deportivos dos nosos clubs no Campionato Calego de Contra reloxo 2020

A triatleta Aida Valiño, flamante fichaxe do novo equipo ciclista porriñés “Louriña Cycling Team”, produto da fusión entre “Máster da Louriña” e “A.D. Avanza”, proclamouse campioa galega de contra reloxo individual 2020, na categoría elite. Cun crono de 19:36, Aida amosou a súa calidade. Hai que ter en conta que volveu á competición xa que estivo aleixada do ciclismo nestes últimos anos despois da súa maternidade e de sufrir dous accidentes de tráfico cando adestraba.

Na mesma categoría, a porriñesa “Chus” Barros, do “Spol C.C.” foi subcampioa de Galicia cun tempo de 21:09.

A proba disputouse sobre un circuíto de 13 quilómetros na vila termal de Baños de Molgas, con saída e meta no Santuario dos Milagres.

No que atinxe á categoría elite masculina, o ciclista Roberto Mediero, do “Louriña Cycling Team”, foi medalla de bronce, a 1:13 do gañador, Samuel Blanco. Por outra banda, Gustavo Rodríguez, (“Louriña Cycling Team”) que partía como favorito ao título, rematou cuarto a consecuencia dun pinchado que rebaixou as súas posibilidades.

Na categoría cadete masculino, Roberto Pereira (“A.D. Avanza”), foi terceiro. Parou o crono en 21:00, a 19″ do gañador. Finalmente, en categoría Máster 40 masculina, Carlos Iván Vidal de Sa (“Louriña Cycling Team”) foi medalla de prata e na categoría Máster 40 feminina, Mónica Alarcón (“Louriña Cycling Team”) foi medalla de bronce.

“Fame de experiencias” obtén o seu décimo recoñecemento internacional no Zagreb Tourfilm Festival

“Fame de experiencias”, o audiovisual da campaña de turismo 2019 da Deputación de Pontevedra, vén de acadar un novo recoñecemento internacional e xa van dez acumulados dende a súa estrea. Neste caso o vídeo promocional, que xa ten un auténtico récord de premios, alzouse co galardón “á mellor película gastronómica” no Zagreb Tourfilm Festival de Croacia que, por mor da pandemia, celebrou unha “entrega virtual”.  No podium do festival croata, “Fame de experiencias” atópase con outros dous destinos estatais como Madrid e Córdoba e con outras rexións e cidades de países como Estados Unidos, Croacia, China, Xapón, Grecia, Austria, Bosnia, Santo Tomé e Príncipe, Venezuela, Serbia e Noruega.

O vídeo que a Deputación de Pontevedra lanzou en Fitur do 2019 foi valorado por un xurado internacional composto por persoas procedentes de Sudáfrica, Canadá, Alemaña, Croacia e Estados Unidos que o situou como a mellor película internacional na modalidade de gastronomía e viños. Ao respecto, a directora do Zagreb Tourfilm Festival, Spomenka Saraga, felicitou á institución provincial polo galardón e amosou o seu desexo, ante a imposibilidade de realizar o acto presencial, de contar con representantes da Deputación na entrega de premios do festival do vindeiro ano. Con este novo premio en Croacia, son xa dez recoñecementos para “Fame de Experiencias”, tras os acadados en Fitur, Golden City Gate de Berlín, New York Festivals TV & Film Awards, International Tour Film Fest de Bulgaria, Festival de Turismo de Riga, US International Film & Video de Los Ángeles, SilaFest de Serbia, Terres Festival e no Festival Internacional de Cine Turístico de Turquía, “que revalidan –en palabras da presidenta Carmela Silva- a aposta da Deputación por un modelo vangardista de promoción turística”.

Tomiño formará en informática ás familias para mellorar o apoio educativo dos máis cativos

0

A experiencia do confinamento derivada da situación pandémica actual serviu para evidenciar as múltiples carencias e dificultades existentes en moitos fogares para acceder á educación pola vía telemática, acentuando as desigualdades sociais entre o alumnado.

