Sábado, 8 Febreiro de 2025

O punto limpo adáptase ao horario de inverno

O novo horario comeza este mesmo martes 27 de outubro. O bo uso do servizo por parte da veciñanza permitiu reducir a lista de agarda e xa é posible pedir cita para o día seguinte

A partir deste mesmo martes 27 de outubro o horario de apertura do punto limpo modificarase lixeiramente para adaptarse ao horario de inverno. Deste xeito permanecerá aberto ao público:

  • Martes, xoves e venres (mañá): de 08.30 a 13.30 horas
  • Mércores (tarde): de 15.00 a 18.00 horas
  • Sábados (mañá): de 10.00 a 13.00 horas

Dende o Concello quere agradecerse ás persoas usuarias do punto limpo os bos hábitos adquiridos durante estes últimos meses, como o de presentar os residuos ben separados e clasificados ou agrupar cantidades maiores de material para optimizar as viaxes ata estas instalacións municipais. Todo isto permitiu reducir a lista de espera para deixar residuos no punto limpo e a día de hoxe xa é posible pedir cita para o día seguinte.

Recoméndase pedir cita previa a través da web do Concello premendo aquí ou a través do apartado Medio Ambiente do menú principal da páxina, pinchando en ‘Cita Previa Punto Limpo’. Soamente debe premerse o botón ‘Cita previa’, seleccionar o día e a hora que máis conveña para facer a entrega de residuos, cubrir os datos e indicar a tipoloxía de residuos a entregar e a cantidade en capachos que se leva de cada un deles. Neste mesmo apartado poderase atopar as indicacións para o uso das instalacións, como o límite máximo admitido para algúns dos residuos.

Tamén se pode seguir solicitando cita previa chamando ao teléfono 986 625 000 extensión 3002. Dada a situación sanitaria é imprescindible manter a cita previa que, ademais de ser unha ferramenta para evitar o risco de contaxio para a veciñanza e o propio persoal, ao controlar a afluencia de xente ás instalacións, tamén supón unha vantaxe para as persoas usuarias deste servizo, que non teñen que facer colas nin agardar demasiado tempo no exterior das instalacións agardando a ser atendidas.