O Concello de Redondela anunciou onte a suspensión do programa de conciliación do Nadal ante a complicada situación que vive o municipio pola Covid-19 e que o mantén pechado perimetralmente e no nivel máximo de restrición.
Dende que se coñeceu esta nova situación sanitaria decretada pola Xunta de Galicia, o Goberno local estudou todas as posibles alternativas para a súa celebración “sen que ningunha delas garantira plenamente a saúde e seguridade dos nenos e nenas participantes”, explicou a alcaldesa Digna Rivas.
Cómpre salientar que, para o desenvolvemento desta actividade, é preciso distribuír aos rapaces e rapazas participantes en grupos de traballo cun monitor ou monitora ao fronte de cada un. Neses grupos, que teñen un número de participantes establecido, poden convivir e interactuar menores de distintas idades.
Precisamente aí, na interactuación nenos e nenas, é onde reside o maior perigo á hora de contaxio e, polo tanto, supón un risco no soamente para as e os participantes senón para as súas familias. “Nos colexios extrémanse as precaucións para que o alumnado estea dentro das denominadas ‘burbullas’ é dicir grupos de convivencia estable para evitar riscos de contaxio –explica Digna Rivas–; a actividade de conciliación suporía romper esas ‘burbullas’ mesturando nenos e nenas de diferentes idades o que supón un evidente risco para a súa saúde”.
Segundo a Orde da Xunta de Galicia de 3 de decembro, na que se decretaba o nivel de máxima restrición no ámbito territorial de Redondela, a alcaldesa, como autoridade sanitaria, debe garantir “nas actividades, servizos e lugares de convivencia humana os dereitos e deberes sanitarios da cidadanía”.
Nesa liña, manter o programa de conciliación do Nadal suporía “un risco inaceptable ao estar falando da seguridade dos nosos fillos e fillas e das súas familias”, engadiu a alcaldesa de Redondela que pediu comprensión ás familias afectadas.