Ante esta situación, o Servizo de Axuda no Fogar (SEAF) decidiu impulsar un programa de formación en habilidades informáticas básicas que irá destinado ás familias, co obxectivo de garantir unhas aptitudes axeitadas para o apoio educativo dos nenos, nenas e adolescentes no fogar.

O programa estará orientado a formar ás familias no manexo axeitado dos recursos informáticos necesarios para apoiar aos máis novos e novas no ensino a distancia. Entre os contidos da formación atópase a instrución no manexo de entornos virtuais de aprendizaxe (Aulas Virtuais, Abalar, E-Dixgal…), o uso do correo electrónico, a organización e xestión de documentos ou a creación e o emprego da Ch@ve365 e o DNI electrónico para tramitar solicitudes de bolsas e outras xestións.

A formación levarase a cabo na Aula CemiT, situada no campo da feira, e impartirase de forma personalizada a calquera persoa que poida estar interesada nalgún dos contidos ofrecidos. Os centros de ensino tamén poderán derivar a este servizo a todas aquelas familias nas que se detecte a existencia de atrancos no seguimento das actividades.

As solicitudes poderán facerse de xeito presencial na propia aula CemiT ou chamando ao 986 62 33 04. Os horarios de atención da aula son de luns a venres de 9:15 a 13:45 en horario de mañá e de martes a venres de 18:30 a 20:30 en horario de tarde.

Ponteareas terá un edificio municipal na Praza Maior

O goberno de Ponteareas do BNG e do PSOE adquirirá unha propiedade na praza Maior para dar novos servizos á cidadanía. Con esta compra increméntase o patrimonio municipal, estando ata agora completamente limitaos os espazos para ofrecer novos e mellores servizos á veciñanza ou ampliar os existentes.

A través dun procedemento administrativo que garantíu a transparencia, o Concello negociou coas distintas propiedades que reunían as características técnicas. Agora, o Concello mercará por 250.000€  unha propiedade de 341 metros cadrados que alberga unha edificación de 918 m2 divididos nunha planta baixa e dous andares.

Para esta nova adquisición, o goberno de Ponteareas xa ten solicitado ao Fondo Galego de Cooperación  da Xunta de Galicia un préstamo sen intereses a devolver en oito anos. Para a obra de restauración e posta en servizo á cidadanía dispón do apoio dos fondos europeos a través da estratexia “Ponteareas, hábitat saudable”. Concretamente os fondos de desenvolvemento rexional FEDER aportarán o 80%.

“O novo espazo ubicado no casco histórico será un lugar no que acoller distintos servizos e instalacións municipais, sempre enfocado a dar unha mellor atención á cidadanía e contribuirá na dinamización da contorna”, afirmou o alcalde de Ponteareas, Xosé Represas.

Pola súa banda, a concelleira de Vías e Obras Chus Garrote, adianta que esta iniciativa “súmase a outras nas que xa está traballando o goberno e que perseguen a dinamización,  rehabilitación e revitalización do casco vello”.

O alcalde engade que, dende fai tempo, esta parte da Vila vén amosando un contínuo deterioro habitacional, palpable no progresivo aumento de edificacións e vivendas en estado de abandono, así como un progresivo avellentamento e perda de residentes. Un fenómeno semellante ao de moitos cascos vellos doutras vilas e cidades galegas, e que ao mesmo tempo vén provocando a reacción das distintas administracións para a súa recuperación e revitalización. “A xestión económica do Concello realizada dende 2015 permítenos dar agora este paso para incrementar o patrimonio municipal”.

Previamente, e con esta finalidade, o goberno municipal realizou un proceso de consulta cidadá no que participaron representantes do tecido socioeconómico da Vila (Asociacións deportivas e culturais, comerciantes, hostaleiros, entidades sociais, colectivos vulnerables -mobilidade reducida, terceira idade…-), ademáis dunha consulta dixital. Tamén se contou coas aprotacións realizadas por representantes da administración local (Membros do goberno e voceiros dos grupos políticos con representación municipal, persoal técnico e traballadores municipais). Froito desa participación definíronse os usos do futuro edificio.

