26.5 C
Pontevedra
Xoves, 18 de Abril de 2024
Máis
    HomeBaixo MiñoTomiñoTomiño lanza a campaña “Nadal + Nadal”, con ata 3.000 euros en...

    Tomiño lanza a campaña “Nadal + Nadal”, con ata 3.000 euros en premios mercando no comercio local

    As persoas que merquen nos comercios adheridos á campaña poderán multiplicar x2 o valor da súa compra

    Este Nadal vai ser a todas luces diferente, marcado e atravesado pola situación de pandemia actual, e desde o Concello de Tomiño teñen claro que máis que nunca é necesario dar un impulso ao comercio local para que poida afrontar a campaña natalicia do mellor xeito posible.

    É por isto que desde o goberno municipal acaban de lanzar “Nadal + Nadal”, unha campaña que terá como beneficiarios aos comercios de Tomiño e a aquelas persoas que realicen as súas compras neles. En cada local que participe na campaña instalarase unha urna na que os clientes que merquen nos comercios adheridos á campaña entre os días 12 e 26 de decembro poderán depositar o seu tique de compra —cun valor máximo de 100 euros—.

    O día 26 de decembro todas as urnas serán abertas no salón de Plenos da Casa do Concello e procederase ao sorteo, extraendo todos os tiques necesarios ata que a suma dos valores destes chegue á cantidade de 1.500 euros. Por cada tique premiado que apareza na lista, o Concello emitirá un vale polo dobre do seu valor, ata un máximo de 3.000 euros, e porase en contacto coas persoas premiadas.

    Concurso de decoración

    Coa intención de fomentar a creación dun ambiente agradable e atraente, para poder participar da campaña, os comercios de Tomiño deberán decorar os seus escaparates —ou locais comerciais no caso de non contar con este— con elementos natalicios ata o próximo 6 de xaneiro. Os comercios adheridos pasarán a formar parte dun concurso que premiará á mellor decoración, dependendo da modalidade na que estean inscritos. Os premios serán:

    1º Premio Mellor escaparate ………………………… 500,00€

    1º Premio Mellor local ………………………………….  500,00€

    2º Premio Mellor escaparate ………………………… 250,00€

    2º Premio Mellor local ………………………………….  250,00€

    Os gañadores serán escollidos polo xurado dos premios, que estará conformado por dous representantes do comercio local, dous artistas do municipio e un representante do Concello de Tomiño. O veredicto será anunciado o vindeiro 30 de decembro ás 20:30 horas no salón de plenos do Concello.

    LIBROS

    A pegada de «Ronsel»

    A editorial Galaxia vén de recuperar a súa vella colección «Ronsel», concibida nos anos 80 para darlle cabida «a novas voces e a novas temáticas das nosas letras», en palabras da propia editorial. Daquela, foi o espazo no que se deron a coñecer algúns autores que, andado o tempo, acadarían sona no noso sistema literario, como foi o caso de Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Murado. Nesta nova andaina e, polo de agora, estréase con dúas publicacións, pero anuncian novas sorpresas ao longo de todo este ano.

    Dores Tembrás, «Enxertos»

    A nostalxia é unha materia prima habitual á hora de escribir poesía, mais non fai falla chegar a tanto. Se, a cotío, esa nostalxia leva implícita certa dose de tristura morriñenta para lembrar tempos pretéritos, non sempre ten que ser así, como demostra Dores Tembrás no seu último poemario, «Enxertos». Dores mergúllase na súa propia memoria, na súa infancia na aldea e na mocidade urbanita, para poñer en práctica unha modalidade de nostalxia leda e luminosa, alonxada de tristuras e saudades

    Queridos Reis Magos…

    Nas cartas aos Reis Magos de Oriente nunca debe faltar unha boa dose de literatura, sexa cal sexa a idade do receptor. Neste andel, como facemos sempre, queremos aportar algunhas recomendacións dirixidas aos máis pequenos da casa.