Domingo, 20 Xullo de 2025

O ‘Videosaúdo con Papá Noel’ posto en marcha este Nadal para nenos e nenas de Redondela, acada máis de 2.700 visitas nas primeiras 48 horas

0

O ‘Videosaúdo con Papá Noel’, realizado integramente en Redondela, está a ser o éxito deste Nadal. En tan só 48 horas –dende a noite do martes ata a noite do xoves– a páxina www.nadalenredondela.com, rexistrou máis de 2.700 visitas de nenas e nenos aos que Papá Noel, dende a súa casa, transmitíalles a súa felicitación de Nadal e explicáballes todo o traballo que lle queda por facer ata levar os agasallos aos seus fogares.

O proxecto, desenvolvido integramente en Redondela e ideado por un funcionario do Concello, permite que os rapaces e rapazas, logo de introducir o seu nome, poidan recibir un saúdo totalmente personalizado de Papá Noel. A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou a extraordinaria acollida desta páxina que, dixo, “forma parte das iniciativas que durante este Nadal se dirixirán aos nenos e nenas. Non imos permitir que a pandemia que estamos a vivir, que nos priva de moitísimas cousas, prive aos máis pequenos e pequenas da ilusión do Nadal”.

Precisamente, cativos e cativas terán a oportunidade, do 15 ao 24 de decembro, de visitar a Casa de Papá Noel, instalada na alameda de Castelao. Este ano, e debido ás medidas de seguridade sanitaria, nenos e nenas non poderán entrar na casa e recibirán o saúdo de Papá Noel que estará ás portas da mesma.

Para evitar aglomeracións, o Concello de Redondela habilitou un amplo horario de visitas de xeito que estas pódanse facer de xeito escalonado. Así, do 15 ao 23 de decembro, nenos e nenas poderán visitar a Papá Noel en persoa, entre as 17 h e as 19:30 horas. E o día 24 de decembro, dende as 11 h a 14 horas e de 16:30 h a 19 horas.

Pero Papá Noel tamén estará cos máis pequenos e pequenas de Chapela e o fará na Alameda de Rosalía de Castro os días 20, 23 e 24 de decembro. Os días 20 e 23 poderán visitalo de 17 h a 20 horas, e o día 24 de decembro de 10:30 h a 14 horas.

Finalmente, Papá Noel tamén visitará as parroquias de Redondela para que os nenos e nenas poidan gozar destas datas máxicas do Nadal. O fará os días 22 e 23 de decembro de 16 h a 20:30 horas.

Arbo premia aos compradores na campaña ‘Comprar en Arbo ten premio’

0

O Concello de Arbo pon en marcha un ano máis a campaña ‘Comprar en Arbo ten premio’, en colaboración coa Asociación de Comerciantes do municipio, na que participan máis de oitenta establecementos da localidade. Os negocios repartirán entre os seus clientes rifas polas súas compras imprimíndose, en total, preto de 150.000 rifas.

En conxunto distribuiránse un total de 3.800 euros en premios: un de 500 euros, un de 250, outro de 150 euros, un cuarto premio de e vintecinco premios de 75 euros. O sorteo efectuarase en xaneiro, repartindo os vales para descontar nos comercios, bares, restaurantes e empresas de Arbo que participan na Campaña de Nadal, aos agraciados no sorteo.

Coa posta en marcha desta campaña o Concello de Arbo e os seus comercios pretenden atraer a un maior número de clientes e fidelizar aos seus compradores máis habituais. Sinalando ademais a importancia de apoiar o pequeno comercio local tan importante para Arbo e que é a base da economía de moitos arbenses.

O alcalde de Arbo, Horacio Gil, anima a que os arbenses e os visitantes desfruten da vila, “especialmente atractiva nesta época do ano”, e que aproveiten para realizar todas as compras “nos comercios de Arbo, nas empresas, a que visiten os nosos locais de hostalería, bares, restaurantes, casas de turismo rural, as nosas adegas, nos que poden degustar todos os marabillosos produtos”.

O rexedor local vai máis aló ao animar aos visitantes a gozar “dunha fascinante experiencia nunha das nosas empresas de turismo de aventura”

A Xunta adxudica a redacción do contrato para impulsar un plan de sendas no Condado e Baixo Miño

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar, por un importe de 18.000 euros, o contrato para redactar un Plan de sendas nas comarcas do Baixo Miño e do Condado. Trátase de identificar os treitos de sendas prioritarios a executar nas marxes das estradas autonómicas ao seu paso polos concellos da Guarda, O Rosal, Oia, Tomiño e Tui, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Salvaterra de Miño e Ponteareas.

No marco da redacción deste contrato, que opta a posible financiamento europeo con fondos Next Generation ou FEDER 21/27, consultarase aos municipios nos que se acometerán as sendas, tal como se fixo nas fases anteriores noutras comarcas.

Para o impulso destes itinerarios peonís e ciclistas, tómanse en consideración criterios como a localización das estradas con respecto a núcleos de poboación ou servizos e equipamentos. Tamén se teñen en conta as características particulares das vías, a integración ambiental ou a mobilidade alternativa actual.

No caso de cada bisbarra, realizarase un estudo inicial de identificación de posibles sendas, relacionando os focos de atracción de peóns e ciclistas cos seus puntos de xeración correspondentes. Identificaranse as sendas existentes, as planificadas e os tramos onde sería axeitado implantalas.

A continuación, avaliarase a oportunidade de executar cada treito de senda identificado, para xerarquizar a proposta de actuación en base a criterios obxectivos que determinen a eficiencia e eficacia das actuacións.

Tamén se estudará a posibilidade de incluír sendas en concellos limítrofes, cando se consideren necesarias ou dean continuidade a itinerarios das comarcas analizadas.

Gonzalo Caballero critica o plan de usos da Xunta para o Pazo de Meirás: “branquea o franquismo e oculta a importancia da memoria histórica”

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, criticou hoxe plan de usos para o Pazo de Meirás, presentado nas últimas horas pola Xunta, xa que “branquea o franquismo e tenta ocultar a importancia de defender a memoria democrática”. Fíxoo tras asistir, esta mañá, no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, á celebración do acto central co gallo do Día das Letras Galegas.

“Os socialistas e as socialistas vémonos na obriga de rexeitar calquera tipo de plantexamento para o uso do pazo que implique tentar ocultar a importancia de defender a memoria democrática e condenar o franquismo”, aseverou. Así, Caballero subliñou que o plan “racha calquera posibilidade de acordo” ao carecer dunha “folla de ruta” para defender a memoria histórica.

O líder dos socialistas galegos incidiu en que “isto é sostible coa defensa da figura de Emilia Pardo Bazán e coa posta en valor da súa biblioteca no Pazo de Meirás”; pero recalcou, que “o uso futuro ten que ter a defensa da memoria democrática e histórica como principal bandeira, despois de tantas décadas de franquismo e represión”.

Nesta liña, Caballero puxo en valor o traballo desenvolvido ata o de agora polo goberno de España no eido xudicial para conseguir que o Pazo de Meirás “volvese ao público”. O socialista subliñou que o goberno, encabezado pola vicepresidenta primeira Carmen Calvo, “segue a traballar” para “pór en valor a memoria democracia” neste espazo.

O Día das Letras Galegas

O responsable socialista participou no acto central de celebración do Día das Letras Galegas para homenaxear a Ricardo Carvalho Calero, no que fixo un chamamento a todas as administracións públicas para “frear o retroceso do galego” que “detectaron diferentes institucións académicas, da lingua e europeas”.

“Temos que pór en valor a importancia de defender a nosa lingua, o galego, e traballar por unha cooficialidade real e por un bilingüismo que non permita ningún retroceso no uso do galego no noso país”, aseverou. Así, Caballero urxiu á Xunta a “traballar máis por potenciar e defender” a nosa lingua.

Neste senso, o responsable socialista esixiu “unha política lingüística na que o galego sexa defendido” e remarcou a importancia de que “cada un en Galicia poida falar e expresarse en galego ou en castelán” con liberdade.

O deputado do BNG no Congreso visita Tomiño para interesarse polo proxecto da biblioteca municipal

0

O deputado do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, realizou unha visita institucional ao Concello de Tomiño este mércores para interesarse polo proxecto da biblioteca municipal, un dos máis importantes na axenda do goberno local. O deputado nacionalista xa solicitou o apoio do Ministerio de Fomento para axudar a financiar a súa construción a través dunha das enmendas presentadas na negociación dos Orzamentos Xerais do Estado que tivo lugar recentemente.

Rego foi recibido pola alcaldesa, Sandra González, acompañada tamén por boa parte dos concelleiros do goberno local, que lle ensinaron o lugar escollido para a instalación da futura biblioteca, ademais de mostrarlle as instalacións da Casa do Concello, a praza do Seixo e o Mercado de Tomiño.

A alcaldesa trasladou ao deputado a necesidade de contar co apoio económico das demais administracións públicas para poder executar a obra, especialmente co do Ministerio de Fomento, que xa tiña comprometida unha partida orzamentaria para a realización do proxecto durante o goberno de José Luis Rodríguez Zapatero, pero que foi suspendida trala súa saída do executivo. A rexidora destacou tamén o feito de que a recuperación de dita partida foi aprobada por unanimidade no pleno municipal.

Aproveitando a visita do parlamentario, o goberno local amosoulle tamén outros proxectos de relevancia para os que sería fundamental contar co apoio do goberno central, como por exemplo os encadrados dentro da estratexia de cooperación transfronteiriza no marco da Eurocidade Tomiño-Cerveira e a AECT Río Miño, destacando a necesidade de potenciar a cooperación nun tramo da fronteira polo que circula o 50% do tráfico de todo o Estado entre España e Portugal. Tamén se falou, entre outros, de proxectos para potenciar e recuperar a riqueza paisaxística e natural do río, como a Senda do Miño, ou a ponte peonil que pretende unir, a través do tramo máis estreito do río, a Fortaleza de Goián co parque do Castelinho de Vila Nova de Cerveira.

Tamén estivo presente na reunión o vicedirector da Agrupación Europea de Cooperación Territorial del Río Miño (AECT Rio Minho) e deputado de Cooperación Transfronteriza da Deputación de Pontevedra, Uxío Benítez, que instou a Rego a dar voz á problemática que afecta aos municipios transfronteirizos de ambas beiras do río en materia xurídica, debido ás incongruencias e diferenzas legais que existen entre os dous países e que dificultan o día a día dos veciños así como a realización de moitos proxectos.

Gondomar dótase de colectores para a recollida de catuchos de tinta e tóner

0

O concello de Gondomar, a través da súa concellería de Medio Ambiente e Transición Ecolóxica, poñerá en marcha unha nova iniciativa destinada a favorecer a reutilización e reciclaxe de materiais que utilizamos no noso día a día e que son altamente contaminantes.

É o caso dos cartuchos de tinta e tóner das impresoras que, a partir de agora, poderán depositarse en 6 contedores específicos para a súa recollida que se colocarán en dependencias municipais accesibles a todos os cidadáns como son o Rexistro Municipal do concello e as instalacións do antigo centro de saúde, ocupadas actualmente polos departamentos de Medio Ambiente e Benestar Social e Igualdade, ou a xefatura de policía local, entre outros.

O servizo será gratuito e unha empresa especializada no sector será a encargada de trasladar o material á planta na que dividirán os seus distintos compoñentes dos que se obten plástico, ferro, aceiro ou po que se destinan á elaboración de novos elementos, mesmo electricidade.

Desde a concellería de Medio Ambiente puxéronse ata o de agora en marcha diferentes accións dirixidas a promocionar a reutilización e reciclaxe como a promoción da compostaxe, con repartición de case 300 composteiros individuais, a localización de colectores de pilas en distintos puntos de Gondomar, ou o desenvolvemento de campañas de formación e información ambiental entre a veciñanza, en xeral, e prestando especial atención ás novas xeracións.

