10.2 C
Pontevedra
Venres, 29 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaORAL reforza a súa alianza cos concellos ofrecéndolles a redacción das ordenanzas...

    ORAL reforza a súa alianza cos concellos ofrecéndolles a redacción das ordenanzas fiscais e abrindo as portas da transparencia

    O Organismo de Recadación da Deputación amplía os seus servizos en tempos de covid19 e posibilitará aos concellos visibilidade total dos expedientes tributarios en marcha proporcionándolles acceso online aos ficheiros informáticos

    O Organismo de Xestión e Recadación Local (ORAL) da Deputación de Pontevedra ponse aínda máis ao servizo dos 53 concellos que teñen delegada a xestión e/ou a recadación dos seus impostos e taxas e a recadación das multas. O deputado delegado de Réxime Interior e Facenda, Carlos López Font, presidiu hoxe unha Xornada sobre Planificación Tributaria para o ano 2021 na que participaron telematicamente 37 municipios e puideron coñecer da man dos técnicos provinciais tódalas novidades nos servizos que o ORAL ofrece de cara ao próximo ano.

    Carlos López Font explicou que a vontade da Deputación é manter “unha canle fluída” de comunicación cos concellos e alcanzar unha “transparencia máxima na xestión e recadación tributaria”. O deputado, en nome da presidenta, Carmela Silva, subliñou que a Deputación non quere quedar nunha “relación fría dunha vinculación administrativa derivada dunha delegación de competencias”, senón que opta decididamente por que os municipios “síntanse en casa no ORAL” e, ademais, “teñan a seguridade de que estamos en contacto para resolver calquera cuestión ou necesidade que poida xurdir”. Na xornada participaron tamén os/as xefes/as dos distintos servizos da área económica, orzamentaria e fiscal da Deputación, que impartiron charlas sobre as novidades que se poñen en marcha no marco da recadación e xestión tributaria no actual contexto socioeconómico derivado da pandemia de covid19.

    Carlos Font: “Non queremos quedar nunha relación fría de delegación de competencias, queremos que vos sintades en casa e que o ORAL está ao voso dispor”

    A Deputación anunciou que estreita a colaboración cos concellos achegándolles modelos normalizados de ordenanzas-tipo para os impostos e taxas municipais. O ORAL, que ata o de agora ofertaba os servizos de recadación e xestión, incorpora un novo aspecto de asesoramento nun momento en que existe debate sobre os tipos aplicables e a súa gradación nas taxas, así como os tipos e as bonificacións fiscais no caso dos impostos municipais. O ORAL asume a responsabilidade de elaborar as ordenanzas-tipo cun corpo normativo sólido. Deste xeito, os concellos conservan toda a súa potestade para adaptar tipos, gradacións e bonificacións ás súas necesidades e obxectivos con plena seguridade xurídica. As ordenanzas-tipo abranguerán os impostos de bens inmobles (IBI), construcións e instalacións (ICIO), vehículos (IVTM) e actividades económicas (IAE), ademais das taxas de auga, saneamento, sumidoiros, recollida e tratamento de lixo.

    Por outra banda, a aposta pola transparencia converterá aos 53 concellos delegantes en verdadeiros órganos fiscalizadores do labor do ORAL. Nun paso máis na rendición de contas, o Órgano de Recadación dará acceso ao seu programa de xestión e, a través dos ficheiros informáticos de vida de tódalas débedas, permitirá que os concellos poidan revisar online tódolos trámites feitos con cada contribuínte ata que “morra” a débeda ou se declare “fallida”, ou sexa, imposible de cobrar. A transparencia exercerase no dobre circuíto da recadación ou da xestión e a recadación, en función das competencias que cada concello teña delegadas. A maiores, o ORAL anunciou a aprobación dunha nova Carta de Servizos da Recadación Executiva (vía de apremio) que oferta aos concellos, aclarando así tódalas actuacións que se realizan neste tipo de procedemento e o xeito en que se levan a cabo.

    Finalmente, a Deputación anunciou a modificación da Ordenanza Fiscal de Xestión e Recadación do ORAL para a súa simplificación e proporcionar, deste xeito, unha información máis clara ás persoas contribuíntes sobre os seus dereitos e obrigas. Ademais, esta ordenanza, que é a establece todo o procedemento recadatorio que leva a cabo o ORAL, introduce a necesaria adaptación á Administración Electrónica e aos cambios normativos e de xénero.

    O ORAL dá servizo a case medio millón de persoas (496.219) dos 53 concellos delegantes, o 86% da provincia, dende os seus 23 centros de traballo repartidos polo territorio. Durante o ano pasado atendeu a 97.657 persoas contribuíntes de xeito presencial, amais de 36.771 chamadas telefónicas e 12.744 correos electrónicos xestionados. Finalmente, a súa oficina tributaria virtual, que entrou en funcionamento no mes de febreiro, realizou un total de 11.881 xestións.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.