Domingo, 13 Xullo de 2025

Salvaterra aproba a modificación do ICIO que facilita a implantación da empresa Albo na Plisan

O Pleno da Corporación de Salvaterra de Miño aprobou hoxe, cos votos en contra do BNG e a abstención do PSOE, a solicitude de Hijos de Carlos Albo SL para a bonificación do ICIO (Importo sobre Construccións, Instalacións e Obras),  un factor determinante á hora de elixir Salvaterra como ubicación para a súa nova empresa.

O equipo de goberno que preside Marta Valcárcel considera que a creación de postos de emprego “urxe e ten maior importancia que os ingresos directos por parte duns impostos á empresa, que lonxe de confirmar a chegada da conserveira, podería traer consigo unha fuga da mesma cara outro emprazamento estragando a intención  deste Concello de xerar todos estes postos de traballo e garantir un futuro a nosa poboación”.

Cómpre lembrar que a finais do ano 2018 o Concello de Salvaterra de Miño levaba a Pleno a adhesión ao protocolo xeral de actuación entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP para fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia mediante a creación da iniciativa Concellos Doing Business Galicia e, en consecuencia a modificación das ordenanzas fiscais do IBI, IAE e ICIO.

Ante a crecente fuga de empresas cara Portugal o Concello “considerou de vital importancia a adhesión do municipio a este protocolo para darlle saída a riqueza territorial que temos na PLISAN, aproveitando deste xeito os recursos que a mesma ofrece”, explica a alcaldesa Marta Valcárcel.

Naquel momento a iniciativa saíu adiante contando só cos votos favorables  do Equipo de Goberno, xa que a oposición rexeitaba esta modificación “coa única escusa da redución de ingresos por parte do Concello, mentres que o Goberno apostaba pola creación de emprego para os seus veciños e veciñas”, explica a rexedora local.

O paso do tempo confirmou a necesidade de dita bonificación, xa que a situación de crise cobrou por desgraza unha magnitude moi importante. A posta en marcha da PLISAN é clave para a economía local e de toda a comarca, “e se hoxe falamos dunha realidade, como é ALBO isto é gracias ao traballo conxunto das administracións e das facilidades adoptadas por este Concello” apunta a alcaldesa de Salvaterra de Miño.

A instalación de Albo vai suporá, segundo o Concello, “a consolidación de preto de 200 postos de traballo, máis da metade emprego feminino,  e a creación  de 22  novos postos de traballo. Ademais marcará un antes e un despois no ‘efecto chamada’  e atracción de posibles empresas que valoren instalarse na PLISAN”.

O concerto de ‘Quinta Corda’ en sesión vermú pecha a programación de outubro na Guarda

0

O vindeiro sábado día 31 de outubro, ás 12:30 horas, o Concello da Guarda pon o broche final á programación de outubro cun música en directo en sesión vermú na Praza do Reló a cargo do grupo centroeuropeo, residente en Oporto, ‘Quinta Corda’.

A formación trae á Guarda entre o seu repertorio grandes pezas coma As Catro Estacions de Vivaldi, Adagio de  Albinoni, Divertimento de Mozart ou Danza do Lago dos Cisnes de  Tchaikowsky. Sen dúbida un atractivo programa, agradable e sinxelo de escoitar e apto para todos os públicos.

Quinta Corda

Quinta Corda é unha agrupación musical que se presenta en distintas formacións, desde o Trio á Orquestra de cámara, abranguendo así un vasto repertorio que se alastra do barroco ao contemporáneo. Estreouse en 2002 no Mosteiro S. Martinho de Tibães, en Braga na Conmemoración das Xornadas do Patrimonio Arquitectónico, sendo calorosamente recibido polo publico. Ata á data, realizaron un gran número de eventos musicais, como concertos, master clases e festivais en todo o mundo.

  • VIOLÍNS: Sergey Arutyunyan, Larisa Shomina, Alexandre Arutyunyan
  • VIOLA: Iakov Arutyunyan
  • VIOLONCELO: Bruno Fernández

Este concerto forma parte da xira que o Quinteto está a realizar polas diferentes localidade do Camiño Portugués dentro do programa O Teu Xacobeo, promovido pola Xunta de Galicia.

Gonzalo Caballero destaca a “rebaixa histórica” das peaxes da AP-9 con 63,2 millóns de euros a través dos Orzamentos do Estado

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, destacou hoxe que o goberno presidido por Pedro Sánchez “cumpre cunha demanda histórica de Galicia” ao destinar máis de 63,2 millóns de euros a bonificacións e rebaixas na AP-9 a través dos Orzamentos Xerais do Estado para 2021.

En concreto, establécese unha partida con novas bonificacións para a AP-9 que o goberno progresista financiará con 50 millóns de euros, no que supón “a maior rebaixa das peaxes da AP-9 na historia”. Ademais, inclúese tamén a gratuidade do tramo de Vigo ata Redondela, así como do Morrazo a Vigo e entre A Coruña e A Barcala.

“É un feito histórico para a mobilidade en Galicia”, destacou o líder do PSdeG, quen fixo fincapé en que esta medida se suma a unha inversión en Galicia por parte do Goberno de Estado do entorno dos 900 millóns de euros, o que supón unha suba aproximada do 10% sobre o total previsto no proxecto de orzamentos para 2019.

De feito, as contas elaboradas polo goberno dirixido por Pedro Sánchez suman máis de 832 millóns de euros nas inversións territorializadas do capítulo VI para Galicia, ás que cómpre sumar os 63 millóns de euros das bonificacións da AP-9 e outras partidas relevantes doutros capítulos en materia de vivenda ou portos.

“Os orzamentos máis sociais”

Todo isto, no marco dos orzamentos “máis sociais da historia”, cos que suben as pensións para máis de 800.000 galegos e galegas (un 0,8 % as contributivas e un 1,8 % as non contributivas), e cos que aumentarán os fondos para sanidade, educación, dependencia, vivenda e investigación.

“A prioridade nas persoas é o máis importante para os galegos e as galegas”, remarcou Gonzalo Caballero.

A policía local de Tomiño conta xa cun novo vehículo híbrido para a protección do medio ambiente

0

A Policía Local de Tomiño conta dende hoxe cun novo coche patrulla, que lle permitirá desenvolver tarefas de protección medio ambiental. O vehículo ‘Eco’, cun motor híbrido (gasolina electricidade) e tracción 4 x 4, foi entregado na mañá de hoxe á alcaldesa de Tomiño, Sandra González, pola directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, acompañada pola delegada territorial da Xunta en Pontevedra, María Luisa Piñeiro.

No acto de entrega atopábase tamén o portavoz municipal do PP, Esteban González Miranda; o concelleiro de Tráfico, Ismael Troncoso e o xefe da Policía Local, José Ramón Álvarez.

A directora xeral de Administración Local, explicou que o novo vehículo destinarase especialmente a tarefas relacionadas coa protección ambiental, coma vixilancia e conservación do medio ambiente, protección da flora e da fauna, recollida de verteduras, etc. A unidade vén a complementar o parque móbil da policía local que conta con outros dous coches patrulla e unha moto.

A Alcaldesa tivo oportunidade de amosar ás mandatarias da Xunta de Galicia o proxecto da futura Biblioteca Municipal, situada a carón do mercado. A alcaldesa explicou que o edificio da futura biblioteca tamén acollerá servizos municipais como a concellería de cultura, ou a Aula Cemit, así coma o Arquivo Municipal e aulas de formación.

A concentración destes recursos nun edificio permitiría aforros a nivel enerxético e mesmo de xestión do propio edificio, que ao estar tan próximo ao Concello, facilitaría as distintas xestións que teñen que facer os veciños en dependencias municipais.

O concello de Tomiño ten neste proxecto cultural e administrativo a súa máxima prioridade, e solicita que a Xunta de Galicia, ao igual que en outros concellos, colabore a través dun convenio en varias anualidades con esta infraestrutura tan importante para a veciñanza.

Mulleres do rural debateron na Escola María Vinyals da Deputación sobre as carencias que visibilizou a COVID e piden “ser tidas en conta” no debate político

As mulleres do rural da provincia de Pontevedra piden paso, protagonismo e liderado para formar parte “nas decisións” do futuro modelo de desenvolvemento para o territorio, que ten que arbitrarse no proceso de recuperación da pandemia da Covid19. Na xornada “As mulleres e os efectos da Covid-19 na Galicia rural”, organizada pola Deputación de Pontevedra e Fademur, mulleres da agricultura, a gandería, a horticultura e os servizos públicos como a educación no rural, compartiron reflexións sobre a influencia da pandemia nos seus respectivos sectores laborais, avanzaron as súas opinións sobre a saída da crise sanitaria, e reivindicaron “ser tidas en conta” no debate político. De feito, as conclusións desta xornada, enmarcada na Escola de Igualdade María Vinyals da Deputación, serán elevadas ás administracións públicas, ás que instan a integrar ás mulleres no debate do futuro modelo de desenvolvemento que inclúa os novos fondos europeos.

“O mundo está como está –destacou a presidenta provincial Carmela Silva– pero nós non queríamos renunciar a darlle protagonismo ás mulleres do rural”. Neste eido a presidenta, quen cualificou ás conferenciantes como “moi potentes, empoderadas, innovadoras e con grande compromiso co rural”, remarcou que durante a pandemia “tiveron que enfrontarse a situacións moi complicadas” e por iso “teñen moito que aportar dende o coñecemento e a reflexión”. Ao respecto, Silva propuxo e concordou coas mulleres participantes na xornada “elaborar un documento, para facer chegar á Xunta de Galicia e ao Goberno de España, coas conclusións da xornada, onde establezamos o que opinamos as mulleres, por onde cremos que hai que ir, porque hai que construír territorios e facelo en clave feminino. Nós temos moi claro cales son os proxectos de desenvolvemento fundamentais a implantar e debemos ter a capacidade de poñelos enriba da mesa para poder demandar de forma continuada. Se non lideramos isto ninguén vai mirar para nós”.

Carmela Silva: “O mundo rural necesita un cambio de paradigma pero o futuro non será sen as mulleres. Queremos proxectos, recursos e estar no centro das decisións políticas”

Carmela Silva recordou ademais que “todo o mundo di que o rural sen mulleres non ten futuro” pero “estamos fartas desas declaracións de intencións. Queremos recursos e proxectos para poñer en marcha”. Neste eido, a presidenta recordou que “van chegar moitos recursos da Unión Europea” centrados no cambio de paradigma e modelo económico cara “a valores moi ligados ao medio ambiente, cunha repercusión moi relevante no rural, á innovación, coñecemento, cohesión social, loita contra o despoboamento e dixitalización”. Sen embargo, Silva lamentou que “non están contando coas mulleres, non nos preguntan a onde deberían ir eses recursos. Por iso esta xornada é imprescindible, porque as mulleres temos que ter presenza no debate, análise e proposición cara ao futuro inmediato. Temos que estar no centro das decisións políticas”.