EU lamenta que os Orzamentos da Xunta “non contemplen ningún investimento concreto para a mellora da saúde da veciñanza do Porriño”

A coordinadora de Esquerda Unida Eva Solla, xunto coas concelleiras de EU Son do Porriño, Blanqui Francés e Patricia Sío valoraron en rolda de prensa os orzamentos da Xunta de Galicia que afectan ao Porriño. A concelleira de EU Son Porriño Patricia Sío, centrou a principal eiva dos orzamentos da Xunta na ausencia total de investimento tanto para a mellora do centro de saúde tanto en materia de infraestruturas como de medios humanos.

Así tamén se queda sen orzamento, apunta Sío, a actuación sobre a contaminación por lindano, “un problema que afecta sobre todo a zona de Torneiros e que mesmo xa hai unhas semanas se trasladou esta á comisión europea na que intervíu o coordinador de EU Pedro Ocampo”.

Para coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, “os orzamentos da Xunta de Galicia para este ano 2021 están marcados sen dúbida polas consecuencias da pandemia da Covid-19, polo que o incremento do cómputo global destes orzamentos atribúese sobre todo a fondos estatais e europeos”. Un exercicio máis, “a Xunta de Galicia presenta uns orzamentos nos que non concreta as partidas de investimento por consellería o que impide coñecer a dedicación concreta destes fondos dos que ademais moitos deles non chegan a executarse.”

“Á ausencia nestes orzamentos, de partida específica para a mellora do centro de saúde, súmase a ausencia de dotación económica para a ampliación da unidade de atención a drogodependencias que sigue sen partida específica, o que evidencia que as persoas con problemas sociais e de saúde non son unha prioridade para a Administración autonómica” indica Solla.

En canto ao lindano, “levamos anos reclamando plans de saúde específicos, tras ter levado esta cuestión ao Parlamento europeo, atopámonos unicamente cun plan “lindanet” de 4000 euros, –contía insuficiente– para a descontaminación das terras contaminadas depositadas na pranta de Sogarisa (As Somozas)” di Eva Solla. Polo que , “a vulneración contínua do dereito á sáude das e dos veciños do Porriño, vese reflectido nestes orzamentos autonómicos que non contemplan un só euro para un plan de saúde específico ou iniciar os traballos na zona comprometida de vivendas públicas, que si son competencia autonómica”.

En conclusión, os orzamentos da Xunta de Galicia para o Porriño non contemplan ningunha inversión concreta nin para o centro de saúde, nin para vivenda nin para a unidade de drogodependencias, nin tan sequera para a descontaminación de lindano.

Nigrán leva a Pleno a aprobación de 120.000 euros en axudas directas á hostalaría e ao sector do taxi

0

O Goberno de Nigrán levará ao Pleno do 21 de decembro a aprobación das bases para establecer axudas directas de 120.000 € ao sector hostaleiro afectado polo peche sanitario do 4 de novembro e ao sector do taxi da localidade afectado polas restrición de mobilidade. A cantidade da subvención finalmente incrementouse para incluír tamén a bonificación na hostalaría do recibo trimestral da auga e a parte proporcional do lixo e, no sector do taxi, a axuda será de 70 € para compensar o imposto de Rodaxe.

“Finalmente, en lugar de que os beneficiarios teñan que solicitar as bonificacións das taxas ou impostos municipais decidimos subir o importe das axudas para que inclúan sufragar este gasto aforrando así a burocracia que suporía a bonificación previo pago. Igualmente, para os desempregados aumentamos en 150 € a axuda prevista inicialmente de 600 €”, explica o alcalde, Juan González.

Así, en lugar de establecer unha axuda fixa de 1.000 € para os restauradores, o goberno local establece agora 1.115 € para os restaurantes de ata 250 m² de superficie, 1.160 € para os de maior superficie e 1.085 € para cafeterías e bares. Os taxistas se inclúen con 70 € para compesar o imposto de Rodaxe e cos desempregados súbese de 600 a 750 €. As subvencións resolveranse por concorrencia non competitiva, é dicir, ata esgotamento de 120.000 € en fondos do Remanente de Tesourería e por orde de rexistro de entrada das solicitudes presentadas, puidendo ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles se é preciso. “Non quedará ninguén fora, todo o que cumpra os requerimentos mínimos percibirá unha axuda. ‘Un Nigrán para todos’ ao fin tamén é eso”, incide González. A cuestión será presentada polo goberno local na Comisión de Contas do luns 14 e irá ao pleno do 21 de decembro para publicarse despois no Boletín Oficial da Provincia e abrir o prazo dun mes, polo que previsiblemente será a inicios de ano cando se poidan tramitar as solicitudes.

“O obxectivo desta subvención municipal é paliar en parte a perda de ingresos destes sectores durante a pandemia para que poidan sufragar os gastos fixos correntes, incuso os tributarios, e sobrevivir a esta crise. Son imprescindibles para a economía do noso municipio, necesitamos que sigan abertos, trátase de reconstruír a nosa sociedade para a era postcovid”, explica González.

Segundo contemplan as bases específicas xa anunciadas, as persoas beneficiarias serán os taxistas con licencia municipal, autónomos hostaleiros afectados pola orde de peche derivado das limitacións decretadas desde a Consellería de Sanidade o 4 de novembro (empadroados no municipio e titulares dun negocio no mesmo) e traballadores por conta allea deste mesmo sector sen dereito a ningún outro tipo de prestación (empadroados en Nigrán e que traballaran nel un mínimo de 15 días antes da obriga de peche ao público, independientemente de que o establecemento non estea situado no municipio). No caso dos autónomos hostaleiros e taxistas a axuda será compatible con calquera outra que establezan as distintas administracións co compromiso adquirido de permanecer activos un mínimo de 3 meses despois de serlle outorgada e, no caso de desempregados do sector sen ingresos, o compromiso é o da busca activa de emprego.

A maiores, o Concello tamén mantén para o ano 2021 a bonificación do 75% da taxa por terrazas (máximo permitida por lei) e, adicionalmente, mentres duren as restricións, continuará co servizo de reparto gratuíto para os hostaleiros con delivery, medida que tomou con gran éxito o goberno local tras o peche decretado o 4 de novembro.

Sector cultural

Co obxectivo de incluír ao outro sector prexudicados directamente polo peche hostaleiro, o Concello creou un plan de apoio a artistas locais mediante a súa contratación para dinamizar o comercio de proximidade durante a campaña da Nadal. Todos eles están incluídos na programación destas festas.

O Goberno de Ponteareas explica os factores que non permiten evitar o solapamento de obras no casco urbano

A concellaría de Mobilidade e Tráfico, que dirixe Roberto Mera, informou da reapertura ao tráfico da rúa Carballos no tramo que vai desde a Avenida de Galicia até a Estación de Autobuses. A rúa quedara cortada á circulación o pasado mércores por causa das obras de soterramento da rede de calor con biomasa.

Deste xeito, parte da Avenida de Galicia recobra tamén a normalidade con dobre sentido de circulación desde o centro urbano até os Xulgados, onde o tráfico deberá continuar por Carballos e Castañal para saír á N-120. O primeiro tramo da Avenida de Galicia desde a N-120 até o cruce con Carballos mantense cun único sentido de circulación cara o centro.

Ao fío das obras e das limitacións e cambios que conlevan ao tráfico e mobilidade, o Goberno local explica que non foi posíbel que as obras que se executan actualmente na vila se programasen de forma que non coincidisen. “Hai que ter en conta que antes de licitar e adxudicar as obras, e dependendo de cada caso, se precisan autorizacións sectoriais de organismos como Patrimonio, o Ministerio de Mobilidade ou á Confederación Hidrográfica, entre outros. Os tempos de espera por eses permisos son variabeis e non son predicibeis”.

Doutra banda, explica Mera, “as licitacións tamén poden ter ritmos diferentes en función de moitos aspectos burocráticos cuxa duración non está preestablecida a priori. E as obras unha vez adxudicadas teñen que executarse en determinados prazos para xustificar as subvencións coas que se financian ou evitar determinadas datas, coma por exemplo o Corpus Christi que condiciona a obra da Praza de Bugallal. Por último, nas obras tamén poden xurdir retrasos por imprevistos ou por razóns meteorolóxicas, entre outras.”

O Concello engade que “todos eses factores son imposibeis de controlar a priori desde a administración e non permiten establecer un calendario fiábel o que conleva que a execución das obras poida concidir no tempo, aumentando os inconvintes para a veciñanza”.

Por último, o goberno local lembra que “estas molestias son consecuencia de que se fan obras e actuacións de envergadura que están transformando e mellorando Ponteareas e suporán maior calidade de vida para a xente. Estes inconvintes non existen cando non se fai nada, como aconteceu durante décadas de parálise e estancamento en Ponteareas”.

O Concello de Arbo remata as obras no parque empresarial

0

O Concello de Arbo deu por finalizaod os traballos de mellora de beirarrúas no parque empresarial do municipio, obras que contaron unha achega de 27.687,20 € da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os traballos realizacos enmárcanse enmárcanse na estratexia municipal de impulso da actividade deste recinto e a reactivación económica de Arbo ante a crise sanitaria marcada polo COVID-19.

Así, realizouse a reparación das zonas máis deterioradas, a demolición dos tramos en asfalto, e estendido dunha solera de formigón nas zonas nas que se carece da mesma e o estendido dunha capa de slurry coloreado.

A estratexia municipal “e a da Xunta de Galicia é de apoio aos parques empresariais, con continuas melloras para facilitar a actividade empresarial, xa que considéranse espazos fundamentais para economía e a xeración de emprego”, asegura o alcalde de Arbo, Horacio Gil.

As actividades do Revitaliza para escolares chegaron este ano a máis de 8.000 participantes a pesares da COVID-19

As actividades do Revitaliza para escolares chegaron neste ano 2020 marcado pola COVID-19 a máis de 8.000 escolares. A cifra é considerada como todo un éxito por parte da Deputación xa que, ademais, amplíase ao contabilizar os datos por cursos escolares: no 2019-2020 celebráronse 420 obradoiros para 9.628 crianzas –a pesares de que o terceiro trimestre non foi operativo–, e só no primeiro trimeste deste curso contabilizáronse 2.055 nenos e nenas en 138 actividades.

Estes datos foron dados a coñecer hoxe con motivo do Encontro de Educación Ambiental sobre compostaxe organizado ao abeiro do Plan Revitaliza da man do CEIDA, unha cita anual que se repite por cuarta vez, desta volta en formato telemático. Nesta ocasión contou con centros de ensino de Pontevedra, Vilaboa, Soutomaior, Ponteareas e Silleda que espuxeron o traballo realizado coa compostaxe ao longo dos últimos meses, e foi seguido por un bo número dos colexios de toda a provincia.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva e o vicepresidente da institución provincial, César Mosquera, na inauguración do encontro

O director do Ceida, Carlos Vales, quixo poñer de manifesto na inauguración do encontro a importante adaptación das e dos educadores que están a desenvolver o programa do Revitaliza nos colexios. “Estou impresionado coa capacidade nun contexto tan sorpresivo, duro e perigoso. Se non houbera pandemia habería miles de alumnos máis nestas actividades, máis a pesares de todo estamos orgullosos”, subliñou, destacando que cando se recupere unha maior normalidade farase un esforzo por potenciar o programa.

O vicepresidente Mosquera, impulsor do Revitaliza, destacou a importancia que tivo o traballo nas escolas no éxito que está a ter o plan de compostaxe provincial en xeral. Afirmou que foi fundamental abordar todos os flancos e actuar conxuntamente con axentes e colaboradores creando equipos de traballo. “Botamos a andar no 2015 nun campo no que os intentos non daban callado. Nós aprendemos do que se fixo ben e do que se fixo mal noutros lugares, trouxemos xente formada e tiñamos humildade para aprender. Agora o programa no seu conxunto é exemplo na Unión Europea e noutros ámbitos, o que demostra que se nos poñemos, as e os galegos somos quen de facer grandes cousas”, subliñou.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, quixo recoñecer pola súa parte o traballo feito polo CEIDA, organización que cualificou como “o instrumento fundamental para levar a cabo este proxecto aos centros educativos” e subliñou a necesidade de “comprometer á mocidade” como a única forma para lograr un cambio de hábitos para o tratamento dos residuos.