O Rosal incorpora dúas novas traballadoras ao persoal municipal

0

Dúas novas traballadoras acaban de incorporarse ao persoal do Concello do Rosal a través do programa O teu primeiro emprego da Deputación de Pontevedra. Trátase dunha persoa con titulación de arquitecto que traballará durante os vindeiros meses no departamento de Urbanismo e doutra especializada en administración e finanzas que xa se incorporou ás oficinas xerais do Concello. “Non só é unha oportunidade para contar con novos profesionais no Concello, senón que deste xeito tamén podemos axudar aos mozos e mozas a desembarcar no mundo laboral e a contar cunha experiencia á que sacarán moito partido por todo o que continuarán aprendendo”, salienta a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

Estas dúas persoas contan cun contrato laboral de seis meses prorrogables por outros seis e cunha retribución segundo o estipulado nas bases da convocatoria.

Con esta iniciativa a Deputación de Pontevedra busca facilitar que as persoas tituladas universitarias e de ciclos superiores de formación profesional poidan acceder dentro da provincia a un primeiro emprego parello ao nivel de estudos cursados, adquirindo experiencia profesional e facilitando a súa futura inserción no mercado de traballo.

Curso organizado pola OMIX da Guarda: conversas en inglés para o mes de novembro

0

A Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX) da Guarda organiza un obradoiro de inglés de duración dun mes, coa intención de facilitar un curso no que conversar, aprender ou practicar este idioma, sexa unha actividade divertida e amena.

Se queres practicar o teu inglés este curso dunha maneira áxil e entretida, esta é unha moi boa oportunidade. O obradoiro levarase a cabo durante todo o mes de novembro, os días martes e xoves de 19:30 a 21:30 horas e cun prezo de 20€ por participante.

Para informarte e ter acceso a túa praza podes inscribirte na Oficina Municipal de Información Xuvenil da Guarda, a través do mail [email protected] ou no número de teléfono 676 347 890.

A Policía Local rescata a un veciño maior que camiñaba desorientado pola autovía

A Policía Local localizou a un home de 85 anos de idade, veciño de O Porriño, que circulaba a pé pola Autovía A-52, onte luns, ás 13:40 horas. A través do 112, recibiuse aviso de que un varón, de idade avanzada, camiñaba pola Autovía en dirección Vigo e que corría serio risco.

Os axentes que se desprazaron atopárono camiñando á altura do punto quilométrico 306 comprobando que se trataba dunha persoa maior que ten problemas de demencia, procedendo ao seu traslado e entrega a súa familia que xa estaba a buscalo.

Aínda que o ámbito de actuación das Policías Locais no eido do tráfico restrínxese ás zonas urbanas, non é a primeira vez que axentes do Porriño acoden a atender estas situacións en vías interurbanas, como aconteceu o pasado 5 de setembro deste ano, cun home de 80 anos, tamén veciño porriñés, que sen ningún tipo de roupa camiñaba pola autovía A-55.

Neste senso, dende a Concellería de Seguridade que dirixe Lourdes Moure, fai un chamamento á colaboración da veciñanza para que dean aviso á Policía Local do Porriño que dispón dunha contrastada capacidade de resposta operativa non superior a tres minutos ante calquera urxencia.

Galicia xa supera os 4.500 casos activos por coronavirus

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 4.510, deles 745 son da área da Coruña, 477 da de Lugo, 1.563 da de Ourense, 469 da de Pontevedra, 496 da área de Vigo, 624 da de Santiago, e 136 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 40 están en UCI, 210 en unidades de hospitalización e 4.260 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 22.123 persoas curadas, rexistrándose 790 falecementos. Nas últimas horas rexistráronse dous novos falecementos en centros hospitalarios, trátase de dous homes de 80 e 88 anos, que estaban ingresados no Hospital de Verín. Ambos presentaban patoloxías previas.