A presidenta de Fademur Galicia, Rosa Arcos, que exerceu de moderadora, incidiu en que desde marzo, as mulleres do rural “tivemos que reinventarnos persoal e profesionalmente” e subliñou que soamente coa análise do sucedido “poderemos construír elementos de oportunidade no mundo rural no que queremos vivir”. Neste senso, subliñou que “por primeira vez en moitos anos abriuse unha fiestra de oportunidade que ata agora estivera pechada” e abundou na necesidade de preparar “un proxecto de futuro para o rural”. Nese proxecto, dixo, teñen que ter especial importancia aspectos como a economía verde e circular, o comercio de proximidade e a posta en valor dos proxectos innovadores que están a desenvolver as mulleres neste medio, “onde a necesidade está levándoas a facer un aporte en diversificación importantísimo”. “Ese futuro rural 4.0 –destacou-, ten que ter unha liña estratéxica para apoialas. E outro dos aspectos a ter en conta, segundo manifestou, “é a incorporación da perspectiva de xénero e ruralidade nas políticas públicas”. Lembrou que a violencia de xénero ten un compoñente distinto no medio rural que nas cidades “e os recursos para atendela teñen que ser máis dinámicos e buscando conexión coas familias”.

Pola súa banda, Patricia Rodríguez, socia da Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam), sinalou que o sector da flor cortada foi especialmente afectado por esta pandemia “xa que ao tratarse dun produto perecedoiro, durante o estado de alarma tivemos que tirar toda a mercancía”. Malia isto, a enxeñeira agrónoma amosouse optimista e incidiu na importancia “de facer unha parada e volver a arrancar, temos a capacidade de saír adiante”. Neste eido, enxalzou que gracias á acuBam e ao traballo en conxunto de todas e todos “fomos unha das zonas de toda España que antes conseguimos recuperar as ventas”. Ao respecto, Rodríguez explicou que o confinamento levou á poboación a buscar espazos máis abertos e a coidar os xardíns, “e isto axudounos a amortiguar o golpe”. En canto ao futuro, fixo fincapé en que esta é unha oportunidade para reconstruírnos e para potenciar a economía rural e o produto de proximidade “que fixa a poboación e dá recursos á xente de aquí”. “Hai moitos prexuízos contra o sector primario e a maneira de poñelo en valor é dende a educación, a nosa actividade é fundamental”, concluíu. Patricia Rodríguez leva traballando durante anos pola mellora do sector do campo, pola súa posta en valor e polo recoñecemento do traballo agrario como unha oportunidade de vida de calidade.

Mari Luz García Barreiro, produtora de vacún de carne da raza Rubia Galega de Nigoi (A Estrada), tamén se amosou esperanzadora con respecto ao futuro afirmando que “gracias a esta situación, estou segura que imos saír moi reforzadas”. Amais, durante o acto, Mari Luz García reivindicou que o sector primario “necesita prezos dignos para os produtos e así poder contar cun soldo digno a fin de mes”. García Barreiro, que hoxe conta con máis de 30 cabezas de ganado selecto de rubia galega, é unha das tantas mulleres rurais que continúa traballando

Teresa Domínguez, a directora do Colexio Rural Agrupado de Tui Mestra Clara Torres, que acaba de ser galardoado como Escola do Ano pola súa dinamización do sector rural nos Premios da Fundación Princesa de Girona, incidiu na fenda dixital que ao seu xuízo puxo de relevancia a pandemia no eido educativo. Explicou que no caso do seu centro, a atención ás crianzas e familias foi durante o confinamento maioritariamente a través de whatsapp polas limitacións e destacou “a retroalimentación” que recibiu das familias neses momentos. Pero a nivel xeral lamentou que seis meses despois, “paréceme que non fixemos a suficiente; non aprendemos da lección, da oportunidade que tivemos para mellorar e avanzar e estamos quedando atrás”. Por esta razón, puxo como tema primordial na axenda dese futuro do rural a solución a esta fenda dixital, “que hai que rachar si ou si”, amais da necesidade de que a contorna rural poida ter as mesmas “oportunidades de cultura”: “Se eu teño oportunidades de cultura, educación, comercio de proximidade, podo vivir no rural como elección”. E, por último, tamén se referiu ao obxectivo de acadar a rotura do teito de cristal que sofren as mulleres e á necesidade de mellorar o sistema educativo, comezando co proceso de selección: “Somos moi competentes nun temario pero hai certos elementos que ten que ter calquera persoa que se dedique a un servizo público que non están nun temario”.

A Deputación lanza un libro pioneiro sobre a historia do Castelo de Soutomaior desde a súa orixe ata a actualidade

A Deputación de Pontevedra e a editorial Alvarellos lanzan un libro pioneiro sobre a historia do Castelo de Soutomaior, dende a súa orixe ata a actualidade, que xa está á venda en librerías de Galicia, Madrid e Barcelona e que pode consultarse en galego, castelán e inglés.  “O castelo de Soutomaior. Un lugar cheo de historias”, do historiador e arqueólogo Diego Piay, presenta documentos, planos, fotos e imaxes inéditas e descoñecidas ata a data, e inclúe na contraportada un gravado de Carmen Babiano Méndez-Núñez.  Aínda quen non é o primeiro libro sobre a historia do castelo, porque este foi escrito por María Vinyals en 1904, si se trata do único que recolle a evolución do castelo ata hoxe e emprega todas as fontes de investigación dispoñibles na súa elaboración.

“O castelo de Soutomaior. Un lugar cheo de historias”, que tamén se pode mercar no propio Castelo de Soutomaior, traza un percorrido polo recinto histórico dende o século XII ata a actualidade, acompañado de máis dun cento de fotografías e documentos, como ilustracións e planos, moitos deles inéditos. Trátase dunha obra ilustrada que está enriquecida con anécdotas e informacións tamén descoñecidas ata hoxe e que o converten en pioneiro ao empregar todas as fontes dispoñibles (hemerotecas, bibliografía e mesmo fontes orais) para reconstruír a historia. Deste xeito o exemplar ofrece un documento completo que permite ás persoas que se queren achegar ao castelo dispoñer da ampla historia que os seus muros encerran.

Amais da evolución histórica do Castelo de Soutomaior, a través deste volume pódese afondar en cuestións como a “historia da pantasma”, “as portas da capela”, o cadro de Sorolla de “San Jorge e o Dragón” ou sobre o tempo no que Alberto Dopazo ou Eugenio Carlos e Hostos y Ayala foron os seus propietarios. Tamén percorre historias relacionadas con visitantes ilustres que acudiron á fortaleza e que situaron ao castelo como centro político e cultural nos séculos XIX e XX.

O autor da publicación, Diego Piay, é licenciado en Historia coas especialidades de Arqueoloxía e Historia Antiga. Exerce como profesor de Historia Antiga na Universidade de Oviedo e conta cunha experiencia de máis de 20 anos de arqueólogo, dirixindo intervencións en Pompeia ou Piazza Armerina. Piay é tamén autor de libros como “Prisciliano. Vida y muerte de un disidente en el amanecer del Imperio Cristiano” e “María Vinyals, a muller do porvir. Sete vidas á sombra dun castelo”, tamén promovido pola Deputación de Pontevedra.

A Consellería de Sanidade informa á alcaldesa que O Porriño acadou os 46 positivos

A alcaldesa do Porriño, Eva García considera que a situación sanitaria do Porriño polo número de infectados pola Covid-19 “é verdadeiramente preocupante“, segundo valorou despois de recibir este mediodía datos concretos sobre a incidencia actual da pandemia no concello. O número de persoas infectadas ata onte é de 46 das que 19 son contaxios acaecidos entre o luns (12) e martes (7).

O Porriño permanece dende hai catro días no grupo de concellos en alerta vermella polo número de contaxios en relación coa a súa poboación.

A alcaldesa explicou que o Concello “adoptou medidas a maiores por que sabemos que hai sitios onde a xente non garda a distancia de seguridade. Foi a razón pola que pechamos os parques infantís; non `polos nenos senón polos maiores; ou a razón pola que ordenamos que as competicións deportivas sexan a porta pechada”.

Eva García engadiu que “sei que ás veces é difícil de aceptar esas medidas pero eu como responsable do que ocorra no concello do Porriño teño que tomar esas decisións para velar pola saúde de todos“.  

A Xunta licita a restauración da igrexa de Santo Estevo de Negros en Redondela

0

A Xunta de Galicia vén de licitar a obra de restauración da igrexa de Santo Estevo de Negros, no concello de Redondela, unha intervención que ten como obxectivo resolver os problemas de estanqueidade e ventilación deste templo, que data do século XIX e ten consideración de ben catalogado.

Cun orzamento de licitación de 61.816,35 euros, o programa de necesidades inclúe o cambio completo de cuberta da nave da igrexa. No caso da cubrición do cabido, ademais de renovala modificarase a súa pendente, co fin de mellorar a evacuación de augas pluviais. Así mesmo mudaranse as fiestras por outras novas con perfís de aceiro inoxidable mate que incorporen ventilación permanente.

A actuación inclúe tamén a substitución da marquesiña de chapa metálica do acceso á sancristía por unha nova con estrutura de madeira e tella.

Con esta restauración a Consellería de Cultura, Educación e Universidade porá solución a algúns dos problemas derivados da última intervención neste ben, no ano 2002, cando se substituíron todas as cubertas e se construíu un cabido sobre columnas cadradas, cuxa cuberta foi executada con menos pendente da orixinal, que resultou moi escasa para a correcta evacuación das augas de choiva. Ademais, as solucións de cubrición adoptadas naquel momento resultaron non ser axeitadas.

A maiores de resolver a entrada de auga e a ventilación, o fin último desta obra é  a posta en valor deste ben para que poida ser empregado como recurso para o desenvolvemento sustentable e a promoción socio cultural, laboral e económica do ámbito territorial no que se atopa, aplicando criterios e políticas de actuación que persigan, ademais, o desenvolvemento local, a creación ou promoción do emprego e o respecto polo medio ambiente.

Aposta decidida en Patrimonio

A actuación levada a cabo en Redondela enmárcase no importante compromiso por parte da Administración autonómica  desde o punto de vista do patrimonio cultural. Así, nos últimos meses púxeronse en marcha diferentes actuacións na provincia de Pontevedra entre as que se inclúe, ademais da igrexa de Santo Estevo de Negros, a restauración da igrexa de Santa María de Baiona, rematada recentemente e que contou cun investimento de 455.000 euros, ou a rehabilitación de Santa María a Maior de Pontevedra, con 275.000 euros.

O PP da Cañiza denuncia que non se inclúan partidas para educación, sanidade e emprego nos orzamentos da Cañiza

0

O Partido Popular denuncia que o Goberno local, co apoio de Ciudadanos, acaba de aprobar inicialmente os orzamentos de 2020 para o Concello da Cañiza con partidas baleiras para educación, sanidade, axudas para autónomos e empresas ou para o fomento do emprego, pero pola contra o documento si contempla a subida de soldos para todo o equipo de goberno.

Foi no pleno extraordinario que se celebrou onte luns, pleno no que a xuízo dos populares, “deberían aprobarse os orzamentos para o ano 2021, non os deste ano que está a piques de rematar”. Así o sinala o voceiro do PP local, Miguel Domínguez, que lamenta que tanto o PSOE como Ciudadanos votasen non ás emendas aos orzamentos que presentou o PP, e que, entre outras, contemplaban partidas para dotar de equipos informáticos e de conectividade ao alumnado con menos recursos; para mercar material sanitario para minorar o gasto económico dos máis vulnerables; axudas a autónomos e empresarios que se viron afectados economicamente pola COVID-19; ou para formación e o fomento do emprego.

