Sábado, 18 Xaneiro de 2025

Concello de Redondela y Asociación de Empresarios unen campañas para dinamizar os mercados de abastos e o comercio de proximidade

O Goberno local reafírmase na súa aposta polos mercados de abastos cunha campaña de dinamización con premios para a clientela

O mercado de abastos de Redondela acolleu onte a presentación dunha campaña que busca a dinamización dos mercados de abastos do municipio e, ao mesmo tempo, poñer en valor a importancia do comercio de proximidade “como un dos eixos básicos da economía local”, sinalou a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas na presentación desta iniciativa, acompañada polo presidente da Asociación de Empresarios de Redondela, Enrique Lago.

A campaña presentada hoxe ofrece a usuarias e usuarios da praza de abastos, a posibilidade de gañar premios directos polas compras que realicen. Por ditas compras obterán boletos que lles permitirán optar a unha das 16 cestas de Nadal con produtos gourmet e 750 tote bags (bolsas de tea) promocionais.

Cómpre salientar que as cestas de Nadal incluídas nos premios desta iniciativa, foron adquiridas polo Concello de Redondela en distintos establecementos do comercio local buscando o dobre obxectivo de, por unha banda, axudar ao comercio de proximidade nestes tempos complicados e, por outra, contribuír a dinamización comercial do municipio.

A Asociación de Empresarios de Redondela colaborou, nesta campaña, coa decoración de Nadal do Mercado de Abastos e a impresión dos boletos para poder optar aos distintos premios.

A concelleira de Comercio, María Castro, sinalou que a iniciativa presentada hoxe “non é máis que o comezo dunha campaña global de posta en valor do comercio local e dinamización do mesmo nestas datas de Nadal”, campaña que será presentada o vindeiro martes en rolda de prensa.

Pola súa banda, a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, recalcou a importancia dun comercio local e unhas prazas de abastos –Redondela e Chapela– “que teñen capacidade dabondo para ofrecernos todo o que precisemos para este Nadal”.

Nese sentido a alcaldesa redondelá fixo fincapé en que “o confinamento perimetral amósanos a potencialidade do noso comercio de proximidade e das nosas prazas de abastos nas que podemos atopar todos os produtos, sen saír do noso municipio”.