8.5 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaA Deputacion celebra este xoves o centenario da "Revista Nós" cunha "viaxe...

    A Deputacion celebra este xoves o centenario da “Revista Nós” cunha “viaxe no tempo” na que as mulleres serán as protagonistas

    Baixo o título “1920 Nós, 2020 Nós-Outr@s” o acto contará cunha representación teatral na que se visibilizará o papel de mulleres como Margot Sponer que participaron activamente na publicación

    A Deputación de Pontevedra vai celebrar o centenario do xurdimento da “Revista Nós” cunha proposta cultural, este xoves ás 19:30 horas no Pazo provincial, que inclúe unha representación teatral e un coloquio a modo de “viaxe no tempo” nos que as mulleres terán un papel clave. “Ao contrario do que acontecía no século XX – asegurou Carmela Silva- hoxe as mulleres son as protagonistas da revolución cultural e en todos os ámbitos que vive Galicia. É un deber neste XXI darlles voz ao igual que é unha obriga visibilizar a aquelas mulleres silenciadas e que tiveron un papel fundamental a comezos do século pasado”.

    A cidade de Pontevedra, que veu nacer hai cen anos á “Revista Nós”, tiña que acoller un “gran acto” conmemorativo da xeración que marcou un punto de inflexión na historia da cultura galega. Co título de “1920 Nós, 2020 Nós outr@s” traerá “ao presente”, da man da compañía de teatro “Os Quinquilláns”, a figuras femininas que participaron activamente na publicación. Despois, tamén no Pazo, recuperando o xerme da “Revista Nós” no faladoiro que se facía entón no Café Méndez Núñez, haberá un coloquio con mulleres e homes das letras, arte, historia, xornalismo, audiovisual, universidade e política.

    “1920 Nós, 2020 Nós Outr@s” arrancará este xoves cunha representación teatral na que coñeceremos a Margot Sponer, unha lingüista alemá que colaborou coa revista e que, con “Documentos Antiguos de Galicia”, converteuse nunha das pioneiras dos estudos galegos no mundo. Coa figura de Sponer porase en valor o papel da muller na época, así como visibilizarase a proxección internacional da “Revista Nós” e, xunto a ela, tamén viaxarán no tempo ata o século XXI Vicente Risco, Ramón Cabanillas, Antón Losada e Castelao. Ela e eles farán partícipe ao público da “gran revolución” da Xeración Nós, percorrendo o Pazo dende o exterior ata o Salón de Plenos, pasando polo vestíbulo, onde as personaxes serán recibidas pola presidenta provincial Carmela Silva.

    Amais da peza teatral, haberá tamén un coloquio, no Salón de Plenos, recuperando así o espírito crítico da Xeración Nós, no que mulleres e homes das letras, arte, historia, xornalismo, audiovisual, universidade e política. Ao contrario do que acontecía a comezos do século XX, nesta viaxe no tempo “1920 Nós, 2020 Nós-Outr@s”, as mulleres si terán un papel protagonista, participando como suxeitos activos na construción da cultura galega. Deste xeito, poderemos escoitar a María Reimónez, tradutora, intérprete e feminista; a Kiko Da Silva, ilustrador, editor e director da primeira escola profesional de Banda Deseñada de Galicia; a Afonso Vázquez Monxardín, catedrático de Lingua Galega e membro do Museo Arqueolóxico de Ourense; a Susana Pedreira, directora e presentadora de programas radiofónicos a nivel local, rexional e nacional, co-fundadora de “As mulleres que opinan son perigosas” e co autora de “Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo”; Chelo Loureiro, produtora especializada en animación audiovisual; Miguel Fernández Cid, historiador e crítico de arte; e Carmela Silva, política e primeira muller en presidir unha deputación provincial en Galicia.

    “1920 Nós, 2020 Nós-Outr@s” tamén fará partícipe á Universidade no acto de celebración do aniversario do nacemento da  “Revista Nós”. Neste caso, un grupo de artistas da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, en vivo e en directo, durante o propio acto, renderán homenaxe á Xeración Nós dende a arte contemporánea.

    Amais deste acto cultural de “viaxe no tempo”, este mércores, 28 de outubro ás 19.30 horas, terá lugar no Sexto Edificio do Museo a mesa redonda “A revista Nós: a romaría das palabras”, na que participarán o deseñador Pepe Barro, o doutor en Filoloxía Emilio Xosé Insua, a profesora Patricia Arias e o escritor Miguel Anxo Seixas. A “Revista Nós” xurdiu en Pontevedra, no Café Méndez Núñez, o 30 de outubro de 1920 no transcorrer dun faladoiro no que participaban Castelao, Cabanillas, Antón Losada Diéguez, Florentino López Cuevillas, Ramón Otero Pedrayo e Vicente Risco.  A revista, enmarcada no proxecto de modernización e europeización da cultura galega, combinaba tradición e innovación e promovía a defensa e normalización do galego a través de contidos literarios, lingüísticos, artísticos, etnográficos, filosóficos e de pensamento político, cuxo carácter multidisciplinar deixou unha fonda pegada na cultura galega.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.