O galego Coque Araújo, do Waira Club Galego de Surf, proclámase Campión Nacional absoluto de Paddlesurf Race aos seus 44 anos e leva A Copa de España tras o seu 5º posto na última proba celebrada en Cabo de Paus (Murcia) neste difícil 2020.
O subcampionato foise a mans do novísimo andaluz Antonio Trasfogueiro por diante do valenciano James Van Drunen. Este título non só é a constatación unha extensa carreira deportiva chea de éxitos en diferentes modalidades de surf e do bo facer do Waira Club Galego de Surf ,que adestra actualmente en Baiona, e que xa se levou outro título nacional o pasado 31 de agosto da man de Guillermo Carracedo na categoría de ondas, se non que reflicte o bo estado deste deporte en Galicia que está a sufrir un crecemento imparable.
Coque Araújo viña de proclamarse Campión Galego un ano máis, e xa se coou entre os primeiros postos do Campionato de España en edicións anteriores, ademais de podios e vitorias en probas nacionais e internacionais, pero ata hoxe resistíaselle o título nacional absoluto que conseguiu finalmente aos seus 44 anos, idade inusual para a vitoria nesta disciplina a pesar de ser probas “de longa duración” (ao redor da hora e media).
O deportista di que aínda non sabe cales son os seus plans para 2021 salvo “..continuar gozando deste deporte que ademais me axuda a atenuar o paso dos anos.”. Tamén quixo agradecer todo o apoio privado e institucional que fai posible non só este resultado se non a continuidade do seu club que é un referente a nivel nacional: Waira, Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra, Concello de Baiona, Starboard e Federación Galega de Surf.