A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo; o tenente alcalde e concelleiro de Vías e Obras, Camilo Augusto, e o edil da parroquia de Cela, Gonzalo Alonso, visitaron onte as obras de acometida da rede de saneamento no Camiño do Monte de Pardellas na parroquia de Cela. Estes traballos lévanse a cabo a través do Plan Concellos e mediante os mesmos instálanse un total de 467,97 metros de tubería e darase servizo a 18 vivendas e 72 habitantes.
Dentro desta mesma subvención do Plan Concellos 2020, a administración local mosense acometerá tamén o proxecto de ampliación da rede de saneamento integral nas parroquias de Louredo e Guizán. Sumando entre as tres parroquias, Cela, Louredo e Guizán, un orzamento de 249.688,42 euros. O prazo estimado da execución das obras é de 3 meses para cada un dos colectores que se proxectan, incluído o estudo e preparación das mesmas.
Na parroquia de Louredo os colectores proxectados na instalación do saneamento acometeranse nas zonas da Estrada Peinador-Os Valos e a Estrada Alto de Barreiro Santiaguiño. Instalaranse 1.026,93 metros de tubería e darase servizo a 25 vivendas e 100 habitantes.
E en Guizán no Camiño do Crasto e no Camiño da Ponte. Instalaranse 1.067,18 metros de tubería e darase servizo a 22 vivendas e 88 habitantes. En total poderán conectarse ao saneamento 65 vivendas das tres parroquias.

Sobre estas obras Nidia Arévalo sinalou que “desde o Concello continuamos a dar pasos e avanzando cara a consecución do saneamento integral no municipio, e facémolo tocando todas as fases: tras anos de acometidas nas que se daba servizo a moitas vivendas, agora atopámonos realizando as fases máis complicadas que corresponden a tramos máis difíciles e nos que hai menos vivendas; que son as que quedaron para o final”.
A rexedora local e concelleiros anunciaron que “para rematar todo o saneamento pendente e lograr o saneamento integral en Mos queda pendente unha inversión total de 1 millón de euros que se executará ao longo do vindeiro ano”. Prazo no que se acometerá o tramo correspondente á estrada Nacional 550 que dará servizo ás parroquias de Mos, Louredo e Sanguiñeda-Amieirolongo. Aos vecinos/as destas tres zonas alcaldesa, Nidia Arévalo, quixo hoxe “pedirlles desculpas pola demora e agradecerlles a paciencia que levan tido ante esta tardanza que é allea á vontade municipal e ven dada pola longa espera de permisos doutras administración”.
As previsión do Concello son as de, a curto prazo, facer realidade o 100 % do saneamento instalado en Mos, “que será posible tras tantos anos acometendo obras que deran servizo de alcantarillado á veciñanza”. A recta final acurtarase tamén en breve, explica o Goberno local, grazas a que a Xunta de Galicia atópase licitando a obra de saneamento que permitirá rematar a acometida da instalación na parroquia de Pereiras. Trátase dunha obra a realizar pola Xunta de Galicia a través de Augas de Galicia e mediante a que se executarán na parroquia de Pereiras varios colectores que permitan completar o saneamento no núcleo parroquial. A obra conta cun orzamento de 430.026,10 euros.
A actuación dividirase en dúas zonas: Rede Norte cunha acometida de 771,55 metros de lonxitude de instalación que dará servizo a unhas 24 vivendas e 96 habitantes. Rede Sur cunha acometida de 1.052,38 metros de lonxitude de instalación que dará servizo a unhas 33 viviendas e 132 habitantes. O prazo que se estima para a execución das obras é de 4 meses.
Entre as 4 obras descritas darase servizo de saneamento a preto de 500 veciños e veciñas de 4 parroquias mosenses (Cela, Louredo, Guizán e Pereiras) e mellorarán a seguridade viaria en 7 viais municipais, que tamén serán asfaltados tras o remate dos traballos de acometida da rede de saneamento.