O Nadal chama á porta no Rosal cunha axenda cargada de actividades para toda a familia. “A pesar das restricións pola Covid-19 e mantendo todas as medidas de seguridade quixemos crear un ambiente de Nadal con actividades culturais e de lecer dirixidas a pequenos e maiores coas que dinamizar as nosas rúas, fomentar a presenza de veciños e veciñas e potenciar o comercio local”, explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís.
A programación arrancará o vindeiro 23 de decembro coa primeira visita do Apalpador ao Rosal e coa música de Os Monifates, música tradicional nun formato acústico con instrumentos do máis variados. Comezará ás 16.30 horas na Praza do Calvario e será necesaria inscrición previa.
Xa o día 26 de decembro pola mañá será a quenda de Os Carunchos, que percorrerán as rúas do Calvario coa súa música tradicional a partir das 11.00 horas. Pola tarde, e previa inscrición, os rosaleiros e rosaleiras poderán desfrutar do concerto de Uxía ‘Lume novo de Nadal’ no Auditorio Municipal (20.00 horas).
O luns 28 de decembro A Apalpadora volve ao Rosal, nesta ocasión da man de Iseo a Moura a partir das 17.00 horas na Praza do Calvario. O día 29 de decembro a batucada de Latexo Percusión soará polas rúas da contorna do Calvario a partir das 18.00 horas. O mércores 30 La tropa de Trapo visitará a Praza do Calvario co seu espectáculo ‘Catro Monos’, catro contos para falar de como nos relacionamos entre nós e co medio, para que nenos, nenas e maiores rían, reflexionen, cante e soñen con outro mundo posible. A partir das 17.00 horas.
Antes de despedir o ano, o día 31 ás 17.00 horas O Apalpador regresa de novo ao Rosal para visitar a nenos e nenas na Praza do Calvario. A programación de Nadal rematará o 5 de xaneiro co espectáculo Os trasgos do Thea e a chegada dos Reis Magos ao Pavillón Municipal do Rosal a partir das 17.00 horas. Para esta actividade será necesaria inscrición previa.
Ademais de todas estas actividades, o Salón de Exposicións do Concello acollerá ata xaneiro ‘Asina! Por unha canle Xabarín Club 24 horas na TVG’, unha mostra creada e cedida polo alumnado do CEIP A Guía de Moaña realizada no marco da acción da Mesa pola Normalización Lingüística para por en marcha unha proposición parlamentaria por iniciativa popular coa que conseguir unha programación infantil e xuvenil en galego dispoñible as 24 horas do día en distintas plataformas.
Todas as actividades de Nadal buscan tamén dinamizar o comercio local, levando aos rosaleiros e rosaleiras ás ruas e propiciando que realicen as súas compras no comercio de proximidade. Ademais de dispoñer dun cartel animando á mercar nestas datas no comercio local, os establecementos decoraranse con ornamentación creada polo alumnado dos centros de ensino rosaleiros.
Como ven sendo habitual, o Concello organiza todas estas actividades contando coas medidas de prevención marcadas polas autoridades sanitarias, como o aforo reducido, o mantemento das distancias de seguridade ou o uso de máscara, apostando así unha vez máis pola cultura segura.