“Precisamos de forma imperiosa cambiar o sistema e é fundamental –indicou dirixíndose aos mozos e mozas participantes no encontro- que vos os sumedes, e que sexades a voz da reivindicación de que hai que facer as cousas doutra forma. Precisamos da educación e tamén doutro modelo educativo máis pegado á realidade na que vivimos, para dar respostas ás novas necesidades. É un dos aspectos máis potentes do Revitaliza”.

“Levamos moito tempo facéndoo mal no planeta –manifestou Carmela Silva–. Falase do poder da educación, pero este acádase se aos centros de ensino chegan competencias e modos de educar baseados nun compromiso co tempo, co espazo e co territorio”. A presidenta destacou o traballo conxunto “dunha grande equipa” impulsado desde a Deputación neste eido e os logros conseguidos: “Hai que ter ambición e nós somos un pobo moi talentoso, afeito a dar ao longo da historia respostas aos retos –indicou–. É certo que unha administración provincial ten menos recursos, pero como di o vicepresidente, alguén tiña que empezar a apostar pola compostaxe e por un sistema circular, onde todo esta pensado e no que se vai aprendendo da experiencia para introducila na toma de decisións. E estamos orgullosos de que unha administración provincial estea a converterse nun gran referente da compostaxe”.

[su_image_carousel source=”media: 27054,27053,27052,27051″ crop=”5:4″ captions=”yes” link=”lightbox” autoplay=”0″]

Protagonista, a rapazada

Na xornada de hoxe os principais protagonistas foron as e os rapaces dos centros de ensino. Con vídeos gravados ao longo das últimas semanas, amosaron o traballo que estiveron realizando ao longo do curso pasado e toda a súa implicación co coidado da natureza, a reciclaxe e a compostaxe en concreto.

O centro que arrancou a xornada foi o I.E.S. Plurilingüe Pintor Colmeiro de Silleda, que participan dende o principio no ‘Programa de Educación Ambiental Revitaliza’ e utilizan a compostaxe como un fío educativo con xogos e actividades a partir da exposición do CEIDA, con compostaxe con experimentación e outras iniciativas como facer xabón con aceite de reciclaxe, implicando a todos os niveis formativos, incluíndo a FP Básica de comercio e resultando un traballo excepcional.

Os seguintes en expoñer o seu traballo foron as e os escolares da E.E.I. Verducido de Pontevedra, que tamén participan no Programa Educativo dende o principio e xa participaran no I Congreso de Educación Ambiental, e que falaron dos composteiros no colexio, usando os restos das merenda e o comedor escolar, e da horta no centro educativo.

Pola súa parte, o C.E.P. Plurinlingüe Riomaior de Vilaboa, totalmente involucrado no Revitaliza, ten creado a Cooperativa Riomaior para facer artesanías co refugallo e obter así cartos para autofinanciar as súas saídas, doando o resto a ONGs.

Finalmente, o C.E.I.P. Nosa Señora dos Remedios de Ponteareas explicou como participa activamente coa instalación de composteiros no centro educativo e a creación de horta escolar, e o C.P.R. Santiago Apóstol de Soutomaior falou do seu traballo sobre o estudo da influencia do compost no crecemento do grelo e a berza.

Mos inicia as obras de saneamento en Pardellas, Cela,

0

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, e o edil da parroquia de Cela, Gonzalo Alonso, visitaron onte as obras de acometida da rede de saneamento no Camiño do Monte de Pardellas na parroquia de Cela. Estes traballos lévanse a cabo a través do Plan Concellos e mediante os mesmos instálanse un total de 467,97 metros de tubería e darase servizo a 18 vivendas e 72 habitantes.

Dentro desta mesma subvención do Plan Concellos 2020, a administración local mosense acometerá tamén o proxecto de ampliación da rede de saneamento integral nas parroquias de Louredo e Guizán. Sumando entre as tres parroquias, Cela, Louredo e Guizán, un orzamento de 249.688,42 euros. O prazo estimado da execución das obras é de 3 meses para cada un dos colectores que se proxectan, incluído o estudo e preparación das mesmas.

Na parroquia de Louredo os colectores proxectados na instalación do saneamento acometeranse nas zonas da Estrada Peinador-Os Valos e a Estrada Alto de Barreiro Santiaguiño. Instalaranse 1.026,93 metros de tubería e darase servizo a 25 vivendas e 100 habitantes.

E en Guizán no Camiño do Crasto e no Camiño da Ponte. Instalaranse 1.067,18 metros de tubería e darase servizo a 22 vivendas e 88 habitantes. En total poderán conectarse ao saneamento 65 vivendas das tres parroquias.

Sobre estas obras Nidia Arévalo sinalou que “desde o Concello continuamos a dar pasos e avanzando cara a consecución do saneamento integral no municipio, e facémolo tocando todas as fases: tras anos de acometidas nas que se daba servizo a moitas vivendas, agora atopámonos realizando as fases máis complicadas que corresponden a tramos máis difíciles e nos que hai menos vivendas; que son as que quedaron para o final”.

A rexedora local e concelleiros anunciaron que “para rematar todo o saneamento pendente e lograr o saneamento integral en Mos queda pendente unha inversión total de 1 millón de euros que se executará ao longo do vindeiro ano”. Prazo no que se acometerá o tramo correspondente á estrada Nacional 550 que dará servizo ás parroquias de Mos, Louredo e Sanguiñeda-Amieirolongo. Aos vecinos/as destas tres zonas alcaldesa, Nidia Arévalo, quixo hoxe “pedirlles desculpas pola demora e agradecerlles a paciencia que levan tido ante esta tardanza que é allea á vontade municipal e ven dada pola longa espera de permisos doutras administración”.

As previsión do Concello son as de, a curto prazo, facer realidade o 100 % do saneamento instalado en Mos, “que será posible tras tantos anos acometendo obras que deran servizo de alcantarillado á veciñanza”. A recta final acurtarase tamén en breve, explica o Goberno local, grazas a que a Xunta de Galicia atópase licitando a obra de saneamento que permitirá rematar a acometida da instalación na parroquia de Pereiras. Trátase dunha obra a realizar pola Xunta de Galicia a través de Augas de Galicia e mediante a que se executarán na parroquia de Pereiras varios colectores que permitan completar o saneamento no núcleo parroquial. A obra conta cun orzamento de 430.026,10 euros.

A actuación dividirase en dúas zonas: Rede Norte cunha acometida de 771,55 metros de lonxitude de instalación que dará servizo a unhas 24 vivendas e 96 habitantes. Rede Sur cunha acometida de 1.052,38 metros de lonxitude de instalación que dará servizo a unhas 33 viviendas e 132 habitantes. O prazo que se estima para a execución das obras é de 4 meses.

Entre as 4 obras descritas darase servizo de saneamento a preto de 500 veciños e veciñas de 4 parroquias mosenses (Cela, Louredo, Guizán e Pereiras) e mellorarán a seguridade viaria en 7 viais municipais, que tamén serán asfaltados tras o remate dos traballos de acometida da rede de saneamento.

Concello de Redondela y Asociación de Empresarios unen campañas para dinamizar os mercados de abastos e o comercio de proximidade

0

O mercado de abastos de Redondela acolleu onte a presentación dunha campaña que busca a dinamización dos mercados de abastos do municipio e, ao mesmo tempo, poñer en valor a importancia do comercio de proximidade “como un dos eixos básicos da economía local”, sinalou a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas na presentación desta iniciativa, acompañada polo presidente da Asociación de Empresarios de Redondela, Enrique Lago.

A campaña presentada hoxe ofrece a usuarias e usuarios da praza de abastos, a posibilidade de gañar premios directos polas compras que realicen. Por ditas compras obterán boletos que lles permitirán optar a unha das 16 cestas de Nadal con produtos gourmet e 750 tote bags (bolsas de tea) promocionais.

Cómpre salientar que as cestas de Nadal incluídas nos premios desta iniciativa, foron adquiridas polo Concello de Redondela en distintos establecementos do comercio local buscando o dobre obxectivo de, por unha banda, axudar ao comercio de proximidade nestes tempos complicados e, por outra, contribuír a dinamización comercial do municipio.

A Asociación de Empresarios de Redondela colaborou, nesta campaña, coa decoración de Nadal do Mercado de Abastos e a impresión dos boletos para poder optar aos distintos premios.

A concelleira de Comercio, María Castro, sinalou que a iniciativa presentada hoxe “non é máis que o comezo dunha campaña global de posta en valor do comercio local e dinamización do mesmo nestas datas de Nadal”, campaña que será presentada o vindeiro martes en rolda de prensa.

Pola súa banda, a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, recalcou a importancia dun comercio local e unhas prazas de abastos –Redondela e Chapela– “que teñen capacidade dabondo para ofrecernos todo o que precisemos para este Nadal”.

Nese sentido a alcaldesa redondelá fixo fincapé en que “o confinamento perimetral amósanos a potencialidade do noso comercio de proximidade e das nosas prazas de abastos nas que podemos atopar todos os produtos, sen saír do noso municipio”.

A Deputación presentou na xornada ‘Fóra de plano’ os premios #Mulleresnofoco

Co obxectivo de recoñecer o papel das mulleres no audiovisual, a presidenta da Deputación de Pontevedra presentou hoxe os primeiros premios #Mulleresnofoco, no decurso da xornada “Fóra de plano. Mulleres no audiovisual”, impulsada pola Escola de Igualdade María Vinyals e a Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais CIMA.  No evento, que foi seguido on line por case 400 persoas, participaron, amais da presidenta, Cristina Andreu, presidenta de CIMA, Beli Martínez, produtora, Mónica Camaño, actriz, e Noemí Chantada, realizadora. Tamén presentáronse os resultados do Informe de CIMA, nos que se reflicte que soamente o 30% do persoal ao fronte de longametraxes en España durante o 2019 foron mulleres e que son elas as que dirixen as películas de menor orzamento. Ao respecto, a presidenta fixo fincapé en que “non lle quede a ninguén dúbida algunha de que as mulleres imos estar e reivindicar a nosa presenza no audiovisual, o talento extraordinario que temos e todo o que aportamos”.

Os premios #Mulleresnofoco, aos que Carmela Silva cualificou como “fundamentais”, teñen por obxectivo poñer en valor o traballo das mulleres do audiovisual situándoas “no centro de todo para facelas entrar no plano”. Necesitamos “reivindicar a situación das mulleres neste eido tan importante, porque a cultura e o cinema move e transforma o mundo, teñen unha grande capacidade para chegar a millóns de persoas, e é imprescindible que se conte con nós, xa que se falta a mirada das mulleres, falta a metade do mundo”. Deste xeito, estes primeiros premios, que promove a Deputación e a asociación CIMA e que se lanzarán de cara ao vindeiro ano, serán tres en total e contarán cunha dotación económica amais do galardón, que terá forma de claqueta.

Durante a xornada tamén se presentou o Informe de CIMA, “fundamental –asegurou Carmela Silva- para explicar ao conxunto da sociedade cal é a realidade á que nos enfrontamos”, algo no que tamén incidiu a presidenta da Asociación Cristina Andreu quen amosou a súa preocupación porque “en época de crisis as que primeiro caen son as mulleres”. Andreu informou que CIMA, integrada por 600 mulleres do audiovisual estatal, queren conseguir que os “contidos os conten as mulleres e que elas poidan traballar en igualdade de condicións que os homes, porque o talento é fundamental, pero se non hai igualdade non se pode premiar o talento”.

