9.6 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoCerveira e Tomiño piden máis fondos para consolidar a cooperación transfronteiriza

    Cerveira e Tomiño piden máis fondos para consolidar a cooperación transfronteiriza

    A aposta ferroviaria entre os territorios do Norte de Portugal e Galicia foi un dos reclamos máis importantes

    A necesidade de estreitar relacións con Bruxelas e de calendarizar proxectos concretos con financiación europea, foi unha das conclusións compartidas polas autoridades que asistiron ás II Xornadas Amizade Cerveira-Tomiño celebradas no Centro de Apoio Empresarial de Vila Nova de Cerveira.

    Así o manifestaron os alcaldes de ambas vilas fronteirizas, Sandra González e Fernando Nogueira nas súas intervencións no marco do debate ‘Europa sen fronteiras. O papel da cooperación transfronteiriza na consolidación do proxecto europeo’, no que tamén participaron a comisaria europea de Cohesión, Elisa Ferreira; a ministra de Coesão Territorial do Governo Português, Ana Abrunhosa, e o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo.

    Nunha mesa anterior, o deputado provincial e vice-director da AECT Río Minho, Uxío Benítez, aseguraba que o devandito agrupamento é maior de idade” e está en condicións de xestionar unha estratexia 21-27. “A nosa estratexia encaixa perfectamente nas estratexias europeas, polo que solicitamos fondos para os territorios de fronteira”, advertía o deputado, lembrando asemade a necesidade dunhas políticas específicas para estas zonas e rexeitando o peche de fronteiras para os cidadáns que habitan, traballan, comercian e se relacionan dun e outro lado do Miño.

    Tanto a comisaria, coma a ministra de Cohesión Territorial, ambas portuguesas, salientaron a existencia de proxectos e estratexias políticas de desenvolvemento común entre os territorios fronteirizos. “Por primeira vez existen estratexias transnacionais, con infraestruturas e instrumentos e vontade política de abolir fronteiras en aras do ben común dos habitantes e de que as fronteiras no día a día, desaparezan”, afirmaba Ana Abrunhosa, que postulaba ademais a necesidade dun Estatuto dos Traballadores Transfronteirizos que regule a situación das persoas que desenvolven a súa actividade profesional doutro lado da fronteira.

    Sandra González, alcaldesa de Tomiño

    Pola súa banda, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, cualificou o día das xornadas coma “un día grande para a cooperación transfronteiriza”. A rexedora admitiu que nos cinco últimos anos de traballo conxunto con Cerveira, no que se implicaron máis de 10.000 persoas nos distintos proxectos executados, houbo obstáculos e atrancos que se foron resolvendo dende o ámbito local con bastante eficacia. “Na Eurocidade felicitámonos polo impulso dado á cooperación pero solicitamos maior concreción e poder calendarizar os próximos pasos; resulta imprescindible reforzar o apoio do goberno autonómico, español e europeo, xa que somos a fronteira máis transitada de Europa, cun 47% do fluxo de vehículos que viaxan entre España e Portugal e con 6.400.000 habitantes na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”, salientou a alcaldesa, asegurando que a mesma non é o final de nada, senón o centro do desenvolvemento, cunha economía e recursos moi potentes.

    “Necesitamos financiamento para seguir levando a cabo esa cooperación de proximidade e precisamos tamén canles de comunicación máis directos cos entes europeos”, reclamou a política, falando de dous proxectos fundamentais para a rexión, coma son a mobilidade ferroviaria entre Vigo e Porto e a creación do futuro Parque da Amizade que unirá cunha pasarela sobre o río a Tomiño e Cerveira e as súas zonas de recreo e interese paisaxístico e ambiental.

    Da teoría á práctica

    O presidente da Cámara Municipal de Cerveira, Fernando Nogueira, foi o encargado de pechar o debate. Na súa intervención resaltou a necesidade de dar un salto cualitativo e cuantitativo na cooperación transfronteiriza, pasando da teoría á práctica, para o que pediu o apoio europeo, rexional e dos estados luso e español. Coma obxectivos próximos, citou o plan de acción conxunto aprobado no recente Cumio Ibérico celebrada na cidade lusa de Guarda, a mellora das infraestruturas ferroviarias xa existentes, e a solución dos obstáculos administrativos que obstaculizan aínda unha relación máis estreita.

    Tanto a ministra portuguesa como o presidente da Xunta de Galicia, que asistiu a través de videoconferencia, amosaron a súa preferencia polo eixe atlántico ferroviario. Feijóo afirmou que se está traballando xa nunha nova estratexia de cooperación 2021-2027, baseada na convivencia dos habitantes lusos e galegos e na superación da actual pandemia.

    A Eurocidade Cerveira Tomiño, celebrou as II Xornadas Amizade para e reflexionar sobre o futuro da cooperación transfronteiriza, e realizar un balance dos resultados acadados na ‘Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño’, proxecto cofinanciado polo FEDER a través do Programa Interreg V A España-Portugal (POCTEP).

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.