“Do que si se acordaron foi de camuflar a segunda subida dos soldos dos membros do goberno no que levamos de mandato”, explica o popular, e por iso, “Piña ten tanto interese en aprobar a estas alturas uns orzamentos sen partidas para crear servizos para os veciños”. Unha subida de soldos que, engade, os membros do goberno levan cobrando desde o mes de xaneiro e por iso precisaban aprobar si ou si orzamentos este ano, porque no documento anterior non estaba reflexado. Polo tanto, “Piña e ciudadanos votaron onte non ás partidas presupuestarias para dar servizos aos veciños e si á unha segunda subida dos seus soldos desde xaneiro de 2020. Unha cortina de fume, unha pantomima máis dun goberno que os veciños non merecen”.

Ademais, no documento que aprobaron onte tamén se inflan os ingresos. Así, sinalan que no apartado de ingresos da entidade procedente de IBI, increméntase en 155.985,00 € con respecto ás previsións de 2019, increméntase o IVTM en 30.000,00 €, e o IAE en 20.000,00 €. “Isto faise sen ningún tipo de explicación na memoria realizada polo alcalde, cando estes números corresponderíanse aproximadamente coa alta de 500 inmobles novos, 400 novos vehículos máis e que a facturación das empresas da Cañiza se incrementase un 22% no ano 2020, cando todos sabemos que por desgraza, isto non é así”.

As Neves impulsa, da mán da Deputación, un proxecto educativo de fomento da igualdade de de oportunidades e prevención da violencia de xénero

0

A concelleira de Ensino, Pilar González Casas, visitou os centros educativos das Neves, xunto coa coordinadora da empresa Talentea, coa finalidade de presentar ás direccións correspondentes as actividades a desenvolver dentro do proxecto de intervención socio-educativa para o fomento da igualdade entre o alumnado. Proxecto que se financiará cunha
subvención da Deputación de Pontevedra destinada ao fomento de igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero.

Estas actividades desenvolveranse no mes de novembro e están dirixidas ao alumnado do 2º ciclo de Educación Infantil do CEIP Marquesa do Pazo da Mercé e das escolas unitarias de Rubiós e Taboexa. Serán sesións de contacontos e obradoiros ou xincanas nos que se traballará arredor do tema “Na casa tod@s iguais”.

Con esta acción, complétase todo o alumnado do colexio, xa que no mes de marzo os alumnos e alumnas de Educación Primaria participaron nunha iniciativa na que traballaron sobre a corresponsabilidade de xénero; actividade que fora financiada con fondos do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

O alumnado de Secundaria do IES Pazo da Mercé traballará co concepto de “novas masculinidades”, contando co apoio dun grupo de representantes do Comando de Igualdade e Diversidade que xa existe no centro e da profesora de Educación Plástica, Visual e Audiovisual.

Por último, os alumnos e alumnas de Bacharelato, FP Básica e Ciclos Medios, faranse varias charlas participativas arredor do tema “Falemos de sexo”. A concelleira subliña que “trátase dun programa completo co que se aposta pola educación na igualdade, en todas as idades”.

Alcánzanse xa os 7.535 casos activos por cononavirus en Galicia

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 7.535, deles 1.285 son da área da Coruña, 743 da de Lugo, 1.414 da de Ourense, 785 da de Pontevedra, 1.502 da área de Vigo, 1.186 da de Santiago, e 620 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 62 están en UCI, 392 en unidades de hospitalización e 7.081 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 26.034 persoas curadas, rexistrándose 882 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 654.482.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Casos, os propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións.

Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

Nigrán controlará, mediante gardas de seguridade nos cemiterios municipais, o correcto desenvolvemento do Día de Defuntos

0

O Concello de Nigrán contratará gardas de seguridade para que controlen o correcto desenvolvemento do Día de Defuntos nos seus cemiterios municipais (Parada e Nigrán) e establecerá medidas adicionais para que a xornada transcurra con normalidade. O obxectivo é evitar calquera probabilidade de transmisión da enfermidade nun día no que, tradicionalmente, se establecen moitos contactos sociais e con gran carga sentimental para as familias.

“Velaremos porque se cumpran as medidas extraordinarias ditadas pola Consellería de Sanidade para este día e, ao mesmo tempo, facemos un chamamento á veciñanza para que esparexe as visitas entre toda esta semana co fin de evitar grandes concentracións o domingo”, sinala o alcalde, Juan González. O Concello elaborou cartelería específica con este protocolo da Xunta e a instalará na entrada dos cemiterios, entre as normas figura non acudir grupos de visita de máis de 4 convivintes e permanecer un máximo de 30 minutos (ao marxe continúan vixentes o resto de medidas xerais). Igualmente, o Concello dotará de dispensadores de xel hidroalcohólico a pedal as entradas dos dous cemiterios municipais (as comunidades de propietarios dos camposantos privados poden solicitar estes aparellos e a cartelería específica co protocolo a [email protected] antes deste venres).

Como cada ano, o consistorio adornará para a ocasión con flores de tempada os dous camposantos. Ademais, o Cemiterio Municipal de Nigrán (San Fiz) abrirá este día coas obras de ampliación de 20 novos nichos recén rematadas. O Concello investíu preto de 50.000 € na construción de novas sepulturas, aseos accesibles e almacén.

Baiona celebra el Samaín con un espectáculo interactivo infantil en la carpa instalada en la plaza del Concello

0

El próximo sábado, 31 de octubre, la carpa instalada en la plaza del Concello de Baiona acogerá a las 18:00 horas el espectáculo interactivo infantil ‘A Bailar Esqueletes’, a cargo del grupo Animar-T; una actuación llena de miedo, magia, cantajuegos y muchas sorpresas más. Esta actividad se realiza con motivo de la celebración del Samaín y está enmarcada dentro del BaiOutono, programación realizada por la Concejalía de Cultura.

Desde el Concello de Baiona se manda un mensaje de tranquilidad a la ciudadanía ya que se van a poner las medidas de seguridad y preventivas necesarias, cumpliendo la normativa marcada por la Consellería de Sanidade de la Xunta de Galicia. El objetivo general es reducir al máximo el riesgo de contagio y transmisión de la pandemia a la vez que se disfruta de la oferta cultural.

El objetivo es proporcionar actividades de ocio a los vecinos y vecinas y visitantes en un entorno seguro y, para ello, el acceso y el aforo estará limitado según la normativa vigente y se tomarán todas las medidas de seguridad pertinentes.

O Concello da Guarda informa á cidadanía sobre as medidas de prevención relacionadas coa situación sanitaria

0

Vistos os últimos documentos publicados polas administracións en relación coas medidas pola situación sanitaria, o concello da Guarda fai un resumo daquelas medidas de obrigado cumprimento e recomendacións extraídas deses documentos e facendo especial fincapé nunha data especial, como a do 1 de novembro, festividade de Todos os Santos.

Medidas organizativas ante a festividade de todos os Santos e Defuntos. Tendo en conta as recomendacións das autoridades sanitarias e en coordinación cos párrocos das parroquias da Guarda fanse as seguintes recomendacións en relación ás visitas aos cemiterios:

  • Respectar un aforo máximo dunha persoa por cada catro metros cadrados.
  • Establecer un máximo de 4 persoas por grupo de visitas do mesmo grupo familiar/convivintes.
  • A duración das visitas deberá ser o máis breve posible e nunca superior a 30 minutos.
  • Débense evitar aglomeración tanto nas entradas como no interior dos cemiterios.
  • Realizar os adecentamentos dos nichos e tumbas, nos días previos ao 1 e 2 de novembro.
  • De ser posible, visitar os cemiterios os días anteriores e posteriores á celebración do día de todos os Santos o 1 de novembro.
  • Os contedores para depositar os residuos xerados deben permanecer abertos para evitar a súa manipulación.
  • Débense observar sempre as debidas medidas de hixiene de máns, co uso de hidroxel; e respiratoria, co uso das máscaras. Tamén se deben observar as medidas de distanciamento interpersoal.

Cuestións a ter en conta con motivo da declaración do estado de alarma e da volta a fase dous da desescalada

En primeiro lugar sinalar que a autoridade competente aos efectos do estado de alarma é o Goberno da Nación, pero que en cada comunidade autónoma a autoridade competente delegada será a que ostente a presidencia da comunidade, no noso caso a Xunta de Galicia.

Durante o período comprendido entre as 23:00 e as 6:00 h non se poderá circular polas vías ou espazos públicos excepto para as seguintes actividades:

  1. Adquisición de medicamentos, produtos sanitarios e outros bens de primeira necesidade
  2. Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios
  3. Asistencia a centros de atención veterinaria por motivos de urxencia.
  4. Cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais, institucionais ou legais
  5. Retorno ao lugar de residencia habitual tras realizar algunhas das actividades permitidas
  6. Asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.
  7. Por causa de forza maior ou situación de necesidade
  8. Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada.
  9. Repostaxe en gasolineiras ou estacións de servizo, cando resulte necesario para a realización de algunha actividade permitida.
  • O tamaño dos grupos de persoas non convivintes para calquera actividade ou evento familiar ou social será como máximo de 5 persoas.
  • Suspéndese o mercadillo do próximo sábado día 31 e manterase esta suspensión mentres permanezan as medidas restrictivas impostas pola Xunta de Galicia. 
  • Os establecementos, locais comerciais e profesionais non deberán superar un cincuenta por cento da súa capacidade total
  • Nos establecementos que teñan atención ao público deberán prestar servizo preferente aos maiores de 75 anos
  • Os establecementos de hostalaría e restauración non poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade para consumo no interior do local. Nestes establecementos non está permitido o consumo na barra.

Dende o concello da Guarda subliñan que “evitar a propagación da pandemia é responsabilidade de todos e cada un de nós, debemos tomar todas as medidas de protección e hixiénicas individuais recomendadas para evitar un agravamento da situación”.

A ‘contacontos’ Bea Campos estará hoxe na bliblioteca de Ponteareas

Dentro das actividades programadas no ‘Mes da biblioteca’ de Ponteareas, a contacontos Bea Campos estará hoxe ás 18 horas na Biblioteca Pública Municipal da rúa Perillana para facer da tarde un mundo divertido cheo de creatividade co seu relato ‘Unha manchea de contos’.

Debido as restricións pola Covid o aforo é limitado e para participar haberá que anotarse previamente no teléfono da biblioteca 986 660765 ou no enderezo [email protected]

Un traballador resulta ferido nun accidente en Ponteareas

En Ponteareas, ao redor das 17:00 horas de onte, un particular solicitaba ao 112 Galicia unha ambulancia para a parroquia de Bugarín, en Ponteareas. Indicaba que un operario acababa de ser golpeado por unha póla dunha árbore mentres traballaba no monte. Con todo, aseguraba que o ferido estaba consciente.

A partir de ai, os xestores do 112 Galicia alertaron de inmediato ao Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Tamén foron avisados os axentes da Garda Civil, da Policía Local  e os efectivos de Protección Civil da localidade.

Nada mais chegar ao punto, os efectivos de Protección Civil confirmaron que evacuaran ao ferido ata onde o agardaba unha ambulancia medicalizada e que, posteriormente, trasladou ao operario ata o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.

Tamén, en Ponteareas, unha persoa particular informaba ao 112 Galicia, sobre as 18:30 horas, da caída dunha árbore ao seu paso pola N-120, concretamente, na subida a Vilasobroso, en San Lourenzo de Oliveira. Indicaba que a árbore caera sobre a estrada e que ocupaba o carril dirección Ponteareas, pero que non estaba ferido.

Decontado, desde o 112 Galicia informouse dos feitos á Garda Civil de Tráfico , á Policía Local e a Protección Civil. Do mesmo xeito, requiriuse a colaboración do persoal do servizo de mantemento da estrada.