Os datos do Informe CIMA

Chelo Loureiro, vogal da asociación, destacou a posición moi minoritaria das mulleres no audiovisual estatal producindo películas, amais, con menores orzamentos, “o que se traduce en menos cartos para promoción, menos visibilidade e menos posibilidade de obter premios”. “Ocupamos os postos máis feminizados –destacou-, como deseño de vestiario, maquillaxe ou peiteados, con porcentaxes que oscilan entre o 60 e o 100% e, sen embargo, somos entre o cero e o 40% en dirección de fotografía, composición musical, efectos especiais, dirección, montaxe ou guión”. Amais, “as mulleres desaparecemos naquelas producións onde se moven máis cartos, como animación, e temos maior presenza en aquelas con menor orzamento, como o documental”. Ao respecto, dende CIMA están a traballar para  incluír, impulsar e ampliar cláusulas para o fomento da igualdade en subvencións para a produción audiovisual, porque “observamos que nas Comunidades Autónomas que o fan presentan porcentaxes superiores de películas dirixidas por mulleres e fendas económicas inferiores nos seus orzamentos”. Tamén propoñen a necesidade de crear tanto na administración central como nas autonómicas bases de datos sobre o audiovisual con fincapé no xénero, “porque a única forma de poder falar con forza é se nos apoiamos en datos reais”.

Trala presentación do informe e CIMA tivo lugar a mesa de debate “Onde estamos as mulleres no audiovisual? Cuestión de plano”, moderada por Chelo Loureiro, na que participaron Beli Martínez, produtora audiovisual e representante do proxecto “Cinema e muller” da Deputación; Mónica Camaño, actriz e unha das protagonistas de “Nación”, un dos filmes patrocinados desde o programa da institución provincial “Pontevedra, plató de cinema”; e Noemí Chantada, realizadora audiovisual, fundadora de “Islandia Producciones” e directora da curta “Sorrisos transformadores”. No debate reflexionouse sobre a situación da muller no eido do cinema e da produción audiovisual, destacando o papel que desenvolven no presente e os retos de futuro.

Amais, e como complemento á xornada, ata o domingo 13 de decembro a Deputación de Pontevedra ofrece ás persoas inscritas na xornada “Fóra de plano” unha selección de curtametraxes con perspectiva de xénero a través de www.depo.gal. En total, poderanse ver na web “Xoves de Comadres”, de Noemí Chantada; “Familias, de Sara Bomba e Iván Martín;  “Carne”, de Camila Kater; “Beef”, de Ingride Santos e “Reflejo” de Juan Carlos Mostaza, estas tres últimas candidatas aos Premios Goya como mellor animación (“Carne” e “Reflejo”) e como mellor ficción (“Beef”).

O Nadal chega ao Rosal cargado de actividades para toda a familia

0

O Nadal chama á porta no Rosal cunha axenda cargada de actividades para toda a familia. “A pesar das restricións pola Covid-19 e mantendo todas as medidas de seguridade quixemos crear un ambiente de Nadal con actividades culturais e de lecer dirixidas a pequenos e maiores coas que dinamizar as nosas rúas, fomentar a presenza de veciños e veciñas e potenciar o comercio local”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.

A programación arrancará o vindeiro 23 de decembro coa primeira visita do Apalpador ao Rosal e coa música de Os Monifates, música tradicional nun formato acústico con instrumentos do máis variados. Comezará ás 16.30 horas na Praza do Calvario e será necesaria inscrición previa.

Xa o día 26 de decembro pola mañá será a quenda de Os Carunchos, que percorrerán as rúas do Calvario coa súa música tradicional a partir das 11.00 horas. Pola tarde, e previa inscrición, os rosaleiros e rosaleiras poderán desfrutar do concerto de Uxía ‘Lume novo de Nadal’ no Auditorio Municipal (20.00 horas).

O luns 28 de decembro A Apalpadora volve ao Rosal, nesta ocasión da man de Iseo a Moura a partir das 17.00 horas na Praza do Calvario. O día 29 de decembro a batucada de Latexo Percusión soará polas rúas da contorna do Calvario a partir das 18.00 horas. O mércores 30 La tropa de Trapo visitará a Praza do Calvario co seu espectáculo ‘Catro Monos’, catro contos para falar de como nos relacionamos entre nós e co medio, para que nenos, nenas e maiores rían, reflexionen, cante e soñen con outro mundo posible. A partir das 17.00 horas.

Antes de despedir o ano, o día 31 ás 17.00 horas O Apalpador regresa de novo ao Rosal para visitar a nenos e nenas na Praza do Calvario. A programación de Nadal rematará o 5 de xaneiro co espectáculo Os trasgos do Thea e a chegada dos Reis Magos ao Pavillón Municipal do Rosal a partir das 17.00 horas. Para esta actividade será necesaria inscrición previa.

Ademais de todas estas actividades, o Salón de Exposicións do Concello acollerá ata xaneiro ‘Asina! Por unha canle Xabarín Club 24 horas na TVG’, unha mostra creada e cedida polo alumnado do CEIP A Guía de Moaña realizada no marco da acción da Mesa pola Normalización Lingüística para por en marcha unha proposición parlamentaria por iniciativa popular coa que conseguir unha programación infantil e xuvenil en galego dispoñible as 24 horas do día en distintas plataformas.

Todas as actividades de Nadal buscan tamén dinamizar o comercio local, levando aos rosaleiros e rosaleiras ás ruas e propiciando que realicen as súas compras no comercio de proximidade. Ademais de dispoñer dun cartel animando á mercar nestas datas no comercio local, os establecementos decoraranse con ornamentación creada polo alumnado dos centros de ensino rosaleiros.

Como ven sendo habitual, o Concello organiza todas estas actividades contando coas medidas de prevención marcadas polas autoridades sanitarias, como o aforo reducido, o mantemento das distancias de seguridade ou o uso de máscara, apostando así unha vez máis pola cultura segura.

A unidade móbil de doazóns de sangue estará instalada na Guarda o venres 18 e sábado 19 de decembro

0

A unidade móbil do Centro de Transfusión de Galicia estará instalada na Guarda o venres día 18 de decembro e sábado día 19 de decembro.

Este autobús estará emprazado na Rúa Rosalía de Castro (ao Carón do Centro Cultural) o venres 18 en horario de 10:00 ás 14:00 e de 16:30 ás 21:00 horas e o sábado 19 en horario de 10:00 ás 15:00 horas.

O Centro de Transfusión de Galicia, grazas ao emprego destas unidades móbiles intenta facilitar o solidario xesto de doar sangue a todos os cidadás. Sen a implicación de todos é imposible acadas as 500 doazóns de sangue que se precisan nos hospitais galegos.

Para maior seguridade, pide a túa cita previa para doar no 900 100 828.

  • Para doar sangue hai que almorzar e despois de xantar espere 2 horas
  • Non esqueza traer a tarxeta de doazón, DNI ou documento similar

Informe ao médico se está a tomar algún medicamento.

O PP de Ponteareas solicita un plan “especial e temporal” de tráfico para non prexudicar ao comercio e hostalaría no Nadal

O  Grupo Municipal do PP solicita ao Concello local un Plan Especial de Tráfico para as datas do Nadal e acusa ao Goberno local de “falta de planificación”. Os populares consideran que a situación actual, obras en varias rúas céntricas, a climatoloxía adversa e cambios de sentido efectuados recentemente son os motivos deste caos na Vila do Tea.

Belén Villar sinala que “prodúcense atascos a diario e se está a prexudicar ao comercio e hostalería da zona” polo que piden ao Concello a creación dun Plan de Tráfico específico para esta situación temporal “na que se deben facilitar os accesos, o aparcamento e as compras do Nadal”.

O PP considera prioritario permitir o tráfico por algunhas rúas cortadas, coordinar as obras existentes, crear aparcadoiros provisionais ou permitir aparcar en zonas de forma temporal e intensificar a regulación do tráfico mediante axentes ou outros sistemas.

“Os que viven nas parroquias non están a gozar do noso pobo, nin facendo as súas compras do Nadal aquí, porque acceder con vehículo converteuse nunha misión imposible”, afirma Villar.

Os populares lémbranlle tamén ao Goberno local que seguen á espera de coñecer o novo Plan de Tráfico e Seguridade, debido ás numerosas obras que se están executando e que conlevan cambios de sentidos e novas normas e solicitan este Plan de Tráfico para o Nadal “mentres non entregan ese documento, que nos tememos que o van a redactar con posterioridade ás actuacións”, conclúe Belén Villar.

A Xunta mantén o peche perimetral en Ponteareas logo que o número de casos activos, neste venres, sitúese en 54

A concelleira de Saúde de Ponteareas e alcaldesa en funcións, Cristina Fernández Davila, analizou coa Xerencia da Área Sanitaria de Vigo e a Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade da Xunta a evolución da pandemia na localidade no encontro semanal que ambas administracións manteñen.

Segundo os datos que trasladou a Xunta ao Concello de Ponteareas, o número de casos oscila nesta última semana arredor do medio cento, sendo neste venres a cifra de 54. Isto implica unha incidencia acumulada próxima a 250.

Na actualización das restricións realizada pola Xunta, pendente de facerse oficial coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia, Ponteareas continuará en situación de peche perimetral, o que implica que a hostalaría poderá permanecer aberta ata as 17 h, unicamente cun aforo do 50 % no exterior e con grupos de máximo catro persoas, conviventes ou non. Ademais, en todos os ámbitos, os grupos nos encontros sociais non poden superar as catro persoas, mantendo o distanciamento interpersoal, o uso da máscara e as medidas de hixiene.

A pesar do interese amosado pola concelleira Cristina Fernández Davila, a Xunta sinalou no encontro virtual desta semana que, aínda que non o descarta, non ten previsto polo momento a realización de cribados con probas PCR masivas á poboación de Ponteareas. O goberno local manifestou unha vez máis a súa total disposición a colaborar para que estas se poidan realizar á veciñanza, detectando así ás persoas asintomáticas que poidan estar contribuíndo á expansión da COVID-19 na localidade.

Baiona cancela todas as actividades da fin de semana logo de coñecerse que será obxecto de “especial vixilancia” pola súa evolución epidemiolóxica

0

O Concello de Baiona vén de anunciar a cancelación das actividades programadas para esta fin de semana, unha medida que o Goberno que preside Carlos Gómez adoptou “por responsabilidade” tras o anuncio en rolda de prensa do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, de que o municipio será obxecto “dunha vixilancia especial pola súa evolución epidemiolóxica”.

Deste xeito cancélase a programación de ‘Baiona. A mellor música en directo! organizada pola Concellería de Cultura ao igual que esta tarde suspendíase o concerto de Swing du Monde. A suspensión afecta tamén ás actuacións do sábado de Javi Pacheco, Adrian Timms, e Pacheco Bros. O domingo suspéndense as actuacións de Orquestra Pantasma e The Goonies.

O Concello de Baiona apelou “á responsabilidade individual de cada persoa para evitar que a evolución epidemiolóxica empeore no municipio” e fixo un chamamento ao “cumprimento estrito de todas as indicacións das autoridades sanitarias”.

Carlos Gómez, que salientou “o comportamento exemplar que amosaron os nosos veciños e veciñas ata o de agora” expresou a necesidade “de seguir pedindo disciplina e un maior esforzo para minimizar os riscos que seguen estando moi presentes”.

O alcalde baionés recomenda “evitar as reunións sociais na medida do posible. O importante agora é seguir cumprindo estritamente as indicacións sanitarias, tal e como a cidadanía baionesa vén facendo con ejemplaridad desde o inicio da pandemia”, finaliza o rexedor.

Jara García Coello do CEP de Caldelas é a gañadora do concurso escolar da postal de Nadal do Concello de Tui

0

Jara García Coello, alumna de 2º curso de Primaria do CEP de Caldelas, é a gañadora do primeiro premio do concurso escolar para a elección da postal de Nadal do Concello de Tui para este ano 2020 convocado pola Concellería de Ensino e Cultura, que dirixe a concelleira Sonsoles Vicente Solla.

A responsable desta concellería explica que a finalidade deste certame escolar foi fomentar a expresión artística, a creatividade e a participación activa da poboación infantil tudense nas tradicións do Nadal, procurando que os nenos e nenas do noso municipio, expresasen a través dun debuxo o significado do Nadal e a súa relación co Concello.

A primeira edición deste certame contou coa participación dos seguintes centros escolares tudenses: CEP de Caldelas, CEIP’s de Randufe, de Guillarei e Nº 1 e Nº 2 de Tui.

