12.8 C
Pontevedra
Xoves, 25 de Abril de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaO Apalpador percorrerá a provincia adaptado á Covid-19 para felicitar o Nadal...

    O Apalpador percorrerá a provincia adaptado á Covid-19 para felicitar o Nadal á rapazada

    A deputada María Ortega explicou que este ano haberá pasarrúas musicais en 23 concellos e estarán a disposición vídeos divulgativos para os centros de ensino de 36 municipios

    O Apalpador non faltará á súa tradicional cita coa provincia de Pontevedra este Nadal. Adaptado ás limitacións da Covid-19 volverá dende o Courel para felicitar as festas á rapazada – e tamén ás persoas adultas- con pasarrúas musicais ao longo de 23 concellos e tamén difundindo nos centros escolares vídeos gravados en 36 municipios da provincia poñendo en valor a natureza, a lingua galega e tamén a alimentación saudable.

    A deputada de Lingua, María Ortega, explicou que este ano foi obrigado mudar o formato tradicional da chegada do Apalpador por mor da pandemia, o que foi “un novo reto para achegar o Nadal e a ilusión a todas as casas da provincia de Pontevedra”. Así, este ano, “un pouco diferente, pero igual de emocionante”, o Apalpador vai visitar 23 concellos da provincia, e neles fará un pasarrúas xunto a un compañeiro acordeonista, Servando Barreiro, e do seu burro Río Lor para que os nenos e nenas poidan gozar das súas lendas, da súa sabiduría sobre “o noso rural e sobre o noso medio natural”. Nesta ocasión, non se centrará nun sitio, praza ou zona de xogos ao que se acheguen as crianzas, senón que irá percorrendo as rúas das vilas para que cativas e cativos o vexan.

    Ademais, explicou Ortega, como non todos os nenos e nenas poderán achegarse no día no que se realiza o pasarrúas, haberá outra maneira de ver á tradicional figura do Nadal galego. “O Apalpador tivo a xenerosidade de gravar unhas pezas de vídeo en diferentes lugares vencellados coa natureza da provincia. Estes vídeos enviaranse aos centros educativos para que nos últimos días de colexio, antes das vacacións de Nadal, o profesorado poida ensinar a mensaxe de ilusión e de coidado e responsabilidade co medio ambiente que temos nós como habitantes do planeta”, explicou a deputada de  Lingua.

    Pola súa parte, o Apalpador (representado polo contacontos Anxo Moure), agradeceu a confianza da Deputación depositada na súa figura: “Non é por  este ano, este ano é o máis difícil todavía, senón que son xa moitos anos que estades a divulgar un personaxe que vén da montaña e que educa e conciencia aos nenos e nenas” sobre a fame que pasou Galicia, dando castañas asadas ás nenas e nenos que tiñan fame; divulga sobre a natureza e o coidado das montañas, dos vales, dos ríos, regatos; tamén sobre a comida sá; e sore a lingua, os nomes, “porque as nenas e nenos son descoñecedores do que é un freixo, un buxo, un aciñeira, un pradairo, un freixo… non coñecen os nomes das árbores. Tampouco coñecen os nomes de moitas froitas, laranxa, pexego, ameixa… Xa non saben que son”, subliñou.

    Neste sentido, o Apalpador animou este ano a “agasallar verbas da nosa lingua, verbas vivas, que para sigan estándoo as nenas e nenos teñen que plantar un bidueiro, plántalo e protexelo, ou unha aciñeira, un amieiro”, destacou. Así mesmo, subliñou que o máis fermoso deste ano son os vídeos que se están a gravar e que se están a facer con Cris Lores, premiado hai anos pola Deputación no certame de Novos Talentos “en lugares absolutamente incribles”: “Hoxe gravamos ao amencer no porto de Bueu e dicíalle ao cámara que quedarán gravadas as imaxes para a historia desta provincia. Ogallá non, pero igual dentro duns anos desaparecen, por iso para min o Apalpador é unha figura moi impotante. Tanto Papá Noel, tanto Halloween e Black Friday! Que as nenas e nenos coñezan un pouco da súa contorna! Agardo que sexa unha viaxe inzada de ledicia”, subliñou.

    O Apalpador non quixo perder a oportunidade de amosar a sintonía con outras figuras locais do Nadal, con outros nomes como o do Apalpabarrigas nos Ancares, Pandigueiro na montaña de Ourense, dos que sinalou que incluso están emparentados co Tientapanzas en Castela, co Lentxero no País Vasco, co Papafrío, Frozen en Rusia, ou co propio Papá Noel. Sobre este último sinalou que era un emigrante do Courel que quixo marchar a Alemania, pero que perdeu a parada do tren por quedar durmido, chegando ata Laponia, onde etimoloxicamente o seu nome de Papá Courel tornou en Papá Noel co paso do tempo.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.