Vistos os últimos documentos publicados polas administracións en relación coas medidas pola situación sanitaria, o concello da Guarda fai un resumo daquelas medidas de obrigado cumprimento e recomendacións extraídas deses documentos e facendo especial fincapé nunha data especial, como a do 1 de novembro, festividade de Todos os Santos.
Medidas organizativas ante a festividade de todos os Santos e Defuntos. Tendo en conta as recomendacións das autoridades sanitarias e en coordinación cos párrocos das parroquias da Guarda fanse as seguintes recomendacións en relación ás visitas aos cemiterios:
- Respectar un aforo máximo dunha persoa por cada catro metros cadrados.
- Establecer un máximo de 4 persoas por grupo de visitas do mesmo grupo familiar/convivintes.
- A duración das visitas deberá ser o máis breve posible e nunca superior a 30 minutos.
- Débense evitar aglomeración tanto nas entradas como no interior dos cemiterios.
- Realizar os adecentamentos dos nichos e tumbas, nos días previos ao 1 e 2 de novembro.
- De ser posible, visitar os cemiterios os días anteriores e posteriores á celebración do día de todos os Santos o 1 de novembro.
- Os contedores para depositar os residuos xerados deben permanecer abertos para evitar a súa manipulación.
- Débense observar sempre as debidas medidas de hixiene de máns, co uso de hidroxel; e respiratoria, co uso das máscaras. Tamén se deben observar as medidas de distanciamento interpersoal.
Cuestións a ter en conta con motivo da declaración do estado de alarma e da volta a fase dous da desescalada
En primeiro lugar sinalar que a autoridade competente aos efectos do estado de alarma é o Goberno da Nación, pero que en cada comunidade autónoma a autoridade competente delegada será a que ostente a presidencia da comunidade, no noso caso a Xunta de Galicia.
Durante o período comprendido entre as 23:00 e as 6:00 h non se poderá circular polas vías ou espazos públicos excepto para as seguintes actividades:
- Adquisición de medicamentos, produtos sanitarios e outros bens de primeira necesidade
- Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios
- Asistencia a centros de atención veterinaria por motivos de urxencia.
- Cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais, institucionais ou legais
- Retorno ao lugar de residencia habitual tras realizar algunhas das actividades permitidas
- Asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.
- Por causa de forza maior ou situación de necesidade
- Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada.
- Repostaxe en gasolineiras ou estacións de servizo, cando resulte necesario para a realización de algunha actividade permitida.
- O tamaño dos grupos de persoas non convivintes para calquera actividade ou evento familiar ou social será como máximo de 5 persoas.
- Suspéndese o mercadillo do próximo sábado día 31 e manterase esta suspensión mentres permanezan as medidas restrictivas impostas pola Xunta de Galicia.
- Os establecementos, locais comerciais e profesionais non deberán superar un cincuenta por cento da súa capacidade total
- Nos establecementos que teñan atención ao público deberán prestar servizo preferente aos maiores de 75 anos
- Os establecementos de hostalaría e restauración non poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade para consumo no interior do local. Nestes establecementos non está permitido o consumo na barra.
Dende o concello da Guarda subliñan que “evitar a propagación da pandemia é responsabilidade de todos e cada un de nós, debemos tomar todas as medidas de protección e hixiénicas individuais recomendadas para evitar un agravamento da situación”.