8.7 C
Pontevedra
Xoves, 28 de Marzo de 2024
Máis
    HomeÉ NoticiaCarmela Silva enxalza o papel protagonista da provincia na presentación do festival...

    Carmela Silva enxalza o papel protagonista da provincia na presentación do festival ‘Novos Cinemas’

    “A cultura é segura, apostemos por ela porque permite crear espazos de felicidade e que a xente se sinta mellor. Se sempre é fundamental, nestes momentos, moito máis”, asegurou a presidenta da Deputación

    “Nesta provincia vive o cine, temos unha provincia do cinema” subliñou Carmela Silva no acto de presentación da quinta edición do Festival ‘Novos Cinemas’, un dos festivais integrados na marca provincial da Deputación de Pontevedra “Rías Baixas Film Fest’, que botará a andar o próximo día 15 de decembro e que contará na apertura coa película ‘Lúa Vermella’ de Lois Patiño, e na clausura cunha das películas máis aclamadas deste ano ‘My Mexican Bretzel’ de Nuria Giménez.

    Na presentación, no que tamén participou o alcalde de Pontevedra Miguel Anxo Fernández Lores, o vicerreitor do Campus de Pontevedra Jorge Soto, o director da Agadic Jacobo Sutil e o director de programación do festival Suso Nóvas, a presidenta provincial enxalzou o “enorme talento audiovisual” de Galicia, pero sobre todo da provincia– que conta con nove dos trece festivais audiovisuais máis importantes da comunidade-, e subliñou o “momento revolucionario” que está a vivir este “sector económico potentísimo que está a xerar moita actividade económica e emprego”.

    Carmela Silva insistiu en que “a cultura é segura, non coñecemos ningún caso de contaxio nunha actividade de carácter cultural e, dende logo, ningún en todos os festivais que se desenvolveron nesta provincia, que con este, son nove”. Neste eido, Silva reivindicou a necesidade de apostar pola cultura, “que chegue á cidadanía, porque se sempre é fundamental, nestes momentos de pandemia moito máis xa que permite crear espazos de felicidade e a felicidade permite que a xente se sinta mellor”. Ao respecto, a presidenta recordou que durante o confinamento foi a cultura e o audiovisual quen nos acompañou e permitiu “que puideramos transitar naquel túnel tan longo levando luz ás nosas casas”. A presidenta lembrou que apostar polo audiovisual “é unha obriga” das administracións públicas, pola súa capacidade para “desenvolver pensamento crítico pero tamén moitos valores positivos”. Por estes motivos, dende a Deputación, tal e como recordou, se están a impulsar numerosas iniciativas neste eido como os propios ‘Rías Baixas Film Fest’, ‘Pontevedra, plató de cinema’, ou os premios que se presentaron esta mesma semana ‘#Mulleresnofoco’.

    Pola súa banda o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, presumiu de cidade e desta quinta edición do festival Novos Cinemas, “que trae cada ano a directores/as noveis, transgresores/as, de vangarda, e que agrupa todas as cuestións que debe ter un festival destas características: dende formación ata proxeccións audiovisuais”. Por iso, o alcalde, agradeceu “a implicación de todas as administracións” que permite “impulsar grandes eventos como este que ten un gran futuro”.

    O director de programación do festival ‘Novos Cinemas’, Suso Novás, explicou máis polo miúdo a programación e obxectivos do evento, sempre centrados no “fomento da interacción social e en facer veciñanza a través dunha iniciativa dirixida a poñer o foco no talento emerxente e en cineastas que comezan a súa andaina”. Novás destacou a programación “moi diversa e vangardista” do festival, e subliñou que nas dúas seccións do festival, Latexos e na Oficial, estrearanse películas a nivel estatal. En canto á programación fóra das proxeccións audiovisuais, o director puxo en valor o obradoiro de cinema de Eloy Domínguez, proxecto didáctico dirixido aos centros educativos de Pontevedra e un “foco” centrado este ano en Luis López Carrasco.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.