Os axentes comunicaron ao 112 que foi precisa a interrupción ao tráfico no punto quilométrico 640 da N-120, mentres os operarios acondicionan a vía. 

Gondomar achega preto de 10.000 euros ás ANPAS dos colexios do municipio

0

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, subscribiu esta semana os convenios de colaboración que o Goberno local, a través da concellería de Educación, mantén anualmente coas Asociacións de Nais e País (ANPAS) dos centros educativos públicos do municipio, cunha dotación total de 9.900 euros.

A firma enmárcase dentro da política do executivo de facilitar as ferramentas e medios posibles ás entidades de carácter social ou comunitario que coa súa actividade redundan en beneficio dos veciños e veciñas de Gondomar.

[su_image_carousel source=”media: 23991,23990,23988,23987″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

Neste caso, aténdese un sector importante como é a educación das novas xeracións, tal e como lembra o rexedor, que engade que se fixo o esforzo de incrementar as partidas respecto ao ano pasado porque “sen dúbida toda axuda para afrontar a volta ao cole neste momento que vivimos é necesaria e as administracións debemos estar aí, na medida do posible”.

Así subscribiron o convenio as representantes das Anpas dos Centros de Educación Infantil e de Primaria (CEIP) Xosé Neira Vilas, Souto Donas, Chano Piñeiro e Serra de Vincios, que recibirán unha subvención de 2.100 euros cada unha delas. Este ano súmase o ANPA do Colexio Rural Agrupado ‘Antía Cal’ que por primeira vez subscribiu o convenio anual co concello, dotado con 1.500 euros.

Deputación e CSIC asina un convenio para a posta en valor do laboratorio arqueolóxico do Pazo de Liñares

“A posta en valor dos recursos do patrimonio ligados á arqueoloxía é un eixo prioritario para nós” asegurou a presidenta da Deputación na presentación do novo proxecto para a posta en valor do Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico do Pazo de Liñares, en Lalín, que estará liderado polo CSIC a través do INCIPIT (Instituto de Ciencias do Patrimonio). Deste xeito, Carmela Silva, acompañada telematicamente da vicepresidenta de Organización e Relacións Institucionais do CSIC Rosina López; dos alcaldes de Lalín e Cuntis, José Crespo e Manuel Campos; da concelleira de Cultura de Silleda, Mónica González; e no Pazo provincial do delegado do CSIC en Galicia Antonio de Ron e do director do INCIPIT Felipe Criado, deu a coñecer as principais liñas “mestras” deste convenio que vai afondar na cultura castrexa no primeiro milenio Antes da Nosa Era (ANE), concentrando a investigación nas contornas e no interior dos castros de Bendoiro (Lalín), Castrolandín (Cuntis) e Montaz (Silleda), e converter ao Pazo de Liñares “nunha referencia”.

En concreto, a presidenta explicou que o convenio entre co CSIC, a través do cal a Deputación vai achegar 55.000 euros, vaise centrar na prospección e escavacións de sondaxes en Bendoiro (Lalín), Castrolandín (Cuntis) e Montaz (Silleda), realizando un estudo arqueometalúrxico de materiais, elaborando un Plan Director e impulsando actividades de comunicación, formación e difusión. A vixencia deste primeiro acordo, tal e como detallou Silva, é dun máximo de 8 meses, durante os cales “vaise realizar un Plan Director que contemplará os criterios e procedementos para planificar as actuacións prioritarias que imos executar dende a Deputación no marco desta colaboración nas próximas anualidades”. Xunto a esta actuación, o convenio inclúe unha caracterización detallada da morfoloxía dos tres castros e da súa contorna, unha prospección superficial e xeofísica do interior e contorna dos lugares, documentación e produción de modelos 3D, estudo piloto da metalurxia recuperada nas escavacións realizadas nos últimos anos pola Deputación de Pontevedra, actividades científicas, formativas e divulgativas, así como un estudo arqueometalúrxico de materiais recuperados en Bendoiro e sondaxes valorativas en Castrolandín (Cuntis).

O acordo, que xurdiu nunha reunión mantida entre a presidenta da Deputación e a do CSIC, está vertebrado arredor do patrimonio arqueolóxico. “O noso patrimonio –asegurou Carmela Silva- ten que ser conservado porque forma parte do que somos, do que fomos e do que queremos ser e porque tamén ten un enorme valor para o turismo sostible. Todos os estudos falan de que o novo turismo pasa por este tipo de oferta e nos cremos profundamente nela, moito máis agora que esta pandemia pon diante dos nosos ollos un cambio de paradigma centrado na sustentabilidade e nunha oferta turística diferenciada”. Neste eido a presidenta subliñou o “valor arqueolóxico indubidable” do patrimonio da provincia, “un dos máis potentes do Estado”, e destacou a importancia do Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico de Liñares, cun laboratorio tan “potente” que “soamente podía ser o CSIC o que se involucrara a través deste proxecto”. Tamén aproveitou para reivindicar a necesidade de “recuperar o público porque se as administracións non estivesen comprometidas coa recuperación e investigación do patrimonio hoxe teríamos perdido moito”.

Pola súa banda, a vicepresidenta de Relacións Institucionais do CSIC, Rosina López puxo en valor a suma de esforzos interinstitucionais que está a permitir que “en seis meses temos avanzado en diferentes campos, desde a biodiversidade ata este que ten que ver coa protección dos bens arqueolóxicos da provincia”. López agradeceu “a confianza da Deputación no CSIC” e amosou a “disposición a seguir traballando”, algo no que tamén incidiu o delegado en Galicia, Antonio de Ron. No que respecta aos traballos en si a desenvolver, o director do INCIPIT Felipe Criado subliñou o “pracer que supón para o CSIC contribuír a reforzar una liña de acción pioneira que hai anos comezou a desenvolver a Deputación, cunha investigación a carón dos concellos para contribuír ao desenvolvemento dun turismo sostible, alleo á masificación, e centrado no patrimonio castrexo”.

Os alcaldes de Lalín e Cuntis e a concelleira de Cultura de Silleda mostraron o seu agradecemento pola posta en valor dos xacementos dos seus concellos, ao igual que o feito de dispor de “boas noticias nestes momentos complicados”. José Crespo, alcalde de Lalín, agradeceu á presidenta o compromiso con Liñares: “vostede dixo fai un ano que estaba traballando co CSIC para poñer en valor o Pazo e hoxe xa é unha realidade”. Desde Cuntis, o alcalde Manuel Campos incidiu na importancia que ten a arqueoloxía dende o punto de vista turístico e, a concelleira de Cultura de Silleda remarcou a “riqueza arqueolóxica desta zona”, na que tamén se sitúa o castro de Toiriz, no que xa está a actuar a Deputación de Pontevedra.

Gonzalo Caballero, “non merecemos un presidente da Xunta que diga que defender a saúde da xente é demoledor”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, amosou hoxe a súa “perplexidade” ante a nova “irresponsabilidade” de Feijóo ao dicir que “é demoledor” aprobar o estado de alarma para afrontar con garantías xurídicas a segunda vaga da covid. “Non merecemos un presidente da Xunta que diga que defender a saúde da xente e demoledor”, sentenciou, e reclamou que Feijóo “estea á altura” das circunstancias.

Cando se cumpren 43 anos da firma dos Pactos da Moncloa, Gonzalo Caballero remarcou a importancia dos acordos políticos nun momento no que o país está tendo que facer fronte a unha crise “de máis envergadura e de máis profundidade” que a dos anos 70. “Todos os responsables políticos teñen que colaborar e contribuír para unha saída desta crise na que ninguén quede atrás”, defendeu.

Precisamente por iso, o líder do PSdeG censurou que Feijóo apareza como “o líder autonómico que xera máis conflito” e que fai as declaracións de “maior gravidade”. “Cando os contaxios están en máximos, o presidente non pode seguir neste exercicio de irresponsabilidade”, sinalou, consciente de que “o demoledor é non ser quen de controlar a pandemia, ter máis de 600 contaxios ao día, ter afectadas as residencias de maiores…”.

Así pois, Gonzalo Caballero instou a Feijóo a abandonar “a estratexia de confrontación” co goberno e a “exercer as súas competencias reforzando a sanidade pública e as políticas sociais e protexendo a economía do país, que está tendo moitas dificultades nesta segunda onda da pandemia”. “Pedímoslle ao presidente da Xunta que rectifique, que deixe de crispar e se poña a cooperar”, remarcou, antes de requirir a súa comparecencia no Parlamento.

Ademais, ante as palabras de Feijóo respecto da crise reputacional que supón para o país a aprobación do estado de alarma, o máximo dirixente do PSdeG subliñou quei “non hai peor efecto” para a reputación dun país que “non tomar todas as medidas que sexan necesarias para loitar contra a propagación do virus”. “Ten que ter responsabilidade, sentido común e vontade de cooperación”, advertiu.

De feito, Gonzalo Caballero recordou que todos os países europeos están tomando “medidas análogas”, como ocorre en Portugal co estado de calamidade; en Francia, co toque de queda e a emerxencia sanitaria; en Italia co estado de alarma ou no Reino Unido coa emerxencia nacional. “Parece que Feijóo non entende que esta segunda vaga da covid é moi grave e que veñen por diante meses complicados”, apostilou.

Neste escenario, lamentou a “pouca información” que a Xunta está facilitando aos grupos parlamentarios e demandou unha comparecencia do presidente para informar sobre a evolución da pandemia en Galicia. “Pedimos información e responsabilidade”, concluíu, “e tomar todas as medidas para protexer á xente”. “Sen saúde non hai actividade económica nin actividade social”, finalizou o voceiro socialista no Parlamento.

Ponteareas inviste máis de 200.000 euros en obras de renovación dos parques infantís

O alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, deu conta hoxe das obras de renovación dos parques infantís que está acometendo o Concello, tanto no núcleo urbano como nas parroquias. En varios parques os traballos consisten na renovación total como na Praza Maior ou na área recreativa da Freixa, entre outros moitos.

Entre as obras xa acometidas e as previstas ata finais de ano, o investimento destinado á renovación total ou parcial dos parques infantís superará os 200.000 euros. Son obras de mellora dos xogos pero tamén de renovación do chan de seguridade nun total de 16 áreas infantís.

“As actuacións que estamos a realizar permitirán adecuar os espazos urbanos e rurais de xogos, con seguridade e facer máis atractivos os parques para os máis cativos” manifestou Xosé Represas.

Son obras financiadas con cargo ao Plan Concellos da Deputación Provincial así como con fondos propios. Entre os parques nos que se renovaron os xogos, pero teñen pendente de executar nas vindeiras semanas o adecentamento do chan figuran, o parque das Pombas e o parque infantil do Conservatorio.

Pola súa parte, no rural tamén se continúa coa renovación dos parques infantís existentes, e despois da renovación completa dos parques de Guláns, xunto ao Centro Cultural da Avisoureira, e o da parroquia de Arcos, tamén xunto ao centro cultural, renovaronse os parques infantís de Guillade, Ribadetea, Angoares, Arnoso, Cumiar, unha nova instalación en Moreira e o parque situdado na contorna de Pardellas, entre outros.

O Concello de Nigrán iluminouse esta noite de laranxa para conmemorar o día adicado ao TDH

0

O Concello de Nigrán iluminouse esta noite de laranxa polo día adicado ao TDAH (Trastorno por Déficit de Atención) co obxectivo de visibilizar este trastorno e mostrar a súa solidariedade cos afectados e as súas familias. O TDH é un trastorno neurobiolóxico de carácter crónico, sintomáticamente evolutivo e de transmisión xenética, en moitos casos.