O xurado acordou conceder os seguintes premios:

  • 3º premio á postal presentada por Sergio Vázquez Álvarez de 6º curso do CEIP de Guillarei, consistente nun vale de 50 € para consumir en establecementos comerciais do municipio e lote de libros
  • 2º premio á postal presentada por Sharay Iglesias Rodríguez de 5º curso do CEIP de Randufe consistente nun vale de 70 € para consumir en establecementos de Tui e lote de libros
  • 1º premio á postal presentada por Jara Garcia Coello de 2º curso do CEP de Caldelas consistente nun vale de 100 € para consumir en establecementos comerciais do municipio, un lote de pinturas, bloc e material de pintura e un lote libros, valorado en 40 euros.

O debuxo da gañadora será a felicitación oficial do Concello tudense neste nadal do ano 2020.

Carmela Silva enxalza o papel protagonista da provincia na presentación do festival ‘Novos Cinemas’

“Nesta provincia vive o cine, temos unha provincia do cinema” subliñou Carmela Silva no acto de presentación da quinta edición do Festival ‘Novos Cinemas’, un dos festivais integrados na marca provincial da Deputación de Pontevedra “Rías Baixas Film Fest’, que botará a andar o próximo día 15 de decembro e que contará na apertura coa película ‘Lúa Vermella’ de Lois Patiño, e na clausura cunha das películas máis aclamadas deste ano ‘My Mexican Bretzel’ de Nuria Giménez.

Na presentación, no que tamén participou o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores, o vicerreitor do Campus de Pontevedra Jorge Soto, o director da Agadic Jacobo Sutil e o director de programación do festival Suso Nóvas, a presidenta provincial enxalzou o “enorme talento audiovisual” de Galicia, pero sobre todo da provincia– que conta con nove dos trece festivais audiovisuais máis importantes da comunidade-, e subliñou o “momento revolucionario” que está a vivir este “sector económico potentísimo que está a xerar moita actividade económica e emprego”.

Carmela Silva insistiu en que “a cultura é segura, non coñecemos ningún caso de contaxio nunha actividade de carácter cultural e, dende logo, ningún en todos os festivais que se desenvolveron nesta provincia, que con este, son nove”. Neste eido, Silva reivindicou a necesidade de apostar pola cultura, “que chegue á cidadanía, porque se sempre é fundamental, nestes momentos de pandemia moito máis xa que permite crear espazos de felicidade e a felicidade permite que a xente se sinta mellor”. Ao respecto, a presidenta recordou que durante o confinamento foi a cultura e o audiovisual quen nos acompañou e permitiu “que puideramos transitar naquel túnel tan longo levando luz ás nosas casas”. A presidenta lembrou que apostar polo audiovisual “é unha obriga” das administracións públicas, pola súa capacidade para “desenvolver pensamento crítico pero tamén moitos valores positivos”. Por estes motivos, dende a Deputación, tal e como recordou, se están a impulsar numerosas iniciativas neste eido como os propios ‘Rías Baixas Film Fest’, ‘Pontevedra, plató de cinema’, ou os premios que se presentaron esta mesma semana ‘#Mulleresnofoco’.

Pola súa banda o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presumiu de cidade e desta quinta edición do festival Novos Cinemas, “que trae cada ano a directores/as noveis, transgresores/as, de vangarda, e que agrupa todas as cuestións que debe ter un festival destas características: dende formación ata proxeccións audiovisuais”. Por iso, o alcalde, agradeceu “a implicación de todas as administracións” que permite “impulsar grandes eventos como este que ten un gran futuro”.

O director de programación do festival ‘Novos Cinemas’, Suso Novás, explicou máis polo miúdo a programación e obxectivos do evento, sempre centrados no “fomento da interacción social e en facer veciñanza a través dunha iniciativa dirixida a poñer o foco no talento emerxente e en cineastas que comezan a súa andaina”. Novás destacou a programación “moi diversa e vangardista” do festival, e subliñou que nas dúas seccións do festival, Latexos e na Oficial, estrearanse películas a nivel estatal. En canto á programación fóra das proxeccións audiovisuais, o director puxo en valor o obradoiro de cinema de Eloy Domínguez, proxecto didáctico dirixido aos centros educativos de Pontevedra e un “foco” centrado este ano en Luis López Carrasco.

A Federación Galega de Motonáutica recibe o título de Real, xunto a vela e fútbol, “a tríade rexia das federacións deportivas galegas”

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou na presentación do título de Real concedido á Federación Galega de Motonáutica e que foi celebrada na Casa do Deporte de Vigo. Nas verbas do mandatario galego, “que unha federación galega ostente o título de real, é unha noticia marabillosa e que fala do ben que está a facer as cousas o deporte galego, máxime en tempos de pandemia”.

A Real Federación Galega de  Motonáutica, dixo Lete Lasa, “vén completar a tríade rexia das federacións deportivas galegas que se completa coa de vela e a de fútbol”, un recoñecemento acadado despois que a finais do 2019 deran comezo uns trámites apoiados en todo momento pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e que remataron o pasado 25 de novembro cando José Fernández Prado, presidente da Federación Galega de  Motonáutica, recibía a concesión, por parte de  S.M. O Rei, do título de real.

O responsable da carteira autonómica de Deporte, acudiu ao dicionario para amosar que realeza tamén significa “magnificencia, grandiosidade propia dun rei” e a continuación expuxo os motivos que fan á Federación Galega de  Motonáutica acredora deste título que a cualifica como “magnífica e grandiosa”. “O seu traballo na organización de eventos nacionais e internacionais de destacada relevancia como o pasado Europeo de  Endurance en Sanxenxo, os méritos logrados polos deportistas galegos nos últimos anos, o traballo en  prol do deporte adaptado e no ámbito da muller ou a defensa e coidado do medio ambiente son algúns deles”, enumerou. Cara a fin do seu discurso, Lete Lasa asegurou que a Real Federación Galega de Motonáutica “seguirá traballando en proxectos tan ilusionantes como o Mundial de  Endurance que, se todo vai ben, gozaremos en 2021 en Baiona”.

O gran catador Luís Paadin presentou hoxe no Museo da Ciencia do Viño do Condado a súa última guía sobre viños

Hoxe venres, no Museo da Ciencia do Viño do Condado do Tea, en Salvaterra de Miño, presentouse a “Guía de Viños, Destilados e Adegas de Galicia 2021”.

Xunto ao autor, Luís Paadín, estiveron Antonio Alén, Gran Mestre da “Confraría dúas Viños do Condado do Tea e Espumosos” e a alcaldesa de Salvaterra de Miño, Marta Valcárcel.

Este novo libro con máis de 500 páxinas a cor recolle 1.200 fichas de cata de viños e destilados, información diversa sobre os premios recibidos por cada un deles, así como información das máis de 500 adegas e destilerías galegas amparadas polas diferentes Dúas de Galicia.

Esta guía non só converteuse nun vademécum para os consumidores de viños galegos senón tamén nunha prezada ferramenta para os profesionais do sector.

Nas súas once edicións logrou conquistar numerosos premios como son os Gourmand Awards ao “Mellor Libro de Bebidas do Mundo” no 2017 ou o International Wine Awards como a mellor Guía de viños de España.

Citas para a renovación do DNI na Guarda no mes de xaneiro

0

O vindeiro xoves día 17 de decembro de 2020 xa se poderán solicitar as citas para a visita das unidades móbiles no concello para a renovación do Documento Nacional de Identidade (DNI) correspondente ao mes de xaneiro de 2021.

A apertura do prazo para a solicitude de novas citas no setembro ofertadas pola unidade móbil do Corpo Nacional de Policía de Vigo comezarán o xoves día 17 de decembro de xeito preferentemente telefónico no 986 61 0000 de 9:00h a 14:00h ou presencialmente na Casa dos Alonsos.

As citas son para realizar o DNI o día 18 de xaneiro e recollelo o día 22 de xaneiro de 2021. Ata entón, aquelas persoas que de xeito urxente necesiten realizar a renovación do seu DNI, poderán acudir ás oficinas de expedición de Tui (na rúa Párroco Rodríguez Vázquez, 3) ou Vigo (rúa Álvaro Cunqueiro, 6) previa solicitude de cita no teléfono 060 ou ben a través da páxina web www.citapreviadni.es.

Recala no Rosal a campaña de información e sensibilización ‘Agresión Off’

0

O Rosal acolle o vindeiro martes 15 de decembro ‘Agresión Off: Eu digo non á violencia sexual’, unha campaña posta en marcha pola Consellería de Emprego e Igualdade coa que derrubar estereotipos de xénero e comportamentos que poidan conducir á violencia a través de talleres e actividades lúdicas para todas as idades. O stand da campaña estará situado na Praza do Calvario de 16.00 a 20.00 horas e todas as actividades contarán coas medidas necesarias de prevención contra a Covid-19.

A través de obradoiros divididos en áreas de traballo con contidos concretos para sensibilizar contra a violencia sexual, as persoas participantes abordarán diferentes temáticas como o desmantelamento de estereotipos de xénero para combater o sexismo dende a infancia, os mitos sobre o amor, as alertas de micromachismos, a parella e a igualdade, a autoestima e valoración persoal, a violencia e as novas tecnoloxías, a educación en igualdade ou a importancia de estar informados.

Deste xeito en ‘Canto de estereotipada está a túa mente?’ reflexionarase sobre mensaxes que poden inducir moitas veces de xeito inconsciente a pensamentos esterotipados; co xogo interactivo ‘A ruleta do amor romántico’ falarase de mitos; visualizando fragmentos de contos, fábulas, refráns e ditos populares en ‘Non me contes contos’ reflexionarase sobre a información que se recibe e se transmite e co termómetro de ‘Onde está o límite?’ exporanse actitudes e comportamentos dentro da parella para debater sobre a delgada liña que separa unha relación aparentemente sa dunha relación tóxica.

Xogando cos espellos chega ‘Eu non necesito #filtros’ para reflexionar sobre a imaxe que queremos transmitir nas redes sociais; en ‘Estas segur@ de premer o botón de enviar?’ os e as participantes coñecendo os riscos e consecuencias do sexting deberán decidir se enviar contido relacionado con esta práctica; co móbil xogarase a ‘Kahood da Igualdade’, un xogo no que responder diferentes preguntas sobre violencia de xénero; e con códigos QR poderase acceder a información relacionada co programa.

Ademais destas actividades para persoas adultas tamén haberá obradoiros para os máis cativos: ‘O tótem do sexismo’ e ‘Verdade ou mito’. Todas as accións completaranse con dúas actividades para todos os públicos, unha coa que animar a todas as persoas participantes a sumar ideas ao decálogo contra a violencia sexual e outra coa que xogar a adiviñar quen está detrás de cada frase, se un home ou unha muller razoando o porqué.

A humanización da rúa Redondela amplíase incorporando o soterramento dos cableados telefónicos

Foto de arquivo das obras de humanización da rúa Redondela

A humanización da rúa Redondela incorporará o soterramento dos cableados telefónicos o que suporá unha mellora engadida ás xa previstas inicialmente no seu proxecto de reurbanización. Tralo acordo acadado entre o Concello e a compañía de telefonía as obras deixarán listas as canalizacións necesarias para a posterior instalación do cableado de xeito que non haia que volver obrar. Esta decisión ademais, facilita futuros cambios de cableado.

A pesares de que o Concello xa informara hai máis de dous anos ás compañías de telefonía da súa vontade de realizar esta actuación, a titular dos actuais cableados aínda vén nestes días de comunicar a súa conformidade con aproveitar esta oportunidade unha vez que se iniciaron as obras.

O Concello decantouse por esta opción ao supoñer unha mellora engadida na humanización desta rúa que será a primeira da vila que terá todo o seu cableado de telefonía soterrado e sendo conscientes de que esta tardía resposta conlevaba introducir unha modificación no proxecto inicial e ampliar o prazo de execución a mediados do mes de febreiro.

Soterrar os cableados e retirar postes das beirarrúas liberará de obstáculos físicos e visuais a nova rúa Redondela que terá unha imaxe máis limpa.

