O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, amosou hoxe a súa “perplexidade” ante a nova “irresponsabilidade” de Feijóo ao dicir que “é demoledor” aprobar o estado de alarma para afrontar con garantías xurídicas a segunda vaga da covid. “Non merecemos un presidente da Xunta que diga que defender a saúde da xente e demoledor”, sentenciou, e reclamou que Feijóo “estea á altura” das circunstancias.
Cando se cumpren 43 anos da firma dos Pactos da Moncloa, Gonzalo Caballero remarcou a importancia dos acordos políticos nun momento no que o país está tendo que facer fronte a unha crise “de máis envergadura e de máis profundidade” que a dos anos 70. “Todos os responsables políticos teñen que colaborar e contribuír para unha saída desta crise na que ninguén quede atrás”, defendeu.
Precisamente por iso, o líder do PSdeG censurou que Feijóo apareza como “o líder autonómico que xera máis conflito” e que fai as declaracións de “maior gravidade”. “Cando os contaxios están en máximos, o presidente non pode seguir neste exercicio de irresponsabilidade”, sinalou, consciente de que “o demoledor é non ser quen de controlar a pandemia, ter máis de 600 contaxios ao día, ter afectadas as residencias de maiores…”.
Así pois, Gonzalo Caballero instou a Feijóo a abandonar “a estratexia de confrontación” co goberno e a “exercer as súas competencias reforzando a sanidade pública e as políticas sociais e protexendo a economía do país, que está tendo moitas dificultades nesta segunda onda da pandemia”. “Pedímoslle ao presidente da Xunta que rectifique, que deixe de crispar e se poña a cooperar”, remarcou, antes de requirir a súa comparecencia no Parlamento.
Ademais, ante as palabras de Feijóo respecto da crise reputacional que supón para o país a aprobación do estado de alarma, o máximo dirixente do PSdeG subliñou quei “non hai peor efecto” para a reputación dun país que “non tomar todas as medidas que sexan necesarias para loitar contra a propagación do virus”. “Ten que ter responsabilidade, sentido común e vontade de cooperación”, advertiu.
De feito, Gonzalo Caballero recordou que todos os países europeos están tomando “medidas análogas”, como ocorre en Portugal co estado de calamidade; en Francia, co toque de queda e a emerxencia sanitaria; en Italia co estado de alarma ou no Reino Unido coa emerxencia nacional. “Parece que Feijóo non entende que esta segunda vaga da covid é moi grave e que veñen por diante meses complicados”, apostilou.
Neste escenario, lamentou a “pouca información” que a Xunta está facilitando aos grupos parlamentarios e demandou unha comparecencia do presidente para informar sobre a evolución da pandemia en Galicia. “Pedimos información e responsabilidade”, concluíu, “e tomar todas as medidas para protexer á xente”. “Sen saúde non hai actividade económica nin actividade social”, finalizou o voceiro socialista no Parlamento.