Afecta a un 5-7% da poboación infantil, en idade escolar, chegando incluso á idade adulta, en aproximadamente un 60% dos casos. A iniciativa foi pedida ao Concello por ANHIDA, a primeira asociación nacida ao respecto en Galicia (2004) con sede en Vigo e fundada por un grupo de pais con fillos afectados por TDAH para defender os seus dereitos, darlles atención especializada e mellorar a súa integración social.

Ponse en marcha QueroTui un proxecto que pon en valor o local dende o local

0

Hoxe presentouse a través das redes sociais o proxecto “Quero Tui” que parte co obxectivo de pór o valor o comercio, a hostalería e o produto local. É unha iniciativa promovida polo Concello de Tui a través da concellería de Comercio que busca implicar a poboación tudense nunha aposta polo noso.

A través de redes sociais propias en Facebook e Instagram Quero Tui levará cabo distintas iniciativas para a visibilización do sector comercial tudense ante os retos aos que se enfronta. O comercio, a hostalería, o mercado semanal, os produtores locais serán o eixo de parte das accións previstas. Amais persoas relevantes da vida social, cultura e económica de Tui súmanse a esta campaña amosando o seu apoio.  Tamén se aposta pola formación coma unha das claves para afrontar os retos de futuro.

A concelleira Comercio, Ana Núñez, explica que o proxecto QUEROTUI “ten como finalidade converterse nunha marca de referencia que dea visibilidade ao noso comercio local en xeral, pondo en valor os produtos vendidos ou fabricados na nosa cidade, pola nosa xente”. Engade a concelleira que “é un proxecto de tod@s para tod@s porque é xuntos como temos que continuar resistindo”. Indica que “os e as tudenses fomos exemplares na xestión desta pandemia, un orgullo desta cidade e agora volveremos a selo para recuperarnos entre todos o antes posible”.

Nesta iniciativa explica a concelleira que están convidados a participar tamén unha serie de persoas relevantes da vida social, cultural e económica de Tui, sen as que a cidade non sería o mesmo. Así baixo o lema “TUI EN PERSOA” nas redes sociais compartiranse as mensaxes do alcalde, Enrique Cabaleiro, de deportistas da talla de Quique Miguez ou Manu Garrido, artistas como Samuel Diz, Laura Villaverde ou Ángel Sánchez o historiador Suso Vila, a xornalista Eva González, os escritores Marga do Val ou Rosendo Bugarín, referentes como Antón Corral, Mª Teresa Domínguez, entre outros moitos así coma a empresarios e empresarias de éxito da nosa cidade. Engade Ana Núñez que obxectivo é “crear entre todos diálogo, apoio, consellos, colaboracións e ideas” de tal xeito que todos poidamos aportar o noso gran de area pola economía da nosa contorna.

Outra da accións previstas é “QUEROCOMERCIO”, que permitirá coñecer mellor aos comercios e aos comerciantes da cidade dando apoio e cobertura á súa comunicación dixital, quen son e que fan.

Igualmente porase en valor os produtos de cercanía incidindo e compartindo o valor do local a través de “MERCA EN TUI”. No mesmo incidirase na alimentación, os seus produtos e de onde veñen, os produtores locais, a calidade de Tui.

Con “QUEROHOSTALERIA” percorrerase a vida diaria da hostalería de Tui e os seus protagonistas.

Tamén chegará “MERCADILLEANDO” cunha inmersión no mercadillo máis seguro de Galicia, asistindo a cómo se poden facer as cousas ben e con responsabilidade antepondo a saúde e traballando con garantías.

Outra das acción previstas ten por obxectivo a promoción e posta en valor da plataforma de comercio electrónico dos comercios locais www.etui.es Este mercado en liña é a aposta do comercio local pola dixitalización, adaptación aos novos tempos e novos hábitos de compra.

Tamén se desenvolverá un programa de formación especifico QUEROFORMACIÓN, co que brindar as ferramentas e coñecementos para afrontar os novos retos do mercado, e camiñar cara a transformación e dixitalización que precisa o comercio local.

O Porriño iniciou hoxe os actos do ‘Ano Arquitecto Antonio Palacios’ para dar a coñecer a obra do arquitecto porriñés

Coa colocación dunha coroa de dalias brancas e loureiro no cemiterio municipal, o Concello do Porriño deu inicio aos actos do ‘Ano Arquitecto Antonio Palacios’ coa ocasión do 75 aniversario do seu pasamento que se cumpre hoxe o 27 de outubro.

Trátase dunha iniciativa das Concellerías de Cultura e Turismo que dirixen Cami Moreira e David Alonso, respectivamente, que hoxe acudiron ao cemiterio a realizar a ofrenda ante a tumba de Palacios.

O Concello elaborou unha programación que se estenderá ata o 27 de novembro de 2021 e reunirá unha serie de actos e actividades culturais para divulgar a obra do recoñecido arquitecto porriñés.

Algúns deses actos terían que comezar hoxe pero adiáronse debido ás medidas restritivas anti-Covid, entre elas, unha serie de visitas guiadas teatralizadas a obras de Antonio Palacios, así como un encontro de arquitectos sobre o significado do seu legado.

A Plataforma pola Seguridade e a Privacidade Dixital denuncia a R Cable “polo tratamento das reclamacións na súa área de clientes”

A PSPD, –Plataforma pola Seguridade e Privacidade Dixital da que forman parte a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), Asociación de Internautas (AI) e Asociación Pro Derechos Civís, Económicos e Sociais (ADECES)– presentou a través da UCGAL senllas denuncias ante as autoridades de competencia e a Secretaría de Estado para o Avance Dixital ao constatar o que considera “unha irregularidade no mecanismo de presentación de reclamacións vía Internet do operador R Cable e Telecable Telecomunicacións S.A.U.”.

En esencia, cando se desexa presentar unha reclamación desde a área clientes, no apartado habilitado para iso ‘As miñas xestións con R> ‘Poñer unha reclamación ou ver estado’ > ‘nova xestión/comunicación con R> ‘abrir unha reclamación’, o formulario que se pon a disposición delconsumidor / cliente é o de “calquera outra consulta, solicitude ou suxerencia” como se pode comprobar neste vídeo.

Este tratamento, sinalan as asociacións denunciantes “formula dúbidas sobre se as reclamacións así presentadas son contabilizadas como tales e, por tanto puidesen non terse en conta á hora de medir a calidade do servizo2, un aspecto que cada vez é máis importante para os consumidores”.

Aspectos relacionados coa calidade do Servizo

A normativa en materia de telecomunicacións establece a obrigación dos operadores de publicar na súa páxina web información sobre a calidade dos servizos que presten, así como os parámetros e métodos para a súa medición. Entre estes parámetros atópase o de frecuencia de reclamacións dos clientes (Orde IET/1090/2014 – Anexo I).

Para medir este parámetro os operadores deben ter en conta todas as comunicacións dos clientes, recibidas a través de correo postal, correo electrónico, do portal da internet ou de calquera outra portelo de entrada que teñan a consideración de reclamación, entendendo como tal calquera expresión de insatisfacción ou unha observación negativa referida ao servizo. Dado que R Cable e Telecable desvía as reclamacións efectuadas desde a área cliente a un formulario relativo a consultas, solicitudes e suxerencias, existe a posibilidade de que estas reclamacións así presentadas non sexan rexistradas como tales e, por tanto, non sexan tidas en conta ao facer o reconto do número total de reclamacións recibidas.

As entidades que conforman a PSDPD consideran que este feito “constituiría unha infracción da Lei 9/2014 Xeneral de Telecomunicacións e a súa normativa de desenvolvemento ao incumprir as obrigacións en materia de calidade do servizo e vulnerar o dereito dos usuarios para obter unha información fiable (art. 78 da Lei 9/2014)”.

Aspectos relacionados coa competencia

Coñecer a calidade de os servizos que presta unha empresa é un factor cada vez máis determinante da opción do consumidor, e no ámbito das telecomunicacións a estatística de reclamacións dos clientes é un elemento fundamental para que un usuario ou un cliente poida avaliar a oferta do operador.

“Se R Cable e Telecable estivese a omitir unha parte daquelas (as recibidasa través da área de clientes), os datos que o operador ofrece non serían exactos, e permitiríanlle construír unha imaxe distorsionada da calidade dos seus servizos que lle favorecería con respecto aos seus competidores”.

A PSPD considera que este feito “pode constituír un comportamento desleal cara a outros operadores, que falseando a libre competencia afectaría o interese público, vulnerando así o disposto no artigo 3 da Lei de Defensa da Competencia”.

Ademais, en materia de competencia, consideraría especialmente relevante esta conduta no marco de procedementos de concurso público para a prestación de servizos de telecomunicacións a diferentes administracións públicas, entidades ou organismos ou mesmo a empresas privadas en cuxos pregos de condicións ou procesos para avaliar as diferentes ofertas puidesen terse en conta diferentes parámetros de calidade do servizo como aspecto a puntuar nos devanditos procesos.

A Deputación abre o prazo para solicitar as axudas para “dar prestixio” ao galego

O Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO) publica hoxe oficialmente as bases das axudas que concede este ano a Deputación para “dar prestixio” ao galego. As subvencións, segundo explica a deputada de Lingua María Ortega, chegarán aos 220.000 euros e repartiranse entre as entidades sen fins de lucro (120.000 €) e os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia (100.000 €).

Con estas dúas liñas de axudas, que este ano se aproban por separado, o departamento de Lingua provincial ten como obxecto a dinamización da lingua galega co fin de potenciar o uso do idioma da Galiza no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores que teñan repercusión social, así como para fomentar a celebración das actividades de entidades culturais que poñan en valor o galego. A deputada responsable da área destaca que “é fundamental transformar a visión actual e converter o galego na lingua vehicular, unha ferramenta de traballo implementada con normalidade que permita chegar á xente”.

Para acceder ás subvencións valoraranse as accións de fomento da creación e difusión cultural en lingua galega –certames literarios e xornalísticos, creación audiovisual e literaria, feiras e eventos que promovan a creación en lingua galega–, as actuacións en materia de sociolingüística e toponimia –estudos e publicacións sobre sociolingüística, xornadas e publicacións de recuperación da toponimia… –, o fomento do emprego do galego no comercio e na industria con xornadas, campañas e publicacións para a dinamización comercial en lingua galega, ou os recoñecementos e distincións, en relación a actividades, accións e publicacións relacionadas coa conmemoración do Día das Letras Galegas ou que recoñezan o labor de persoas ou colectivos que aposten polo galego.

O prazo de presentación de solicitudes para entidades e concellos comeza a contar a partir de mañá e ten unha duración dun mes. As axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva.

Colexios de Mos, Redondela e Tui súmanse a ‘Radio na Biblio’ no que xa participan 109 centros educativos de toda Galicia

A Xunta de Galicia vén de incorporar un total de 30 centros educativos de toda Galicia ao programa Radio na Biblio e, entre eles, o CEIP Mestre Valverde Mayo de Mos, CEIP de Cedeira de Redondela e IES San Paio de Tui. Esta iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Universidade ten como obxectivo impulsar a creación de emisoras ou laboratorios radiofónicos no contexto da biblioteca escolar.