Ao mesmo tempo, o Concello está ultimando o acondicionamento do novo aparcadoiro da rúa Alexandre Bóveda, na esquina con Rúa Redondela que suporá a dotación dunhas 40 prazas de aparcamento.

As obras de humanización supoñen unha transformación completa da rúa Redondela, que pasará de contar con beirarrúas moi estreitas, itinerarios peonís interrumpidos ou ausencia case total de arborado e sombra a converterse nunha rúa con amplos espazos para o paseo e estancia das persoas, con preto de 40 árbores e sombra, mobiliario urbano e nova iluminación, ademais de servizos soterrados completamente renovados.

As obras de mellora da rúa Redondela son financiadas nun 80% cos fondos europeos de desenvolvemento rexional, FEDER, no marco da estratexia de futuro “Ponteareas, hábitat saudable” e perseguen obxectivos que camiñan na liña das cidades comprometidas cos ODS 2030, cidades amables na que as persoas conten.

O número de casos activos por coronavirus en Galicia sitúase en 5.684

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 5.684 deles 1.093 son da área da Coruña, 571 da de Lugo, 383 da de Ourense, 839 da de Pontevedra, 1.401 da área de Vigo, 824 da de Santiago, e 573 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 51 están en UCI, 309 en unidades de hospitalización e 5.324 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 48.748 persoas curadas, rexistrándose 1.293 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 967.614.

A Xunta continúa a traballar desde a máxima coordinación interdepartamental e co Ministerio de Sanidade, tamén mantendo o contacto con todos os axentes socioeconómicos de Galicia. Neste senso, Sanidade reitera que segue alerta actualizando todas as medidas e recomendacións e en vixilancia permanente.

Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Os datos de escolas infantís e centros de ensino non universitario corresponden aos rexistrados diariamente a través da Central de Seguimento de Casos, os propios centros e as xefaturas territoriais.

Uso do 061 para casos graves e emerxencias e o 900 400 116 para dúbidas

A Consellería de Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Sinalar, ademais, que o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web https://coronavirus.sergas.gal/ na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.

Así mesmo, o departamento sanitario galego ten a disposición da poboación o teléfono 900 400 116, para dar información xeral sobre o coronavirus. Neste número pódense resolver todas as dúbidas da cidadanía ao respecto e tamén consultar sintomatoloxía leve.

Rexistro de viaxeiros no 881 00 20 21 e obrigatoriedade do uso da máscara

Lémbrase que as persoas que visiten Galicia nas vindeiras datas e procedan ou estivesen, durante os 14 días previos á súa chegada, nalgún dos territorios con alta incidencia epidemiolóxica incluídos na listaxe publicada no Diario Oficial de Galicia, deberán facilitar os seus datos de contacto ao Servizo Galego de Saúde, ben a través do teléfono 881 00 20 21 ou ben a través do formulario da web do Sergas.

Ademais, reitérase o carácter obrigatorio do uso da máscara tanto en espazos abertos como pechados, poñendo especial énfase na súa utilización nos locais e establecementos comerciais e de hostalería.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade volven  reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotable- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.

É importante tamén procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións. Non se debe esquecer o mantemento da distancia de seguridade, o uso axeitado da máscara e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello.

O Apalpador percorrerá a provincia adaptado á Covid-19 para felicitar o Nadal á rapazada

O Apalpador non faltará á súa tradicional cita coa provincia de Pontevedra este Nadal. Adaptado ás limitacións da Covid-19 volverá dende o Courel para felicitar as festas á rapazada – e tamén ás persoas adultas- con pasarrúas musicais ao longo de 23 concellos e tamén difundindo nos centros escolares vídeos gravados en 36 municipios da provincia poñendo en valor a natureza, a lingua galega e tamén a alimentación saudable.

A deputada de Lingua, María Ortega, explicou que este ano foi obrigado mudar o formato tradicional da chegada do Apalpador por mor da pandemia, o que foi “un novo reto para achegar o Nadal e a ilusión a todas as casas da provincia de Pontevedra”. Así, este ano, “un pouco diferente, pero igual de emocionante”, o Apalpador vai visitar 23 concellos da provincia, e neles fará un pasarrúas xunto a un compañeiro acordeonista, Servando Barreiro, e do seu burro Río Lor para que os nenos e nenas poidan gozar das súas lendas, da súa sabiduría sobre “o noso rural e sobre o noso medio natural”. Nesta ocasión, non se centrará nun sitio, praza ou zona de xogos ao que se acheguen as crianzas, senón que irá percorrendo as rúas das vilas para que cativas e cativos o vexan.

Ademais, explicou Ortega, como non todos os nenos e nenas poderán achegarse no día no que se realiza o pasarrúas, haberá outra maneira de ver á tradicional figura do Nadal galego. “O Apalpador tivo a xenerosidade de gravar unhas pezas de vídeo en diferentes lugares vencellados coa natureza da provincia. Estes vídeos enviaranse aos centros educativos para que nos últimos días de colexio, antes das vacacións de Nadal, o profesorado poida ensinar a mensaxe de ilusión e de coidado e responsabilidade co medio ambiente que temos nós como habitantes do planeta”, explicou a deputada de  Lingua.

Pola súa parte, o Apalpador (representado polo contacontos Anxo Moure), agradeceu a confianza da Deputación depositada na súa figura: “Non é por  este ano, este ano é o máis difícil todavía, senón que son xa moitos anos que estades a divulgar un personaxe que vén da montaña e que educa e conciencia aos nenos e nenas” sobre a fame que pasou Galicia, dando castañas asadas ás nenas e nenos que tiñan fame; divulga sobre a natureza e o coidado das montañas, dos vales, dos ríos, regatos; tamén sobre a comida sá; e sore a lingua, os nomes, “porque as nenas e nenos son descoñecedores do que é un freixo, un buxo, un aciñeira, un pradairo, un freixo… non coñecen os nomes das árbores. Tampouco coñecen os nomes de moitas froitas, laranxa, pexego, ameixa… Xa non saben que son”, subliñou.

Neste sentido, o Apalpador animou este ano a “agasallar verbas da nosa lingua, verbas vivas, que para sigan estándoo as nenas e nenos teñen que plantar un bidueiro, plántalo e protexelo, ou unha aciñeira, un amieiro”, destacou. Así mesmo, subliñou que o máis fermoso deste ano son os vídeos que se están a gravar e que se están a facer con Cris Lores, premiado hai anos pola Deputación no certame de Novos Talentos “en lugares absolutamente incribles”: “Hoxe gravamos ao amencer no porto de Bueu e dicíalle ao cámara que quedarán gravadas as imaxes para a historia desta provincia. Ogallá non, pero igual dentro duns anos desaparecen, por iso para min o Apalpador é unha figura moi impotante. Tanto Papá Noel, tanto Halloween e Black Friday! Que as nenas e nenos coñezan un pouco da súa contorna! Agardo que sexa unha viaxe inzada de ledicia”, subliñou.

O Apalpador non quixo perder a oportunidade de amosar a sintonía con outras figuras locais do Nadal, con outros nomes como o do Apalpabarrigas nos Ancares, Pandigueiro na montaña de Ourense, dos que sinalou que incluso están emparentados co Tientapanzas en Castela, co Lentxero no País Vasco, co Papafrío, Frozen en Rusia, ou co propio Papá Noel. Sobre este último sinalou que era un emigrante do Courel que quixo marchar a Alemania, pero que perdeu a parada do tren por quedar durmido, chegando ata Laponia, onde etimoloxicamente o seu nome de Papá Courel tornou en Papá Noel co paso do tempo.

Novo camión do lixo no Concello das Neves

0

O Concello das Neves vén de adquirir un novo camión do lixo subministrado pola empresa Ros Roca,  gañadora do proceso de contratación pública, por valor de 113.135 euros.

As características deste camión foron adaptadas para poder chegar a zonas dificultosas en condicións de seguridade e comodidade. O vehículo, de marca Isuzu,  pode alcanzar un peso máximo de 13.400 quilos, ten un ancho de 2,20 metros e 240 cabalos de potencia; cumprindo a normativa Euro VI-C. A caixa compactadora é o modelo Olympus Mini de 8 metros cúbicos fabricada en aceiros de alta resistencia, cun índice de compactación de 6:1. Ademais das últimas normativas de seguridade para os operarios.

O camión vén para mellorar o sistema de recollida da fracción resto podendo reducir unha das 6 rutas de recollida actuais e coa posibilidade de pasar a facer a recollida do contedor amarelo de envases. Esta adquisición tamén vai alongar a vida útil do outro camión ademais de avanzar na redución dos niveis de contaminación.

Substituése así o antigo vehículo Nissan que foi declarado como ben non utilizable e dado de baixa a través dun centro autorizado de tratamento.

A adquisición do vehículo alongouse no tempo ata conseguir o financiamento, que finalmente será cuberto completamente con fondos da Deputación de Pontevedra mediante o Plan Revitaliza e o Plan Concellos, polo que; As Neves non tivo que dispor de fondos propios.

Dende hai uns anos o Concello das Neves ten asinado un convenio gratuíto co Concello de Salceda grazas ao que viña utilizando o seu camión unha ou dúas veces por semana. O espírito de colaboración institucional manterase conveniando de novo a colaboración no uso de maquinaria.

A Deputación pon fin aos problemas da oficina do ORAL en Tui coa estrea dunhas novas instalacións céntricas, modernas e accesibles

0

As novas oficinas do Organismo de Recadación Local (ORAL) de Tui abriron as súas portas na rúa do Rosal, número 1, un local alugado co que a Deputación de Pontevedra dá solución a un problema histórico, froito das pésimas condicións das antigas dependencias  que foran adquiridas polo anterior Goberno provincial. O deputado de Cooperación, Santos Héctor Rodríguez, acompañado do alcalde Enrique Cabaleiro e a directora do ORAL, Inmaculada Viña, visitou hoxe as instalacións e celebrou o “cambio radical na calidade de atención ao público e nas condicións para as traballadoras”.

O ORAL da Deputación en Tui viña funcionando desde o mes de febreiro nuns locais cedidos polo Concello no edificio Área Panorámica, na rúa Colón, como solución provisional tralo peche de urxencia que se decidiu a causa das graves deficiencias das instalacións anteriores na rúa da Coruña, adquiridas polo anterior Goberno provincial no 2003. A clausura da oficina orixinal foi obrigada diante da súa situación de insalubridade, provocada polas patoloxías construtivas que, segundo os técnicos, resultaban de moi difícil resolución. A maiores, o local carecía de acceso para persoas con diversidade funcional.

Na visita, o deputado Santos Héctor agradeceu ao alcalde o apoio do Concello coa cesión do local provisional “para darnos o tempo necesario para saír do burato onde estabamos” coa localización dun novo emprazamento digno, moderno e accesible. As novas oficinas están situadas nun céntrico baixo de 94 metros cadrados con dúas entradas e dúas fachadas acristaladas. Finalmente, reúne as condicións axeitadas para o labor das cinco traballadoras que prestan servizo na oficina e conta cunha sala de espera para o público, que poderá así gozar dunha atención máis coidada. Está previsto, ademais, dotalo cun tótem informativo con pantalla táctil para axudar á realización de xestións.

 Santos Héctor destacou as condicións da nova oficina e enxalzou o labor das traballadoras “porque sei que ides seguir facendo un gran traballo”. “Hai que atender á cidadanía con ese cariño e paciencia e tratar de resolverlle os problemas, porque para iso estamos na Administración pública”, recalcou.

Pola súa banda, o alcalde tamén quixo destacar “o recoñecemento da cidadanía e a nosa institución” ás persoas traballadoras do ORAL, “porque o voso traballo é fundamental para a veciñanza e tamén para as administracións”. “Obviamente ese traballo ten que desenvolverse nas mellores condicións posibles e hoxe nos temos que felicitar porque poidades dispor dunhas novas oficinas, un lugar de traballo máis digno que o tiñades, con máis luz e medios. O Concello colaborou en ofrecer un local provisional alternativo e reiteramos que estamos a disposición para o que necesitedes”.

