O Pleno da Corporación de Salvaterra de Miño aprobou hoxe, cos votos en contra do BNG e a abstención do PSOE, a solicitude de Hijos de Carlos Albo SL para a bonificación do ICIO (Importo sobre Construccións, Instalacións e Obras), un factor determinante á hora de elixir Salvaterra como ubicación para a súa nova empresa.
O equipo de goberno que preside Marta Valcárcel considera que a creación de postos de emprego “urxe e ten maior importancia que os ingresos directos por parte duns impostos á empresa, que lonxe de confirmar a chegada da conserveira, podería traer consigo unha fuga da mesma cara outro emprazamento estragando a intención deste Concello de xerar todos estes postos de traballo e garantir un futuro a nosa poboación”.
Cómpre lembrar que a finais do ano 2018 o Concello de Salvaterra de Miño levaba a Pleno a adhesión ao protocolo xeral de actuación entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP para fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia mediante a creación da iniciativa Concellos Doing Business Galicia e, en consecuencia a modificación das ordenanzas fiscais do IBI, IAE e ICIO.
Ante a crecente fuga de empresas cara Portugal o Concello “considerou de vital importancia a adhesión do municipio a este protocolo para darlle saída a riqueza territorial que temos na PLISAN, aproveitando deste xeito os recursos que a mesma ofrece”, explica a alcaldesa Marta Valcárcel.
Naquel momento a iniciativa saíu adiante contando só cos votos favorables do Equipo de Goberno, xa que a oposición rexeitaba esta modificación “coa única escusa da redución de ingresos por parte do Concello, mentres que o Goberno apostaba pola creación de emprego para os seus veciños e veciñas”, explica a rexedora local.
O paso do tempo confirmou a necesidade de dita bonificación, xa que a situación de crise cobrou por desgraza unha magnitude moi importante. A posta en marcha da PLISAN é clave para a economía local e de toda a comarca, “e se hoxe falamos dunha realidade, como é ALBO isto é gracias ao traballo conxunto das administracións e das facilidades adoptadas por este Concello” apunta a alcaldesa de Salvaterra de Miño.
A instalación de Albo vai suporá, segundo o Concello, “a consolidación de preto de 200 postos de traballo, máis da metade emprego feminino, e a creación de 22 novos postos de traballo. Ademais marcará un antes e un despois no ‘efecto chamada’ e atracción de posibles empresas que valoren instalarse na PLISAN”.