Coas novas incorporacións, en total participan nesta iniciativa este curso un total de 109 centros públicos de infantil, primaria, ESO, Bacharelato ou FP integrados no Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE) de toda Galicia.

Os novos centros seleccionados recibirán 2.000 € de fondos para a posta en marcha dun laboratorio de radio (incluíndo un obradoiro de formación). Para iso contarán co apoio da Asesoría de Bibliotecas Escolares da Consellería, que orientará o seu desenvolvemento e porá á súa disposición recursos e propostas.

Así mesmo, os centros que xa participaron en Radio na Biblio en cursos anteriores e renovan recibirán unha asignación de 500 € por centro para a realización de obradoiros de formación específica para o funcionamento da emisora ou ben de lectura expresiva ou de mellora da expresión oral.

Plan LÍA

Esta iniciativa enmárcase no Plan LÍA 2016/2020 de Bibliotecas Escolares, que conta entre os seus desafíos o de favorecer a alfabetización múltiple do alumnado a través da creación nas bibliotecas de espazos que funcionen como centros creativos de aprendizaxe. Neles debe traballarse con diferentes recursos e materiais que permitan traballar a expresión escrita e oral ou linguaxes como a radiofónica. Desde eles poderán desenvolverse proxectos colaborativos conectados con diferentes áreas do currículo escolar, vinculados á educación para as competencias en información e medios.

Neste sentido a posta en marcha dunha emisora de radio nun centro educativo proporciona múltiples oportunidades para o desenvolvemento das competencias clave a través de metodoloxías activas, así como para a alfabetización informacional. De feito, a experiencia dos centros que xa participan en Radio na Biblio demostrou que a radio constitúe unha ferramenta pedagóxica de grande alcance que permite, ademais, darlle a coñecer ao resto da comunidade educativa os proxectos e traballos que se realizan no centro.

Ademais, a experiencia dun bo número de bibliotecas escolares vinculadas a este programa durante o período de cese de actividade presencial nos centros durante a primavera de 2020, por mor da covid-19, puxo de manifesto as posibilidades desta ferramenta para desenvolver actividades educativas a distancia, con capacidade para vincular ao alumnado ao ámbito educativo e para conectar á comunidade escolar arredor dunha proposta temática.

O Concello culmina con San Pedro e Nigrán o estudo da microtoponimia das súas sete parroquias

0

O Concello de Nigrán conclúe coas parroquias de San Pedro e Nigrán un traballo de cinco anos e máis de 13.000 € de investimento para recompilar toda a microtoponimia da localidade. Durante este tempo o Concello contratou sucesivamente ao Clube Espeleolóxico Maúxo para realizar Chandebrito e ao Instituto de Estudios Miñoranos para Priegue, Panxón, Camos, San Pedro e Nigrán, entregando o IEM estes dous últimos traballos esta semana. Grazas a eles, toda pequena referencia xeográfica (camiños, campos, leiras, fontes, hórreos, pazos, montes, lavadoiros, presas, regatos…) co seu nome correcto está xa documentada e xeolocalizada para sempre e sen risco de que se perda. Ademais, realizouse un catálogo e actualización dos bens patrimoniais de cada unha das sete parroquias e se recolleron os ditos, lendas, cancións populares ou refráns da zona. O Concello de Nigrán convértese así no primeiro da comarca en glosar toda a súa microtoponimia.

No caso de San Pedro, grazas a 30 informantes, detectáronse 1.600 microtopónimos correspondentes aos seus 57 lugares, como por exemplo Cornucho e Malvaxuda en Area, Enxurreira no Carballal, Besadiña na Xunqueira, Marmaxuda en Tomadas ou Morgana en Vilariño. Pola súa banda, en Nigrán, grazas a 23 informantes, referenciáronse 1.200 microtopónimos en 62 lugares; como Roubada e Galleiras en Angustias, Campo Grande na Barxa, Pumariñas en Dehesa, Rachota en Lagoíña, Cocho en Telleira ou Penicho en Vilameán.

“O patrimonio cultural non se limita a monumentos e coleccións de obxectos, senón que comprende tamén tradicións ou expresións vivas herdadas dos nosos antepasados e transmitidas aos nosos descendentes, como tradicións orais ou nomes de lugar (topónimos)”, explica o alcalde de Nigrán e historiador Juan González, quen engade que “deste xeito desde o goberno local blindamos a nosa cultura oral e tradicións á vez que abrimos a posibilidade a moitos veciños de localizar propiedades que figuran en escrituras pero que non se saben situar”.

Paralelamente, o Concello de Nigrán, a través do Departamento de Urbanismo, está a aplicar estes estudos para “bautizar” oficialmente ducias de rúas non inventariadas e sen nome oficial. “Moitas destas novas rúas que se engadirán ao rueiro municipal xa teñen incluso a placa co nome dende hai anos, pero hai decenas delas que non e, neste caso, os estudos de microtoponimia permiten “bautizalos” do xeito correcto, tal e como o coñecen dende antaño os lugareños”, sinala o alcalde, Juan González, quen engade que o patrimonio cultural inmaterial ou patrimonio cultural intanxible forma parte das declaracións da Unesco para salvagardar. “En calquera caso non os encargamos cun fin urbanístico, pero esta é unha mostra máis da importancia non só cultural, se non práctica, que teñen”, indica González”.

Todos estes traballos inclúen fotografías dos elementos materiais máis destacados da parroquia, gravacións en vídeo das persoas que máis sobresaen polos seus coñecementos e xeolocalización da toponimia maior e menor. Todo quedará documentado nunha web onde se xeolocalizará e referenciará de forma que estea facilmente a disposición de calquera persoa. Servirá como fonte documental e fixará os topónimos de maneira correcta para sempre. “Con este traballo garantimos que o patrimonio oral, frecuentemente desatendido, non se perda”, engade o rexedor.

O Concello das Neves acomete a rehabilitación de seis ‘infravivendas’ nas parroquias de Torteros, San Cibrán e San Xosé

0

O Concello das Neves ten en marcha actualmente seis proxectos de rehabilitación de vivendas situadas en tres parroquias diferentes da vila. As mesmas foron seleccionadas pola Concellería de Servizos Sociais, dacordo co informe do persoal técnico de urbanismo municipal. Máis polo miúdo, están iniciadas xa todos os traballos: 3 en Tortoreos, 2 en San Cibrán e 1 en San Xosé de Ribarteme.

Trátase de actuacións financiadas coas subvencións do Plan galego de rehabilitación, alugamento e mellora de acceso a vivenda 2015-2020 e prevé a reparación de Infravivendas a través de actuacións urxentes e imprescindibles para mellorar o estado das vivendas ocupadas por persoas en risco de exclusión residencial.

Destas obras, que non poden superar a cantidade de 15.000 euros por cada vivenda rehabilitada, o Concello das Neves asume un 5% dos importes.

ORAL reforza a súa alianza cos concellos ofrecéndolles a redacción das ordenanzas fiscais e abrindo as portas da transparencia

O Organismo de Xestión e Recadación Local (ORAL) da Deputación de Pontevedra ponse aínda máis ao servizo dos 53 concellos que teñen delegada a xestión e/ou a recadación dos seus impostos e taxas e a recadación das multas. O deputado delegado de Réxime Interior e Facenda, Carlos López Font, presidiu hoxe unha Xornada sobre Planificación Tributaria para o ano 2021 na que participaron telematicamente 37 municipios e puideron coñecer da man dos técnicos provinciais tódalas novidades nos servizos que o ORAL ofrece de cara ao próximo ano.

Carlos López Font explicou que a vontade da Deputación é manter “unha canle fluída” de comunicación cos concellos e alcanzar unha “transparencia máxima na xestión e recadación tributaria”. O deputado, en nome da presidenta, Carmela Silva, subliñou que a Deputación non quere quedar nunha “relación fría dunha vinculación administrativa derivada dunha delegación de competencias”, senón que opta decididamente por que os municipios “síntanse en casa no ORAL” e, ademais, “teñan a seguridade de que estamos en contacto para resolver calquera cuestión ou necesidade que poida xurdir”. Na xornada participaron tamén os/as xefes/as dos distintos servizos da área económica, orzamentaria e fiscal da Deputación, que impartiron charlas sobre as novidades que se poñen en marcha no marco da recadación e xestión tributaria no actual contexto socioeconómico derivado da pandemia de covid19.

Carlos Font: “Non queremos quedar nunha relación fría de delegación de competencias, queremos que vos sintades en casa e que o ORAL está ao voso dispor”

A Deputación anunciou que estreita a colaboración cos concellos achegándolles modelos normalizados de ordenanzas-tipo para os impostos e taxas municipais. O ORAL, que ata o de agora ofertaba os servizos de recadación e xestión, incorpora un novo aspecto de asesoramento nun momento en que existe debate sobre os tipos aplicables e a súa gradación nas taxas, así como os tipos e as bonificacións fiscais no caso dos impostos municipais. O ORAL asume a responsabilidade de elaborar as ordenanzas-tipo cun corpo normativo sólido. Deste xeito, os concellos conservan toda a súa potestade para adaptar tipos, gradacións e bonificacións ás súas necesidades e obxectivos con plena seguridade xurídica. As ordenanzas-tipo abranguerán os impostos de bens inmobles (IBI), construcións e instalacións (ICIO), vehículos (IVTM) e actividades económicas (IAE), ademais das taxas de auga, saneamento, sumidoiros, recollida e tratamento de lixo.

Por outra banda, a aposta pola transparencia converterá aos 53 concellos delegantes en verdadeiros órganos fiscalizadores do labor do ORAL. Nun paso máis na rendición de contas, o Órgano de Recadación dará acceso ao seu programa de xestión e, a través dos ficheiros informáticos de vida de tódalas débedas, permitirá que os concellos poidan revisar online tódolos trámites feitos con cada contribuínte ata que “morra” a débeda ou se declare “fallida”, ou sexa, imposible de cobrar. A transparencia exercerase no dobre circuíto da recadación ou da xestión e a recadación, en función das competencias que cada concello teña delegadas. A maiores, o ORAL anunciou a aprobación dunha nova Carta de Servizos da Recadación Executiva (vía de apremio) que oferta aos concellos, aclarando así tódalas actuacións que se realizan neste tipo de procedemento e o xeito en que se levan a cabo.

Finalmente, a Deputación anunciou a modificación da Ordenanza Fiscal de Xestión e Recadación do ORAL para a súa simplificación e proporcionar, deste xeito, unha información máis clara ás persoas contribuíntes sobre os seus dereitos e obrigas. Ademais, esta ordenanza, que é a establece todo o procedemento recadatorio que leva a cabo o ORAL, introduce a necesaria adaptación á Administración Electrónica e aos cambios normativos e de xénero.

O ORAL dá servizo a case medio millón de persoas (496.219) dos 53 concellos delegantes, o 86% da provincia, dende os seus 23 centros de traballo repartidos polo territorio. Durante o ano pasado atendeu a 97.657 persoas contribuíntes de xeito presencial, amais de 36.771 chamadas telefónicas e 12.744 correos electrónicos xestionados. Finalmente, a súa oficina tributaria virtual, que entrou en funcionamento no mes de febreiro, realizou un total de 11.881 xestións.

Galicia supera xa os 7.000 casos activos por coronavirus con 12 falecementos na xornada de onte

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 7.074, deles 1.201 son da área da Coruña, 691 da de Lugo, 1.423 da de Ourense, 727 da de Pontevedra, 1.358 da área de Vigo, 1.128 da de Santiago, e 546 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 58 están en UCI, 401 en unidades de hospitalización e 6.615 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 25.804 persoas curadas, rexistrándose 880 falecementos.