A sede do ORAL de Tui presta servizo de atención  presencial en relación cos tributos do IBI ,IAE, IVTM (vehículos), así como recadación de multas e  taxas municipais do Concello de Tui. Ademais está descentralizado, pois conta con atención presencial en Tomiño (os mércores) e no Rosal (martes e xoves).  Este servizo constitúe o núcleo de actualización dos padróns de tributos da comarca do Baixo Miño (Tui, Tomiño , O Rosal e Oia) e atende anualmente máis de 7.500 consultas presenciais, aínda que a cifra baixou neste 2020 por mor da pandemia. A oficina xestionou preto de 9 ,4 millóns de euros en impostos, taxas e multas na comarca no que vai deste ano. No caso do Concello de Tui foron  4,1 millóns de euros desde xaneiro ata hoxe. Ademais, está en cifras de recadación histórica  en período de pago voluntario ao ter alcanzado o 85% do total.

Alerta laranxa por choivas na Cañiza, Covelo e nas Rías Baixas

A Axencia Estatal de Meteoroloxía informa dun fenómeno adverso de nivel laranxa por choiva, que afectará o interior da provincia de Pontevedra a partir desta mañá. Segundo a previsión, as precipitacións serán intensas.

Debido a esta situación, debemos aumentar a precaución e seguir estas recomendacións co fin de reducir riscos.

Este episodio meteorolóxico adverso pode causar, entre outros, problemas na circulación. Observa a continuación as situacións coas que nos podemos atopar e como minimizar os riscos.

Que podemos esperar?

  • Bolsas de auga en estradas e rúas
  • Desprendementos de terra e pedras
  • Inundacións puntuais en vías, baixos, garaxes e vivendas
  • Escasa visibilidade ao volante
  • Atención aos caudais dos ríos

Como podemos reducir os riscos?

  • Axeita a velocidade ao estado da estrada
  • Aumenta a distancia co vehículo precedente
  • Evita desprazarte por vías secundarias
  • Afástate dos cursos dos ríos e vales
  • Na casa, garda os documentos importantes e obxectos de valor en zonas altas

Suspendido o programa de conciliación do Nadal de Redondela ante a complicada situación sanitaria

0

O Concello de Redondela anunciou onte a suspensión do programa de conciliación do Nadal ante a complicada situación que vive o municipio pola Covid-19 e que o mantén pechado perimetralmente e no nivel máximo de restrición.

Dende que se coñeceu esta nova situación sanitaria decretada pola Xunta de Galicia, o Goberno local estudou todas as posibles alternativas para a súa celebración “sen que ningunha delas garantira plenamente a saúde e seguridade dos nenos e nenas participantes”, explicou a alcaldesa Digna Rivas.

Cómpre salientar que, para o desenvolvemento desta actividade, é preciso distribuír aos rapaces e rapazas participantes en grupos de traballo cun monitor ou monitora ao fronte de cada un. Neses grupos, que teñen un número de participantes establecido, poden convivir e interactuar menores de distintas idades.

Precisamente aí, na interactuación nenos e nenas, é onde reside o maior perigo á hora de contaxio e, polo tanto, supón un risco no soamente para as e os participantes senón para as súas familias. “Nos colexios extrémanse as precaucións para que o alumnado estea dentro das denominadas ‘burbullas’ é dicir grupos de convivencia estable para evitar riscos de contaxio –explica Digna Rivas–; a actividade de conciliación suporía romper esas ‘burbullas’ mesturando nenos e nenas de diferentes idades o que supón un evidente risco para a súa saúde”.

Segundo a Orde da Xunta de Galicia de 3 de decembro, na que se decretaba o nivel de máxima restrición no ámbito territorial de Redondela, a alcaldesa, como autoridade sanitaria, debe garantir “nas actividades, servizos e lugares de convivencia humana os dereitos e deberes sanitarios da cidadanía”.

Nesa liña, manter o programa de conciliación do Nadal suporía “un risco inaceptable ao estar falando da seguridade dos nosos fillos e fillas e das súas familias”, engadiu a alcaldesa de Redondela que pediu comprensión ás familias afectadas.

O PXOM de Mos, totalmente blindado tras non ser admitido polo Tribunal Supremo o recurso da “Fonte da Portela”

0

O tribunal supremo do contencioso administrativo da por finalizado o pleito do recurso de casación preparado pola entidade Fonte da Portela (unha das comunidade de propietarios das naves situadas no polígono do Rebullón).

O tribunal supremo non admitiu a trámite o recurso de casación preparado pola representación procesal da entidade  e que pretendía anular o Plan Xeral de Mos, aprobado no ano 2017, facendo referencia á inexactitude dos límites co Concello de Vigo.

Con esta sentencia dase por concluido o trámite xudicial que pretendía anular o Plan Xeral mosense, quedando de este modo o PXOM de Mos totalmente blindado. Todos os recursos presentados foros desestimados polo Tribunal superior de xustiza.

A entrada en vigor do Plan xeral de Ordenación Municipal (PXOM) do Concello de Mos marca un antes e un despois tras ter repercutido nun notable aumento nas licenzas urbanísticas concedidas desde a súa aprobación. De este xeito Mos pasa a ser un dos poucos concellos da área metropolitana cun Plan Xeral aprobado definitivamente.

O alcalde de Nigrán estrea o seu cargo como vocal da ‘Comisión de Cooperación para el Desarrollo’ da FEMP

0

O alcalde de Nigrán, Juan González, participou esta mañá telemáticamente na primeira reunión de seguimento da ‘Comisión de Cooperación Para el Desarrollo’ da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

O rexedor ostenta o cargo de vocal nesta comisión constituída o pasado mes de maio co obxectivo de aplicar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da axenda 2030 da ONU nas entidades locais. Precisamente, González asumíu neste segundo mandado no Concello de Nigrán a primeira concellería de Galicia baixo este cometido específico e preside desde 2015 o Fondo Galego de Cooperación e Desenvolvemento, ademais de ser vicepresidente dos Fondos de toda España tras ser presidente anteriormente.

“Nos próximos anos temos por diante o difícil, pero non imposible, reto de acadar tamén desde os concellos os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados pola ONU, e precisamente apostamos polo traballo en rede para conseguilo. Paralelamente, esta é a mellor imaxe que podemos proxectar de Nigrán cara ao exterior: un municipio que se preocupa polas diferencias sociais e que asume responsabilidades a nivel nacional para loitar na erradicación das desigualdades dentro do seu propio territorio. Para o Concello de Nigrán é unha honra e unha oportunidade magnífica para aplicar estratexias específicas e tamén para dar a coñecer o noso traballo”, sinala González, quen desde sempre adicou a súa traxectoria profesional á cooperación, dirixindo a Fundación Érguete durante 17 anos ou asumindo no goberno de Nigrán a carteira de Servizos Sociais nun primeiro mandato e de ODS neste segundo.

Clausura do obradoiro de emprego ‘Coidar de Nós II’ en Ponteareas

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, clausurou esta mañá o obradoiro de emprego Coidar de Nós II no Centro de Desenvolvemento Local de Ponteareas e anunciou o inicio inmediato da 3ª edición desta iniciativa laboral, tamén baixo o formato dual e cunha duración de nove meses, grazas a un investimento de 346.000€ por parte da Consellería de Emprego e Igualdade.

“Creo que a aposta da Xunta de Galicia pola inserción, a empregabilidade e o impulso ao mercado de traballo queda máis que demostrada no municipio de Ponteareas, xa que hoxe pechamos un obradoiro de emprego e xa estamos ás portas de comezar outro con 20 persoas”, explicou Luisa Piñeiro, que engadiu que as bisbarras do Condado e A Paradanta desenvolverán tres iniciativas destas características ata finais de 2021, posto que ao de Ponteareas engádense os concedidos polo executivo galego a Mondariz-Covelo e Salvaterra baixo das denominacións Coidando entre Todos/as e Salvaterra Emprega.

En total, os tres obradoiros desta contorna formarán a un total de 60 persoas desempregadas cunha aportación da Xunta de Galicia por riba do millón de euros e ademais, baixo o formato dual, permitirán que os alumnos-traballadores opten a contratos de prácticas de tres meses en empresas da zona ao terminar estas ensinanzas.

En canto á clausura do obradoiro de Ponteareas, a representante autonómica, que estivo acompañada pola alcaldesa en funcións, Cristina Fernández, agradeceu ao persoal desta iniciativa laboral e aos vinte alumnos-traballadores “o seu traballo ao longo deste ano, a súa responsabilidade e o bo desempeño que realizaron durante as súas prácticas na atención aos maiores da residencia municipal e na creación dun parque forestal público”. Ademais, animou aos participantes a que aproveiten as oportunidades que lles brinda a súa gañada formación e a experiencia deste ano “para adentrarse con forza no mercado de traballo”.

O obradoiro de emprego Coidar de Nós II desenvolveuse dende finais do ano pasado ata este mesmo mes grazas a un investimento de 336.000€ por parte da Xunta de Galicia, que inicialmente o concebiu para nove meses, pero que concedeu unha prórroga para compensar os tres meses da súa paralización polo estado de alarma derivado da crise sanitaria da covid-19 e non prexudicar deste xeito a formación dos participantes.

Durante este ano de actividades, os alumnos-traballadores desenvolveron as súas tarefas nos módulos de Atención Sociosanitaria a Persoas en Domicilios e Institucións e de Actividades Auxiliares en Viveiros e Mantemento de Xardíns e tamén recibiron ensinanzas de prevención de riscos laborais, igualdade, alfabetización dixital ou sensibilización ambiental, entre outras materias.

Oportunidades laborais no forestal

Por outra banda, o director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, participou esta mañá en Ponteareas nunha charla informativa enmarcada no obradoiro de emprego Coidar de Nós II, onde falou sobre as oportunidades laborais na industria forestal.

Lema explicou que, segundo unha enquisa realizada por Xera entre empresas desta industria, o 7% delas manifestou que agarda aumentar os seus investimentos nos vindeiros meses e que, en xeral, contan cun incremento da súa actividade. Tal e como subliñou o forestal ten perspectivas de crecemento en eidos como a construción e a rehabilitación, a fabricación de envases e embalaxes con madeira certificada, o uso da biomasa como enerxía renovable ou novos materias.

O director sinalou, polo tanto, que hai boas perspectivas laborais neste sector, sobre todo, no que ten que ver coa construción en madeira, a eficiencia enerxética e a xestión sustentable dos montes. Lemboru o compromiso da Xunta con esta industria e que Galicia xa presentou cinco proxectos ao Goberno de España para optar aos fondos europeos e mobilizar máis de 1200M€.

Luisa Piñeiro reafirma a “máxima colaboración” da Xunta co Concello da Guarda

0

A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, reafirmou esta mañá a “máxima colaboración” do Goberno galego co Concello da Guarda durante a súa visita institucional ao municipio. Así, apuntou que nos vindeiros meses haberá importantes actuacións en materia de infraestruturas, cun novo treito da Vía de Altas Prestacións (VAP) por 17 millóns de euros que mellorará a mobilidade no Baixo Miño, a nova escola infantil licitada en 760.000€ ou as obras de Portos de Galicia na rampla do peirao por 200.000€.

A representante autonómica lembrou o “gran compromiso” do executivo autonómico con A Guarda, xa que lembrou que se investiron máis de 12 millóns de euros na derradeira lexislatura con especial implicación en materia de economía, emprego, formación e comercio, con máis de 5 millóns, e na área de política social, con preto de 3 millóns para libranzas, coidados ou o Risga, entre outras.

Luisa Piñeiro detallou estas actuacións recentes e futuras tras manter unha reunión de traballo co alcalde da Guarda, Antonio Lomba, para recoller as súas demandas para a Xunta e comprometeuse a comezar coa xestión das mesmas para ver as posibilidades de actuación por parte do Goberno galego.

