O Concello de Mondariz continúa esta tempada de outono co Cine na Rúa, que xa levou á Praza de Mondariz varios filmes durante os meses de verán. A primeira das proxeccións cinematográficas incluídas na programación cultural de outono 2020 é O que arde, o filme que puxo a Galicia no mapa, con numerosos premios internacionais, e que recentemente vén de ser preseleccionado como un dos tres candidatos a representar a España nos Oscar.
A proxección de O que arde está programada para este sábado, 17 de outubro, a partir das 20:30 horas no auditorio do Centro Social de Mondariz. Ademais, agás impedimentos de última hora, incluirá un coloquio co director, Óliver Laxe, e os actores protagonistas, Benedicta Sánchez e Amador Arias.
Consciente da expectación que pode xenerar a presenza do director e dos actores protagonistas do filme, o Concello de Mondariz vai extremar o control do aforo para garantir que se respectan todas as medidas preventivas que esixe a actual crise sanitaria. “Mentres a situación epidemiolóxica estea estable a nivel local, como ata agora, seguiremos promovendo a cultura na vila porque consideramos que é fundamental para o benestar social da poboación”, comenta o alcalde, Xosé Emilio Barros.
O 50 por cento do aforo requerirá reserva de butaca con identificación a través do teléfono 986 664 333 (horario: L-V, 10-12 e 16-20), permitíndose un máximo de dúas reservas por persoa. O restante 50 por cento do aforo completarase o mesmo día da proxección, a través de entrada libre por orde de chegada. O auditorio do Centro Social de Mondariz abrirá as súas portas ás 20:00 horas.