O número de PCR realizadas é de 556.927.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Na xornada de onte rexistráronse dous falecementos en centro residencial. Trátase dunha muller de 89 anos na residencia de maiores dos Gozos (Pereiro de Aguiar) e un home de 88 anos na residencia de maiores Val de Monterrei. Ambos presentaban patoloxías previas.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 2021 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos a súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

Catro podios nunha intensa fin de semana de ponte

A escola de ciclismo Avanza fixo fronte a unha intensa fin de semana de ponte, participando nas distintas probas que se levaron a cabo na fin de semana.  Unha pequena delegación desprazábase a primeiras horas da mañá do venres desde as instalación de Tramo Libre camiño da Comunitat Valenciá para disputar dúas xornadas de ciclocross.

Na xornada do sábado unha representación de catro corredores, Uxía Soto, André Martínez, ambos da categoría “cadete”, David Fernández “sub23” e na categoría “elite” Luís Fernández, acudía o concello valenciano de Aiacor para participar na VII CICLO-CROSS AIACOR 2020 na que Uxía conseguía o primeiro podio da fin de semana o subir o mais alto do podio.

Na xornada do domingo desprazáronse ata a localidade de Sueca onde a representación da A.D. Avanza xa contou con mais representantes o incorporarse para participar na primeira proba de copa de España Aroa Otero, Noe Pérez, Martín Sestelo e Marta Estévez. Para primeira proba da Copa de España presentaba un circuíto polvoriñento que o igual que o día anterior en Aiacor de velocidade con largas rectas e viraxes de 180° que obrigada os riders a poñer a proba as súa destreza para afrontar eses cambios de ritmo brutais. A primeira hora da mañá na categoría cadete André Martínez conseguía entrar na terceira posición, acto seguido a categoría cadete fémina cos tres representantes brindaron un gran espectáculo, a pesar de que se lle escapou a primeira posición os integrantes da escola si estiveron presentes con Uxía Soto que conseguía entrar en segunda posición a tan só dez segundos da primeira posición, para a terceira posición Aroa Otero conseguía descolgarse das súas rivais na última volta entrando na terceira posición conseguindo o terceiro podio do día para a escola de ciclismo Avanza. Tamén compre destacar o traballo realizado por Marta Estévez que conseguía rematar en sexta posición rematando as tres integrantes da escola na categoría no top ten. Na categoría Sub 23 David Fernández conseguía entrar no top ten o entrar décimo e na categoría Elite luís Fernández “Oli” remataba decimo cuarto.

Na xornada do luns e devolta en Galicia a A.D. Avanza estaba representada por sete riders das categoría cadete e Júnior no Campionato Galego de CRI que se celebrou na vila Ourensá de Baños de Molgas.

[su_image_carousel source=”media: 22974,22973,22972″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Noventa colectores para a recollida de envases están a ser colocados nas parroquias

0

Noventa novos colectores para a recollida de envases, realizados en material 100% reciclable, están a ser distribuídos estes días polas distintas parroquias de Tui.

O Concello vén de adquirir estes novos colectores co obxectivo de incrementar a recollida selectiva do lixo, neste caso de plásticos e envases, no rural.  Ao longo dos últimos meses incrementouse o número de colectores tanto de envases, coma vidro ou cartón dispoñibles na cidade.

Dende o Concello de Tui faise unha clara aposta pola recollida selectiva do lixo disponibilizando contedores para os distintos materiais, tanto no centro urbano coma no rural. Cómpre lembrar amais a instalación de novos colectores de roupa en colaboración con Cáritas, de aceite usado de cociña, de tapóns para colaborar coa asociación Taporelmun, ou no punto de limpo a posta a dispor de colectores para a recollida de xeringas de uso domiciliario, ou de radiografías. Tamén se aposta pola compostaxe tanto cos composteiros individuais coma a través dos tres centros de compostaxe comunitaria que hai na cidade.