En calquera caso, garantiu a “total dispoñibilidade e apoio” do executivo autonómico nas cuestións de interese xeral para o municipio e cre que este ánimo de colaboración “queda máis que demostrado cos próximos investimentos en practicamente todas as áreas e que axudan tanto a mellorar a comunicación dos veciños como a atender as súas necesidades e contribuir ao incremento do benestar e da calidade de vida dos guardeses”. Entre elas, destacou a creación de tres unidades con 41 prazas na nova gardería, que conta dende onte mesmo con proposta de adxudicación por parte da Xunta, o que situará a ratio de atención á infancia no municipio quince puntos por riba dos parámetros recomendados pola Unión Europea (UE).

Éxito da aula de estudo de Tomiño, con máis de 100 rexistrados en menos dun mes

0

O éxito da aula de estudo inaugurada fai menos dun mes en Tomiño superou todas as expectativas e xa está sendo empregada por ducias de usuarios. En apenas 25 días desde que se abriu o proceso de inscrición para obter a tarxeta de acceso, máis de 100 persoas a solicitaron e recibiron xa, moi por encima das previsións do goberno local.

O bo recibimento do servizo entre a poboación deixa patente a necesidade que o municipio tiña de contar cun espazo para o estudo, especialmente entre a mocidade. “Era unha demanda clamorosa que finalmente se fixo realidade. Non obstante non hai que esquecer que esta aula de estudo é unha solución a un problema que había que atallar, mais desde o Concello continuamos demandando a colaboración das administracións públicas para poder materializar o proxecto da biblioteca municipal, que tanta falta fai”, comenta a alcaldesa Sandra González.

A aula, que ademais dun espazo para o estudo en silencio conta tamén con outro para os traballos en grupo, comezou tamén a albergar iniciativas como o EncáixaT, un proxecto desenvolvido polo Servizo Municipal de Educación e Apoio Familiar que procura dar resposta aos menores que, por causas diversas, precisan dun espazo de apoio e acompañamento persoal no seu itinerario vital. Na actualidade participan deste proxecto 8 nenos e nenas de todos os centros educativos do municipio.

A maioría das persoas que xa recibiron a tarxeta son de Tomiño, pero tamén hai usuarios de municipios da contorna como O Rosal, A Guarda, Gondomar, Lalín ou Mos, entre outros. Lorena é usuaria da biblioteca desde a primeira semana, ten 26 anos, é graduada en Dereito e está preparando oposicións. Aínda que é tomiñesa, leva xa un tempo vivindo na Guarda por motivos laborais, pero desprazábase a Tomiño para empregar a aula antes de que o municipio tivese que aplicar o peche perimetral, e espera volver unha vez se levanten as restricións. “Espazos coma este deberían existir en todos os concellos e agradécese que Tomiño dera o paso nese sentido, xa que era algo que a mocidade levaba pedindo desde fai bastantes anos”, afirma.

Desde o goberno municipal informan que a intención é, de cara ao Nadal, realizar unha enquisa de satisfacción entre os usuarios e usuarias da aula para ver as cousas que se poderían mellorar, como por exemplo os niveis de ruído, a temperatura das instalacións ou os horarios, entre outras.

“Fame de experiencias?” gaña o primeiro premio do CIFFT e coróase como o mellor audiovisual de produto turístico do mundo

“Fame de Experiencias?” non podía pechar mellor este ano 2020. Despois de conseguir ata 13 premios internacionais, o audiovisual da Deputación de Pontevedra, producido por Esmerarte, que representou á provincia na campaña de promoción do destino 2019, coróase como mellor película do mundo 2020 na categoría de produto turístico. Os prestixiosos “World Tourism Film Awards”, coñecidos como o Festival de Festivais, deron hoxe a coñecer nunha gala on line no Palacio Belvedere de Viena os chamados “Oscar do Turismo”, os traballos gañadores da súa 33ª edición na que participaron 3.500 vídeos de máis de 120 países.

Na súa categoría, “Fame de Experiencias?” impúxose entre as 32 cintas finalistas de 14 países na votación dos xurados internacionais da rede mundial do CIFFT, o Comité Internacional dos Festivais de Filmes de Turismo, que escolle cada ano o mellor audiovisual turístico do mundo. Tras o audiovisual da Deputación de Pontevedra, o segundo premio foi para Austria, cun audiovisual sobre os Alpes, e o terceiro para Chile. A través do vídeo da Deputación, que pon en valor o produto e as produtoras e produtores do noso territorio, a provincia consegue, ademais, ser o único destino do Estado que logra un primeiro premio. “Córdoba obtivo a segunda posición na categoría de promoción turística dunha rexión, e Madrid tamén foi segunda na de promoción turística dunha cidade”. Tras a gala de Viena, a organización do CIFFT comunicou oficialmente a Turespaña e ao Ministerio de Turismo o premio á Deputación de Pontevedra xunto aos de Córdoba e Madrid. Os tres galardóns supoñen que España, xunto a Austria e Francia, sexa o país con máis recoñecementos. A comunicación do galardón polo Comité Internacional hoxe desde Viena encheu de orgullo á Deputación e á empresa Esmerarte, xa que o audiovisual foi un dos primeiros traballos da nova liña de promoción turística da institución provincial, enmarcada no respecto ao medio ambiente, á vangarda, á sustentabilidade, ás novas tecnoloxías e á desestacionalización.

Carmela Silva celebrou o premio acompañada da deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, e de Laura Fontán e Alberto Baamonde de Esmerarte, xunto aos galardóns internacionais obtidos ata agora por “Fame de Experiencias?”. A presidenta provincial mostrou a súa emoción “porque estes premios están catalogados como os Oscar do turismo e o noso vídeo é o gañador dun deles”. Destacou o “éxito arrasador e incuestionable” que ten tido “Fame de experiencias?” e indicou que esta é a primeira vez que a Deputación presenta un audiovisual a certames, “pero ímolo continuar facendo e o seguinte será ‘Sigue o teu instinto’”. Apuntou que o novo recoñecemento “permite poñer en valor o talento creativo da provincia, representado aquí en Laura e Alberto, e permite que a xente en todo o mundo coñeza que hai un destino turístico no Noroeste do Estado español que é un paraíso e ten tanto que ofertar para atraer visitantes que buscan algo diferenciador”. A presidenta tamén puxo en valor que “este premio permite que a xente máis potente do mundo do turismo teña posta a súa mirada neste destino. É como unha gran campaña internacional que custaría centos de miles de euros. A xente da provincia ten que saber que o seu destino, o noso destino, o destino de todas e todos ten xa un Oscar”.

Pola súa banda, os directores de Esmerarte, Alberto Baamonde e Laura Fontán, tamén valoraron a importancia do novo galardón. Baamonde sinalou que o recoñecemento a “Fame de experiencias?” “é consecuencia dunha aposta polo valor das persoas e do territorio, que traballan no día a día na provincia e que son grandes embaixadores/as. Non só os cociñeiros/as, senón os produtores/as, mariscadoras, xente da horta, que son parte da nosa cadea de excelencia que dá valor á nosa provincia e economía. O noso traballo –dixo– é darlle visibilidade”. Laura Fontán indicou tamén que, ademais, estes galardóns se conseguiron en competencia con outros vídeos presentados por outros países “cuns orzamentos inmensos que superan o noso”.

Premios anteriores

“Fame de Experiencias?” logrou o seu primeiro recoñecemento en Fitur como mellor vídeo turístico. Desde entón, a súa traxectoria foi imparable con 13 premios internacionais. Despois de Fitur chegaron os Golden City Gate de Berlín, New York Festivals TV & Film Awards, International Tour Film Fest de Bulgaria, Festival de Turismo de Riga, US International Film & Video de Os Ánxeles, SilaFest de Serbia, o Terres Festival, o Festival Internacional de Cine Turístico de Turquía, o TourFilm Festival de Zagreb en Croacia, os dous premios no Festival Art&Tur de Viseu en Portugal e o Premio de Ouro no Festival de Amorgos en Grecia. O audiovisual da Deputación está centrado no turismo sostible ligado á terra, á natureza, ao produto autóctono, materias primas e ás produtoras e produtoras da provincia.  O vídeo visibiliza con gran sensibilidade o traballo das persoas anónimas, moitas delas mulleres, que extraen ou cultivan con grande esforzo diario os produtos de proximidade da provincia, pero conta tamén coa participación de nomes de referencia da nosa gastronomía  coma Pepe Solla, a xefa de sala de Culler de Pau, Amaranta Rodríguez, Yayo Daporta ou Rafa Centeno.

Coque Araújo Campión Nacional de Paddlesurf 2020

0

O galego Coque Araújo, do Waira Club Galego de Surf, proclámase Campión Nacional absoluto de Paddlesurf Race aos seus 44 anos e leva A Copa de España tras o seu 5º posto na última proba celebrada en Cabo de Paus (Murcia) neste difícil 2020.

O subcampionato foise a mans do novísimo andaluz Antonio Trasfogueiro por diante do valenciano James Van Drunen. Este título non só é a constatación unha extensa carreira deportiva chea de éxitos en diferentes modalidades de surf e do bo facer do Waira Club Galego de Surf ,que adestra actualmente en Baiona, e que xa se levou outro título nacional o pasado 31 de agosto da man de Guillermo Carracedo na categoría de ondas, se non que reflicte o bo estado deste deporte en Galicia que está a sufrir un crecemento imparable.

Coque Araújo viña de proclamarse Campión Galego un ano máis, e xa se coou entre os primeiros postos do Campionato de España en edicións anteriores, ademais de podios e vitorias en probas nacionais e internacionais, pero ata hoxe resistíaselle o título nacional absoluto que conseguiu finalmente aos seus 44 anos, idade inusual para a vitoria nesta disciplina a pesar de ser probas “de longa duración” (ao redor da hora e media).

O deportista di que aínda non sabe cales son os seus plans para 2021 salvo “..continuar gozando deste deporte que ademais me axuda a atenuar o paso dos anos.”. Tamén quixo agradecer todo o apoio privado e institucional que fai posible non só este resultado se non a continuidade do seu club que é un referente a nivel nacional: Waira, Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Concello de Baiona, Starboard e Federación Galega de Surf.

Tomiño lanza a campaña “Nadal + Nadal”, con ata 3.000 euros en premios mercando no comercio local

0

Este Nadal vai ser a todas luces diferente, marcado e atravesado pola situación de pandemia actual, e desde o Concello de Tomiño teñen claro que máis que nunca é necesario dar un impulso ao comercio local para que poida afrontar a campaña natalicia do mellor xeito posible.

É por isto que desde o goberno municipal acaban de lanzar “Nadal + Nadal”, unha campaña que terá como beneficiarios aos comercios de Tomiño e a aquelas persoas que realicen as súas compras neles. En cada local que participe na campaña instalarase unha urna na que os clientes que merquen nos comercios adheridos á campaña entre os días 12 e 26 de decembro poderán depositar o seu tique de compra —cun valor máximo de 100 euros—.

O día 26 de decembro todas as urnas serán abertas no salón de Plenos da Casa do Concello e procederase ao sorteo, extraendo todos os tiques necesarios ata que a suma dos valores destes chegue á cantidade de 1.500 euros. Por cada tique premiado que apareza na lista, o Concello emitirá un vale polo dobre do seu valor, ata un máximo de 3.000 euros, e porase en contacto coas persoas premiadas.

Concurso de decoración

Coa intención de fomentar a creación dun ambiente agradable e atraente, para poder participar da campaña, os comercios de Tomiño deberán decorar os seus escaparates —ou locais comerciais no caso de non contar con este— con elementos natalicios ata o próximo 6 de xaneiro. Os comercios adheridos pasarán a formar parte dun concurso que premiará á mellor decoración, dependendo da modalidade na que estean inscritos. Os premios serán:

1º Premio Mellor escaparate ………………………… 500,00€

1º Premio Mellor local ………………………………….  500,00€

2º Premio Mellor escaparate ………………………… 250,00€

2º Premio Mellor local ………………………………….  250,00€

Os gañadores serán escollidos polo xurado dos premios, que estará conformado por dous representantes do comercio local, dous artistas do municipio e un representante do Concello de Tomiño. O veredicto será anunciado o vindeiro 30 de decembro ás 20:30 horas no salón de plenos do Concello.