Na xornada de onte rexistráronse 10 falecementos nos centros hospitalarios galegos. Trátase de dous homes de 87 e 53 anos e unha muller de 80 anos que estaban ingresados no CHUS; un home de 66 anos que estaba ingresado no CHUAC; un home de 91 anos que estaba ingresado no Hospital Quirón Salud da Coruña; unha muller de 87 que estaba ingresada no CHUF; dous homes de 88 e 84 anos que estaban ingresados no CHUVI (esta última persoas era usuaria da residencia de Salvaterra); un home de 84 anos que estaba ingresado no CHUO (usuario da residencia O Viso de Lobeira); e unha muller de 82 anos que estaba ingresada no CHUO (usuaria da residencia Os gozos Pereiro de Aguiar). Todos eles presentaban patoloxías previas.

O número de PCR realizadas é de 646.233.

No día de onte rexistráronse dous falecementos na residencia dos Gozos: Unha muller de 92 anos e un home de 87, ambos con patoloxías previas. Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Casos, os propios centros e as xefaturas territoriais. A listaxe completa de centros educativos, pode consultarse neste documento adxunto.

Galicia restrinxe a mobilidade entre as 11 da noite e as 6 da mañá

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou esta mañá en rolda de prensa que Galicia restrinxirá a mobilidade entre as 11 da noite e as 6 da mañá, cumprindo deste xeito á normativa estatal. Segundo confirmou Comesaña, o Comité clínico considerou que este horario é suficiente, habida conta de que toda a comunidade está cumprindo o nivel 2 de restricións dende hai unha semana e que se limitaron as xuntanzas a un número máximo de 5 persoas, coas consabidas excepcións en determinados concellos e comarcas.

Na súa comparencia, na que estivo acompañado polo xerente do Sergas, José Flores e a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, o conselleiro de Sanidade manifestou a súa preocupación pola evolución epidemiolóxica no concello de Lugo e nas comarcas de Ferrol, Pontevedra e Vigo, así como pola situación das comarcas de Santiago, Verín e O Carballiño. Tamén se referiu á situación nas comarcas de Ourense e Barbadás que a día de hoxe arroxan resultados estables.

A vista desta situación, Comesaña confirmou que, se ben na xuntanza de onte do Comité clínico non se decidiron novas medidas a adoptar, non se desbota a posibilidade de que na reunión do venres haxa que tomar novas decisións restritivas en función de cómo vai respondendo a evolución da pandemia. Neste sentido, a directora xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade Carmen Durán, confirmou que estase a monitorizar continuamente a situación da covid-19 en Galicia, e que se esta empeora, a Comisión terá que actuar en consecuencia.

O titular da carteira sanitaria galega, insistiu en reiteradas ocasión sobre a necesidade de cumprir as restricións e de tomalas moi en serio polo ben da conxunto da sociedade, lembrando que o virus segue moi activo. Agradeceu a toda a cidadanía que está a seguir as normas e fixo un chamamento para que todos os cidadáns se comprometan no cumprimento das restricións.

Pola súa banda, o xerente do Sergas, José Flores, confirmou que a capacidade asistencial está garantida e que calquera cidadán que necesite atención sanitaria tanto pola covid-19 como por calquera outra patoloxía estará atendido. Se ben continúa a aumentar a ocupación de camas nos hospitais, tanto en planta como en ucis, as cifras aínda están lonxe das dos peores momentos da pandemia.

O Porriño mantense, por terceiro día consecutivo, en alerta vermella pola COVID-19

O Porriño segue hoxe martes 27 e por terceiro día consecutivo, na relación de concellos de Galicia en alerta vermella ou nivel 3 por número de contaxios en función da súa poboación, segundo publica hoxe o mapa de situación do Servizo Galego de Saúde (Sergas).

Os datos están actualizados ata as 18 horas de onte luns e aínda que a autoridade sanitaria segue sen informar directamente aos concellos do número exactos de casos positivos, na web subliñase que O Porriño está en alerta vermella por ter máis de 21 casos diagnosticados.

Precisamente hoxe non se celebrou o mercado ambulante por decisión do Goberno municipal, medida que forma parte das das restricións acordadas dende o pasado xoves 22 e que se manteñen en vigor.

Do mesmo xeito e como consecuencia dos protocolos, onte as comisións municipais informativas celebraronse de xeito telemático, sistema que mañá tamén empregarase para a celebración do pleno ordinario da Corporación a partir das 18 horas.

Volve a inestabilidade á costa galega con ondas por riba dos oitos metros de altura

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) confirma que volve a inestabilidade ao mar cun novo episodio adverso, que traerá ondas por riba dos oito metros ao litoral galego.

As previsións indican que os efectos deste fenómeno adverso deixaranse sentir a partir das dez da mañá do mércores, 28 de outubro, na costa da provincia da Coruña e irán estendéndose a todo o litoral de Galicia.

Tamén, co paso das horas, é posible que as ondas alcancen cada vez máis altura ata o punto de superar perfectamente os oito metros.

Ante esta situación no mar, se recomenda á cidadanía adoptar as seguintes medidas de protección tanto no espazo marítimo como nas proximidades de diques, praias, rompentes, cantís, paseos marítimos, etc. 

O que nos podemos atopar:

  • Pequenas embarcacións ou outras estruturas marítimas á deriva
  • Desbordamenteos puntuais polo suba da marea
  • Obxectos e mobiliario urbano próximo ao mar que pode ser arrastrado

Para tratar de paliar estes efectos da situación meteorolóxica adversa, cómpre adoptar as seguintes medidas de autoprotección:

  • Afastarse de praias, paseos marítimos, rompentes ou diques
  • Evitar navegar, nadar ou practicar deportes acuáticos
  • Non deterse a sacar fotografías
  • Aseguar a embarcación

O punto limpo adáptase ao horario de inverno

0

A partir deste mesmo martes 27 de outubro o horario de apertura do punto limpo modificarase lixeiramente para adaptarse ao horario de inverno. Deste xeito permanecerá aberto ao público:

  • Martes, xoves e venres (mañá): de 08.30 a 13.30 horas
  • Mércores (tarde): de 15.00 a 18.00 horas
  • Sábados (mañá): de 10.00 a 13.00 horas

Dende o Concello quere agradecerse ás persoas usuarias do punto limpo os bos hábitos adquiridos durante estes últimos meses, como o de presentar os residuos ben separados e clasificados ou agrupar cantidades maiores de material para optimizar as viaxes ata estas instalacións municipais. Todo isto permitiu reducir a lista de espera para deixar residuos no punto limpo e a día de hoxe xa é posible pedir cita para o día seguinte.

Recoméndase pedir cita previa a través da web do Concello premendo aquí ou a través do apartado Medio Ambiente do menú principal da páxina, pinchando en ‘Cita Previa Punto Limpo’. Soamente debe premerse o botón ‘Cita previa’, seleccionar o día e a hora que máis conveña para facer a entrega de residuos, cubrir os datos e indicar a tipoloxía de residuos a entregar e a cantidade en capachos que se leva de cada un deles. Neste mesmo apartado poderase atopar as indicacións para o uso das instalacións, como o límite máximo admitido para algúns dos residuos.

Tamén se pode seguir solicitando cita previa chamando ao teléfono 986 625 000 extensión 3002. Dada a situación sanitaria é imprescindible manter a cita previa que, ademais de ser unha ferramenta para evitar o risco de contaxio para a veciñanza e o propio persoal, ao controlar a afluencia de xente ás instalacións, tamén supón unha vantaxe para as persoas usuarias deste servizo, que non teñen que facer colas nin agardar demasiado tempo no exterior das instalacións agardando a ser atendidas.

EU do Porriño convoca unha nova concentración para reclamar unha sanidade digna

Un xoves, EU Son do Porriño vén de convocar unha concentración en defensa da Atención Primaria, concentracións que desenvolve a formación asemblearia dende hai xa tres anos. Esta vez será o xoves 29 de outubro ás 20 horas diante do Centro de Saúde, en reclamación da atención presencial e baixo o lema “a atención primaria non é atención telefónica”.

“Agora máis que nunca debemos defender os servizos públicos, de xeito responsable tanto no social como no sanitario”, afirma EU quen asegura que en tempos dunha gravísima crise sanitaria e socioeconómica “pódese e débese exercer o dereito á loita social sen poñer en risco a saúde pública”.

Para Esquerda Unida, a mobilización e a implicación popular “son o único camiño para a loita efectiva contra a pandemia e, ao mesmo tempo, contra os recortes sociais, dos servizos públicos e polos dereitos e as libertades”.

A Deputacion celebra este xoves o centenario da “Revista Nós” cunha “viaxe no tempo” na que as mulleres serán as protagonistas

A Deputación de Pontevedra vai celebrar o centenario do xurdimento da “Revista Nós” cunha proposta cultural, este xoves ás 19:30 horas no Pazo provincial, que inclúe unha representación teatral e un coloquio a modo de “viaxe no tempo” nos que as mulleres terán un papel clave. “Ao contrario do que acontecía no século XX – asegurou Carmela Silva- hoxe as mulleres son as protagonistas da revolución cultural e en todos os ámbitos que vive Galicia. É un deber neste XXI darlles voz ao igual que é unha obriga visibilizar a aquelas mulleres silenciadas e que tiveron un papel fundamental a comezos do século pasado”.

A cidade de Pontevedra, que veu nacer hai cen anos á “Revista Nós”, tiña que acoller un “gran acto” conmemorativo da xeración que marcou un punto de inflexión na historia da cultura galega. Co título de “1920 Nós, 2020 Nós outr@s” traerá “ao presente”, da man da compañía de teatro “Os Quinquilláns”, a figuras femininas que participaron activamente na publicación. Despois, tamén no Pazo, recuperando o xerme da “Revista Nós” no faladoiro que se facía entón no Café Méndez Núñez, haberá un coloquio con mulleres e homes das letras, arte, historia, xornalismo, audiovisual, universidade e política.

“1920 Nós, 2020 Nós Outr@s” arrancará este xoves cunha representación teatral na que coñeceremos a Margot Sponer, unha lingüista alemá que colaborou coa revista e que, con “Documentos Antiguos de Galicia”, converteuse nunha das pioneiras dos estudos galegos no mundo. Coa figura de Sponer porase en valor o papel da muller na época, así como visibilizarase a proxección internacional da “Revista Nós” e, xunto a ela, tamén viaxarán no tempo ata o século XXI Vicente Risco, Ramón Cabanillas, Antón Losada e Castelao. Ela e eles farán partícipe ao público da “gran revolución” da Xeración Nós, percorrendo o Pazo dende o exterior ata o Salón de Plenos, pasando polo vestíbulo, onde as personaxes serán recibidas pola presidenta provincial Carmela Silva.

