Luns, 13 Xaneiro de 2025

O Concello de Ponteareas da por rematadas as obras de mellora da eficiencia enerxética na Escola Infantil Municipal

O goberno do BNG-PSOE da un paso máis na consecución dunha vila máis sustentábel cunha obra que permitirá deixar de emitir 33.478 quilos de CO2

O goberno de Ponteareas do BNG e do PSOE informa do remate das obras de rehabilitación enerxética da escola infantil municipal que tiveron un custe total de 104.342,01 €. Con esta iniciativa o goberno “reafírmase nos compromisos de acadar unha vila máis sustentábel, de mellorar os servizos ofrecidos á cidadanía e de traballar por e para a infancia”.

As obras contaron co apoio da Unión Europea e foron financiadas nun 80% polos fondos europeos de desenvolvemento rexional (FEDER) e nun 20 % por fondos propios do Concello.

A concelleira de Benestar Social, Verónica Carrera, explica que grazas á intervención realizada no illamento térmico das fachadas do edificio, “producirase un importante aforro enerxético contribuíndo así na reducción de emisións de CO2 e dando un paso máis na consecución dunha vila máis saudábel”. Concretamente, grazas a esta actuación deixaránse de emitir 33 toneladas de CO2 ao ano.

Con esta actuación, a mellora na eficiencia enerxética posiciónase nun dos estándares máis altos da clasificación fixada pola Unión Europea, que ademais é un dos obxectivos polo que a estratexia Ponteareas, Hábitat Saudábel conseguíu a confianza de Europa.

Este novo esforzo “supón unha importante mellora das instalacións da escola infantil municipal gozando agora dun espazo máis confortábel os nenas e nenos usuarios dando un paso máis no noso compromiso de ser unha Cidade Amiga da Infancia”, sinala Verónica Carrera.

A xestión do Concello iniciada no 2015 permitíu a consecución dos fondos europeos que agora, se materializan, entre outras actuacións na mellora dos servizos ofrecidos á cidadanía, neste caso á infancia e familias, sempre na liña dos obxectivos da estratexia ‘Ponteareas, hábitat saudábel’.