Luns, 17 Marzo de 2025

Gonzalo Caballero destaca a “rebaixa histórica” das peaxes da AP-9 con 63,2 millóns de euros a través dos Orzamentos do Estado

Nas contas estatáis inclúese tamén a gratuidade do tramo Vigo-Redondela

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, destacou hoxe que o goberno presidido por Pedro Sánchez “cumpre cunha demanda histórica de Galicia” ao destinar máis de 63,2 millóns de euros a bonificacións e rebaixas na AP-9 a través dos Orzamentos Xerais do Estado para 2021.

En concreto, establécese unha partida con novas bonificacións para a AP-9 que o goberno progresista financiará con 50 millóns de euros, no que supón “a maior rebaixa das peaxes da AP-9 na historia”. Ademais, inclúese tamén a gratuidade do tramo de Vigo ata Redondela, así como do Morrazo a Vigo e entre A Coruña e A Barcala.

“É un feito histórico para a mobilidade en Galicia”, destacou o líder do PSdeG, quen fixo fincapé en que esta medida se suma a unha inversión en Galicia por parte do Goberno de Estado do entorno dos 900 millóns de euros, o que supón unha suba aproximada do 10% sobre o total previsto no proxecto de orzamentos para 2019.

De feito, as contas elaboradas polo goberno dirixido por Pedro Sánchez suman máis de 832 millóns de euros nas inversións territorializadas do capítulo VI para Galicia, ás que cómpre sumar os 63 millóns de euros das bonificacións da AP-9 e outras partidas relevantes doutros capítulos en materia de vivenda ou portos.

“Os orzamentos máis sociais”

Todo isto, no marco dos orzamentos “máis sociais da historia”, cos que suben as pensións para máis de 800.000 galegos e galegas (un 0,8 % as contributivas e un 1,8 % as non contributivas), e cos que aumentarán os fondos para sanidade, educación, dependencia, vivenda e investigación.

“A prioridade nas persoas é o máis importante para os galegos e as galegas”, remarcou Gonzalo Caballero.