Amais da peza teatral, haberá tamén un coloquio, no Salón de Plenos, recuperando así o espírito crítico da Xeración Nós, no que mulleres e homes das letras, arte, historia, xornalismo, audiovisual, universidade e política. Ao contrario do que acontecía a comezos do século XX, nesta viaxe no tempo “1920 Nós, 2020 Nós-Outr@s”, as mulleres si terán un papel protagonista, participando como suxeitos activos na construción da cultura galega. Deste xeito, poderemos escoitar a María Reimónez, tradutora, intérprete e feminista; a Kiko Da Silva, ilustrador, editor e director da primeira escola profesional de Banda Deseñada de Galicia; a Afonso Vázquez Monxardín, catedrático de Lingua Galega e membro do Museo Arqueolóxico de Ourense; a Susana Pedreira, directora e presentadora de programas radiofónicos a nivel local, rexional e nacional, co-fundadora de “As mulleres que opinan son perigosas” e co autora de “Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo”; Chelo Loureiro, produtora especializada en animación audiovisual; Miguel Fernández Cid, historiador e crítico de arte; e Carmela Silva, política e primeira muller en presidir unha deputación provincial en Galicia.

“1920 Nós, 2020 Nós-Outr@s” tamén fará partícipe á Universidade no acto de celebración do aniversario do nacemento da  “Revista Nós”. Neste caso, un grupo de artistas da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, en vivo e en directo, durante o propio acto, renderán homenaxe á Xeración Nós dende a arte contemporánea.

Amais deste acto cultural de “viaxe no tempo”, este mércores, 28 de outubro ás 19.30 horas, terá lugar no Sexto Edificio do Museo a mesa redonda “A revista Nós: a romaría das palabras”, na que participarán o deseñador Pepe Barro, o doutor en Filoloxía Emilio Xosé Insua, a profesora Patricia Arias e o escritor Miguel Anxo Seixas. A “Revista Nós” xurdiu en Pontevedra, no Café Méndez Núñez, o 30 de outubro de 1920 no transcorrer dun faladoiro no que participaban Castelao, Cabanillas, Antón Losada Diéguez, Florentino López Cuevillas, Ramón Otero Pedrayo e Vicente Risco.  A revista, enmarcada no proxecto de modernización e europeización da cultura galega, combinaba tradición e innovación e promovía a defensa e normalización do galego a través de contidos literarios, lingüísticos, artísticos, etnográficos, filosóficos e de pensamento político, cuxo carácter multidisciplinar deixou unha fonda pegada na cultura galega.

A Policía Local de Redondela investiga o incendio de tres vehículos na mañanciña de hoxe nas inmediacións do apeadeiro da Picota

0

Axentes da Policía Local de Redondela e da Policía Nacional interviñeron esta mañanciña no incendio de tres vehículos estacionados nas inmediacións do apeadeiro da Picota, no casco urbano redondelán. Xunto ás patrullas policiais tamén acudiron unha dotación dos bombeiros de Vigo e os bombeiros do parque do Porriño.

Os feitos ocurriron cara as 4:20 h, cando unha persoa que se preparaba para ir a traballar xunto con patrullas da Policía Nacional, escoitiu ruídos de cristais e puido mirar como ardían algúns vehículos estacionados no antedito apeadeiro da Picota.

Dos tres vehículos imlicados no suceso, un quedou totalmente calcinado (Renault Twingo) mentres que nos outros dous –un Opel Corsa e un Opel Vectra– resultaban calcinadas as súas partes frontais.

Tanto a Policía Local coma a Policía Nacional investigan os feitos para poder establecer o motivo do incendio.

Cerveira e Tomiño piden máis fondos para consolidar a cooperación transfronteiriza

0

A necesidade de estreitar relacións con Bruxelas e de calendarizar proxectos concretos con financiación europea, foi unha das conclusións compartidas polas autoridades que asistiron ás II Xornadas Amizade Cerveira-Tomiño celebradas no Centro de Apoio Empresarial de Vila Nova de Cerveira.

Así o manifestaron os alcaldes de ambas vilas fronteirizas, Sandra González e Fernando Nogueira nas súas intervencións no marco do debate ‘Europa sen fronteiras. O papel da cooperación transfronteiriza na consolidación do proxecto europeo’, no que tamén participaron a comisaria europea de Cohesión, Elisa Ferreira; a ministra de Coesão Territorial do Governo Português, Ana Abrunhosa, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

[su_image_carousel source=”media: 23896,23897,23893,23898″ crop=”5:4″ link=”lightbox” autoplay=”0″]

Nunha mesa anterior, o deputado provincial e vice-director da AECT Río Minho, Uxío Benítez, aseguraba que o devandito agrupamento é maior de idade” e está en condicións de xestionar unha estratexia 21-27. “A nosa estratexia encaixa perfectamente nas estratexias europeas, polo que solicitamos fondos para os territorios de fronteira”, advertía o deputado, lembrando asemade a necesidade dunhas políticas específicas para estas zonas e rexeitando o peche de fronteiras para os cidadáns que habitan, traballan, comercian e se relacionan dun e outro lado do Miño.

Tanto a comisaria, coma a ministra de Cohesión Territorial, ambas portuguesas, salientaron a existencia de proxectos e estratexias políticas de desenvolvemento común entre os territorios fronteirizos. “Por primeira vez existen estratexias transnacionais, con infraestruturas e instrumentos e vontade política de abolir fronteiras en aras do ben común dos habitantes e de que as fronteiras no día a día, desaparezan”, afirmaba Ana Abrunhosa, que postulaba ademais a necesidade dun Estatuto dos Traballadores Transfronteirizos que regule a situación das persoas que desenvolven a súa actividade profesional doutro lado da fronteira.

Sandra González, alcaldesa de Tomiño

Pola súa banda, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, cualificou o día das xornadas coma “un día grande para a cooperación transfronteiriza”. A rexedora admitiu que nos cinco últimos anos de traballo conxunto con Cerveira, no que se implicaron máis de 10.000 persoas nos distintos proxectos executados, houbo obstáculos e atrancos que se foron resolvendo dende o ámbito local con bastante eficacia. “Na Eurocidade felicitámonos polo impulso dado á cooperación pero solicitamos maior concreción e poder calendarizar os próximos pasos; resulta imprescindible reforzar o apoio do goberno autonómico, español e europeo, xa que somos a fronteira máis transitada de Europa, cun 47% do fluxo de vehículos que viaxan entre España e Portugal e con 6.400.000 habitantes na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”, salientou a alcaldesa, asegurando que a mesma non é o final de nada, senón o centro do desenvolvemento, cunha economía e recursos moi potentes.

“Necesitamos financiamento para seguir levando a cabo esa cooperación de proximidade e precisamos tamén canles de comunicación máis directos cos entes europeos”, reclamou a política, falando de dous proxectos fundamentais para a rexión, coma son a mobilidade ferroviaria entre Vigo e Porto e a creación do futuro Parque da Amizade que unirá cunha pasarela sobre o río a Tomiño e Cerveira e as súas zonas de recreo e interese paisaxístico e ambiental.

Da teoría á práctica

O presidente da Cámara Municipal de Cerveira, Fernando Nogueira, foi o encargado de pechar o debate. Na súa intervención resaltou a necesidade de dar un salto cualitativo e cuantitativo na cooperación transfronteiriza, pasando da teoría á práctica, para o que pediu o apoio europeo, rexional e dos estados luso e español. Coma obxectivos próximos, citou o plan de acción conxunto aprobado no recente Cumio Ibérico celebrada na cidade lusa de Guarda, a mellora das infraestruturas ferroviarias xa existentes, e a solución dos obstáculos administrativos que obstaculizan aínda unha relación máis estreita.

Tanto a ministra portuguesa como o presidente da Xunta de Galicia, que asistiu a través de videoconferencia, amosaron a súa preferencia polo eixe atlántico ferroviario. Feijóo afirmou que se está traballando xa nunha nova estratexia de cooperación 2021-2027, baseada na convivencia dos habitantes lusos e galegos e na superación da actual pandemia.

A Eurocidade Cerveira Tomiño, celebrou as II Xornadas Amizade para e reflexionar sobre o futuro da cooperación transfronteiriza, e realizar un balance dos resultados acadados na ‘Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño’, proxecto cofinanciado polo FEDER a través do Programa Interreg V A España-Portugal (POCTEP).

A Escola de Letras da Deputación segue adiante con novos obradoiros en formato telemático

Ante a actual situación derivada da pandemia a “Escola de Letras”, que a Deputación de Pontevedra organiza xunto a Editorial Galaxia, vén de modificar a formato telemático os vindeiros obradoiros que ían ter lugar nas sedes de Vigo e Pontevedra da institución provincial. Deste xeito, onte, 26 de outubro, celebroue en formato online o curso “Escrita creativa”, con Diego Giráldez de 19:30 a 21:30 horas, e continuará o 28 e 29 de outubro, no mesmo horario e con todas as prazas cubertas.

No que respecta aos dous novos obradoiros Literarios, que dirixirá Inma López Silva previstos cara o último trimestre do ano, tamén contan coas prazas completas e levaranse a cabo en formato telemático. En concreto, o curso literario de perfeccionamento desenvolveranse os días 2, 9, 16, 23 e 30 de novembro entre as 19:30 e as 21:30 horas, e o 9, 14 e 21 de decembro no mesmo horario. Pola súa banda, o obradoiro literario de iniciación terá lugar o 3, 10, 17 e 24 de novembro e os días 1, 10, 15 e 22 de decembro.

Inma López Silva (Santiago, 1978) é unha das novas narradoras galegas máis destacadas. En 2016 recibiu o Premio Insua dos Poetas como recoñecemento aos seus 20 anos de carreira literaria. Amais de escritora, destaca  como crítica e investigadora teatral, colaboradora habitual en numerosas publicacións periódicas e científicas. Actualmente é profesora na Escola Superior de Arte Dramática de Vigo.

Tui implanta medidas para garantir a atención en todos departamentos no caso de detectarse positivos pola COVID no persoal municipal

0

O Concello de Tui vén de adoptar novas medidas para garantir a atención á cidadanía e a continuidade da tramitación administrativa en todos os departamento no caso de detectarse positivos pola COVID-19 no persoal municipal.  A actual situación de Tui en alerta vermella, sumado ao incremento no número de pacientes con infección activa tanto na Área Sanitaria de Vigo coma Galicia, e a  nivel estatal, xunto aos 3 casos confirmados nas últimas xornadas entre persoal municipal levan a toma destas medidas. As mesmas foron consensuadas este mediodía na reunión celebrada entre o goberno municipal e os representantes dos traballadores.  

Deste xeito unha das primeira medidas é a activación de quendas rotatorias de traballo presencial para garantir que no caso de rexistrarse un caso positivo por coronavirus teña que pechar un departamento ao completo, coma ten acontecido dende o pasado venres cos Servizos Sociais.  Con esta reorganización garántese que o 50% do persoal de cada servizo poderá estar en activo de rexistrarse un positivo, ao crearse cando menos dúas quendas de traballo sen contacto presencial entre elas.   

Por outra parte volve activarse a cita previa para todos os trámites en todos os departamentos, incluído o rexistro de entrada, que se poderá solicitar telefonicamente, por correo electrónico ou a través da sede electrónica. 

Outra das medidas adoptadas é a suspensión do servizo de recollida de voluminosos por seguridade, tanto para a veciñanza coma para os propios traballadores, xa que en moitas ocasións a recollida de enxoval e outro material implica a entrada nos domicilios.

Por último, o Concello de Tui realizará a partir de mañá o test de antíxenos á totalidade da plantilla municipal.

Con estas novas medidas búscase garantir a continuidade no servizo, e que a atención se preste coas máximas condicións de seguridade de acordo coa actual situación sanitaria. Por último dende o Concello reiterase a solicitude de responsabilidade á cidadanía, extremando as precaucións ante a actual situación que estamos a vivir derivada da pandemia do coronavirus.